Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Venres, 12 de agosto de 2011 Páx. 23110

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

DECRETO 167/2011, do 4 de agosto, polo que se modifica o Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas e se actualiza o dito catálogo.

A Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de aplicar medidas específicas de protección para as especies ameazadas, aprobou mediante a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, a creación do Catálogo galego de especies ameazadas.

O dito catálogo regulouse mediante o Decreto 88/2007, do 19 de abril, e nel establécese o procedemento de catalogación, descatalogación ou cambio de categoría dunha especie, previsto para cando exista información científico-técnica que así o aconselle.

De acordo con este decreto, cando o obxecto do procedemento sexa a inclusión ou exclusión dunha especie no Catálogo galego de especies ameazadas, a resolución disto realizarase mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia. Asemade, o dito decreto establece que a dirección xeral competente en materia de conservación da natureza incluirá directamente no Catálogo galego de especies ameazadas aquelas especies que foran previamente obxecto de catalogación no Catálogo nacional de especies ameazadas.

Posteriormente, mediante o Decreto 260/2007, do 13 de decembro, creouse o Observatorio Galego da Biodiversidade como órgano colexiado de asesoramento e consulta en materia de conservación da biodiversidade de Galicia, incluíndo entre as súas funcións informar a dirección xeral competente sobre a catalogación, descatalogación e cambio de categoría de ameaza das especies de fauna e flora no Catálogo galego de especies ameazadas.

Na data do 5 de marzo de 2008 solicítase por instancia da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia a catalogación de Quercus lusitanica no Catálogo galego de especies ameazadas, solicitude que recibe o informe favorable do Observatorio Galego da Biodiversidade, na súa sesión do 25 de setembro de 2008. Visto este ditame, e tras elaborar unha memoria técnico xustificativa, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza propón catalogar a poboación do monte Pindo da dita especie dentro da categoría de vulnerable.

Por último, na data do 4 de febreiro de 2011, apróbase o Real decreto 139/2011, do 4 de febreiro, para o desenvolvemento da Lista de especies silvestres en réxime de protección especial e do Catálogo español de especies ameazadas, creado mediante a Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, no cal se inclúen novas especies que contan con presenza en Galicia dentro das categorías de ameazadas, e que non figuran incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas.

O Catálogo galego de especies ameazadas estableceuse como un instrumento para a protección da biodiversidade que debe de ser dinámico e dar resposta á información dispoñible sobre o estado de conservación das especies. Neste sentido a inclusión ou exclusión dunha especie mediante decreto non se amosou como un procedemento suficientemente áxil para actualizar a catalogación das especies, sendo a aprobación mediante orde da consellería competente en materia de conservación da natureza un procedemento con suficientes garantías legais e máis áxil na súa tramitación. Por outra parte, esta figura móstrase máis coherente para lograr unha actualización paralela do Catálogo galego e o Catálogo español de especies ameazadas, xa que a Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, no seu artigo 55.2 establece que a inclusión, o cambio de categoría ou a exclusión dunha especie no Catálogo español de especies ameazadas, levaraa a cabo directamente o ministerio competente.

Este decreto ten por obxecto actualizar a lista de especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, así como modificar o procedemento para a inclusión, cambio de categoría ou exclusión dunha especie nel, que se levará a cabo mediante orde da consellería competente en materia de conservación da natureza.

En consecuencia, en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro do Medio Rural, consultados os interesados e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catro de agosto de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas.

O Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas, queda modificado como segue:

Un. O artigo 9 queda redactado do seguinte modo:

«Completado o expediente, realizarase a inclusión, exclusión ou o cambio de categoría dunha especie xa catalogada previamente no Catálogo galego de especies ameazadas, mediante orde da consellería competente en conservación da natureza, por proposta da dirección xeral competente na materia».

Dous. O anexo II relativo a taxons e poboacións catalogadas vulnerables modifícase do seguinte xeito:

Engádense no anexo II os seguintes taxons:

Plantas superiores

Código

Taxon

194.

Quercus lusitanica Lam (poboación do monte Pindo)

Moluscos

Código

Taxon

195.

Charonia lampas L.

Artrópodos

Código

Taxon

196.

Oxygastra curtisii (Dale)

Aves

Código

Taxon

197

Pandion haliaetus L.

198

Phoenicurus phoenicurus L.

Mamíferos

Código

Taxon

199

Nyctalus noctula (Scherber)

200

Nyctalus lasiopterus (Scherber)

Disposición adicional única. Descatalogación de especies xa incorporadas ao catálogo.

As especies que xa estivesen incorporadas ao catálogo e cando así resultar do procedemento correspondente, poderán tamén ser obxecto de descatalogación pola consellería competente aínda que esta non fixese a pertinente catalogación.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento.

Facúltase o titular da consellería competente en materia de gandaría para ditar os actos e as instrucións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de agosto de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural