Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Mércores, 28 de decembro de 2011 Páx. 38499

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 26 de decembro de 2011 pola que se modifica a Orde do 11 de agosto de 2011 (DOG núm. 164, do 29 de agosto de 2011), modificada pola Orde do 26 de setembro de 2011 (DOG núm. 187, do 29 de setembro de 2011) e pola Orde do 16 de decembro de 2011 (DOG núm. 241, do 20 de decembro de 2011), pola que se regula o proceso de selección de entidades colaboradoras na xestión de subvencións da Consellería de Economía e Industria para promover a sociedade da información no comercio retallista galego, se aproban as bases reguladoras das ditas subvencións e se procede á súa convocatoria para o ano 2011 cofinanciada polo Feder, no marco do Programa operativo Feder-Galicia 2007-2013.

Mediante a Orde do 11 de agosto de 2011 (DOG núm. 164, do 29 de agosto), modificada pola Orde do 26 de setembro de 2011 (DOG núm. 187, do 29 de setembro) e pola Orde do 16 de decembro de 2011 (DOG núm. 241, do 20 de decembro), regulouse o proceso de selección de entidades colaboradoras na xestión de subvencións da Consellería de Economía e Industria para promover a sociedade da información no comercio retallista galego, aprobáronse as bases reguladoras das ditas subvencións e procedeuse á súa convocatoria para o ano 2011, cofinanciada polo Feder, no marco do Programa operativo Feder-Galicia 2007-2013.

As modificacións efectuadas á citada Orde do 11 de agosto de 2011 afectaron os prazos de solicitude de adhesión como entidades colaboradoras, así como os prazos de presentación de solicitudes de axudas e de xustificación.

Na orde de convocatoria recóllense dúas fases procedementais ben diferenciadas: por unha banda , no anexo I recóllese o proceso de selección de entidades colaboradoras (IN214B), e pola outra, no anexo II recóllense as bases reguladoras para a concesión de subvencións para promover a sociedade da información no comercio retallista galego (procedemento IN214A).

Debido ao longo proceso de selección de entidades colaboradoras (procedemento IN214B) e ao atraso padecido na resolución desta fase procedemental da cal depende o inicio do prazo de presentación de solicitudes de subvención (procedemento IN214A), non resulta posible iniciar o procedemento de concesión de subvencións no exercicio 2011, polo que, co obxecto de evitar prexuízos tanto ás entidades colaboradoras xa seleccionadas como aos solicitantes de subvención, cómpre modificar a orde de convocatoria no que afecta o procedemento de concesión de subvencións, trasladando as actuacións recollidas neste procedemento para o exercicio 2012, e conservando as actuacións relativas ao proceso de selección de entidades colaboradoras desenvolvido no ano 2011 pola súa validez e plena eficacia.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modifícase o título da Orde do 11 de agosto de 2011 (DOG núm. 164, do 29 de agosto), modificada pola Orde do 26 de setembro de 2011 (DOG núm. 187, do 29 de setembro) e pola Orde do 16 de decembro de 2011 (DOG núm. 241, do 20 de decembro), pola que se regula o proceso de selección de entidades colaboradoras na xestión de subvencións da Consellería de Economía e Industria para promover a sociedade da información no comercio retallista galego, se aproban as bases reguladoras das ditas subvencións e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, cofinanciada polo Feder, no marco do Programa operativo Feder-Galicia 2007-2013, que queda redactado do xeito seguinte:

«Orde do 11 de agosto de 2011 pola que se regula o proceso de selección de entidades colaboradoras na xestión de subvencións da Consellería de Economía e Industria para promover a sociedade da información no comercio retallista galego, se aproban as bases reguladoras das ditas subvencións e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, cofinanciada polo Feder, no marco do Programa operativo Feder-Galicia 2007-2013».

Artigo 2. Modifícase o parágrafo segundo do artigo 1 da Orde do 11 de agosto de 2011, que queda redactado como segue:

«Así mesmo, por medio desta orde apróbanse as bases reguladoras das ditas subvencións e procedese á súa convocatoria para o ano 2012 (anexo II)».

Artigo 3. Modifícase o artigo 13.4 do anexo I da Orde do 11 de agosto de 2011, que queda redactado como segue:

«No prazo dun mes desde a notificación da avaliación previa positiva á entidade colaboradora, deberá realizarse a actuación subvencionable e presentar a entidade colaboradora a documentación xustificativa correspondente. En todo caso, a data límite de xustificación é o 10 de novembro de 2012».

Artigo 4. Modifícase o artigo 1.1 do anexo II da Orde do 11 de agosto de 2011, que queda redactado como segue:

«A subvención regulada por estas bases ten por obxecto promover a sociedade da información no sector do comercio retallista galego, mediante a adquisición de ordenadores, software de xestión e outros equipamentos por parte dos comerciantes retallistas galegos para o ano 2012».

Artigo 5. Modifícase o parágrafo terceiro do artigo 2.1.2.º do anexo II da Orde do 11 de agosto de 2011, que queda redactado como segue:

«Non obstante, os/as solicitantes e beneficiarios/as quedarán exentos/as de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou ser debedor/a por resolución de procedencia de reintegro, no caso de preverse tal exención na normativa orzamentaria da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012».

Artigo 6. Modifícanse os parágrafos primeiro e segundo do artigo 3.1 do anexo II da Orde do 11 de agosto de 2011, que quedan redactados como segue:

«A Consellería de Economía e Industria destinará para o financiamento deste réxime de subvencións os créditos globais correspondentes á aplicación orzamentaria dos orzamentos da comunidade autónoma para 2012, que se menciona a continuación:

Aplicación orzamentaria: 08.03.751A.770.1 “modernización e fomento da calidade no comercio retallista”, exercicio 2012: 438.396,94 €. Esta convocatoria está financiada nun 70%, polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e no 30% restante polo FCI. As actuacións previstas están comprendidas no Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, dentro do eixe 2, tema prioritario 08, actuación 08».

Artigo 7. Modifícase o artigo 5.1 do anexo II da Orde do 11 de agosto de 2011, que queda redactado como segue:

«A partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente orde do conselleiro de Economía e Industria pola que se proceda á apertura do prazo de presentación de solicitudes de subvención, iniciarase o citado prazo que permanecerá aberto ata o 10 de novembro de 2012, ou ata que se esgote o crédito orzamentario se se produce este esgotamento en data anterior. A relación íntegra de entidades colaboradoras deberá publicarse no DOG con carácter previo á citada orde de apertura do prazo de presentación de solicitudes de axuda, ou conxuntamente con esta».

Artigo 8. Modifícase o primeiro parágrafo do artigo 6.6 do anexo II da Orde do 11 de agosto de 2011, que queda redactado como segue:

«No prazo dun mes desde a notificación da avaliación previa positiva á entidade colaboradora, deberá realizarse a actuación subvencionable e presentar a entidade colaboradora a documentación xustificativa correspondente. En todo caso, a data límite de xustificación é o 10 de novembro de 2012».

Artigo 9. Modifícase o artigo 9.7 do anexo II da Orde do 11 de agosto de 2011, que queda redactado como segue:

«Os/as beneficiarios/as quedarán exentos de xustificar que se encontran ao día do pagamento das obrigas coa Facenda pública do Estado, da Administración autónoma, así como coa Seguridade Social, ou ser debedor/a por resolución de procedencia de reintegro, no caso de preverse tal exención na normativa orzamentaria da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012».

Artigo 10. Modifícanse os seguintes parágrafos dos anexos que se refiren:

1. Anexo V, folla 2: modifícase o título do anexo, que queda redactado como segue:

«declaración-compromiso para os efectos do sinalado no artigo 8.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para o procedemento IN214A-2012».

2. Anexo V, folla 3: modifícase a referencia á lexislación aplicable de acordo co previsto no artigo 1 desta orde.

Así mesmo, o último parágrafo do anexo V, folla 3, onde dí: «en todo caso, a data límite de xustificación é o 30 de decembro de 2011», queda redactado do seguinte xeito: «en todo caso, a data límite de xustificación é o 10 de novembro de 2012».

3. Anexo VII: modifícase a referencia á Orde do 11 de agosto de 2011, de acordo co previsto no artigo 1 desta orde.

Disposición derradeira.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2011.

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria