Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Mércores, 28 de decembro de 2011 Páx. 38630

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 13 de decembro de 2011 pola que se convocan para o ano 2012, en réxime de concorrencia competitiva, axudas á paralización definitiva das actividades pesqueiras dos buques pesqueiros, cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca (FEP), tramitada como anticipado de gasto para os buques que estean afectados polo Plan de xestión integral da pesca de baixura no caladoiro nacional do Cantábrico-Noroeste.

Mediante a Orde do 30 de xuño de 2010 (DOG n.º 130, do 9 de xullo) establecéronse as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas á paralización definitiva dos buques pesqueiros, cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca, en virtude do Regulamento (CE) n.º 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca (FEP). A dita orde foi modificada pola Orde do 12 de decembro de 2011 pola que se convocan axudas á paralización definitiva de buques pesqueiros para o exercicio 2012, cofinanciada co FEP, tramitada como anticipado de gasto, e se modifica a Orde do 30 de xuño de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas á paralización definitiva dos buques pesqueiros, cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca.

A Orde do 30 de xuño de 2010 establece no artigo 3 que o crédito anual existente fixarase en cada orde de convocatoria e no artigo 11 que os criterios de selección poderán ser modificados en cada convocatoria.

Polas especificidades da frota afectada polo Plan de xestión integral da pesca de baixura no caladoiro nacional Cantábrico-Noroeste, considérase axeitado facer unha convocatoria específica para estes buques de feito que se estableza, só entre eles, a concorrencia competitiva, diferenciados, polo tanto, das axudas á paralización definitiva do resto das frotas.

Por outra banda, o artigo 1.1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG n.º 34, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG n.º 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG n.º 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, mesmo cando a súa execución se realice nunha ou en varias anualidades; no primeiro caso, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da comunidade autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vai materializar a contraprestación, e no segundo, sempre que exista crédito para a primeira anualidade e que se cumpran os requisitos del artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Ademais, o artigo 3.3.3 estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

Con base no anterior, procede convocar para o ano 2012 as axudas á paralización definitiva fixando o crédito orzamentario así como os criterios de selección que se van aplicar.

Artigo 1. Convocatoria de axudas.

Convócanse para o exercicio 2012 axudas á paralización definitiva das actividades pesqueiras dos buques pesqueiros que estean afectados polo Plan de xestión integral da pesca de baixura no caladoiro nacional do Cantábrico-Noroeste, que se rexerán polas bases e condicións e de acordo co procedemento establecido na Orde do 30 de xuño de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras destas axudas (DOG n.º 130, do 9 de xullo de 2010), modificada pola Orde do 12 de decembro de 2011 pola que se convocan axudas á paralización definitiva de buques pesqueiros para o exercicio 2012, cofinanciada con FEP, tramitada como anticipado de gasto, e se modifica a Orde do 30 de xuño de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas á paralización definitiva dos buques pesqueiros, cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca.

Artigo 2. Crédito orzamentario.

1. Para o ano 2012 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.723A.770.1 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para ese ano, cun importe de 3.000.000 €. A concesión da subvención queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente.

2. O importe fixado no punto anterior deste artigo poderase ampliar con fondos incorporados e remanentes adicionais, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

3. As axudas estarán limitadas, en todo caso, á dispoñibilidade orzamentaria.

4. As axudas mencionadas contan co financiamento do FEP nun 61% e do Estado membro nun 39%.

Artigo 3. Prazo de presentación de solicitudes.

1. Para esta convocatoria de 2012 o prazo de presentación de solicitudes será ata o 31 de xaneiro de 2012, sempre que houbese como mínimo un mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. En caso contrario o prazo será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no dito diario oficial. Neste último caso, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

2. A solicitude e a documentación indicadas no artigo 8, punto 3, da Orde reguladora destas axudas (Orde do 30 de xuño de 2010 e modificación) presentaranse no Rexistro Único e de Información do complexo administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, tamén se poderá presentar na sede electrónica https://sede.xunta.es.

Artigo 4. Criterios de selección.

1. Para a convocatoria do ano 2012 os criterios de selección serán os seguintes:

a) O buque estea afectado polo Plan de xestión integral da pesca de baixura no caladoiro nacional do Cantábrico-Noroeste e a modalidade de pesca sexa cerco: 33 puntos.

b) O buque estea afectado polo Plan de xestión integral da pesca de baixura no caladoiro nacional do Cantábrico-Noroeste e a modalidade de pesca sexa palangre de fondo: 32 puntos.

c) O buque estea afectado polo Plan de xestión integral da pesca de baixura no caladoiro nacional do Cantábrico-Noroeste e a modalidade de pesca sexa artes menores e teñan unha idade igual ou superior a 60 anos: 31 puntos.

d) O buque estea afectado polo Plan de Xestión Integral da pesca de baixura no caladoiro nacional do Cantábrico-Noroeste e non este incluída nalgún dos grupos anteriores: 30 puntos.

e) Idade do buque: desde os 20 e ata os 30 anos ou máis: 1 punto por ano. Ademais, aos maiores de 30 anos e ata 50 anos engadiranse 0,25 puntos por ano.

2. En caso de empate terán prioridade os buques máis antigos e de persistir o empate os que capturen maioritariamente especies das cales existe un plan de recuperación, e de persistir o empate as que empreguen artes menos selectivas.

Disposición transitoria única.

Para esta convocatoria do ano 2012, a aqueles solicitantes da axuda que a tivesen concedida na convocatoria do ano 2011, e renunciasen, non aceptasen ou fosen declarados decaídos no seu dereito de cobramento, seralles descontado o 35% dos puntos acadados despois de aplicar os criterios de selección establecidos no artigo 4 desta orde.

Disposición derradeira única.

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2011.

Rosa M.ª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file