Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 5 de xaneiro de 2012 Páx. 869

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 27 de decembro de 2011 pola que establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da silvicultura en bosques no medio rural, en concorrencia competitiva, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2012.

O Regulamento (CE) n.º 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no seu artigo 27 establece o aumento do valor económico dos bosques. As súas disposicións de aplicación establécense no Regulamento (CE) n.º 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006.

Como resposta ás disposicións do citado Regulamento (CE) n.º 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005, a Xunta de Galicia elaborou o Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia para a etapa 2007-2013 en que se inclúe a medida 122, aumento do valor económico dos bosques para contribuír a reestruturar e desenvolver o potencial físico co obxectivo de mellorar as condicións produtivas da superficie forestal mediante actuacións de mellora silvícola.

O Regulamento de execución (UE) n.º 679/2011 da Comisión, do 14 de xullo de 2011, que modifica o Regulamento (CE) n.º 1974/2006 polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) n.º 1698/2005 do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) recolle que os Estados membros poderán establecer a contía das axudas previstas no artigo 27 do Regulamento (CE) n.º 1698/2005 baseándose en custos estándar.

O Real decreto 2128/2004, do 29 de outubro, polo que se regula o sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas, establece as normas de aplicación do dito sistema e a súa utilización como instrumento de xestión no marco do sistema integrado de xestión e control e resto de réximes de axuda relacionados coa superficie da política agrícola común. Así mesmo, a Orde do 24 de xaneiro de 2005 (DOG núm. 19, do 28 de xaneiro) da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural establece o sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas en Galicia.

A Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 27.10 do Estatuto de autonomía ten competencia exclusiva en materia de montes e aproveitamentos forestais.

A Consellería do Medio Rural, segundo o establecido no Decreto 318/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria, é o organismo competente para a xestión destas axudas que teñen como obxectivos os seguintes:

a) Mellorar silvicolamente as masas forestais existentes con especial atención á consolidación dos bosques de frondosas caducifolias e sobreiras.

b) O aumento da superficie forestal arborizada.

c) Obter montes arborizados con producións elevadas e de calidade que posibiliten o desenvolvemento da industria de transformación da madeira e a consolidación de aproveitamentos complementarios.

d) Promocionar a silvicultura de xeito que contribúa como fonte de xeración de emprego das persoas que viven no rural.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ten por obxecto a regulación do réxime xurídico propio das subvencións cuxo establecemento e xestión lle corresponde á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, organismos e demais entidades vinculadas ou dependentes desta, así como tamén ás entidades locais de Galicia, incluídos os organismos e entidades dependentes delas.

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e o Decreto 105/2006, do 22 de xuño, regulan as medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais, e a Orde do 31 de xullo de 2007 pola que se establecen os criterios para a xestión da biomasa vexetal.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

1.1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para fomentar a silvicultura en bosques no medio rural e proceder a súa convocatoria para o ano 2012 en réxime de concorrencia competitiva.

1.2. O disposto nesta orde será de aplicación para todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con exclusión de:

– Os bosques ou outras superficies forestais que sexan propiedade da Administración central ou autonómica.

– Os bosques e outras superficies forestais propiedade da Coroa.

– Os bosques propiedade de persoas xurídicas cando, polo menos, o 50% do seu capital pertenza a algunha das institucións anteriormente citas.

– Os bosques que pertenzan a empresas públicas.

Artigo 2. Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas expostas nesta orde os propietarios particulares, as sociedades e agrupacións dos ditos propietarios, as cooperativas agrarias, os pro indivisos, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas con personalidade xurídica e as comunidades de montes veciñais en man común.

Non poderán ser beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas que non sexan propietarias dos terreos obxecto de axuda. Non se admite a cesión por parte do propietario do terreo a un terceiro.

Artigo 3. Actuacións obxecto de axuda e importes.

A intensidade da axuda para estas actuacións será como máximo do 60% en zonas desfavorecidas (ver anexo IV) e do 50% noutras zonas calculándose a axuda sobre o custo real do investimento determinado no correspondente proxecto técnico.

Importes de investimento por actuación:

1. Rareos en masas de coníferas con diámetro normal medio da masa inferior a 12 cm.

1.1. Rareos en masas de coníferas con diámetro normal medio da masa inferior a 12 cm, acadando unha densidade final entre 900 e 1.100 pés/ha: 1.031,41 €/ha.

1.2. Trituración dos restos, picadura ou extracción para o seu aproveitamento como biomasa: 682,68 €/ha.

No caso das masas de Pinus sylvestris, L., as densidades máximas deste punto poderán incrementarse nun 20%.

Non se poderá solicitar a trituración dos restos, a picadura, nin a extracción para o seu aproveitamento como biomasa, no caso de que o rareo se realice de forma sistemática e mecanizada, salvo que os restos que se obteñan despois do tratamento permitan o seu aproveitamento como biomasa.

2. Rozas previas ás podas, e podas en masas de coníferas:

2.1. Rozas previas á realización de podas en masas de coníferas: 515,04 €/ha.

2.2. Podas en masas de coníferas, ata unha altura mínima de 2 m e máxima 3 m, con diámetro normal medio comprendido entre 12 e 16 cm e cunha densidade final máxima da masa despois de realizar os traballos de 900 pés/ha: 605,70 €/ha.

2.3. Podas altas en masas de coníferas, ata unha altura mínima de 4 m e máxima de 6 m cunha densidade final máxima da masa despois de realizar os traballos de 650 pés/ha, podándose como mínimo 400 pés/ha homoxeneamente distribuídos, sempre e cando se xustifique debidamente no proxecto que estes pés son para a corta final con destino á serra: 777,40 €/ha.

2.4. Trituración dos restos de poda, picadura ou extracción para o seu aproveitamento como biomasa: 682,68 €/ha.

No caso das masas de Pinus sylvestris, L., as densidades máximas deste punto poderán incrementarse nun 20%.

Dentro deste punto terá que solicitarse obrigatoriamente a poda (2.2 ou 2.3) podéndose solicitar sobre a mesma superficie as rozas previas á realización de podas (2.1). Non se solicitará na mesma superficie a poda ata 2 m (2.2) e a poda de 4 a 6 m (2.3).

3. Tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras con diámetro normal medio da masa comprendido entre os 10 e os 20 cm (consideraranse como tales aquelas cun mínimo dun 80% de superficie ocupada por frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras e cunha densidade mínima destas de 400 pés/ha):

3.1. Rozas: 696,73 €/ha.

3.2. Formación de guías en que se manifeste nitidamente a dominancia apical e poda ata 1/3 da altura como mínimo: 508,40 €/ha.

3.3. Selección de abrochos: 694,87 €/ha.

3.4. Rareos: 837,08 €/ha.

Dentro deste punto poderán solicitarse e acumularse as súas accións sobre unha mesma superficie sempre que o importe por hectárea non supere os 2.212 €.

4. Rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros cunha densidade mínima de 100 pés/ha:

4.1. Rozas: 696,73 €/ha.

4.2. Podas: 661,40 €/ha.

4.3. Tratamento fitosanitario: 131,86 €/ha.

4.4. Aumento da densidade dos soutos mediante a plantación de castiñeiro híbrido resistente á tinta: 194,77 €/ha.

Dentro deste punto, poderán solicitarse e acumularse as súas accións sobre unha mesma superficie sempre que o importe por hectárea non supere os 1.544 €.

5. Tratamentos silvícolas en masas de eucalipto co obxectivo de obter madeira de calidade para serra ou chapa, en quenda de 25 anos.

5.1. Poda en plantacións de eucalipto, cunha altura media de 8 metros e unha densidade máxima de 1.200 pés/ha, podarase un mínimo de 450 pés/ha e un máximo de 600 pés/ha, homoxeneamente distribuídos e mellor conformados, e ata unha altura mínima de 2,5 metros e máxima de 4 metros, non superando o diámetro das pólas podadas os 3 cm, 792,24 €/ha.

5.2. Rareo en plantación de eucalipto de todos os pés non podados no punto 5.1 ata deixar unha densidade máxima despois do rareo de 600 pés/ha, incluída a extracción ou eliminación de restos, 627,82 €/ha.

5.3. Selección de abrochos de eucalipto e extracción ou eliminación de restos, en terreos en que nos últimos 5 anos se realizou unha corta total da masa e a altura media dos abrochos existentes non supera os 8 metros, ata acadar unha densidade final mínima de 600 abrochos/ha e máxima de 816 abrochos/ha, homoxeneamente distribuídos e mellor conformados, deixando un só abrocho por cepa, 694,87 €/ha.

5.4. Poda de abrochos de eucalipto, ao ano seguinte ao de realizarse unha selección de abrochos (5.3), deberase podar a totalidade dos abrochos existentes ata unha altura mínima de 2,5 metros e máxima de 4 metros, 792,24 €/ha.

No caso de solicitarse axuda para o punto 5.1 é obrigatorio solicitar o punto 5.2 para a mesma superficie. Non se pode solicitar o punto 5.2 unicamente.

No caso de solicitarse axuda para o punto 5.3 é obrigatorio solicitar o punto 5.4 para a mesma superficie. Non se pode solicitar o punto 5.4 unicamente.

As actuacións indicadas nos números 1, 2, 3, 4 e 5 deste artigo non poderán solicitarse sobre unha mesma superficie.

Subvencionaranse os honorarios de redacción de proxecto, logo de solicitude, segundo o tope por hectárea indicado no anexo III de traballos, e só naqueles casos onde é obrigatoria a súa presentación.

Non se poderán solicitar as mesmas actuacións sobre superficies xa subvencionadas nas convocatorias de axudas dos anos 2001, 2002, 2003, 2004, 2005, 2006, 2007, 2008 e 2010.

O IVE non é subvencionable.

Artigo 4. Condicións técnicas dos investimentos.

4.1. Unha vez que sexa requirido pola Administración e antes da elaboración da proposta de concesión, de acordo co establecido no punto 12.3, os solicitantes presentarán un proxecto asinado por un enxeñeiro de montes ou enxeñeiro técnico forestal e nomearase un director de obra, excepto no caso de propietarios particulares de xeito individual, cunha superficie de actuación inferior as 10 hectáreas, que poderán substituír o proxecto polo anexo VI, non sendo necesario, neste caso, o nomeamento do director de obra.

O proxecto coas actuacións deberá conter como mínimo o seguinte:

– Estado legal do predio obxecto de solicitude de axuda: superficie, localización, estremeiros, accesos ...

– Descrición das actuacións que se van levar a cabo.

– Especies, densidade final, quenda da especie ...

– Cartografía: planos sobre mapas oficiais, e ficha SIXPAC.

– Indicación de se os terreos se atopan na Rede Natura 2000, en zonas de protección lateral do Camiño de Santiago ou se existen obxectos ou restos materiais que formen parte do inventario de bens de interese cultural de Galicia.

– Orzamento.

A planimetría do proxecto presentarase xeorreferenciada en coordenadas UTM, huso 29, con referencia ao datum de traballo, en ficheiro DXF (en soporte informático) ou obtido a partir dun plano de escala mínima 1:10.000, e preferentemente 1:5.000. O ficheiro DXF deberá estar estruturado da seguinte maneira:

Elementos do plano

Nivel ou capa

Color

Límite de monte

1

Azul

Límite de monteiras de actuación

2

Vermello

Pistas existentes

3

Verde

Devasas existentes

4

Amarelo

Puntos de auga existentes

5

Negro

Especies existentes na monteira (texto)

6

Negro

4.2. O proxecto ten que incluír como cartografía planos sobre mapas oficiais, preferentemente a escala 1:5.000, ou no seu defecto escala 1:10.000. No caso de CMVMC deberanse presentar a maiores planos a escala 1:25.000. En caso de agrupacións, incluirase nos planos unha referencia que permita coñecer cal é a superficie coa que participa cada membro da agrupación e, en calquera caso, ficha SIXPAC.

Nos planos presentados, deberá reflectirse indubidablemente onde se localizan os distintos tratamentos que se van efectuar na mesma parcela.

4.3. Se os traballos solicitados no proxecto se deben somete a avaliación de impacto ambiental, segundo o disposto na lexislación vixente, o solicitante deberá iniciar os trámites para a declaración de impacto ambiental.

4.4. Farase constar no proxecto se a superficie de actuación comprende zonas de protección lateral do Camiño de Santiago e solicitarase de forma interna, antes da aprobación da axuda, informe á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

4.5. Farase constar no proxecto coas actuacións se na superficie de actuación existen obxectos ou restos materiais que formen parte do Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia que regula o Decreto 232/2008, do 2 de outubro, e solicitarase de forma interna, antes da aprobación da axuda, informe á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

4.6. Farase constar no proxecto coas actuacións se a superficie de actuación se atopa dentro da Rede Natura 2000 e solicitarase de forma interna, antes da aprobación da axuda, informe ao Servizo de Conservación da Natureza, en caso de que o dito informe sexa desfavorable non se admitirá a trámite a solicitude de axuda, agás no caso de que a superficie dispoña dun plan de xestión forestal aprobado e con informe favorable do departamento competente en materia de ambiente. Non se poderán realizar solicitudes de axuda sobre hábitats prioritarios.

4.7. Nos terreos obxecto de subvención, unha vez aprobada a axuda, colocarase en lugar visible desde o acceso, como mínimo, un cartel identificativo, segundo o modelo indicado no anexo VII, Excepto no caso de propietarios particulares de xeito individual, cunha superficie de actuación inferior as 10 hectáreas en que non é necesaria a colocación do cartel.

4.8. Nos terreos obxecto de solicitude de axuda deberá cumprirse, en todo caso, o disposto na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, no Decreto 105/2006, do 22 de xuño, que regula as medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais, e na Orde do 31 de xullo de 2007 pola que se establecen os criterios para a xestión da biomasa forestal.

4.9. Poderán tramitarse peticións de axuda co obxecto de realizar traballos forestais en montes que teñan subscrito un convenio coa Xunta de Galicia, logo de informe de viabilidade do servizo provincial de montes correspondente. No caso de montes consorciados coa Xunta de Galicia poderá solicitarse axuda naquela superficie non consorciada.

4.10. En zonas cun procedemento de concentración parcelaria en execución soamente serán aprobables as axudas solicitadas en terreos en que o acordo de concentración parcelaria sexa firme. Non obstante, poderán aprobarse as axudas nos casos en que non sendo firme o acordo, transcorreron 6 meses desde a toma de posesión dos predios de substitución, logo de informe favorable do Servizo Provincial de Infraestruturas Agrarias.

4.11. Os terreos cun proceso iniciado de expropiación forzosa non poderán beneficiarse destas axudas.

4.12. No caso de existiren valores singulares de tipo xeolóxico, edáfico, botánico, faunístico, histórico, literario e paisaxístico delimitarase a súa localización e zona de influencia e excluiranse da superficie de actuación.

4.13. Os restos que se obteñan como consecuencia da realización dos coidados culturais do voo, con diámetro en punta grosa superior a 6 cm, serán triturados in situ, picados a menos de 50 cm de lonxitude e con distribución homoxénea ou ben extraídos do predio obxecto de axuda para o seu aproveitamento como biomasa, debéndose xustificar documentalmente o dito aproveitamento xunto coa notificación de remate dos traballos.

4.14. As rozas previas ás podas en masas de coníferas (2.1) soamente poderán solicitarse naqueles terreos onde a altura do mato impida a realización da poda. En ningún caso a altura das podas (2.2 e 2.3) poderá superar a metade da altura da árbore.

A poda alta (2.3) soamente poderá solicitarse en masas destinadas a obter madeira de serra de calidade, xustificándose debidamente na memoria descritiva.

4.15. A ferramenta que se empregará nos traballos de rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros deberá estar desinfectada ou esterilizada, cando se cambie de pé, para evitar a propagación de enfermidades ou pragas.

4.16. Nas superficies de actuación, os beneficiarios comprométense a cumprir co establecido no Manual de boas prácticas na xestión forestal sustentable.

4.17. Os montes con superficies superiores a 250 hectáreas deben contar cun plan técnico, proxecto de ordenación ou plan de xestión no cal se recolla a realización dos traballos solicitados ao abeiro desta orde.

4.18. No caso de tratamentos silvícolas en masas de eucalipto co obxecto de obter madeira de calidade, tanto nas podas como na selección de abrochos teñen que estar homoxeneamente distribuídos e actuar ou respectar os pés mellor conformados, a altura media non superará os oito metros. Sempre haberá que eliminar ou extraer os restos dos tratamentos.

4.19. A planta empregada deberá cumprir o Decreto 220/2007, do 15 de novembro, polo que se crea o sistema oficial para o control da produción e comercialización dos materiais forestais de reprodución e, supletoriamente, os requisitos de procedencia e calidade exterior exixidos polo Real decreto 289/2003 e sanitarios, regulados polo Real decreto 58/2005, do 21 de xaneiro.

Artigo 5. Distribución do crédito e prioridades.

5.1. Distribución do crédito.

a) Resérvanse as seguintes porcentaxes da dispoñibilidade orzamentaria indicada no artigo 14, segundo o tipo de beneficiario:

a.1. Propietarios particulares de xeito individual: 10%.

a.2. Asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrícolas, pro indivisos, as entidades locais, comunidades de bens e outras persoas xurídicas: 45%.

a.3. CMVMC con superficie total clasificada inferior ou igual a 50 hectáreas: 20%.

a.4. CMVMC con superficie total clasificada superior a 50 hectáreas: 25%.

b) Dentro de cada tipo de beneficiario segundo o tipo de traballo, distribúese o crédito do seguinte xeito:

b.1. Rareos en masas de coníferas con diámetro normal medio da masa inferior a 12 cm: 800.000 €.

b.2. Rozas previas ás podas e podas en masas de coníferas: 1.200.000 €.

b.3. Tratamentos silvícolas de masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras con diámetro normal medio da masa comprendido entre os 10 e os 20 cm: 1.000.000 €.

b.4. Rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros: 400.000 €.

b.5. Tratamentos silvícolas en masas de eucalipto co obxectivo de obter madeira de calidade, para serra ou chapa, en quenda de 25 anos. 600.000 €.

5.2. Prioridades.

Dentro de cada un dos puntos anteriores establecerase unha orde de prioridade segundo a seguinte prelación:

a) Segundo o tipo de traballo solicitado:

Punto 1. Rareos en masas de coníferas: 1 punto por hectárea de rareo.

Punto 2. Rozas previas ás podas e podas en masas de coníferas:

2.1. Rozas previas á realización de podas: 0 puntos por hectárea.

2.2. Podas entre 2 e 3 m: 1 punto por hectárea.

2.3. Podas de entre 4 e 6 m: 3 puntos por hectárea.

Punto 3. Tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras con diámetro normal medio das masas comprendido entre os 10 e os 20 cm (consideraranse como tales aquelas cun mínimo dun 80% de superficie ocupada por frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras e cunha densidade mínima destas de 400 pés/ha):

3.1. Rozas: 1 punto por hectárea.

3.2. Formación de guías nas cales se manifeste nitidamente a dominancia apical e poda ata 1/3 da altura como mínimo: 2 puntos por hectárea.

3.3. Selección de abrochos: 2 puntos por hectárea.

3.4. Rareos: 1 punto por hectárea.

Punto 4. Rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros:

4.1. Rozas: 2 punto por hectárea.

4.2. Podas: 4 puntos por hectárea.

4.3. Tratamento fitosanitario: 1 punto por hectárea.

4.4. Aumento da densidade dos soutos: 3 puntos por hectárea.

Punto 5. Tratamentos silvícolas en masas de eucalipto co obxectivo de obter madeira de calidade, para serra ou chapa, en quenda de 25 anos: 1 punto por hectárea de actuación.

b) No caso de montes veciñais en man común que invistan o 15% ou máis dos seus ingresos nos últimos tres exercicios fiscais en melloras do monte, aplicarase a puntuación maior das tres epígrafes seguintes:

– Investimentos dun 15% a un 30% dos seus ingresos nos últimos tres exercicios fiscais: 10 puntos.

– Investimentos de máis dun 30% a un 50% dos seus ingresos nos últimos tres exercicios fiscais: 15 puntos.

– Investimentos de máis dun 50% dos seus ingresos nos últimos tres exercicios fiscais: 20 puntos.

c) No caso de montes veciñais en man común sen ingresos nos últimos tres exercicios fiscais: 10 puntos.

d) Por cada membro da sociedade ou agrupación de propietarios particulares, da cooperativa agrícola, do pro indiviso (copropietarios) ou da comunidade de bens: 1 punto.

e) No caso dunha asociación ou agrupación de propietarios legalmente constituída: 20 puntos.

f) Monte con instrumento de xestión rexistrado (Orde do 12 de xuño de 1998 pola que se crea o Rexistro de Proxectos de Ordenación e Plans Técnicos de Xestión de Montes): 10 puntos.

g) Montes con certificación forestal co sistema PEFC ou FSC: 20 puntos.

h) Monte veciñal en man común sen convenio ou consorcio: 5 puntos.

No caso de empate, priorizarase por maior superficie de actuación e, de persistir o empate, de maior a menor valor das catro últimas cifras do DNI ou NIF do titular dos terreos.

No caso de que unha vez priorizados os expedientes solicitados non se cubra a totalidade do importe especificado nos distintos puntos, os importes sobrantes dos distintos puntos pasarán aos demais para facer fronte aos expedientes solicitados.

Artigo 6. Superficies forestais mínimas, máximas para solicitar axudas e superficies excluídas.

A) Superficie mínima:

1. Para montes veciñais en man común con superficie total clasificada inferior ou igual a 50 hectáreas, a superficie mínima de actuación por solicitude será de 3 hectáreas nun couto redondo. A continuidade superficial do couto redondo non se verá interrompida pola existencia de barreiras naturais ou artificiais.

2. Para montes veciñais en man común con superficie total clasificada superior a 50 hectáreas, a superficie mínima de actuación por solicitude será de 10 hectáreas nun couto redondo. A continuidade superficial do couto redondo non se verá interrompida pola existencia de barreiras naturais ou artificiais.

3. Para as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, as entidades locais, cooperativas agrícolas, pro indivisos, comunidades de bens e outras persoas xurídicas, a superficie mínima de actuación por solicitude será de 3 hectáreas nun couto redondo. A continuidade superficial do couto redondo non se verá interrompida pola existencia de barreiras naturais ou artificiais.

4. Para propietarios particulares de xeito individual: a superficie de actuación mínima por solicitude será de 1 hectárea nun couto redondo, non admitíndose máis dun couto redondo. A continuidade superficial do couto redondo non se verá interrompida pola existencia de barreiras naturais ou artificiais.

B) Superficie máxima:

1. Para comunidades de montes veciñais en man común: a superficie de actuación máxima por solicitude será de 50 hectáreas, admitíndose máis dun couto redondo sempre e cando cada un deles supere a superficie mínima de 3 hectáreas para comunidades de montes veciñais en man común con superficie total clasificada inferior ou igual a 50 hectáreas e de 10 hectáreas para comunidades de montes veciñais en man común con superficie total clasificada superior a 50 hectáreas.

2. Para sociedades e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrícolas, pro indivisos, as entidades locais, comunidades de bens e outras persoas xurídicas: a superficie máxima de actuación por solicitude será de 25 hectáreas en como máximo tres unidades de superficie en couto redondo, sempre e cando o couto redondo supere a superficie mínima. A continuidade superficial do couto redondo non se verá interrompida pola existencia de barreiras naturais ou artificiais.

3. Para propietarios particulares de xeito individual: a superficie de actuación máxima por solicitude será de 15 hectáreas nun só couto redondo.

C) Excluiranse da superficie de actuación os enclaves de extensión igual ou superior a 100 m2, pistas, estradas...

Artigo 7. Compromisos.

Os beneficiarios das axudas comprometeranse expresamente ao cumprimento das condicións previstas nesta orde.

1. Compromisos de mantemento e conservación:

a) O titular comprométese a manter a masa conforme as condicións de comprobación e a conservar a masa durante cinco anos, contados a partir da data da comprobación final e proceder á devolución do diñeiro percibido e dos seus xuros legais, se o bosque é danado ou destruído por descoido, neglixencia, cambio de uso ou falta de coidados silvícolas por parte do solicitante.

b) No caso de tratamentos silvícolas en masas de eucalipto co obxectivo de obter madeira de calidade, para serra ou chapa, o compromiso de mantemento e conservación da masa é dun mínimo de 25 anos.

c) No caso de agrupacións de propietarios:

– A responsabilidade do bo fin da actuación será exixible a cada propietario membro da agrupación.

– Os integrantes da agrupación comprométense a levar unha xestión conxunta da masa durante cinco anos, contados a partir da data da comprobación final.

2. Se unha vez efectuada a solicitude e antes da aprobación, o terreo fose obxecto dun incendio forestal ou queima do mato, o beneficiario deberá comunicalo inmediatamente, por escrito, ao Servizo de Provincial de Montes, con obxecto de adecuar a memoria descritiva das actuacións á nova realidade física do terreo antes do inicio dos traballos.

3. No caso de abandono ou destrución da masa por calquera causa, agás forza maior allea ao beneficiario, suspenderanse todas as axudas pendentes ata que sexa restaurada a superficie abandonada ou destruída, total ou parcialmente, sen prexuízo dos compromisos adquiridos e das responsabilidades que deriven. O solicitante estará obrigado a comunicar no prazo máximo dun mes os feitos e circunstancias que provocaron a destrución da totalidade ou de parte da masa.

4. O beneficiario comprométese en todo momento a facilitar as tarefas de inspección ao persoal adscrito á Consellería do Medio Rural nas materias relacionadas nesta orde.

5. Nos montes conveniados que formen parte do Sistema de Xestión Forestal Sustentable da Xunta de Galicia, os beneficiarios das axudas comprométense a cumprir co establecido no Manual de boas prácticas na xestión forestal sustentable, que forma parte do Sistema de Xestión Forestal Sustentable da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Solicitudes e documentación.

8.1. As solicitudes das axudas deberán ser cubertas no modelo formalizado para o efecto, segundo consta no anexo I adxunto, facilitados polos órganos periféricos e centrais da Consellería do Medio Rural. As ditas solicitudes presentaranse no Rexistro Único da Xunta de Galicia, nos rexistros oficiais das xefaturas territoriais ou na forma prevista no artigo 38 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e irán dirixidas ao conselleiro do Medio Rural.

De acordo co establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e unha vez aprobada pola Orde do 15 de setembro de 2011 a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, os formularios de solicitude para iniciar telematicamente os procedementos administrativos ou solicitar a prestación de servizos estarán dispoñibles a través da devandita sede (http://sede.xunta.es).

Para tal efecto, a Consellería do Medio Rural, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, ou as unidades que, se é o caso, desempeñen as competencias actuais destas, implementarán os formularios e mecanismos axeitados no ámbito desta orde.

No caso de utilización da oficina agraria virtual (OAV), dispoñible a través de http://emediorural.xunta.es/oav, determinaranse os oportunos mecanismos de comunicación para facer accesible a información da OAV a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

8.2. Neste modelo de solicitude inclúese unha declaración xurada, ao abeiro do establecido no artigo 20.4 da Lei de subvencións de Galicia, en que o solicitante declara baixo o seu xuramento e responsabilidade que todos os datos reflectidos na solicitude/declaración xurada son certos, sen prexuízo da presentación da xustificación acreditativa dos requisitos que nela se reflicten, con anterioridade á proposta de resolución da concesión, no prazo máximo de quince días desde o seu requirimento por parte da Administración.

Entre outros datos, esta declaración xurada inclúe:

– A declaración do beneficiario da axuda do conxunto de todas as solicitudes percibidas, solicitadas ou autorizadas para o mesmo proxecto ou actividade que a axuda solicitada ao abeiro desta orde, ante as administracións públicas competentes ou doutros entes.

– Os datos SIXPAC das parcelas obxecto de solicitude de axuda.

– Para todo tipo de titulares de terreos, excepto comunidades de montes veciñais en man común: a declaración xurada de ser o titular da propiedade.

– Para agrupacións de propietarios particulares (agrupación forestal) para esta petición: o consentimento de todos os propietarios e a designación dun solicitante-representante.

– Para varios copropietarios (pro indiviso) ou comunidades de bens: o consentimento de todos os copropietarios e a designación dun solicitante-representante.

8.3. Deberase cubrir obrigatoriamente todos os datos solicitados no impreso formalizado, xa que serán a base para priorizar as solicitudes presentadas.

Artigo 9. Prazos.

9.1. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

9.2. Soamente se poderá presentar unha solicitude por titular e ano e para os terreos que se atopen nun mesmo concello, agás no caso de que un titular teña terreos en dúas ou máis agrupacións forestais. No caso contrario, procederase de oficio a arquivar sen máis trámite, as solicitudes presentadas con posterioridade á primeira. Deberase empregar un impreso de solicitude para cada petición realizada sobre diferentes concellos. En cada impreso de solicitude unicamente se poderá solicitar axuda para un só apartado do artigo 3.

9.3. Os traballos obxecto de solicitude de axuda non poderán iniciarse antes da aprobación da axuda.

Artigo 10. Tramitación e documentación.

10.1. Presentada a solicitude, revisarase e, no caso de que conteña defectos ou omisións, concederase un prazo de dez (10) días hábiles para a súa emenda, coa indicación de que se non se fixese, terase por desistido da súa petición, logo de notificación nos termos que se recollen no artigo 42 da citada Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999. A notificación deste feito, por tratarse dun acto integrante dun procedemento de concorrencia competitiva e, de conformidade co establecido nos artigos 59.6.º b), 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, farase mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web da Consellería do Medio Rural á cal se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web, pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

10.2. O órgano competente para levar a cabo a tramitación desta orde de axudas é a Dirección Xeral de Montes. Os servizos provinciais de Montes proporanlle á Dirección Xeral de Montes, como órgano xestor, a aprobación das solicitudes presentadas que cumpran todos os requisitos desta orde; a Subdirección Xeral de Recursos Forestais valorará as solicitudes de axuda segundo os criterios de prioridade establecidos no artigo 7 e clasificaraas por orde decrecente.

10.3. Antes da elaboración da proposta de resolución da concesión, a Administración requirirá os solicitantes que, de acordo coa clasificación realizada atendendo aos criterios de priorización, cubran a dispoñibilidade orzamentaria, acheguen a documentación acreditativa dos datos reflectidos na declaración xurada a que se refire o punto 10.2 desta orde e que se concreta a continuación, no prazo máximo de dez días contados desde o seguinte á recepción da notificación do requirimento:

Documentación xustificativa dos requisitos reflectidos na declaración xurada:

a) En xeral:

1. Fotocopia do DNI ou NIF do beneficiario.

As persoas físicas que consintan expresamente na solicitude a autorización de comprobación por parte do órgano competente da Administración, a través de medios electrónicos, os seu datos persoais non terán que presentar a copia do DNI ou NIF.

2. As sociedades e agrupacións de propietarios particulares, comunidades de montes veciñais en man común, cooperativas agrícolas, pro indivisos, comunidades de bens, entidades locais, outras persoas xurídicas, propietarios particulares de xeito individual, con superficie de actuación igual ou superior a 10 hectáreas, deberán presentar o proxecto e unha copia, asinado por enxeñeiro de montes ou enxeñeiro técnico forestal, e o nomeamento do director de obra segundo o indicado no artigo 5 desta orde. O orzamento do proxecto non poderá ser de contía superior á cantidade estimada na solicitude.

3. Os propietarios particulares cunha superficie de actuación menor de 10 ha presentarán un documento descritivo das actuacións, ou anexo VI.

b) Para todo tipo de titulares de terreos, excepto comunidades de montes veciñais en man común:

– No caso de concentracións parcelarias sen títulos, presentarase un certificado do Servizo Provincial de Infraestruturas Agrarias e, no caso de non dispor do dito certificado, presentarase unha declaración xurada de propiedade e unha fotocopia da solicitude do dito certificado.

c) Para comunidades de montes veciñais en man común:

– Certificado do acordo tomado en asemblea xeral, asinado polo secretario, conforme autorizan o presidente da comunidade a pedir axudas á Consellería do Medio Rural para a execución das accións obxecto da solicitude.

d) Documentación complementaria:

1) Para asociacións e agrupacións de propietarios particulares:

– No caso de sociedades e agrupacións legalmente constituídas: NIF e documento acreditativo de constitución desta onde consteN as persoas que forman parte da dita sociedade ou agrupación. No caso das Sofor deberán estar inscritas no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal.

2) No caso de cooperativas agrarias: copia dos estatutos.

3) No caso de comunidades de bens: documentación acreditativa, documento asinado por todos os membros da comunidade de bens de cumprir todos os compromisos e obrigas establecidos nesta orde, así como na demais normativa concorrente e nomeamento do representante.

4) No caso doutras entidades xurídicas: copia dos estatutos ou escrituras de constitución e acreditación da persoa física que as representa.

5) No caso de entidades locais: certificado do secretario municipal conforme foi informada a comisión de goberno da solicitude de axuda.

e) Documentación adicional:

– Montes veciñais en man común que invistan como mínimo o 15% dos seus ingresos en melloras do monte nos últimos tres exercicios fiscais pechados anteriores á solicitude da axuda ou non teñan ingresos: anexo II debidamente cuberto.

– Os propietarios que soliciten tratamentos silvícolas en masas de eucalipto co obxecto de obter madeira de calidade, para serra ou para chapa, deberán presentar un compromiso de mantemento da masa de eucalipto durante unha quenda mínima de 25 anos (anexo V).

10.4. Os servizos provinciais de Montes analizarán a documentación xustificativa. No caso de discrepancia entre a solicitude/declaración xurada e a documentación acreditativa dos criterios obxecto da priorización na axuda, dado que se trata dun procedemento por concorrencia competitiva que afecta terceiros, a solicitude declararase decaída no seu dereito a trámite.

10.5. A Subdirección Xeral de Recursos Forestais emitirá un informe onde se reflicten os criterios de priorización, as solicitudes que, de acordo coa clasificación realizada atendendo a estes criterios, cubriron a dispoñibilidade orzamentaria, os solicitantes que presentaron correctamente a documentación acreditativa a que se refire o punto 12.3 desta orde, así como as incidencias que deron lugar ao decaemento en trámite dalgunha solicitude e, elevarao ao director xeral de Montes para que sexa formulada a proposta de resolución das solicitudes tramitadas correctamente e, continúe o procedemento para a súa aprobación e execución das actuacións.

Por outra banda, requirirase a documentación xustificativa aos seguintes solicitantes que, de acordo coa clasificación a que se refire o punto 12.2 desta orde, completen de novo a dispoñibilidade orzamentaria, procedendo seguidamente do mesmo xeito que se establece desde o punto 12.4.

10.6. Con base no dito informe, o director xeral de Montes formulará a proposta de resolución e, de acordo co artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, elevaraa ao conselleiro do Medio Rural.

O conselleiro do Medio Rural resolverá sobre a aprobación das axudas solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustándose aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

10.7. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de nove meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Este prazo poderase ampliar segundo o indicado no artigo 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

No caso de non recaer resolución expresa no prazo indicado, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 42 e 44 da mesma lei.

10.8. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De conformidade co establecido no artigo 59.6.º b) da indicada lei, a notificación realizarase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería do Medio Rural. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como a indicación das causas da desestimación e expresarán, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, órgano administrativo ou xudicial ante o que deben presentarse e o prazo para interpoñelos.

10.9. As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

Artigo 11. Execución e xustificación.

1. Na resolución de concesión indicarase o prazo para a execución dos traballos que con carácter xeral non será inferior a dous meses. A data límite de xustificación da subvención non poderá superar o 15 de outubro na anualidade de 2012 e o 30 de xuño na anualidade de 2013.

2. Dentro do prazo de quince días contado desde o día seguinte á notificación da concesión da axuda, o beneficiario deberá presentar no servizo de montes da provincia, unha copia compulsada do documento que acredite a titularidade dos terreos.

Cando o importe do investimento supere os 30.000 euros, en cumprimento do disposto no artigo 29, punto 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o beneficiario ademais deberá solicitar como mínimo tres ofertas a diferentes provedores. A elección entre as ofertas presentadas, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis favorable. Neste caso, dentro do prazo de quince días contados desde o día seguinte á notificación da concesión da axuda, o beneficiario deberá presentar no servizo de montes da provincia, a copia compulsada do documento que acredite a titularidade dos terreos xunto coa memoria xustificativa da elección da oferta, así como as tres ofertas presentadas polos provedores.

3. Dous funcionarios da Consellería do Medio Rural realizarán unha inspección no campo para verificar as superficies, comprobar os datos da solicitude e comprobar a viabilidade dos traballos. Esta inspección poderase realizar antes da resolución de aprobación.

4. A axuda definitiva será a resultante da comprobación final realizada por dous funcionarios da Consellería do Medio Rural, un deles distinto dos que realizaron a inspección en campo.

Coa comprobación final poderase modificar á baixa a cantidade aprobada inicialmente, no caso de que se realizase un menor número de unidades de obra das aprobadas.

No caso de que o importe xustificado polo beneficiario coa notificación de remate dos traballos, supere en máis dun 3% o importe da comprobación final realizada por dous funcionarios da Consellería do Medio Rural, reducirase a maiores a axuda a percibir resultante da comprobación final na diferenza entre ambos os importes. Non obstante, non se aplicará ningunha redución se o beneficiario pode demostrar que non é responsable da inclusión do importe xustificado.

Poderán admitirse certificacións parciais, por petición por escrito do solicitante, para importes de certificación superiores a 12.020,24 €.

5. As prórrogas serán solicitadas motivadamente e cun mes de antelación á terminación do prazo para a execución dos traballos. Terán unha duración máxima de seis meses e serán propostas polos servizos de montes ao director xeral de Montes quen elevará proposta ao conselleiro do Medio Rural, que resolverá.

6. Xunto coa notificación de remate dos traballos achegarase a seguinte documentación:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Unha memoria económica xustificativa que conterá, como mínimo, os seguintes aspectos:

– Acreditación sobre o número de unidades físicas executadas.

– Contía da subvención calculada sobre a base das actividades cuantificadas na memoria de actuación e os prezos das unidades de obra previstos no anexo III.

– Un detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia.

c) Arquivo gráfico (medición con GPS) coa superficie afectada polos traballos obxecto desta axuda.

d) As facturas en orixinal que se marcarán cun selo indicando nel a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención reflectindo, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

e) De ser o caso, documentación da planta empregada de todas as especies incluídas no anexo I e XII do Real decreto 289/2003: pasaporte fitosanitario, etiquetas e documentos do provedor consonte os modelos especificados no anexo IX do Real decreto 289/2003, cos requisitos de calidade exterior exixidos no artigo vixésimo oitavo do Decreto 220/2007.

f) Certificado final de obra emitido polo director de obra, excepto no caso de superficie inferior a 10 hectáreas, no cal figure unha relación valorada dos traballos executados.

g) Certificación bancaria a nome do titular do terreo; no caso de agrupacións nesta conta deberán ser titulares conxuntos todos os titulares que formen parte da agrupación, excepto sociedades e agrupacións legalmente constituídas. Nas agrupacións permítese a sinatura mancomunada da conta bancaria nun membro da agrupación.

7. Ao abeiro do artigo 4.4 do Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Feader, a xustificación do pagamento realizarase a través dos módulos que están recollidos no anexo III desta orde.

O pagamento da subvención realizarase, unha vez comprobada a xustificación presentada polo beneficiario, a realización dos traballos para os que se concedeu a axuda e o cumprimento dos demais requisitos fixados na normativa reguladora da subvención, pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada, calculado en función da porcentaxe subvencionada do custo final da actividade.

Artigo 12. Reintegros e perda do dereito ao cobramento da subvención.

12.1. Poderá dar lugar á perda do dereito ao cobramento da subvención ou ao seu reintegro, total ou parcialmente, se se dá algún dos seguintes supostos:

En xeral:

a) Por incumprimento das disposicións legais de aplicación, ocultar ou falsear datos ou destinar as axudas a fins distintos aos sinalados na solicitude.

b) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

c) Incumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das obrigas impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

e) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas na Lei 14/2006.

f) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables rexistrais ou de conservación de documentos, cando signifique a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade remitidas de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

g) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

h) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, segundo o establecido nesta orde, na Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

E, en particular:

j) Execución de menos do 80% das accións previstas sen autorización previa ou causa xustificada de forza maior.

k) Incumprimento dos prazos para realizar os traballos subvencionados fixados na notificación de aprobación do expediente ou, se é o caso, da prórroga concedida.

l) Modificacións graves das accións previstas, de forma que desvirtúen os obxectivos descritos nesta orde.

m) Incumprimento do ditado en calquera dos artigos desta orde que impliquen obrigas por parte do beneficiario.

Nestes supostos, a consellería reclamará directamente a devolución das cantidades aboadas en concepto de axudas e os xuros que se calcularán en función do tempo transcorrido entre a notificación ao beneficiario da obriga de reembolso e o reembolso efectivo ou a dedución da cantidade que debe reembolsarse, sen prexuízo das responsabilidades a que houber lugar.

Se se descobre que un beneficiario efectuou deliberadamente unha declaración falsa, o expediente de axuda de que se trate quedará excluído da axuda do Feader e recupéranse todos os importes que fosen aboados polo devandito expediente. Ademais, o beneficiario quedará excluído da axuda para a medida en cuestión durante o exercicio do Feader de que se trate e durante o exercicio do Feader seguinte.

12.2. Nos casos de anulación ou minoración por certificación final das cantidades inicialmente aprobadas, as dotacións orzamentarias resultantes poderán ser adxudicadas a outros peticionarios de acordo coa relación de prioridades e coa orde establecida.

12.3. Naqueles supostos nos cales o importe das subvencións recibidas polo beneficiario excedan os custos da actividade, procederase a solicitar a devolución da cantidade percibida que exceda o custo real da actividade.

Artigo 13. Controis.

13.1. A Consellería do Medio Rural realizará os controis sobre o terreo, así como as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas.

13.2. O beneficiario someterase ás actuacións de comprobación e control financeiro dos investimentos subvencionados por parte da Consellería do Medio Rural, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e as instancias de control comunitarias.

13.3. Seralles de aplicación ás axudas previstas nesta orde e non se poderá efectuar ningún pagamento sen realizar o pertinente control sobre o terreo, así como o réxime de controis, reducións e exclusión reguladas no Regulamento (CE) n.º 65/2011 polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento 1698/2005 do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

13.4. A Consellería do Medio Rural, ao abeiro do establecido no Regulamento (CE) n.º 65/2011, realizará controis administrativos de todas as solicitudes de axuda e de pagamento con respecto a todos os aspectos que sexa posible controlar en relación coa admisibilidade da solicitude, así como, controis sobre o terreo antes do pagamento final dunha mostra que represente ao menos o 4% do gasto público cada ano civil e ao menos o 5% do gasto público subvencionable en todo o período de programación, así como a posibilidade, se é o caso, de sometemento a controis a posteriori dada a posibilidade de realizar actividades de investimento.

13.5. As reducións e exclusión aplicaranse conforme establece o artigo 30 do Regulamento (CE) n.º 65/2011 polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) n.º 1698/2005 do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural, de xeito que, se o importe que pode concederse ao beneficiario en función exclusivamente da solicitude de pagamento supera o importe establecido tras o estudo da admisibilidade da solicitude en máis dun 3%, se aplicará unha redución ao importe establecido tras o estudo da admisibilidade. O importe da redución será igual á diferenza entre os dous importes.

Non obstante, non se aplicará ningunha redución se o beneficiario pode demostrar que non é responsable da inclusión do importe non subvencionable.

Artigo 14. Financiamento.

Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Deste xeito a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2012, no momento da resolución.

As accións previstas nesta orde financiaranse, no exercicio do ano 2012 e 2013, con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias:

– Ano 2012: 1.000.000 € na aplicación orzamentaria 13.05.713B.770.0.

– Ano 2013: 3.000.000 € na aplicación orzamentaria 13.05.713B.770.0.

Este orzamento pode verse incrementado con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias. No suposto de procederse á dita ampliación, terase en conta o disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Infraccións e sancións.

En materia de infraccións e sancións será de aplicación o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Alteración de condicións.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, para a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 17. Obrigas.

17.1. O beneficiario da axuda e o solicitante está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas e a levar un sistema de contabilidade separado, ou un código contable adecuado para todas as transaccións relativas ás axudas solicitadas ao abeiro desta orde.

17.2. O solicitante e o beneficiario están obrigados a realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

17.3. No caso de achado casual de obxectos e restos materiais que posúan valores que son propios do patrimonio cultural galego, o descubridor deberá comunicarllo inmediatamente á Consellería de Cultura e Turismo de conformidade coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, pola que se regula o patrimonio cultural de Galicia.

17.4. As actuacións na zona lateral de protección do Camiño de Santiago seranlle comunicadas polo solicitante á Consellería de Cultura e Turismo, co obxecto de contar coa súa autorización logo de conformidade coa Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago.

Artigo 18. Avaliación de impacto ambiental.

De conformidade co disposto no artigo 1, punto 2, do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, estarán sometidos a avaliación de impacto ambiental os proxectos recollidos nos seus anexos I e II.

Artigo 19. Medidas informativas e publicitarias.

Conforme o establecido no artigo 58 e no anexo VI do Regulamento (CE) n.º 1974/2006, o beneficiario das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader indicadas no anexo VI do referido regulamento. En particular, no caso de investimentos subvencionados cun custo total superior a 50.000 euros, o beneficiario deberá colocar unha placa explicativa na cal figurará unha descrición do proxecto, así como a bandeira europea e o lema «Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa inviste no rural».

Artigo 20. Comprobacións.

20.1. O beneficiario comprométese a someterse ás actuacións de control que deba efectuar a entidade concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e as previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás instancias comunitarias de control derivadas da aplicación do Regulamento (CE) n.º 65/2011.

20.2. A solicitude non implica ningún dereito para o peticionario mentres non exista resolución favorable á petición.

20.3. A Dirección Xeral de Montes, como órgano xestor, antes de levar a cabo a valoración das solicitudes de axuda, comprobará que os beneficiarios cumpren coas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social; nas agrupacións de propietarios todos os membros cumprirán as ditas obrigas excepto no caso de sociedades legalmente constituídas. No caso de concesión da axuda, esta comprobación tamén se levará a cabo antes de cada pagamento.

Disposición adicional primeira.

As axudas concedidas nesta orde son incompatibles coas axudas para o cesamento anticipado da actividade agraria e con calquera outro réxime de axuda comunitaria.

Disposición adicional segunda.

De conformidade co artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Disposicións derradeira primeira.

Facúltase o director xeral de Montes para ditar todas as disposicións complementarias co obxecto de executar esta orde.

Disposicións derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural

Anexo III
Cadro resumo dos importes de investimento, importe subvencionable e importe que hai que xustificar por hectárea

Actuación

Investimento total

Importe subvencionable

Importe que hai que xustificar

(Sen IVE)

Traballos silvícolas en zonas de desfavorecidas

Resto dos casos

1.1. Rareos en masas de coníferas con diámetro normal medio inferior a 12 cm cunha densidade final entre 900 e 1.100 pés/ha.

1.031,41

618,85

515,71

1.031,41 + IVE

1.2. Trituración dos restos, picadura ou extracción para o aproveitamento como biomasa.

682,68

409,61

341,34

682,68 + IVE

1.3. Tope €/ha proxecto en rareos coníferas.

47,85

28,71

23,93

47,85 + IVE

2.1. Rozas previas á realización de podas en masas de coníferas.

515,04

309,02

257,52

515,04 + IVE

2.2. Podas en masas de coníferas, ata unha altura mínima de 2 m e máxima de 3 m, con diámetro normal medio comprendido entre 12 e 16 cm e cunha densidade final máxima de 900 pés/ha.

605,70

363,42

302,85

605,70 + IVE

2.3. Podas altas en masas de coníferas, ata unha altura mínima de 4 m e máxima de 6 m cunha densidade final máxima de 650 pés/ha.

777,40

466,44

388,70

777,40 + IVE

2.4. Trituración dos restos, picadura ou extracción para o aproveitamento como biomasa.

682,68

409,61

341,34

682,68 + IVE

2.5. Tope €/ha proxecto en podas coníferas.

47,85

28,71

23,93

47,85 + IVE

3.1. Rozas.

696,73

418,04

348,37

696,73 + IVE

3.2. Formación de guías en que se manifeste nitidamente a dominancia apical e poda ata 1/3 da altura como mínimo.

508,40

305,04

254,20

508,40 + IVE

3.3. Selección abrochos.

694,87

416,92

347,44

694,87 + IVE

3.4. Rareos.

837,08

502,25

418,54

837,08 + IVE

3.5. Tope €/ha proxecto en frondosas.

47,85

28,71

23,93

47,85 + IVE

4.1. Rozas.

696,73

418,04

348,37

696,73 + IVE

4.2. Podas con funxicida.

661,40

396,84

330,70

661,40 + IVE

4.3. Tratamento fitosanitario.

131,86

79,12

65,93

131,86 + IVE

4.4. Aumento da densidade dos soutos mediante a plantación de castiñeiro híbrido resistente á tinta.

194,77

116,86

97,39

194,77 + IVE

4.5. Tope €/ha proxecto en castiñeiros.

47,85

28,71

23,93

47,85 + IVE

5.1. Poda en plantacións de eucalipto, cunha altura media de 8 metros e unha densidade máxima de 1.00 pés/ha.

792,24

475,34

396,12

792,24 + IVE

5.2. Rareo en plantación de eucalipto de todos os pés non podados no punto 5.1 e extracción ou eliminación de restos en plantacións de eucalipto.

627,82

376,69

313,91

627,82 + IVE

5.3. Selección de abrochos de eucalipto e extracción ou eliminación de restos.

694,87

416,92

347,44

694,87 + IVE

5.4. Poda de abrochos de eucalipto, ao ano seguinte ao de realizarse unha selección de abrochos.

792,24

475,34

396,12

792,24 + IVE

5.5. Tope €/ha proxecto en tratamentos silvícolas en masas eucalipto.

47,85

28,71

23,93

47,85 + IVE

0. cartel identificativo.

255,00

153,00

127,50

255,00 + IVE

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file