Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 5 de xaneiro de 2012 Páx. 836

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 27 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases que regulan as axudas para a creación e mellora de microempresas de aproveitamentos forestais, parcialmente cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2007-2013 e se convocan para o exercicio orzamentario 2012.

O Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), establece no seu artigo 52 a posibilidade de outorgar axudas para a creación e desenvolvemento de microempresas con vistas ao fomento do espírito empresarial e do desenvolvemento da estrutura económica. A Consellería do Medio Rural dispón dun Programa de desenvolvemento rural (PDR) para o período 2007-2013, cofinanciado pola Unión Europea a través do Feader nun 57,56%, seguindo as directrices do Regulamento (CE) 1698/2005 e disposicións complementarias. No PDR 2007-2013 figuran, na medida 312, axudas aos investimentos de microempresas que contribúan ao desenvolvemento rural, entre as cales figuran as empresas de aproveitamentos forestais. No Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, establécense os criterios para subvencionar os gastos no marco do PDR cofinanciados polo Feader.

O sector da transformación e comercialización de produtos forestais está considerado como un dos sectores estratéxicos para o desenvolvemento económico da zona rural e para a consolidación e diversificación do seu tecido empresarial. As empresas de aproveitamentos forestais son empresas que traballan únicamento no rural, no sector forestal. O monte é unha parte importante da economía en Galicia, cunha poboación maioritariamente rural, e a práctica totalidade das empresas de aproveitamentos forestais galegas están situadas no rural e traballan nos montes da zona, con persoal do contorno, co que implica de diversificación e dinamización da economía rural. En Galicia, a industria do serradoiro ten unha grande importancia económica e social, abastecéndose fundamentalmente de madeira dos montes galegos, ademais da industria de pasta para papel e taboleiros. Está en aumento tamén nos últimos anos o aproveitamento doutros produtos forestais.

Coa finalidade de lograr unha boa execución dos recursos dispoñibles e asegurar a calidade dos investimentos que se subvencionan, prevese a plurianualización das axudas, penalizacións por non execución de investimentos aprobados, así como a adaptación das resolucións de axuda a modificacións dos proxectos investidores, todo isto garantindo os criterios de concorrencia competitiva aplicados na concesión das axudas e dentro do marco normativo establecido pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto das axudas.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para a creación e mellora de microempresas de aproveitamentos forestais e proceder á súa convocatoria para o ano 2012 en réxime de concorrencia competitiva.

Estas axudas ampáranse no Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, do 20 de se-tembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Artigo 2. Investimentos subvencionables.

1. Investimentos produtivos.

Poderán ser subvencionables os investimentos relativos ás operacións de aproveitamento dos produtos forestais (madeira, cogomelos, castañas, plantas aromáticas e medicinais, biomasa e outros produtos forestais).

Non se considerarán substitucións de investimentos, salvo no caso de incremento de potencia, prestacións ou capacidade de produción, no que se subvencionará o diferencial de custo.

Consideraranse con carácter exclusivo os seguintes:

1.º Bens de equipamento e instalacións en empresas de recollida, manexo, acondicionamento e comercialización de produtos forestais non madeireiros (cogomelos, castañas, plantas aromáticas e medicinais, biomasa e outros produtos forestais). No caso de produtos forestais alimentarios non se considerarán os investimentos relativos ao acondicionamento.

2.º Maquinaria específica, apeiros e implementos que permitan un aproveitamento comercial da biomasa forestal: esteladoras, fendedoras de leña, empacadoras, colleitadoras ou procesadoras de biomasa.

3.º Acondicionamento e instalacións en parques intermedios de cortiza ou biomasa.

4.º Equipamentos de seguridade.

5.º Procesadoras, autocargadores, arrastradores forestais e outros equipamentos de corta e/ou saca de madeira, así como as adaptacións e implementos.

6.º Equipos tractocargadores completos e implementos forestais destes (os tractores deberán ter cabinas adaptadas para o xiro do operario sentado, proteccións forestais en cabina, rodas e baixos, e irán dotados de guindastre, cabrestante e remolque forestal de tracción. Estas adaptacións exixiranse tamén aos tractores orientados á recollida de biomasa, e limitarase o importe da máquina tractora ao 60% do valor do equipamento).

7.º Rozadoras, en número non superior aos equipamentos de saca de madeira ou biomasa propiedade da empresa.

8.º Góndolas, plataformas para o transporte da madeira ou biomasa e guindastres que se instalen nelas. O número de plataformas e guindastres limitarase ao número de equipamentos de saca (tractocargadores ou autocargadores) que teña a empresa. Non se subvencionará máis dunha góndola por empresa.

9.º Instrumentos de medición de masas forestais, en número non superior á maquinaria de saca de madeira ou de biomasa.

10.º Equipamentos informáticos ata un máximo subvencionable de 2.000 euros/empresa, descontando as axudas percibidas anteriormente por este concepto.

2. Plans e ferramentas de xestión empresarial.

Só se poderan subvencionar conxuntamente con investimentos materiais.

Poderán ser obxecto de subvención os servizos externos de diagnóstico, seguimento, certificación e execución de medidas correctoras, salvo adquisición de maquinaria, nas seguintes actuacións:

a) Consecución e actualización de licenzas para parques intermedios.

b) Implantación na empresa de ferramentas de xestión empresarial específicas da actividade para o control de custos, calidade e mantemento.

c) Preparación do proceso produtivo para a adaptación á cadea de custodia de madeira certificada, e/ou normativas de calidade e plans de mellora de xestión empresarial.

Artigo 3. Beneficiarios.

Os beneficiarios deberán cumprir todos os requisitos dun dos seguintes puntos:

1. a) Ser microempresas do sector forestal radicadas en Galicia. Tomarase a definición de microempresa incluída no anexo I do Regulamento (CE) n.º 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008. Segundo esta definición, microempresas son aquelas empresas que ocupan menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.

b) Acreditar a súa viabilidade económica mediante algunha das seguintes circunstancias:

– Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento, dun mínimo do 70% do importe deste.

– Vendas por importe superior ao triplo do investimento (no imposto de sociedades ou na declaración anual do IVE).

– Amortizacións máis beneficios superior á sexta parte dos investimentos (no imposto de sociedades ou na declaración anual do IVE).

– Contratos de venda ou prestación de servizos por importe superior ao investimento.

– Estudo de viabilidade asinado por profesional cualificado.

c) Deberán cumprir a normativa ambiental, que se acreditará coa presentación do documento de alta no imposto de actividades económicas (IAE) (ou certificación da Axencia Tributaria relativa a el) e unha declaración xurada do beneficiario de que a empresa cumpre coa normativa ambiental.

d) Deberán ter un seguro en vigor de responsabilidade civil para a actividade obxecto de subvención e un contrato de prevención de riscos laborais.

e) Deberán ter, polo menos, o 33% do cadro de persoal da empresa con contratos por tempo indefinido. Para as empresas de nova creación bastará o compromiso de acadar, como mínimo, o 33% de estabilidade laboral no remate do prazo concedido para xustificar o investimento. Non será necesario cumprir este requisito nas subvencións inferiores a 60.102 euros. As empresas xa existentes deberán comprometerse, igualmente, a acadar a mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, de ser o caso, deriven do proxecto de investimento que se subvencione.

f) Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 1, número 7 do Regulamento (CE) n.º 800/2008. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 4. Exclusións.

Non será subvencionable:

a) A adquisición de terreos, edificacións e mobiliario.

b) A adquisición de maquinaria usada.

c) Os tributos recuperables polo beneficiario, como o IVE.

d) A renovación de maquinaria que non implique incremento de potencia, prestacións ou capacidade de produción. Neste caso valorarase unicamente a diferenza de custo.

e) Os gastos de reparación e mantemento.

f) Os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro ou calquera outra figura análoga.

g) Os investimentos destinados á manipulación ou comercialización de produtos de países non comunitarios.

h) Investimentos destinados ao comercio retallista.

i) Investimentos e actuacións con axudas financiadas con fondos comunitarios.

j) Motoserras, rozadoras manuais e outras ferramentas manuais.

k) Os investimentos iniciados antes da solicitude de axudas ao abeiro desta convocatoria e/ou sen constancia oficial de non terse iniciado con anterioridade á solicitude no caso de investimentos en parques intermedios.

Artigo 5. Importe das axudas.

1. Os investimentos en bens de equipo, recollidos no artigo 2.1, terán unha subvención básica dun 30%, que poderá incrementarse ata un máximo do 40% dos gastos elixibles segundo os criterios indicados no anexo II.

Os investimentos en plans e ferramentas de xestión empresarial recollidos no artigo 2.2 subvencionaranse cunha axuda dun 40% dos gastos elixibles.

4. A axuda máxima por solicitante limitarase a 100.000 euros.

Artigo 6. Criterios de selección.

A concesión de axudas axustarase aos principios de publicidade, concorrencia competitiva e obxectividade, segundo o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A dispoñibilidade orzamentaria limitará o número de expedientes que se aprobarán.

Establécese un baremo de puntuación para seleccionar os investimentos que se van aprobar. Para iso, ordénase cada un dos investimentos solicitados de maior a menor puntuación, de acordo co baremo que se indica a continuación. Aprobaranse os investimentos así ordenados ata esgotar o orzamento. Os investimentos en plans e ferramentas de xestión empresarial recollidos no artigo 2.2 subvencionaranse xunto cos investimentos en activos materiais segundo estes se aproben en función do baremo. A inclusión dun investimento material como subvencionable dá dereito á inclusión como subvencionable de todos os investimentos en plans e ferramentas de xestión empresarial, que cumpran os requisitos, presentados pola empresa.

Cada investimento será puntuado de acordo co baremo que se indica. A puntuación resultante será a suma da aplicación dos baremos indicados nos puntos B.1 e B.2.

En caso de empate na puntuación de corte, e que non haxa orzamento suficiente para conceder a subvención a todos os investimentos coa mesma puntuación, ordenaranse estes segundo as 4 últimas cifras do NIF da empresa, de maior a menor, e irase aprobando a subvención para estes investimentos ata esgotar o orzamento.

B.1 Segundo o obxecto de investimento

Baremo

Plans e ferramentas de xestión empresarial

200

Equipamentos informáticos

200

Investimentos en bens de equipo de empresas de aproveitamento de produtos silvícolas non madeireiros excepto maquinaria para aproveitamento comercial de biomasa forestal, fendedoras de leña

200

Equipamentos de seguridade

190

Acondicionamento e instalacións en parques intermedios de cortiza ou biomasa

150

Instrumentos de medición de masas forestais

110

Equipos tractocargadores completos, autocargadores, arrastradores e outros equipos de saca de madeira

110

Rozadoras

100

Equipos completos e implementos que permitan un aproveitamento comercial da biomasa forestal, esteladoras, empacadoras, colleitadoras ou procesadoras de biomasa

100

Implementos forestais (plataformas, guindastres e adaptación das plataformas) de transporte por estrada

100

Implementos forestais de maquinaria de desembosque

80

Procesadoras forestais e cortadoras

80

Góndolas para transporte de maquinaria

10

B.2 Segundo as características da empresa

Baremo

Por cada punto porcentual de incremento de axuda, segundo o anexo II (máx. 150)

10

Por cada unidade resultante da aplicación da seguinte fórmula: [(V+T)/I] -1

V: importe de vendas da empresa, I: suma dos investimentos solicitados; T: importe de contratos de saca (máx. 60)

10

Empresas de comercialización conxunta (dun mínimo de 3 empresarios do sector con actividade nos últimos 3 anos)

100

Xerentes de idade inferior, na data de publicación desta orde, a 55 anos ou descendentes en activo na empresa

50

Empresas con mulleres xerentes, na data de publicación desta orde

20

Empresas situadas en concellos desfavorecidos (anexo III)

30

Artigo 7. Solicitudes e documentación.

1. Os interesados deberán presentar, no Rexistro Único da Xunta, nos rexistros oficiais das xefaturas territoriais ou na forma prevista no artigo 38 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a seguinte documentación dirixida ao conselleiro do Medio Rural:

a) No caso de prever investimentos en acondicionamento de parques intermedios ou instalacións neles, deberá solicitar a comprobación de non inicio dos investimentos xunto con plano con indicación da localización do parque.

b) Instancia-solicitude, asinada polo representante legal ou persoa acreditada, dirixida ao conselleiro do Medio Rural, segundo modelo que figura no anexo I desta orde. A solicitude de axudas comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellaría de Facenda da Xunta de Galicia.

c) Para cada investimento superior a 12.000 euros deberase achegar contrato, factura pro forma ou similar de 3 provedores distintos, con indicación do prazo de entrega, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren. No caso de obra civil, deberase presentar esta documentación para cada investimento superior a 30.000 euros.

O investimento subvencionable elixirase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta máis económica.

Para cada investimento inferior a 12.000 euros deberase xuntar contrato, factura pro forma ou similar dun só provedor. No caso de obra civil, deberase presentar esta documentación para cada investimento inferior a 30.000 euros.

d) Certificación da condición de microempresa, segundo o anexo IV. Os empresarios autónomos deberán cubrir as letras b) e) e f). Deberán estar cubertos todos os datos que sexan procedentes segundo o tipo de solicitante. Os datos económicos serán referidos aos do ano 2010, e os de persoal serán referidos ao mes anterior ao anterior ao da publicación da orde.

e) Declaración relativa a outras axudas solicitadas para os mesmos investimentos para os que se solicita subvención ao abeiro desta orde segundo o anexo V.

f) Memoria onde se desenvolvan os puntos relacionados no anexo VI desta orde.

g) Ficha cos datos da empresa, segundo as distintas follas do anexo VII, con todos os datos cubertos que procedan segundo o tipo de empresa e asinada na última folla.

h) Copia dos seguintes documentos:

– Último imposto de sociedades ou, no seu defecto, do IRPF.

– Copia cotexada do DNI/NIF do solicitante. Ao abeiro do Decreto 255/2008, as persoas físicas que consintan expresamente na solicitude a autorización de comprobación dos seus datos persoais por parte do órgano competente da Administración, a través de medios electrónicos, non terán que presentar a copia do DNI ou NIF.

– Últimos TC1, TC2 e TC1/8 anteriores á publicación da orde ou certificado da Seguridade Social de non ter traballadores no réxime xeral e/ou agrario.

– Último recibo de pagamento dos autónomos da empresa.

– Documento de alta no imposto de actividades económicas (IAE) ou certificación da Axencia Tributaria relativa a el.

– Póliza do seguro de responsabilidade civil e recibo actualizado.

– Contrato dun servizo de prevención de riscos laborais e recibo actualizado.

i) Documentación xustificativa da viabilidade da empresa, segundo o indicado no artigo 3.

j) No caso dos investimentos do artigo 2.2 (plans e ferramentas de xestión empresarial): memoria asinada detallada do contido que se vai desenvolver.

k) No caso de maquinaria que estea supeditada a súa subvención a que a empresa teña maquinaria de saca en propiedade, como é o caso de rozadoras, plataformas con guindastre para transporte por estrada, góndolas, etc., deberán presentar unha declaración xurada de que a empresa posúe maquinaria de saca en propiedade ou, no seu defecto, compromiso de que no momento da solicitude de cobramento final a vai posuír.

l) No caso de acondicionamento ou instalacións en parques intermedios:

– Plano asinado onde veña reflectida a situación do parque.

– Licenza municipal de actividade e, de ser o caso, licenza de obra. No seu defecto, poderán presentar solicitude de licenza no concello e informe urbanístico favorable, e terán que presentar, neste caso, a licenza xunto coa solicitude de cobramento final da subvención.

m) No caso de investimentos para biomasa: contrato de subministración de biomasa ou xustificación documental de que o investimento está orientado a un aproveitamento comercial da biomasa.

2. De acordo ao establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes, e unha vez aprobada por Orde de 15 de setembro de 2011 a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, os formularios de solicitude para iniciar telematicamente os procedementos administrativos ou solicitar a prestación de servizos deberán estar dispoñibles a través da dita sede (http://sede.xunta.es).

Para tal efecto, a Consellería do Medio Rural, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, ou as unidades que no seu caso tivesen as competencias actuais delas, implementarán os formularios e mecanismos axeitados no marco desta orde.

No caso de utilización da Oficina Agraria Virtual (OAV) dispoñible a través de http://emediorural.xunta.es/oav, determinaranse os oportunos mecanismos de comunicación para facer accesible a información da OAV a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes e convocatorias.

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9. Tramitación e concesión de axudas.

1. A tramitación corresponde á Dirección Xeral de Montes.

Presentada a solicitude, revisarase e, no caso de que conteña defectos ou omisións, concederase un prazo de dez (10) días hábiles para a súa emenda, coa indicación de que se non se fixese se terá por desistido da súa petición, logo de notificación nos termos que se recollen no artigo 42 da citada Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999. A notificación deste feito, por tratarse dun acto integrante dun procedemento de concorrencia competitiva e, de conformidade co establecido nos artigos 59.6.º b), 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, farase mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e, producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web da Consellería do Medio Rural, á cal se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

2. Todos os expedientes presentados polo mesmo solicitante serán considerados como un só para efectos de tramitación. Non se exixirá a presentación dos documentos que costen en poder da Xunta de Galicia, e o solicitante deberá indicar para iso o órgano e procedemento administrativo ante o que achegou tal documentación.

3. A distribución das anualidades nas axudas individuais realizarase con base nas previsións de execución comunicadas polos beneficiarios no anexo VI e nos condicionantes orzamentarios indicados no artigo 13.

4. A Dirección Xeral de Montes, como órgano xestor, valorará as solicitudes de axuda seguindo os criterios marcados no artigo 6, emitindo un informe con base no cal o director xeral de Montes formulará a proposta de resolución, de acordo co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O conselleiro do Medio Rural resolverá os expedientes.

A resolución individual e motivada notificarase ao interesado. Farase constar na resolución que a medida se subvenciona en virtude dun programa confinanciado polo Feader, así como o eixe prioritario do Programa de desenvolvemento rural de que se trate, neste caso o eixe 3, tal como figura na normativa sobre información e publicidade Feader recollida no anexo VI do Regulamento (CE) 1974/2006.

As solicitudes que, unha vez transcorridos 6 meses desde a convocatoria á que se acolleron, non tivesen unha comunicación de aprobación de axuda, poderán entenderse desestimadas segundo o establecido no artigo 44 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, sen prexuízo da obriga legal de resolver pola Administración.

Contra a resolución aprobatoria ou denegatoria, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada a solicitude por silencio administrativo; ou ben poderá ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa.

Artigo 10. Procedemento de pagamento e xustificación.

1. O prazo de xustificación finalizará o 30 de setembro de 2012 e o 31 de maio de 2013, segundo a anualidade que corresponda. Poderase conceder prórrogas de cada anualidade, de acordo co artigo 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, logo de solicitude razoada realizada cunha antelación superior a dous meses antes do remate do prazo de xustificación.

2. Para a percepción dos pagamentos, sexan parciais ou totais, deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Solicitude de cobramento da subvención.

b) Xustificación dos investimentos realizados mediante:

– Relación ordenada dos investimentos e os pagamentos efectuados (anexo IX).

– Copias cotexadas das facturas orixinais, así como copias cotexadas dos documentos bancarios de pagamento.

Nas facturas deberá figurar claramente especificado o obxecto facturado, e, no caso de maquinaria, deberán figurar os datos identificativos, marca, modelo e número de bastidor.

As facturas presentaranse en orixinal e marcaranse cun selo, indicando nel a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio, etc.), achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, xunto coa documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente pagado dentro do prazo de xustificación.

Con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 1.000 euros; neste caso o pagamento xustificarase mediante certificación expresa, asinada, datada e cuñada polo provedor, en que se faga constar a recepción do importe facturado e o medio de pagamento empregado, así como o compromiso do provedor de someterse ás actuacións de control e comprobación na súa contabilidade da realidade do pagamento. Esta certificación xuntarase á factura preceptiva.

Para gastos que non superen os 300 euros admitirase como xustificante de pagamento a factura asinada e selada polo provedor en que figure a expresión recibín en metálico.

c) Certificado bancario de conta corrente.

d) Declaración do beneficiario sobre axudas solicitadas, concedidas e/ou obtidas para os mesmos investimentos, segundo o anexo V.

e) No último pagamento presentaranse os seguintes documentos:

– Memoria (anexo VIII), indicando as actuacións executadas, as medidas correctoras implantadas e a importancia destas na actividade futura do beneficiario.

– Actualización da ficha cos datos da empresa, segundo o anexo VII da orde.

– Xustificantes das accións previstas no anexo II que se presentaron para incrementar a porcentaxe de axuda.

– Informe oficial da Seguridade Social de vida laboral do beneficiario desde o inicio do ano en que se solicitou a axuda ata a data de xustificación final dos investimentos, coa relación de traballadores e as datas de alta e baixa, ou certificado de non ter traballadores, se é o caso. Presentarase para os réximes xeral e agrario.

– Últimos recibos dos autónomos da empresa anteriores á xustificación do cobramento.

f) Específicas dos investimentos obxecto de subvención:

– Plans e ferramentas de xestión empresarial: para o pagamento final presentarase informe de seguimento do plan con detalle das accións correctoras.

– Maquinaria móbil: certificado de homologación (ou, no caso de vehículos de rodas, ficha técnica e permiso de circulación) do conxunto máquina base -modificacións- apeiros instalados en que conste o ano de fabricación da máquina, e seguro do vehículo ou de responsabilidade civil da empresa con indicación expresa do vehículo. Ademais, deberase presentar a mesma documentación dos equipamentos do mesmo tipo subvencionados anteriormente ou dos que os substituíron.

– Vehículos e implementos de transporte de madeira por estrada: documentación indicada no punto anterior, tanto dos bens obxecto de subvención como dos equipamentos de saca que condicionan a súa subvención.

– Parques intermedios de cortiza ou biomasa: deberán achegar a licenza municipal e a de obra se non foron achegadas na solicitude de subvención. No caso de instalacións, deberán presentar certificado de fabricación e homologación e certificado de conformidade coa normativa ambiental e de seguridade industrial vixente das instalacións realizadas.

3. Unha vez presentada a solicitude de cobramento final, realizarase a inspección comprobatoria de execución dos investimentos subvencionados. Os equipamentos subvencionados non poderán comezar a traballar ata que se realice a dita inspección na Comunidade Autónoma de Galicia. O feito de que se comprobe na inspección que o equipamento comezou a traballar ou que presente evidencias de que a máquina é usada, ocasionará a perda do dereito ao cobramento da subvención.

4. Poderase solicitar calquera documentación adicional relacionada co investimento subvencionado en caso de dúbida sobre o cumprimento das condicións establecidas nesta orde.

5. Unha vez comprobada a documentación presentada e realizada a inspección comprobatoria de execución dos investimentos subvencionados, a Dirección Xeral de Montes emitirá a correspondente proposta de pagamento.

6. De acordo co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderanse realizar pagamentos parciais. Os pagamentos parciais non superarán o 80% da subvención concedida.

7. Os pagamentos parciais, cando a axuda total supere os 18.000 euros, serán garantidos mediante aval bancario ou de entidade aseguradora suficiente, que se depositará por tempo indefinido a disposición da Consellería do Medio Rural na Tesouraría Xeral da Xunta de Galicia. O referido aval garantirá a cantidade anticipada máis os xuros, calculados ao xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión e por un prazo que medie entre a data de solicitude e, como mínimo, dous meses tras o remate do prazo de xustificación previsto. O certificado de depósito de aval bancario devolveráselle ao interesado unha vez que se comprobe, mediante inspección in situ, a realización material do obxecto da subvención, así como as restantes condicións da subvención. Estes avais poderán ser liberados no suposto de que se constitúan para pagamentos parciais correspondentes a fases ou partes do investimento susceptibles de avaliación independente e se comprobe a realización do investimento.

8. O pagamento da porcentaxe adicional aos investimentos en activos produtivos, recollido no artigo 5, queda condicionado á execución das accións que incrementan a axuda e ao seu seguimento por parte da empresa.

Artigo 11. Modificación da resolución e reintegros da axuda.

1. Se no transcurso da tramitación do expediente de axudas o solicitante precisase introducir modificacións a este para unha mellor xestión empresarial, ben sexa no obxecto dos investimentos subvencionados, no importe dos investimentos subvencionados ou na distribución de anualidades, solicitará autorización da Consellería do Medio Rural, xustificando as razóns do cambio e xuntando a oportuna actualización do expediente que prevexa as variacións do proxecto orixinal. O prazo para solicitar a modificación da resolución será ata os dous meses anteriores á finalización do prazo para a xustificación dos investimentos. Poderanse modificar as resolucións individuais de axuda, sempre que os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación cumpran cos criterios de selección aplicados para a concesión das axudas, sen que poida supor discriminación a terceiros.

A modificación realizarase mediante resolución do conselleiro do Medio Rural, logo de instrución do correspondente expediente de modificación e proposta motivada do director xeral de Montes, aplicando os criterios de selección do artigo 6.

2. O incumprimento das condicións establecidas nesta orde e as indicadas na resolución de concesión de subvención, así como o encontrarse nas circunstancias previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ocasionará a perda de dereito á axuda.

Se o beneficiario percibise pagamentos parciais e a execución parcial non cumprise os obxectivos iniciais previstos ou as accións do anexo II comprometidas, así como as condicións da resolución, procederase á tramitación do expediente de reintegro da subvención percibida máis os xuros de mora.

Conforme o disposto no artigo 5 do Regulamento (CE) 65/2011, do 27 de xaneiro, os xuros de mora calcularanse en función do tempo transcorrido entre a notificación ao beneficiario da obriga de reembolso e o reembolso efectivo ou a dedución da cantidade que se debe reembolsar.

3. No caso de que se xustificasen investimentos por menor importe do aprobado, a subvención que se deberá pagar será proporcional aos investimentos xustificados, sempre que estes sexan susceptibles de avaliación independente e cumpran os fins previstos inicialmente.

Aplicarase unha penalización equivalente ao 20% da axuda correspondente aos investimentos non xustificados, salvo que o beneficiario comunique a imposibilidade de executar estes investimentos cunha antelación superior a dous meses antes do remate do prazo de execución non prorrogado.

Esta penalización aplicarase tamén para as accións do anexo II non xustificadas.

4. No caso de que o importe xustificado polo beneficiario na solicitude de cobramento supere en máis dun 3% o importe da comprobación final realizada por dous funcionarios da Consellería do Medio Rural, reducirase a maiores a axuda que se deberá percibir resultante da comprobación final na diferenza entre ambos os importes. Non obstante, non se aplicará ningunha redución se o beneficiario pode demostrar que non é responsable da inclusión do importe non subvencionable.

5. Se se descubre que un beneficiario efectuou deliberadamente unha declaración falsa, o expediente de que se trate quedará excluído da axuda e recuperaranse todos os importes que fosen aboados polo dito expediente. Ademais, no caso das microempresas, o beneficiario quedará excluído da axuda para a medida en cuestión durante o exercicio do Feader de que se trate e durante o exercicio do Feader seguinte.

Artigo 12. Controis.

1. A Consellería do Medio Rural realizará os controis administrativos, controis sobre o terreo e controis a posteriori previstos no Regulamento (CE) n.º 65/2011. Os controis administrativos realizaranse sobre o 100% dos expedientes presentados e os controis sobre o terreo sobre un mínimo dun 4% do gasto público declarado á Comisión no ano natural correspondente. Esta mostra deberá sumar o 5% do gasto declarado polo mesmo concepto durante todo o período de programación. Os controis a posteriori faranse sobre unha mostra do 1% como mínimo do gasto público declarado á Comisión. Realizará tamén as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas, en especial a contabilidade e/ou a xestión técnico-económica da maquinaria.

2. O beneficiario someterase ás actuacións de comprobación e control financeiro dos investimentos subvencionados por parte da Consellería do Medio Rural, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, así como das instancias comunitarias de control respecto das operacións cofinanciadas con Feader.

3. De acordo co artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, será causa de reintegro de subvención a resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos e privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

4. Será de aplicación ás axudas previstas nesta orde o referido a controis sobre o terreo, así como o réxime de controis, reducións e exclusión reguladas no Regulamento (CE) 65/2011 polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) n.º 1698/2005 do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

Artigo 13. Financiamento.

Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Deste xeito a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente, nos orzamentos da comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2012 no momento da resolución.

As axudas concedidas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.713B.770.0, código de proxecto 2007/00/464, con 800.000 euros para o ano 2012 e 800.000 euros para o ano 2013.

Este orzamento poderá verse incrementado con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

As subvencións a microempresas financiaranse con cargo ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia, cunha achega do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) do 57,56%, do Estado do 21,42% e da Xunta de Galicia do 21,02%.

Artigo 14. Infraccións e sancións.

En materia de infraccións e sancións será de aplicación o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Alteración de condicións.

Toda alteración das condicións consideradas na concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 16. Obrigas.

1. O beneficiario da axuda está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e instancias comunitarias de control e fiscalización no caso de operacións cofinanciadas con fondos comunitarios, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. O beneficiario está obrigado a someterse a calquera actuación que a Administración concedente poida realizar para comprobar a aplicación das axudas á finalidade que determinou a súa concesión, o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión e o pagamento da axuda e o mantemento das condicións establecidas nas bases reguladoras, a convocatoria e a resolución de concesión.

3. O beneficiario non poderá substituír os equipamentos subvencionados anteriormente polos equipamentos obxecto de subvención e deberá manter os investimentos subvencionados e os requisitos que condicionaron a obtención da axuda, durante un período mínimo de 5 anos, contados desde a data da resolución de concesión da subvención.

4. O beneficiario está obrigado a levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable adecuado para todas as transaccións relativas á operación, tal e como exixe o artigo 75.1.c) i) do Regulamento (CE) n.º 1698/2005.

Artigo 17. Información e publicidade.

Conforme o establecido no artigo 58 e no anexo VI do Regulamento (CE) 1974/2006, as microempresas beneficiarias das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader indicadas no anexo VI do referido regulamento. En particular, no caso de investimentos subvencionados cun custo total superior a 50.000 €, o beneficiario deberá colocar unha placa explicativa en que figurará unha descrición do proxecto, así como a bandeira europea e o lema «Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa inviste nas zonas rurais».

Disposición adicional primeira.

As axudas serán incompatibles con calquera outra destinada aos mesmos fins que teña fondos comunitarios. Serán compatibles con outras con fondos non comunitarios ata un máximo de subvención global do 50% do custo do investimento.

Disposición adicional segunda.

De conformidade co artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional terceira.

De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Disposición adicional cuarta.

No non previsto nesta orde observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos regulamentos (CE)1974/2006, (CE) 1698/2006 e (CE)65/2011 do Consello.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o director xeral de Montes para ditar cantas disposicións complementarias considere oportunas para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO II
Accións e porcentaxe de incremento da axuda

Accións que incrementan a axuda

(nos investimentos en activos fixos produtivos)

Incremento
da axuda

Por cada curso de formación específico da actividade forestal cunha duración mínima de 20 horas, realizado por traballadores da empresa desde o 1.1.2005 (máximo 2 cursos)

1%

Por dispor de contrato de externalización das garantías dos traballadores

1%

Por pertenza a asociación profesional do sector

2%

Por ter contrato con xestor autorizado de residuos industriais

3%

Empresas coa cadea de custodia implantada nos últimos cinco anos, ou en proceso, ou con implantación anterior a cinco anos e que acompañen actualización da implantación.

(Se está certificada, ou en proceso, por auditor autorizado increméntase nun 2% adicional)

3%

Plan de control da calidade e/ou mellora da xestión empresarial

(Se está en proceso de certificación por auditor autorizado incrementarase nun 1% adicional)

1%

Empresas de comercialización conxunta

5%

Os cursos de formación deberán ter un recoñecemento oficial. Non se contabilizarán os propios dos plans de seguridade laboral. Para valorar os cursos de formación poderase achegar un compromiso mediante declaración xurada, xunto con informe favorable da asociación sectorial ou organismo capacitado para a realización do curso. Os traballadores deberán estar en activo na empresa.

As empresas novas poderán achegar compromiso de realización das accións.

Plans de adaptación á cadea de custodia e de mellora da xestión empresarial: no momento da solicitude bastará contrato ou orzamento comercial da acción e memoria en detalle do contido que se vai desenvolver.

Estas accións serán comprobadas na inspección final, analizando se efectivamente foron incorporadas ao funcionamento normal da empresa. A non execución será penalizada de acordo co indicado no artigo 11.3.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file