Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 27 de xaneiro de 2012 Páx. 4055

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía e Industria

DECRETO 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos.

No sistema económico global actual, caracterizado polo seu alto nivel de competitividade, a innovación, a investigación e o desenvolvemento tecnolóxicos configúranse como valores estratéxicos de necesario fomento por parte das administracións públicas, especialmente, nun contexto de crise coma o actual.

A Xunta de Galicia, consciente do importante papel que, como se acaba de sinalar, desempeña a actividade de I+D+i desde o punto de vista do desenvolvemento económico, realizou unha forte aposta polo seu impulso e fomento, por consideralo o xeito máis apropiado para lograr o crecemento e fortalecemento das empresas galegas existentes e a creación doutras novas, que permitan aumentar a riqueza da Comunidade Autónoma e, en consecuencia, a calidade de vida da cidadanía galega.

En todo caso, unha premisa esencial para a axeitada implementación das políticas da Xunta de Galicia en materia de I+D+i e para o cumprimento satisfactorio dos obxectivos anteriormente sinalados é a existencia dunha adecuada organización administrativa que permita unha actuación da Administración pública máis eficaz e eficiente.

A fórmula máis acaída para levar a cabo este labor, dadas as súas características, é a das axencias públicas, definidas no artigo 74.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, como entes públicos aos cales se lles encomenda a realización de actividades en réxime de descentralización funcional e xestión por obxectivos para o cumprimento dos programas específicos correspondentes a políticas públicas da Xunta de Galicia.

As axencias públicas constitúen o piar básico de calquera proceso de modernización organizativa da Administración pública, posto que introducen unha nova cultura de xestión, baseada na planificación da actividade por obxectivos e na avaliación dos resultados nun marco de maior flexibilidade e responsabilidade xestora.

Esta foi, precisamente, a opción escollida pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, en cuxa disposición adicional segunda se autoriza a creación da Axencia Galega de Innovación, adscrita á Consellería de Economía e Industria.

A finalidade da Axencia Galega de Innovación é apoiar e impulsar o crecemento e a competitividade das empresas galegas, fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas, substituíndo, deste modo, a Dirección Xeral de I+D+i, que quedará suprimida no momento da súa creación efectiva.

A creación da Axencia Galega de Innovación, autorizada, como se acaba de sinalar, na citada disposición adicional segunda, e a aprobación dos seus estatutos, incorporados como anexo, constitúen o obxecto deste decreto, que consta dun artigo único, cinco disposicións adicionais, tres disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e tres disposicións derradeiras.

Conforme sinala o artigo 54.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, por iniciativa da Consellería de Economía e Industria, vistos os informes favorables das consellerías competentes en materia de administracións públicas e facenda, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día doce de xaneiro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único. Creación da Axencia Galega de Innovación e aprobación dos seus estatutos.

En virtude da autorización prevista no punto primeiro da disposición adicional segunda da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, créase a Axencia Galega de Innovación, para o cal se aproban os seus estatutos, cuxo texto se insire no presente decreto como anexo.

Disposición adicional primeira. Constitución da Axencia Galega de Innovación.

1. A constitución da Axencia Galega de Innovación producirase coa celebración da sesión constitutiva do seu Consello Reitor, que terá lugar no prazo de dous meses desde a entrada en vigor deste decreto.

2. Na data de constitución da Axencia Galega de Innovación quedará suprimida a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Economía e Industria. A Axencia subrogarase na totalidade dos seus dereitos e obrigas derivados do exercicio das correspondentes competencias e sucederaa en todas as súas competencias e funcións. Resultarán igualmente suprimidas a Subdirección Xeral de Xestión do PGDIT e a Subdirección Xeral de Innovación Empresarial e os servizos delas dependentes.

3. Todas as referencias normativas relativas á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación se entenderán referidas á Axencia Galega de Innovación.

Disposición adicional segunda. Integración e adscrición de persoal.

Quedan adscritos á Axencia Galega de Innovación, no momento da súa constitución efectiva, as unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior a servizo previstos na relación de postos de traballo correspondentes á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, coas dotacións existentes no momento de creación da Axencia. A adscrición efectuarase aos órganos da estrutura orgánica da Axencia previstos nos seus estatutos, segundo se dispoña por resolución da Dirección. Estas unidades e postos de traballo continuarán subsistentes e serán retribuídos con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia ata que se aprobe a relación de postos de traballo correspondente á Axencia, adaptada á estrutura orgánica establecida nos seus estatutos.

Os empregados públicos da Xunta de Galicia que pasen a formar parte do persoal ao servizo da Axencia Galega de Innovación por ocuparen postos de traballo aos que correspondan funcións asignadas a ela, estarán na situación de servizo activo no seu corpo ou escala ou categoría de procedencia, conservando a súa antigüidade e o grao que tivesen consolidado e cos mesmos dereitos e obrigas que tivesen no momento da súa incorporación.

Disposición adicional terceira. Inventario.

A Axencia Galega de Innovación realizará o primeiro inventario dos bens que se lle adscriban e dos que poida adquirir para o inicio da súa actividade, antes de que transcorra un ano desde a súa posta en funcionamento.

Disposición adicional cuarta. Primeiro contrato plurianual de xestión.

O Consello Reitor da Axencia Galega de Innovación aprobará a proposta do primeiro contrato plurianual de xestión no prazo de tres meses desde a súa constitución.

Disposición adicional quinta. Creación do Rexistro de Axentes do Sistema Galego de Innovación e creación do Observatorio de Innovación de Galicia.

No prazo de seis meses desde a constitución da Axencia Galega de Innovación procederase á creación do Rexistro de Axentes do Sistema Galego de Innovación e do Observatorio de Innovación de Galicia, que quedarán adscritos á Axencia Galega de Innovación.

Disposición transitoria primeira. Servizos comúns e apoio técnico á Axencia Galega de Innovación.

1. Mentres a Axencia non dispoña dos medios persoais necesarios para acadar a súa autonomía e executar os fins que lle corresponden, os servizos comúns da Consellería de Economía e Industria continuarán exercendo, en relación coa Axencia Galega de Innovación, as competencias que teñen atribuídas respecto á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.

2. Mentres non se proceda á dotación da Asesoría Xurídica da Axencia, o asesoramento xurídico desta corresponderá á Asesoría Xurídica da Consellería de Economía e Industria, para o cal se concertará o oportuno convenio coa Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, nos termos previstos no seu regulamento orgánico.

Disposición transitoria segunda. Adscrición provisional.

1. A persoa titular da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación desempeñará provisionalmente as funcións de directora ou director da Axencia desde a data de constitución desta ata a designación da persoa titular da Dirección da Axencia.

2. As persoas titulares das subdireccións e dos servizos da extinta Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación desempeñarán provisionalmente as áreas e divisións da Axencia que se crean neste decreto mentres non se proceda á súa provisión regulamentaria.

Disposición transitoria terceira. Expedientes en tramitación.

Os expedientes en trámite na Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación na data de constitución da Axencia serán resoltos por esta.

Disposición derrogatoria.

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Modificación da estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

1. Modifícase o artigo 2 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, que queda coa seguinte redacción:

Artigo 2. Órganos directivos.

A Consellería de Economía e Industria estrutúrase, para o desempeño das súas funcións, nos seguintes centros directivos:

1) O/A conselleiro/a.

2) A Secretaría Xeral Técnica.

3) A Dirección Xeral de Comercio.

4) A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

5) Os órganos periféricos.

2. Suprímense os artigos 15 a 22 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

3. Incorpórase ao artigo 44.1 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, unha alínea d) co seguinte texto:

«d) A Axencia Galega de Innovación, axencia pública autonómica, cuxa creación foi autorizada pola Lei 16/2010, do 17 de decembro».

4. Modifícase o artigo 44.2.e) do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, que queda redactado do seguinte xeito:

«e) A Real Academia Galega de Ciencias, a través da Axencia Galega de Innovación».

5. As modificacións citadas producirán os seus efectos a partir da constitución da Axencia Galega de Innovación.

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento normativo.

Autorízase á persoa titular da Consellería de Economía e Industria para ditar cantas disposicións normativas sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de xaneiro de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO
Estatutos da Axencia Galega de Innovación

Capítulo I
Disposicións xerais

Sección 1.ª Configuración institucional

Artigo 1. Natureza e adscrición.

1. A Axencia Galega de Innovación é unha axencia pública autonómica encadrada nas entidades instrumentais do sector público autonómico reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. A Axencia Galega de Innovación está adscrita á Consellería de Economía e Industria e conta con personalidade xurídica propia diferenciada respecto da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, patrimonio e tesouraría propios e autonomía de xestión nos termos que precisan as leis.

Artigo 2. Finalidade e obxectivos.

1. A Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas, e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas, a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes.

2. A Axencia Galega de Innovación perseguirá os seguintes obxectivos, sen prexuízo das competencias doutros organismos e entidades e, en todo caso, en estreita colaboración con eles:

a) Liderar as políticas de innovación das administracións públicas galegas.

b) Definir e desenvolver as políticas públicas que permitan ás empresas e ao resto de axentes o desenvolvemento de iniciativas de innovación construídas a partir de coñecementos que incrementen a súa competitividade e fomenten o seu crecemento.

c) Definir e desenvolver as políticas públicas orientadas á valorización do coñecemento desenvolvido polas empresas, universidades e centros de investigación de Galicia.

d) Definir e desenvolver as políticas públicas dirixidas a incrementar a eficiencia en resultados do Sistema Galego de Innovación, avaliados mediante a implantación dun sistema de indicadores de impacto contrastable.

e) Estimular a estruturación e consolidación do Sistema Galego de I+D+i.

f) Fomentar a investigación e o desenvolvemento científico e tecnolóxico, a través de iniciativas e programas específicos na Comunidade Autónoma galega.

g) Promover as relacións de colaboración entre os distintos axentes do Sistema Galego de Innovación impulsando a creación e o fortalecemento de redes de coñecemento entre axentes públicos e privados desde unha perspectiva de intercambio e de investigación aberta.

h) Promover a progresiva internacionalización dos axentes e das iniciativas de innovación impulsando a presenza de empresas nos programas europeos de innovación e o acceso a fondos de financiamento internacionais.

i) Definir e desenvolver políticas públicas dirixidas á captación e xestión do talento que permitan, no seu conxunto, incrementar o rendemento innovador das empresas e do Sistema Galego de Innovación.

j) Coordinar os recursos autonómicos no ámbito da I+D+i e concertalos cos que se acheguen desde contribucións de plans estatais e fondos da Unión Europea.

k) Favorecer a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre os diferentes axentes e, particularmente, entre os organismos públicos de investigación e as empresas.

l) Apoiar a promoción e divulgación do coñecemento científico e tecnolóxico en Galicia, promovendo o interese da sociedade pola investigación, o desenvolvemento e a innovación.

Artigo 3. Réxime xurídico.

A Axencia Galega de Innovación axustará a súa actuación ao establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. O seu réxime xurídico interno regúlase polo dereito administrativo e o réxime xurídico externo, polo dereito privado ou polo dereito administrativo, segundo determina a normativa aplicable.

Artigo 4. Condición de medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

1. A Axencia Galega de Innovación ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos poderes adxudicadores dependentes dela, polo que está obrigada a realizar os traballos que aquela ou estes lle encomenden no ámbito das súas competencias e nos termos fixados nestes estatutos.

2. As relacións da Axencia Galega de Innovación cos poderes adxudicadores dos cales é medio propio e servizo técnico teñen natureza instrumental e non contractual, e articúlanse a través das encomendas de xestión previstas no punto 6 do artigo 24 do texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que, para todos os efectos, as ditas relacións son de carácter interno, dependente e subordinado. As encomendas ou encargos retribuiranse mediante tarifas e comportarán a facultade do órgano que as efectúa de ditar instrucións necesarias para a súa execución.

A Axencia Galega de Innovación non poderá participar nos procedementos para a adxudicación de contratos convocados polos poderes adxudicadores dos cales sexa medio propio e servizo técnico. No entanto, cando non concorra ningún licitador poderá encargárselle a execución da actividade obxecto de licitación pública.

En todo caso será de aplicación a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 5. Potestades administrativas.

Correspóndelle á Axencia Galega de Innovación, no marco das competencias que estes estatutos e, se é o caso, outras normas lle atribúan, o exercicio, de acordo coa lexislación aplicable, das potestades administrativas precisas para o cumprimento dos seus fins e funcións.

Artigo 6. Sede.

A Axencia Galega de Innovación ten a súa sede institucional en Santiago de Compostela.

Sección 2.ª Réxime básico de actuación

Artigo 7. Principio de actuación.

A actuación da Axencia Galega de Innovación estará baseada na xestión transparente por obxectivos, apoiándose no cumprimento de obxectivos claros, medibles e orientados de cara á mellora na prestación do servizo, de forma que sirva mellor aos usuarios e á sociedade.

Artigo 8. Medidas para a aplicación do principio de xestión transparente.

1. A Axencia Galega de Innovación deberá publicar na súa sede electrónica información actualizada sobre o contrato de xestión da Axencia, o plan de acción anual, o informe xeral de actividade e as contas anuais, acompañadas do informe de auditoría de contas.

2. Ademais, a través da súa sede electrónica, a Axencia deberá permitir o acceso aos documentos orixinais nos cales se contén a información sinalada no punto anterior.

Artigo 9. Competencias e funcións.

1. Para a consecución dos seus fins, correspóndenlle á Axencia Galega de Innovación o exercicio das seguintes competencias e funcións sen prexuízo das que correspondan a outras entidades integrantes do sector público autonómico:

a) A ordenación, planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias en materia de fomento da investigación que ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do establecido no artigo 27.19.º do Estatuto de autonomía de Galicia.

b) Avaliar a situación da investigación e o desenvolvemento científico-tecnolóxico na Comunidade Autónoma e o impacto das políticas públicas nela.

c) Elaborar, revisar e aprobar disposicións, plans e programas en materia de investigación, desenvolvemento e innovación, singularmente, o anteproxecto do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación e os seus programas xerais, sectoriais e horizontais.

d) Actuar como organismo de promoción, xestión e execución do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, asumindo a súa coordinación, seguimento e avaliación.

e) Coordinar as actividades e programas de investigación que as distintas consellerías e organismos realicen no cumprimento do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación e determinar as actuacións de apoio e de asistencia técnica relacionadas coas citadas actividades.

f) Planificar, coordinar, executar e supervisar actuacións en materia de innovación tecnolóxica e innovación na xestión dos sectores produtivos, de infraestruturas tecnolóxicas e de propiedade industrial e xestionar a Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia.

g) Promover proxectos de interese xeral en materia de ciencia e tecnoloxía.

h) Outorgar e xestionar subvencións nas materias da súa competencia, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia, e na normativa que a desenvolva.

i) Deseñar estratexias e elaborar e xestionar programas de captación de fondos estatais e internacionais dirixidos á innovación.

j) Informar e asesorar sobre as directrices e os programas dirixidos á captación de fondos dos programas de I+D+i no ámbito estatal e supraestatal, principalmente, os emprendidos pola Unión Europea.

k) Coordinar a xestión dos recursos públicos que a Xunta de Galicia destine ás políticas públicas de innovación, fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

l) Apoiar a formación e o crecemento de novas empresas de base tecnolóxica de alto potencial innovador capaces de construír o seu negocio a partir da explotación do coñecemento e da obtención de resultados dos procesos de investigación e desenvolvemento.

m) Apoiar a realización de tarefas de I+D+i de calidade, informando e asesorando as entidades que o requiran en materia de fomento da investigación e da innovación e elaborando estudos e recomendacións para este fin.

n) Desenvolver instrumentos concretos capaces de estimular e apoiar iniciativas e procesos de colaboración entre os principais axentes de creación e transferencia do coñecemento para promover ámbitos de excelencia.

o) Participar en institucións e foros nacionais e internacionais para a consecución dos seus fins.

p) Desenvolver todo tipo de actividades que fagan progresar a tecnoloxía, a calidade e a competitividade do sector industrial galego a través do fomento da I+D+i.

q) Exercer calquera outra función técnica, material ou xurídica que, respecto das materias da súa competencia, se lle encomende á Axencia.

2. Para o exercicio das ditas funcións, a Axencia poderá actuar tanto directamente como a través de calquera das entidades dependentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo das limitacións establecidas pola lexislación vixente no caso de que a súa actuación comporte o exercicio de potestades administrativas.

Artigo 10. Colaboración con outras administracións públicas e co sector privado.

A Axencia poderá cooperar con outras administracións públicas, no ámbito das súas respectivas competencias e funcións, e con entes do sector privado a través de convenios de colaboración.

A persoa titular da Presidencia, en calidade de máxima representación da entidade, poderá subscribir con entidades públicas e privadas convenios de colaboración excluídos da lexislación de contratos do sector público en nome da entidade que preside.

Capítulo II
Organización

Sección 1.ª Órganos de goberno

Artigo 11. Órganos de goberno.

1. Os órganos de goberno da Axencia Galega de Innovación son:

a) A Presidencia.

b) O Consello Reitor.

2. Na designación das persoas titulares e dos membros dos órganos de goberno da Axencia respectarase a paridade entre mulleres e homes.

Artigo 12. A Presidencia.

1. A Presidencia da Axencia Galega de Innovación correspóndelle á persoa titular da Consellería de Economía e Industria.

Por razóns organizativas e de oportunidade, a persoa titular da Consellería de Economía e Industria poderá propor ao Consello da Xunta o nomeamento dunha persoa para desempeñar a presidencia da Axencia no seu lugar.

2. No suposto de ausencia, vacante, enfermidade ou outro impedimento legal, a persoa titular da Dirección substituirá á persoa titular da Presidencia.

Artigo 13. Competencias da Presidencia.

1. Son competencias da persoa titular da Presidencia:

a) A representación institucional e legal da Axencia, sen prexuízo das delegacións que poida establecer no director da Axencia e das funcións que a este lle poidan corresponder.

b) As relacións da Axencia Galega de Innovación cos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das restantes administracións públicas a que dea lugar o exercicio das competencias e funcións establecidas nestes estatutos manteraas a Presidencia da Axencia no marco que, por proposta dela, estableza o Consello Reitor. A Presidencia poderá delegar o desenvolvemento ordinario das ditas relacións na persoa titular da Dirección e no persoal directivo da Axencia.

c) Presidir o Consello Reitor e desempeñar as demais competencias que, en exercicio desta función, lle correspondan, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

d) Subscribir con entidades públicas e privadas, en nome da Axencia Galega de Innovación, convenios de colaboración excluídos da lexislación de contratos do sector público, sen prexuízo da súa posible desconcentración.

e) Propor ao Consello da Xunta o nomeamento e cesamento do director da Axencia.

f) Remitir a proposta de contrato plurianual de xestión á consellería con competencias en materia de facenda e á consellería competente en materia de administracións públicas para a súa presentación ao Consello da Xunta.

g) Remitir a proposta de modificación dos estatutos da Axencia á consellería con competencias en materia de facenda e á consellería competente en materia de administracións públicas para a súa presentación ao Consello da Xunta, nos casos en que proceda.

h) Resolver os recursos de alzada interpostos contra os actos da Dirección da Axencia.

i) Calquera outra que lle atribúan estes estatutos ou as demais normas que resulten de aplicación ou, de ser o caso, delegar o seu exercicio na persoa titular da Dirección da Axencia.

2. A persoa titular da Presidencia poderá obter dos órganos regulados nos presentes estatutos os informes e ditames que sexan precisos para o correcto exercicio das funcións que ten encomendadas.

3. As relacións da Axencia cos órganos da Administración autonómica e das restantes administracións públicas, ás cales dea lugar o exercicio das competencias e funcións establecidas nestes estatutos, manteraas a Presidencia da Axencia, no marco que estableza o Consello Reitor. A Presidencia poderá delegar o desenvolvemento ordinario das ditas relacións na persoa titular da Dirección e no persoal directivo da Axencia.

Artigo 14. Definición e composición do Consello Reitor.

1. O Consello Reitor é o órgano colexiado de goberno da Axencia Galega de Innovación.

2. O Consello Reitor estará integrado polos seguintes membros:

a) Presidente/a: a persoa titular da Presidencia da Axencia.

b) Vicepresidente/a: a persoa titular da Dirección da Axencia.

c) Os seguintes vogais, nomeados pola persoa titular da consellería de adscrición:

1.º Un representante da Consellería de Economía e Industria, designado pola persoa titular desta de entre as persoas titulares dos seus órganos superiores ou de dirección.

2.º Unha persoa representante da consellería competente en materia de facenda, designada pola persoa titular desta de entre as persoas titulares dos seus órganos superiores ou de dirección.

3.º Unha persoa representante da Presidencia, designada pola persoa titular desta.

4.º Unha persoa representante de cada unha das restantes consellerías da Xunta de Galicia, designadas polas respectivas persoas titulares destas de entre as persoas titulares dos seus órganos superiores ou de dirección.

5.º Unha persoa representante das universidades galegas, proposta polo Consello Galego de Universidades.

d) Secretario/a: designado e nomeado polo Consello Reitor entre o persoal que presta servizos na Axencia. A persoa titular da Secretaría asistirá ás reunións con voz pero sen voto.

3. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou cando concorra outra causa legal xustificada:

a) A persoa titular da Vicepresidencia do Consello Reitor substituirá á persoa titular da Presidencia.

b) Os/as vogais serán substituídos polos seus respectivos suplentes, propostos pola mesma persoa ou entidade que designase os/as titulares.

c) A persoa titular da Secretaría será substituída pola persoa nomeada polo Consello Reitor para estes efectos.

Artigo 15. Competencias do Consello Reitor.

Corresponden ao Consello Reitor as seguintes competencias:

a) A aprobación das propostas de modificación de estatutos e a aprobación das normas de réxime interno.

b) A aprobación da proposta de contrato de xestión da Axencia.

c) A aprobación dos obxectivos e plans de acción anuais e plurianuais da Axencia e dos criterios cuantitativos e cualitativos de medición do cumprimento dos ditos obxectivos e do grao de eficiencia na xestión, no marco establecido polo contrato de xestión.

d) Aprobar as disposicións, plans e programas en materia de investigación, desenvolvemento e innovación, singularmente, o anteproxecto do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación e os seus programas xerais, sectoriais e horizontais.

e) A aprobación do anteproxecto de orzamento anual e da contracción de obrigas de carácter plurianual dentro dos límites fixados no contrato de xestión.

f) O seguimento, a supervisión e o control da actuación da entidade e da xestión da persoa titular da Dirección e a exixencia das responsabilidades que procedan.

g) A aprobación das contas anuais e, de ser o caso, a distribución do resultado do exercicio, consonte a lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) A aprobación dun informe xeral anual da actividade desenvolvida e de cantos extraordinarios considere necesarios sobre a súa xestión, coa valoración dos resultados obtidos e a consignación das deficiencias observadas.

i) A designación e o nomeamento da persoa titular da Secretaría do Consello Reitor.

j) O nomeamento e cesamento do persoal directivo, por proposta motivada da Dirección.

k) A proposta de aprobación e modificación da relación de postos de traballo da Axencia logo do informe favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e función pública.

l) O exercicio da potestade sancionadora, nas materias propias da súa competencia, no caso de infraccións cualificadas como moi graves pola normativa que resulte de aplicación.

m) A resolución das reclamacións previas, en asuntos civís e laborais.

n) A aprobación da iniciativa de creación ou participación de sociedades mercantís e fundacións con carácter previo ao procedemento establecido no artigo 104 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

o) Autorizar contratos laborais de duración determinada logo dos informes favorables dos centros directivos competentes en materia orzamentaria e de función pública. A selección deste persoal realizarase de acordo co previsto no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

p) Calquera outra que lle atribúan estes estatutos ou as demais normas que resulten de aplicación.

Artigo 16. Funcionamento do Consello Reitor.

1. O Consello Reitor reunirase con carácter ordinario, logo da convocatoria da Presidencia, cunha periodicidade trimestral e, en sesión extraordinaria, cando o acorde o presidente ou o soliciten a metade dos seus membros.

2. A convocatoria do Consello Reitor será realizada polo secretario cunha antelación mínima de setenta e dúas horas e incorporará a orde do día dos asuntos que se van tratar.

3. Para a válida constitución do Consello Reitor, ademais do presidente e do secretario ou de quen os substitúa, deberán estar presentes, na primeira convocatoria, a metade dos seus membros e, na segunda convocatoria, a terceira parte deles.

4. Os acordos do Consello Reitor tomaranse por maioría de votos dos seus membros presentes ou representados. En caso de empate, a Presidencia terá voto de calidade.

5. Os demais aspectos relativos ao funcionamento do Consello Reitor axustaranse ao disposto nos seus estatutos e regulamento de réxime interno; na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. O cargo no Consello Reitor non será retribuído.

7. Poderán asistir ás reunións do Pleno do Consello Reitor, con voz pero sen voto, os representantes de entidades públicas ou privadas, así como todas aquelas persoas que sexan convocadas polo presidente en calidade de expertos nalgunha das materias incluídas na orde do día.

Sección 2.ª Órganos executivos

Artigo 17. A Dirección.

1. A Dirección é o órgano executivo da Axencia e a ela correspóndelle a súa xestión ordinaria.

2. A persoa titular da Dirección será nomeada e separada polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellería de adscrición, de entre persoas que teñan experiencia en materia de innovación empresarial e titulación superior. Terá rango de director/a xeral.

3. Son funcións da Dirección:

a) Elaborar propostas de modificación dos estatutos da Axencia e proxectos de normas de réxime interior da Axencia e, se é o caso, das unidades adscritas.

b) Elaborar a proposta de contrato de xestión.

c) Elaborar a proposta dos obxectivos, dos plans de acción anuais e plurianuais da Axencia e dos criterios cuantitativos e cualitativos de medición do cumprimento dos ditos obxectivos e do grao de eficiencia na xestión, no marco establecido polo contrato de xestión.

d) Definir e propor disposicións, plans e programas en materia de investigación, desenvolvemento e innovación, singularmente, o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación e os seus programas xerais, sectoriais e horizontais.

e) A definición e posta en marcha do Observatorio de Innovación.

f) Elaborar a proposta de relación de postos de traballo da Axencia, e as súas propostas de modificación.

g) Proporlle ao Consello Reitor o nomeamento, de acordo cos criterios de profesionalidade, mérito e capacidade, do persoal directivo, así como o seu cesamento.

h) Exercer a xefatura do persoal da Axencia.

i) Impulsar, orientar, coordinar e inspeccionar as áreas, os servizos e as unidades adscritos á Axencia e ditar as instrucións e circulares relativas ao seu funcionamento.

j) Elaborar o anteproxecto de orzamentos da Axencia, así como render as contas correspondentes.

k) Autorizar as modificacións orzamentarias e incorporar o remanente de tesouraría non afectado, conforme o establecido no artigo 83 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

l) Dispor os créditos e dotacións, os recoñecementos das obrigas e a ordenación dos pagamentos da Axencia dentro dos límites que lle correspondan.

m) Autorizar os pagamentos e os gastos da Axencia.

n) Elaborar o informe anual sobre a actuación e a xestión da Axencia.

o) A proposta de resolución dos recursos administrativos, das reclamacións previas, en asuntos civís e laborais, e das reclamacións de responsabilidade patrimonial.

p) O exercicio da potestade sancionadora no caso de infraccións tipificadas como leves ou graves na normativa de aplicación.

q) Executar os acordos da Presidencia e do Consello Reitor e exercer as funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas ou delegadas.

r) Actuar, no ámbito dos contratos do sector público, como órgano de contratación da Axencia; precisará a autorización do Consello da Xunta de Galicia cando, por razón da contía, lle corresponda a este autorizar o gasto.

s) As demais que se lle atribúan na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento do sector público autonómico de Galicia, nestes estatutos ou noutras disposicións aplicables, así como calquera outra competencia da Axencia non encomendada a outro órgano dela.

4. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cunha división de Administración e Contratación, co nivel orgánico similar a xefatura de servizo, que terá as seguintes funcións:

a) A planificación, desenvolvemento e xestión da política de recursos humanos da Axencia e do seu réxime interior.

b) A tramitación, seguimento e control dos expedientes de contratación administrativa promovidos pola Axencia.

c) A xestión da execución económica e orzamentaria.

d) A tramitación dos convenios de colaboración.

e) As tarefas de arquivo e rexistro.

f) A xestión do inventario e do patrimonio da Axencia.

g) A redacción de informes e, se é o caso, das propostas de resolución dos recursos interpostos contra os actos administrativos ditados polos órganos de goberno da Axencia.

Sección 3.ª Outros órganos

Artigo 18. A Comisión de Control.

1. A Comisión de Control estará integrada por tres membros do Consello Reitor que non teñan responsabilidade na Axencia e con coñecementos en materia de xestión orzamentaria. Serán designados e nomeados pola persoa titular da Presidencia, e entre os seus membros a Presidencia nomeará un secretario. En todo caso, formará parte da Comisión de Control a persoa representante da consellería competente en materia de facenda no Consello Reitor.

2. Son funcións da Comisión de Control:

a) Elaborar o seu regulamento de réxime interno.

b) Informar o Consello Reitor coa periodicidade que este decida, e cando menos unha vez ao semestre, sobre a execución do contrato de xestión.

c) Analizar os resultados da xestión económico-financeira a través da información que, de forma periódica, deberán proporcionarlle os órganos xestores.

d) Informar o Consello Reitor sobre a execución do orzamento da Axencia. Para tal efecto, deberá recibir da Dirección informes mensuais sobre o estado de execución orzamentaria.

e) Recoller información sobre os sistemas de control e procedementos internos establecidos para asegurar o debido cumprimento das disposicións legais e demais normas aplicables, así como coñecer dos informes de auditoría de contas e informes adicionais sobre funcionamento do control interno e propor ao Consello Reitor as estratexias encamiñadas a corrixir as deficiencias observadas.

3. O funcionamento da Comisión de Control axustarase ao disposto no seu regulamento de réxime interno; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

4. O cargo na Comisión de Control non será retribuído.

Artigo 19. Asesoría Xurídica.

1. O asesoramento xurídico da Axencia corresponderalle á súa Asesoría Xurídica que, integrada por persoal funcionario da escala de letrados da Xunta de Galicia, se rexerá polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, que aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

2. Para a representación e defensa en xuízo, a Axencia poderá acordar a sinatura dun convenio coa Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia nos termos previstos no citado regulamento orgánico.

Sección 4.ª Estrutura organizativa

Artigo 20. Estrutura organizativa.

A Axencia Galega de Innovación estrutúrase internamente nas seguintes áreas, con nivel orgánico de subdirección xeral:

a) Área de Crecemento e Valorización.

b) Área de Financiamento.

Artigo 21. Área de Crecemento e Valorización.

1. A esta área correspóndelle a planificación estratéxica en materia de innovación, investigación e desenvolvemento tecnolóxico, así como o coñecemento da situación das investigacións e programas e dos proxectos en que participan os centros e institucións de Galicia, e terá as seguintes funcións:

a) O apoio á creación de novas empresas e centros tecnolóxicos.

b) A planificación de estratexias para a internacionalización da innovación.

c) O desempeño das accións precisas para a difusión de coñecementos, sensibilización social, información e promoción da ciencia e a tecnoloxía.

d) O fomento dos vínculos de relación entre as empresas e os restantes axentes do Sistema Galego de I+D+i.

e) Deseñar o mapa de capacidades do Sistema Galego de I+D+i.

f) Desenvolver programas de apoio aos grupos de investigación e centros tecnolóxicos para que incrementen os seus resultados.

g) Deseñar e fomentar políticas que permitan desenvolver, proxectar e atraer talento ás empresas e axentes do I+D+i.

h) O fomento da vixilancia tecnolóxica e a intelixencia competitiva.

i) A información e difusión en materia de propiedade industrial.

j) Calquera outra función que se lle encomende no ámbito da súa competencia.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cunha división de Xestión da Innovación, co nivel orgánico similar a xefatura de servizo, que terá as seguintes funcións:

a) A elaboración e xestión das convocatorias correspondentes aos distintos programas.

b) A elaboración de programas de talento innovador para empresas.

c) A elaboración de propostas e, se é o caso, a execución de plans específicos de apoio á formación e actualización dos xestores da innovación.

d) A elaboración e xestión de modelos de innovación aplicables ás administracións públicas galegas.

e) O rexistro de centros e institucións de investigación e plataformas tecnolóxicas.

f) A promoción e o fomento de servizos de transferencia tecnolóxica.

g) A elaboración e xestión de programas en materia de vixilancia tecnolóxica e intelixencia competitiva.

h) A xestión das funcións derivadas de acordos coa Oficina Española de Patentes e Marcas.

i) A prestación de servizos de información sobre propiedade industrial.

Artigo 22. Área de Financiamento.

1. A esta área correspóndelle o deseño e planificación de estratexias para a captación de recursos comunitarios de I+D+i, e terá atribuídas as seguintes funcións:

a) Asesorar nas distintas liñas de financiamento nacional e internacional.

b) Fomentar a participación das empresas e axentes de I+D+i nos diferentes programas de financiamento.

c) Fomentar a participación dos axentes galegos de I+D+i en distintas plataformas tecnolóxicas europeas.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cunha división de Asesoramento, Programas de Financiamento e Investimentos Estratéxicos, co nivel orgánico similar a xefatura de servizo, que terá as seguintes funcións:

a) Deseñar actuacións de información e formación sobre programas europeos e internacionais.

b) Incentivar e promover proxectos con apoio do Fondo Tecnolóxico.

c) Desenvolver ferramentas de investimento de capital risco que faciliten apostas corporativas pola innovación e o crecemento.

d) Desenvolver novos instrumentos finalistas de apoio financeiro ás estratexias de innovación nas empresas galegas.

e) Estimular o investimento privado empresarial en I+D+i, facilitando o desenvolvemento de axentes de financiamento da innovación.

f) Calquera outra función que se lle encomende no ámbito da súa competencia.

Capítulo III
Xestión transparente por obxectivos

Artigo 23. O contrato plurianual de xestión.

1. O contrato plurianual de xestión terá por obxecto regular a actividade da Axencia Galega de Innovación e as relacións recíprocas entre esta e a Administración xeral da Comunidade Autónoma, no marco da lexislación xeral e específica vixente durante o seu período de aplicación.

2. O Consello Reitor da Axencia aprobará a proposta do primeiro contrato plurianual de xestión no prazo de tres meses desde a súa constitución. Os posteriores contratos plurianuais de xestión presentaranse no último trimestre da vixencia do anterior.

3. O contrato plurianual de xestión deberá establecer, como mínimo e para o período da súa vixencia, os seguintes aspectos:

a) Os obxectivos que se persigan, os resultados que se pretende obter e, en xeral, a xestión que se vai desenvolver.

b) Os plans necesarios para alcanzar os obxectivos, con especificación dos marcos temporais correspondentes e dos proxectos asociados a cada unha das estratexias e os seus prazos temporais, así como os indicadores para avaliar os resultados obtidos.

c) O marco de actuación en materia de xestión de recursos humanos, que comprenderá a determinación das necesidades de persoal durante a vixencia do contrato, incluíndo a previsión máxima do cadro de persoal; a natureza e as características dos postos de traballo da Axencia e o seu réxime de retribucións.

d) A determinación dos recursos persoais, materiais e orzamentarios que a Administración autonómica debe soportar para a consecución dos obxectivos, establecendo o seu escenario plurianual.

e) Os efectos asociados ao grao de cumprimento dos obxectivos establecidos no que atinxe á exixencia de responsabilidade pola xestión dos órganos executivos e do persoal directivo.

f) De ser o caso, a contía da masa salarial destinada ao complemento de produtividade ou concepto equivalente do persoal laboral, segundo o establecido na normativa da función pública e nas leis anuais de orzamentos da Comunidade Autónoma. Esta contía estará vinculada estritamente ao grao de cumprimento dos obxectivos fixados, co informe previo favorable das direccións xerais competentes en materia de función pública e de orzamentos, nos termos aprobados no contrato plurianual de xestión.

g) O procedemento que se seguirá para a cobertura dos déficits anuais que, de ser o caso, se poidan producir por insuficiencia dos ingresos reais respecto dos estimados e as consecuencias de responsabilidade na xestión que, de ser o caso, se deban seguir de tales déficits.

h) O procedemento para a introdución das modificacións ou adaptacións anuais que, de ser o caso, procedan.

i) Os mecanismos que permitan a exixencia de responsabilidades a que se refire a alínea e) por incumprimento de obxectivos.

4. A aprobación do contrato plurianual de xestión terá lugar por acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería de adscrición e das competentes nas materias de administracións públicas e de facenda, nun prazo máximo de tres meses contados desde a súa presentación. No caso de non ser aprobado neste prazo, manterá a súa vixencia o contrato anterior.

O contrato plurianual de xestión aprobarase para períodos de catro anos. No caso de non ser aprobado neste prazo, manterá a súa vixencia o contrato anterior.

Artigo 24. O plan de acción anual, o informe de actividade e as contas anuais.

1. O Consello Reitor da Axencia, por proposta da súa Dirección, aprobará:

a) O plan de acción anual no marco do contrato de xestión e sobre a base dos recursos dispoñibles. O plan de acción anual comprenderá a definición dos obxectivos que se teñen que acadar no exercicio, a previsión dos resultados que se pretende obter e os instrumentos de seguimento, control e avaliación a que se ten que someter a actividade da Axencia.

b) O informe xeral da actividade correspondente ao ano inmediatamente anterior.

c) As contas anuais acompañadas do informe de auditoría de contas.

2. Os documentos a que se refire o punto anterior son públicos, e a cidadanía terá acceso ao seu contido desde a súa aprobación.

3. No primeiro trimestre de cada ano, a persoa titular da Dirección da Axencia informará á consellería de adscrición, e ás competentes en materia de administracións públicas e de facenda, verbo da execución e do cumprimento dos obxectivos fixados no contrato de xestión durante o anterior exercicio.

Capítulo IV
Réxime de persoal

Artigo 25. Persoal da Axencia.

1. A Axencia Galega de Innovación contará con persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia. En todo caso, quedan reservadas ao persoal funcionario as funcións que impliquen a participación, directa ou indirecta, no exercicio de potestades públicas ou na salvagarda dos intereses xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e das administracións públicas, así como aquelas que se determinen na normativa aplicable en materia de emprego público.

2. O persoal funcionario da Axencia réxese pola normativa reguladora do réxime do empregado público e polas súas normas de desenvolvemento.

3. Ao persoal laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma destinado na Axencia garantiránselle os dereitos e deberes que se recollen no Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, e rexerase polo texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e pola restante normativa que resulte de aplicación ao persoal laboral ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Os representantes do persoal participarán na determinación das condicións de traballo dos empregados públicos da Axencia Galega de Innovación, incluíndo os aspectos relativos á organización, estrutura e marco de actuación en materia de recursos humanos e retribucións, nos termos previstos na lexislación vixente.

5. O persoal da Axencia quedará sometido ao réxime xeral de incompatibilidades aplicable ao persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 26. Ordenación de postos de traballo.

1. A relación de postos de traballo da Axencia determinará a natureza, contido e características do desempeño e retribución de cada posto de traballo, de acordo co disposto na normativa de emprego público. Esta relación será pública e, en todo caso, os postos de nova creación integraranse na oferta de emprego público da Xunta de Galicia ou nos sistemas de provisión de postos de traballo.

2. A proposta de aprobación e modificación da relación de postos de traballo da Axencia serán acordadas polo Consello Reitor, por proposta da Dirección, logo do informe favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública.

3. A aprobación da relación de postos de traballo corresponderá ao Consello da Xunta de Galicia e na súa tramitación estará sometida á normativa xeral establecida na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia sobre estes instrumentos de planificación de persoal.

Artigo 27. Selección do persoal, provisión de postos de traballo e mobilidade.

1. Os procesos de selección do persoal funcionario e/ou laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia destinado na Axencia serán realizados polo centro directivo competente en materia de función pública e seranlles de aplicación as disposicións da lexislación galega sobre emprego público.

2. A provisión de postos de traballo e a mobilidade do persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma destinado na Axencia someteranse ao réxime xeral previsto na normativa de emprego público.

Artigo 28. Condicións de traballo e réxime retributivo.

1. A aprobación dos instrumentos polos cales se regulen as condicións de traballo do persoal destinado na Axencia e o seu réxime retributivo require informe previo e favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública e deberán ser negociados previamente coas organizacións sindicais representativas no ámbito do emprego público.

2. Os conceptos retributivos do persoal funcionario da Axencia son os establecidos na normativa reguladora da función pública de Galicia e dos orzamentos da Comunidade Autónoma. As súas contías determinaranse no marco do contrato de xestión.

3. As condicións retributivas do persoal laboral da Axencia son as establecidas no convenio colectivo aplicable e no respectivo contrato de traballo e as súas contías fixaranse de acordo co establecido no punto anterior.

4. O persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia ao servizo da Axencia poderá percibir unha parte da súa retribución como incentivo de rendemento, mediante o complemento correspondente que valore a produtividade, de conformidade coa normativa reguladora da función pública de Galicia.

Artigo 29. Persoal directivo.

1. En atención á responsabilidade, competencia técnica e relevancia das tarefas asignadas, terán consideración de persoal directivo os titulares das áreas.

2. O persoal directivo da Axencia é nomeado e separado do posto polo Consello Reitor, logo de proposta motivada da Dirección. A súa designación atenderá a principios de mérito e capacidade e a criterios de idoneidade e competencia profesional, e levarase a cabo mediante procedementos que garantan a publicidade e a concorrencia.

3. Cando o persoal directivo da Axencia teña a condición de funcionario, permanecerá na situación administrativa que lle corresponda segundo a normativa reguladora do emprego público.

Cando o persoal directivo teña a condición de persoal laboral estará sometido á relación laboral de carácter especial de alta dirección. Neste caso, a fixación das súas retribucións deberá contar cun informe previo favorable dos centros directivos da Administración xeral da Comunidade Autónoma competentes en materia de orzamentos e de función pública.

Capítulo V
Réxime patrimonial e de contratación

Artigo 30. Patrimonio.

1. A Axencia Galega de Innovación terá, para o cumprimento dos seus fins, un patrimonio propio, distinto do da Administración xeral da Comunidade Autónoma, integrado polo conxunto de bens e dereitos de que sexa titular.

2. Así mesmo, poderase acordar a adscrición á Axencia, para o cumprimento dos seus fins, dos bens do patrimonio da Administración xeral da Comunidade Autónoma de calquera titularidade, de conformidade co disposto na normativa reguladora do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 31. Bens e dereitos propios.

1. A Axencia poderá adquirir toda clase de bens e dereitos por calquera dos modos admitidos no ordenamento xurídico.

2. A afectación dos bens adquiridos, así como a adquisición e o alleamento de bens inmobles ou de dereitos sobre eles, realizarase de acordo co disposto na lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma.

Artigo 32. Bens adscritos.

A adscrición e desadscrición de bens por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma rexerase pola lexislación autonómica de patrimonio. Tales bens conservarán a súa cualificación e titularidade xurídica orixinaria e corresponderalle á Axencia o exercicio das competencias que determina a lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma para os bens adscritos.

Artigo 33. Inventario.

A Axencia Galega de Innovación, a través do seu director, formará e manterá actualizado o seu inventario de bens e dereitos, tanto propios coma adscritos.

Artigo 34. Contratación.

1. A contratación da Axencia Galega de Innovación réxese pola normativa básica vixente en materia de contratos do sector público e polas normas de desenvolvemento aprobadas pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O órgano de contratación da Axencia é a Dirección, que precisará a autorización do Consello da Xunta de Galicia cando, por razón da contía, lle corresponda a este autorizar o gasto.

Capítulo VI
Réxime económico-financeiro e orzamentario

Artigo 35. Recursos económicos.

1. Os recursos económicos da Axencia Galega de Innovación son:

a) As transferencias consignadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os ingresos propios que perciban como contraprestación polas actividades que poida realizar en virtude de contratos, convenios ou disposicións legais para outras entidades públicas ou privadas ou persoas físicas.

c) O produto do alleamento dos bens e valores que constitúan o seu patrimonio, de acordo co establecido na lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma.

d) Os rendementos procedentes dos seus bens e valores.

e) As achegas voluntarias, doazóns, herdanzas e legados e demais achegas a título gratuíto de entidades privadas e particulares.

f) Os ingresos procedentes de persoas físicas e xurídicas como consecuencia do patrocinio de actividades ou instalacións.

g) Os demais ingresos de dereito público ou privado que estea autorizada a percibir.

h) Calquera outro recurso que lle poida ser atribuído conforme o ordenamento xurídico vixente.

2. Os recursos que deriven das alíneas b), e) e f) do número anterior e non previstos inicialmente no orzamento da Axencia poderán destinarse a financiar maiores gastos por acordo da súa Dirección.

3. Poderá ser realizada pola Axencia a contratación de pólizas de crédito ou préstamo, cando isto sexa necesario para atender desfases temporais de tesouraría, entendendo como tales as situacións de falta de liquidez que se poidan producir de forma ocasional.

4. A Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de cada exercicio autorizará o límite máximo do endebedamento a curto prazo.

Artigo 36. Participación en sociedades mercantís e fundacións.

Para o mellor cumprimento dos seus fins e cun obxecto acorde cos seus obxectivos, a Axencia, de acordo co que se estableza no contrato de xestión, poderá formular proposta de creación de sociedades mercantís ou fundacións ou participar nelas. Será requisito imprescindible a pertinente aprobación da proposta polo Consello Reitor e o cumprimento dos trámites previstos no artigo 104 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 37. Orzamento.

1. A Axencia elaborará o seu anteproxecto de orzamento, conforme o disposto no contrato de xestión e coa estrutura e documentación establecida pola consellería competente en materia de facenda. Unha vez aprobado polo Consello Reitor, o anteproxecto será remitido á Consellería de Economía e Industria que, logo do seu exame, o achegará, xunto co orzamento da propia consellería, á competente en materia de facenda para a súa integración no anteproxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O orzamento deberá estar equilibrado e terá carácter limitativo polo seu importe global e carácter estimativo para a distribución dos créditos en categorías económicas, agás os correspondentes a gastos de persoal e capital que, en todo caso, teñen carácter limitativo e vinculante pola súa contía total.

3. Correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de facenda, por proposta da Dirección da Axencia, a autorización das variacións da contía global do orzamento, así como as que afecten gastos de persoal e de capital. A autorización das restantes variacións que superen o inicialmente orzado, mesmo na contía global, cando sexan financiadas con recursos derivados das alíneas b), e), f) e g) do artigo 39, por riba dos inicialmente orzados e sempre que existan garantías suficientes da súa efectividade e do correspondente equilibrio orzamentario, correspóndelle ao Consello Reitor, que deberá dar conta posteriormente á consellería competente en materia de facenda.

4. Non se poderán adquirir compromisos de gastos que se estendan máis de catro exercicios, e o gasto que se lle impute a cada un deles non poderá exceder a cantidade que resulte de lle aplicar ao importe total de cada programa, excluídos o capítulo de persoal e os restantes créditos que teñan carácter vinculante, as seguintes porcentaxes: o 70% no exercicio inmediato seguinte, o 60% no segundo e o 50% nos exercicios terceiro e cuarto.

5. En casos especialmente xustificados, o Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de facenda, poderá modificar as porcentaxes e os importes anteriores, así como modificar o número de anualidades.

6. A Dirección da Axencia poderá acordar incorporar o remanente de tesouraría non afectado ao orzamento do exercicio seguinte, logo do informe preceptivo e vinculante do centro directivo da Comunidade Autónoma competente en materia de orzamentos. Do dito acordo daráselle conta á Comisión de Control.

7. Os déficits derivados do incumprimento das estimacións de ingresos anuais compensaranse na forma prevista no contrato de xestión.

Artigo 38. Contabilidade.

1. O réxime de contabilidade será o establecido na lexislación de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. A Axencia deberá aplicar os principios contables que lle correspondan, para o cal contará cun sistema de información económico-financeiro e orzamentario que teña por obxecto mostrar, a través de estados e informes, a imaxe do patrimonio, da situación financeira, dos resultados e da execución do orzamento, e que proporcione información dos custos sobre a súa actividade que sexa suficiente para unha correcta e eficiente adopción de decisións.

2. Así mesmo, a Axencia contará cun sistema de contabilidade de xestión que permita seguir o cumprimento dos compromisos asumidos no contrato de xestión.

Artigo 39. Control da xestión económico-financeira.

1. O control externo da xestión económico-financeira da Axencia correspóndelle ao Consello de Contas de Galicia, de acordo coa súa normativa específica.

2. O control interno da actividade económico-financeira da Axencia correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e realizarase de acordo co disposto na lexislación de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. Sen prexuízo do control establecido no número anterior, a Axencia estará sometida a un control de eficacia que será exercido, a través do seguimento do contrato de xestión, pola Consellería de Economía e Industria. Este control ten por finalidade comprobar o grao de cumprimento dos obxectivos e a adecuada utilización dos recursos asignados.

Capítulo VII
Réxime de funcionamento e actos administrativos

Artigo 40. Réxime de funcionamento.

A Axencia ditará as normas internas necesarias para o cumprimento do seu obxecto e para o seu funcionamento, que poderán adoptar a forma de:

a) Resolucións, instrucións e circulares da Presidencia e da Dirección da Axencia.

b) Acordos do Consello Reitor.

c) Resolucións da Dirección.

Artigo 41. Actos administrativos.

1. Os actos ditados polos órganos de goberno da Axencia poñen fin á vía administrativa e serán susceptibles de impugnación na vía contencioso-administrativa, sen prexuízo da posibilidade de interpor contra eles recurso potestativo de reposición.

2. Os actos administrativos da Dirección da Axencia poderán ser impugnados en alzada perante a Presidencia, agás que fosen ditados por delegación desta.

3. A competencia para resolver os procedementos de revisión de oficio dos actos administrativos nulos, declarar a lesividade dos anulables e revogar os de gravame ou desfavorables correspóndelle á persoa titular da consellería de adscrición.

4. Así mesmo, atribúeselle á persoa titular da consellería de adscrición a resolución das reclamacións de responsabilidade patrimonial.