Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 16 de marzo de 2012 Páx. 9431

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2012, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 5 que a lingua propia de Galicia é o galego e que os poderes públicos potenciarán o seu uso en todos os planos da vida pública, cultural e informativa.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, establece o apoio económico e material para os medios de comunicación que, sen seren de titularidade pública nin sometidos á xestión ou competencia de institucións da Comunidade Autónoma, empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo.

O Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o 22 de setembro de 2004, establece como obxectivos centrais da área de medios de comunicación a necesidade de incrementar anualmente e de maneira constante o uso do galego nos medios públicos e privados para superar a actual situación de marxinación e de confinamento no eido cultural; lograr unha ampla oferta informativa lúdica e cultural, tematicamente variada e de calidade; pór ao alcance dos profesionais do sector os medios formativos, didácticos e técnicos suficientes que lles aseguren unha completa capacitación lingüística e un emprego doado do galego no seu traballo profesional, e incrementar a presenza do galego na publicidade.

O plan establece, ademais, como medidas transversais aos diferentes sectores a promoción da cortesía lingüística e da oferta positiva, consistente na adopción do galego como lingua inicial, neste caso, no contacto coa persoa entrevistada.

En consonancia cos textos referidos e en cumprimento do disposto no Decreto 103/1994, do 21 de abril, modificado polo Decreto 237/2008, do 16 de outubro, no que se establecen as axudas dirixidas ás publicacións escritas integramente en galego e en uso das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como o seu anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Secretaría Xeral de Medios dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego e efectuar a convocatoria para o ano 2012.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 2. Beneficiarios e solicitudes.

1. Os beneficiarios destas axudas serán as empresas xornalísticas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego e que cumpran as condicións establecidas no punto primeiro do artigo 3 das bases reguladoras.

2. Para poder acceder ás axudas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 7 das bases reguladoras.

3. Se, como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, se producen incrementos na contía inicial da subvención, o importe máximo que poderá acadar a axuda por beneficiario será de 250.000 euros.

4. Cada posible beneficiario só poderá obter axuda por un medio. No caso de que se solicite axuda para varios medios só se terá en conta a solicitude máis favorable para aquel.

Artigo 3. Solicitudes e prazo.

1. Os formularios de solicitude de axuda regulados nesta orde poderanse obter, cubrir, validar e imprimir facendo uso do enlace dispoñible co procedemento PR858A na páxina web oficial http://medios.xunta.es/axudas-e-subvencions

A presentación de solicitudes farase en soporte papel no correspondente rexistro ou en formato electrónico ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, logo de obter e cubrir os formularios de acordo co establecido nesta resolución.

2. As empresas que presenten solicitudes de axuda para máis dunha publicación deberán presentar unha solicitude por cada unha delas.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. As solicitudes, en formato papel, dirixidas ao secretario xeral de Medios, presentaranse preferentemente no Rexistro Único do edificio administrativo da Xunta de Galicia en San Caetano, Santiago de Compostela (A Coruña).

Poderán, así mesmo, presentarse por calquera dos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. As solicitudes tamén se poderán presentar en formato electrónico ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, mediante sinatura electrónica do representante legal da entidade solicitante ou persoa que a represente, que deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3. Poderanse encher e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día anterior á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Xunto cos formularios de solicitude debera xuntarse, en formato electrónico, a documentación a que se fai referencia no artigo 7 das bases reguladoras.

Artigo 4. Financiamento.

1. A concesión das axudas reguladas nesta resolución financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.461A.470.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2012 por unha contía inicial máxima de 41.341 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria nos termos do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 6 meses.

Disposición derradeira única.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2012.

Alfonso Cabaleiro Durán
Secretario xeral de Medios

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime
de concorrencia non competitiva, dirixidas a empresas que realicen publicacións
periódicas escritas integramente en galego

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

1. As axudas reguladas por estas bases teñen por obxecto a expansión e difusión do galego normativizado e da cultura galega nas tarefas de información xornalística, e o establecemento de subvencións ás publicacións periódicas escritas integramente en idioma galego das empresas xornalísticas radicadas en Galicia e inscritas no Rexistro Mercantil, as cales fosen difundidas durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 2. Definicións.

Para os efectos destas bases e de acordo co establecido no artigo 3 do Decreto 103/1994, do 21 de abril, polo que se establecen axudas dirixidas ás publicacións periódicas escritas integramente en galego normativizado, entenderanse por publicacións periódicas as que teñan un contido informativo ou de opinión, que se impriman baixo un mesmo título en serie continua, con numeración correlativa e data de publicación, que aparezan con periodicidade fixa e con propósito de permanencia indefinida no tempo.

Artigo 3. Actuacións subvencionables e actuacións excluídas.

1. Poderán ser subvencionables aquelas publicacións que reúnan as seguintes condicións:

a) Que estean escritas integramente en galego conforme a normativa oficial vixente.

b) Que teñan un mínimo de 16 páxinas en formato DIN A-3 ou de 26 páxinas en formato DIN A-4 (ou o equivalente noutros formatos) e que publicasen un mínimo de doce números no ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

c) Que se publiquen periodicamente.

d) Que inclúan o pé de imprenta con todos os datos que estableza a lexislación vixente.

2. Quedan excluídas da concesión de axudas:

a) Os boletíns de información interior ou de institucións.

b) As publicacións de organizacións políticas, empresariais, profesionais, sindicais ou de entidades públicas.

c) As publicacións que se distribúan como suplemento ou de forma conxunta con outra publicación.

d) As publicacións que, estando sometidas ao control da Oficina de Xustificación da Difusión (OXD), non presenten o certificado acreditativo da difusión expedido polo dito organismo.

e) As publicacións que durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria non se publicasen en galego normativizado, segundo informe da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que se incorporará á acta da comisión de avaliación, de acordo co establecido no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, de normativización da lingua galega (DOG do 20 de abril de 1983) e na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística e as que incluísen publicidade que non se ateña ao disposto no artigo 10 da dita lei en materia de toponimia.

f) Aquelas publicacións que non se editasen durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria ou non manteñan a súa actividade no momento da solicitude da subvención.

Artigo 4. Órganos competentes.

A competencia para resolver os procedementos de concesión obxecto destas bases correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral de Medios, ao abeiro do establecido na disposición adicional segunda, epígrafe 1.c), do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse nos lugares e prazo que se indican na convocatoria.

2. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do contido da convocatoria e das bases reguladoras, así como a asunción da veracidade dos datos nela recollidos e a responsabilidade sobre a inclusión dos ditos datos, mesmo a responsabilidade que se asume por posibles erros producidos a título de simple neglixencia.

Artigo 6. Autorizacións.

1. De conformidade co artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización para que o órgano competente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento. Daquela deberá entregar coa solicitude a certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e da Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, nos termos do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consente expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro. Esta publicación levarase a cabo agás nos supostos legalmente establecidos.

Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos de carácter persoal previstos na lei poderán exercerse dirixindo un escrito a esta Secretaría Xeral.

Todo iso consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De acordo co previsto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e da Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, pola que se desenvolve este, os solicitantes poderán facer constar no formulario de solicitude o seu consentimento expreso para que a Administración verifique, de xeito telemático, os seus datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia.

En caso de que non presten ese consentimento, deberán presentar xunto coa solicitude, unha fotocopia compulsada do documento acreditativo da identidade da persoa solicitante en vigor.

4. Coa presentación da solicitude de subvención a persoa solicitante autoriza expresamente a Secretaría Xeral de Medios para que, de acordo co establecido no punto 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, publique relación de beneficiarios, importe das axudas concedidas, finalidade, convocatoria, programa e crédito orzamentario no Diario Oficial de Galicia e na paxina oficial do órgano administrativo, coas exencións previstas no artigo 15.2.c) e d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Documentación.

As solicitudes de axuda (modelo anexo II) deberanse presentar nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos a esta resolución, e deberan ir acompañadas do orixinal, copia compulsada ou copia cotexada da seguinte documentación:

a) NIF da entidade solicitante.

b) Autorización incluída no anexo II para que a Secretaría Xeral de Medios proceda á consulta dos datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia. No caso de non prestar autorización debe presentarse o DNI do representante legal da empresa.

c) Testemuño auténtico da escritura de poder, cando a persoa solicitante actúe en representación da persoa física ou xurídica titular do medio.

d) Certificación actualizada da inscrición no Rexistro Mercantil.

e) Declaración responsable subscrita por quen asine a solicitude en que se faga constar, tanto no que se refire ás persoas físicas como ás xurídicas solicitantes, que non están incursas en ningunha das prohibicións recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño), segundo o modelo do anexo III.

f) Certificación acreditativa de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, unicamente no suposto de que o solicitante denegase expresamente a autorización para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral de Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

g) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas, segundo o modelo do anexo IV.

h) Memoria asinada en que se fagan constar os números publicados durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria e na cal se recolla de xeito específico o cumprimento dos requisitos lingüísticos establecidos nestas bases reguladoras.

i) Declaración da tiraxe e do número de exemplares difundidos da publicación de que se trate, durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria, acompañado da documentación que o acredite.

j) Documentación pola que se acredite, se é o caso, a prestación da asesoría lingüística a particulares, institucións e outras empresas.

k) Un exemplar de cada número das publicacións para as cales se solicita a axuda en soporte informático en formato pdf.

Artigo 8. Instrución do procedemento.

1. O Servizo de Xestión de Medios Informativos é o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, polo que lle corresponde o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude presentada non reune algún dos requisitos contidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución, que debera ser ditada nos termos previstos no artigo 42 de dita lei.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse ao solicitante calquera dato, documento complementario e aclaración que puidese resultar necesario para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez verificadas e revisadas as solicitudes e emendados os erros, de ser o caso, os expedientes administrativos que reúnan as condicións exixidas e que conten coa documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa avaliación e informe, regulada no artigo seguinte.

5. No caso de que o órgano instrutor aprecie que un expediente non reúne as condicións exixidas nesta resolución ou na restante normativa de aplicación elaborará a correspondente proposta de resolución de inadmisión que, en todo caso, será motivada con indicación das súas causas.

Artigo 9. Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración é o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte. Para tal fin, elaborará un informe no que se especificarán as solicitudes admitidas e a avaliación que lles corresponde, segundo os criterios recollidos no artigo seguinte, así como importe da axuda para cada un dos solicitantes.

2. A comisión de valoración terá a seguinte composición.

Presidente: directora xeral de Comunicación.

Vicepresidente: secretario xeral de Política Lingüística.

Vogais:

– A persoa responsable do gabinete de prensa da Dirección Xeral de Comunicación.

– Un funcionario da Secretaría Xeral de Medios con categoría non inferior a xefe de servizo.

– Un funcionario da Secretaría Xeral de Política Lingüística con categoría non inferior a xefe de servizo.

– Un funcionario da Secretaría Xeral de Política Lingüística nomeado por esta.

Secretario: un funcionario da Secretaría Xeral de Medios.

Artigo 10. Criterios de cuantificación das axudas.

1. A valoración das solicitudes presentadas basearase e distribuirase de forma proporcional aos seguintes criterios:

a) Criterio referido á periodicidade e números editados.

Distribuirase segundo este criterio o 90% do crédito total. A distribución do crédito farase en proporción directa aos números editados da publicación obxecto de avaliación. Para o cálculo individualizado do importe de cada axuda teranse en conta os números editados por cada un dos beneficiarios, en relación co número total editado por todos eles ao longo do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

b) Criterio referido á tiraxe e difusión de exemplares.

Distribuirase segundo este criterio o 10% do crédito total. A distribución do crédito será do 5% en proporción directa á tiraxe e do 5% en proporción directa á difusión de exemplares da publicación obxecto de avaliación. Para o cálculo individualizado do importe de cada axuda teranse en conta o número de exemplares tirados e difundidos por cada un dos beneficiarios, en relación co número total de exemplares tirados e difundidos por todos eles ao longo do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

Os números dobres dunha publicación serán considerados un único número para os efectos de subvención.

2. O importe máximo da axuda por beneficiario será o que figure, se é o caso, na convocatoria anual correspondente. Valoraranse as solicitudes de acordo cos criterios sinalados, tendo en conta, en todo caso, o importe máximo establecido por beneficiario. Para aqueles importes calculados superiores ao límite máximo, a axuda para estes beneficiarios corresponderase con este límite. Non procederán variacións posteriores nos importes das axudas do resto de beneficiarios que non acadasen o tope máximo fixado.

Artigo 11. Resolución e notificación.

1. O órgano instrutor elevará o informe da comisión de valoración xunto coa proposta de resolución ao titular da Secretaría Xeral de Medios, o cal ditará a correspondente resolución, concesoria ou denegatoria, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a contía da axuda concedida ou, de ser o caso, a causa de denegación, e fará constar, se é o caso, de maneira expresa a desestimación do resto das solicitudes.

A concesión ou a denegación da axuda seralle notificada ao solicitante de acordo co establecido nos artigo 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información serán causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de seis meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre este prazo sen que recaia resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común.

4. Notificada a resolución polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada.

Artigo 12. Réxime de recursos.

As resolucións ditadas polo titular da Secretaría Xeral de Medios poñerán fin á vía administrativa, polo que, contra elas, poderán os interesados interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo da interposición de calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir daquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 13. Xustificación e pagamento.

1. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen nos prazos establecidos nesta orde.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar, illadamente, ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos o custo da actividade subvencionada.

Os custos indirectos formarán parte da xustificación da subvención, sempre que os imputase o beneficiario á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas xerais de contabilidade e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

2. A conta xustificativa acreditarase de acordo co disposto no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación, nos termos e na forma que se estableza na resolución de concesión, da documentación que se exixa de forma expresa nela, incluíndo, en todo caso:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades de difusión realizadas, que conterá unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor ou provedor, concepto, importe, data de emisión da factura ou documento probatorio e data de pagamento (modelo anexo VI).

c) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior, e acreditación do pagamento mediante transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario.

d) Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, se é o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia na letra b).

e) Declaración do representante da empresa responsabilizándose de que continuará realizando as publicacións en galego ata o 31 de decembro do ano da convocatoria, para os efectos de xustificar o compromiso establecido no artigo 2 destas bases, relativo ao propósito de permanencia indefinida no tempo (modelo anexo V).

Para acreditar este compromiso, as empresas beneficiarias presentarán, durante o mes de xaneiro posterior ao do ano natural da convocatoria, declaración responsable do representante da empresa nos termos do artigo 71.bis da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na cal se certifique que se cumpriu o dito compromiso, xunto coa documentación que o acredite.

O incumprimento deste compromiso será considerado incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda coas consecuencias que se reflicten no artigo 16 destas bases.

f) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas (modelo anexo IV).

g) Certificación expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se deberá efectuar o pagamento da axuda, en que conste código de banco, código de sucursal, díxitos de control e numero de conta.

h) Certificación acreditativa de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, unicamente no suposto de que o solicitante denegase expresamente a autorización para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral de Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

i) Declaración responsable de non estar incursas en ningunha das prohibicións para obter a condición de empresa beneficiaria das axudas recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (modelo anexo III).

j) Escrito de aceptación expresa da axuda.

Artigo 14. Obrigas das empresas beneficiarias.

1. As empresas beneficiarias das axudas quedan obrigadas:

a) Ao reintegro, total ou parcial, da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) A sometesen ás actuacións de comprobación que poida efectuar a Secretaría Xeral de Medios, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, para o que achegarán canta información lles sexa requirida.

c) Dar unha adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución das actividades que se subvencionan.

d) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte co artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requiriráselle ao solicitante ou beneficiario que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

e) A non estar incursas en ningunha das prohibicións para obter a condición de empresa beneficiaria das axudas recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) A comunicarlle á Secretaría Xeral de Medios no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos subvencionados a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as publicacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da axuda.

g) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención.

h) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

i) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

j) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Artigo 15. Compatibilidade.

As axudas previstas nesta resolución serán compatibles con outras axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais sempre que a acumulación de axudas non supere o custo total da actividade subvencionada e se respecten as condicións establecidas en cada réxime de axudas na normativa nacional e comunitaria aplicable.

Artigo 16. Modificación da resolución e reintegro das subvencións.

1. Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas, para a mesma finalidade, por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora producidos desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ao abeiro do disposto no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se vai minorar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda ou da obriga de xustificación dará lugar á perda ao dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

4. A tramitación do expediente de reintegro realizarase de acordo co procedemento establecido no capítulo II do título II da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Infraccións e sancións.

As empresas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Publicidade.

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas sexan de contía inferior a 3.000 euros publicarase no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral de Medios.

Artigo 19. Devolución voluntaria da subvención.

De acordo co establecido no artigo 64 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta bancaria de titularidade da Xunta de Galicia que corresponda, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

Artigo 20. Remisión normativa.

Para todo o non regulado nas presentes bases observarase o previsto nas seguintes disposicións:

1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Preceptos con carácter básico da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

4. Decreto 103/1994, do 21 de abril, polo que se establecen axudas dirixidas a publicacións periódicas escritas integramente en galego normativo, modificado polo Decreto 237/2008, do 16 de outubro.

5. Resto de normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file