Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Venres, 23 de marzo de 2012 Páx. 10151

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 15 de marzo de 2012 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

O 24 de xaneiro de 2012 entrou en vigor o Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. O dito departamento será o responsable de materializar as políticas impulsadas pola Xunta de Galicia no eido competencial do ambiente, a ordenación do territorio e o urbanismo, a vivenda e o solo, as infraestruturas, a mobilidade e a conservación da natureza, de acordo cos criterios de eficacia, economía e austeridade que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

A actividade administrativa da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas leva consigo unha concentración de funcións ao redor do seu titular que aconsella neste momento, dado o seu volume, acudir á delegación de competencias en diversos órganos, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos cidadáns dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

A Orde do 9 de xullo de 2009 recolleu un conxunto de delegación de competencias por parte da persoa titular da consellería que deben ser necesariamente ampliadas a outros órganos, unha vez que se produciu a aprobación do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

A nova organización desta consellería e a súa complexidade, polo seu amplo ámbito competencial, require efectuar unha nova delegación de competencias que ordene a actuación administrativa co fin de acadar unha maior axilidade e eficacia na xestión administrativa.

En consecuencia, en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e os artigos 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

DISPOÑO:

Primeiro. Administración de persoal.

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería o exercicio das facultades que lle corresponden ao conselleiro en materia de persoal segundo o establecido no artigo 17 do texto refundido da Lei de función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, e demais disposicións en vigor, excepto a provisión de postos de traballo clasificados como de libre designación.

Segundo. Contratación.

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería o exercicio das seguintes facultades en materia de contratación:

a) As atribuídas á persoa titular da consellería polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, respecto dos contratos menores no ámbito de competencias da Secretaría Xeral Técnica.

b) En relación cos contratos que non teñan a consideración de contratos menores, a aprobación dos expedientes de contratación, a aprobación dos pregos de cláusulas administrativas, a aprobación do gasto correspondente, así como, de ser o caso, dispoñer a súa tramitación urxente ou adoptar as medidas pertinentes no suposto previsto no artigo 113 da citada norma.

c) A adxudicación e formalización dos contratos non cualificados como menores; a prerrogativa da súa interpretación e resolver as dúbidas que ofreza o seu cumprimento; a aprobación das súas modificacións cando concorran os supostos previstos na normativa de contratación; acordar a súa resolución e determinar os efectos desta; así como as restantes facultades que, de acordo coa lexislación, corresponden ao órgano de contratación, salvo as que se delegan expresamente no número seguinte.

2. Deléganse nos/as secretarios/as xerais de Ordenación do Territorio e Urbanismo e de Calidade e Avaliación Ambiental, e nos/as directores/as xerais da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, as facultades que se enuncian a seguir en materia de contratación:

a) En relación cos contratos que teñan a consideración de menores, o exercicio das facultades que o ordenamento xurídico atribúe á persoa titular da consellería.

b) Respecto do resto dos contratos:

– A aprobación dos pregos de prescricións técnicas.

– A aprobación dos proxectos e das súas modificacións.

– A realización das operacións relativas á transmisión dos dereitos de cobramento.

– A súa dirección, inspección e control, podendo ditar as instrucións oportunas para o fiel cumprimento do convido, e exercer todas aquelas facultades que a lexislación de contratación administrativa atribúe ao órgano de contratación en relación coas incidencias que xurdan durante a súa execución, excepto as que supoñan modificación do contrato e a resolución de incidencias a que se refire o artigo 97 do regulamento da Lei de contratos das administracións públicas.

Terceiro. Expropiación forzosa.

Deléganse nos/as secretarios/as xerais de Ordenación do Territorio e Urbanismo e de Calidade e Avaliación Ambiental, e nos/as directores/as xerais da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, o exercicio das facultades que o ordenamento xurídico atribúe á persoa titular da consellería en materia de expropiación forzosa.

Cuarto. Xestión financeira e orzamentaria.

1. Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería, ademais das facultades de autorización e disposición dos gastos derivados do exercicio das competencias delegadas en materia de contratación, o exercicio da competencia para autorizar os gastos, autorizar os actos de disposición dos créditos e de recoñecemento de obrigas e propoñer á persoa titular da Consellería de Facenda a ordenación dos correspondentes pagamentos relativos a:

a) Os gastos de persoal.

b) Os gastos xerais incluídos no capítulo II dos orzamentos que afecten a Secretaría Xeral Técnica ou a varias unidades de distintos centros directivos da consellería.

c) Os créditos dos capítulos IV, VI e VII dos orzamentos, agás os derivados de contratos menores correspondentes a competencias delegadas nos/as secretarios/as xerais ou directores/as.

2. Deléganse nos/as secretarios/as xerais de Ordenación do Territorio e Urbanismo e de Calidade e Avaliación Ambiental, e nos/as directores/as xerais da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, as mesmas facultades indicadas anteriormente no número 1 en relación con:

a) Os gastos derivados da execución das competencias delegadas en materia de contratación e de expropiación forzosa.

b) Os créditos correspondentes ao capítulo II dos orzamentos, que correspondan a gastos específicos do seu centro directivo.

3. Deléganse no/a secretario/a xeral técnico/a da consellería, nos/as secretarios/as xerais de Ordenación do Territorio e Urbanismo e de Calidade e Avaliación Ambiental, e nos/as directores/as xerais da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, o exercicio da facultade de aprobación das contas xustificativas daqueles gastos que teñan a consideración de «gastos por xustificar», sen prexuízo das competencias dos órganos territoriais competentes respecto dos que correspondan a créditos que fosen desconcentrados.

4. As competencias delegadas nos números anteriores inclúen a sinatura dos documentos contables en que se reflicten as correspondentes fases dos gastos, e corresponde aos/ás directores/as xerais e secretarios/as xerais da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, a sinatura daqueles documentos que impliquen a mera actualización na contabilidade de actuacións xa documentadas en exercicios anteriores.

Quinto. Xestión patrimonial.

Delégase no/a secretario/a xeral técnico/a da consellería o exercicio das facultades que a normativa en materia de patrimonio atribúe á persoa titular da consellería.

Sexto. Procedemento sancionador en materia de axudas e subvencións.

Delégase nos secretarios xerais de Ordenación do Territorio e Urbanismo e de Calidade e Avaliación Ambiental, e nos directores xerais da consellería o exercicio da competencia para resolver o procedemento por infraccións leves e graves en materia de axudas e subvencións.

Sétimo. Recursos e reclamacións.

1. Delégase no/a secretario/a xeral técnico/a da consellería o exercicio das competencias seguintes:

a) Resolver os recursos administrativos de alzada e de revisión cando a facultade de resolución corresponda á persoa titular da consellería e, de ser o caso, suspender a execución dos actos impugnados.

b) Resolver as solicitudes de revisión de oficio, a declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación de actos de gravame ou desfavorables, segundo o previsto no capítulo I do título VII da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

c) Resolver as reclamacións previas á vía civil e laboral e aos procedementos de responsabilidade patrimonial a que se refire a Lei 30/1992, agás aqueles expedientes de responsabilidade patrimonial en materia de conservación da natureza de contía inferior a 1.500 euros en que se acorde a terminación convencional dos procedementos, incluíndo, se é o caso, as correspondentes reclamacións contra as entidades de dereito público adscritas á consellería.

d) Resolver e formular os requirimentos previos á vía xudicial contencioso-administrativa nos termos previstos no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade o exercicio da competencia para resolver os recursos de alzada interpostos contra as resolucións ditadas en materia de transportes polos órganos territoriais e polos/as subdirectores/as xerais daquel centro directivo e, de ser o caso, suspender a execución dos actos impugnados.

3. Delégase nos/as xefes/as territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o exercicio da competencia, que corresponde ao/á conselleiro/a, para a resolución de expedientes en materia de conservación da natureza nos cales se acorda a terminación convencional dos procedementos de responsabilidade patrimonial cuxa contía reclamada sexa inferior a 1.500 euros.

Oitavo. Comisións de servizos con dereito á indemnización.

1. Delégase no/a secretario/a xeral técnico/a da consellería o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito á indemnización prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, dos/as secretarios/as e directores/as xerais, dos/as xefes/as territoriais e do persoal dependente da Secretaría Xeral Técnica da consellería.

2. Delégase nos/as secretarios/as xerais de Ordenación do Territorio e Urbanismo e de Calidade e Avaliación Ambiental, e nos/as directores/as xerais da consellería o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal integrado nas unidades administrativas que estean baixo a súa dependencia directa.

3. Delégase nos/as xefes/as territoriais da consellería o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal da correspondente xefatura territorial.

Noveno. Delegacións específicas de competencias.

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o exercicio das seguintes facultades:

a) Emitir informes preceptivos sobre todo tipo de plans de ordenación, nos supostos establecidos polos artigos 69.4, 85.1, 86.1.d) e 93 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia.

b) Formular e tramitar, incluída a aprobación inicial e provisional, as normas subsidiarias e complementarias de planeamento, os instrumentos de planeamento que afecten varios municipios e os plans de desenvolvemento de iniciativa pública, nos supostos establecidos polos artigos 88 e 91 da Lei 9/2002.

c) Formular os requirimentos de anulación de actos e acordos municipais en materia de planeamento e xestión urbanística, segundo o disposto polo artigo 92.5 da citada lei e, se é o caso, propoñer a súa impugnación.

d) Aprobar os expedientes de expropiación forzosa que tramite a Administración autonómica polo procedemento de taxación conxunta, no suposto establecido polo artigo 143.6 da Lei 9/2002.

e) Ordenar a execución das obras necesarias en solo rústico ou en solo de núcleo rural, nos supostos establecidos polo artigo 203 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, e pola disposición transitoria primeira da Lei 15/2004, do 29 de decembro.

f) A emisión dos informes previstos no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, respecto dos plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, a partir da data en que entre en funcionamento o organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio.

g) Suspender cautelarmente os procedementos de aprobación do planeamento urbanístico, dos instrumentos de xestión ou execución do planeamento e de outorgamento de licenzas para ámbitos ou usos determinados, unha vez acordada polo Consello da Xunta de Galicia a iniciación do procedemento de elaboración de calquera instrumento de ordenación do territorio, a partir da data en que entre en funcionamento o Instituto de Estudos do Territorio.

2. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a resolución dos expedientes administrativos sancionadores que correspondan ao conselleiro en materia de residuos e protección ambiental.

3. Delégase no/a director/a xeral de Sostibilidade e Paisaxe a emisión dos informes previstos no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, respecto dos plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, ata a data en que entre en funcionamento o organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio.

4. Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade as seguintes atribucións:

a) A formalización das resolucións, acordos e convenios que se produzan en desenvolvemento e aplicación do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, agás a dos convenios entre administracións públicas polos que se acorde a constitución das áreas de transporte metropolitano de Galicia.

b) A resolución dos procedementos administrativos que a Lei 6/1996, do 9 de xullo, de coordinación dos servizos de transporte urbanos e interurbanos de Galicia, atribúe á persoa titular da consellería.

c) A resolución e, se for o caso, formalización dos contratos de xestión de servizos públicos de transporte por estrada, ou doutros instrumentos mediante os cales se formalice a imposición de obrigas de servizo público.

d) A resolución dos expedientes de modificación dos contratos de xestión de servizos públicos de actividades auxiliares e complementarias do transporte.

5. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza a competencia para a imposición das sancións que correspondan ao titular da consellería en materia de caza, pesca fluvial, animais domésticos e salvaxes en catividade, animais potencialmente perigosos e as establecidas na lexislación sobre conservación da natureza.

Décimo. Criterios complementarios na aplicación das delegacións.

Na aplicación das delegacións de competencias contidas nesta orde teranse en conta os seguintes criterios:

a) O exercicio das competencias que se delegan nesta orde axustarase ao disposto nos artigos 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

b) En calquera momento o conselleiro poderá avocar o exercicio das competencias que se delegan nesta orde.

c) Enténdese comprendida na delegación no/a secretario/a xeral técnico/a da consellería o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que dite en virtude das facultades que se lle delegan nesta orde.

Por outra parte, delégase no/a secretario/a xeral técnico/a desta consellería o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición interpostos contra as resolucións ditadas polos/as directores/as ou secretarios/as xerais en exercicio das facultades delegadas.

d) Atribúese ao/á secretario/a xeral técnico/a desta consellería o exercicio das competencias que, en materia de xestión financeira e orzamentaria, non están expresamente delegadas noutros órganos.

e) En materia de axudas e subvencións públicas en réxime de concorrencia competitiva, será de aplicación o establecido na correspondente orde de convocatoria.

f) As competencias que se delegan pola presente orde serán exercidas temporalmente, no caso de ausencia, vacante ou enfermidade dos/as titulares das secretarías e direccións xerais da consellería, e mentres persistan aquelas circunstancias, polos/as titulares das secretarías e direccións xerais seguindo nesta suplencia o establecido no Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Neste sentido a substitución será asumida polo titular do órgano que ocupe o posto seguinte na orde correlativa establecida no decreto, correspondéndolle ao primeiro, ser for o caso, substituír o último.

Décimo primeiro. Resolucións ditadas por delegación.

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Décimo segundo. Revogación.

Quedan revogadas as delegacións de competencias conferidas pola Orde do 9 de xullo de 2009 sobre delegación de competencias no secretario xeral e noutros órganos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e pola Orde do 25 de novembro de 2010 pola que se modifica a Orde do 1 de xuño de 2009, pola que se delegan competencias nos xefes territoriais da Consellería do Medio Rural, e a Orde do 24 de abril de 2009 sobre delegación de competencias no secretario xeral.

Décimo terceiro. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2012.

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas