Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 28 de marzo de 2012 Páx. 10876

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 2012, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre a aprobación definitiva do expediente de delimitación do núcleo rural do Rieiro, parroquia de San Xoán de Seivane de Vilarente, do concello de Abadín (Lugo).

I. Antecedentes.

O Concello de Abadín remite o presente expediente de delimitación, datado en abril de 2011 e redactado polo arquitecto técnico Antonio Javier Núñez Núñez, para os efectos de obter a súa aprobación definitiva, conforme a disposición adicional 2a.2 da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Abadín carece de instrumento de planeamento xeral e réxese polas normas de aplicación directa da LOUG e, no que non se opón a estas, polas Normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial.

Con data do 24.7.2008 a Dirección Xeral de Urbanismo resolveu aprobar definitivamente nun mesmo expediente de delimitación de solo dous núcleos rurais, o das Paredes, na parroquia de Castromaior, e O Rieiro na parroquia de Seivane de Vilarente.

Respecto da tramitación administrativa do presente expediente, consta acordo de aprobación provisional adoptado polo Concello Pleno na súa sesión do 15.4.2011. Procedeuse á publicación no DOG (8.7.2011) e nos xornais El Progreso (11.7.2011) e La Voz de Galicia de Lugo (10.7.2011). Non se presentou ningunha alegación.

Consta acordo de aprobación provisoria adoptado polo pleno en sesión do 30.9.2011.

Segundo o indicado, e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, constátase que o expediente cumpre, respecto da documentación e tramitación administrativa, as determinacións contidas no número 2 da disposición adicional segunda da LOUG.

II. Obxectivo.

Neste novo expediente proponse a ampliación da delimitación do asentamento do Rieiro, cunha superficie total de 58.352 m2, como núcleo rural complexo. Contén dúas zonas delimitadas como núcleo rural histórico-tradicional nomeadas T1 e T2, que teñen unha superficie total de 17.292 m2; así como unha área de núcleo rural común que atinxe unha superficie de 41.053 m2.

Mantense basicamente a delimitación do núcleo rural do Rieiro, pero ampliándoa nun sector duns 9.800 m2, situado ao sureste do delimitado, co obxecto de recoller catro edificacións que anteriormente quedaron desvinculadas.

A nova área cualificase como núcleo rural común xunto coa área de expansión definida na primitiva delimitación.

III. Análise e consideracións.

O asentamento delimitado como O Rieiro conta con topónimo recoñecido no Nomenclátor de entidades de poboación da provincia de Lugo (Decreto 6/2000, do 7 de xaneiro, DOG do 25 de xaneiro) e no Censo de poboación e vivendas do INE.

As dúas áreas T1 e T2 delimitadas como núcleo rural histórico-tradicional cumpren co grao de consolidación pola edificación do 50% e coa distancia máxima de 50 m desde as edificacións tradicionais existentes, determinadas polo artigo 13 da LOUG, e que non se modifican respecto da primitiva delimitación aprobada no 2008.

No número 11.3.3 da normativa da delimitación establécese a parcela mínima en 1.500 m2.

Preséntase xustificación numérica do grao de consolidación, que resulta ser superior a un terzo da superficie total da área delimitada como núcleo rural común, exixido polo artigo 13 da LOUG; e, verificada a dita consolidación polo método gráfico establecido pola Instrución 4/2011, do 12 de abril, sobre metodoloxía de cálculo do grao de consolidación edificatoria, enténdese suficiente para admitir a dita ampliación.

Dada a existencia de varios hórreos nas zonas delimitadas como núcleo rural históricotradicional, lémbrase que para o outorgamento de licenzas de obra nunha distancia inferior a 100 m deles deberá solicitarse informe preceptivo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, tal como o establece o artigo 30 das Normas subsidiarias provinciais de planeamento.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, resolvo:

Aprobar definitivamente a delimitación do núcleo rural complexo do Rieiro, situado na parroquia de San Xoán de Seivane de Vilarente, concello de Abadín (Lugo) polas consideracións expostas no punto III anterior.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao de notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se for o caso, calquera outro que consideren procedente (artigos 48, 58, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro).

No suposto de que o interesado sexa unha Administración pública, non caberá interpoñer recurso en vía administrativa e pódese interpor recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se for o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigo 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

Notifíquese ao concello e publíquese no DOG.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2012.

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

missing image file

ANEXO