Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Venres, 30 de marzo de 2012 Páx. 11432

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2012 pola que se fai pública a convocatoria para a incorporación de novas seccións bilingües en centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario para o curso 2012-2013.

A Orde do 12 de maio de 2011 (DOG do 20 de maio) regula as seccións bilingües en centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia e establece o procedemento de incorporación de novas seccións bilingües nos centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario.

Na sección segunda da citada orde descríbese o procedemento de autorización dos centros: solicitude e documentación, lugar e prazo de presentación.

Ademais, na disposición derradeira segunda autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para realizar as sucesivas convocatorias anuais de incorporación dos centros educativos ao programa de seccións bilingües, así como de ampliación do programa nos centros xa autorizados.

De acordo co anteriormente exposto, esta dirección xeral

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta resolución ten por obxecto realizar a convocatoria para o curso 2012-2013 de autorización de novas seccións bilingües nos centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario.

Artigo 2. Solicitude e documentación.

Os centros que desexen iniciar a implantación de seccións bilingües deberán dirixir a correspondente solicitude, segundo se recolle no anexo I da Orde do 12 de maio de 2011 pola que se regulan as seccións bilingües en centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario (DOG do 20 de maio), á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, achegando a seguinte documentación:

a) Proxecto de participación no plan, en que se recollan, entre outros aspectos: profesorado e alumnado participante; os obxectivos propostos e os contidos; etapas e cursos en que se desenvolverá; áreas, materias ou módulos; estratexias metodolóxicas e pautas para a avaliación do proxecto.

b) Certificación da aprobación do proxecto polo consello escolar, unha vez oído o claustro.

c) Compromiso por parte do profesorado implicado (profesorado responsable da sección e profesorado coordinador) de formar parte do proxecto durante como mínimo dous anos.

d) Relación do profesorado da área, materia ou módulo non lingüísticos, xunto coas credenciais de posuír destino definitivo no centro e a titulación que acredite a súa competencia lingüística no nivel requirido (B2).

e) Certificación da dirección do centro co número de alumnos/as que participarán nas seccións bilingües que se solicitan.

A inspección educativa emitirá informe sobre a solicitude a través da xefatura territorial correspondente.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación.

As solicitudes, dirixidas á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e demais documentación presentaranse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15780 Santiago de Compostela, así como en calquera dos lugares establecidos no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 31 de maio de 2012.

Artigo 4. Autorización dos centros.

Corresponderalle á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a autorización dos centros para participar neste programa.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará no Diario Oficial de Galicia a relación das novas seccións bilingües autorizadas.

Aqueles centros que precisen autorización de seccións bilingües en cursos distintos daqueles para os que foron autorizados deberán formalizar unha nova solicitude cun novo proxecto e con toda a documentación requirida, segundo establece o artigo 13 da Orde do 12 de maio de 2011.

No caso de centros concertados, a autorización do proxecto de sección bilingüe en ningún caso significará modificación das condicións do concerto educativo subscrito.

Artigo 5. Asesoramento e avaliación.

As estruturas de formación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrecerán asesoramento, tanto na fase de elaboración de proxectos, como na do seu desenvolvemento.

Con independencia do punto anterior, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa levará a cabo o seguimento e posterior avaliación dos proxectos co fin de verificar a súa realización, a calidade e os resultados obtidos.

Artigo 6. Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2012.

José Luis Mira Lema
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa