Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Venres, 30 de marzo de 2012 Páx. 11227

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 98/2012, do 16 de marzo, polo que se suprime o Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía Universitario de Galicia (Octuga).

En resposta á necesidade de dispor de información sobre a actividade de investigación e a produción científica e tecnolóxica específica do Sistema Universitario de Galicia e de amosar a función investigadora das universidades, creouse, por Decreto 185/2008, do 31 de xullo, o Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía Universitario de Galicia.

Este Observatorio recollía datos directamente do SUG e tiña acceso tamén á información secundaria que puidera existir noutras fontes. Ademais, este Observatorio encargábase de proporcionar información cos datos obtidos aos axentes que o requiran e, principalmente, á Dirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do SUG, á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, ao Estatuto Galego de Estatística e ás universidades do SUG. A elaboración deste sistema de información e índices de referencia debería permitir o coñecemento da evolución da ciencia e a tecnoloxía no SUG; porén o Observatorio tiña un alcance limitado e amosou problemas de homoxeneización.

Posteriormente fíxose necesario coordinar todos os esforzos e dirixilos nun sentido único para acadar uns indicadores do sistema universitario español no seu conxunto que sexan de calidade, que reflictan fielmente a realidade e que permitan a comparación entre as diferentes comunidades autónomas e as universidades. Con esta finalidade creouse desde o Ministerio de Educación no ano 2010, e a través da Secretaría Xeral de Universidades, o Sistema Integrado de Información Universitario (SIIU).

Este Sistema Integrado de Información Universitario está apoiado nunha ferramenta informática potente que permite manter unha estrutura de datos flexible, adaptada ás necesidades e áxil, de xeito que facilita información inmediata a cada axente en función das súas necesidades e garante a obxectividade e neutralidade, xa que manexa criterios homoxéneos consensuados por todas as comunidades. Pódese así dispor de información do Sistema Universitario Español no seu conxunto, así como indicadores que permiten a comparabilidade, tanto no ámbito nacional como no internacional.

As comunidades autónomas forman parte activa no desenvolvemento deste Sistema de Información, de maneira que se constituíu unha Comisión Técnica de Estatística e Información universitaria que proporciona indicadores robustos, consistentes e de calidade, que poden ser tidos en conta no desenvolvemento das Políticas Universitarias tanto no ámbito das propias universidades, como das comunidades autónomas e do Ministerio de Educación.

Para procurar unha maior eficiencia na prestación dos servizos públicos, e homoxeneidade dos informes e indicadores obtidos cos datos de todas as institucións involucradas, cómpre proceder á supresión do Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía Universitario de Galicia posto que as súas funcións son perfectamente abarcadas e melloradas polo Sistema Integrado de Información Universitaria (SIIU).

Xa que logo, e por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo da deliberación do Consello da Xunta, na súa reunión do dezaseis de marzo de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único.

Queda suprimido o Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía Universitario de Galicia (Octuga), creado polo Decreto 185/2008, do 31 de xullo (DOG núm. 169, do 2 de setembro).

Disposición derrogatoria primeira.

Derrógase o Decreto 185/2008, do 31 de xullo, polo que se crea o Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía Universitario de Galicia (Octuga) e se determinan as súas funcións, composición e funcionamento (DOG núm. 169, do 2 de setembro).

Disposición derrogatoria segunda.

Queda sen efecto a Orde do 21 de outubro de 2009 de delegación do exercicio de actividades do Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía Universitario de Galicia (Octuga) na Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), DOG núm. 213, do 30 de outubro.

Disposición derradeira.

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de marzo de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria