Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Mércores, 4 de abril de 2012 Páx. 12092

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 23 de marzo de 2012 pola que se convoca concurso de méritos específico entre persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas reguladas na Lei orgánica de educación 2/2006, do 3 de maio, para cubrir postos de persoal docente en prazas sometidas a convenio ou a programas específicos desta consellería.

O Decreto 244/1999, do 29 de xullo, polo que se regula a cobertura de diversas prazas por persoal funcionario público docente que imparte ensinanzas reguladas na Lei orgánica de educación 2/2006, do 3 de maio, prevé, no seu artigo 3.2, que as prazas que nel se indican poderán ser cubertas mediante o correspondente concurso específico de méritos e polo prazo que se determine na convocatoria; as devanditas prazas deberán ser provistas a través dun concurso específico de méritos para a súa provisión mediante nomeamento temporal con reserva do posto de traballo de orixe e polo tempo que se estableza na correspondente convocatoria, que en ningún caso poderá exceder en máis de seis anos.

Así mesmo, o artigo 5 do devandito decreto establece que poden cubrirse por este mesmo procedemento aquelas prazas que favorezan a elaboración de proxectos, innovacións curriculares ou metodolóxicas, entre as cales existen prazas de recente implantación ou de difícil cobertura polo procedemento ordinario.

Sendo necesaria a provisión de distintas prazas por mor dos diversos convenios entre a Administración educativa e distintas institucións ou entidades a que se refire o artigo 3 do Decreto 244/1999, do 29 de xullo, e outras incluídas no artigo 5 do devandito decreto, e tendo en conta a habilitación que figura na disposición derradeira primeira do mesmo decreto que autoriza o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para ditar as disposicións que sexan precisas para a súa aplicación e desenvolvemento.

É polo que esta consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto.

Convocar concurso público de méritos específico entre persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que impartan ensinanzas reguladas na Lei orgánica de educación 2/2006, do 3 de maio, para adxudicar, en comisión de servizos, as prazas que figuran no anexo I desta orde.

Artigo 2. Participantes e requisitos.

Poderá participar nesta convocatoria o persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas reguladas na Lei orgánica de educación 2/2006, do 3 de maio, que estean en servizo activo na Comunidade Autónoma de Galicia no curso académico 2011-2012 e que estean en posesión do título de perfeccionamento en lingua galega ou do certificado de lingua galega 4 (Celga 4) ou certificación ou validación equivalente.

Enténdese tamén en situación de servizo activo na Comunidade Autónoma de Galicia en 31 de agosto de 2012 aquel persoal docente que desde un destino definitivo da Comunidade Autónoma de Galicia accedeu a un posto docente no estranxeiro e que debe reincorporarse obrigatoriamente a esta comunidade no próximo curso académico.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación.

O prazo para a presentación de instancias para tomar parte nesta convocatoria, dirixidas ao director xeral de Centros e Recursos Humanos, será de vinte días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, e poderán presentarse no rexistro único, edificio administrativo San Caetano, nas xefaturas territoriais, ou ben na forma prevista no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No suposto de optar pola presentación da solicitude e demais documentación ante a oficina de Correos, farase en sobre aberto para que a instancia sexa selada e datada polo persoal funcionario de Correos antes de ser certificada.

Unha vez rematado o prazo de presentación de instancias e demais documentación non se admitirá ningunha modificación nas peticións formuladas. Non obstante o anterior, admitirase renuncia á participación no concurso de méritos específico dentro do prazo establecido para as reclamacións sinaladas no punto sexto, entendendo que tal renuncia afecta todas as peticións formuladas.

Artigo 4. Solicitude e documentación.

Aínda que se concurse a máis dunha praza, o persoal concursante presentará unha única instancia, acompañada dunha fotocopia desta e unha folla de autobaremación, que aparece como anexo IV e simultaneamente presentarán, para a demostración dos méritos, os documentos que se indican no baremo que aparece como anexo II.

Non terán que presentarse aqueles documentos xustificativos de méritos alegados que fosen presentados polos concursantes para completar o seu expediente persoal na aplicación informática a través do enderezo www.edu.xunta.es/datospersoais

As/os concursantes presentarán ademais:

Proxecto de traballo sobre as liñas básicas de actuación para o desenvolvemento das funcións inherentes ao posto que se solicita, tendo en conta as características deste, cunha extensión máxima de 20 folios.

Artigo 5. Comisión de selección.

1. A selección das/os aspirantes será realizada por unha comisión integrada polos seguintes membros:

Presidente: o director xeral de Centros e Recursos Humanos ou persoa en que delegue.

Vogais: ata un máximo de catro vogais, coa categoría de subdirectores ou subdirectoras xerais, xefas ou xefes de servizo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou membros da Inspección Educativa.

Unha funcionaria ou funcionario da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretaria ou secretario con voz e sen voto.

2. A comisión de selección poderá solicitar a incorporación aos seus traballos de persoas expertas, que se limitarán a prestar a súa colaboración. Ademais, poderá asistir un representante de cada organización sindical con presenza na mesa sectorial docente non universitaria, con voz e sen voto.

A comisión poderá dispoñer a constitución de subcomisións técnicas para colaborar na valoración daqueles méritos e/ou proxectos de traballo que coiden pertinentes.

Cada un dos sindicatos da Mesa Sectorial Docente poderá nomear unha persoa representante, con voz e sen voto, para a asistencia ás sesións das subcomisións.

3. Para a valoración dos números 1, 2, 3.1 e 3.2 do baremo establecido no anexo II a comisión de selección poderá delegar esta función nunha subcomisión formada por persoal funcionario da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Logo de seren baremadas todas as solicitudes presentadas, os resultados provisionais serán publicados no Diario Oficial de Galicia, así como nos taboleiros de anuncios da consellería e das xefaturas territoriais e no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.es/, sinalando a relación de persoal excluído e a causa da súa exclusión provisional. Contra esta resolución provisional poderanse, no prazo de 10 días naturais desde a súa publicación, presentar as reclamacións que procedan.

Todo o persoal aspirante que obteña unha puntuación mínima de 4 puntos no proxecto poderá ser convocado pola comisión de selección á celebración dunha entrevista para mellor apreciar as circunstancias que concorren neles, e que versará sobre o proxecto presentado.

4. Os membros da comisión e, de ser o caso, da subcomisión, estarán suxeitos ás causas de abstención e recusación establecidas nos artigos 28 e 29 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e terán dereito a percibir asistencias e axudas de custo por concorreren ás sesións, conforme ao Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño), modificado polo Decreto 144/2008, de 26 de xuño (DOG do 18 de xullo) estando cualificadas na categoría primeira.

Artigo 6. Proposta de nomeamento.

O persoal aspirante que non acade unha puntuación mínima de 4 puntos no proxecto e de 4 puntos na entrevista, no caso de ter lugar, non poderán ser propostos pola comisión. Será seleccionado o persoal aspirante que obtendo as puntuacións mínimas sinaladas acade as maiores puntuacións no total dos puntos recollidos no baremo establecido no anexo II, para a praza que solicitan.

No caso de se produciren empates no total das puntuacións outorgadas, estes resolveranse, atendendo sucesivamente e por esta orde á maior puntuación nos números 4, 1, 3.3, 3.1, 3.2 e 2.

Unha vez realizado todo o proceso anterior, a comisión de selección proporá ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a adxudicación dos postos, que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, e pola que se entenderá notificado, para todos os efectos, o persoal concursante a que afecte. Contra esta resolución poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición perante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación. De non considerar oportuna a interposición do citado recurso, poderase formular directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 7. Resolución da convocatoria.

A resolución da convocatoria será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, e por ela entenderanse notificadas, para todos os efectos, as persoas concursantes a que afecte.

O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de seis meses contado desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, tendo efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 8. Toma de posesión.

O persoal seleccionado deberá incorporarse ás prazas obtidas con data do 1 de setembro de 2012, e cesará no seu destino de procedencia o 31 de agosto do mesmo ano.

As prazas adxudicadas serano en comisión de servizos, por un período dun ano e un máximo de seis e con reserva do posto de traballo de orixe, de acordo co disposto no punto 2 do artigo 3 do Decreto 244/1999, do 29 de xullo.

Artigo 9. Devolución da documentación presentada.

Unha vez transcorridos tres meses desde a data de publicación da resolución definitiva as persoas interesadas, ou a súa representación legal, disporán dun prazo de seis meses para retirar a documentación ante a presidencia da comisión. En caso contrario entenderase que renuncian á súa devolución.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para ditar as disposicións que sexan necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

N.º do posto

1

Convenio: ONCE.

Destino

Centro base da ONCE: Lugo.

Prazas

1.1. Lugo: 1 mestra/e.

Funcións

Atención á educación integrada de invidentes e deficientes visuais, cunha intervención directa, presencial e personalizada coa/o alumna/o.

Atención á familia.

Asesoramento ao profesorado da aula.

Adaptación de materiais.

Requisitos

Dispoñibilidade de vehículo particular.

N.º do posto

2

Convenio: Fundación Preescolar na Casa.

Destino

Zonas de traballo de Preescolar na Casa, que se especifican a continuación:

– Provincia da Coruña:

2.1.1. Concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco, Laxe, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Santa Comba, Val do Dubra e Zas.

2.1.2. Concellos da Baña, Camariñas, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía e Negreira.

2.1.3. A Capela, As Pontes de García Rodríguez, Fene, Ferrol, Narón e Neda.

2.1.4. Arteixo, A Laracha, Carral e Carballo.

– Provincia de Lugo:

2.2.1. Concellos da Pobra de Brollón, Folgoso do Courel, Monforte de Lemos, O Incio, Pantón, Quiroga, Ribas de Sil e Sober.

2.2.2. Equipo TV (Lugo).

– Provincia de Ourense:

2.3.1. Concellos de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Cualedro, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo de Limia.

2.3.2. Concellos de Castrelo do Val, Laza, Monterrei, Riós, Oímbra, Vilardevós e Verín.

– Provincia de Pontevedra:

2.4. Concellos de Cotobade, Ponte Caldelas, Fornelos de Montes, Soutomaior, Vilaboa e Redondela.

Prazas

A Coruña: 4 (mestra/mestre).

Lugo: 2 (mestra/mestre).

Ourense: 2 (mestra/mestre).

Pontevedra: 1 (mestra/mestre).

Funcións

– Para o traballo coas familias:

Estudo de zona (recollida de datos, convocatoria e visita ás familias).

Planificación e realización de reunións de orientación quincenais coas familias, potenciando a reflexión e o intercambio entre adultos.

Contacto coas institucións da zona relacionadas co traballo (mestras/es, pediatras, educadoras/es familiares, traballadora/or social…).

Organización de actividades diferentes ás reunións de orientación (excursións, charlas, exposicións, etc.).

Participación nas reunións de zona e xerais.

Colaborar cos diferentes medios do programa (revista, radio e televisión).

– Para o traballo do equipo de TV:

Elaboración de guións.

Localizar e visionar os lugares de gravación en toda Galicia.

Gravar en exteriores.

Editar o programa na TVG.

Elaborar o teletexto e a páxina web.

Outras actividades relacionadas co programa (bases de datos, xestión de programas, etc.).

Observacións

O carácter itinerante do programa implica a necesidade de carné de conducir e dispoñibilidade de vehículo. A especificidade do traballo implica flexibilidade horaria. As áreas de traballo poderán ser modificadas baseándose nas necesidades das poboacións atendidas e da organización propia do programa.

N.º do posto

3

Convenio: Consellería de Traballo e Benestar.

Destino

3.1. Centro de Montealegre (Ourense).

Prazas

1 praza para mestra/e.

Funcións

Docencia no centro aos internos que, por diversos motivos, non asistan á clase en centros ordinarios.

Apoio educativo aos internos que estean escolarizados en centros ordinarios e coordinación cos distintos centros.

Apoio educativo aos internos matriculados en modalidades de educación a distancia.

Requisitos

Experiencia en educación de adultos e/ou en traballo con persoas con necesidades educativas especiais.

Coñecementos de informática en canto á utilización deste tipo de recursos no proceso de ensino-aprendizaxe.

Observacións

Dispoñibilidade horaria (xornada partida para adaptarse ás necesidades dos internos).

N.º do posto

4

Programa específico: Consellería de Sanidade.

Destino

4.1. Hospital Clínico de Santiago de Compostela. 1 praza de mestres/as.

4.2. Hospital Islas Cíes de Vigo. 1 praza de mestres/as.

4.3. Complexo Hospitalario de Ourense. 1 praza de mestres/as.

4.4. Hospital Arquitecto Macide de Ferrol. 1 praza de mestres/as.

4.5. Hospital Provincial de Pontevedra. 1 praza de mestres/as.

Prazas

5 prazas para mestres/as.

Funcións

Proseguir a formación dos/as nenos/as durante a permanencia no hospital, sen que a actividade docente cause prexuízos ao seu benestar e non obstaculice os tratamentos correspondentes. Manter hábitos de estudo. Coordinación cos centros educativos a que asisten normalmente. Estimular a actividade creativa para evitar o aburrimento. Dar un carácter positivo e contido formativo aos tempos libres e de ocio no hospital.

Requisitos

Funcionario/a do corpo de mestres. Experiencia como asesor e traballo en equipo co persoal do centro hospitalario. Cursos relacionados coa saúde.

Observacións

Horario adaptado ás necesidades do centro.

N.º do posto

5

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Destino

5.1. Servizos centrais da consellería.

Prazas

1 praza para profesor/a de ensino secundario (preferentemente da especialidade de Bioloxía).

Funcións

Recoller as achegas en educación ambiental dos diferentes colectivos implicados nos procesos educativos regrados e non regrados e presentar as propostas elaboradas.

Desenvolver accións normativas de educación ambiental nas aulas da natureza e realizar o seguimento dos resultados.

Establecer liñas de colaboración cos seminarios permanentes de renovación pedagóxica, asociacións ecoloxistas e demais colectivos implicados no ámbito da educación ambiental.

Requisitos

Experiencia en programación, organización, coordinación e dirección de actividades de formación.

Coñecementos do medio natural (mestrados, cursos, publicacións, etc.).

Observacións

Horaio da Administración xeral.

N.º do posto

6

Convenio: Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (Programa Escolas Viaxeiras).

Destino

Lugo.

Prazas

1 praza para mestre/a.

Funcións

Coordinar e informar sobre todos os aspectos do programa, tanto os que reciban en Galicia como os deprazamentos de alumnos/as galegos/as a outras comunidades.

Elaborar o proxecto anual do traballo, proxecto educativo, curricular e organizativo.

Elaborar os cadernos de traballo dos/as alumnos/as participantes.

Recibir e instalar os/as alumnos/as.

Organización do transporte, visitas, aloxamento, mantemento, etc.

Coordinar os profesores titores acompañantes.

Memoria de valoración de resultados.

Elaboración da memoria económica.

Aqueloutras funcións ou actividades que teñan relación cos/coas profesores/as de alumnos/as.

Requisitos

Observacións

Horario adaptado en cada momento ás necesidades que demande a realización do programa, especialmente nos meses de estadía real dos/as alumnos/as.

N.º do posto

7

Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home-Galicia.

Destino

Lugo.

Prazas

1 praza para mestre/a.

Funcións

Colaboración no eido educativo para a rehabilitación e integración sociolaboral das persoas atendidas pola fundación.

Actividades orientadas a facilitar a súa integración social e laboral e á adquisición de hábitos e actitudes positivas que favorezan o desenvolvemento e maduración persoal, contribuíndo ao éxito do seu proceso terapéutico.

Requisitos

Experiencia en educación de adultos.

Observacións

Horario adaptado ás necesidades da fundación.

N.º do posto

8

IES A Sardiñeira

Destino

Prazas

1 praza para profesores de ensino secundario, especialidade: Análise e Química Industrial ou Física e Química.

Funcións

Impartir o módulo de Proceso Químico en convenio Repsol.

Requisitos

Profesor de ensino secundario coa especialidade sinalada.

Observacións

N.º do posto

9

Asociación de Diminuídos Psíquicos de Santiago (Aspas).

Destino

Santiago de Compostela.

Prazas

1 praza para mestre/a.

Funcións

Integración social da mocidade diminuída a través do traballo como terapia fundamental mellorar a situación persoal e a calidade de vida destes mozos discapacitados. Actividades adecuadas á situación. Realizar e, de ser o caso, coordinar todas as actividades escolares e extraescolares do centro. Traballo en programas de desenvolvemento integral.

Requisitos

Experiencia en educación especial. Especialista en pedagoxía terapéutica ou en orientación educativa.

Observacións

Horario adaptado ás necesidades do centro.

ANEXO II

Conceptos

Puntuación

Total puntos máximo

Documentos xustificativos

1. Antigüidade:

Por cada ano de servizo como funcionaria/o de carreira. Para estes efectos computaranse os servizos docentes previos recoñecidos conforme a Lei 70/1978.

0,50 puntos

5 puntos

2. Méritos académicos:

2.1. Polo título de doutora/doutor.

1 punto

2 puntos

Copia compulsada das titulacións alegadas.

2.2. Titulacións de segundo ciclo: por cada licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou títulos declarados legalmente equivalentes.

0,5 puntos

2.3. Titulacións de primeiro ciclo: pola segunda diplomatura ou os 3 primeiros cursos dunha licenciatura.

0,25 puntos

3. Formación e perfeccionamento: 6 puntos

3.1. Por cursos superados que teñan por obxecto o perfeccionamento sobre os aspectos científicos e didácticos, organizados polas administracións educativas que se atopen en pleno exercicio das súas competencias en materia educativa, por institucións sen ánimo de lucro que fosen homologadas polas administracións precitadas, así como os organizados polas universidades (0,10 puntos por cada 10 horas de cursos superados acreditados).

Ata 2 puntos

Copia compulsada da documentación alegada.

3.2. Por outras actividades de formación e perfeccionamento en materia educativa, incluída a impartición de cursos (0,10 puntos por cada 10 horas).

Ata 1 punto

3.3. Por actividades de formación específica directamente relacionadas co posto a que se pretende acceder (0,10 puntos por cada 10 horas).

Ata 3 puntos

4. Proxecto de traballo:

O proxecto de traballo deberá conter os obxectivos, planificación xeral, actividades, xustificación e definición a que corresponde a praza que se solicita.

(Puntuación mínima exixida por esta epígrafe: 4 puntos).

Ata 6 puntos polo proxecto

Ata 6 puntos

Orixinal, cunha extensión máxima de 20 folios.

missing image file

ANEXO IV

PRIMEIRO APELIDO SEGUNDO APELIDO

NOME DNI NRP

Concepto

Puntuacións parciais

Total

1. Antigüidade (Máximo 5 puntos):

Por cada ano de servizo como funcionaria/o de carreira. Para estes efectos computaranse os servizos docentes previos recoñecidos conforme a Lei 70/1978.

0,50

2. Méritos académicos (máximo 2 puntos):

2.1. Polo título de doutor.

1

2.2. Titulacións segundo ciclo.

0,5

2.3. Titulacións primeiro ciclo.

0,25

3. Formación e perfeccionamento (máximo 6 puntos):

3.1. Por cursos superados que teñan por obxecto o perfeccionamento sobre os aspectos científicos e didácticos, organizados polas administracións educativas (0,10 puntos por cada10 horas).

Ata 2 puntos

3.2. Por outras actividades de formación (0,10 puntos por cada10 horas).

Ata 1 punto

3.3. Por actividades de formación específica directamente relacionadas co posto o que se pretende acceder (0,10 puntos por cada10 horas).

Ata 3 puntos

4. Proxecto de traballo: ata 6 puntos polo proxecto.