Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Xoves, 12 de abril de 2012 Páx. 13020

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 2 de abril de 2012, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se convocan axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados e aos seus familiares para o ano 2012.

Segundo o Decreto 12/2012, do 4 de xaneiro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e o Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 215/2010, do 16 de decembro, o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, e o Decreto 52/2012, do 26 de xaneiro, a Secretaría Xeral da Emigración configúrase como o órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponden, entre outras, as competencias en materia de política inmigratoria e de retorno en Galicia, así como a xestión de todos os procedementos que desas materias deriven.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

Para darlle cumprimento aos obxectivos que ten encomendados, esta secretaría xeral convoca unha resolución de axudas económicas en favor dos emigrantes retornados e os seus familiares que ten por finalidade axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.

No marco desta resolución preténdese reforzar a cobertura aos galegos retornados da terceira idade, así como establecer, ademais das axudas concedidas con carácter xenérico, outras destinadas a sufragar, cos límites establecidos, os seguintes gastos derivados do retorno consistentes en traslado de enxoval, gastos da viaxe do retorno e tradución e legalización de documentos.

Estas axudas fundaméntanse en feitos de urxente atención, teñen carácter simplemente paliativo e destínanse a facer fronte a aquelas causas sobrevidas derivadas do retorno que, polas súas circunstancias, requiren dunha atención perentoria na obtención de recursos polos afectados, de tal xeito que alcancen a complementar ou aliviar a carencia de recursos. Polos ditos motivos e dada a súa excepcionalidade por razóns de interese social, proponse un mecanismo de tramitación e resolución que, sen prexuízo da obxectividade da concesión e das garantías na súa aplicación, faciliten a cobertura, curso e resolución sobre as peticións que se formulen.

Todo isto de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por todo o exposto e no exercicio das facultades que me confire a disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, naqueles preceptos que sexan básicos, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na normativa que a desenvolve,

RESOLVO:

Artigo 1. Convocatoria.

Convocar axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados e aos seus familiares para o ano 2012 que teñen como finalidade axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.

A dita resolución de convocatoria rexerase polas bases reguladoras establecidas no anexo I da Resolución do 12 de abril de 2010, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados e aos seus familiares e se procede á súa convocatoria para o ano 2010 (DOG n.º 72, do 19 de abril).

Non obstante o anterior, a mención á resolución feita nos artigos 4.1.b), 4.1.c), 4.2, 4.3, 8.1.4) e 18 das ditas bases reguladoras enténdese referida á presente resolución de convocatoria.

Artigo 2. Solicitudes.

A solicitude deberá presentarse segundo o modelo normalizado recollido no anexo desta resolución de convocatoria xunto coa documentación relacionada no artigo 8 das bases reguladoras da Resolución do 12 de abril de 2010, da Secretaría Xeral da Emigración, publicada no DOG n.º 72, do 19 de abril. Este modelo de solicitude tamén poderá obterse a través do portal da Secretaría Xeral da Emigración no seguinte enderezo da internet: http://emigracion.xunta.es/

As solicitudes presentaranse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral da Emigración (rúa Basquiños n.º 2, 15704 Santiago de Compostela), ou en calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

O prazo de presentación das solicitudes será desde a data de publicación desta resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2012.

Artigo 3. Desenvolvemento e aplicación.

O secretario xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución de convocatoria.

Artigo 4. Financiamento.

Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito de setenta mil euros (70.000 €) correspondentes á aplicación orzamentaria 04.50.312C.480.0.

Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación.

Artigo 5. Réxime de recursos.

Contra esta resolución, que é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o secretario xeral da Emigración, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2012.

J. Santiago Camba Bouzas
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file