Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Luns, 16 de abril de 2012 Páx. 13438

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2012, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan estadías de tempo libre para mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas.

O artigo 1.1 da Constitución española establece a igualdade como un valor superior do ordenamento xurídico. O artigo 9.2 formula o mandamento expreso aos poderes públicos para que a fagan efectiva e prohibe no artigo 14 expresamente calquera discriminación por razón de sexo.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 4 que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas e remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude.

O Decreto 12/2012, do 4 de xaneiro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, configura a Secretaría Xeral da Igualdade como órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma.

Segundo o Decreto 325/2009, do 18 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 215/2010, do 16 de decembro, e polo Decreto 52/2012, do 26 de xaneiro, a Secretaría Xeral da Igualdade é o órgano ao cal lle corresponde, entre outras funcións, impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia.

A Secretaría Xeral da Igualdade, segundo os acordos de actuación co Instituto da Muller do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, executará directamente, con fondos finalistas do Estado, o Programa de estadías de tempo libre para mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas.

Por todo o exposto, e no exercicio das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto, réxime e convocatoria.

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras que se inclúen como anexo, que rexerán a concesión en réxime de concorrencia competitiva de estadías de tempo libre para mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas estadías para o ano 2012.

Artigo 2. Prazas.

Convócanse ata un máximo de 95 prazas para mulleres con fillas e/ou fillos ao seu cargo, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Duración.

As estadías terán unha duración de entre sete e dez días, en réxime de pensión completa, preferentemente entre finais do mes de xuño e principios do mes de xullo.

Artigo 4. Condicións económicas.

Os gastos de aloxamento, manutención, monitoras e transporte desde o seu concello de orixe serán gratuítos para as persoas beneficiarias, e serán por conta da Secretaría Xeral da Igualdade.

Artigo 5. Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes formalizaranse segundo o modelo do anexo I desta resolución, asinadas pola persoa solicitante. O formulario da solicitude, así como os demais formularios normalizados referidos nas bases reguladoras e que figuran como anexos desta resolución, estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.es e na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade http://www.mulleresengalicia.es

2. As solicitudes poderán presentarse en formato electrónico, ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es, de acordo co estipulado na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación electrónica a solicitante deberá posuír un DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3, recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @firma. Xunto cos formularios de solicitude deberá achegarse a documentación a que se fai referencia no artigo 4 das bases reguladoras da convocatoria, que deberá cumprir os requisitos sinalados no artigo 27 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro. Aqueles documentos non dispoñibles en formato electrónico e que pola súa natureza non sexan susceptibles de achega nun formato electrónico válido deberán presentarse, xunto coa copia do anexo I, a través das vías previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ademais do formato electrónico admítese igualmente a presentación en formato papel no Rexistro da Secretaría Xeral da Igualdade, sito no edificio administrativo de San Lázaro s/n, en Santiago de Compostela, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso teñan subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de non presentarse na Secretaría Xeral da Igualdade, deberá enviarse unha copia da solicitude por fax ao número 981 54 19 19, antes da data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da súa publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

Artigo 6. Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI447A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nos servizos de Igualdade das delegacións territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, http://www.xunta.es/resultados-da-guia-do-cidadan, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, http://www.mulleresengalicia.es, do teléfono 981 95 76 99 no enderezo electrónico vx.igualdade@xunta.es, ou presencialmente.

Artigo 7. Adquisición dos servizos obxecto da axuda.

A adquisición dos servizos que constitúen o obxecto desta axuda realízase mediante contratación, cun gasto por un importe máximo total de 48.000,00 euros (IVE incluído) e referencia 2012-04-241.

Disposición derradeira primeira.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira segunda.

Quedan sen efecto as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de estadías de tempo libre para mulleres soas con responsabilidades familiares non compartida, aprobadas pola Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade do 25 de febreiro de 2011 (DOG n.º 50, do 12 de marzo).

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2012.

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

ANEXO

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia
competitiva, de estadías de tempo libre para mulleres soas
con responsabilidades familiares non compartidas

Artigo 1. Obxecto e finalidade.

1. O obxecto destas bases é regular o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, para a participación no Programa de estadías de tempo libre para mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas.

2. A súa finalidade é facilitarlles ás mulleres que teñan fillas ou fillos menores exclusivamente ao seu cargo un espazo e un tempo desligado da súa situación habitual e no cal poidan intercambiar experiencias a través da convivencia nun espazo de lecer.

Artigo 2. Requisitos.

1. Poderán solicitar as prazas obxecto desta convocatoria as mulleres que reúnan os seguintes requisitos, na data de presentación da solicitude:

a) Ter fillas ou fillos exclusivamente ao seu cargo con idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos.

b) Estar domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso de mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia ou tarxeta de réxime comunitario, segundo o caso.

c) Dispoñer dunha renda mensual que, tendo en conta todos os ingresos do conxunto da unidade familiar, dividida polo número de membros que a compoñen, non supere o salario mínimo interprofesional (SMI).

d) Non padecer ela, nin as fillas ou fillos que a acompañen, unha enfermidade que requira illamento e/ou que impida a normal convivencia.

2. Para asistir ao programa, as mulleres beneficiarias irán acompañadas das/os súas/seus fillas/fillos menores, sempre que estas/es teñan idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos, ambos inclusive, na data de presentación da solicitude.

Artigo 3. Criterios de valoración.

1. Para a adxudicación das prazas aplicaranse os seguintes criterios de valoración:

1.1. Número de fillas/os a cargo exclusivo da muller:

a) 4 ou máis fillas/os: 3 puntos.

b) 2 ou 3 fillas/os: 2 puntos.

c) 1 filla/o: 1 punto.

Teranse en conta exclusivamente as fillas e fillos menores de idade non emancipados que convivan con ela.

1.2. Situación de discapacidade:

a) Situación de discapacidade da solicitante, igual ou superior ao 33%: 3 puntos.

b) Situación de discapacidade das/os fillas/os da solicitante, igual ou superior ao 33%: 3 puntos por cada filla ou fillo.

1.3. Contía dos ingresos mensuais (renda do conxunto da unidade familiar dividida polo número de membros que a compoñen).

a) Renda inferior ou igual ao 60% do SMI: 4 puntos.

b) Renda superior ao 60% e inferior ou igual ao 80% do SMI: 3 puntos.

c) Renda superior ao 80% e inferior ou igual ao 90% do SMI: 2 puntos.

d) Renda superior ao 90% do SMI e inferior ou igual ao SMI: 1 punto.

1.4. Mulleres que estean residindo nun centro de acollida: 4 puntos.

1.5. Mulleres que acrediten ser ou ter sido vítima de violencia de xénero nos últimos 3 anos: 4 puntos.

1.6. Mulleres que acrediten estar en situación de desemprego: 2 puntos.

1.7. Mulleres que non gozasen deste programa ou doutros similares: 4 puntos.

2. Só se valorarán os criterios que fosen suficientemente acreditados nos termos previstos no artigo 4.

3. No caso de que se produza empate na puntuación, atenderase, para dirimilo, á orde de criterios establecida neste artigo. Se aínda así persistise o empate, resolverase atendendo á orde de presentación de solicitudes e, posteriormente, á orde alfabética comezando polo primeiro apelido.

Artigo 4. Solicitudes e documentación.

1. A solicitude presentarase no formulario normalizado anexo I, na forma e prazos indicados na respectiva convocatoria, xunto coa seguinte documentación:

a) Copia cotexada do libro de familia e/ou informe social, sentenza xudicial de custodia ou calquera outro documento que acredite que as/os fillas/os están exclusivamente ao seu cargo.

b) No caso de solicitantes estranxeiras, copia cotexada da tarxeta de residencia ou da tarxeta de réxime comunitario, segundo o caso.

c) No caso de discapacidade da solicitante ou das/os seus/súas fillas/os, copia cotexada da certificación acreditativa de tal condición. Non será necesario achegar esta documentación no caso de que fora expedida pola Xunta de Galicia no desenvolvemento das súas competencias.

d) Declaración responsable da situación económica da interesada, segundo o modelo que figura como anexo II, xunto cos documentos acreditativos que a xustifiquen (nómina, recibo de calquera tipo de subsidio, informe social, tarxeta de demanda de emprego, ...).

e) De ser o caso, informe do centro de acollida que acredite que a solicitante está a residir nel.

f) A situación de violencia de xénero, de ser o caso, acreditarase mediante algún dos seguintes documentos:

– Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada pola/o secretaria/o xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

– Sentenza de calquera orde xurisdicional, que declare que a muller sufriu violencia de xénero.

– Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

– Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

– Informe do ministerio fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

– Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.

g) Para xustificar a situación de desemprego: copia cotexada da tarxeta de demandante de emprego.

h) Declaración responsable do desfrute do programa, segundo o anexo III.

i) Informe médico orixinal do Servizo Galego de Saúde (Sergas), referido tanto ás mulleres como ás súas fillas ou fillos menores que a vaian acompañar, en que conste que non padecen ningunha enfermidade que requira illamento e/ou impida a normal convivencia.

j) De ser o caso aqueloutra documentación (orixinal ou copia cotexada) acreditativa do cumprimento dos requisitos e que permita aplicar os criterios de valoración establecidos: informes e certificacións dos servizos sociais municipais, centros de información ás mulleres, responsables dos centros de acollida, servizo público de emprego, ....

2. As persoas solicitantes non terán que presentar os documentos que xa fosen presentados noutro procedemento da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste caso deberán especificar a data en que os presentaron e o órgano a que os dirixiron, sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento en que se achegaron.

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e, así mesmo, comporta a autorización para completar o expediente administrativo dirixíndose aos órganos públicos ou privados competentes, ben sexa a través de acceso directo a bases de datos por medios telemáticos ou a través de solicitude por oficio ordinario, para a consulta dos seus datos de identidade e residencia nos sistemas de verificación de datos de identidade e residencia do Ministerio da Presidencia, así como para a comprobación das rendas da solicitante, da discapacidade e, en xeral, para completar o expediente administrativo.

Artigo 5. Instrución.

1. A instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero.

2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación remitida conteña erros ou sexa insuficiente, requiriranse as persoas interesadas para que, no prazo de 10 días, remitan os documentos preceptivos ou emenden os erros detectados, con indicación de que se así non o fixesen, se considerará que desiste da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Unha vez revisadas as solicitudes, remitiranse á comisión de valoración. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidenta: a subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero ou a persoa en quen delegue.

Vogais: a traballadora social da Secretaría Xeral da Igualdade, unha/un funcionaria/o do Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas e a xefa do Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas.

Secretaria: unha/un funcionaria/o da Secretaría Xeral da Igualdade.

Se, por calquera causa, algunha das persoas compoñentes da comisión de valoración non puidese asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, será substituída pola/o funcionaria/o designada/o para o efecto pola súa presidenta.

5. Unha vez valoradas as solicitudes conforme o baremo establecido no artigo 3, o órgano instrutor elevará o informe do resultado da avaliación efectuado pola comisión de valoración, xunto coa correspondente proposta de resolución á Secretaría Xeral da Igualdade, na cal se incluirá a relación das persoas seleccionadas e suplentes por orde decrecente de puntuación.

Artigo 6. Resolución.

1. O órgano competente para a resolución do procedemento será a Secretaría Xeral da Igualdade quen, á vista da proposta remitida polo órgano instrutor, ditará a resolución.

2. A citada resolución porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa comunicación.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de catro meses contados a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, esta entenderase desestimada.

Artigo 7. Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión desta axuda poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 8. Renuncia das beneficiarias.

1. A renuncia á praza ou prazas adxudicadas, por parte das beneficiarias titulares, deberá ser comunicada por escrito á Secretaría Xeral da Igualdade, polo menos, sete días antes do comezo das estadías.

2. A praza ou prazas vacantes, resultantes das renuncias que se produzan, poderán ser ocupadas polas seguintes beneficiarias da listaxe de suplentes, que deberán aceptar ou rexeitar a concesión, tendo en conta que, se estas beneficiarias tivesen máis fillas ou fillos que a titular da praza, só poderán participar no programa ocupando as prazas que queden dispoñibles.

No caso de que unha suplente con máis fillas ou fillos a cargo que a titular que renunciou aceptase as prazas vacantes, o resto de fillas/os quedarán en espera de posibles vacantes con prioridade respecto a outras mulleres suplentes.

3. A non comunicación da renuncia así como a súa comunicación fóra do prazo establecido no punto 1 deste artigo implicará a exclusión automática da participación na convocatoria do ano seguinte.

Artigo 9. Obrigas das persoas beneficiarias.

As mulleres beneficiarias, ademais das obrigas previstas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán:

– Realizar a actividade para a que solicitou a axuda e que lle foi concedida, segundo o previsto no artigo 1 destas bases reguladoras.

– Aceptar as normas de convivencia e as recomendacións que lle sexan realizadas desde a Secretaría Xeral da Igualdade e polas/os profesionais que exerzan funcións de coordinación e acompañamento durante o desenvolvemento das estadías.

– Comunicarlle á Secretaría Xeral da Igualdade a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade.

Artigo 10. Reintegro.

Procederá a devolución íntegra dos importes que resulten de considerar os custos dos servizos percibidos cando se obtivese a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, ou falseando ou ocultando os feitos ou datos que impedisen a súa concesión.

Artigo 11. Incompatibilidades.

1. As axudas reguladas nesta resolución son incompatibles coa percepción de calquera outra axuda establecida tanto polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, como por calquera entidade privada, destinada ao mesmo fin.

2. No suposto de que a beneficiaria obtivese subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración, entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, para o mesmo obxecto, a Secretaría Xeral da Igualdade iniciará o correspondente procedemento sancionador e de reintegro.

Artigo 12. Responsabilidades e réxime sancionador.

1. As persoas que obteñan a axuda quedan sometidas ás responsabilidades e réxime sancionador que sobre infraccións administrativas en materia de subvencións establece o título IV da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No suposto de grave incumprimento das obrigas, a/o profesional que exerza funcións de coordinación, logo de autorización da Secretaría Xeral da Igualdade, ordenará o abandono da estadía á beneficiaria incumpridora xunto coas fillas e fillos a cargo e implicará ademais a exclusión automática da participación da beneficiaria na convocatoria do ano seguinte.

Artigo 13. Publicidade.

A concesión destas axudas non serán obxecto de publicidade, en aplicación do disposto no artigo 18.3.d) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 13.6 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración galega.

A Secretaría Xeral da Igualdade velará polos datos de carácter persoal que sexan obxecto de tratamento e adoptará as medidas necesarias para cumprir co disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 14. Normativa aplicable.

En todo o non previsto nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e demais normativa de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file