Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Martes, 17 de abril de 2012 Páx. 13662

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 21 de marzo de 2012 pola que se establece o modelo oficial de contrato de intermediación en adopción internacional para a Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, establece no artigo 75.2 que nos procesos de adopción internacional lle corresponde ao departamento competente da Xunta de Galicia a habilitación, o control, a inspección e a elaboración das directrices de actuación das entidades colaboradoras de adopción internacional no ámbito da Comunidade Autónoma.

Pola súa parte, o Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia dedica as seccións segunda a novena do capítulo V á regulación das entidades colaboradoras de adopción internacional e indica no seu artigo 96 que o funcionamento destas entidades se axustará ao que estableza a normativa internacional, estatal e autonómica aplicable.

Neste sentido, o artigo 8 da Lei 54/2007, do 28 de decembro, de adopción internacional determina que a entidade colaboradora de adopción internacional e as persoas solicitantes de adopción deben formalizar un contrato referido exclusivamente ás funcións de intermediación que aquela asume con respecto á tramitación da solicitude de adopción. A continuación exixe que o modelo básico de contrato sexa previamente homologado pola entidade pública competente.

Por todo isto, faise preciso establecer un modelo de contrato pechado que incorpore aqueles aspectos e elementos que establece como necesarios o Decreto 42/2000.

En virtude do exposto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6.º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Primeiro. Apróbase o modelo oficial de contrato de intermediación en adopción internacional para a Comunidade Autónoma de Galicia cuxo contido se incorpora como anexo a esta orde.

Segundo. Este modelo será pechado en todas as súas estipulacións. En caso de que circunstancias excepcionais fixesen necesaria algunha modificación, a Xunta de Galicia autorizará e visará as modificacións, logo da xustificación da entidade colaboradora de adopción internacional. O contrato modificado non se converterá nun novo modelo de contrato da dita entidade para sucesivos procesos de adopción alleos á circunstancia que motivou a modificación.

Disposición transitoria.

As entidades colaboradoras de adopción internacional que se atopen habilitadas pola Xunta de Galicia na data de entrada en vigor desta norma deberán presentar no prazo de 3 meses desde a entrada en vigor un modelo de contrato axustado ao establecido no anexo desta norma. Ao dito modelo deberá xuntarse unha nova proposta de gastos acorde coa estrutura e contido do anexo I ao modelo de contrato, xunto coa documentación xustificativa dos importes de cada unha das partidas, que deberá ser autorizada pola Xunta de Galicia de acordo co disposto nos artigos 105.1.g) e 114 do Decreto 42/2000.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2012.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

CONTRATO DE INTERMEDIACIÓN EN ADOPCIÓN INTERNACIONAL

En__________________, o _____de _________de 201_.

REUNIDOS

Dunha parte:

D./D.ª________, con DNI núm.________, actuando en nome e representación da entidade colaboradora de adopción internacional________, con domicilio en__________________.

Doutra parte:

D./D.ª_______________, con DNI núm.________ e D./D.ª_______________, con DNI núm.________, con domicilio en________ e actuando no seu propio nome e representación.

Ambas as dúas partes, que se recoñecen capacidade legal suficiente e prestan o seu consentimento para a formalización deste contrato,

EXPOÑEN:

Que a entidade colaboradora de adopción internacional________ (en adiante a ECAI), é unha entidade sen ánimo de lucro, inscrita no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Xunta de Galicia e habilitada por esta como entidade colaboradora de adopción internacional para exercer as funcións de intermediación para a adopción internacional en________ (país) por resolución de data do________ e de acordo coa autorización concedida polas autoridades de________ (país de orixe da/do menor) mediante resolución de data do________.

Que D.________ e D.ª________ (en adiante as persoas solicitantes) están interesadas na adopción dun/dunha menor de orixe________, para o que requiren a ECAI para que realice os traballos de xestión e intermediación en adopción internacional.

Que antes da sinatura deste contrato as persoas solicitantes recibiron información completa dos requisitos, proceso e condicións da adopción en________ (país), así como da actuación da ECAI, de todo o que recibiron un dossier escrito, que declaran que leron e comprenderon e cuxa relación de documentos se incorpora como anexo II.

Que as persoas solicitantes obtiveron con data do__________ o certificado de idoneidade para a adopción en________ (país) emitido pola Secretaría Xeral de Política Social da Xunta de Galicia.

Por canto antecede, as partes acordan formalizar este contrato de arrendamento de servizos, de acordo coas seguintes

CLÁUSULAS:

Primeira. Obxecto do contrato.

Este contrato ten por obxecto a prestación por parte da ECAI de servizos de intermediación na tramitación do expediente de adopción internacional das persoas solicitantes en ________ (país).

A intermediación comprende toda actividade que teña por obxecto intervir poñendo en contacto ou en relación as persoas solicitantes de adopción coas autoridades, organizacións e institucións do país de orixe ou residencia da ou do menor e prestar a asistencia suficiente para que a adopción se poida levar a cabo.

A execución deste contrato levarase a cabo sempre baixo a primacía do interese superior da/do menor e desenvolverá as súas funcións de acordo co disposto no Convenio da Haia do 29 de maio de 1993, relativo á protección do neno e á cooperación en materia de adopción internacional; a Convención sobre os dereitos da infancia do 20 de novembro de 1989; a Lei 54/2007, do 28 de decembro, de adopción internacional; a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia; o Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia; a lexislación do país de orixe da/do menor e as instrucións que para o efecto dite a Secretaría Xeral de Política Social.

As funcións que debe realizar a ECAI serán as seguintes:

a) Información e asesoramento ás persoas interesadas en materia de adopción internacional.

b) Intervención na tramitación de expedientes de adopción ante as autoridades competentes, tanto españolas como estranxeiras.

c) Asesoramento e apoio ás persoas solicitantes de adopción nos trámites que necesariamente deben realizar en España e no estranxeiro.

d) Realizar as xestións correspondentes para o cumprimento das obrigas postadoptivas establecidas para as persoas adoptantes na lexislación de________ (país) que lle sexan encomendadas, nos termos fixados pola Xunta de Galicia.

A sinatura deste documento non outorga ás persoas solicitantes ningún dereito á terminación do procedemento de adopción internacional dun/dunha menor, nin a que esta se produza nun tempo determinado.

Segunda. Profesionais.

A ECAI, a través das/dos seus profesionais, suxeitos/as ao réxime de actuación previsto no artigo 106 do Decreto 42/2000, levará a cabo as súas funcións de intermediación coa debida dilixencia e informará puntualmente as persoas solicitantes sobre o desenvolvemento do proceso.

Terceira. Exclusividade.

Mediante a sinatura deste contrato, as persoas solicitantes comprométense a non iniciar durante a súa vixencia outro procedemento de adopción internacional en calquera outro país, agás expresa autorización da Xunta de Galicia segundo o previsto no artigo 89.3 do Decreto 42/2000, para os casos en que as autoridades dun país paralicen a tramitación de adopcións internacionais.

Cuarta. Obrigas da ECAI.

Son obrigas da ECAI:

Con carácter xeral:

1. Informar e asesorar as persoas solicitantes sobre a adopción internacional en xeral, o proceso adoptivo, as condicións específicas de tramitación en________ (país) e a actuación da ECAI e manter actualizada a dita información.

2. Inscribir a solicitude das persoas solicitantes no Rexistro da entidade, por orde de entrada, reflectindo a data de recepción do certificado de idoneidade, da sinatura do contrato e das restantes fases de tramitación do expediente.

As persoas solicitantes deberán dispoñer de copia selada da súa solicitude en que se fará constar a súa data de entrada e o número de rexistro correspondente.

3. Completar, por petición das persoas solicitantes, o expediente de adopción internacional en calquera das súas fases, para o que obterá os documentos necesarios e procederá, se é o caso, a traducilos e a efectuar as xestións necesarias para a súa legalización e autenticación.

4. Desenvolver actividades de preparación e formación para a adopción adaptadas ao país de orixe da/do menor.

5. Remitir a documentación que conforme o expediente ao país de orixe da ou do menor, dirixíndoa á persoa que represente a ECAI no país e informando diso á xefatura territorial correspondente.

6. Presentar, a través da persoa que a represente, a documentación do expediente á autoridade competente no país, e informar as persoas solicitantes por escrito da data en que se produza esta presentación.

7. Manter informadas as persoas solicitantes e a correspondente xefatura territorial da situación da tramitación do expediente, poñendo no seu coñecemento os impedimentos e dificultades que poidan xurdir durante o proceso.

8. Seguir e activar o procedemento de adopción, mantendo os oportunos contactos cos organismos públicos competentes. Para tal efecto, reclamará, cando sexa necesario, os documentos pertinentes dos organismos que correspondan. Esta información será facilitada por escrito cando así lle sexa requirida.

9. Comunicarlles ás administracións competentes de calquera dos dous países intervenientes todas aquelas circunstancias que sobreveñan no transcurso da tramitación do expediente e que poidan supoñer modificación sobre a idoneidade ou cumprimento dos requisitos das persoas solicitantes

10. Xustificar documentalmente todos os pagamentos recibidos das persoas solicitantes e todos os gastos directos imputables ao expediente. A xustificación dos gastos indirectos realizarase mediante factura emitida pola ECAI a nome das persoas solicitantes; a dos gastos directos, mediante copia das facturas que amparan os ditos gastos, podendo as persoas interesadas exixir a exhibición do orixinal.

11. Facilitarlles ás persoas solicitantes o acceso ao seu expediente de adopción internacional e, se é o caso, entregar copias dos documentos que figuren no seu poder.

A partir de que se produza unha preasignación:

1. Recibir do organismo oficial do país de orixe da ou do menor o documento referente á preasignación da ou do menor.

2. Comunicarlle a preasignación á correspondente xefatura territorial, facilitándolle todos os datos dispoñibles sobre a ou o menor de que se trate e, en particular, aqueles que poidan ser máis relevantes de cara á aceptación, como as circunstancias de saúde e familiares da ou do menor e aquelas circunstancias que ocasionaron a súa declaración de adoptabilidade.

3. Presentar no organismo oficial do país de orixe da ou do menor, a través da persoa que a represente, os documentos relativos á aprobación ou non da preasignación e da aceptación das persoas solicitantes.

4. Facilitar, cando sexa necesario, o outorgamento de poderes por parte das persoas solicitantes para a actuación de avogados/as e procuradores/as ou figuras análogas no país de orixe da ou do menor ante os órganos xudiciais ou administrativos competentes do dito país.

5. Informar as persoas solicitantes coa maior antelación posible do momento en que poidan trasladarse ao país de orixe da ou do menor para ultimar os trámites da adopción.

6. Acompañar as persoas solicitantes durante a súa estancia no país de orixe da ou do menor para a realización dos trámites e actuacións necesarias.

7. Asesorar as persoas solicitantes na resolución de incidencias que poidan xurdir durante a súa estancia no país en relación co proceso de adopción da ou do menor.

A partir da constitución da adopción:

1. Comprobar que a ou o menor reúne todos os requisitos para a entrada e residencia en España e que dispón de toda a documentación pertinente para o recoñecemento e eficacia da resolución estranxeira no noso país, sen prexuízo de que a valoración e decisión corresponda ás autoridades competentes do país de orixe ou de recepción.

2. Comunicarlle á correspondente xefatura territorial a constitución da adopción ou, se é o caso, a tutela legal con fins de adopción en España e a chegada da ou do menor ao noso país, facilitando unha copia da resolución de adopción ou de tutela.

3. Realizar e remitir ao organismo competente do país de orixe da ou do menor, cando así o requira e coa periodicidade que se sinale, os informes de seguimento da adaptación da ou do menor á súa nova familia, agás autorización expresa da Xunta de Galicia para non realizalos.

4. Asesorar e instar as persoas adoptantes para que soliciten a inscrición da adopción no Rexistro Civil, de non terse realizado no consulado español do país de orixe da ou do menor, así como para que propoñan a constitución da adopción plena en casos de tutela legal con fins adoptivos.

5. Comunicarlle á xefatura territorial correspondente e ao organismo competente do país de orixe da ou do menor que a resolución de adopción se inscribiu no Rexistro Civil ou consular correspondente e facilitarlle á xefatura territorial unha copia da inscrición rexistral.

6. Prestar servizos de apoio á ou ao menor adoptado e ás persoas adoptantes e, en caso necesario, orientar as familias cara a servizos de atención sanitaria, educativa ou outros.

Quinta. Obrigas das persoas solicitantes.

As persoas solicitantes de adopción están obrigadas a:

1. Participar nos procesos de formación e preparación para a adopción que leve a cabo a ECAI co obxecto de afondar no seu proxecto adoptivo.

2. Facilitar á ECAI en tempo e forma canta información sexa requirida para a tramitación do expediente, así como a documentación que necesariamente deba ser achegada ao longo de todo o proceso polas persoas solicitantes para a tramitación e incorporación ao seu expediente de adopción. A información facilitada deberá ser completa e certa.

3. Comunicarlle á ECAI coa maior brevidade posible calquera cambio que se produza nas circunstancias persoais, familiares ou de calquera índole recollidas nos informes psicosociais, así como calquera outra circunstancia relativa ao procedemento de adopción internacional.

4. Aboar á ECAI, na forma e condicións descritas na cláusula sexta deste contrato, o custo dos servizos de intermediación prestados, de conformidade cos cadros de gastos autorizados pola Xunta de Galicia.

5. Viaxar ao país de orixe da ou do menor cantas veces sexa necesario para o proceso de adopción cando llelo indique a ECAI.

6. Remitir ou entregarlle á ECAI, no prazo de 15 días desde a chegada a España, unha copia da resolución de adopción ou da tutela con fins adoptivos.

7. Cumprir co proceso de seguimento postadoptivo coa periodicidade e na forma exixida polo país de orixe da ou do menor. Para isto deberán facilitarlle coa suficiente antelación á ECAI as fotografías e calquera documento que se requira para completar os informes de seguimento e facilitar os ditos informes se, por causas xustificadas, non puidesen ser realizados pola ECAI.

A autoridade central de__________ (país de orixe da ou do menor) obriga neste momento á realización de_________ (indicar o número de seguimentos) informes de seguimento durante os____ anos posteriores á constitución da adopción (sinalar a súa periodicidade). O dito cumprimento queda suxeito aos posibles cambios no número e periodicidade dos seguimentos postadoptivos que poidan darse nun futuro.

8. Colaborar coa persoa que represente á ECAI e demais persoal desta seguindo as súas indicacións para o bo fin da adopción.

9. Recoñecer a ECAI como único intermediador no proceso de adopción, absténdose de manter calquera contacto directo coas autoridades e organismos do país de orixe da ou do menor para realizar actuacións que lle correspondan á ECAI.

Sexta. Réxime económico.

O custo total dos servizos de intermediación na tramitación do expediente ascende a_______ (cantidade en número_____). Esta cantidade inclúe os conceptos que se especifican no anexo I.

A ECAI que reciba un expediente xa iniciado só poderá cobrar a parte correspondente ás fases que sexa necesario realizar para completar a súa tramitación.

A realización de trámites ou xestións imprevistos necesarios para a tramitación do expediente será aboada polas persoas solicitantes e adecuadamente xustificada pola ECAI, cando estes vaian referidos a servizos de intermediación.

Non están incluídos no prezo do contrato e serán por conta das persoas solicitantes as probas ou revisións médicas complementarias da ou do menor asignada/o solicitadas polas persoas adoptantes, os seus gastos de viaxe, estancia e manutención, os gastos de estancia e manutención da ou do menor no seu país de orixe unha vez que lles sexa entregada/o ás persoas solicitantes e as viaxes da ou do menor.

O pagamento fraccionarase do seguinte modo:

– Primeiro pagamento: cando se asine o contrato aboarase o 50% dos gastos indirectos (_____) e efectuarase unha provisión de fondos de___, que corresponden aos gastos directos previstos ata a realización do segundo pagamento.

– Segundo pagamento: aos___ meses da sinatura do contrato/aceptada a asignación /antes do envío do expediente ao país, aboarase o 25% dos gastos indirectos (_____) e efectuarase unha provisión de fondos de___, que corresponden aos gastos directos previstos ata a realización do terceiro pagamento.

– Terceiro pagamento: antes da realización da viaxe ao país/aceptada a asignación/ao chegar a España aboarase o 25% dos gastos indirectos (_____) e efectuarase unha provisión de fondos de___, que corresponden aos gastos directos previstos para finalizar a adopción e realizar os informes de seguimento dos dous primeiros anos tras a adopción, se é o caso.

No suposto de que algún dos gastos directos deba realizarse en moeda estranxeira, a xustificación posterior precisará a data e o tipo de cambio a que se realizou.

Os seguimentos postadoptivos correspondentes ao terceiro e sucesivos anos ata completar o establecido polo país aboaranse no momento da realización do informe.

As cantidades dos diferentes pagamentos fraccionados aboaranse mediante transferencia bancaria á conta da ECAI núm._________ da entidade bancaria_______.

O incremento dos gastos indirectos producido desde a sinatura deste contrato en ningún caso suporá un aumento do prezo pactado, polo que o prezo desta intermediación non poderá ser modificado durante a vixencia do contrato, agás por causas sobrevidas debidamente xustificadas, que en todo caso deberán serlle comunicadas á Xunta de Galicia para a súa oportuna autorización antes da aplicación ás persoas solicitantes. De se produciren modificacións, estas afectarán unicamente aquelas partes da tramitación que no momento daquelas estean pendentes de realizar.

O prezo dos seguimentos do terceiro e sucesivos anos será o que figure no cadro de gastos vixente autorizado pola Xunta de Galicia no momento da súa realización.

Sétima. Resolución.

Serán causas de resolución deste contrato as seguintes:

a) O incumprimento grave das obrigas por calquera das partes.

b) A non aceptación da solicitude de adopción internacional polas autoridades competentes do país de orixe da ou do menor.

c) A declaración de non idoneidade das persoas solicitantes como consecuencia dun procedemento de actualización e/ou revisión desta.

d) A imposibilidade de continuar co procedemento por causas sobrevidas alleas á ECAI e ás persoas solicitantes.

e) A desistencia por parte das persoas solicitantes, que se poderá producir en calquera momento sen necesidade de xustificación ningunha coa simple comunicación por escrito desta circunstancia.

f) A revogación ou suspensión da habilitación da ECAI por causa imputable a esta, cando así se determine na resolución que para o efecto dite o organismo público competente.

Oitava. Paralización do expediente por causa imputable ás persoas interesadas.

A paralización do expediente por causa imputable ás persoas interesadas por prazo superior a tres meses dará lugar á devolución do expediente á Xunta de Galicia, que adoptará as medidas que procedan.

Novena. Liquidación.

1. Nos supostos de finalización do contrato por constitución da adopción procederase á liquidación das obrigas económicas da seguinte forma:

– Os gastos indirectos non se liquidan.

– Respecto dos gastos directos, as persoas solicitantes aboaranlle á ECAI ou esta devolveralles a aquelas a diferenza resultante entre as achegas realizadas e o custo real das actuacións.

2. Nos casos de resolución do contrato procederase á liquidación das obrigas económicas de acordo coas seguintes regras:

2.1. Cando a resolución se acorde polas causas recollidas nas letras b), c) e d) da cláusula sétima, a ECAI non devolverá os gastos indirectos aboados polas persoas solicitantes nin os gastos directos das actuacións efectivamente realizadas. As persoas solicitantes terán dereito a que a ECAI lles reembolse os gastos directos aboados e correspondentes a actuacións non realizadas.

2.2. Cando a resolución se produza por incumprimento das obrigas por parte da ECAI ou pola revogación ou suspensión da súa habilitación por causas imputables a ela, a liquidación realizarase do seguinte modo:

– Se as actuacións realizadas pola ECAI conservan a súa validez e eficacia para a continuación do expediente, procederase do modo previsto no punto 1 desta cláusula.

– Se é necesario realizar novamente as actuacións levadas a cabo pola ECAI, esta debe devolver ás persoas solicitantes a totalidade das cantidades aboadas.

2.3. Cando o contrato se resolva por incumprimento das obrigas por parte das persoas solicitantes, pola súa desistencia ou por revogación ou suspensión da habilitación da ECAI non imputable a ela, esta non devolverá ningunha cantidade efectivamente aboada e as persoas solicitantes deberanlle á ECAI os gastos directos non aboados e correspondentes a actuacións efectivamente realizadas.

2.4. O establecido nos puntos 2.2 e 2.3 entenderase se prexuízo das posibles indemnizacións que poidan proceder polos danos causados.

Décima. Confidencialidade.

De acordo coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, as persoas interesadas están informadas e aceptan a incorporación dos seus datos persoais aos ficheiros automatizados rexistrados na Axencia de Protección de Datos, os que se conservarán neles con carácter confidencial e tan só se porán en coñecemento das persoas que deban intervir no proceso de adopción. O titular do ficheiro é a ECAI ___, inscrita no Rexistro Xeral de Protección de Datos co núm.________. As persoas solicitantes poden exercer, en todo momento, os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición. Para iso teñen que dirixirse á ECAI, ao enderezo de correo electrónico____________, ou por escrito mediante carta dirixida á rúa______________.

No país de orixe da ou do menor será de aplicación a normativa de protección de datos daquel, non sendo responsable a ECAI do tratamento que dos datos poidan facer as autoridades do país de orixe da ou do menor.

En todo caso, as persoas solicitantes e a ECAI quedan obrigadas a respectar a confidencialidade dos datos das ou dos menores asignados durante todo o proceso adoptivo.

Concluída a tramitación dun expediente e, se é o caso, o seguimento comprometido, a ECAI remitiralle á Xunta de Galicia a documentación que quedase no seu poder.

Décimo primeira. Responsabilidade civil.

En cumprimento do artigo 105.1.i) do Decreto 42/2000, a ECAI ten concertado un seguro de responsabilidade civil para garantir calquera tipo de responsabilidade deste carácter que derive do seu funcionamento.

Décimo segunda. Vixencia.

A vixencia deste contrato será a comprendida entre a súa sinatura e o remate do procedemento de adopción no país de orixe da ou do menor, xa sexa esta coa consecución da adopción ou coa súa denegación polas autoridades competentes do país de orixe da ou do menor.

A non aprobación da preasignación da ou do menor pola Xunta de Galicia ou a non aceptación por parte das persoas solicitantes por causas xustificadas non extingue este contrato, continuando vixente este para a continuación do procedemento.

En caso de consecución da adopción internacional, a duración do contrato inclúe os períodos de seguimento postadoptivos da ou do menor establecidos pola normativa aplicable do país de orixe desta ou deste, agás que por autorización expresa da Xunta de Galicia se acorde a non realización pola ECAI.

Décimo terceira. Xurisdición competente.

Para todos os conflitos xurdidos en relación con este contrato as partes poderán acudir aos tribunais e xulgados competentes correspondentes ao domicilio das persoas solicitantes, sempre que este radique en Galicia; noutro suposto, observarase o disposto na Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil. Todo o anterior, sen prexuízo das formas de solución extraxudicial de conflitos previstos no ordenamento xurídico.

Así mesmo, as persoas solicitantes poderán formular reclamacións ante a Xunta de Galicia polo funcionamento da ECAI ou no libro de reclamacións que para tal fin ten a ECAI á disposición destas.

E, en proba de conformidade, as dúas partes asinan este contrato por triplicado no lugar e data indicados ao inicio.

ANEXO I
Gastos indirectos

En España:

a) Gastos de funcionamento1:

1. Gastos de persoal.

2. Gastos de infraestrutura e equipamento.

3. Gastos de oficina, subministracións e outros.

4. Gastos de asesoría, bancarios, seguros e financeiros.

b) Formación e adaptación:

No país de orixe da ou do menor:

– Gastos de representante e outro persoal da ECAI no país de orixe da ou do menor.

– Gastos de infraestrutura e equipamento da oficina da ECAI.

– Gastos de oficina, subministracións e outros da oficina da ECAI.

– Gastos de asesoría, bancarios, seguros e financeiros.

– Achega a proxectos de axuda social e cooperación e de mantemento da acreditación no país.

Gastos directos

En España:

– Xestión de documentos.

– Gastos de legalización e autenticación.

– Gastos de tradución.

– Gastos de mensaxaría e correos.

– Taxas.

– Seguimentos postadoptivos dos dous primeiros anos: elaboración de informes, tradución, legalización e envío.

No país de orixe da ou do menor:

– Xestión de documentos.

– Gastos derivados do rexistro do expediente no país.

– Gastos de legalización.

– Gastos de tradución.

– Intérpretes (polo traballo relacionado co proceso de adopción).

– Mensaxaría e correos.

– Taxas e gastos derivados da tramitación da adopción (xudiciais e administrativos).

– Visados e pasaporte da ou do menor.

– Gastos médicos obrigatorios.

– Desprazamentos das persoas adoptantes no país de orixe relacionados directamente co proceso de adopción.

– Axuda e manutención da ou do menor desde o momento que determine a lexislación do seu país de orixe ata a entrega da ou do menor ás persoas adoptantes.

1 As ECAI con sede central noutra comunidade autónoma distinta de Galicia deberán especificar os gastos indirectos de funcionamento da sede de Galicia e a porcentaxe que se aplica a Galicia respecto dos mesmos gastos da sede central.