Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Venres, 27 de abril de 2012 Páx. 15502

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2012, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre aprobación definitiva do expediente de delimitación do solo do núcleo rural de Marei, na parroquia de Santa María de Marei, concello do Corgo (Lugo).

I. Antecedentes.

O Concello do Corgo remite tres exemplares dunha segunda versión desta delimitación, para os efectos de resolver sobre a súa aprobación definitiva, conforme a disposición adicional segunda.2 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

O Concello do Corgo carece de instrumento de planeamento xeral e réxese polas normas de aplicación directa da LOUG e, no que non se opón a estas, polas normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial.

O 25 de marzo de 2011 esta Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo ditara resolución de non aprobación doutro proxecto de delimitación do mesmo núcleo, indicando unha serie de deficiencias para corrixir cos efectos de resolver novamente sobre a súa aprobación.

Respecto da tramitación administrativa, cabe sinalar o seguinte:

Consta o Decreto do 11 de maio de 2011 de aprobación inicial da delimitación.

Cumpriuse co trámite de información pública mediante anuncios no DOG n.º 118, do 21 de xuño de 2011 e nos xornais El Progreso (10.6.2011) e La Voz de Galicia (11.6.2011) de Lugo. Non se presentou ningunha alegación, segundo a certificación municipal do 18.10.2011.

Consta o acordo de aprobación provisional da delimitación adoptado polo Pleno do 30.9.2011.

Segundo o indicado, constátase que o expediente cumpre, respecto da documentación e tramitación administrativa, as determinacións do número 2 da disposición adicional segunda da LOUG.

II. Contido.

Proponse a delimitación do asentamento poboacional de Marei como núcleo rural complexo, cunha superficie de 49.467 m2, dentro da cal se diferencia unha área de núcleo rural histórico tradicional -T1- de 33.442 m2 e outra de núcleo rural común -C1- de 16.025 m2. O asentamento está próximo á estrada provincial 16-07 e, consonte o proxecto, contén 16 vivendas.

O proxecto fixa condicións de uso e de edificación e define o trazado das vías existentes. Non identifica outros terreos destinados a dotacións públicas nin elementos de valor cultural ou natural.

O asentamento delimitado conta con topónimo recoñecido no Nomenclátor de entidades de poboación da provincia de Lugo (Decreto 6/2000), así como no Censo de Poboación e Vivendas do Instituto Nacional de Estatística.

III. Observacións.

O novo proxecto reduce nuns 2.300 m2 a superficie do núcleo delimitada no proxecto anterior, diminuíndo aproximadamente 4.900 m2 a superficie do NRC e aumentando uns 2.600 a do NRHT. Ademais das modificacións derivadas da resolución da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, introdúcense na delimitación terreos de solo de núcleo común.

Cos cambios que agora se presentan dáse cumprimento ao requirido na Resolución da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 25 de marzo de 2011.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG e co artigo 12.1.b) do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais correspóndelle á secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Aprobar o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural de Marei, na parroquia de Santa María de Marei, no concello do Corgo, polas consideracións e nos termos anteriormente expostos.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a CMATI, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer, de ser o caso, calquera outro que consideren procedente (artigos 48, 58, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro). Se o interesado é unha Administración pública, non caberá interpor recurso en vía administrativa, podendo interpor recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se é o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigo 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

Notifíqueselle ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2012.

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

missing image file