Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Luns, 30 de abril de 2012 Páx. 15678

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 17 de abril de 2012, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se delegan competencias en materia de medios persoais e materiais da Administración de xustiza en Galicia a favor das xefaturas territoriais desta consellería.

O Decreto 7/2011, do 20 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atribúe á Dirección Xeral de Xustiza as competencias relativas aos medios persoais, económicos e materiais ao servizo da Administración de xustiza.

O artigo 3.2 do dito decreto dispón que as delegacións territoriais da Xunta de Galicia na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo quedan adscritas organicamente á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e que exercerán as competencias previstas no artigo 7 do Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, así como aqueloutras previstas na normativa aplicable.

A delegación de competencias permite unha maior axilización administrativa que redunda no beneficio tanto da Administración coma da cidadanía, dentro do máis rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe. O tempo transcorrido desde a publicación da anterior resolución de delegación de competencias e as modificacións producidas na configuración administrativa durante este período aconsellan redactar unha nova resolución que a substitúa.

Na súa virtude, de conformidade co establecido no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

DISPOÑO:

Primeiro. Delegación de competencias.

Deléganse a favor das xefaturas territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza:

1. En relación co persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza en Galicia:

a) A confección e o pagamento das nóminas, a xestión dos seguros sociais e as demais funcións de habilitación.

b) A provisión temporal de postos de traballo dos corpos de médicos forenses, de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e mais de auxilio xudicial a través do nomeamento de interinos, dentro dos límites e criterios que estableza a Dirección Xeral de Xustiza.

c) Recoñecemento de trienios aos funcionarios interinos dos corpos ao servizo da Administración de xustiza de Galicia.

d) Os acordos administrativos de aplicación do artigo 39.2 do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, aprobado polo Real decreto 1451/2005, cando se trate de atribucións de funcións de xestor, de tramitador ou de auxilio xudicial en unidades distintas á do posto de traballo do funcionario dentro do mesmo centro de destino, segundo os criterios que aprobe a Dirección Xeral de Xustiza.

e) Os acordos administrativos relativos ás substitucións a que fai referencia o artigo 75 do antedito Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional, aprobado polo Real decreto 1451/2005.

f) A determinación dos días de horario reducido por festividades locais, segundo os criterios que estableza a Dirección Xeral de Xustiza.

g) O control horario e os descontos en nómina en caso de incumprimento das xornadas.

h) A aprobación do plan de vacacións da oficina xudicial e a concesión ou denegación delas.

i) A concesión ou denegación de permisos por asuntos particulares e de permisos por causa xustificada, incluídos os permisos de maternidade e paternidade nos supostos de parto, adopción e acollemento e mais os permisos de lactación por un fillo menor de doce meses, así como tamén das reducións de xornada, con excepción da concesión de permisos para realizar función sindicais, de formación sindical e de representación do persoal.

j) A concesión ou denegación das licenzas de matrimonio.

k) A concesión ou denegación das licenzas por asuntos propios sen dereito a retribución ningunha.

l) A concesión e revogación das licenzas iniciais de enfermidade, así como a concesión, se for o caso, das sucesivas prórrogas ata os dezaoito meses.

m) A concesión das licenzas extraordinarias previstas no artigo 504.4 da Lei orgánica do poder xudicial.

n) As actuacións administrativas e sancións previstas no Regulamento xeral de réxime disciplinario do persoal ao servizo da Administración de xustiza, aprobado polo Real decreto 796/2005, en relación coas faltas leves.

2. En relación con outras materias da competencia da Dirección Xeral de Xustiza:

a) A fiscalización dos acordos municipais de nomeamento de persoas idóneas para o desempeño de secretarías de xulgados de paz de conformidade co previsto no artigo 50.3 da Lei de demarcación e de planta xudicial, así como o pagamento das compensacións económicas aplicables.

b) A xestión que lles sexa encomendada en materia de gastos de funcionamento da Administración de xustiza, para o que desenvolverán funcións de habilitación e de xestión das oportunas contas que se van xustificar.

c) A tramitación das reclamacións económicas de profesionais e técnicos privados por motivo da súa colaboración coa Administración de xustiza en calidade de peritos, depositarios, intérpretes e tradutores.

d) A xestión que lles sexa encomendada en materia de medios materiais da Administración de xustiza, en particular respecto do fornecemento de material de oficina e material non inventariable, doutros fornecementos e servizos varios e mais da conservación e reparacións das instalacións e material, así como tamén do control da recepción, implantación e funcionamento dos medios materiais da Administración de xustiza.

e) A recepción e trámite das comunicacións e solicitudes dos órganos xudiciais, fiscalías, oficinas xudiciais e servizos da Administración de xustiza sobre necesidades de medios.

f) As xestións que lles sexan encomendadas en relación co control das compensacións económicas en materia de xustiza gratuíta.

Segundo. Avocabilidade.

A delegación de competencias efectuada pola presente resolución enténdese sen prexuízo de que en calquera momento a Dirección Xeral de Xustiza poida avocar para si o coñecemento e resolución de cantos asuntos comprendidos nelas considere oportunos.

Terceiro. Recursos.

Exclúese desta delegación de competencias a resolución dos recursos que se interpoñan contra os actos dictados por delegación.

Cuarto. Control de delegacións.

A Dirección Xeral de Xustiza poderá solicitar dos órganos delegados a remisión periódica dunha relación dos actos que adopten no exercicio das atribucións delegadas.

Disposición derrogatoria.

Coa publicación da presente resolución queda derrogada a Resolución do 7 de febreiro de 2006, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se delegan competencias en materia de medios persoais e materiais da Administración de xustiza en Galicia a favor das delegacións provinciais desta consellería, así como todas aquelas disposicións que sexan contrarias ao establecido na presente resolución.

Disposición derradeira.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2012.

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza