Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Luns, 14 de maio de 2012 Páx. 17920

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 4 de maio de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras que rexen as axudas para facilitar a obtención do permiso de condución clase B e favorecer a seguridade viaria dos mozos e mozas galegos, e se procede á súa convocatoria.

A Constitución española, no seu artigo 48, sinala que os poderes públicos promoverán as condicións para a participación libre e eficaz da xuventude no desenvolvemento político, social, económico e cultural.

Pola súa parte o Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27, parágrafos 22, 23 e 24, que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias de promoción do deporte e a adecuada utilización do lecer, asistencia social, así como a promoción do desenvolvemento comunitario, que se aplica, entre outros, ao ámbito da xuventude.

Así mesmo, polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da xuventude e desenvolvemento comunitario.

Coa aprobación do Decreto 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, correspóndelle á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, entre outras funcións, a dirección e xestión das actuacións en materia de xuventude, así como das políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil, así como o fomento da participación da mocidade na vida social.

As estatísticas apuntan a que a xuventude é un sector da sociedade especialmente afectado pola actual situación de crise, xa que a súa falta de experiencia, e ás veces, a falta de formación en aspectos non formais, fai especialmente difícil o seu acceso ao mercado laboral.

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, leva a cabo a promoción e organización de actividades cun claro compoñente de educación non formal como pode ser a educación en seguridade viaria.

Esta convocatoria ten unha dobre finalidade, por unha parte, trátase de fomentar a autonomía da mocidade galega mediante a mellora da súa empregabilidade, de xeito que poidan achegar o permiso de condución como parte do seu currículum, tendo en conta o necesario que resulta dispoñer da autorización administrativa para conducir vehículos e de que en moitos casos pode ser determinante para o acceso a un emprego, e por outra, ten un carácter formativo, dentro da educación non formal, co que se pretende previr e diminuír a sinistralidade da mocidade galega nas estradas, ao vincular a obtención da axuda á superación dun curso de seguridade viaria.

Neste marco xeral hai que incardinar esta orde, que ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexen as axudas para apoiar economicamente a mocidade da Comunidade Autónoma de Galicia para a obtención do permiso de condución clase B, coa obriga de realizar con aproveitamento un curso de seguridade viaria.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007 e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega e o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán as axudas para a obtención do permiso de condución clase B por parte dos mozos e mozas residentes en Galicia, coa finalidade de mellorar a súa empregabilidade e mobilidade, así como sensibilizar e fomentar unha condución segura e responsable entre a xuventude.

Artigo 2. Requisitos dos/das solicitantes.

Poderán solicitar as axudas as mozas e mozos que cumpran os requisitos incluídos no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia, e ademais:

a) Teñan entre 18 e 30 anos de idade cumpridos no momento de presentar a solicitude.

b) Estean en situación de desemprego, cunha antigüidade mínima de seis meses, no momento de presentar a solicitude.

c) Sexan titulares do carné xove vixente no momento de presentar a solicitude.

d) Teñan a súa residencia en Galicia.

e) Acrediten un nivel de ingresos netos anuais da unidade familiar non superior a 2, 5 veces o indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM) establecido para o ano 2012, incluíndo as pagas extraordinarias, ponderado segundo os membros da unidade familiar, do xeito que se indica:

N.º de membros da unidade familiar

Ingresos máximos

1

14.910, 28

2

16.556,98

3 ou máis

18.637,85

Para os efectos da resolución desta convocatoria, entenderase por unidade familiar a constituída pola persoa beneficiaria e os familiares cos que conviva.

f) Non estar en posesión do permiso de condución obxecto da subvención no momento de presentar a solicitude, ou estar en posesión del, con data de expedición definitiva a partir do 1 de xaneiro de 2012.

Artigo 3. Solicitudes e documentación.

1. Os mozos e mozas que desexen acollerse a esta convocatoria deberán presentar a súa solicitude segundo o modelo oficial que figura no anexo I desta orde, que poderá presentarse na Oficina de Rexistro Único e Información da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en San Caetano s/n, Santiago de Compostela, no Rexistro da Consellería de Traballo e Benestar sito en San Lázaro, en Santiago de Compostela, nos rexistros das súas xefaturas territoriais ou por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Así mesmo, as solicitudes poderán presentarse por vía electrónica, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es

Todas aquelas persoas que non presenten a súa solicitude na Oficina de Rexistro Único e Información da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en San Caetano s/n, Santiago de Compostela, no rexistro da Consellería de Traballo e Benestar sito en San Lázaro, en Santiago de Compostela ou nos rexistros das súas xefaturas territoriais deberán remitir, unha vez rexistrada, unha copia da solicitude por fax ao número 981 54 58 43.

2. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG, e estará aberto ata o día 1 de setembro de 2012, salvo que se produza con anterioridade o esgotamento do crédito orzamentario dispoñible.

O esgotamento do crédito dispoñible será publicado no Diario Oficial de Galicia e na páxina web www.xuventude.net. A partir dese momento non se admitirán novas solicitudes.

3. Deberá xuntar á solicitude a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI para españois ou documento equivalente para nacionais da Unión Europea, ou tarxeta de residencia do solicitante no caso de naturais doutros países, cando o/a solicitante non autorice a Consellería de Traballo e Benestar a consulta dos seus datos no Sistema de Verificación de Datos de Identidade.

b) Fotocopia da declaración do IRPF dos membros da unidade familiar obrigados a declarar, correspondente ao último exercicio fiscal. No caso de non ter obriga de declarar, certificación de Facenda da dita circunstancia e declaración xurada de ingresos, acompañada dos correspondente xustificantes.

c) Certificado de convivencia dos membros compoñentes da unidade familiar.

d) Certificado do Inem como demandante de emprego no que conste o tempo de permanencia na situación de desemprego.

e) Fotocopia do carné xove vixente.

f) Certificado de empadroamento nalgún concello de Galicia cando o/a solicitante non autorice a Consellería de Traballo e Benestar a consulta dos seus datos no Sistema de Verificación de Datos de Identidade.

g) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para as actividades obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades consonte o modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo II.

h) Certificación bancaria do número de conta do cal sexa titular a persoa solicitante.

i) Declaración de non estar incurso nas prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, conforme o modelo que se inclúe como anexo II.

4. Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado requirirá ao/á solicitante para que no prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 42.

Artigo 4. Contía da axuda.

O importe da axuda será de 200 euros por beneficiario/a, sempre e cando este importe non supere o custo derivado da obtención do permiso de condución obxecto destas axudas.

Artigo 5. Incompatibilidade da axuda.

Esta axuda é incompatible co aproveitamento de calquera outro tipo de axuda de institucións públicas destinadas á mesma finalidade.

Artigo 6. Concesión e financiamento.

Estas axudas tramitaranse en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ao non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, concedéndose a todos aqueles solicitantes que reúnan os requisitos exixidos no artigo 2 desta orde seguindo a orde de presentación de solicitudes ata esgotar o crédito dispoñible.

No momento en que se esgote o crédito orzamentario, a Consellería de Traballo e Benestar porao en coñecemento xeral a través da páxina web: www.xuventude.net, e publicarao no DOG. A partir dese momento non se admitirán novas solicitudes.

As axudas financiaranse con cargo á partida orzamentaria 2012.12.07.313A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, aprobados pola Lei 11/2011, do 26 de decembro (DOG n.º 249, do 30 de decembro), sendo o crédito destinado ás axudas de 200.000 euros.

Artigo 7. Obrigas dos/as beneficiarios/as.

A condición de beneficiario/a obriga a este nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en concreto:

1. A figurar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, non ser debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro e non ter ningunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma. En caso contrario, non se fará o pagamento da axuda.

2. A asistir ao curso de educación viaria gratuíto organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e superalo con éxito.

3. A obter o permiso de condución clase B entre o 1 de xaneiro de 2012 e antes do 15 de outubro de 2012 como requisito previo á percepción da axuda.

4. A facilitar por escrito toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 8. Instrución e resolución.

1. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral de Programas da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, quen elevará a súa proposta de resolución ao director xeral de Xuventude e Voluntariado.

2. Correspóndelle ao director xeral de Xuventude e Voluntariado, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar e logo da fiscalización da Intervención, a competencia para a adxudicación das axudas mediante a correspondente resolución, que se notificará ás persoas solicitantes no prazo máximo de seis meses desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. A resolución recaída neste procedemento pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á notificación da resolución, se o acto fose expreso, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ante o mesmo órgano que as ditou ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses se o acto é expreso e de seis meses se é presunto, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.

5. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación ou ben para presentar a súa renuncia, expresa e motivada, conforme o modelo que se achega como anexo III.

Transcorrido o prazo sinalado sen que se producise manifestación expresa de aceptación ou renuncia, entenderase que se acepta a subvención concedida.

6. Na notificación de resolución da axuda comunicarase, así mesmo, ás persoas beneficiarias, a data de realización do curso gratuíto de educación viaria que, en todo caso, será anterior ao 15 de outubro de 2012.

Artigo 9. Xustificación e pagamento da axuda.

O pagamento da axuda realizarase, logo de que o director xeral de Xuventude e Voluntariado expida certificación na que se faga constar que superou con aproveitamento o curso obrigatorio de seguridade viaria, nun único pagamento, unha vez que a persoa beneficiaria presente, antes do 15 de outubro de 2012:

a) Copia compulsada do permiso de condución clase B, obtido dentro do prazo sinalado no artigo 7.3.

b) Orixinal ou copia compulsada da factura acreditativa do custo de obtención do permiso, factura que deberá axustarse o Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

c) Documentación xustificativa do pagamento realizado. Para estes efectos, a persoa beneficiaria deberá realizar o pagamento íntegro da factura mediante pagamento bancario (tarxeta de débito ou crédito), transferencia ou ingreso bancario en que queden claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o seu concepto, conforme o disposto no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou das entidades vinculadas ou dependentes, e declaración responsable de estar a día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, de conformidade co modelo que se achega como anexo IV.

En todos os pagamentos efectuarase a correspondente retención á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Artigo 10. Reintegro das axudas.

1. Procederá o reintegro nos termos e supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no establecido nesta orde.

b) Obtención da axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) Incumprimento das condicións, obrigas e incompatibilidades previstas nos artigos 2, 5 e 7 desta orde.

As persoas adxudicatarias quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Publicidade de datos.

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial de xuventude a relación das persoas beneficiarias, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web. Así mesmo, coa presentación da solicitude, o/a beneficiario/a autoriza a Consellería de Traballo e Benestar a incluír e facer público nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas concedidas. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, o/a solicitante poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición mediante escrito dirixido á Consellería de Traballo e Benestar.

Disposición adicional.

Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Traballo e Benestar no director xeral de Xuventude e Voluntariado para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o director xeral de Xuventude e Voluntariado para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2012.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file