Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 13 de xuño de 2012 Páx. 23076

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

DECRETO 130/2012, do 31 de maio, polo que se establecen os prezos públicos polos servizos de rescate prestados por esta consellería.

O artigo 43 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia establece que son prezos públicos as contraprestacións pecuniarias percibidas polos suxeitos a que se refire o artigo 3 da citada lei pola prestación de servizos ou realización de actividades efectuadas en réxime de dereito público cando, prestándose tamén tales servizos ou actividades polo sector privado, sexan de solicitude voluntaria por parte dos/das administrados/as; para estes efectos enténdese que os servizos sociais, sanitarios e educativos se prestan en réxime de dereito público. O artigo 47 da citada lei dispón que os prezos públicos serán fixados por decreto, por proposta da consellería de que dependa o órgano ou entidade oferente.

O artigo 29.3 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á Comunidade Autónoma a execución da lexislación do Estado en materia de salvamento marítimo.

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, atribúe á consellería competente en materia de pesca, nos seus artigos 119 e 125, a competencia nas materias de apoio á flota pesqueira, de prestación dos servizos de busca, rescate e salvamento marítimo, así como da prevención e loita contra a contaminación do medio mariño.

O número 5 do artigo 264 do Real decreto lexislativo 2/2011, de 5 de setembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, dispón que corresponde ás comunidades autónomas que a teñan asumida como competencia propia nos seus respectivos estatutos de autonomía a execución da lexislación do Estado en materia de salvamento marítimo nas augas territoriais correspondentes ao seu litoral, na que se entende incluída en todo caso a potestade sancionadora. Tal é o caso de Galicia, que no artigo 29.3 do seu Estatuto de autonomía establece que corresponde á Comunidade Autónoma galega a execución da lexislación do Estado en materia de salvamento marítimo.

As estatísticas reflicten que as actuacións de salvamento supoñen cuantiosos custos para a Administración (uns 6.000.000 euros/ano en caso de rescates por medios aéreos e uns 5.000.000 euros/ano no caso de operacións por medio de embarcacións), e ata agora non se repercutiron os gastos aos beneficiarios de tal prestación.

Polo exposto, por proposta da conselleira do Medio Rural e do Mar, cos informes previos da Consellería de Facenda, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de maio de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O presente decreto ten por obxecto a fixación dos prezos públicos que deben satisfacer pola prestación de servizos asistenciais por parte dos servizos de gardacostas de Galicia segundo as normas deste decreto e na contía que se sinala no seu anexo.

2. A petición ou aceptación dos servizos por parte dos/das usuarios/as presupón a súa conformidade coa contía dos prezos públicos aprobados por este decreto, que serán exixibles desde o inicio da prestación.

Artigo 2. Supostos de feito

1. Constitúe o suposto de feito destes prezos públicos a actuación dos equipos de coordinación e intervención propios e concertados da Consellería do Medio Rural e do Mar, por requirimento dos/das interesados/as ou ben de oficio por razóns de seguridade pública e sempre que a prestación do servizo redunde en beneficio do suxeito pasivo, na prestación dos servizos de rastrexo, salvamento e rescate de persoas en dificultades, que se produzan, en calquera dos seguintes supostos:

a) Cando o rastrexo, rescate ou salvamento se realice con ocasión da práctica de actividades ou deportes que entrañen risco ou perigosidade, tales como actividades subacuáticas; navegación con embarcacións ou outros aparellos náuticos, piragüismo e remo, ou outras que entrañen un risco similar.

b) Cando o rescate ou salvamento se realice en zonas expostas ou perigosas, entendendo por tales as zonas de difícil acceso tales como zonas de rompentes, acantilados, barrancos ou similares.

c) Cando as persoas rescatadas ou salvadas non levasen o equipamento adecuado para a actividade.

d) Cando sexan consecuencia da realización de actividades que poidan levar consigo un incremento do risco, en situacións de avisos á poboación de fenómenos meteorolóxicos adversos e derivado desa meteoroloxía adversa.

e) Cando se solicite o servizo sen que existan motivos obxectivamente xustificados.

2. Non se producirá o suposto de feito pola prestación de tales servizos no caso de situacións de catástrofe ou calamidade pública, ou en caso de servizos prestados polo interese xeral e non en beneficio de particulares ou de bens determinados.

Artigo 3. Suxeitos obrigados

Estarán obrigados/as ao pagamento dos prezos públicos regulados no presente decreto:

a) As entidades ou sociedades aseguradoras con que o/a obrigado/a ao pagamento teña contratada unha póliza de seguro que cubra as actividades que deron lugar á realización do rescate.

b) Os/as organizadores/as de eventos que deran lugar á prestación dos servizos de salvamento.

c) As persoas físicas ou xurídicas e as herdanzas xacentes, as comunidades de bens e as demais entidades carentes de personalidade xurídica que constitúan unha unidade económica ou un patrimonio separado susceptible de tributación, que sexan beneficiarias da prestación do servizo.

Artigo 4. Cálculo dos prezos públicos

1. O órgano competente liquidará os prezos públicos regulados no presente decreto e deberá adecuarse ao que establece o Decreto 61/2005, do 7 de abril, polo que se ditan as normas para a aplicación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia, especificando os efectivos e medios que interviñeron e o número de horas utilizado, así como o importe vixente dos prezos públicos correspondentes.

2. O tempo de servizo computarase desde o momento en que o vehículo, buque, embarcación de salvamento ou helicóptero do Servizo de Gardacostas de Galicia se pon á disposición do/da usuario/a ata o seu retorno ao punto de orixe.

As fraccións horarias calcularanse proporcionalmente ao tempo de servizo realmente realizado.

3. O órgano competente para liquidar os prezos públicos regulados no presente decreto, ademais de cumprir con todos os requisitos e elementos exixidos pola normativa vixente, deberá especificar os efectivos e medios que interviñeron e o número de horas utilizado, así como o importe vixente correspondente a cada concepto. O redondeo efectuarase por exceso ou por defecto ao segundo decimal mais próximo, aplicándose as regras do artigo 11 da Lei 46/1998, do 17 de decembro, sobre introdución do euro.

Artigo 5. Obriga de exhibir os prezos públicos

Os vehículos, buques, embarcacións e helicópteros do Servizo de Gardacostas exhibirán, en lugar de fácil acceso e para a súa consulta polos/polas usuarios/as, un exemplar dos prezos públicos aprobados por este decreto vixentes cada ano.

Disposición adicional primeira.

A xestión, liquidación e recadación dos prezos públicos establecidos neste decreto axustarase ao disposto na normativa vixente.

Disposición adicional segunda.

Os prezos públicos regulados neste decreto actualizaranse o 1 de xaneiro de cada ano, na mesma proporción que a variación interanual experimentada polo índice xeral de prezos de consumo para o conxunto nacional total (IPC, base 2006), no mes de outubro, calculado polo Instituto Nacional de Estatística. Os prezos así actualizados deberanse facer públicos mediante resolución da persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria.

Quedan derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que contraveñan ou se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o titular da Consellería do Medio Rural e do Mar para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de maio de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

ANEXO
Prezos públicos das actividades de salvamento

1. Medios humanos e materiais do Servizo de Gardacostas de Galicia.

1.1. Medios humanos mobilizados 37 €/hora

1.2. Medios materiais:

– Vehículos 75 €/hora

– Helicóptero 2.200 €/hora

– Embarcacións:

> 18 metros de eslora 2.200 €/día ou fracción

< 18 metros de eslora 450 €/día ou fracción

2. Medios convidos.

– Vehículo de rescate: 39 €/hora

– Embarcacións de salvamento dotadas con rescatadores/as e/ou mergulladores/as 1.500 €/hora