Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Luns, 16 de xullo de 2012 Páx. 28362

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 2012, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se autoriza administrativamente unha posición de liña en 20 kV na subestación Palmeira 66/20 kV no concello de Ribeira (expediente IN407A 2012/20).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa das instalacións que a continuación se detallan:

Solicitante: concellos de Porto do Son e da Pobra do Caramiñal.

Enderezo social: r/ Atalaya, s/n, 15970 e r/ Gasset, 28, 15940 respectivamente.

Denominación: nova posición de liña en 20 kV PES Barbanza na subestación Palmeira 66/20 kV.

Situación: Ribeira.

Características técnicas: cela blindada de xerador DB tipo Nxplus coas súas proteccións asociadas e equipos de medida, onde remata a liña aérea subterránea de medida tensión a 20 kV de evacuación dos PES Barbanza (IN407A 48/2011).

Resultan os seguintes feitos:

Antecedentes.

Primeiro. Por Resolución do 12 de xaneiro de 2012, desta xefatura territorial (IN635A 275/2011) resolveuse o conflito de punto de conexión presentado polos concellos de Porto do Son e A Pobra do Caramiñal, e con base no criterio de mínimo custo para o sistema e da lexislación vixente resolve que as autorizacións administrativas das instalacións de conexión dos parques eólicos singulares do Barbanza na subestación de Palmeira deberán tramitarse a nome dos concellos de Porto do Son e A Pobra do Caramiñal pero, ao estar instalada dentro da subestación de distribución, a operación e o mantemento deberá facelo Unión Fenosa Distribución, S.A. (UFD).

Segundo. Por Resolución do 6 de febreiro de 2012, desta xefatura territorial, sométese a información pública a autorización administrativa da nova posición en 20 kV PES Barbanza en SET Palmeira 66/20 kV no concello de Ribeira, sendo publicada no DOG do 16 de febreiro de 2012 e no BOP da Coruña do 17 de febreiro de 2012.

Terceiro. Con data do 8 de febreiro de 2012 procedeuse a remitir separata á compañía distribuidora UFD para que preste a súa conformidade ou oposición á solicitude sinalada.

Con data do 1 de marzo de 2012 a compañía UFD da contestación á separata remitida, indicando que se opón á «autorización administrativa e á autorización deste proxecto nos termos que foi formulado porque contravén as seguintes normas regulamentarias»:

MIE-RAT 19. Instalacións privadas conectadas a redes de distribución.

Documento ES.0103.ES.RE.EIC especificacións particulares para instalacións de conexión. Xeradores conectados a redes de alta tensión Un (menor ou igual) 20 kV.

«... por motivos de seguridade, a parte da instalación de conexión situada dentro do recinto da subestación será executada na súa totalidade por UFD a costa do promotor/titular».

Así mesmo, indica que a resolución desta xefatura territorial, do 12 de xaneiro de 2012, foi recorrida en alzada por ter sido emitida con base no artigo 32 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, que entende que non é de aplicación.

E, por último, indican que o proxecto presentado presenta particularidades que tecnicamente non son aceptables.

Deste condicionado deuse traslado ao solicitante quen contestou en tempo e forma, achegando copia do contrato asinado entre os concesionarios e UFD para a subministración e montaxe das infraestruturas obxecto do anteproxecto e das tramitacións necesarias ante a administración das autorizacións pertinentes.

Cuarto. Durante a fase de información pública presentou alegacións José Iván Nogueiras Pérez, en representación da sociedade Norvento, S.L., concesionaria do parque eólico singular de Ribeira, no que solicita que se desestime a autorización administrativa mentres non sexa incluído o concello de Ribeira como solicitante deste.

Destas alegacións deuse traslado á empresa promotora quen contestou en tempo e forma.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Consellería de Economía e Industria é a competente para resolver este procedemento, con fundamento no Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e no Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, en relación co artigo 39 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, que atribúe á Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e cantas outras funcións lles sexan expresamente atribuídas ou delegadas en materia de industria, seguridade industrial, enerxía e minas, e polo Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. O Servizo de Enerxía e Minas informou favorablemente, con data do 23 de abril de 2012, a solicitude de autorización administrativa do anteproxecto Nova posición 20 kV PES do Barbanza – sub. Palmeira 66/20 kV no concello de Ribeira.

Terceiro. De conformidade co informe citado no parágrafo anterior e en relación á contestación dada por UFD á separata remitida, cabe sinalar:

O cumprimento e aplicación da MIE-RAT 19 é relativa a instalacións privadas nas que haxa partes de alta tensión afectas á explotación das redes de servizo público, sempre que no sexan accesibles ao propietario da instalación. Neste caso trátase dunha instalación de titularidade particular que vai instalada dentro dunha instalación de distribución, como é a subestación de Palmeira.

Aínda non sendo de aplicación directamente esta instrución, na propia resolución indícase literalmente:

«C) ..., aínda ao estar instalada dentro da subestación de distribución a operación e mantemento deberá realizalo Unión Fenosa Distribución, S.A. e custealo os propios concellos, a custos de mercado».

Polo tanto os condicionantes relativos á inaccesibilidade, operación e mantemento que se establecen na MIE-RAT 19 foron recollidos expresamente na propia resolución do conflito de conexión.

Respecto a que por motivos de seguridade, a parte da instalación de conexión atopada dentro do recinto da subestación será executada na súa totalidade por UFD a custa do promotor/titular, non ten xa razón, posto que no acordo asinado por UFD e os promotores o 16 de marzo de 2012 establécese que a compañía distribuidora executa o as obras de montaxe dentro da subestación.

Independentemente a este acordo, é un contrasentido por parte de UFD argumentar que por motivos de seguridade, a totalidade da parte da instalación de conexión no recinto da subestación será executada pola compañía distribuidora, cando reiteradamente, nos propios escritos de UFD (incluído o recurso de alzada) se indica ao promotor que debe executar pola súa conta a liña de MT dentro do recinto da propia subestación de Palmeira.

En relación á oposición a esta autorización administrativa, por ter presentado un recurso de alzada contra a resolución do conflito de conexión que motiva este expediente, por entender que foi emitida con base no artigo 32 do Real decreto 1955/2000 e que non é de aplicación, cómpre sinalar dúas cousas:

En primeiro lugar, que a empresa UFD non solicitou no corpo do recurso, a suspensión da execución desta, conforme o disposto no artigo 111 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (Lei 30/1992).

Pola súa parte, o órgano competente para a resolución do recurso de alzada tampouco acordou de oficio a suspensión do acto impugnado, toda vez que non concorren ningunha das circunstancias exixidas no artigo 111.2 da citada lei.

Polo tanto, a resolución impugnada por Unión Fenosa é plenamente executiva de acordo co disposto nos artigos 56, 94 e 111 da Lei 30/1992.

No segundo lugar, no punto décimo segundo do acordo asinado por UFD e os promotores o 16 de marzo de 2012, recoñécese literalmente a aplicación do artigo 32 do Real decreto 1955/2000:

«… A dita posición, por tratarse dunha instalación de uso exclusivo de Proyectos y Desarrollos Renovables y HdF, de acordo aos artigos 31 e 32 do Real decreto 1955/2000, quedará en propiedade e titularidade destas».

En relación a que o anteproxecto presentado presenta particularidades que tecnicamente non son aceptables, cabe sinalar que como ben debe de ser coñecedora UFD, a separata que se lle remitiu é para pronunciarse sobre a autorización administrativa (artigo 127 do Real decreto 1955/2000) e non sobre o proxecto de execución (artigo 131 do Real decreto 1955/2000), que será elaborado conforme os regulamentos técnicos na materia.

Por último, hai que subliñar que a compañía UFD, no seu escrito de recurso de alzada, argumenta que é imprescindible que a tramitación das instalacións se realice ao seu nome e posteriormente se cedan aos promotores, pero operada e mantida por UFD.

Novamente isto se contradí co acordo asinado por UFD e os promotores o 16 de marzo de 2012, onde se indica literalmente que as instalacións son de titularidade dos promotores, chegando a acordar no punto décimo segundo que estes deberán de achegar a UFD un documento que lle autorice a tramitar no seu nome.

Independentemente deste acordo e con carácter xeral, este tipo de instalacións particulares non se poden tramitar a nome de UFD, xa que isto é contrario ao establecido na Lei do sector eléctrico e demais lexislación de aplicación.

«Artigo 41. Obrigas e dereitos das empresas distribuidoras. Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico

Serán obrigas das empresas distribuidoras:

a) Realizar as súas actividades na forma autorizada e conforme as disposicións aplicables, prestando o servizo de distribución de forma regular e continua, e cos niveis de calidade que se determinen, mantendo as redes de distribución eléctrica nas adecuadas condicións de conservación e idoneidade técnica».

«Artigo 36. Actividade de distribución – Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro

2. A actividade de distribución será levada a cabo polos distribuidores que son aquelas sociedades mercantís que teñen por obxecto distribuír enerxía eléctrica, así como construír, operar e manter as instalacións de distribución …».

«Artigo 1. Obxecto – Real decreto 2819/1998, do 23 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte e distribución de enerxía eléctrica

2. As actividades de transporte e distribución teñen carácter de reguladas e deberán ser levadas a cabo por sociedades mercantís que teñan como obxecto social exclusivo o desenvolvemento destas, …

Polo tanto, non se poden autorizar instalacións a nome de UFD, no que o seu fin non sexa a distribución, e UFD non poderá realizar ningunha actividade distinta da distribución eléctrica, como actuar de enxeñaría, construtora ou instaladora eléctrica para terceiros. Sendo todo isto extensible ás outras distribuidoras eléctricas».

Cuarto. En relación á alegación presentada por José Iván Nogueiras Pérez, en representación da sociedade Norvento, S.L., concesionaria do parque eólico singular de Ribeira, debe ser desestimada xa que a liña de evacuación conxunta LAT 20 kV SC PES Barbanza (expediente IN407A 48/2011) é actualmente de titularidade dos concellos de Porto do Son e A Pobra do Caramiñal. No obstante, con data do 11 de maio de 2012, esta xefatura territorial da Consellería de Economía e Industria ditou resolución pola que se autoriza a transmisión da titularidade da dita liña de evacuación conxunta a prol do concello de Ribeira, recoñecéndolle a este concello a titularidade compartida a partes iguais cos concellos da Pobra de Caramiñal e Porto do Son. Sen embargo, de acordo co disposto no artigo 134 do Real decreto 1955/2000, a transmisión da titularidade da instalación deberá producirse no prazo de seis meses e, posteriormente, deberá comunicarse a esta xefatura territorial no prazo dun mes desde que se faga efectiva.

Polo tanto, non procede neste momento autorizar este expediente a nome do concello de Ribeira, mentres non se produza a efectiva transmisión da titularidade ao seu favor, de forma que a dita titularidade pase a ser compartida polos tres concellos afectados.

Toda vez que as instalacións obxecto deste expediente xunto coa LAT 20 kV SC PES Barbanza forman a instalación de conexión á rede de distribución, se considera que o informe preceptivo recibido, con data do 22 de maio de 2012, da Comisión Nacional de Enerxía (CNE) para a liña, debe ser estensible para a cela de 20 kV, polo que non procede solicitar un novo informe á CNE e a transmisión de titularidade será conxunta para os dous expedientes, se procede legalmente.

Por outra parte, o artigo 66 do Real decreto 1955/2000, establece que «unha vez obtido o informe favorable do xestor da rede de distribución da zona sobre a existencia de suficiente capacidade de acceso á dita rede no punto requirido, o axente peticionario presentará á empresa distribuidora propietaria da rede no dito punto, o proxecto básico da instalación e o seu programa de execución».

Segundo a documentación que consta nos expedientes do parque eólico singular de Ribeira, da LAT 20 kV SC PES Barbanza e da nova posición 20 kV PES do Barbanza – subestación Palmeira 66/20 kV, non consta que a compañía Norvento, S.L. se dirixise a UFD para formalizar a conexión, conforme o establecido no citado artigo nin figura como parte no contrato de montaxe e explotación, asinado polos outros dous promotores e UFD.

Ao mesmo tempo, no acordo entre os promotores e UFD non figuran os equipos de medida do parque eólico singular de Ribeira, que se vai instalar na SET Palmeira, polo que deberán de ser legalizados previamente.

Quinto. Sen prexuízo do anterior, cando se acredite ante esta xefatura territorial a efectiva transmisión da titularidade a prol do concello de Ribeira (de acordo co artigo 134 do Real decreto 1955/2000) e se obteña o informe favorable do xestor da rede de distribución da zona (ao que se refire o artigo 66.1 do Real decreto 1955/2000), procederá ditar, tras solicitude do interesado e a acreditación dos requisitos exixibles, resolución administrativa autorizando a posición da liña ao concello de Ribeira.

En consecuencia, considerando cumpridos os trámites establecidos no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, este Servizo de Enerxía e Minas, propón que se autoricen as mencionadas instalacións eléctricas. A Coruña, 24 de maio de 2012, xefe de Servizo de Enerxía e Minas, Juan Lizaur Otero.

Con base en todo o anterior,

RESOLVO:

Autorizar administrativamente as mencionadas instalacións eléctricas. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Concédese un prazo de seis meses para a presentación do proxecto de execución, contado a partir da data da notificación desta resolución.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, se poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria nun prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que estime pertinente no seu dereito.

A Coruña, 24 de maio de 2012

Susana Vázquez Romero
Xefa territorial da Coruña