Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Luns, 16 de xullo de 2012 Páx. 28248

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 154/2012, do 12 de xullo, polo que se fixan os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional no ensino universitario para o curso 2012/2013.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro (BOE do 24 de decembro), de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, establece no seu artigo 81.3.b) que lle corresponde á Comunidade Autónoma fixar as taxas académicas polos estudos conducentes á obtención de títulos oficiais no ensino universitario, dentro dos límites que estableza a Conferencia Xeral de Política Universitaria. Para os restantes estudos serán fixados polo consello social da respectiva universidade, de acordo co disposto no artigo 81.3.c) da citada lei orgánica, e no artigo 4.e) da Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do Sistema Universitario de Galicia.

A Lei 8/1989, do 13 de abril (BOE do 15 de abril), de taxas e prezos públicos, outórgalles ás referidas taxas a consideración de prezos públicos. Pola súa parte, a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 43 o que se entende por prezos públicos.

O Real decreto lei 14/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo, no título II, artigo 6.cinco 2, modifica a redacción do artigo 81.3.b) da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e determina que a Comunidade Autónoma fixará os prezos públicos e dereitos dos estudos conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional dentro dos límites que estableza a Conferencia Xeral de Política Universitaria, que estarán relacionados cos custos de prestación do servizo nos seguintes termos:

1º. Ensinanzas de grao: os prezos públicos cubrirán entre o 15 por 100 e o 25 por 100 dos custos en primeira matrícula; entre o 30 por 100 e o 40 por 100 dos custos en segunda matrícula; entre o 65 por 100 e o 75 por 100 dos custos en terceira matrícula; e entre o 90 por 100 e o 100 por 100 dos custos a partir da cuarta matrícula.

2º. Ensinanzas de máster que habiliten para o exercicio de actividades profesionais reguladas en España: os prezos públicos cubrirán entre o 15 por 100 e o 25 por 100 dos custos en primeira matrícula; entre o 30 por 100 e o 40 por 100 dos custos en segunda matrícula: entre o 65 por 100 e o 75 por 100 dos custos en terceira matrícula; e entre o 90 por 100 e o 100 por 100 dos custos a partir da cuarta matrícula.

3º. Ensinanzas de máster non comprendidas no número anterior: os prezos públicos cubrirán entre o 40 por 100 e o 50 por 100 dos custos en primeira matrícula; e entre o 65 por 100 e o 75 por 100 dos custos a partir da segunda matrícula.

Neste contexto normativo, o presente decreto fixa os importes que pagará o alumnado polos estudos conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez nacional no ensino universitario de Galicia, aplicando a mecánica acordada pola Conferencia Xeral de Política Universitaria, na sesión que tivo lugar o 13 de xuño de 2012, segundo a cal corresponderá ás comunidades autónomas a fixación do custo da prestación dos servizos académicos. Os ditos custos determinaranse ben mediante a aplicación do sistema de contabilidade analítica nas universidades ou, na súa falta, por calquera outro sistema de cálculo que permita unha aproximación rigorosa deses custos.

Realizados os ditos cálculos, e unha vez estimado o custo dos servizos académicos nas universidades do Sistema Universitario de Galicia, procedeuse á aplicación das porcentaxes establecidas no artigo 81 da Lei orgánica 6/2001, de universidades. Os prezos das tarifas segunda e terceira non sufrirán modificación ningunha respecto dos prezos fixados para o curso 2011/2012.

Cómpre fixar os prezos correspondentes ao curso académico 2012/2013 polos estudos universitarios conducentes a títulos oficiais, tendo en conta o custo estimado dos servizos académicos, e a distinción entre ensinanzas renovadas, non renovadas e de grao, así como a diferenza entre o prezo da 1ª matrícula fronte ao prezo da 2ª e 3ª e sucesivas matrículas, e ao abeiro do establecido no artigo 47 da Lei de Galicia 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co exposto, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia; co informe do Consello Galego de Universidades; logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día doce de xullo de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ámbito de aplicación

1. Os prezos que se aboarán no curso académico 2012/2013 polos estudos conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional no Sistema Universitario de Galicia son os establecidos segundo as normas deste decreto e na contía que se sinala no seu anexo.

2. O importe dos prezos por estudos conducentes a títulos ou diplomas que non teñan carácter oficial será fixado nas universidades galegas polo seu respectivo consello social, de conformidade co establecido no artigo 81.3.c) da Lei orgánica 6/2001, de universidades, e pola Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do Sistema Universitario de Galicia, no seu artigo 4.e).

Artigo 2. Custo de referencia da prestación do servizo

1. O custo de referencia para o cálculo dos prezos públicos no Sistema Universitario de Galicia será 5.170,00 euros para as titulacións encadradas na epígrafe A) do anexo do presente decreto, e 3.650,00 euros para as titulacións encadradas na epígrafe B) do dito anexo.

2. Nas ensinanzas de grao os prezos públicos cubrirán o 15 por 100 dos custos en primeira matrícula. En todo caso, o prezo non poderá ser inferior ao prezo fixado para o curso 2011/2012.

3. Nas ensinanzas de máster que habiliten para o exercicio de actividades profesionais reguladas en España, os prezos públicos cubrirán o 25 por 100 dos custos en primeira matrícula. En todo caso, o prezo non poderá ser inferior ao prezo fixado para o curso 2011/2012.

4. Nas ensinanzas de máster non comprendidas no número anterior, os prezos públicos cubrirán o 40 por 100 dos custos en primeira matrícula; sen que o prezo poida superar en máis dun 7% o prezo fixado para o curso 2011/2012.

Artigo 3. Modalidades de matrícula

1. Ensinanzas non renovadas. Os prezos públicos establecidos no número 1.1 da tarifa primeira do anexo deste decreto poderán aboarse por curso completo ou por materias. O custo do curso completo cubrirá o 15 por 100 da prestación do servizo. O custo das materias será o prezo resultante de dividir o prezo do curso completo entre o número de materias asignadas ao dito curso.

2. Ensinanzas renovadas. No caso de ensinanzas renovadas, os prezos públicos establecidos no número 1.2 da tarifa primeira do anexo deste decreto deberán aboarse por créditos. O importe do crédito establecerase, igual que nas ensinanzas de grao, en función do custo da prestación do servizo.

3. Ensinanzas de grao adaptadas ao Espazo Europeo de Ensino Superior. Os prezos públicos que se aboarán pola matrícula son os establecidos no número 1.3 da tarifa primeira do anexo. A liquidación dos prezos farase en función do número de créditos en que se realice a matrícula.

4. Ensinanzas de máster que habiliten para o exercicio de actividades profesionais. Os prezos públicos que se aboen pola matrícula son os establecidos no número 1.4 da tarifa primeira do anexo que será de aplicación aos títulos que así determine o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. A liquidación dos prezos farase en función do número de créditos en que se realice a matrícula.

5. Ensinanzas de máster non comprendidas no número anterior. Os prezos públicos que se aboarán pola matrícula son os establecidos no número 1.5 da tarifa primeira do anexo. A liquidación dos prezos farase en función do número de créditos en que se realice a matrícula.

6. Cando un/unha alumno/a se matricule nunha materia por segunda vez, o importe correspondente a ela cubrirá o 30% do custo do servizo nas ensinanzas non renovadas, renovadas, de grao e de máster que habiliten para o exercicio de actividades profesionais reguladas en España. En todo caso, o prezo non poderá ser inferior ao prezo fixado para o curso 2011/2012.

Cando un/unha alumno/a se matricule nunha materia por segunda e sucesivas veces, o importe correspondente a ela nas restantes ensinanzas de máster cubrirán o 65% do custo do servizo; sen que poida superar en máis dun 32% o prezo fixado para o curso 2011/2012.

7. Cando un/unha alumno/a se matricule nunha materia por terceira vez, o importe correspondente a ela cubrirá o 65% do custo do servizo.

Nas ensinanzas non renovadas, renovadas e grao, o prezo non poderá superar en máis dun 66% o prezo fixado para o curso 2011/2012.

Nas ensinanzas de máster que habiliten para o exercicio de actividades profesionais reguladas en España, o prezo non poderá superar en máis dun 32% o prezo fixado para o curso 2011/2012.

Noutras ensinanzas de máster, o prezo non poderá superar en máis dun 32% o prezo fixado para o curso 2011/2012.

8. Cando un/unha alumno/a se matricule nunha materia por cuarta ou posteriores veces, o importe correspondente a ela cubrirá o 90% do custo do servizo nas ensinanzas non renovadas, renovadas, grao e de máster que habiliten para o exercicio de actividades profesionais reguladas en España.

Nas ensinanzas non renovadas, renovadas e grao, o prezo non poderá superar en máis dun 91% o prezo fixado para o curso 2011/2012.

Nas ensinanzas de máster que habiliten para o exercicio de actividades profesionais reguladas en España, o prezo non poderá superar en máis dun 57% o prezo fixado para o curso 2011/2012.

Cando un/unha alumno/a se matricule nunha materia por cuarta ou posteriores veces nas restantes ensinanzas de máster, o importe correspondente a ela cubrirá o 65% do custo do servizo, e o prezo non poderá superar en máis dun 32%, o prezo fixado para o curso 2011/2012.

9. O alumnado estranxeiro maior de dezaoito anos que non teña a condición de residente, excluídos/as os/as nacionais de Estados membros da Unión Europea e aqueles/as a quen sexa de aplicación o réxime comunitario, sen prexuízo do principio de reciprocidade, tanto en grao como en máster, aboarán as tarifas recollidas no anexo, incrementadas nun 25%, sen que en ningún caso poidan superar o 100% do custo dos servizos académicos.

Artigo 4. Matrícula de 1º curso

O alumnado que comece os seus estudos de grao a tempo completo deberá matricularse do primeiro curso na súa integridade, coa excepción dos casos en que se validen materias do dito primeiro curso, caso en que os prezos son os establecidos no artigo 9º, e outros réximes de matrícula.

Artigo 5. Matrícula en créditos de libre elección

Os créditos correspondentes a libre elección serán aboados de acordo coa tarifa establecida para a titulación que se pretende obter, con independencia do departamento ou centro onde se cursen os ditos créditos.

Artigo 6. Programas oficiais de doutoramento

Os prezos que se aboen pola matrícula en programas de doutoramento son os establecidos no número 1.6 da tarifa primeira do anexo.

Artigo 7. Pagamento dos prezos públicos

Os/as obrigados/as ao pagamento dos prezos públicos establecidos no anexo deste decreto deberán liquidar os importes correspondentes no momento de faceren a súa matrícula.

As universidades galegas, na resolución reitoral en que se establezan os prazos de matriculación do alumnado, fixarán os prazos correspondentes para efectuar a liquidación e o pagamento dos prezos públicos universitarios e mais o seu fraccionamento, de ser o caso.

O feito de non facer efectivo o pagamento dos prezos públicos universitarios ou de calquera dos seus fraccionamentos nos prazos establecidos na resolución reitoral, comportará a exixencia dos importes correspondentes polo procedemento de constrinximento sobre o patrimonio do obrigado ao pagamento, consonte a normativa vixente.

Artigo 8. Centros adscritos

O alumnado dos centros adscritos, aboaralle á universidade, en concepto de actividade docente, o 25% dos prezos establecidos na tarifa primeira do anexo, sen prexuízo do establecido no correspondente convenio que o dito centro teña coa respectiva universidade. Os demais prezos aboaranse na contía íntegra prevista.

Artigo 9. Adaptación a novos plans de estudo, validación de estudos, recoñecemento e transferencia de créditos, e acreditación de competencias nos programas correspondentes a estudos universitarios

1. A adaptación de estudos, regulada polo Acordo do 25 de outubro de 2004, do Consello de Coordinación Universitaria, polo que se establecen os criterios xerais a que se axustarán as universidades en materia de validación e adaptación de estudos, é o acto administrativo polo que se lle recoñece validez académica aos estudos conducentes á obtención dunha mesma titulación oficial e cursados consonte un plan de estudos. Esta adaptación será gratuíta se provén de centros públicos. No caso de centros non públicos ou centros estranxeiros, aboaráselle á universidade o 25% dos prezos establecidos na tarifa primeira do anexo.

2. A validación de estudos, regulada polo Acordo do 25 de outubro de 2004, do Consello de Coordinación Universitaria, polo que se establecen os criterios xerais a que se axustarán as universidades en materia de validación e adaptación de estudos, é o acto administrativo polo que se lles recoñece validez académica aos estudos conducentes á obtención doutra titulación oficial distinta á cursada, debendo aboar sempre á universidade o 25% dos prezos establecidos na tarifa primeira do anexo.

3. O recoñecemento de créditos, regulado polo Real decreto 1393/2007, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, modificado polo Real decreto 861/2010, é a aceptación por unha universidade dos créditos que, sendo obtidos nunhas ensinanzas oficiais, na mesma ou outra universidade, son computados noutras distintas para efectos da obtención dun título oficial. Este recoñecemento será gratuíto para os créditos conducentes á obtención dunha mesma titulación oficial e cursados consonte un plan de estudos e que provén de centros públicos. Esta mesma consideración estenderase aos estudos cursados en titulacións que por transformación son substituídos polas novas de grao.

No caso de créditos conducentes á obtención doutra titulación oficial distinta á cursada, deberán aboar á universidade o 25% dos prezos establecidos na tarifa primeira do anexo.

4. A transferencia de créditos, regulada polo Real decreto 1393/2007, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, implica que, nos documentos académicos oficiais acreditativos das ensinanzas seguidas por cada estudante, se incluirán a totalidade dos créditos obtidos en ensinanzas oficiais cursadas con anterioridade, na mesma ou outra universidade, que non conduciron á obtención dun título oficial. Esta transferencia será gratuíta se provén de centros públicos. No caso de centros non públicos ou centros estranxeiros, aboaráselle á universidade 30 euros en concepto de gastos de xestión.

5. Nos programas oficiais de posgrao, os prezos que se aboen pola acreditación de competencias serán o 25% dos prezos establecidos no anexo.

Artigo 10. Bolsas

De conformidade co establecido no Real decreto lei 14/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo (BOE do 21 de abril), o alumnado que reciba unha bolsa ou axuda ao estudo, ás cales fai referencia o artigo 7 do antedito real decreto lei, convocadas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte non estará obrigado a pagar o prezo polos servizos académicos.

Os/as alumnos/as que ao formalizaren a súa matrícula queiran acollerse á exención de prezos referida no parágrafo anterior, deberán presentar xustificación de ter solicitada unha das anteditas bolsas ou axudas. Se posteriormente non obtiveren a condición de bolseiro ou lles for revogada a bolsa concedida, estarán obrigados ao aboamento do prezo correspondente á matrícula que efectuaron.

Os orzamentos xerais do Estado financiarán a cantidade que corresponda ao límite inferior do intervalo establecido para o prezo público en cada ensinanza.

A Comunidade Autónoma de Galicia financiará con cargo aos seus orzamentos, se for o caso, a diferenza entre o prezo público fixado neste decreto e o vixente no curso 2011/2012.

Para estes efectos, as universidades do Sistema Universitario de Galicia solicitarán á Comunidade Autónoma a compensación pola diferenza existente entre os prezos públicos e os límites mínimos correspondentes a cada ensinanza.

Artigo 11. Matrículas de honra

As bonificacións correspondentes á aplicación dunha ou varias matrículas de honra levaranse a cabo logo de facer o cálculo do importe total da matrícula e, no caso das ensinanzas renovadas ou de grao, aplicaranse ao número de créditos correspondentes ás materias en que obtivo a matrícula de honra.

O alumnado con matrícula de honra global no 2º curso de bacharelato, con premio extraordinario no bacharelato ou no ciclo superior de formación profesional, terá dereito, durante o primeiro ano e por unha soa vez, á exención total do pagamento dos prezos públicos por matrícula.

Artigo 12. Familias numerosas

Quedan exentos do pagamento polos servizos académicos regulados no presente decreto os/as alumnos/as que teñan recoñecida a condición de membro de familia numerosa de categoría especial. Terán unha exención do 50% os/as alumnos/as que teñan recoñecida a condición de membro de familia numerosa de categoría xeral.

A condición de familia numerosa acreditarase no momento da formalización da matrícula mediante documento expedido pola administración autonómica competente, que deberá estar vixente no prazo de matrícula fixado por cada universidade.

Artigo 13. Discapacidade

Quedan exentos do pagamento polos servizos académicos regulados no presente decreto os/as alumnos/as que teñan recoñecido un grao de minusvalidez igual ou superior ao 33%, e deberá estar vixente no prazo de matrícula fixado por cada universidade.

A condición de persoa con discapacidade acreditarase mediante a presentación de calquera dos documentos previstos na lexislación vixente na materia, no momento da formalización da matrícula.

Artigo 14. Vítimas de actos terroristas

Quedan exentos do pagamento polos servizos académicos regulados no presente decreto os/as alumnos/as vítimas de actos terroristas ou que sexan fillos/as ou cónxuxes non separados/as legalmente de persoas falecidas ou feridas en actos terroristas.

A condición de vítima de acto terrorista acreditarase de conformidade co disposto no artigo 4 bis, número 3, da Lei 32/1999, do 8 de outubro, de solidaridade coas vítimas do terrorismo, que deberá presentarse, necesariamente, no prazo de matrícula fixado por cada universidade para que teña eficacia, segundo dispón o artigo 5.2 da dita lei.

Artigo 15. Violencia de xénero

Quedan exentas do pagamento polos servizos académicos regulados no presente decreto as alumnas que sufran violencia de xénero. Tamén quedarán exentas no caso de que sexan as súas proxenitoras as que a sufran.

A situación de violencia de xénero acreditarase no momento da formalización da matrícula por calquera das seguintes formas:

a) Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuña ou copia autenticada polo/a secretario/a xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

b) Sentenza de calquera orde xuridiscional que declare que a muller sufriu violencia de xénero.

c) Certificación dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

d) Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

e) Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

f) Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.

g) Calquera outro que se estableza regulamentariamente.

Artigo 16. Dereito a exame nos plans a extinguir

No caso das materias de plans de estudos con dereito a exame pero nas cales non se imparte xa docencia, pagarase por disciplina a cantidade de 20 euros.

Disposición adicional

En canto as universidades non dispoñan de contabilidade analítica, o custo de referencia será o establecido no artigo 2 do presente decreto, e como máximo, ata o curso 2015/2016.

Disposición transitoria

Á entrada en vigor do presente decreto, o alumnado que aboase as cantidades correspondentes á súa matrícula segundo o Decreto 143/2012, do 5 de xullo, polo que se prorroga a vixencia do Decreto 133/2011, do 23 de xuño, polo que se fixan os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos oficiais no ensino universitario para o curso 2011/2012, procederá, se for o caso, a completar o importe dos prezos públicos establecidos no presente decreto para a plena validez da súa matrícula no curso académico 2012/2013, segundo o procedemento que estableza cada universidade, ou a solicitar a anulación da súa matrícula co correspondente reintegro das cantidades aboadas.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e as tarifas fixadas no anexo serán as de aplicación no curso académico 2012/2013.

Santiago de Compostela, doce de xullo de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Tarifa primeira. Actividade docente

1.1. Ensinanzas non renovadas.

Primeira

matrícula

Segunda

matrícula

Terceira

matrícula

Cuarta e sucesivas matrículas

Epígrafe B)

Curso completo

591,00 €

817,20 €

1.322,40 €

1.683,60 €

Epígrafe B)

Licenciado en Dereito (Universidade da Coruña)

1.2. Ensinanzas renovadas (prezo dun crédito).

Primeira

matrícula

Segunda

matrícula

Terceira matrícula

Cuarta e sucesivas matrículas

Epígrafe A)

13,93 €

19,30 €

31,21 €

39,79 €

Epígrafe B)

9,85 €

13,62 €

22,04 €

28,06 €

Epígrafe A)

Titulacións encadradas dentro da rama de Ciencias, CC. da Saúde e Enxeñaría e Arquitectura

Epígrafe B)

Titulacións encadradas dentro da rama de Arte e Humanidades e CC. Sociais e Xurídicas

1.3. Ensinanzas de grao adaptadas ao E.E.E.S. (prezo dun crédito).

Primeira

matrícula

Segunda

matrícula

Terceira matrícula

Cuarta e sucesivas

matrículas

Epígrafe A)

13,93 €

19,30 €

31,21 €

39,79 €

Epígrafe B)

9,85 €

13,62 €

22,04 €

28,06 €

Epígrafe A)

Titulacións encadradas dentro da rama de Ciencias, CC. da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura, e grao en Belas Artes

Epígrafe B)

Titulacións encadradas dentro da rama de Arte e Humanidades e CC. Sociais e Xurídicas

1.4. Ensinanzas de máster que habiliten para o exercicio de actividades profesionais (prezo dun crédito).

Primeira

matrícula

Segunda

matrícula

Terceira matrícula

Cuarta e sucesivas

matrículas

Epígrafe A)

29,81 €

29,81 €

38,54 €

45,72 €

Epígrafe B)

20,25 €

20,25 €

26,68 €

31,75 €

Epígrafe A)

Másters que habiliten para o exercicio de actividades profesionais encadrados dentro da rama de Ciencias, CC. da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura, e grao en Belas Artes

Epígrafe B)

Másters que habiliten para o exercicio de actividades profesionais encadrados dentro da rama de Arte e Humanidades e CC. Sociais e Xurídicas

1.5. Ensinanzas de máster non comprendidas no punto anterior (prezo dun crédito).

Primeira

matrícula

Segunda e sucesivas

matrículas

Epígrafe A)

31,36 €

38,54 €

Epígrafe B)

21,61 €

26,68 €

Epígrafe A)

Másters non comprendidos no punto anterior encadrados dentro da rama de Ciencias, CC. da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura, e grao en Belas Artes

Epígrafe B)

Másters non comprendidos no punto anterior encadrados dentro da rama de Arte e Humanidades e CC. Sociais e Xurídicas

1.6. Outros estudos.

1. Estudos conducentes ao título de doutor/a regulados polo Real decreto 778/1998, do 30 de abril, e polo Decreto 66/2007, do 29 de marzo

Titoría anual de doutoramento

200,00 €

2. Estudos conducentes ao título de doutor/a regulados polo Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, e polo Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro

Cursos ou complementos formativos en ECTS

32,00 €/crédito

Cursos non estruturados en ECTS

3,30 €/hora

Titoría anual de doutoramento

200,00 €

3. Estudos de especialidades

Estudos de especialidades médicas que non precisen formación hospitalaria do parágrafo 3º do anexo do Real decreto 127/1984, do 11 de xaneiro, en unidades docentes acreditadas

33,84 €/crédito

Estudos de especialidades en enfermaría en unidades docentes acreditadas, recollidas no Real decreto 992/1987, do 3 de xullo

8,63 €/crédito

Estudos das especialidades de farmacia, análises clínicas, en escolas profesionais recoñecidas segundo o Real decreto 2708/1982, do 15 de outubro

33,84 €/crédito

Tarifa segunda. Avaliación e probas

1. Probas de acceso á universidade

63,67 €

2. Curso de iniciación e orientación para maiores de 25 anos

95,00 €

3. Realización de requisitos formativos complementarios para a homologación de títulos estranxeiros de educación superior:

a) Proba de aptitude / proba de conxunto

116,53 €

b) Período de prácticas correspondentes a un dos títulos especificados na epígrafe A)

13,25 €/crédito

c) Período de prácticas correspondentes a un dos títulos especificados na epígrafe B)

9,37 €/crédito

d) Proxecto ou traballo

116,53 €

e) Cursos tutelados correspondentes a un dos títulos especificados na epígrafe A)

13,25 €/crédito

f) Cursos tutelados correspondentes a un dos títulos especificados na epígrafe B)

9,37 €/crédito

4. Proxectos fin de carreira

117,09 €

5. Exame para o grao de licenciado/a

117,09 €

6. Exame para o grao de doutor/a

117,09 €

7. Cursos e exame de reválida/tese de licenciatura nas escolas sociais

117,09 €

8. Obtención por validación do título de diplomado/a en escolas universitarias

a) Por avaliación académica e profesional conducente á devandita validación

b) Por traballos exixidos para a dita validación

117,09 €

194,99 €

9. Homologación de títulos estranxeiros (máster ou doutor/a) aos títulos universitarios españois de carácter oficial

114,34 €

Tarifa terceira. Títulos e secretaría

1. Expedición de títulos académicos

a) Doutor/a

183,10 €

b) Licenciado/a, arquitecto/a ou enxeñeiro/a, grao, máster oficial

123,10 €

c) Diplomado/a, arquitecto/a técnico/a ou enxeñeiro/a técnico/a

60,10 €

d) Diploma de estudos avanzados

59,16 €

e) Duplicados de títulos universitarios oficiais e do SET

28,09 €

2. Secretaría

a) Apertura de expediente académico ao comezar os estudos

22,31 €

b) Certificacións académicas e traslados de expediente académico

22,31 €

c) Expedición e mantemento de tarxetas de identidade

4,79 €

d) Solicitude de equivalencia de estudos estranxeiros

27,09 €