Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Xoves, 26 de xullo de 2012 Páx. 29768

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 157/2012, do 5 de xullo de 2012, polo que se desenvolve a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero no relativo aos órganos consultivos e de participación.

A Constitución española, no seu artigo 14, proscribe toda discriminación por razón de sexo e, no artigo 9.2, consagra a obriga dos poderes públicos de promover as condicións para que a igualdade do individuo e das agrupacións en que se integra sexan reais e efectivas.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 4.2, que lle corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos que se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e as galegas na vida política, económica, cultural e social.

Facendo uso das devanditas competencias, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Esta lei establece un marco normativo propio e completo nesta materia que fai da prevención o piar básico da acción administrativa que facilite un adecuado apoio á loita social contra a violencia de xénero.

A disposición adicional quinta da lei crea o Consello Galego das Mulleres, como órgano colexiado e institucional de Galicia, de carácter consultivo, de participación e asesoramento en materia de políticas de igualdade.

O devandito consello terá, entre outras, a función de colaborar co Goberno da Xunta de Galicia no desenvolvemento e aplicación da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero, dado que é necesario recoñecer o importante labor desenvolvido por moitas asociacións de mulleres na loita contra a violencia de xénero, así como establecer canles estables de interlocución entre a Administración galega e o tecido asociativo de mulleres que busquen o maior consenso posible no deseño de políticas contra a violencia machista.

A disposición adicional sexta da lei prevé a creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero como órgano colexiado e institucional de Galicia encargado do estudo, da avaliación e do seguimento das políticas contra a violencia de xénero que se desenvolvan en Galicia. Dependendo do Observatorio e con carácter permanente créase a Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista coa finalidade de eliminar o sexismo nas mensaxes publicitarias e incorporar nas actividades das entidades, asociacións e axentes publicitarios accións positivas que cooperen á devandita erradicación.

A disposición adicional sétima da lei, dispón a creación da Comisión Interdepartamental da Igualdade como órgano colexiado e institucional de Galicia á que lle corresponderán, entre outras, as funcións de seguimento da aplicación da citada lei e dos correspondentes plans para a igualdade de oportunidades e loita contra a violencia de xénero. Igualmente, será obxecto desta comisión adaptar o plan de etapas de aplicación da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, ás contías orzamentarias anuais consignadas para o seu desenvolvemento nas leis de orzamentos de cada exercicio.

A creación deste órgano, adscrito ao órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de igualdade, que contará coa participación na súa composición de todas as consellerías da Xunta de Galicia, supón o establecemento dunha garantía de integración do principio de transversalidade nas actuacións que se poidan levar a cabo no ámbito das súas competencias. Dándose, polo tanto, cumprimento ao establecido no artigo 6.2 letra e) da Lei 7/2004, do 16 de xuño, galega para a igualdade de mulleres e homes, que establece como criterio de actuación da Xunta de Galicia a garantía da dignidade das mulleres e homes, con especial incidencia na adopción de accións tendentes á erradicación de todas as formas de violencia de xénero.

Por último, de conformidade co establecido no artigo 52.3 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia, así como na disposición adicional quinta do Decreto 181/2008, do 24 de xullo, polo que se regula o Consello Galego de Participación das Mulleres no Emprego e nas Relacións Laborais procederase á integración deste no Consello Galego das Mulleres.

Para tal efecto, declárase a extinción orgánica do Consello Galego de Participación das Mulleres no Emprego e nas Relacións Laborais, determinándose, así mesmo, que as súas funcións serán asumidas polo Consello Galego das Mulleres.

De acordo co exposto nos parágrafos precedentes cómpre proceder ao desenvolvemento regulamentario do disposto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero, que supón a creación e regulación do funcionamento deses órganos colexiados que por razóns de economía procedimental se efectuará a través dunha única norma regulamentaria. En consecuencia, en virtude do disposto nas disposicións adicionais quinta, sexta e sétima da Lei 11/2007 procédese a crear o Observatorio Galego da Violencia de Xénero e a Comisión Interdepartamental da Igualdade e a regular a natureza, fins, composición e adscrición dos órganos anteditos e do Consello Galego das Mulleres.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do cinco de xullo de dous mil doce, en virtude das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I
Dos órganos colexiados e de participación

Artigo 1. Obxecto

O presente decreto ten por obxecto:

a) O establecemento da natureza, fins, composición e adscrición do Consello Galego das Mulleres, creado na disposición adicional quinta da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero, como órgano colexiado e institucional de Galicia, de carácter consultivo, de participación e asesoramento en materia de políticas de igualdade.

b) A creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, como órgano colexiado e institucional de Galicia, encargado do estudo, da avaliación e do seguimento das políticas contra a violencia de xénero que se desenvolven en Galicia, así como o establecemento da súa natureza, fins, composición e adscrición.

c) A creación da Comisión Interdepartamental de Igualdade como órgano colexiado e institucional de Galicia, conforme á disposición adicional sétima da Lei 11/2007, do 27 de xullo, así como o establecemento das súas funcións, réxime de funcionamento, composición e adscrición.

CAPÍTULO II
Do Consello Galego das Mulleres
Sección 1ª Natureza, adscrición, fins e funcións

Artigo 2. Natureza, adscrición e fins

1. O Consello Galego das Mulleres é un órgano colexiado e institucional de Galicia, de carácter consultivo, de participación e asesoramento en materia de políticas de igualdade.

2. Estará adscrito ao órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de igualdade.

3. O Consello Galego das Mulleres terá os seguintes fins:

a) Ofrecer unha canle de participación efectiva ás mulleres, a través das asociacións e entidades representativas dos seus intereses, no desenvolvemento e aplicación do dereito á igualdade entre mulleres e homes e a loita contra a discriminación, recollendo as súas reivindicacións e propostas dirixidas á consecución de tales fins.

b) Actuar como interlocutor ante a Administración autonómica e ante calquera institución ou entidade de carácter público ou privado, para o desenvolvemento de políticas públicas e medidas encamiñadas á consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes, e á erradicación da violencia de xénero.

c) Colaborar co Goberno da Xunta de Galicia no desenvolvemento e aplicación da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, así como establecer canles estables de interlocución entre a Administración galega e o tecido asociativo de mulleres que busquen o maior consenso posible no deseño das políticas contra a violencia machista.

d) A interlocución coa Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de traballo e do órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de igualdade no ámbito do emprego e das relacións laborais.

e) A difusión dos valores da igualdade de oportunidades e a defensa dos dereitos e intereses das mulleres para erradicar a discriminación no ámbito do emprego e das relacións laborais.

Artigo 3. Funcións

1. Ao Consello Galego das Mulleres correspóndenlle, entre outras, as seguintes funcións:

a) Elevar propostas e iniciativas aos poderes públicos galegos, en relación cos fins que lle son propios, e instalos a que garantan o cumprimento do dereito á igualdade e á non discriminación por razón de sexo en todos os ámbitos cando lle sexan solicitadas.

b) Elaborar informes referidos á situación e perspectivas de igualdade entre mulleres e homes en Galicia e ás medidas necesarias para avanzar nestas materias, por iniciativa propia ou cando lles sexan solicitados por calquera dos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Propoñer medidas de información e educación aos poderes públicos de Galicia que teñan como obxectivo implicar, orientar, concienciar e sensibilizar a sociedade sobre os valores da igualdade entre mulleres e homes, cando lle sexan solicitadas.

d) Fomentar a comunicación, relación e intercambio entre organizacións de mulleres e outras entidades que teñan como fin a participación social e representación das mulleres.

e) Cooperar con outras entidades ou órganos de participación e representación social da Comunidade Autónoma para promover a adopción de medidas dirixidas á igualdade de mulleres e homes no seu ámbito de acción.

f) Investigar, coñecer e divulgar a realidade das mulleres galegas, concretamente no ámbito da violencia de xénero, para colaborar de maneira máis efectiva na súa eliminación.

g) Propoñer, se é o caso, a adopción de medidas relacionadas coa igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no ámbito do emprego e das relacións laborais.

h) A elaboración por iniciativa propia ou por solicitude da Xunta de Galicia a través da consellería competente en materia de traballo e do órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de igualdade, de estudos, informes ou consultas no ámbito do emprego e das relacións laborais.

i) A colaboración coa Comisión Consultiva Autonómica para a Igualdade entre Mulleres e Homes na Negociación Colectiva no desenvolvemento de todas as funcións que lle son atribuídas polo artigo 22 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

j) Calquera outra función relacionada cos seus fins que se lle poida encomendar.

Sección 2ª Composición

Artigo 4. Composición

1. O Consello Galego das Mulleres terá a seguinte composición:

a) Presidencia: a persoa titular do órgano da Administración xeral da comunidade autónoma competente en materia de igualdade.

b) Vicepresidencia primeira: a persoa titular da Subdirección Xeral, ou órgano administrativo equivalente, competente en materia de promoción da igualdade.

c) Vicepresidencia segunda: a persoa elixida por e entre as persoas que exerzan as vogalías en representación das asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas.

d) Vogais:

1. A persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, en representación de cada unha das consellerías da Xunta de Galicia.

2. A persoa titular de cada un dos órganos superiores da Presidencia da Xunta de Galicia.

3. Quince persoas, en representación das asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas cuxo ámbito de actuación estea dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Tres vogais en representación das organizacións empresariais intersectoriais galegas máis representativas.

5. Un/unha vogal en representación de cada unha das organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas.

6. Un/unha representante da Fegamp.

e) Secretaría: corresponderalle a un/unha funcionario/a do órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de igualdade, con nivel mínimo de xefe/a de servizo, designado/a pola Presidencia do Consello Galego das Mulleres, que a exercerá con voz e sen voto.

2. A composición e organización do Consello Galego das Mulleres farase procurando acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes na súa composición total.

Artigo 5. Nomeamento dos/as integrantes do Consello

1. A presidencia, vicepresidencia primeira e as vogalías das letras d) 1 e d) 2 do artigo 4 serán exercidas pola persoa que corresponda en razón do seu cargo.

2. A vicepresidencia segunda será exercida pola persoa nomeada polo/a presidente/a do Consello, segundo o establecido no artigo 4.

3. As vogalías en representación das asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas exerceranse polas persoas nomeadas polo/a presidente/a do Consello por proposta das propias entidades.

4. As vogalías en representación das organizacións empresariais intersectoriais galegas máis representativas, das organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas e da Fegamp, serán exercidas polas persoas nomeadas polo/a presidente/a do Consello por proposta das respectivas organizacións e federación.

Artigo 6. Procedemento de representación das asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas

1. Poderán participar no procedemento de elección de vogalías das asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, aquelas entidades que estean formadas exclusivamente por mulleres, domiciliadas na Comunidade Autónoma, sen ánimo de lucro, legalmente constituídas ao abeiro da LO 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación que teñan sido creadas con carácter estable para a realización de fins específicos relacionados cos intereses das mulleres.

2. As vogalías en representación das asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas determinaranse mediante un sistema de representación proporcional, logo de presentación de candidaturas de participación e de adhesión a estas.

Para tal fin a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza convocará o proceso de presentación de candidaturas e das súas adhesións. A forma de asignación de vogalías será proporcional en función do número de postulacións e das correspondentes adhesións presentadas.

Nos casos en que se producisen empates no número de entidades adheridas ás candidaturas postuladas, entenderase que a elección para a designación proporcional das vogalías corresponderá á candidatura que presente un maior número de persoas afiliadas.

No procedemento de asignación de vogalías garantirase, na medida do posible, a representatividade das catro provincias da Comunidade Autónoma, así como da diversidade de ámbitos sectoriais de actuación das asociacións de mulleres e federacións participantes.

En todo caso, se do procedemento de asignación proporcional de vogalías se derivase unha representatividade inferior ao 15% para algunha provincia, utilizaranse fórmulas de ponderación e corrección que garantan unha representatividade mínima de vogais en cada unha das provincias.

A relación de asociacións e federacións admitidas ao proceso de designación, así como o resultado dos recontos e valoracións, se é o caso, serán obxecto de publicación nos termos da correspondente convocatoria.

Artigo 7. Duración do mandato

O mandato dos/as integrantes do Consello Galego das Mulleres que non participen nel por razón do seu cargo terá unha duración de catro anos, renovable por iguais períodos de tempo.

Transcorrido o mandato de catro anos e mentres non se produzan os novos nomeamentos, as persoas que compoñen este órgano continuarán en funcións no seu mandato, mantendo os mesmos dereitos e obrigas no desenvolvemento das súas funcións.

O mandato das persoas que se nomeen como consecuencia de vacantes anticipadas rematará ao mesmo tempo que o resto das vogalías do Consello.

Artigo 8. A Presidencia

1. Á Presidencia do Consello Galego das Mulleres correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Desempeñar a representación e exercer a dirección do Consello Galego das Mulleres.

b) Convocar o Pleno do Consello, fixando os asuntos que comporán a orde do día.

c) Presidir as sesións do Pleno e moderar o desenvolvemento dos debates, velando polo cumprimento das funcións que lle competen ao órgano.

d) Dirimir co seu voto as votacións, en caso de empate.

e) Visar as actas e certificacións dos acordos do Consello.

f) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición.

2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal que impida o efectivo desenvolvemento das súas funcións pola persoa titular da Presidencia, esta será substituída pola persoa que exerza a Vicepresidencia primeira e, de producirse os mesmos supostos referidos a esta, pola persoa que exerza a Vicepresidencia segunda.

Artigo 9. A Secretaría

Á Secretaría do Consello Galego das Mulleres correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Asistir ás reunións do Pleno do Consello con voz e sen voto.

b) Efectuar as convocatorias das reunións do Consello por orde da Presidencia.

c) Recibir as comunicacións que as vogalías do Consello presenten a este para a súa toma en consideración, e proposta á Presidencia, de ser o caso, así como cantas notificacións, xustificantes de recepción, escusas de asistencia, peticións de datos, rectificacións ou calquera outros escritos que se remitan ao Consello.

d) Facilitarlles ás demais persoas membros do Consello, a información necesaria para o exercicio das funcións que teñan encomendadas.

e) Redactar e autorizar as actas das sesións.

f) Expedir certificacións das consultas, informes ou acordos aprobados, co visto e prace da Presidencia.

g) Custodiar a documentación do Consello.

h) Calquera outra función inherente á condición de secretaría.

Sección 3ª Funcionamento

Artigo 10. Pleno

1. O Pleno do Consello Galego das Mulleres estará composto por todas as persoas membros do Consello, correspondéndolle, entre outras, as seguintes funcións:

a) Velar polo cumprimento das funcións atribuídas ao Consello no artigo 3 deste decreto.

b) Aprobar o procedemento para a emisión de informes.

c) Emitir informes sobre as materias que constitúen as funcións do Consello.

d) Crear e regular a composición e funcións das Comisións de Traballo que se estimen necesarias, sinalándolles os seus obxectivos.

e) Aprobar, de ser o caso, as normas de funcionamento interno do Consello.

2. O Consello Galego das Mulleres reunirase polo menos en sesión ordinaria dúas veces ao ano, e con carácter extraordinario cando sexa convocado pola Presidencia, ben sexa por iniciativa propia ou da metade dos/as membros do Consello. En todo caso as convocatorias serán realizadas cun mínimo de corenta e oito horas de antelación por calquera dos medios previstos na lexislación vixente. Coas convocatorias deberase achegar a orde do día e a documentación correspondente aos temas que se tratarán.

3. Para a súa válida constitución será necesaria a presenza das persoas titulares da Presidencia e a Secretaría, ou das persoas que as substitúan, e a concorrencia da maioría absoluta dos/as membros do Pleno en primeira convocatoria, e dun terzo na segunda, debendo transcorrer trinta minutos entre ambas as convocatorias.

4. Todos/as os/as membros do Pleno, agás o/a que exerza a Secretaría terán dereito a voto, os seus acordos serán adoptados por maioría dos/as membros presentes, decidindo o voto do/a presidente/a en caso de empate e facendo constar en acta os votos discrepantes, así como o seu fundamento, se así se solicitase.

5. Cando os asuntos que se vaian tratar o requiran, a Presidencia poderá invitar a participar nas reunións do Pleno, con voz pero sen voto, a aquelas entidades ou persoas expertas en materia de igualdade que considere oportuno para o mellor asesoramento nos temas concretos que se van debater.

Artigo 11. As comisións de traballo

1. O Pleno do Consello poderá crear, cando o estime necesario, comisións de traballo para o exame das materias obxecto da súa competencia, ás que encomendará o estudo e análise de temas específicos, co fin de dinamizar o seu funcionamento e dotalo de maior operatividade.

2. O Pleno determinará na constitución das comisións de traballo o obxecto, finalidade, composición e funcionamento de cada unha delas. En todo caso estarán formadas por un mínimo de tres membros, dos/as que un/unha deles/as actuará como presidente/a e outro/a como secretario/a, sendo estes cargos designados polo Pleno.

3. Os informes, propostas, resolucións ou acordos elaborados polas comisións de traballo deberán remitirse ao Pleno para o seu debate e aprobación, se procede.

4. As comisións de traballo poderán contar coa participación, asistencia e apoio de persoas expertas ou persoal técnico seleccionado en función da materia, coa finalidade de obter asesoramento, tendo que ser nomeadas pola Presidencia do Consello.

5. As comisións de traballo que se constitúan extinguiranse polo cumprimento da finalidade para a que foron creadas, ou por acordo expreso do Pleno.

Artigo 12. Compensación no exercicio de funcións e da asistencias ás reunións

O exercicio de funcións, así como a asistencia ás reunións do Consello Galego das Mulleres non suporá ningunha compensación económica. Non obstante, de conformidade co establecido no artigo 55.2 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, os/as membros en representación das asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, procedentes do Consello Galego de Participación das Mulleres no Emprego e nas Relacións Laborais, integrado neste Consello en virtude do disposto na disposición adicional terceira deste decreto, terán dereito á compensación de gastos recoñecida no antedito artigo, mentres non se promulgue outra disposición normativa que estableza o contrario.

CAPÍTULO III
Do Observatorio Galego da Violencia de Xénero e da Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista
Sección 1ª Do Observatorio Galego da Violencia de Xénero

Artigo 13. Natureza, adscrición e fins

O Observatorio Galego da Violencia de Xénero é un órgano colexiado e institucional de Galicia encargado do estudo, da avaliación e do seguimento das políticas contra a violencia de xénero que se desenvolvan en Galicia. Este órgano quedará adscrito ao órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de igualdade.

Artigo 14. Funcións

Ao Observatorio Galego da Violencia de Xénero correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) Actuar como órgano de recollida, análise e difusión de información relativa á violencia de xénero. Con ese fin crearase e manterase unha base de datos na que se integren todos aqueles datos relativos ás situacións de violencia de xénero na Comunidade Autónoma, co fin de sistematizar, actualizar e analizar a información que se recolla.

b) Formular recomendacións e propostas tendentes a mellorar os indicadores e sistemas de información utilizados polos servizos en materia de violencia contra a muller e a promover melloras na oferta dos diferentes recursos que incidan no ámbito da violencia de xénero na Comunidade Autónoma.

c) Manter relacións de coordinación e colaboración cos distintos organismos internacionais, estatais, autonómicos e locais que teñan encomendadas funcións de natureza similar.

d) Elaborar informes sobre a violencia de xénero en Galicia.

e) Propoñer a realización de investigacións e estudos específicos para a prevención e erradicación da violencia de xénero.

f) Analizar a adecuación das medidas integrais dirixidas ás vítimas de violencia de xénero, investigando as súas consecuencias e efectos.

g) Propoñer medidas e accións dirixidas á prevención e erradicación da violencia de xénero e á mellora da situación das mulleres vítimas desa violencia.

h) Propoñer medidas e accións dirixidas á prevención da violencia de xénero no ámbito educativo.

i) Actuar como órgano de vixilancia, asesoramento e denuncia en materia de erradicación da discriminación por razón de sexo en publicidade.

Artigo 15. Composición

1. O Observatorio Galego da Violencia de Xénero terá a seguinte composición:

– Presidencia: a persoa titular da consellería da que dependa organicamente o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de igualdade.

– Vicepresidencia: a persoa titular do órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de igualdade.

– Vogais:

a) Unha persoa en representación de cada un das seguintes consellerías e organismos, con nivel de secretario/a xeral técnico/a, director/a xeral ou equivalente:

Consellería competente en materia de facenda.

Consellería competente en materia de educación.

Consellería competente en materia de sanidade.

Consellería competente en materia de traballo e benestar.

Consellería competente en materia de vivenda.

Instituto Galego de Estatística.

b) A persoa titular do órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de emigración.

c) A persoa titular das seguintes direccións xerais, ou órganos equivalentes:

Dirección xeral competente en materia de xustiza.

Dirección xeral competente en materia de interior.

Dirección xeral competente en materia de Administración local.

Dirección xeral competente en materia de función pública.

d) Unha persoa en representación da unidade contra a violencia de xénero da Delegación do Goberno en Galicia.

e) O/a presidente/a da Federación Galega de Municipios e Provincias ou persoa en quen delegue.

f) O/a fiscal superior da Comunidade Autónoma de Galicia ou persoa en quen delegue.

g) O/a presidente/a do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou persoa en quen delegue.

h) O/a director/a xeral da Compañía de Radio Televisión de Galicia ou persoa en quen delegue.

i) Tres vogais en representación das organizacións empresariais intersectoriais galegas máis representativas.

j) Un/unha vogal en representación de cada unha das organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas.

k) Tres vogais en representación das asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, con representación no Consello Galego das Mulleres.

2. A Secretaría, con voz pero sen voto, corresponderalle á persoa titular da Subdirección Xeral, ou órgano administrativo equivalente, que teña atribuída a función de tratamento da violencia de xénero.

3. Por cada vogal titular das letras a), b) e c) nomearase un ou unha suplente que o/a substitúa nos casos legalmente previstos.

4. A composición e organización do Observatorio Galego da Violencia de Xénero farase procurando acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes na súa composición total.

Artigo 16. Nomeamento e cesamento

1. As persoas titulares das vogalías mencionadas nas letras 1 b), 1 c), 1 d), 1 e), 1 f), 1 g) e 1 h) do artigo anterior serano en razón do cargo que ocupen.

As persoas titulares das vogalías recollidas nas letras 1 i) e 1 j) serán nomeadas pola Presidencia por proposta das respectivas organizacións, que as designarán en función do cargo que ocupen.

O nomeamento das persoas titulares recollidas na letra 1 k), corresponderá á Presidencia por proposta do Pleno do Consello Galego das Mulleres.

2. O mandato das persoas que compoñen o Observatorio Galego da Violencia de Xénero que non participen nel por razón do seu cargo terá unha duración de catro anos, renovable por iguais períodos de tempo.

Transcorrido o mandato de catro anos e mentres non se produzan os novos nomeamentos, as persoas que compoñen este órgano continuarán en funcións nos seus respectivos cargos e postos, mantendo os mesmos dereitos e obrigas no desenvolvemento das súas funcións.

No caso de producirse vacantes anticipadas, que non sexan consecuencia da expiración do mandato, cubriranse do conformidade co previsto no punto primeiro deste artigo. O mandato das persoas que se nomeen como consecuencia destas vacantes anticipadas rematará ao mesmo tempo que o resto das vogalías do observatorio.

Artigo 17. Funcionamento

O Observatorio Galego da Violencia de Xénero funcionará en Pleno e en comisións de traballo.

Artigo 18. Pleno

1. Integran o Pleno do Observatorio Galego da Violencia de Xénero a persoa titular da Presidencia, a persoa titular da Vicepresidencia, a totalidade das persoas que ocupan as vogalías e o/a secretario/a.

2. Son funcións do Pleno as establecidas no artigo 14 deste decreto.

3. O Pleno reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ao ano e, con carácter extraordinario, logo de convocatoria da Presidencia, por iniciativa propia ou dunha terceira parte dos/as seus/súas membros.

4. Os acordos adoptaranse por maioría dos/as membros presentes con dereito a voto, decidindo en caso de empate o voto de calidade da Presidencia.

Artigo 19. Comisións de traballo

O Pleno do Observatorio Galego da Violencia de Xénero poderá crear cantas comisións de traballo considere oportuno para o exercicio das funcións previstas no artigo 14.

As comisións de traballo constituiranse en función da materia concreta que se considere necesario analizar, logo da aprobación pola maioría dos/as membros do Pleno. Segundo os temas que se traten e co fin de elaborar os informes técnicos pertinentes, poderán ser asistidas por persoas expertas en razón das súas funcións, dedicación ou coñecementos.

Sección 2ª Da Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista

Artigo 20. Obxecto

1. Dependendo do Observatorio Galego da Violencia de Xénero e con carácter permanente, créase a Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista que terá como obxecto asesorar e orientar as entidades, asociacións, axentes publicitarios que o requiran, ofrecendo criterios alternativos para eliminar o sexismo nas mensaxes publicitarias e incorporar accións positivas que cooperen á erradicación de todo tipo de discriminación por razón do sexo das persoas.

2. Así mesmo, por instancia da parte interesada, canalizará as queixas que se reciban en relación coa publicidade sexista.

Artigo 21. Ámbito de actuación

1. O labor da Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista estará centrado na publicidade que se difunda a través de soportes publicitarios e dos medios de comunicación que teñan a súa sede principal na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Naqueles casos nos que a publicidade sexa de ámbito estatal, a Comisión Asesora, unha vez analizado o asunto obxecto de protesta, remitirao para seu coñecemento ao órgano estatal competente por razón da materia.

Artigo 22. Funcións

Corresponderá á Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista as seguintes funcións:

1. Velar pola erradicación do sexismo nas mensaxes publicitarias e pola implantación de accións que favorezan a eliminación da discriminación por razón de sexo entre as persoas.

2. Atender as peticións de asesoramento que se remitan, facilitando criterios e alternativas co fin de evitar o sexismo na publicidade.

3. Servir de vía para canalizar e orientar as queixas que se reciban sobre publicidade sexista, de acordo co establecido na Lei 34/1988, do 11 de novembro, xeral de publicidade.

4. Difundir a información obtida co fin de fomentar o rexeitamento social ao tratamento discriminatorio ás mulleres a través da comunicación mediática.

5. Calquera outra función no marco das súas competencias.

Artigo 23. Composición

1. A Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista terá a seguinte composición:

a) Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral, ou órgano administrativo equivalente, que teña atribuídas as funcións de tratamento da violencia de xénero.

b) Vicepresidencia: un/unha funcionario/a do órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de violencia de xénero, con nivel mínimo de xefe/a de servizo.

c) Vogais:

1. Unha persoa representante do órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de medios designada pola súa Secretaría Xeral.

2. Unha persoa representante da Compañía de Radio Televisión de Galicia designada pola presidencia do Consello asesor por proposta deste.

3. Unha persoa representante do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, designada por este.

4. Unha persoa representante das asociacións de axencias de publicidade da Comunidade Autónoma de Galicia, designada por estas.

d) Secretaría: corresponderalle a un/unha funcionario/a, designado/a pola Presidencia do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, que a exercerá con voz e sen voto.

2. Na composición da Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 24. Sesións

1. A Comisión reunirase polo menos dúas veces por ano, podendo celebrar reunións extraordinarias a petición da Presidencia ou cando o solicite a maioría dos/as membros, nos casos que se considere necesario dar unha resposta urxente ás cuestións formuladas.

2. Os acordos adoptaranse por maioría de votos.

3. O voto de calidade do/a presidente/a dirimirá os acordos en caso de empate.

Artigo 25. Gratuidade do exercicio das funcións e da asistencia ás reunións

O exercicio das súas funcións, así como a asistencia ás reunións por parte dos/as membros do Observatorio e da Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista non suporán ningunha compensación económica.

CAPÍTULO IV
Da Comisión Interdepartamental da Igualdade

Artigo 26. Natureza, adscrición e fins

A Comisión Interdepartamental da Igualdade é un órgano colexiado e institucional de Galicia ao que lle corresponderán, entre outras, as funcións de seguimento de aplicación da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero e dos correspondentes plans para a igualdade de oportunidades e de loita contra a violencia de xénero.

Este órgano quedará adscrito ao órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de igualdade.

Artigo 27. Funcións

Á Comisión Interdepartamental da Igualdade correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) Efectuar o seguimento da aplicación da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e dos correspondentes plans para a igualdade de oportunidades e de loita contra a violencia de xénero.

b) Adaptar o plan de etapas de aplicación da Lei 11/2007, do 27 de xullo, ás contías orzamentarias anuais consignadas para o seu desenvolvemento nas leis de orzamentos de cada exercicio.

c) Velar pola efectiva aplicación do principio de transversalidade na elaboración, execución e seguimento de todas as accións e políticas públicas levadas a cabo pola Xunta de Galicia, co obxecto de acadar a igualdade real e efectiva e eliminar as discriminacións entre mulleres e homes.

d) Servir de órgano de interlocución en materia de igualdade entre as consellerías da Xunta de Galicia, os organismos autónomos e entes públicos vinculados ou dependentes destes, promover accións conxuntas para asegurar o cumprimento da lexislación vixente en materia de igualdade no ámbito da administración autonómica e corrixir as situacións de discriminación.

e) Calquera outra función que lle sexa encomendada dentro do ámbito das súas competencias.

Artigo 28. Composición

1. A Comisión Interdepartamental da Igualdade da Xunta de Galicia terá a seguinte composición:

a) Presidencia: a persoa titular da consellería da que dependa organicamente o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de igualdade.

b) Vicepresidencia: a persoa titular do órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de igualdade.

c) Vogais: unha persoa en representación de cada unha das consellerías da Xunta de Galicia con nivel de secretario/a xeral técnico/a ou equivalente.

d) Secretaría: desenvolverá esta función, con voz pero sen voto, a persoa titular da Subdirección Xeral, ou órgano equivalente, que teña atribuída a función de asesoramento técnico-administrativo e orzamentario.

2. As/os representantes con categoría de secretario/a xeral técnico/a poderán designar suplentes que deberán ter o nivel de subdirectores/as.

3. Na composición da Comisión Interdepartamental da Igualdade procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 29. A Presidencia

1. Correspóndelle á Presidencia da Comisión Interdepartamental da Igualdade da Xunta de Galicia o exercicio das seguintes funcións:

a) Desempeñar a representación do órgano.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias e fixar a orde do día, tendo en conta, de ser o caso, as peticións dos/as demais membros formuladas coa suficiente antelación.

c) Presidir as sesións do Pleno, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Dirixir as deliberacións e, en xeral, exercitar as facultades precisas para o adecuado desenvolvemento das sesións.

e) Dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adopción de acordos.

f) Asegurar o cumprimento das leis.

g) Visar as actas e certificacións dos acordos do órgano.

h) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición.

2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou doutra causa legal, a persoa que desempeñe a Presidencia será substituída pola persoa que desempeñe a Vicepresidencia.

Artigo 30. Membros

Correspóndelle ás persoas membros da Comisión Interdepartamental da Igualdade da Xunta de Galicia o exercicio das funcións que se relacionan a continuación:

a) Asistir ás sesións e participar nos debates.

b) Exercer o seu dereito ao voto e formular o seu voto particular, así como expresar o sentido deste e os motivos que o xustifican.

c) Formular rogos e preguntas.

d) Propoñer a constitución de comisións de traballo.

e) Presentar á Comisión Interdepartamental as propostas que consideren oportunas.

Artigo 31. A Secretaría

Correspóndelle á Secretaría da Comisión Interdepartamental da Igualdade da Xunta de Galicia o exercicio das seguintes funcións:

a) Efectuar a convocatoria das sesións da Comisión por orde da Presidencia.

b) Preparar as sesións e redactar e autorizar as actas.

c) Expedir certificacións dos acordos adoptados.

d) Arquivar e custodiar os documentos en que consten as funcións desenvolvidas pola Comisión.

e) Realizar cantos actos de xestión e coordinación lle sexan encomendados pola Presidencia, sexan propios do cargo ou que o ordenamento xurídico vixente lle atribúa.

Artigo 32. Funcionamento

1. A Comisión Interdepartamental da Igualdade reunirase como mínimo unha vez ao ano, en sesión ordinaria, e con carácter extraordinario por iniciativa da Presidencia ou dunha terceira parte dos/as membros.

2. As convocatorias das sesións da Comisión Interdepartamental da Igualdade serán acordadas pola súa Presidencia e efectuaranse con 48 horas de antelación ao día no que vaia ter lugar a reunión.

3. Para a válida constitución do órgano deberán concorrer, en primeira convocatoria, a maioría absoluta dos/as membros. En segunda convocatoria será suficiente a presenza da terceira parte dos/as membros. Entre as dúas convocatorias deberá concorrer como mínimo media hora.

Artigo 33. Comisións de traballo

1. A Comisión Interdepartamental da Igualdade pode acordar a constitución de comisións de traballo co obxecto de tratar cuestións dun xeito máis específico ou cun carácter máis sectorial.

2. O acordo polo que se constitúa unha comisión de traballo determinará a súa composición, fins e modo de funcionamento. As súas funcións serán as de estudo, informe e proposta en relación ás cuestións atribuídas e serán desempeñadas baixo a supervisión e apoio dun técnico/a designado/a polo órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de igualdade. Poderán estar asistidas polas persoas expertas ou asesoras que proceda, en función do tema de que se trate.

3. As comisións de traballo poderán ter carácter temporal ou permanente.

Artigo 34. Apoio técnico

Correspóndelle ao órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de igualdade, o apoio técnico e asesoramento á Comisión Interdepartamental da Igualdade e, se é o caso, ás comisións de traballo.

Artigo 35. Gratuidade do exercicio das funcións e da asistencia ás reunións

O exercicio das súas funcións, así como a asistencia ás reunións, por parte dos/as membros da Comisión Interdepartamental da Igualdade non suporá ningunha compensación económica.

Disposición adicional primeira. Impacto orzamentario

A creación, constitución e funcionamento dos órganos colexiados regulados neste decreto, non implica a realización de ningún gasto que supoña a existencia de impacto orzamentario, sen prexuízo do establecido no artigo 12 deste decreto.

Disposición adicional segunda. Normativa aplicable

No non previsto no presente decreto será de aplicación o disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na sección terceira do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galicia.

Disposición adicional tercera. Consello Galego de Participación das Mulleres no Emprego e nas Relacións Laborais

De acordo co establecido no artigo 52.3 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia, así como na disposición adicional quinta do Decreto 181/2008, do 24 de xullo, polo que se regula o Consello Galego de Participación das Mulleres no Emprego e nas Relacións Laborais procédese á integración deste no Consello Galego das Mulleres.

Para tal efecto, declárase a extinción orgánica do Consello Galego de Participación das Mulleres no Emprego e nas Relacións Laborais, determinándose, así mesmo, que as súas funcións serán asumidas polo Consello Galego das Mulleres, sendo exercidas polos/as membros deste de acordo coas normas de composición e funcionamento deste e cos fins e funcións establecidos nos artigos 2 e 3 do presente decreto.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogado o capítulo I e a disposición transitoria do Decreto 181/2008, do 24 de xullo, polo que se regula o Consello Galego de Participación das Mulleres no Emprego e nas Relacións Laborais.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para adoptar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Disposición derradeira segunda

Este decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de xullo de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza