Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 27 de xullo de 2012 Páx. 30065

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 5 de xullo de 2012 pola que se modifica a Orde do 16 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos grupos de acción costeira para proxectos ao abeiro dos plans estratéxicos zonais aprobados pola Consellería do Mar (financiada polo Fondo Europeo de Pesca).

A Consellería do Mar (actualmente Consellería do Medio Rural e do Mar) publicou o
22 de marzo de 2011 a Orde do 16 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro dos plans estratéxicos zonais aprobados pola Consellería do Mar aos grupos de acción costeira (financiada polo Fondo Europeo de Pesca). Estas axudas convocáronse amparadas no disposto no
Regulamento (CE) 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo da Pesca e no Regulamento (CE) 498/2007, da Comisión, do 26 de marzo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do anterior.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño) establece no seu artigo 31.6 que poderán realizarse pagamentos anticipados que suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención.

Así mesmo, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20, do 29 de xaneiro) establece no seu artigo 63 que as bases reguladoras poderán prever a concesión de pagamentos anticipados, debendo fixar o réxime de garantías que deberá prestar o beneficiario.

A experiencia adquirida na xestión destas axudas fai conveniente introducir algunhas variacións que afectan a modificación das resolucións de concesión e á contía dos gastos subvencionables.

Por todo o anterior, considérase necesario modificar a Orde do 16 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para proxectos ao abeiro dos plans estratéxicos zonais aprobados pola Consellería do Mar aos grupos de acción costeira (financiada polo Fondo Europeo de Pesca).

De acordo co uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. A Orde do 16 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro dos plans estratéxicos zonais aprobados pola Consellería do Mar aos grupos de acción costeira (financiada polo Fondo Europeo de Pesca), modifícase nos seguintes termos:

Primeiro. Modificación do artigo 15.

Engádese un punto 1 bis ao artigo 15 (fase de concesión), co seguinte texto:

«1 bis. Limitacións na contía da subvención.

No caso de presentarse en distintos proxectos accións substancialmente idénticas, poderase establecer unha contía de subvención para todas elas, independentemente do importe solicitado.

Poderase limitar a contía dos gastos elixibles que se consideren que non están xustificados debidamente no proxecto, tanto en canto ao seu número como á súa valoración económica. Cando o custo dos gastos subvencionables proposto polo solicitante sexa superior ao valor do mercado, poderá proporse a non concesión ou a minoración da axuda».

Segundo. Modificación do artigo 16.

No punto 1 do artigo 16 (modificación da resolución e posibilidade de prórrogas), engádese ao final o seguinte paragrafo adicional:

«Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do interesado, sempre que se cumpran os seguintes requisitos :

a) Que a actividade ou modificación proposta estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que a modificación non cause prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención ou a non selección do proxecto».

Terceiro. Modificación do artigo 18.

O artigo 18 (pagamento e pagamentos parciais) quedará redactado como segue:

«Artigo 18. Pagamento, pagamentos parciais e anticipos

1. O pagamento das axudas efectuarao a Consellería do Medio Rural e do Mar unha vez xustificada de forma documental e material a realización do obxecto da subvención e a elixibilidade do gasto. O importe da axuda aboaráselle mediante transferencia bancaria ao beneficiario e na contía que corresponda segundo os proxectos executados.

No caso de que o investimento sexa xustificado por menor contía que o considerado como subvencionable inicialmente, poderase minorar a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración non afecte aspectos fundamentais do proxecto e que non supoña unha realización deficiente deste. Para estes efectos poderán aceptarse compensacións de ata un 15% entre as partidas de gasto aprobadas, que en ningún caso aumentarán a contía total concedida.

2. Pagamentos parciais:

Poderán realizarse xustificacións parciais a medida que se vaian executando as accións subvencionadas. Os pagamentos parciais non poderán superar o 80% da axuda e aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada. Os pagamentos están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados neste artigo.

Non se considerará que un pagamento é parcial cando comprenda a totalidade da subvención correspondente a unha fase do proxecto susceptible de producir efectos independentes, sempre que así se recolla expresamente na resolución de concesión».

3. Por resolución motivada do órgano concedente, e logo de solicitude dos interesados, poderá autorizarse un anticipo de ata un 50% da subvención para a anualidade, naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. Os pagamentos anticipados están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados neste artigo.

4. Garantías.

a) Será obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos ou pagamentos parciais, nos seguintes supostos:

1º. Anticipos que superen o importe de 18.000 euros.

2º. Pagamentos pacíais cando a contía da subvención exceda os 18.000 euros.

b) A garantía constituirase mediante presentación de aval solidario de entidade de crédito, que deberá cubrir o 110% do importe das cantidades aboadas á conta ou que se anticipen, de conformidade co disposto no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, agás nos casos previstos no artigo 65.4 dese decreto. O aval será depositado na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia.

As garantías serán liberadas logo de que se comprobe a realización do proxecto ou das accións independentes que o compoñan.

5. O importe conxunto dos pagamentos parciais e anticipados que, se é o caso, se concedesen non poderá ser superior ao 80% da subvención concedida, nin superar a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario».

6. O pagamento da primeira e sucesivas anualidades terá carácter de ingreso á conta e a súa consolidación estará condicionada á realización do obxecto da axuda. No caso de que o solicitante non cumpra cos requisitos exixidos, estará obrigado ao reintegro da axuda nos termos previstos nos artigos 37 a 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. No momento da xustificación da execución parcial e total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución».

Disposición derradeira primeira. Disposición de desenvolvemento

Facúltase a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as disposicións que sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2012

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar