Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Mércores, 29 de agosto de 2012 Páx. 34540

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 24 de xullo de 2012, do presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, de delegación de competencias na persoa titular da Dirección da Agadic.

A Lei 4/2008, do 23 de maio, crea e regula a Axencia Galega das Industrias Culturais como axencia pública autonómica, con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, e facultada para exercer potestades administrativas no ámbito das súas funcións, e adscrita á consellería con competencias en materia de cultura da Xunta de Galicia.

O Decreto 150/2012, do 12 de xullo, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais, no seu artigo 15 establece as atribucións do presidente do Consello Reitor, e tendo en conta a cantidade e variedade de funcións propias, é conveniente acudir á delegación de competencias na persoa titular da Dirección da Agadic, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

En consecuencia, de acordo co disposto na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, na Lei 16/2010, do 17 decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no Decreto 150/2012, do 12 de xullo, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais,

RESÓLVESE:

Primeiro

Delegar na persoa titular da Dirección da Agadic as seguintes atribucións:

a) Asinar os convenios con outras entidades públicas ou privadas que sexan necesarios para o cumprimento dos obxectivos da Agadic, ata o límite dos convenios que deben ser autorizados polo Consello da Xunta.

Segundo

Na aplicación das delegacións de competencias contidas neste acordo teranse en conta os seguintes criterios:

1. O exercicio das competencias que se delegan neste acordo axustarase ao disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. En calquera momento o órgano delegante poderá revogar o exercicio das competencias que se delegan ou atraer para si as competencias para o coñecemento dun asunto concreto.

3. Enténdese comprendido na delegación o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que se diten en virtude das competencias que se lle delegan neste acordo e para, se é o caso, suspender a executividade dos actos impugnados.

Terceiro

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas neste acordo farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Disposición derradeira

Este acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2012

Jesús Vázquez Abad
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais