Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Mércores, 3 de outubro de 2012 Páx. 38110

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 19 de setembro de 2012 pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 20 de xullo de 2012, relativa ao proxecto de trazado e impacto ambiental da obra Variante de Aradas, no concello de Santiago de Compostela (A Coruña).

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como o disposto no Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 20 de xullo de 2012, relativa ao proxecto de trazado e impacto ambiental da obra «Variante de Aradas», no concello de Santiago de Compostela (A Coruña).

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2012

Ethel Vázquez Mourelle
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas

Declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental no 20 de xullo de 2012, relativa ao proxecto de trazado e impacto ambiental
da obra «Variante de Aradas», no concello de Santiago de Compostela (A Coruña),
promovido pola Axencia Galega de Infraestruturas (clave 2011/0078)

Antecedentes.

A antiga Dirección Xeral de Infraestruturas, como órgano substantivo por razón da materia, na súa Resolución do 20 de setembro de 2011 aprobou provisionalmente o proxecto de trazado e impacto ambiental da obra «Variante de Aradas», en Santiago de Compostela (clave AC/10/020.00).

Este proxecto ten por obxecto a definición dun trazado para unha nova vía que conecte o polígono industrial do Tambre coas estradas CP-0701 e CP-7804, mellorando deste xeito a saída desde o polígono cara ao oeste a través da nova variante, e coa menor afección posible ao medio natural e ás poboacións da contorna.

No anexo I resúmese o contido do trazado do estudo informativo e no anexo II as medidas correctoras e protectoras propostas no estudo de impacto ambiental.

Dado que o proxecto se atopa comprendido no grupo 6, alínea a.1 do anexo I do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, de avaliación de impacto ambiental, dentro do procedemento de aprobación substantiva sométese ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data do 30 de setembro de 2011 publícase no DOG (nº 188) a Resolución do 21 de setembro de 2011, da Axencia Galega de Infraestruturas (antiga Dirección Xeral de Infraestruturas), pola que se somete a información pública o proxecto de trazado e impacto ambiental da obra «Variante de Aradas», en Santiago de Compostela, clave AC/10/020.00, no concello de Santiago de Compostela (A Coruña).

Durante este período foron presentadas alegacións por parte de particulares e administracións locais e provinciais, tendo en conta o condicionado desta declaración de impacto ambiental e, no que procede, as que teñen carácter ambiental.

Con data do 6 de xullo de 2011 ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Axencia Galega de Infraestruturas, no cal se inclúen os certificados de exposición, a copia das alegacións presentadas no dito período e os informes da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, a Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, Augas de Galicia e a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública e o Concello de Santiago de Compostela.

Cumprida a tramitación, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de trazado e impacto ambiental da obra «Variante de Aradas» (clave AC/10/020.00), no concello de Santiago de Compostela (A Coruña).

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que a actuación descrita é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano –por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo–, poderá ditar, só para efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.

As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que fornezan unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude presentando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, e non pode comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta secretaría xeral.

A. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese ás obras definidas no documento proxecto de trazado e impacto ambiental da obra «Variante de Aradas», en Santiago de Compostela, clave AC/10/020.00, no concello Santiago de Compostela, na provincia da Coruña, na configuración relativa a alternativa 4B, recollida no documento nº 2 (planos do proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da obra «Variante de Aradas», clave AC/10/020.00).

1. Protección da atmosfera.

1.1. Levaranse a cabo as medidas recollidas no estudo de impacto ambiental para a protección da atmosfera, incluíndo nelas o lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.

2. Protección dos niveis sonoros.

2.1. Cumprirase co disposto no Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 13 de novembro, do ruído, no referente á zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas, así como, se for o caso, o estipulado nas ordenanzas municipais ao respecto.

3. Protección da calidade das augas e leitos fluviais.

3.1. No control topográfico dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas proxectadas quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico, por tanto, procederase a balizar ou sinalizar axeitadamente os tramos dos diferentes cursos de auga afectados polas obras, limitando o acceso soamente aos casos en que sexa imprescindible para a realización das obras da estrutura de drenaxe de paso dos ditos cursos de auga.

3.2. Evitarase modificar as redes de escorremento para non influír nos ecosistemas naturais situados augas abaixo da infraestrutura. Neste marco, deberanse colocar tantas estruturas de drenaxe transversal como valgadas teña o terreo e dimensionarase axeitadamente para evitar o efecto presa en épocas de máxima precipitación.

Estas estruturas deberán poder ser empregadas como paso por parte da microfauna, polo que os ditos pasos se deseñarán con largo suficiente e de xeito que non se xeren saltos ou desniveis entre as súas embocaduras e os terreos circundantes. Ademais, deben ser consideradas como pasos bidireccionais para a fauna, polo que estarán desprovistas de estruturas de caída vertical que impidan o retorno, e preverán que todas as especies que caian poidan saír. Irán revexetadas con especies autóctonas e locais para canalizar a fauna por esa zona e, así, conseguir diminuír o efecto barreira da infraestrutura.

Ademais, no deseño da rede de drenaxe lonxitudinal deberase ter en conta permitir o mantemento dos fluxos actuais de escorremento e rede fluvial, sen xerar transvases entre bacías. Este criterio deberá presidir o deseño da rede de drenaxe lonxitudinal, para alterar o menos posible a drenaxe natural do terreo, e evitar, en todo caso, a concentración de escorrementos en bacías ou valgadas distintas daquelas en que naturalmente evacuarían. Deberanse estudar solucións que permitan que as augas drenadas da plataforma, desmontes e terrapléns sexan devoltas ao terreo do xeito máis inmediato, por medio de cunetas filtrantes, sen que poidan ser obras de fábrica impermeables ou actuacións similares.

3.3. Para evitar a erosión na incorporación das augas á rede natural de drenaxe colocaranse sistemas de disipación de enerxía (camadas de pedra, pequenos diques etc.) nos puntos de vertedura ao medio desta rede. Así mesmo, nestes puntos débense impedir os fenómenos de asolagamento e deposición.

3.4. Para as verteduras que se realicen ao medio natural, xa sexan augas de escorremento, sanitarias e/ou pluviais, así como para a realización de captacións de auga, será preceptiva a autorización administrativa outorgada polo organismo de bacía, neste caso Augas de Galicia. No caso de que a vertedura se realice cara á rede de saneamento da zona, deberase dispoñer da autorización do xestor da dita rede.

3.5. Prohíbese verter nos leitos dos cursos fluviais restos de formigón ou cemento, lavar materiais ou ferramentas que estivesen en contacto con eles, así como os cambios de aceite da maquinaria de construción.

Durante a fase de remocións das terras necesarias para aterraplenar as vías terase especial coidado de que non haxa achegas de materiais á rede de escorremento.

3.6. Nos labores de mantemento dos foxos e dos sistemas de drenaxe evitarase o emprego de herbicidas e realizaranse os ditos labores exclusivamente por medios mecánicos e/ou manuais.

3.7. Tomaranse todas as medidas necesarias para evitar afeccións ao dominio público hidráulico e as súas zonas de servidume e policía: construiranse gabias receptoras e balsas de decantación deseñadas para absorber a auga de escorremento con sólidos en suspensión antes de que chegue aos leitos; farase o mantemento da maquinaria en lugares adecuados e deseñaranse as obras de drenaxe de acordo coa lexislación en materia de augas, protección de vexetación de ribeira, revexetación do terreo descuberto etc.

Todas as obras provisionais que sexan precisas para a execución do proxecto sempre precisarán autorización previa da Administración hidráulica se se sitúan no dominio público hidráulico ou na zona de policía de leitos.

3.8. Os movementos de terras próximos ás canles contarán con balsas de decantación para evitar que as choivas arrastren sólidos en suspensión que contaminen as augas continentais. Así, as augas susceptibles de ser afectadas polos labores da execución da obra cumprirán, en todo momento (mesmo na época de estiaxe), o preceptuado no artigo 80 sobre calidade mínima exixible ás augas continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais).

3.9. Todas as áreas contiguas aos eixes hídricos deben considerarse como zonas de non afección, e cumprirase en todo momento o establecido na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, e no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais. En relación con isto, todos os traballos que puideren afectar os cursos fluviais deberán ser executados en período de estiaxe para minimizar o impacto sobre os seus ecosistemas.

3.10. O cruzamento dos cursos de auga deberán realizarse preferentemente mediante estruturas que, presentando a capacidade hidráulica precisa para o desaugamento de enchentes extraordinarias, non alteren o leito fluvial. Os estribos e zapatas deberán estar situados a unha distancia mínima desde a beira do curso. As citadas estruturas deberán presentar trazado perpendicular á dirección do fluxo, sen que a súa construción poida representar alteracións nela.

3.11. Deberase obter a preceptiva autorización do organismo de bacía, neste caso, Augas de Galicia, para a execución de obras en zonas de dominio público hidráulico ou de policía, construcións, cortas e plantacións ou calquera outro uso ou actividade que supoña un obstáculo para a corrente en réxime de enchentes ou poida ser causa de degradación ou deterioración do dominio público hidráulico.

3.12. En xeral, para o cálculo e deseño das obras de fábrica proxectadas, e debido á realización de obras en dominio público hidráulico, deberase considerar a normativa incluída na Lei de augas (texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo), o Regulamento do dominio público hidráulico, aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril (modificado polo Real decreto 606/2003, do 23 de maio, e polo Real decreto 9/2008, do 11 de xaneiro), e as normas incluídas no Plan hidrolóxico Galicia costa.

3.13. O trazado podería afectar a permeabilidade territorial dalgunhas zonas e algunhas fontes e/ou captacións de auga existentes. Neste senso, terase en conta o seguinte:

– Deberán manterse os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras for preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse implementar rutas alternativas que presten o mesmo servizo.

– Estableceranse as medidas precisas para procurar manter os usos actuais existentes no que se refire ás fontes e/ou captacións que se poidan ver afectadas.

3.14. Deberase maximizar o respecto por aqueles cursos fluviais e a súa vexetación que sexa interceptada polo trazado previsto, segundo o artigo 1 da Lei 5/2006, do 30 de xuño, para a protección, a conservación e a mellora dos ríos galegos, que declara de interese xeral a conservación do patrimonio natural fluvial da Comunidade Autónoma de Galicia e, así mesmo, o artigo 16 da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, que declara de interese xeral a conservación das formacións vexetais nas marxes dos ríos e regueiros.

3.15. No proxecto construtivo deberán primar o emprego dos viadutos e pontes nos puntos de intersección, entre leitos fluviais e infraestruturas lineares para que non se afecte os leitos dos cursos fluviais nin os desprazamentos da fauna asociada nas épocas de estiaxe debido á escasa lámina circulante ou á elevada velocidade (é o caso das estruturas tipo marco ou tubo). Ademais, para protexer a vexetación de ribeira que forma parte do ecosistema fluvial, deberanse colocar os estribos das pontes ou piares a máis de 5 metros a cada lado do leito, para facilitar o tránsito da fauna terrestre e anfibia, así como permitir o paso de pescadores.

4. Protección do solo.

4.1. Balizaranse e sinalizaranse as zonas de obra e todas as infraestruturas e instalacións proxectadas e está prohibido ocupar terreos fóra do previsto. Este balizamento e sinalización deberán manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras e serán retirados cando estas finalicen.

4.2. Tamén se procederá ao balizamento ou, se for o caso, á sinalización de todos aqueles elementos de interese situados no contorno do proxecto (basicamente todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental e elementos do patrimonio cultural) co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre eles. Se é tecnicamente posible, os tocos non se eliminarán, sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais.

4.3. No caso de que sexa necesario crear vías alternativas para a circulación dos veciños, estas estarán perfectamente indicadas e sinalizadas.

Estableceranse medidas encamiñadas ao mantemento das infraestruturas locais existentes que sexan empregadas na execución do proxecto e procederase á reparación das deterioracións ou danos ocasionados nelas, de ser o caso.

4.4. Localizaranse as zonas destinadas ás instalacións auxiliares (parque de maquinaria, zonas de almacenamento de materiais e residuos, vestiarios etc.) e primarase o uso dos espazos ocupados pola traza fronte a calquera outro, procurando que se sitúen en espazos carentes de valores ambientais relevantes.

Ademais de nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado de maquinaria, habilitarase nas formigonaxes un sistema de recolla, condución e sedimentación de auga mesturada co formigón procedente da zona de obra, evitando que se produza algunha vertedura desta mestura a correntes de auga. Así mesmo, nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado da maquinaria protexerase o solo con materiais impermeables.

4.5. No caso de necesitar materiais de préstamo, recorrerase sempre a actividades autorizadas para este fin, e evitarase, na medida do tecnicamente posible, a apertura de novas canteiras ou zonas de préstamo. Neste último caso deberá atenderse á normativa vixente respecto disto.

Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se empreguen para a construción da vía (para bases ou subbases, para a fabricación de formigonaxes, para pavimentar as vías auxiliares, para recheos pouco exixentes xeotecnicamente etc.) procedan de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.

4.6. Non estando prevista a colocación de plantas de formigón nin de aglomerado asfáltico, estes procederán de planta ou plantas externas que conten coas súas correspondentes autorizacións. No caso de ser necesario implantar unha planta propia, someterase ao informe da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

4.7. A xestión da terra vexetal que se empregue na restauración das zonas degradadas retirada previamente ao movemento de terras, realizarase do xeito indicado no estudo de impacto ambiental, coidando de que non se produza un movemento en masa ou deslizamento do material almacenado, para o que se adoptarán as medidas técnicas axeitadas (colocación de barreiras físicas na cara inferior do amoreamento etc.).

No caso de que o período de almacenamento sexa prolongado e non apareza vexetación espontánea nas moreas, realizaranse sementeiras de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con aportes de mulch suficientes para manter entre un 5 % e un 6 % de materia orgánica.

4.8. Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, e farase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.

4.9. Na documentación avaliada faise referencia á existencia dun volume de sobrantes dos movementos de terras. Respecto disto, seleccionaranse, utilizando criterios ecolóxicos, as zonas onde se realizará o depósito, tendo en conta que, no caso de que existan no medio ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se encontren naturalizados e integrados no medio. Previamente ao depósito destes sobrantes contarase, se é o caso, cos correspondentes permisos.

4.10. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies núas, procederase á súa revexetación o máis axiña posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. No caso de seren necesarias, adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como pode ser estender mantas de fibras naturais.

Así mesmo, ao finalizar as obras, todas as instalacións auxiliares, zonas de almacenamento de materiais e residuos etc. deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non se atopen sobre a propia traza, os espazos ocupados por elas deben ser restaurados á súa situación preoperacional. O mesmo é aplicable para o caso de vías de obra que non vaian ser empregadas posteriormente ao remate daquelas.

4.11. Na execución do proxecto utilizaranse prioritariamente betumes modificados con caucho e/ou betumes mellorados con caucho procedentes de pneumáticos fóra de uso. Estas indicacións realizaranse de acordo coa disposición adicional segunda do Real decreto 1619/2005, do 30 de decembro, sobre a xestión de pneumáticos fóra de uso, que establece que as administracións públicas promoverán a utilización de materiais reciclados de pneumáticos fóra de uso e a de produtos fabricados con materiais reciclados procedentes dos ditos residuos sempre que cumpran as especificacións técnicas requiridas, as cales se establecen na Orde circular 21/2007, da Dirección Xeral de Estradas, sobre o uso e especificacións que deben cumprir os ligantes e mesturas bituminosas que incorporen caucho procedente de pneumáticos fóra de uso, no Manual de emprego de pneumáticos fóra de uso en mesturas bituminosas, do CEDEX, así como na Orde ministerial 891/2004, do 1 de marzo, que aprobaba modificacións do prego de prescricións técnicas xerais para obras de estrada e pontes (PG-3).

5. Xestión de residuos e verteduras.

5.1. Os restos vexetais que se produzan deberán ser xestionados axeitadamente e prevalecerá sempre a súa valorización. No caso de depositalos no terreo deberán ser triturados e espallados homoxeneamente para permitir unha rápida incorporación ao solo.

5.2. Os residuos xerados recolleranse e xestionaranse conforme a súa natureza e a lexislación vixente primando a reutilización e a reciclaxe fronte á vertedura.

Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que está levando a cabo esta secretaría xeral, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica etc.), sexan reciclados co fin de empregalos na propia obra. En caso de que isto non sexa posible, serán entregados a un xestor autorizado.

5.3. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, recoméndase ter retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.

5.4. Non se queimarán residuos, material excedente, restos vexetais e/ou calquera tipo de resto procedente da execución das obras, salvo que se obteña o oportuno permiso.

5.5. Tomaranse as medidas de seguranza necesarias para evitar derramos accidentais dos tanques de almacenamento de produtos como aceites, graxas e carburantes de motores.

6. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

6.1. Considerarase a construción de ramplas de escape das drenaxes perimetrais e foxos que permitan a saída de animais que poidan caer dentro.

6.2. No caso de detectarse a presenza de especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas e/ou hábitats de interese comunitario no transcurso da realización das obras de construción e/ou no caso de que por causas imprevistas se producisen danos nos ecosistemas, en especial nos fluviais, tomaranse as medidas precisas para paliar os impactos, comunicándoo previamente a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, quen, como organismo competente, decidirá a conveniencia de establecer as medidas protectoras e correctoras necesarias.

6.3. As estruturas transversais que funcionen como pasos de fauna irán revexetadas con especies autóctonas e locais para canalizar a fauna por esa zona e, así, conseguir diminuír o efecto barreira da infraestrutura.

6.4. Todas as augas procedentes de formigonaxes, especialmente no caso dos procesos construtivos dos piares dos viadutos, derivaranse e someteranse a un sistema de desbaste e decantación de sólidos, regulación do pH e eliminación de aceites e graxas.

6.5. O proxecto de construción definitivo deberá ser remitido á Dirección Xeral de Conservación da Natureza para o seu informe vinculante, así como un plan global de medidas protectoras e correctoras para a protección e conservación dos diferentes elementos naturais. Este plan deberá considerar a necesidade de levar a cabo, como medida xenérica, un control e seguimento das fases de implantación, de execución de obra e de restitución dos terreos.

7. Protección do patrimonio cultural.

7.1. Todos os elementos patrimoniais recollidos e os seus contornos de protección deberán figurar nos planos de obra, incluída a propia traza. Estes elementos e o seu contorno deberán sinalizarse na fase previa ao inicio das obras.

7.2. O proxecto de construción definitivo deberá ser remitido á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para o seu informe vinculante, no cal se deberán incluír os resultados do estudo específico de avaliación do impacto sobre o patrimonio cultural, así como un plan global de medidas protectoras e correctoras para a protección e conservación dos diferentes elementos do patrimonio arqueolóxico. O dito plan deberá recoller a necesidade de levar a cabo, como medida xenérica, un control e seguimento arqueolóxico das fases de implantación, de execución de obra e de restitución dos terreos, para o que será necesaria a presentación dun proxecto que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, na fase previa ao inicio das obras.

Conforme os resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, de ser necesario, decidirase sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de implantación serán revisados os impactos e será avaliada a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

7.3. Todas as actuacións arqueolóxicas deberán ser realizadas por técnicos arqueólogos, de acordo cun proxecto presentado que deberá ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, tal e como se estipula no artigo 61 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e no Decreto 199/1997, do 10 de xullo, que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia. O deseño dos proxectos, así como a súa execución, desenvolveranse en coordinación coa citada dirección xeral.

7.4. No caso de detectarse calquera tipo de evidencia de carácter arqueolóxico no transcurso da realización das obras de construción, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, como organismo competente, decidirá a conveniencia de establecer as medidas protectoras e correctoras necesarias.

7.5. Deberá informarse o equipo de control e seguimento arqueolóxico de calquera cambio na localización ou características das zonas de préstamo, canteiras, parques de maquinaria, vías de acceso ás obras, instalacións auxiliares, entulleiras e vertedoiros. No caso de que poidan afectar o patrimonio cultural, esta circunstancia deberá comunicarse á Dirección Xeral o máis axiña posible.

7.6. No que respecta á existencia dun posible túmulo (A-1), deberase realizar unha intervención arqueolóxica consistente na realización de sondaxes arqueolóxicas para confirmar ou descartar a existencia do elemento arqueolóxico.

7.7. Deberase ter en conta a existencia no contorno da obra (a unha distancia superior aos 200 m) do xacemento arqueolóxico GAI 5078008 (mámoa da Boca do Lobo), que debe figurar nos planos de obra para evitar a súa afección por posibles zonas de préstamo, canteiras, parques de maquinaria, vías de acceso ás obras, instalacións auxiliares, entulleiras e vertedoiros.

7.8. Desde o punto de vista da arqueoloxía, con carácter xeral deberán cumprirse as seguintes condicións:

– Establecerase unha medida correctora de carácter xenérico consistente na realización dun control e seguimento arqueolóxico das fases de implantación, execución de obra e restitución dos terreos, co fin de evitar calquera afección sobre xacigos arqueolóxicos non detectados durante os traballos de prospección ou que polas súas características sexan imperceptibles á simple vista. Ademais, levarase a cabo un control e seguimento sobre as medidas cautelares de protección dos restantes elementos do patrimonio cultural.

Na fase previa ao inicio das obras, o promotor destas deberá presentar un proxecto para a realización do control e seguimento arqueolóxico, que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

O control e seguimento arqueolóxico debería prestar especial atención á fase de roza, polo que a metodoloxía do proxecto de intervención arqueolóxica, o equipo técnico e o tempo de execución dos traballos previsto deberán garantir o seu axeitado desenvolvemento.

Co fin de garantir a conservación do patrimonio cultural e o axeitado desenvolvemento dos traballos de control e seguimento, o director da intervención arqueolóxica deberá remitir periodicamente os informes precisos en que se recollerá o estado das obras de construción e a aplicación das medidas que fosen establecidas.

– Deberá informarse o equipo de control e seguimento arqueolóxico da localización das zonas de préstamo, canteiras, parques de maquinaria, vías de acceso ás obras, instalacións auxiliares, entulleiras e vertedoiros. No caso de que poidan afectar elementos do patrimonio cultural, deberá comunicarse á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural o antes posible.

– Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas previstas, en cada unha das fases de obra esta dirección xeral decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección.

– Todas as actuacións arqueolóxicas deberán ser realizadas por técnicos arqueólogos, de acordo cun proxecto presentado que deberá ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, de acordo co establecido no artigo 61 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e no Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.

8. Integración paisaxística e restauración.

8.1. Definiranse as medidas precisas para consolidar os noiros e terrapléns que se xerarán durante os movementos de terra. De entre as medidas posibles, seleccionaranse aquelas que contribúan a unha mellor integración paisaxística (revexetación, estendedura de mantas de fibras naturais etc).

Procurarase que a configuración final dos noiros sexa o máis tendida posible, evitando as formas angulosas e rectilíneas, co fin de maximizar a integración paisaxística da actuación no contorno.

8.2. Procurarase a integración estética ao medio das obras que se executen, diminuíndo o impacto visual e paisaxístico. As superficies afectadas polas obras ou aquelas zonas que se pretendan repoboar recuperaranse ou revexetaranse con especies autóctonas e locais da zona. Ademais, levarase a cabo o seu correspondente seguimento para conseguir o fin esperado.

8.3. Desenvolveranse os labores de integración paisaxística definidos no proxecto ao que se fai referencia no punto 8.1 desta DIA e vixiarase a evolución da revexetación, procedendo á reposición de calvas e/ou marras que puideren aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións previstas.

8.4. O proxecto de construción definitivo deberá ser remitido ao Instituto de Estudos Territoriais (antiga Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe) para o seu informe.

9. Programa de medidas correctoras.

O programa de medidas correctoras adoptadas deberá desenvolverse no proxecto construtivo, tendo en conta as seguintes condicións:

– Definición contractual das medidas correctoras:

• Todas aquelas medidas correctoras, protectoras e compensatorias deberán quedar definidas a nivel executable, e incluiranse nos correspondentes plans e cronogramas de obras.

– Coordinación de medidas de integración ambiental co resto da obra. Plan de obra:

Todas as medidas correctoras, protectoras e compensatorias formuladas deben programarse dentro do plan de obra tendo en conta:

• Que a integración ambiental non é un tema subordinado á funcionalidade da obra.

• Que as medidas de integración deben de programarse igual que o resto das actuacións.

– Orzamento:

• Todas as medidas de integración ambiental irán orzadas, da mesma forma que o conxunto do proxecto.

– Criterios para o seguimento das medidas:

• Deben establecerse os custos e as medidas de xestión correspondentes.

10. Programa de vixilancia ambiental.

10.1. Aspectos xerais.

O obxecto deste programa será o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras establecidas no estudo de impacto ambiental e no condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas para cada unha das fases de proxecto (obras e explotación).

Para tal fin, e tomando como base o plan de seguimento proposto no estudo ambiental, deberanse incorporar os controis necesarios para adaptalo aos condicionantes xurdidos da presente declaración.

Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita acadar os fins sinalados no parágrafo anterior. Asemade, teranse en conta as seguintes consideracións:

– Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, designarase un/s responsable/s desta.

– A toma de mostras e as medicións deberán ser representativas e, por tanto, deberán realizarse durante os labores con maior incidencia sobre os aspectos obxecto de control.

– Todas as medicións e/ou análises do programa de vixilancia deberán ser realizadas por un organismo de control autorizado ou entidade homologada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.

– Tanto os puntos de medición seleccionados como os de tomas de mostras, así como a periodicidade dos controis, poderán ser revisados con base nos resultados obtidos.

– No caso de que se detecten, como resultado do seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os umbrais establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, e proporanse as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

10.2. Aspectos específicos.

Ademais do indicado no punto 10.1, o programa de vixilancia ambiental deberá incluír especificamente o seguinte:

– Plan de control da calidade da auga dos cursos fluviais afectados polas obras, indicando metodoloxía, periodicidade e limites a impoñer aos diferentes parámetros, seleccionando puntos de toma de mostras augas arriba e augas abaixo da zona dos cursos fluviais afectados. Considérase que, como mínimo, os parámetros a analizar son os seguintes: temperatura, materias en suspensión, pH, osíxeno disolto, condutividade, aceites e produtos lubricantes.

Estes controis deberán permitir coñecer o grao de cumprimento dos obxectivos de calidade indicados no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación de pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

– Plan de seguimento dos ruídos, tanto durante as obras como durante a explotación da estrada, debendo constar os puntos de mostraxe, metodoloxía, periodicidade e límites a impoñer, elixindo para a realización das medicións puntos localizados en zonas onde a estrada se sitúe próxima a vivendas ou edificacións habitadas. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.

– Plan de vixilancia do sistema de drenaxe durante a fase de explotación da vía, comprobando que se levan a cabo os labores de limpeza e conservación daquel, de xeito que cumpra a súa función dun xeito efectivo.

– En todos os casos situaranse os puntos de control propostos nun plano a escala 1:5.000 ou con maior detalle.

10.3. Informes do programa de vixilancia.

Os informes do programa de vixilancia e seguimento ambiental serán elaborados pola Axencia Galega de Infraestruturas, a quen lle corresponde, ademais, o seguimento e vixilancia do cumprimento do condicionado da declaración conforme o establecido na normativa ambiental. Estes informes deberán estar asinados polo/s técnico/s responsable/s da súa elaboración, coa supervisión, se for o caso, do responsable do control do seguimento ambiental.

10.3.1. Informes para presentar en fase de obras.

A Axencia Galega de Infraestruturas levará a cabo o programa de vixilancia ambiental de acordo co indicado no número 10 desta DIA, e elaborará os informes do seguimento ambiental que se sinalan a seguir, unha copia dos cales remitirá á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

a) Trimestralmente:

– Cronograma actualizado das obras.

– Representación nun plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto ao total, referido aos distintos elementos que as conforman.

– Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos ambientais máis salientables da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicaranse a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización.

– Resultados do control da calidade das augas superficiais e do plan de seguimento dos ruídos producidos polas obras, incluíndo no primeiro informe trimestral medicións preoperacionais da presión sonora e da calidade das augas.

– Neste informe indicaranse as variacións producidas con respecto ao proxectado.

b) Antes da emisión da acta de recepción:

– Memoria-resumo sobre o seguimento ambiental realizado, no cal quede constancia das medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do disposto nesta DIA.

– Informe, se for o caso, das variacións introducidas ao longo das obras respecto do proxectado.

– Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se aplicaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora e deben ir acompañadas dun plano de localización.

– Incidencias producidas e medidas adoptadas para a súa resolución.

10.3.2. Informes para presentar na fase de explotación.

A Axencia Galega de Infraestruturas levará a cabo o programa de vixilancia ambiental de acordo co indicado no número 10 desta DIA e elaborará anualmente un informe do seguimento ambiental que incluirá:

– Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental.

– Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, indicando a data, a hora, e a localización dos puntos da toma das fotografías nun plano.

– Resultados do plan de seguimento dos ruídos producidos pola explotación da infraestrutura.

– Resultados do plan de seguimento das obras de drenaxe e estruturas para a fauna, verificando a súa correcta funcionalidade.

– Incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.

– A duración da vixilancia ambiental nesta fase establecerase en función dos resultados obtidos ao levar a cabo este programa.

11. Outras condicións.

11.1. Incorporaranse ao deseño do proxecto todas aquelas prescricións que deriven dos informes que emitan as direccións xerais de Conservación da Natureza e do Patrimonio Cultural respecto da documentación resultante das condicións dos números 6 e 7 desta DIA.

11.2. Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, deberase informar a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, previamente ao inicio das obras, da persoa responsable (dirección facultativa ou oficina técnica encargada do control dos traballos).

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2012. Justo de Benito Basanta, secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Anexo I
Resumo da actuación descrita na documentación avaliada

Inclúese un breve resumo das características xerais das alternativas recollidas no documento presentado.

As alternativas estudadas foron catro, das cales se escolleu a alternativa nº 4 como a máis favorable tanto economicamente como desde o punto de vista xeométrico e funcional.

Unha vez escollida a alternativa nº 4, desenvolveuse unha variante consistente na introdución dun carril para vehículos lentos que, finalmente, se desenvolveu no proxecto de trazado que se denominou alternativa 4B.

Descrición do trazado da alternativa seleccionada (alternativa 4B).

A actuación proposta desenvolvese integramente no Concello de Santiago de Compostela e pretende realizar un novo trazado de 1,5 km aproximadamente que conecte o polígono industrial do Tambre coas estradas CP-0701 e CP-7804, mellorando a saída desde o polígono cara o oeste ao través da nova variante e coa menor afección posible ao medio natural e as poboacións da contorna.

missing image file

Plano_Alternativa seleccionada_D.

Descrición do medio.

O proxecto de referencia (Proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da obra «Variante de Aradas»), desenvólvese integramente no concello de Santiago de Compostela.

En canto ás augas superficiais, na zona os cursos de auga existentes son o río Sarela, afluente do río Sar e o regato dos Vilares.

Non se atopan espazos naturais nin hábitats afectados directamente polas alternativas.

Anexo II
Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas
no estudo de impacto ambiental

As medidas correctoras que se consideran necesarias para minimizar, compensar ou cambiar a condición dos impactos ou riscos que se poidan derivar da execución do proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da obra «Variante de Aradas» son as que a seguir se resumen.

Atmosfera.

Calidade do aire.

Realizarase un control das condicións atmosféricas durante a fase de movementos de terra, coa intención de previr os períodos susceptibles de provocar unha alta inmisión de partículas na atmosfera (ausencia de choivas e/ou ventos fortes), e poder adoptar as accións preventivas consecuentes.

A medida de prevención máis directa é evitar traballar con ventos fortes durante períodos secos; aínda que, no caso de que sexa preciso traballar en condicións atmosféricas desfavorables, se adoptarán medidas tendentes a minimizar as emisións.

Regas mediante mangueiras e/ou camións-cuba das zonas afectadas polos movementos de terra, prestando especial interese ás zonas de carga e descarga das terras e outros materiais que poidan provocar emisións de po.

Maximizar o recubrimento das materias que se transporten mediante lonas, transportes pechados ou outros métodos, principalmente cando o traxecto se realice nas proximidades de zonas habitadas e/ou cando o transporte do material traspase os límites da superficie de execución.

Control de emisións de gases.

A totalidade da maquinaria utilizada no marco das obras contará co correspondente certificado da inspección técnica de vehículos (ITV).

Os camións utilizados no transporte contarán con sistemas de protección (cuberta do basculante tipo toldo ou outras).

Para complementar estas medidas tomadas directamente sobre os vehículos, realizarase a limpeza periódica das vías utilizadas para o transporte.

Niveis sonoros.

Operacións de carga e descarga.

Realizarase a vertedura de terras desde alturas o máis baixas posibles.

Realizarase unha programación flexible das actividades de obra de forma que se eviten situacións en que a acción conxunta de varios equipamentos ou accións cause niveis de ruídos elevados durante períodos prolongados de tempo e/ou durante a noite.

Movementos de maquinaria e persoal de obra.

Os condutores de vehículos e maquinaria de obra adecuarán, na medida do posible, a velocidade dos vehículos.

Voaduras.

Minimizarase a carga de explosivo por unidade de microrretardo. Realizarase un seccionamento das cargas dentro dos barrenos e procurarase a súa iniciación en tempos distintos. Procurarase a redución do diámetro de perforación e redución da lonxitude dos barrenos. Recorrerase á disposición das frontes coa maior superficie libre posible.

Medidas de carácter xeral.

Manterase un plan continuado de información e supervisión do persoal en obra. Cumpriranse os períodos de revisión de todos os equipamentos utilizados nela. Instalaranse todos os equipamentos con potencialidade de xeración de ruído de modo permanente en zonas topograficamente deprimidas ou debidamente illados.

Solos e ocupacións.

Estas medidas enfocaranse no sentido de minimización de superficies afectadas, reserva e tratamento da terra vexetal, prevención de accidentes etc., para o que é necesario o desenvolvemento das seguintes propostas:

Balizamento.

Balizarase a zona de obra e instalacións auxiliares poñendo especial coidado no balizamento dos ámbitos fluviais que serán cruzados polo trazado, elementos do patrimonio cultural, masas do bosque climácico e ámbitos dos accesos aos piares dos viadutos.

Farase unha definición clara das áreas de circulación, estacionamento, almacenamento de materiais, parque de maquinaria etc. para reducir o máximo posible as áreas sometidas a alteración.

Instalacións auxiliares.

Sempre que sexa posible, recorrerase a establecementos autorizados para a realización do lavado da maquinaria, o seu mantemento e a provisión de combustible.

No caso de que isto non sexa factible, habilitarase un lugar adecuado para a realización das devanditas tarefas para evitar a contaminación de solo e subsolo e a afección da calidade das augas e, indirectamente, da fauna e vexetación que aloxan.

No caso de que sexa precisa a realización destas tarefas no ámbito das obras, acondicionarase un lavadoiro de maquinaria dotado cun sistema de recolla de efluentes.

Plan viario.

A limitación realizarase con anterioridade ao comezo das obras, establecendo un plan viario e de accesos á obra, co fin de evitar a dispersión de vehículos e maquinaria pola zona coa consecuente invasión, compactación e destrución dos solos e cobertura vexetal adxacentes.

Utilizaranse preferentemente as zonas de obra como vías establecendo sobre ela ou en áreas inmediatamente anexas e de escaso ou nulo valor ambiental, o parque de estacionamento de maquinaria e a área de almacenamento de materiais.

Provisión de terra vexetal e rexeneración de solos.

Esta medida pretende planificar a provisión da terra vexetal que é necesario retirar da zona de obra, programando o seu mantemento adecuado durante o tempo que sexa necesario ata a súa reutilización para a rexeneración dos solos sobre as superficies resultantes da obra.

Fundamentalmente distínguense as seguintes fases:

Programa de provisión e mantemento da terra vexetal.

Programarase a recuperación e tratamento do máximo volume posible de solo fértil, para o seu posterior emprego en procesos de revexetación e acondicionamento paisaxístico. Estes labores de recolla de solo realizaranse baixo o cumprimento dunhas exixencias mínimas que garantan o correcto mantemento deste recurso.

Rexeneración de solos.

Realizarase o fornecemento da terra vexetal amoreada en obra sobre os noiros e outras superficies alteradas, coa intención de reconstruír, na medida do posible, a secuencia de horizontes observada nos solos alterados. O solo excedente débese xestionar mediante entrega e estendedura en terras de labor ou para a recuperación de espazos degradados.

Xestión de residuos.

As áreas onde se desenvolvan os traballos dotaranse de contedores que permitan a separación de orgánicos e inorgánicos e outros elementos adecuados de recolla de residuos orgánicos e inorgánicos e outros elementos adecuados de recolla de residuos sólidos e residuos líquidos de obra, así como lixos xerados polo persoal empregado.

Despois da súa recolla, os residuos serán tratados en función da súa natureza entregándose a unha empresa xestora autorizada ou levándoos a un vertedoiro autorizado.

A situación dos elementos de recolla selectiva estará perfectamente sinalizada e en coñecemento de todo o persoal da obra.

Erosión e inestabilidade.

Considérase necesario que se sigan as recomendacións dos estudos e datos xeotécnicos asociados ao proxecto, onde se determinen as características xeotécnicas, a súa utilidade como material de préstamo e as medidas xeotécnicas que se observarán no proceso construtivo (pendentes de noiros, viabilidade de materiais para préstamos etc.).

Calidade das augas.

Realizarase un seguimento da calidade das augas no río Sarela cando a fase de obra se aproxime á súa canle mediante a análise de mostras tomadas periodicamente augas abaixo e augas arriba da zona de obras. Estas análises asegurarán que as medidas que se están a adoptar son as correctas e non chegan a afectar a auga da canle. Procederase de modo similar para calquera outra corrente de auga.

Realizarase un plan viario e de accesos ás obras para evitar a dispersión de vehículos e maquinaria polas inmediacións do curso do río Sarela e outros cursos de auga menores, para minimizar o risco de accidente e verteduras de augas e/ou as súas proximidades, intencionados ou non.

Cando non sexa imprescindible o acceso á canle do río Sarela e aos outros cursos de auga, deberá imposibilitarse o acceso de maquinaria unha distancia máxima de 10 m.

Fauna.

Minimizarase a afección da vexetación ripícola do río Sarela asegurando o mantemento da continuidade da formación de ribeira ao longo da zona do río que atravese o sistema viario.

Medidas correctoras sobre o medio socioeconómico.

Correcta sinalización de aviso de obras e das vías alternativas, de forma que sexa posible evitar trastornos na circulación xerados polas actividades construtivas e a presenza de maquinaria pesada durante a fase de construción.

– Utilización preferente da man de obra local.

– Utilización preferente dos recursos materiais ofrecidos polo medio inmediato á obra.

– Utilización preferente dos materiais de construción manufacturados na contorna comarcal.

Establecemento de mecanismos deseñados para informar os habitantes dos municipios afectados polas obras da natureza destas, do seu alcance, os seus obxectivos etc.

Restauración do sistema viario rural utilizado no marco das obras.