Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Xoves, 11 de outubro de 2012 Páx. 38979

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 199/2012, do 27 de setembro, de delegación de competencias da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia no Concello de Santiago de Compostela, relativas á autorización de proxectos no denominado perímetro azul do concello.

Mediante o Decreto do 9 de marzo de 1940 (BOE do 18 de abril) declárase conxunto histórico-artístico a cidade de Santiago de Compostela e por medio da Orde do 29 de outubro de 1964, do Ministerio de Educación e Ciencia, apróbanse unhas instrucións para a tramitación de proxectos de obras nas zonas da cidade afectadas por esa declaración, que se agrupan en tres sectores diferenciados. Un dos tres sectores afectados é denominado pola devandita orde como perímetro azul, cualificado como zona de respecto e protección da paisaxe e silueta urbana.

Para cada un deses sectores establécense unhas condicións ás cales se deben axustar os proxectos que se pretendan desenvolver neles, e cómpre, ademais, por prescrición do establecido no punto sexto da orde, a aprobación da Dirección Xeral de Belas Artes para a realización de todas as obras que dentro das tres zonas se deban realizar, coa excepción das que aí se recollen.

Actualmente a competencia para autorizar esas obras correspóndelle á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, logo de informe do Comité Asesor do Camiño de Santiago.

A Orde do Ministerio do 30 de abril de 1976 (BOE do 3 agosto) amplía as zonas monumentais de Santiago de Compostela, en concreto a zona histórico-artística e a zona de respecto. Esta última comprende determinadas áreas arredor da rúa Rosalía de Castro e o Campus Sur, o barrio de Vista Alegre, o polígono de Vite e o barrio de Sar.

Con ocasión da tramitación de posteriores figuras de planeamento, estas delimitacións sofren algúns axustes (a disposición transitoria quinta do PXOM vixente recolle as modificacións introducidas, BOP nº 56, do 10.3.2009). Para evitar confusións e facilitar a súa aplicación, o ámbito a que se refire este acordo é o que consta no plano que figura como anexo.

A cidade histórica de Santiago de Compostela reúne a singular característica de ser declarada Patrimonio Cultural da Humanidade pola Unesco o 4 de decembro de 1985, ao considerar que á súa beleza urbana e á súa integridade monumental se engadían os profundos ecos da súa significación espiritual como santuario apostólico e destino do máis importante movemento relixioso e cultural da Idade Media, que foi a peregrinación polos varios camiños xacobeos para chegar a Compostela. De feito, é o punto onde todos os camiños xacobeos converxen.

Este carácter distintivo tense tamén en consideración para esta delegación, así como o feito de que a cidade histórica está integrada por un conxunto de elementos que, con diverso nivel de protección, deben ser conservados para garantir a súa preservación, a súa integridade e a súa autenticidade. En total son uns 1.800 edificios que representan o 68% dos existentes na cidade.

Mediante resolución do conselleiro de Ordenación do Territorio e Obras Públicas do 16 de decembro de 1989 apróbase definitivamente o Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (documento refundido, BOP do 14.10.1997), en cuxo artigo 5 se expresa a súa relación coa declaración de 1940 e as sucesivas ampliacións, indicando que ten o carácter dun plan especial de protección dos previstos na Lei de patrimonio histórico español de 1985. De conformidade con esa lei e a posterior Lei de patrimonio cultural de Galicia, aprobada en 1995 (Lei 8/1995, do 30 de outubro), dentro dese ámbito da cidade, o Concello de Santiago de Compostela ten a competencia de outorgar licenzas urbanísticas sen precisar dunha resolución previa favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

O devandito Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica prevé a constitución dunha comisión asesora do patrimonio histórico para garantir a operatividade na xestión do plan, da cal forma parte un representante desta dirección xeral.

O planeamento urbanístico vixente no Concello de Santiago de Compostela establece unha ordenación respectuosa coa protección do patrimonio cultural, tanto no conxunto histórico como nos sectores afectados pola súa declaración, entre os cales está o perímetro azul ou zona de respecto e protección da paisaxe e silueta urbana. Isto, unido á ampla experiencia na súa aplicación, que obtivo recoñecementos institucionais importantes, resulta tamén relevante e outorga unha confianza suficiente para considerar que delegar no Concello de Santiago de Compostela o exercicio da competencia de aprobar os proxectos no ámbito do perímetro azul ofrece todas as garantías de rigor e eficacia.

Por outra banda, o Concello conta cos medios financeiros, económicos e persoais precisos para o exercicio efectivo da competencia que se solicita que se delegue.

O artigo 27 da Lei 7/1985, de bases de réxime local, establece a posibilidade de que a Administración do Estado, as comunidades autónomas e outras entidades locais deleguen competencias nos municipios. No mesmo sentido, o artigo 172 da Lei 5/1997, reguladora da Administración local de Galicia, establece que a Xunta de Galicia poderá delegar nas entidades locais competencias propias sempre que se trate de materias que afecten os intereses propios das entidades locais, que coa delegación, se mellore a eficacia da xestión pública ou que se alcance unha maior participación cidadá.

Polo exposto, resulta claro que a competencia obxecto deste acordo afecta os intereses propios do Concello de Santiago de Compostela e que, coa delegación, se poderá mellorar a eficacia da xestión pública, xa que se permitirá axilizar o outorgamento das licenzas de obras ao non ser necesario enviar a documentación á Xunta de Galicia para a súa autorización previa.

Para os efectos da delegación, cómpre tamén ter en conta o disposto no artigo 11 da Lei 4/2002, do 25 de xuño, do estatuto da capitalidade da cidade de Santiago de Compostela, que abre a posibilidade de atribución ao Concello de Santiago de Compostela do exercicio daquelas competencias que as demais administracións públicas poidan transferirlle ou delegarlle, norma legal esta na cal subxace unha certa relación de bilateralidade Administración autonómica-Administración local capitalina, por exemplo, a través do artigo 22, número 2, que regula o patrimonio histórico-artístico de Santiago de Compostela. A Administración autonómica e o Concello de Santiago de Compostela establecerán os mecanismos de colaboración e cooperación necesarios para determinar e financiar as políticas de recuperación urbana integral da zona histórica de Santiago de Compostela, así como dos contornos monumentais e espazos naturais de interese histórico-artístico do concello, en que se indiquen os obxectivos que se pretenden alcanzar e os recursos comprometidos.

Na súa virtude, tramitado o procedemento de delegación previsto no artigo 182 da Lei 5/1997, reguladora de Administración local de Galicia, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, e pola Lei 12/2007, do 27 de xullo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e sete de setembro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único

Aprobar a delegación de competencias da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia no Concello de Santiago de Compostela, relativas á autorización de proxectos no denominado perímetro azul do concello, de acordo cos condicionamentos previstos no anexo I.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2012

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I
Condicións da delegación

Primeiro. Competencias que se delegan

O obxecto da delegación no Concello de Santiago de Compostela é o exercicio da competencia para autorizar as correspondentes obras e intervencións, en aplicación da Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia, e do disposto nas instrucións fixadas pola Orde ministerial do 29 de outubro de 1964 (BOE núm. 141, do 14 de xuño de 1965), dentro do ámbito do perímetro azul, segundo a delimitación gráfica do plano que se recolle no anexo, coas seguintes excepcións: a autorización dos proxectos de obras e intervencións que afecten os elementos que foron declarados con carácter singular bens de interese cultural ou se inclúan na súa contorna de protección e os que afecten o edificio do antigo Hospital Clínico Universitario da rúa Galeras.

Segundo. Informe previo da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico

As obras e intervencións obxecto desta delegación someteranse a informe previo da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico prevista no Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica de Santiago de Compostela.

Terceiro. Intervencións arqueolóxicas

En todo caso, as intervencións arqueolóxicas requirirán de autorización da consellería competente en materia de patrimonio cultural.

Cuarto. Recursos

Os recursos correspondentes ao exercicio das facultades delegadas substanciaranos os órganos competentes do concello delegatario.

Quinto. Facultades de control no exercicio da competencia delegada e responsabilidade do delegatario

A Xunta de Galicia velará, como Administración delegante, polo exercicio adecuado da competencia delegada no Concello de Santiago de Compostela, de acordo coa lexislación vixente. Non obstante, esta Administración local será directamente responsable dos prexuízos que, na súa actuación, ao resolver os expedientes de proxectos de obras na zona de respecto, lle poidan producir á Xunta de Galicia ou á cidadanía.

Sexto. Dación de conta da delegación

O Concello de Santiago de Compostela deberá dar conta do exercicio da competencia delegada cada seis meses á consellería competente en materia de patrimonio cultural, presentando un informe sobre a preservación dos valores territoriais e culturais nas áreas comprendidas no ámbito de delegación.

Sétimo. Medios materiais, financeiros e, se é o caso, persoais que se poñen á disposición

Este acordo non suporá a transferencia de ningún medio persoal ou material nin de ningún crédito para o exercicio da competencia delegada.

Oitavo. Duración da delegación

O período de duración da delegación será de dez anos, prorrogables tacitamente, agás cando, por razóns debidamente xustificadas, o delegante acorde, en calquera momento, revisar ou avocar a competencia cuxo exercicio se delega, de conformidade co procedemento legalmente establecido.

ANEXO II
Plano

missing image file