Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Xoves, 11 de outubro de 2012 Páx. 39123

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 3 de outubro de 2012 pola que se convoca un curso de capacitación para a escala técnica, categoría de intendente, dos corpos de policía local.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade Pública ten previsto realizar no ano 2012, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a realización dun curso de capacitación para a escala técnica, na categoría de intendente dos corpos de policía local, segundo o previsto nos artigos 32.4 e 45 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación das policías locais, e nos artigos 38 e 39 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

– Mellorar o compromiso profesional de servizo público aos cidadáns, baixo parámetros actitudinais de eficacia e de ética policial.

– Facilitarlles aos alumnos unha actualización xurídico-normativa e de operativa profesional que lles permita un mellor exercicio da súa función.

– Dotalos das ferramentas de coñecemento necesarias para a xestión directiva, e para a organización e estruturación adecuada dos recursos humanos e dos medios materiais de que dispoñan.

Destinatarios.

a) Persoal dos corpos de policía local que teña superado o proceso selectivo para a categoría de intendente, e que non realizase este curso.

b) Todos/as aqueles/as funcionarios/as dos corpos da policía local con categoría de inspector principal, cun mínimo de tres anos de antigüidade nesa categoría e que posúan a titulación requirida para a escala técnica dos corpos da policía local de Galicia (artigo 24 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais), sempre que o concello en que presta servizos certifique na solicitude de reserva de praza neste curso, que nun prazo máximo de 12 meses convocará o proceso selectivo para a cobertura da praza de intendente.

En ningún caso, os solicitantes que nesta situación sexan admitidos a realización do curso, obterán a certificación de aptitude nel ata a realización e superación do proceso selectivo correspondente. inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas. sen límite.

Solicitudes.

1. Os concellos deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública, solicitando a participación no curso da/s persoa/s que se atopen nesta situación, e cubrir o anexo con todos os datos nel reflectidos, para efectuar a correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 29 de outubro de 2012.

3. Os escritos deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade Pública, sita na avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada.

Duración e contido.

O curso terá unha duración aproximada de dous meses (250 horas lectivas).

O deseño deste curso inclúe as seguintes áreas e módulos:

1. Área técnico-profesional.

Módulo I. Módulo xurídico.

Módulo II. Módulo técnico.

Módulo III. Módulo operativo.

Módulo IV. Módulo administrativo.

2. Área de xestión e dirección.

Módulo V. Xestión directiva.

Módulo VI. Estratexias e técnicas de mando.

Estrutura do curso.

Este curso, tal e como se recolle no artigo 39.1 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, desenvolverase na Academia Galega de Seguridade Pública, e resulta obrigada a presenza do alumnado, aínda no caso de que o sistema de formación empregado non revista tal carácter, agás que o número final de inscritos aconselle por razón técnicas unha parte non presencial, prevista no artigo 38.2 do dito Decreto 243/2008.

A Academia poderá, ademais, proceder á homologación de materias ou módulos do curso cando, logo de solicitude do alumno e coa oportuna xustificación documental, se acredite ter desenvolvido ou superado esas materias ou módulos en cursos ou actividades de centros ou institucións dependentes das administracións públicas, ou de recoñecido prestixio e solvencia noutro caso.

Datas: a data definitiva de comezo do curso será o día 5 de novembro de 2012, ás 9.30 horas.

Desenvolvemento do curso.

Os alumnos da Academia Galega de Seguridade Pública rexeranse polo Regulamento de réxime interior desta, publicado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no DOG do 4.2.2009.

Certificado.

Para obter o correspondente diploma será requisito indispensable superar todas as materias que figuren no programa.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 3 de outubro de 2012

José Carlos García Bouzas
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública