Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Luns, 29 de outubro de 2012 Páx. 40488

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 22 de outubro de 2012 pola se regula o procedemento de prolongación da permanencia no servizo activo do persoal funcionario público da escala de atención primaria e especializada.

O artigo 67.3 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, remite ás leis de función pública o establecemento dos termos nos cales o/a funcionario/a pode solicitar a prolongación da permanencia no servizo activo, como máximo ata os setenta anos de idade, debendo a Administración pública competente resolver de forma motivada a aceptación ou a denegación da dita prolongación.

Así mesmo, o artigo 4 da Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia, modifica o artigo 49.1 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, establecendo determinados aspectos que se deben ter en conta para conceder ou denegar a prolongación da permanencia no servizo activo, como son as razóns organizativas derivadas da planificación do emprego público, os resultados da avaliación do desempeño da persoa funcionaria ou a súa capacidade psicofísica. Igualmente, prevese a concesión da prolongación da permanencia na situación de servizo activo por períodos anuais, e facúltase a conselleira ou conselleiro competente para ditar, de ser o caso, as normas complementarias de procedemento.

O desenvolvemento e a execución do disposto no referido precepto exixen o establecemento de normas de procedemento que permitan a aplicación da dita regulación. Polo demais, este procedemento debe ser aplicable tanto ao persoal funcionario que mantén plenamente a súa condición de funcionario/a da escala de atención primaria e especializada como ao persoal da subescala de atención primaria que optase pola súa integración no modelo de atención primaria deseñado polo Decreto 200/1993, do 29 de xullo, consonte a súa disposición transitoria primeira e as ordes do 30 de maio e 23 de xullo de 1996.

En último termo procede indicar que, coa finalidade de valorar as posibles razóns organizativas derivadas da planificación do emprego público que xustifiquen a decisión de prolongar ou non no servizo activo, as xerencias das institucións sanitarias aplicarán os mesmos criterios incorporados ao Plan de ordenación de recursos humanos do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde (DOG nº 94, do 18 de maio de 2012). A aplicación destes mesmos criterios baséase no seguinte:

1) Todo o persoal da escala de atención primaria e especializada está adscrito ao Servizo Galego de Saúde para todos os efectos, e desenvolve a súa actividade nunha institución sanitaria baixo a potestade organizativa da correspondente xerencia e consonte a planificación realizada polos seus órganos de dirección para a correspondente actividade médica ou de enfermaría (á marxe do concreto vínculo xurídico). En consecuencia, os criterios organizativos de carácter asistencial determinantes da prolongación do servizo activo deben ser os mesmos para todos os colectivos (persoal funcionario ou estatutario), con independencia da súa translación e aplicación particular, de forma motivada, en cada procedemento que se tramite.

2) No caso do persoal da subescala de atención primaria, todo o persoal –á marxe de que optase pola súa integración no modelo de atención primaria deseñado polo Decreto 200/1993– está a ocupar prazas do cadro de persoal estatutario recollido no anexo de persoal das sucesivas leis de orzamentos da Comunidade Autónoma, e está, polo tanto, incorporado –nos termos do artigo 114 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia– ao mesmo instrumento técnico de ordenación do persoal estatutario do Sistema público de saúde. Ademais, consonte o artigo 110 da mesma lei, a súa relación de emprego ten a consideración dunha única prestación de servizos para todos os efectos.

3) No caso do persoal da subescala de atención primaria, que optase pola súa integración no modelo de atención primaria deseñado polo Decreto 200/1993, consonte a súa disposición transitoria primeira e as ordes do 30 de maio e 23 de xullo de 1996, resulta clara a súa consideración normativa como persoal estatutario de atención primaria do Servizo Galego de Saúde (artigo 5 do propio Decreto 200/1993).

En virtude do anterior, de conformidade coas atribucións que me confiren os artigos 17 e 49 da Lei da función pública de Galicia, o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e da súa Presidencia, e o Decreto 303/1990, do 31 de maio, polo que se desenvolve a Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma, logo de negociación na mesa sectorial, e de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto regular o procedemento de prolongación da permanencia no servizo activo ata, como máximo, os setenta anos de idade, do persoal funcionario público da escala de atención primaria e especializada creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro. Igualmente será aplicable ao persoal da dita escala que optase ou opte pola súa integración no modelo de atención primaria deseñado polo Decreto 200/1993, do 29 de xullo, consonte a súa disposición transitoria primeira e as ordes da Consellería de Sanidade do 30 de maio e 23 de xullo de 1996.

Artigo 2. Órganos competentes

A prolongación da permanencia no servizo activo do persoal incluído no ámbito de aplicación desta orde será autorizada ou denegada pola Xerencia de Xestión integrada, Xerencia Executiva ou órgano de dirección equivalente da entidade a que figure adscrito o profesional solicitante, mediante resolución individual e motivada.

A denegación da prolongación da permanencia no servizo activo pola xerencia correspondente será comunicada á Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, para os efectos de resolver a xubilación da persoa solicitante.

Artigo 3. Procedemento

1. O procedemento de autorización da prolongación da permanencia no servizo activo iniciarase por solicitude de persoa interesada, segundo o modelo normalizado que figura como anexo desta orde, que deberá presentarse cunha antelación mínima de tres meses e máxima de catro á data en que se cumpra a idade de xubilación forzosa no rexistro do órgano competente para a súa tramitación ou demais rexistros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Se no prazo indicado o/a profesional non manifesta a súa vontade de permanecer en servizo activo mediante a presentación da correspondente solicitude, a Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde procederá á súa xubilación ao cumprir aquel/aquela a idade de xubilación forzosa establecida na normativa vixente.

2. Para aceptar ou denegar a prolongación da permanencia no servizo activo teranse en conta razóns organizativas, así como a capacidade psicofísica da persoa solicitante.

Constituirá causa de inadmisión da solicitude a súa presentación fóra do prazo establecido nesta orde.

3. O prazo máximo para resolver a solicitude será de tres meses, contados desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para resolver. A resolución de aceptación ou denegación da prolongación da permanencia no servizo activo solicitada notificarase dentro do dito prazo á persoa interesada, nos termos dos artigos 58 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. A prolongación da permanencia no servizo activo supedítase, en todo caso, ao mantemento pola persoa interesada da capacidade psicofísica necesaria, así como á concorrencia das razóns organizativas que ampararon esa prolongación.

As resolucións que autoricen a prolongación da permanencia no servizo activo dos profesionais conterán indicación expresa de ambas as condicións.

5. Para a aceptación ou denegación da prolongación da permanencia no servizo activo teranse en conta, en primeiro lugar, as razóns organizativas derivadas da planificación do emprego público, aplicando para estes efectos os criterios incorporados ao Plan de ordenación de recursos humanos do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde (DOG nº 94, do 18 de maio de 2012).

A valoración das ditas razóns organizativas requirirá dunha motivación específica dos órganos directivos responsables da xestión clínico-asistencial e de persoal da institución en que presta servizos o profesional solicitante, que deberá incorporarse a un informe-proposta en que se analizarán, entre outros, os seguintes aspectos:

– A pertenza ou non da persoa interesada a unha categoría/clase/especialidade deficitaria no respectivo ámbito de prestación de servizos.

– A necesidade de manter ou non a cobertura do posto ocupado ou de destinar tal recurso a outra demanda asistencial de carácter prioritario.

– A previsión de substitución do/a profesional e posibilidade de fidelización ou promoción interna doutros/as profesionais.

– A cobertura da atención continuada no servizo de adscrición do/a profesional solicitante así como a súa previsión futura, tendo en conta, entre outros, os datos de idade, exencións de prestación de tal actividade e absentismo no citado ámbito.

– Calquera outra particularidade organizativa e asistencial propia da institución e ámbito en que desenvolve as súas funcións o/a profesional solicitante ou relacionada coas condicións de prestación do servizo deste/a último/a que xustifiquen a aceptación ou denegación da prolongación solicitada.

Para estes efectos terase en conta a información actualizada que subministren os sistemas de información dispoñibles en cada momento no Servizo Galego de Saúde.

O informe emitirase no prazo de quince días naturais seguintes á data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a resolución do procedemento e será elevado a este para os efectos da emisión da resolución que proceda.

Se o informe-proposta concluíse a non concorrencia de necesidades organizativas para amparar a prolongación solicitada, darase trámite de audiencia á persoa interesada.

Na resolución que se emita autorizando ou denegando a prolongación solicitada deberá quedar debidamente motivada a concorrencia ou non das ditas necesidades.

As resolucións relativas á prolongación da permanencia no servizo activo non poñen fin á vía administrativa e poderase recorrer contra elas en alzada ante a Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde nos termos dos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. Para a aceptación ou denegación da prolongación da permanencia no servizo activo valorarase, en segundo lugar, a capacidade psicofísica da persoa solicitante.

As comisións competentes e o procedemento aplicable para a valoración da capacidade psicofísica serán as establecidas, con carácter xeral, para a valoración da capacidade funcional do persoal estatutario que solicita a permanencia e prórroga no servizo activo no capítulo III da Orde do 3 de xullo de 2012, pola que se regula o procedemento de autorización de permanencia e prórroga no servizo activo do persoal estatutario.

Este procedemento iniciarase unha vez que quede acreditada a concorrencia de necesidades organizativas para amparar a prolongación solicitada.

A incomparecencia do/a profesional ás citacións para a valoración da súa capacidade psicofísica determinará, excepto causa xustificada debidamente acreditada, a denegación da prolongación da permanencia no servizo activo.

A Administración, con base na perda da capacidade psicofísica, aplicando o procedemento establecido con carácter xeral para a valoración da capacidade funcional do persoal estatutario, poderá revisar en calquera momento as situacións de prolongación da permanencia no servizo activo autorizadas.

Artigo 4. Vixencia da autorización

1. A continuidade no servizo activo logo de cumprida a idade de xubilación forzosa autorizarase por un período inicial máximo dun ano desde a data de cumprimento da citada idade, con posibilidade de prórroga por idénticos períodos de duración, co límite máximo dos setenta anos de idade, e condicionada en todo caso ao mantemento das condicións que se tiveron en conta para autorizar tal prolongación.

2. A prolongación da permanencia e prórroga no servizo activo entenderase sen prexuízo das potestades administrativas de ordenación e provisión de prazas previstas na normativa vixente e non atribuirá ao/á profesional, en virtude da dita prolongación, un dereito á permanencia no mesmo posto de traballo desempeñado ata a data de xubilación.

Artigo 5. Renovación da autorización

As persoas interesadas en prorrogar a autorización concedida deberán presentar solicitude por escrito de renovación cunha antelación mínima de tres meses e máxima de catro meses á data en que expire a vixencia da autorización ou da renovación inmediatamente anterior, resultando de aplicación para a súa tramitación o procedemento previsto nesta orde.

Disposición adicional

O persoal incluído no ámbito de aplicación desta orde que se encontre en situación administrativa distinta á de servizo activo, e que desexe prolongar a súa permanencia nel para cando obteña, de ser o caso, o reingreso ao servizo activo, poderá facer reserva deste dereito dirixindo unha solicitude neste sentido á Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, cunha antelación mínima de tres meses á data de cumprimento da idade de xubilación forzosa.

A data de entrada do escrito a que se refire o parágrafo anterior nos rexistros da Consellería de Sanidade ou Servizo Galego de Saúde determinará a non iniciación ou a suspensión do procedemento de xubilación forzosa por idade, que será comunicada á persoa interesada.

En calquera momento, previamente ao reingreso á situación de servizo activo, a persoa interesada poderá solicitar á dita dirección a iniciación ou continuación da tramitación do procedemento de xubilación forzosa por idade.

Simultaneamente á presentación polo/a profesional da solicitude de reingreso ao servizo activo, e de concorrer os supostos que habilitan para este, a Administración iniciará de oficio o procedemento previsto nesta orde para a autorización da prolongación da permanencia no servizo activo.

Disposición transitoria primeira

Naqueles ámbitos territoriais que non teñan configurada a estrutura organizativa de xestión integrada prevista no Decreto 168/2010, do 7 de outubro, e mentres non se desenvolva esta, a competencia corresponderá ás xerencias de atención primaria e especializada do respectivo ámbito.

Disposición transitoria segunda

Mentres non se constitúan as comisións de avaliación da capacidade funcional do persoal estatutario, a valoración da capacidade psicofísica dos/as profesionais continuará a efectuala as unidades periféricas de prevención de riscos laborais.

Disposición transitoria terceira

O persoal incluido no ámbito de aplicación da presente orde que cumpra a idade de xubilación forzosa nun prazo inferior a tres meses desde a data da súa entrada en vigor disporá do prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da entrada en vigor, para solicitar a prolongación da permanencia no servizo activo, no suposto de non telo efectuado con anterioridade, ao abeiro do artigo 49 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, na redacción dada pola Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Se no prazo indicado o/a profesional non manifesta a súa vontade de permanecer en servizo activo mediante a presentación da correspondente solicitude, procederase á súa xubilación forzosa na data de cumprimento da citada idade.

Na tramitación do procedemento seguiranse as disposicións contidas na presente regulación.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2012

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

ANEXO
Solicitude de prolongación da permanencia no servizo activo

Nome:

Apelidos:

DNI:

Data de nacemento:

Data de cumprimento da idade de xubilación forzosa:

Centro:

Servizo/unidade:

Categoría/clase:

SOLICITA, ao abeiro da Orde ________________ pola que se regula o procedemento de prolongación da permanencia no servizo activo do persoal da escala de atención primaria e especializada:

□ A prolongación por un período dun ano da permanencia no servizo activo, ao abeiro do artigo 49.1 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo (modificado pola Lei 1/2012, do 29 de febreiro).

□ A renovación da autorización de permanencia no servizo activo. Achégase copia da resolución de autorización inmediatamente anterior.

□ A reserva do dereito a prolongar a permanencia no servizo activo en aplicación da súa disposición adicional, para cando se produza, de ser o caso, o reingreso ao servizo activo. Achégase resolución de declaración da actual situación administrativa distinta á de activo. (*)

En ……………………………….. o ...... de ........................... de ..............

Asinado:

XERENCIA DE ____________________________________________________

(*) Neste caso, a solicitude será remitida á Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde.