Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Luns, 29 de outubro de 2012 Páx. 40485

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 22 de outubro de 2012 pola que se modifican os artigos 1.3, 1.4 e 17.1 do anexo I da Orde do 21 de maio de 2012 (DOG número 104, do 1 de xuño) pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro, para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, en desenvolvemento do Plan Ágora, Agora Re-comercia 2010-2013, e se procede á súa convocatoria (IN 219A), modificada pola Orde do 21 de xuño de 2012 (DOG número 124, do 29 de xuño).

Mediante a Orde do 21 de maio de 2012 (DOG número 104, do 1 de xuño) establecéronse as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro, para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, en desenvolvemento do Plan Ágora, Agora Re-comercia 2010-2013, procedeuse á súa convocatoria (código de procedemento IN 219A) e o seu artigo 2.2 foi modificado pola Orde do 21 de xuño de 2012 (DOG número 124, do 29 de xuño).

No parágrafo 1º do artigo 1.3 do anexo I da dita orde establécese que «En concreto considéranse actuacións subvencionables dentro desta liña de axudas as recollidas no punto 3.1, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas entre o 1 de xaneiro de 2012 e a data límite de xustificación establecida no artigo 17».

No parágrafo 4º do artigo 1.4 do anexo I da dita orde establécese que «Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro de 2012 e a data límite establecida no artigo 17 destas bases reguladoras coa excepción dos gastos efectuados en 2011 de acordo co establecido no número 3».

Pola súa banda, no parágrafo 1º do artigo 17.1 establécese que «Para cobrar a subvención concedida, a entidade beneficiaria deberá presentar a documentación sinalada no precepto nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria, en orixinal ou fotocopia compulsada, tendo de prazo para presentala ata o 31 de outubro de 2012».

Tendo en conta o atraso producido na resolución das ditas subvencións, motivado polo volume de solicitudes presentadas e polo longo proceso de avaliación, e co fin de viabilizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar os referidos artigos.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único

Modificación dos artigos 1.3, 1.4 e 17.1 do anexo I da Orde da Consellería de Economía e Industria do 21 de maio de 2012 (DOG número 104, do 1 de xuño) pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro, para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, en desenvolvemento do Plan Ágora, Agora Re-comercia 2010-2013, e se procede á súa convocatoria (IN 219A), modificada pola Orde do 21 de xuño de 2012 (DOG número 124, do 29 de xuño), de modificación do artigo 2.2 da Orde do 21 de maio de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro, para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, en desenvolvemento do Plan Ágora, Agora Re-comercia 2010-2013, e se procede á súa convocatoria (IN 219A) (DOG número 104, do 1 de xuño de 2012).

O parágrafo 1º do artigo 1.3 do anexo I da referida orde queda redactado nos seguintes termos:

«3. En concreto, considéranse actuacións subvencionables dentro desta liña de axudas as recollidas no punto 3.1, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 23 de novembro de 2012».

O parágrafo 4º do artigo 1.4 do anexo I da orde queda redactado nos seguintes termos: «Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 23 de novembro de 2012, coa excepción dos gastos efectuados en 2011 de acordo co establecido no número 3».

O parágrafo 1º do artigo 17.1 da orde queda redactado nos seguintes termos:

«1. Para cobrar a subvención concedida, a entidade beneficiaria deberá presentar a documentación sinalada no precepto nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria, en orixinal ou fotocopia compulsada, tendo de prazo para presentala ata o 20 de decembro de 2012».

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2012

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria