Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Martes, 27 de novembro de 2012 Páx. 44528

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

DECRETO 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se regula o seu funcionamento.

I

A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, que amplía a recollida no artigo 28.7do Estatuto de autonomía de Galicia.

En virtude desta competencia, a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, no artigo 137 recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas e das súas estruturas de integración económica e representativa, e dispón que a Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de traballo, realizará unha política de fomento do movemento cooperativo e adoptará as medidas necesarias para promover a constitución e o desenvolvemento das cooperativas. O mesmo texto legal, na súa disposición adicional sétima, establece que a Xunta de Galicia poñerá en marcha accións de promoción, difusión, desenvolvemento, formación e fomento do cooperativismo no marco da súa acción política e como fórmula empresarial de creación e mantemento de emprego, cohesión territorial e vertebración económica e social de Galicia.

Por outra parte, as cooperativas, xunto con outras entidades entre as cales se atopan as sociedades laborais e os centros especiais de emprego, forman parte da denominada economía social nos termos en que a define a Lei estatal 5/2011, do 29 de marzo, de economía social: o conxunto das actividades económicas e empresariais que, no ámbito privado, levan a cabo aquelas entidades que perseguen ben o interese colectivo dos seus integrantes ben o interese xeral económico ou social, ou ambos.

A competencia da Comunidade Autónoma sobre as referidas entidades de economía social alcanza desde a exclusiva relativa a cooperativas, como xa se indicou anteriormente, á de execución prevista nos decretos de traspaso de funcións da Administración do Estado á Comunidade Autónoma e normativa reguladora que as afecta, no caso das sociedades laborais (Lei estatal 4/1997, do 24 de marzo, de sociedades laborais, Real decreto 2114/1998, do 2 de outubro, sobre o rexistro administrativo, e Real decreto 1456/1989, do 1 de decembro, sobre traspaso de funcións).

A economía social, polos seus principios, perfílase cada día como un actor económico e social fundamental na sociedade actual. Daquela, tanto no ámbito comunitario, a través de distintos ditames e informes entre os cales se destaca o Informe 2008/2250 (INI), do 26 de xaneiro de 2009, do Parlamento Europeo, coma no ámbito do Estado español, coa Lei 5/2011, do 29 de marzo, de economía social, estase a potenciar esta fórmula de creación de emprego.

A economía social engloba empresas, como as cooperativas e as sociedades laborais, nas cales a propiedade está maioritariamente en mans das persoas socias traballadoras e asalariadas que a conforman, asumindo estas o protagonismo na toma de decisións e na xestión empresarial. O papel central que asumen as persoas outorga ás empresas de economía social as súas valiosas características, que permiten afrontar as demandas, retos e desafíos da sociedade e a economía global, adaptándose especialmente ben ás situacións de crise.

Todos os colectivos sociais poden beneficiarse das vantaxes que a economía social proxecta sobre a sociedade, o territorio e a realidade económica. O colectivo de persoas emprendedoras pode encontrar na economía social unha interesante vía para canalizar as súas inquedanzas e os seus proxectos empresariais, que lle permita afrontar un dos seus principais problemas: o acceso ao emprego.

Os valores que definen estas empresas achegan solucións acaídas ás necesidades dos proxectos das persoas emprendedoras e comparten os retos e desafíos propios da sociedade moderna, que demanda a conciliación da vida familiar, persoal e laboral, aposta pola innovación, se implica no desenvolvemento social do seu contorno e defende o desenvolvemento sustentable.

No exercicio das súas competencias a Xunta de Galicia vén realizando un labor de fomento e difusión do cooperativismo e a economía social.

Á vista das actuacións realizadas, do seu positivo impacto e da necesidade de que o labor realizado alcance un maior número de persoas e dun xeito máis próximo, considérase preciso incrementar o esforzo de divulgación e apoio a estas fórmulas empresariais, promovendo a eficacia na xestión dos recursos e dirixindo estes para onde resultan máis precisos e onde poden apoiar dun xeito máis directo a creación de emprego.

Así, cómpre achegar as actuacións aos destinatarios ofrecéndolles servizos de apoio e dinamización de proximidade e coa continuidade precisa para que o labor de fomento poida acadar os seus froitos.

Cómpre, polo tanto, situar medios e recursos para o fomento do cooperativismo e economía social en todo o territorio galego, de xeito que tanto os cooperativistas como os emprendedores, desempregados e cidadáns en xeral poidan ter acceso a coñecer e desenvolver as posibilidades que ofrece o cooperativismo para o desenvolvemento económico e social en xeral e do seu proxecto en particular.

Para acadar este ambicioso obxectivo, e tendo en conta a limitación de recursos existentes, resulta preciso establecer mecanismos estables de colaboración cun conxunto de actores que comparten o interese común de fomentar a economía social. Un aproveitamento eficaz dos recursos e medios públicos e privados exixe unha coordinación de esforzos e un traballo cooperativo á hora de planificar e executar as actividades.

Co impulso do máximo órgano de promoción do cooperativismo na Comunidade Autónoma, o Consello Galego de Cooperativas, e co apoio explícito de asociacións representativas e de fundacións de base cooperativa, a Xunta de Galicia dá forma ao empeño compartido de promover a economía social mediante a creación da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social.

Con esta Rede pretende estenderse o labor de promoción con dous obxectivos fundamentais: por unha parte, a posta en marcha de novos proxectos cooperativos como motores de creación de emprego e, pola outra, a consolidación das empresas de economía social existentes mediante a mellora da súa competitividade, achegando información e asesoramento especializado a desempregados, cooperativistas, emprendedores e cidadanía en xeral, e prestando especial atención aos procesos de acompañamento de proxectos.

Enmárcanse tamén, como obxectivo da rede, achegar aos cidadáns os diferentes recursos e infraestruturas de institucións, entidades ou organizacións con interese en adherirse á Rede.

Esta Rede estará formada pola Xunta de Galicia e polas entidades colaboradoras que poñan á disposición das actividades de fomento os seus medios e recursos, e para tal efecto asinaranse convenios de colaboración entre a consellería competente en materia de traballo e as devanditas entidades.

A Rede contará con centros que terán como finalidade a realización das actividades, especialmente a información e sensibilización do conxunto da sociedade. O seu número garantirá como mínimo que o rango de actuación abranga todo o territorio galego, fomentando, ademais, a través de instrumentos específicos, a colaboración con zonas transfronteirizas.

II

O decreto estrutúrase en catro capítulos, dezanove artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O capítulo I contén as disposicións xerais da norma. Neste capítulo recóllese a creación da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, que se configura como un instrumento de actuación baseado na colaboración de axentes públicos e privados con intereses comúns cuxo obxecto e ámbito de aplicación se estende a todo o territorio galego, sen prexuízo de que para o cumprimento dos seus obxectivos se establezan instrumentos de colaboración con entidades doutros ámbitos.

Defínese o obxectivo principal e os eixos arredor dos cales se concreta, incidindo especialmente no fomento do autoemprego e o emprendemento e sinalando as principais actividades encamiñadas ao seu cumprimento.

Identifícase a tipoloxía de entidades que poden ser entidades colaboradoras, sinálanse as características dos denominados centros da Rede Eusumo, nos cales se realizarán gran parte das actividades previstas, e regúlase a existencia do distintivo de identificación da Rede e a súa utilización.

No capítulo II, dedicado ás entidades colaboradoras, regúlanse os requisitos que deben cumprir as interesadas en adherise á Rede, así como as obrigas e vantaxes que derivan desta adhesión.

No capítulo III recóllese o procedemento de adhesión á Rede, consonte as previsións na normativa do procedemento administrativo común, así como a súa culminación mediante a sinatura dun convenio de colaboración, no caso de que a resolución resulte favorable. Finaliza o capítulo tratando o control e a desvinculación ou revogación da adhesión á Rede.

O cuarto e último capítulo dedícase á organización e funcionamento, establecendo que a Rede estará baixo a dependencia da dirección xeral competente en materia de cooperativas e economía social e indicando as funcións que lle corresponden a este órgano.

A través dun artigo específico regúlase a participación do Consello Galego de Cooperativas, concretando as funcións que exercerá no seu labor de promoción, consonte as funcións que ten atribuídas legalmente, entre as cales se atopa a emisión de informe preceptivo durante o procedemento de programación periódica de actividades, que é tamén obxecto de regulación desde un enfoque participativo que presta especial atención as achegas das entidades colaboradoras.

Complétase o capítulo sinalando os medios e recursos que a consellería competente en materia de traballo poñerá á disposición da Rede.

Mediante a disposición adicional primeira reflíctese a posibilidade de impulsar outras medidas de fomento a través da consellería, con referencia expresa ao marco da programación do Fondo Social Europeo, dado que as actividades que se pretenden impulsar coa creación da Rede Eusumo se encadran dentro do seu Programa operativo, en concreto no eixe 4 (Promover a cooperación transnacional e interrexional) que no seu tema prioritario número 80 (Fomento de colaboracións, pactos e iniciativas a través de redes de partes interesadas), recolle o impulso á creación de redes de intercooperación no ámbito da economía social, así como dos servizos de información, orientación e asesoramento nesta temática.

A disposición adicional segunda recolle a integración da dimensión da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e as disposicións derradeiras conteñen a necesaria autorización normativa de desenvolvemento do decreto e a referida á súa entrada en vigor.

Por todo o que antecede, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, o Consello Galego de Cooperativas, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de novembro de dous mil doce,

DISPOÑO:

CapÍtulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O presente decreto ten por obxecto a creación e regulación do funcionamento da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, que se configura como un instrumento de actuación formado por entidades que colaboran no marco definido no presente decreto.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. O ámbito de aplicación deste decreto é o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Para o cumprimento dos obxectivos previstos pola Rede Eusumo, en particular para aqueles que teñan alcance transfronteirizo, poderán establecerse instrumentos de colaboración específicos con entidades doutros ámbitos territoriais.

Artigo 3. Obxectivos

O obxectivo da Rede é o fomento do cooperativismo e a economía social, con especial atención ao emprendemento e á creación e consolidación de emprego. O dito obxectivo concrétase arredor dos seguintes eixos:

a) Información, formación, orientación e asesoramento en temáticas vinculadas ao cooperativismo e a economía social, fomento do autoemprego e o emprendemento a través do acompañamento e asesoramento de proxectos cooperativos e de economía social.

b) Posta á disposición de medios necesarios para o emprendemento, entre os cales se inclúen as instalacións precisas para albergar o inicio de proxectos empresariais de economía social.

c) Reforzo da presenza de asociacións e entidades de economía social en redes de intercooperación de carácter nacional e internacional para a promoción do cooperativismo e a economía social.

d) Promoción e fomento das tecnoloxías da información e comunicación, así como o impulso da I+D+i e do traballo en rede.

e) Apoio á comercialización e internacionalización, promovendo encontros internacionais e transfronteirizos para o intercambio comercial e a cooperación empresarial.

f) Realización de análises e estudos en temáticas de interese para a economía social, así como para o desenvolvemento local.

g) Elaboración de materiais divulgativos e formativos sobre cooperativismo e economía social.

h) Acompañamento de proxectos empresariais de economía social.

i) Achegamento aos cidadáns dos recursos e infraestruturas das entidades colaboradoras, procurando incrementar a rendibilidade social dos recursos postos á disposición da Rede.

Artigo 4. Actividades

A Rede realizará todo tipo de actividades encamiñadas ao cumprimento dos obxectivos indicados no artigo 3. Entre elas destácanse as seguintes:

a) Información e asesoramento nos centros.

b) Accións formativas dirixidas aos posibles emprendedores.

c) Prospección dos xacementos de emprendemento e selección de destinatarios/as das accións de asesoramento, información e formación.

d) Acompañamento de proxectos, titorización e asesoramento para a conformación da empresa e durante os primeiros anos de actividade.

e) Apoio ao emprendemento mediante a posta á disposición de viveiros para empresas de economía social.

f) Fomento da coordinación de accións e promoción de proxectos de carácter internacional.

g) Promoción e dinamización do traballo en rede para a colaboración en temas comúns, tales como a comercialización e a apertura conxunta de mercados.

h) Realización de accións formativas en materia de novas tecnoloxías.

i) Establecemento de centros de documentación para a súa consulta por parte de entidades de economía social, persoas emprendedoras e público en xeral.

j) Promoción da asistencia conxunta a feiras nacionais e internacionais e da mellora das estratexias de comercialización.

k) Establecemento dunha liña permanente de investigación sobre posibilidades de desenvolvemento local para o territorio.

l) Desenvolvemento de estudos sectoriais promovendo a cooperación con entidades do territorio.

m) Campañas publicitarias de divulgación e difusión das potencialidades, valores e realidades da economía social.

Artigo 5. Entidades colaboradoras

1. Poderán ser entidades colaboradoras da Rede:

a) As administracións públicas, así como as entidades públicas instrumentais dependentes destas.

b) As asociacións de entidades de economía social e as agrupacións destas, constituídas para a representación e defensa dos seus intereses conforme o establecido no artigo 7.1 da Lei 5/2011, do 29 de marzo, de economía social.

c) As sociedades cooperativas galegas.

d) As fundacións e asociacións.

e) As universidades.

f) As cámaras de comercio, organizacións profesionais, empresariais e sindicais.

g) Outras entidades sen ánimo de lucro.

2. A condición de entidade colaboradora non leva consigo contrapartida financeira e ten carácter indefinido mentres se manteñan as condicións que permitiron a súa adhesión e non se produza a denuncia ou revogación do convenio de colaboración.

Artigo 6. Centros da Rede Eusumo

1. Para os efectos do presente decreto terán a consideración de Centros da Rede Eusumo aqueles locais ou instalacións que a consellería competente en materia de traballo e as entidades colaboradoras poñan á disposición da Rede.

2. Estes centros terán como finalidade a realización das actividades da Rede, especialmente a información e sensibilización do conxunto da sociedade sobre o importante labor social e económico das empresas de economía social; a promoción e impulso do movemento cooperativo e o desenvolvemento local.

3. Para ser considerado como centro da Rede Eusumo será requisito imprescindible que as instalacións conten cun punto de información e asesoramento.

4. A dispoñibilidade dos centros por parte da Rede estará condicionada ás directrices definidas pola entidade colaboradora no seu acordo de adhesión á Rede e as actividades que se leven a cabo nos centros da Rede Eusumo, que poderán ser executadas polas entidades colaboradoras ou pola consellería competente en materia de traballo.

5. As instalacións que as entidades colaboradoras desexen adscribir á Rede deberán cumprir os requisitos mínimos exixidos no artigo 8.2 deste decreto.

6. A incorporación de centros á Rede Eusumo e ás súas actividades será acordada pola dirección xeral competente en materia de cooperativas e economía social, de xeito progresivo, en función das necesidades existentes, dos recursos dispoñibles e da distribución territorial dos centros.

Artigo 7. Distintivo de identificación da Rede Eusumo

1. A Rede Eusumo estará identificada mediante o distintivo que figura como anexo III. Esta identificación deberá utilizarse en todos os documentos e soportes utilizados para a realización de actividades da Rede, así como ocupar un lugar relevante na sinalización dos seus centros.

2. A adhesión á Rede levará implícita a autorización para o uso do distintivo nos soportes e lugares que proceda, sempre que estea asociado aos obxectivos e actividades da propia Rede e mentres se manteña a condición de entidade colaboradora.

3. Queda prohibida a utilización do distintivo da Rede Eusumo fóra dos supostos establecidos no decreto, así como a utilización de signos, marcas, expresións, sinais, lendas ou logotipos que poidan dar lugar a confusión.

Capítulo II
Entidades colaboradoras

Artigo 8. Requisitos das entidades colaboradoras

1. As entidades interesadas en adherirse á Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Recoller dentro das súas actividades o desenvolvemento do cooperativismo e da economía social, o apoio ao emprendemento ou o desenvolvemento local.

b) Poñer á disposición da Rede Eusumo algún dos medios susceptibles de utilización para o fomento do cooperativismo e a economía social, tales como:

1º Recursos para o desenvolvemento de actividades formativas e de asesoramento a persoas emprendedoras.

2º Recursos para a realización de estudos e análises dos distintos sectores produtivos.

3º Recursos para a prospección de novas oportunidades de emprego e de emprendemento con base cooperativa e de economía social.

4º Local/is idóneo/s para servir como punto de información e asesoramento.

5º Local/is idóneo/s para albergar actividades formativas.

6º Local/is idóneos para funcionamento de viveiros de empresas de economía social.

2. As entidades colaboradoras poderán poñer á disposición da Rede as instalacións en función da súa dispoñibilidade, tal e como se defina no convenio de colaboración que se asine entre as partes. Estas instalacións deberán contar coas condicións hixiénicas, acústicas, de habitabilidade e de seguridade exixidas pola lexislación vixente. A entidade deberá contar cunha póliza de seguros de responsabilidade civil para responder dos danos que poidan producirse nas instalacións e locais, así como dos danos persoais e materiais ocasionados durante o desenvolvemento das actividades.

Artigo 9. Obrigas das entidades colaboradoras

Son obrigas das entidades colaboradoras adheridas á Rede Eusumo as seguintes:

a) Cumprir cos requisitos establecidos no artigo 8.

b) Participar nas actividades de asesoramento, información e formación que se deseñen para o fomento do emprendemento cooperativo e a economía social, sen que por iso se vexan afectadas as actividades e funcións propias da entidade.

c) Instalar nos centros integrados, en lugares visibles, paneis informativos e rótulos co distintivo de identificación da Rede Eusumo.

d) Facer constar en toda difusión pública, impresa ou verbal, que as actividades se realizarán en colaboración coa consellería competente en materia de traballo, o Fondo Social Europeo e a Rede Eusumo, cando así proceda.

e) Remitir á dirección xeral competente en materia de cooperativas e economía social toda a información xerada neste ámbito de actuación.

f) Manter as condicións que permitiron a súa adhesión á Rede e a comunicación de todos os cambios que se produzan.

g) Designar un único interlocutor válido para todas as cuestións relacionadas co funcionamento da Rede. É responsabilidade da entidade adherida e dos seus encargados impartir todas as ordes, criterios de realización do traballo e directrices aos seus traballadores, sendo a Administración pública allea por completo a estas relacións laborais. Corresponde, así mesmo, á entidade adherida a vixilancia do horario de traballo dos traballadores, as posibles licenzas horarias, os permisos ou calquera outra manifestación das facultades do empregador.

h) Cumprir o disposto no presente decreto e no convenio de colaboración que se subscriba.

Artigo 10. Dereitos derivados da pertenza á Rede

As entidades colaboradoras adheridas á Rede obterán as seguintes vantaxes:

a) Utilización dos diferentes centros da Rede para as actividades da propia entidade, sempre que estas se adecuen aos obxectivos xerais da Rede especificados no artigo 3. Estas actividades deberán ser incorporadas na programación da Rede Eusumo, logo de autorización expresa da entidade colaboradora titular do centro.

b)Terán prioridade no aproveitamento de recursos, medios e publicacións que a consellería competente en materia de traballo elabore para o fomento do cooperativismo e a economía social.

Capítulo III
Procedemento de adhesión á Rede

Artigo 11. Solicitude de adhesión

1. As entidades interesadas en formaren parte da Rede Eusumo deberán presentar unha solicitude de adhesión (anexo I) no Rexistro Xeral da consellería competente en materia de traballo ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Así mesmo, tamén poderán presentarse electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.es

3. A solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Unha memoria explicativa que conteña, como mínimo, os seguintes aspectos: identificación da entidade, descrición do seu obxecto social, descrición dos intereses que a moven a adherirse á Rede, actividades en materia de fomento do cooperativismo e a economía social que ten realizado e medios que poñerá á disposición da Rede (anexo II).

b) Unha copia compulsada ou cotexada do documento que acredite a personalidade xurídica da entidade.

c) No caso de poñer á disposición da Rede locais ou instalacións, unha declaración responsable sobre o cumprimento dos requisitos previstos no artigo 8.2.

4. O prazo de solicitude de adhesión á Rede permanecerá aberto de xeito indefinido.

Artigo 12. Procedemento e resolución

1. As solicitudes de adhesión á Rede serán examinadas na dirección xeral competente en materia de cooperativas e economía social e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta, requirirase a entidade para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días. Se non o fixer, terase por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A competencia para resolver as solicitudes previstas neste decreto corresponderá á persoa titular da dirección xeral competente en materia de cooperativas e economía social. O prazo para resolver e notificar será de seis meses.

2. O vencemento do prazo sen que se notificase a resolución lexitima a entidade interesada para entender estimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Convenio de colaboración

1. A resolución favorable motivará a sinatura dun convenio de colaboración, formalizándose deste xeito a adhesión da entidade á Rede Eusumo.

2. O convenio será subscrito entre a persoa titular da consellería competente en materia de traballo e a persoa que teña a representación da entidade interesada.

3. O convenio de colaboración deberá plasmar, entre outros aspectos, a identificación das partes, as condicións de colaboración, en particular os dereitos e obrigas, as actividades que comprende, os medios que se porán á disposición da Rede, a duración da colaboración e a forma de finalización desta.

Artigo 14. Control

Corresponderá á dirección xeral competente en materia de cooperativas e economía social o control do axeitado cumprimento das condicións, obrigas e requisitos que deben cumprir as entidades colaboradoras, para o que poderá efectuar visitas aos centros adscritos á Rede coa periodicidade que crea oportuna.

Artigo 15. Revogación da adhesión

1. As entidades adheridas a Rede poderán libremente desvincularse dela mediante comunicación por escrito á dirección xeral competente en materia de cooperativas e economía social.

2. En caso de incumprimento das obrigas asumidas ou de perda sobrevida dos requisitos de adhesión, a persoa titular da dirección xeral competente en materia de cooperativas e economía social poderá revogar a adhesión, logo de audiencia á entidade interesada.

CAPÍTULO IV
Organización e funcionamento da Rede

Artigo 16. Da dirección xeral competente en materia de cooperativas e economía social

1. A Rede Eusumo estará baixo a dependencia da dirección xeral competente en materia de cooperativas e economía social, que terá ao seu cargo a planificación xeral, a coordinación das actividades e a promoción da Rede entre os/as actores/as sociais e económicos/as, así como as relacións con outras entidades públicas e privadas.

2. Serán funcións da dirección xeral competente en materia de cooperativas e economía social en relación coa Rede Eusumo, as seguintes:

a) Consolidar e fomentar a Rede Eusumo.

b) Establecer a liña de imaxe e identidade gráfica común a toda a Rede e asegurar a homoxeneidade dos soportes de información e comunicación dos diferentes centros da Rede, tendo en conta o establecido no artigo 7.

c) Coordinar os centros de información e asesoramento en materia de economía social incorporados na Rede Eusumo.

d) Promover e fomentar a incorporación de entidades á Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social.

e) Crear e actualizar un portal web que conteña a información sobre a Rede e as entidades adheridas.

f) Recibir, tramitar e resolver as solicitudes de adhesión á Rede formuladas polas entidades interesadas, así como a inspección e control dos centros e a revogación da adhesión, de ser o caso.

g) Velar polo cumprimento do previsto neste decreto.

h) As demais que se lle atribúan expresamente ou que resulten necesarias para acadar os fins perseguidos.

Artigo 17. Do Consello Galego de Cooperativas

Ao Consello Galego de Cooperativas, como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo, corresponderán as seguintes funcións en relación coa Rede Eusumo:

a) Emitir informe con carácter preceptivo sobre a programación periódica de actividades, así como sobre aqueles asuntos para os cales sexa requirido e que afecten directamente as cooperativas.

b) Facilitar e colaborar na execución das actividades da Rede e na súa avaliación.

c) Impulsar a investigación en materia de desenvolvemento e fomento do cooperativismo para a súa aplicación práctica no marco da Rede.

d) Promover a educación e formación cooperativa.

e) Contribuír ao cumprimento dos obxectivos da Rede.

Artigo 18. Planificación e programación de actividades

1. O proceso de planificación e programación de actividades comezará coa análise da dispoñibilidade das actividades nos diferentes centros que integran a Rede Eusumo. Unha vez coñecida a dispoñibilidade e comunicada ás entidades colaboradoras, solicitarase a todas elas a elaboración dunha proposta de actividades para o período que se defina.

2. As propostas que se reciban serán valoradas de maneira conxunta polas integrantes da Rede co obxectivo de integrar as distintas achegas das entidades colaboradoras, de xeito que se conforme unha proposta de programación de actividades para o período considerado.

3. A programación final de actividades para cada período someterase a informe do Consello Galego de Cooperativas e á aprobación da dirección xeral competente en materia de cooperativas e economía social

4. Ao finalizar cada período de actividades realizarase unha avaliación destas sobre a base dos indicadores que se definisen na súa programación.

Artigo 19. Achegas da consellería competente en materia de traballo á Rede Eusumo

A consellería competente en materia de traballo porá á disposición das entidades colaboradoras e da Rede Eusumo en xeral os seguintes medios e recursos:

a) Medios técnicos necesarios para os labores de formación, información e asesoramento nos centros da Rede Eusumo.

b) Recursos didácticos e material divulgativo.

c) Elementos e accións para a promoción, difusión e coñecemento do cooperativismo e a economía social tales como exposicións itinerantes, escola cooperativa móbil e calquera outro elemento e acción considerado para tal fin.

d) Documentación de apoio en repositorios virtuais.

e) Espazos web de apoio ao emprendemento cooperativo e da economía social, como son www.eusumo.coop, www.cooperativasdegalicia.com e www.teleformacioncooperativa.com

Disposición adicional primeira. Outras medidas de fomento

A consellería competente en materia de traballo, no exercicio das súas atribucións, impulsará diversas medidas de fomento e incentivo para a creación de emprego baixo a fórmula cooperativa e da economía social. Para tal fin poderá aplicar fondos do Fondo Social Europeo 2007-2013, eixe 4, así como fondos propios da Comunidade Autónoma.

Disposición adicional segunda. Igualdade de oportunidades

No exercicio das funcións e no desenvolvemento das actividades a que se refire este decreto, terase en conta o establecido na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, integrando de xeito activo a dimensión de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Disposición derradeira primeira. Autorización normativa

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de traballo para ditar as disposicións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de novembro de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar