Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Luns, 10 de decembro de 2012 Páx. 46166

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Sanidade

ORDE do 26 de novembro de 2012 pola que se establecen as bases do procedemento para a reavaliación de determinadas xefaturas de persoal sanitario diplomado ou técnico do Servizo Galego de Saúde e outras entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

O Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG do 29 de xullo), de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, na sección segunda do capítulo VI regula a provisión de determinados postos de xefatura e coordinación, correspondentes a persoal sanitario diplomado ou técnico, a través dun proceso de selección consistente nun concurso de méritos e na defensa pública dun proxecto ou entrevista relacionados coa xestión da unidade. Este réxime de provisión de postos foi estendido a outras entidades adscritas á Consellería de Sanidade polo Decreto 91/2007, do 26 de abril (DOG do 25 de maio), de integración no réxime estatutario do persoal laboral do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

O Decreto 206/2005, no artigo 48, establece que os/as aspirantes seleccionados/as por este sistema obterán un nomeamento que será obxecto de avaliación aos catro anos, por unha comisión técnica especializada, para os efectos da súa confirmación ou remoción.

A Orde da Consellería de Sanidade do 24 de maio de 2006 (DOG do 5 de xuño), ditada en desenvolvemento do dito decreto, estableceu as bases do procedemento para a provisión de postos de xefatura e coordinación. No que se refire ao procedemento de reavaliación, a orde limítase na práctica, e sen maior desenvolvemento, a reiterar o previsto no decreto.

Neste momento, coa finalidade de realizar as primeiras reavaliacións do persoal sanitario diplomado ou técnico que accedeu aos postos de supervisión ou coordinación mediante o referido sistema de concurso de méritos e defensa pública dun proxecto ou entrevista, resulta preciso contar cun instrumento que, como a presente orde, desenvolva en maior grao o sistema aplicable e estableza unhas bases de necesario cumprimento para dotar de certa uniformidade os procedementos, de forma que estes non difiran substancialmente nas institucións sanitarias chamadas a aplicalos.

De acordo co anterior, e no uso das competencias e atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e a disposición derradeira do Decreto 206/2005,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases do procedemento para a reavaliación dos postos de supervisión ou coordinación de persoal sanitario diplomado ou técnico provistos polo procedemento, consistente nun concurso de méritos e defensa pública dun proxecto ou entrevista relacionados coa xestión da unidade, previsto na sección segunda do capítulo VI do Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG do 29 de xullo), de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e na Orde da Consellería de Sanidade, do 24 de maio de 2006 (DOG do 5 de xuño), pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 2. Inicio do procedemento

O procedemento iniciarase, cunha antelación mínima de catro meses respecto á finalización do período de catro anos de vixencia do nomeamento, por resolución da xerencia de xestión integrada da que dependa o posto de traballo. Cando circunstancias excepcionais, debidamente motivadas, impidan iniciar o procedemento no prazo referido, o nomeamento entenderase prorrogado exclusivamente ata a realización da preceptiva avaliación. A omisión da avaliación ou o adiamento da súa realización non suporán a consideración do nomeamento como definitivo.

A resolución pola que se inicie o procedemento notificaráselle á persoa que será avaliada e deberá conter, como mínimo, as seguintes mencións: composición da comisión técnica especializada que realizará a avaliación; data de realización do acto público de reavaliación; sistema de avaliación; consecuencias da avaliación en función do seu resultado (prórroga ou remoción no desempeño do posto).

Na mesma resolución establecerase o prazo, non inferior a un mes nin superior a dous meses, para que a persoa avaliada presente a seguinte documentación:

a) No caso de que se accedese ao posto de traballo a través dun concurso de méritos e entrevista relacionada coa xestión da unidade, presentarase un informe sobre a organización, funcionamento e actividade da unidade nos últimos catro anos. No suposto de que se accedese ao posto de traballo a través dun concurso de méritos e defensa dun proxecto para a xestión da unidade, presentarase un informe sobre a actividade realizada nos últimos catro anos para a implantación do dito proxecto.

b) Un proxecto técnico para a xestión da unidade nos próximos catro anos.

A non presentación da dita documentación no prazo fixado implicará a renuncia ao desempeño do posto tras a vixencia do nomeamento.

Artigo 3. Sistema de avaliación

Para superar a avaliación será preciso, en primeiro lugar, obter avaliación favorable da actividade realizada nos últimos catro anos. Igualmente, deberá obterse avaliación favorable do proxecto técnico para a xestión da unidade nos próximos catro anos.

A actividade realizada nos últimos catro anos e o proxecto técnico para os próximos catro anos serán avaliados por unha comisión técnica especializada designada consonte o previsto no artigo 14 da Orde do 24 de maio de 2006 (DOG do 5 de xuño), pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

A xerencia porá á disposición da comisión e da persoa avaliada os datos, informes e aqueloutra documentación que considere precisos para realizar a avaliación. A persoa avaliada terá a dita documentación á súa disposición durante os dez días anteriores ao do acto de reavaliación.

Tras o acto de reavaliación, no cal a persoa avaliada deberá expoñer á comisión o seu informe sobre a actividade realizada nos últimos catro anos e o seu proxecto técnico, a comisión trasladará á xerencia unha proposta motivada favorable ou desfavorable á prórroga do nomeamento.

Artigo 4. Resolución

Cando a proposta da comisión sexa favorable á continuidade no desempeño do posto, a xerencia de xestión integrada resolverá a prórroga do nomeamento por un período de catro anos, e ao seu termo realizarase un novo procedemento de reavaliación de conformidade e cos efectos previstos nesta orde.

Cando a proposta da comisión sexa desfavorable á continuidade no desempeño do posto, a xerencia de xestión integrada resolverá a remoción no posto de traballo. A remoción virá precedida da audiencia á persoa avaliada no prazo de dez días, no cal poderá formular as alegacións e achegar a documentación que considere pertinentes.

A resolución de prórroga ou remoción deberá ditarse no prazo de dous meses contado a partir do día seguinte a aquel en que finalice o prazo que a resolución de inicio do procedemento estableza para presentar a correspondente documentación.

O resultado da avaliación –confirmación ou remoción– será publicado no Diario Oficial de Galicia. No caso de remoción, procederase á simultánea publicación dunha convocatoria para a provisión do posto de traballo.

Disposición transitoria

Naqueles ámbitos territoriais que non teñan configurada a estrutura organizativa de xestión integrada prevista no Decreto 168/2010, do 7 de outubro, e mentres non se desenvolva esta, as funcións atribuídas nesta orde ás xerencias de xestión integrada continuarán a ser exercidas polas xerencias de Atención Primaria ou Especializada.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o artigo 19 da Orde do 24 de maio de 2006 (DOG do 5 de xuño), pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2012

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade