Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Luns, 7 de xaneiro de 2013 Páx. 499

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 28 de decembro de 2012 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada polos sindicatos CC.OO., CIG e UGT no sector de transporte de enfermos e accidentados en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia, que se levará a efecto todos os xoves e venres, desde o 10 de xaneiro de 2013, con carácter indefinido.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece o dereito á folga como dereito fundamental da persoa.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os cales se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A folga foi convocada polas organizacións sindicais CC.OO., CIG e UGT está dirixida a todos os traballadores e traballadoras das empresas e centros de traballo afectados polo convenio colectivo de transporte de enfermos e accidentados en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia, e levarase a efecto todos os xoves e venres desde as 00.00 ás 24.00 horas, con carácter indefinido, a partir do 10 de xaneiro de 2013.

Con base no anterior, e despois da audiencia ao comité de folga e aos responsables das prestacións de transporte sanitario no ámbito da folga, a conselleira

DISPÓN:

Artigo 1

A convocatoria de folga que afecta o persoal das empresas e centros de traballo afectados polo convenio colectivo de transporte de enfermos e accidentados en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia, que terá efecto todos os xoves e venres desde as 00.00 horas ás 24.00 horas con carácter indefinido, a partir do xoves 10 de xaneiro de 2013, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen nesta orde.

O ámbito da folga abrangue:

1. Transporte sanitario urxente, organizado e xestionado pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias Galicia 061 a través da RTSUG (rede de transporte sanitario urxente de Galicia). O servizo préstase mediante:

– Ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado (AA-SVA) medicalizadas ou UVI móbiles, é dicir ambulancias tipo C concertadas por US-061, que se corresponden cun total de 10 unidades, situadas en 10 bases. O horario de servizo é de 24 horas.

– Ambulancias asistenciais de soporte vital básico (AA-SVB), é dicir ambulancias tipo B concertadas por US-061 que se corresponden cun total de 101 unidades. O número de bases por provincia é a seguinte: 31 bases na provincia da Coruña con 36 vehículos, 19 bases na provincia de Lugo con 20 vehículos, 14 bases na provincia de Ourense con 15 vehículos, e 23 bases na provincia de Pontevedra con 30 vehículos.

2. Transporte sanitario das altas hospitalarias e traslados intercentros, organizado e xestionado desde os hospitais e prestado con ambulancias dos tipos convencionais, asistenciais de soporte vital básico e asistenciais de soporte vital avanzado.

3. Transporte sanitario non urxente, xestionado desde os centros e estruturas do Servizo Galego de Saúde e prestado con ambulancias dos tipos convencionais, asistenciais de soporte vital básico e vehículos de transporte sanitario colectivo.

4. Transporte sanitario prestado polas empresas que afecte enfermos ou accidentados na Comunidade Autónoma non incluído nos puntos anteriores.

A rede de transporte sanitario urxente de Galicia (RTSUG) está organizada en razón a unha superficie, unha poboación e un complexo mapa de isócronas onde cada recurso garante o servizo a unha poboación nunha área determinada, cun persoal especificamente formado para este tipo de asistencia e sobre a base de que poden ocorrer accidentes e darse situacións de urxencia de difícil resolución se non están dispoñibles todos os recursos de transporte urxente, dado que non se pode prever a demanda. O número de ambulancias contratadas está axustado a esa finalidade. En consecuencia, para garantir a protección á saúde da poboación e dar resposta ao 100 % dos servizos solicitados pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061, neste ámbito imponse unha cobertura do 100 % das unidades.

O resto dos traslados que se consideran como esenciais xustifícanse polas necesidades asistenciais específicas de diferentes grupos, e tamén para garantir a protección do dereito a saúde de pacientes en situacións especiais, nos cales calquera demora na asistencia derivada da falta de medios de transporte e asistencia adecuada poda desencadear un risco vital.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a necesaria cobertura asistencial respecto ao transporte sanitario a través das empresas afectadas pola folga, coa finalidade de evitar que se produzan prexuízos graves para a saúde.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible polo exercicio do dereito á folga coa adecuada atención a enfermos e accidentados que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servizo dispensado.

Os criterios reitores para a determinación do persoal necesario para o mantemento dos servizos esenciais na folga referida son os seguintes:

1. Unha cobertura do 100 % das unidades respecto da atención urxente prestada a través do 061.

2. O 100 % dos servizos de transporte para enfermos que requiran tratamentos continuados de oncoloxía e diálise.

3. Para a realización de traslados inter e intrahospitalarios e doutros servizos que poderán ser demandados polos centros hospitalarios, mantendo como mínimo un vehículo, determinarase o 50 % dos recursos por quendas de traballo, que ten que incluír inescusablemente os vehículos de soporte vital avanzado asignados a cada centro.

4. No traslado para consultas externas e probas diagnósticas en pacientes ambulatorios, cubrirase o servizo no caso de que o paciente necesite padiola.

Os vehículos que resulten precisos para o mantemento dos servizos mínimos consonte os anteriores criterios rectores contarán coa dotación mínima de persoal establecida na normativa vixente.

Artigo 2

Con base nos criterios anteriores, no anexo desta orde recóllense as bases e ambulancias asistenciais básicas e avanzadas medicalizadas precisas para cubrir os servizos mínimos durante a folga.

A determinación concreta do persoal que debe cubrir os servizos mínimos será realizada pola dirección da empresa, mediante comunicación nominativa e individual do dito persoal.

A designación deberá ser publicada nos taboleiros de anuncios da empresa con anticipación ao comezo da folga.

O persoal designado que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a súa substitución por outro/a profesional da empresa que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

No expediente de determinación de servizos mínimos da empresa, que estará dispoñible para xeral coñecemento do persoal destinatario, deberá quedar constancia dos criterios e xustificación ponderados para determinar os ditos servizos.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías á poboación e usuarios dos servizos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposicion derradeira

A presente orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2012

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

Anexo
Bases e ambulancias asistenciais básicas e avanzadas medicalizadas precisas para cubrir os servizos mínimos durante a folga

– Provincia da Coruña:

A Coruña (3)

Arteixo

Arzúa

As Pontes de García Rodríguez

Betanzos

Boiro

Cambre

Carballo (2)

Cariño

Cedeira

Cee

Cerceda

Ferrol (2)

Mazaricos

Melide

Muros

*Narón

Negreira

Noia

Oleiros

Ordes

Ortigueira

Padrón

Ponteceso

Pontedeume

Ribeira

Sada

Santa Comba

Santiago de Compostela (2)

Teixeiro

Vimianzo

Total provincia da Coruña: 31 bases/36 ambulancias

– Provincia de Lugo:

Becerreá

Guitiriz

Burela

O Corgo

Chantada

A Fonsagrada

*Foz

Lugo (2)

Meira

Mondoñedo

Monforte

Navia de Suarna

Palas de Rei

A Pontenova

Quiroga

Ribadeo

Sarria

Vilalba

Viveiro

Total provincia de Lugo: 19 bases/20 ambulancias

– Provincia de Ourense:

A Gudiña

Allariz

Bande

O Carballiño

Castro Caldelas

Celanova

Maceda

O Barco

Ourense (2)

A Pobra de Trives

Ribadavia

Verín

Viana do Bolo

Xinzo de Limia

Total provincia de Ourense: 14 bases/15 ambulancias

– Provincia de Pontevedra

A Cañiza

A Estrada

A Guarda

*Arbo

Bueu

**Baiona

Caldas de Reis

Cambados

Cangas

Lalín

*Marín

Moaña

Nigrán

O Grove

*Ponteareas (2)

Pontevedra (2)

O Porriño

Sanxenxo

Redondela

Silleda

Tui

*Vigo (6)

Vilagarcía

Total provincia de Pontevedra: 23 bases/30 ambulancias

Total Galicia: 87 bases/101 ambulancias

* Estas unidades están operativas 12 horas en horario diúrno. Este mesmo horario correspóndese co de tres das unidades de Vigo e unha das unidades de Ponteareas.

** Esta unidade está operativa doce horas en horario diúrno de luns a venres e vinte e catro horas os sábados e domingos.

Entre parénteses figura o número de recursos cando a base ten máis de un.

Ambulancias medicalizadas:

A Coruña (2)

Ferrol

Lugo

Ourense

Pontevedra

Vigo

Mos

Santiago de Compostela

Foz