Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Luns, 7 de xaneiro de 2013 Páx. 455

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

CORRECCIÓN de erros.-Decreto 267/2012, do 5 de decembro, polo que se aproba a delimitación do Camiño de Santiago do Norte, ruta do interior, tamén coñecido como Camiño Primitivo ou de Ovedo.

Advertidos erros no citado decreto, publicado no Diario Oficial de Galicia nº 248, do 31 de decembro de 2012, cómpre facer as seguintes correccións:

O Camiño coñecido baixo a denominación de Primitivo ou de Ovedo é unha das dúas variantes do Camiño do Norte.

A Lei 3/1996, do 10 maio, de protección dos Camiños de Santiago (DOG núm. 105, do 23 de maio), en diante LPCS, dispón no seu artigo primeiro que «para os efectos da presente lei, enténdense como Camiño de Santiago todas as rutas históricas recoñecidas documentalmente». No punto terceiro dese mesmo artigo sinala que a ruta principal é o Camiño Francés, mentres que no punto cuarto recolle outras rutas que se enmarcan na denominación xeral de Camiño de Santiago e que se corresponden coas actualmente coñecidas como Camiño Portugués, Ruta da Prata, Camiño do Norte, Camiño de Fisterra, Camiño Inglés e Ruta do Mar de Arousa e Ulla.

O Camiño do Norte procede de Asturias e ten dúas variantes, a coñecida como ruta da costa e a ruta do interior, que é a que se corresponde co Camiño Primitivo ou Camiño de Ovedo. O trazado deste camiño, ao seu paso por Galicia, discorre polos termos municipais da Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo, Guntín, Friol, Palas de Rei, Toques e Melide, onde entronca coa ruta principal do Camiño de Santiago, Camiño Francés.

Por Resolución da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia do 17 de xullo de 2012 (DOG núm. 151, do 8 de agosto) incóase o procedemento de delimitación desta ruta do Camiño de Santiago ao seu paso por Galicia e acórdase a apertura do trámite de información pública por un período de dous meses contados a partir do día seguinte á data de publicación no DOG. Para eses fins, a documentación do expediente estivo á disposición do público na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural en Santiago de Compostela, no Servizo de Patrimonio Cultural da Xefatura Territorial da consellería en Lugo e nas dependencias municipais que en cada concello se dispuxeron para estes efectos.

Durante ese período preséntanse cincuenta e cinco alegacións, que, logo do seu exame, son debidamente analizadas e contestadas polo director xeral. Como consecuencia da estimación dalgunhas das observacións manifestadas polos alegantes, a dirección xeral competente, atendendo ao informe-proposta dos seus servizos técnicos, formula unha nova proposta de delimitación, introducindo pequenas variacións nos tramos de Vilalle, no concello de Castroverde, na zona do Campo da Matanza, no concello de Baleira, e na parroquia de San Pedro de Mera, no concello de Lugo, que non implican novas cargas para os administrados.

Por outra banda, cómpre deixar constancia de que na instrución do procedemento se pon de manifesto, en relación ao nome deste camiño, que, sendo esta vía de peregrinación a Santiago de Compostela coñecida ao longo do tempo con diversos nomes –Camiño de Ovedo, Camiño da Fonsagrada, Camiño de Asturias e, ultimamente, Camiño Primitivo–, o nome con maior valemento patrimonial e máis acorde cos criterios de autenticidade consensuados a nivel internacional é o de Camiño de Ovedo. Con este nome aparece tanto na documentación medieval como na moderna e, aínda hoxe, pode ser documentado con esa denominación histórica e tradicional nas variantes dialectais do territorio por onde pasa: Camín de Ovedo, na Fonsagrada, ou Camiño de Ovedo, en Melide.

Rematada a instrución do procedemento segundo o establecido nas disposicións vixentes, de conformidade co disposto no artigo 5 da Lei de protección dos Camiños de Santiago e na Lei do patrimonio cultural de Galicia, cómpre proceder á súa resolución definitiva.

Por iso, á vista do que antecede, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de decembro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobar a delimitación do Camiño de Santiago do Norte, ruta do interior, segundo os planos do anexo deste decreto.

Segundo. Ordenar a inscrición do Camiño de Santiago do Norte, ruta do interior, coa categoría de territorio histórico, no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e notificar este acordo aos concellos afectados.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de decembro de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file