Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Xoves, 14 de febreiro de 2013 Páx. 4339

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 1/2013, do 13 de febreiro, pola que se modifica a Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia.

Exposición de motivos

Conforme o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de comercio interior, sen prexuízo da política xeral de prezos e da lexislación sobre a defensa da competencia, nos termos do disposto nos artigos 38, 131 e 149.1.11º e 13º da Constitución española.

En materia de horarios comerciais, o Parlamento de Galicia aprobou o 27 de decembro de 2006 a Lei 13/2006, de horarios comerciais de Galicia, que estableceu a regulación dos horarios de apertura e pechamento dos establecementos comerciais no ámbito territorial da nosa comunidade autónoma co fin de favorecer e garantir o desenvolvemento harmónico do comercio galego e un mellor servizo ás persoas consumidoras.

O Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade, establece unha nova normativa de carácter básico que afecta determinados preceptos da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, amparándose no artigo 149.1.13º da Constitución española, que recoñece a competencia estatal sobre as bases e a coordinación da planificación xeral da actividade económica.

Segundo o disposto na exposición de motivos do Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, o Goberno considerou urxente adoptar unha serie de medidas que reforcen os elementos de competencia no sector da distribución retallista. Así, modificouse o réxime vixente introducindo unha maior liberalización de horarios e de apertura comercial en domingos e festivos. A redución de restricións neste ámbito, tal e como sinala a propia exposición de motivos, foi unha recomendación reiterada de organismos internacionais como o Fondo Monetario Internacional e a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico. Así, o Goberno considerou que a ampliación da liberdade de horarios tería efectos positivos sobre a produtividade e a eficiencia na distribución comercial retallista e os prezos e proporcionaría ás empresas unha nova variable que permitiría incrementar a competencia efectiva entre os comercios. Así mesmo, incrementaríanse as posibilidades de compra das persoas consumidoras e, en consecuencia, as súas oportunidades de conciliación da vida familiar e laboral.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten unhas características propias que a diferencian do resto do territorio español pola dispersión dos seus asentamentos de poboación, pola peculiar estrutura xeográfica de vilas e cidades e polos elementos definitorios da súa estrutura comercial, que evidencian a necesidade dunha adaptación da normativa básica estatal ao noso territorio.

Por iso, resulta inescusable e inaprazable unha modificación da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, que adapte a nova normativa básica establecida polo Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, á realidade comercial galega, procurando a mellora da competitividade do tecido comercial así como a preservación do modelo comercial galego, que se caracteriza pola relevante presenza do comercio retallista e por configurarse como un elemento esencial de vertebración das vilas, cidades e barrios, aos que outorga habitabilidade e seguranza ao tempo que garante o abastecemento das persoas, especialmente as que, por idade e outras circunstancias, teñen dificultade de mobilidade.

A peculiar estruturación da xeografía galega nun urdido de comarcas inflúe no modelo comercial perfilado no noso territorio, caracterizado por unha presenza da pequena e mediana empresa comercial nas chamadas cabeceiras de comarca, que abastecen e dan servizo á poboación con independencia da dispersión presente no seu asentamento e localización.

A forma comunmente adoptada é a dun pequeno negocio multiservizo e multimarca que xa dispón de liberdade horaria conforme a lexislación comercial vixente por tratarse de establecementos cunha superficie útil de exposición e venda non superior a 300 metros cadrados.

Por isto, o réxime de horarios comerciais constitúe unha das pezas clave do modelo de comercio galego, un comercio de proximidade socialmente rendible e sostible que garante o equilibrio entre os diferentes formatos comerciais e asegura o abastecemento da poboación con independencia da súa idade, circunstancias e localización.

Outro dos obxectivos que se persegue é conxugar os diferentes intereses e sensibilidades afectados, garantindo un axeitado nivel de oferta ás persoas consumidoras e preservando a necesaria conciliación da vida familiar e laboral destas.

Así, a modificación da Lei 13/2006, do 27 de decembro, ten como obxectivo fundamental adecuar a normativa galega en materia de horarios comerciais á normativa básica establecida polo Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo. Para acadar este obxectivo, modifícanse os artigos 4 e 5 do capítulo II, relativo ao réxime xeral de horarios, así como o artigo 8 do capítulo III, relativo ao réxime especial de horarios.

Establécese un horario global comercial máximo de noventa horas durante o conxunto de días laborables da semana e un número máximo de dez domingos e festivos nos que os establecementos comerciais poderán permanecer abertos ao público.

A opción da Comunidade Autónoma polo establecemento de dez días festivos habilitados para a actividade comercial responde á necesidade de preservar o modelo comercial galego, xa que outra opción podería dar lugar a un certo desequilibrio deste.

En relación cos establecementos con liberdade horaria, incluiranse aqueles que dispoñan dunha superficie útil para a exposición e a venda ao público de ata 300 metros cadrados, excluídos os pertencentes a empresas ou grupos de distribución que non teñan a consideración de pequena e mediana empresa, segundo a lexislación vixente, para garantir a adaptación á normativa básica.

Por outra banda, e tendo en conta a necesidade de harmonizar a normativa establecida na Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, e unificar o réxime sancionador en materia comercial, modifícanse as contías das sancións establecidas no artigo 15 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, equiparándoas ás recollidas naquel texto legal.

O texto do anteproxecto de lei foi sometido a informe do Consello Galego de Comercio e ao preceptivo ditame do Consello Económico e Social.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei pola que se modifica a Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia.

Artigo único. Modificación da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia

A Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, queda modificada como segue:

Un. O punto 2 do artigo 4 queda redactado do seguinte modo:

«2. O horario global no que os establecementos comerciais poderán desenvolver a súa actividade durante o conxunto de días laborables da semana será como máximo de noventa horas».

Dous. O punto 1 do artigo 5 queda redactado do seguinte modo:

«1. Os domingos e días festivos nos que os establecementos comerciais poderán permanecer abertos ao público serán, como máximo, de dez ao ano».

Tres. Suprímese o punto 3 do artigo 5.

Catro. A letra h) do punto 1 do artigo 8 queda redactada do seguinte modo:

«h) Os establecementos comerciais que dispoñan dunha superficie útil para a exposición e venda ao público de ata 300 metros cadrados, excluídos os pertencentes a empresas ou grupos de distribución que non teñan a consideración de pequena e mediana empresa, segundo a lexislación vixente».

Cinco. O punto 1 do artigo 15 queda redactado do seguinte modo:

«1. As infraccións tipificadas por esta lei, logo da instrución do correspondente expediente administrativo, serán sancionadas:

a) As infraccións leves, con apercibimento ou multa de ata 1.500 euros.

b) As infraccións graves, cunha multa de entre 1.501 euros e 50.000 euros.

c) As infraccións moi graves, cunha multa de entre 50.001 euros e 1.000.000 de euros».

Disposición transitoria única. Réxime sancionador

O novo réxime sancionador en materia de horarios comerciais será aplicable ás infraccións cometidas con anterioridade á entrada en vigor desta lei, sempre que a súa aplicación resulte máis favorable para o suxeito infractor e a sanción imposta non adquirise firmeza.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de febreiro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente