Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Venres, 15 de febreiro de 2013 Páx. 4449

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 22/2013, do 24 de xaneiro, polo que se crea o Consello para a Innovación en Materia Sanitaria e se establece a súa composición, organización e funcionamento.

Dadas as condicións socioeconómicas e culturais da poboación galega, o envellecemento da poboación e a presión competitiva que exerce a globalización, a innovación constitúe unha ferramenta necesaria e estratéxica para xestionar adecuadamente os recursos dispoñibles, e fomentar o crecemento económico e a creación de emprego nunha sociedade moderna e con futuro. A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico -OCDE- avoga pola innovación para impulsar o crecemento económico e axudar a enfrontar os problemas sociais. Para iso, en 2010 definiu a súa Estratexia de innovación, na cal analiza os obxectivos da innovación e os seus cambios, e formula unha serie de principios para fomentar a innovación nas persoas, nas organizacións e no seu goberno. Os seus principios son outorgar ás persoas a capacidade de innovar; facilitar a innovación nas empresas; desenvolver e difundir unha economía do coñecemento; dar resposta aos retos sociais e globais coa innovación; mellorar o goberno das políticas de I+D+i e a medición da innovación.

Tamén en 2010, a Comisión Europea (CE) publica a Estratexia Europa 2020, unha estratexia europea para o crecemento intelixente, sustentable e integrador que vai máis alá da actual crise internacional. Esta estratexia ten cinco obxectivos para o ano 2020 en materia de emprego, innovación, educación, integración social e clima/enerxía. Para coordinar os esforzos en investigación e innovación que permitan alcanzar estes obxectivos, a CE propón e desenvolve a iniciativa Unión pola Innovación (Innovation Union). A Unión pola Innovación propón medidas como concluír o Espazo Europeo de Investigación ata 2014, apoiar as colaboracións entre as universidades e as empresas co obxectivo de desenvolver novos plans de estudos que respondan ás brechas en habilidades relacionadas coa innovación; crear un mercado europeo para a innovación que poida atraer empresas e negocios innovadores; estimular os investimentos do sector privado, por exemplo, mellorando os investimentos europeos en capital risco; involucrar a todos os actores na innovación; mellorar a colaboración público-privada na Unión Europea a través de partenariados pola innovación (Innovation Partnerships) para afrontar grandes retos como o cambio climático, enerxía e seguridade alimentaria, saúde e envellecemento activo; promover as colaboracións internacionais a grande escala.

O termo innovación sinala un proceso polo cal as organizacións introducen algo novo. No sector sanitario público trátase dun proceso complexo. Ademais, actualmente vivimos unha crise do modelo tradicional de prestar asistencia que, por moi diversas razóns clínicas, tecnolóxicas, sociais e económicas, non resulta axeitado para dar resposta ás necesidades actuais e futuras da nosa poboación. A Estratexia da Unión Europea Europa 2020 postula a innovación (Innovation Union) como forza motriz dunha economía intelixente, sustentable e integradora, que poida xerar altos niveis de emprego, produtividade e cohesión social.

O Plan estratéxico de Galicia 2010-2014 ten por obxecto aliñar todas as políticas sectoriais que desenvolve o Goberno autonómico, e o Plan de prioridades sanitarias da Consellería de Sanidade identifica os problemas de saúde da nosa poboación que teñen a maior prioridade, así como as liñas de mellora e accións concretas do Sistema público de saúde de Galicia, para cubrir as súas necesidades actuais na atención sanitaria da cidadanía, e na xestión e garantía dos seus dereitos e deberes no ámbito sanitario.

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, no seu artigo 94, inclúe entre as funcións atribuídas ao Servizo Galego de Saúde, baixo a supervisión e control da consellería competente en materia de sanidade, a introdución de novas técnicas e procedementos diagnósticos e terapéuticos, logo da súa avaliación en termos de eficacia, seguridade, custo e impacto desde o punto de vista biomédico.

Dentro do sistema sanitario público, as prioridades na mellora do servizo baséanse na innovación tecnolóxica e de xestión, así como na formación e investigación científica. Non obstante, existe aínda pouco espazo para a colaboración e participación activa da cidadanía, máis alá de canalizar as súas opinións e as súas queixas. O Servizo Galego de Saúde identifica, como situación de partida na Estratexia Sergas 2014, a carencia dun sistema integral das iniciativas innovadoras focalizado nos problemas de saúde da cidadanía e dun espazo de encontro onde converxan os/as usuarios/as, os centros xeradores de coñecemento (universidades e outros organismos públicos de investigación), as empresas biosanitarias, e o Servizo Galego de Saúde, así como a necesidade de introducir elementos innovadores, tales como un novo modelo organizativo, unha medicina máis personalizada, uns sistemas de información áxiles e eficientes, un impulso á telemedicina e ás tecnoloxías da información e comunicación, un empuxe á participación efectiva de profesionais e cidadanía, que logre ser determinante no bo uso dos recursos en xeral, e dos medicamentos en particular.

Os servizos de saúde maduros desenvolven sistemas de xestión da investigación e da innovación, e convértense en xeradores de melloras e riqueza, a través de novos produtos e servizos. Nestes sistemas, débense aliñar os obxectivos de I+D+i, os seus esforzos, recursos e talento, coas necesidades non cubertas, preocupacións e obxectivos reais da organización. No marco da Estratexia Sergas 2014 considérase adecuada a creación dun órgano consultivo composto por persoas de relevancia en materia de innovación en saúde.

A Consellería de Sanidade, tal e como consta na súa Estratexia 2011-2014, e tal e como recollen os seus proxectos estratéxicos 2011, aliñados co Plan de prioridades sanitarias da Consellería de Sanidade e coa Estratexia Sergas 2014, selecciona e dá prioridade ao fomento da innovación para transformar a sanidade pública, como proxecto estratéxico durante os próximos anos, dando resposta deste xeito ao Plan galego de investigación, innovación e crecemento (I2C), eixos catro, cinco, seis, e, fundamentalmente, sete, de «Modelo de innovación nas administracións públicas» e oito de «Programas sectoriais», dentro do marco da Estratexia estatal de innovación 2010-2015.

Neste contexto, xorde como iniciativa entre profesionais de diversas unidades da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, a construción progresiva da Plataforma de innovación en saúde, que pon á disposición dos usuarios unha ferramenta transversal de enfoque multidisciplinar que ten por obxecto tanto promover e coordinar a participación da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde en proxectos de innovación do máximo nivel e impacto, coma xestionar adecuadamente os seus resultados, tendo como obxectivo final a implantación destes no Sistema público de saúde de Galicia, para modernizar e facer máis eficientes os procesos de prestación de servizos e organizativos, e contribuír significativamente á súa sustentabilidade. Esta iniciativa pretende, así mesmo, unha nova forma integral de atención sanitaria centrada nas experiencias da cidadanía, en que os axentes involucrados, pacientes, coidadores, profesionais, xestores, provedores e outros, participan de forma activa, empregando as novas tecnoloxías durante o ciclo asistencial completo para mellorar a calidade, a produtividade e a efectividade da atención e asistencia sanitaria.

Ao mesmo tempo, faise necesario complementar a actividade da Axencia Galega de Innovación, creada mediante Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, incorporando as políticas públicas que en materia de innovación lidere esta axencia.

Atendendo ao indicado anteriormente, a Consellería de Sanidade considera oportuno crear o Consello para a Innovación en Materia Sanitaria, como órgano de carácter permanente e consultivo no cal participarán persoas de relevancia en materia de innovación en saúde e cuxa finalidade será a promoción da innovación na Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde.

Na súa virtude, de conformidade co establecido no artigo 43 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Sanidade, cos informes previos correspondentes e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de xaneiro de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo 1. Creación e ámbito de actuación.

1. Créase o Consello para a Innovación en Materia Sanitaria como un órgano colexiado superior de consulta e asesoramento directamente dependente da persoa titular da Consellería de Sanidade.

2. O seu ámbito de actuación será o da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Finalidade.

O Consello para a Innovación en Materia Sanitaria ten como finalidade o asesoramento e informe aos órganos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde en materia de innovación.

Artigo 3. Funcións.

1. Son funcións do Consello para a Innovación en Materia Sanitaria as seguintes:

a) Emitir informe sobre a Estratexia de innovación en saúde da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.

b) Elaborar e propoñer os criterios de utilización de recursos humanos, económicos e materiais, necesarios para a innovación en saúde.

c) En xeral, emitir informe sobre as propostas de proxectos de innovación en saúde dentro do ámbito do Servizo Galego de Saúde e da Consellería de Sanidade, que impliquen mobilización de recursos humanos, económicos e materiais para o seu desenvolvemento e execución.

d) Analizar e emitir informe sobre as propostas innovadoras na prestación de servizos públicos sanitarios por parte da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, con especial atención á asistencia sanitaria.

e) Emitir informe sobre as propostas de colaboración entre os distintos axentes, internos e externos relacionados coa innovación en saúde, así como a relación con outros entes que realicen actividades afíns.

f) Propoñer o marco dos procedementos de xestión da valorización e transferencia dos resultados dos proxectos de innovación valorados, a través dunha axeitada protección e xestión do coñecemento.

g) Propoñer accións de promoción e dinamización da innovación en saúde.

h) Propoñer a incorporación da estratexia que en materia de innovación, estableza a Axencia Galega de Innovación.

i) Intervir e participar en todos os ámbitos que en xeral estean relacionados con estas funcións.

2. O Consello elaborará e aprobará o seu regulamento de organización e funcionamento interno, sen prexuízo da aplicación supletoria do previsto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 4. Composición.

1. O Consello para a Innovación en Materia Sanitaria estará composto pola Presidencia, Vicepresidencia, Secretaría e ata un máximo de 10 vogais.

2. Os membros do Consello para a Innovación en Materia Sanitaria non percibirán retribucións de ningún tipo.

3. Poderán ser membros do Consello as persoas físicas que non estean inhabilitadas para o exercicio de cargos públicos. Os membros do Consello poderán ser natos ou electos.

4. A súa composición estrutúrase da seguinte maneira:

Membros natos: ocupan a praza en virtude do seu cargo. Son os seguintes:

a) A persoa titular da Consellería de Sanidade será o/a presidente/a do Consello.

b) A persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

c) A persoa titular do órgano da Consellería de Sanidade, do Servizo Galego de Saúde ou dunha entidade adscrita con competencias en materia de innovación.

d) A persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Innovación.

e) A persoa titular da Dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Membros electos:

a) Un máximo de tres propostos pola persoa titular da Consellería de Sanidade.

b) Un máximo de cinco propostos pola persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

5. As persoas titulares da Vicepresidencia e da Secretaría serán designadas pola titular da Presidencia do Consello de entre os seus membros.

6. A Presidencia poderá invitar ás sesións do Consello profesionais especialistas nas materias relacionadas coas súas funcións. Estes acudirán as reunións con voz pero sen voto.

7. En caso de ausencia ou enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, os membros titulares do órgano colexiado serán substituídos por quen designe a persoa titular da Consellería de Sanidade como suplentes. Establecerase o procedemento no regulamento interno de funcionamento.

8. Na composición do Consello para a Innovación en Materia Sanitaria procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

Artigo 5. Funcións da Presidencia.

Serán funcións da Presidencia:

a) Desempeñar a representación do órgano.

b) Dirixir, promover e coordinar as actuacións do consello.

c) Acordar as convocatorias de sesións, tanto ordinarias como extraordinarias, así como a determinación da orde do día.

d) Presidir as sesións e moderar o desenvolvemento dos debates.

e) Dirimir co seu voto os empates para os efectos de adopción de acordos.

f) Visar as actas e certificacións dos acordos do consello.

Artigo 6. Funcións da Vicepresidencia.

A persoa titular da Vicepresidencia do Consello para a Innovación en Materia Sanitaria substituirá a titular da Presidencia nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, e colaborará en todos os asuntos en que sexa requirida a súa participación.

Artigo 7. Os vogais.

1. Os vogais electos do Consello para a Innovación en Materia Sanitaria serán nomeados e cesados pola persoa titular da Consellería de Sanidade.

2. Os vogais natos deixarán de pertencer ao Consello no momento en que cesen no seu cargo. Os vogais electivos serán nomeados por un período de tres anos, renovables por un período igual, sen prexuízo das causas de cesamento ou substitución establecidas no artigo seguinte.

Artigo 8. Causas de cesamento e substitución dos vogais.

1. Serán causas de cesamento e substitución dos vogais:

a) O transcurso do tempo para o cal foron nomeados.

b) Renuncia expresa presentada por escrito ante a Presidencia do Consello.

2. Cando un membro do Consello cese por algunha das causas indicadas anteriormente, procederase á cobertura da vacante da forma establecida no artigo 4.2.

Artigo 9. Funcións da Secretaría.

Á Secretaría correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Asistir ás sesións do Consello con voz e voto.

b) Encargarse da Secretaría do Consello.

c) Efectuar a convocatoria das sesións, seguindo as instrucións da Presidencia, realizar as notificacións aos membros do Consello, e preparar o despacho dos asuntos.

d) Redactar as actas das sesións do Consello e autorizalas co visto e prace da Presidencia.

e) Expedir as certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados polo Consello.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa función de secretario/a.

Artigo 10. Dereitos e obrigas dos membros.

1. Os membros do Consello para a Innovación en Materia Sanitaria terán os seguintes dereitos:

a) Recibir, cunha antelación mínima de corenta e oito horas, a convocatoria que conteña a orde do día das sesións. A información sobre os temas que figuren na orde do día estará á disposición dos membros coa referida antelación.

b) Participar con voz e voto nos debates do consello, e emitir o seu voto.

c) Formular rogos e preguntas.

d) Obter información precisa para o cumprimento das súas funcións.

e) Outras funcións inherentes á súa condición.

2. Son obrigas dos membros do Consello para a Innovación en Materia Sanitaria:

a) Asistir ás sesións para as cales sexan convocados e participar nos seus traballos.

b) Velar polo cumprimento das funcións e obxectivos do Consello.

c) Gardar a debida reserva en relación coa información que se manexe e as actuacións que se acorden no Consello.

Artigo 11. Funcionamento.

1. O Consello para a Innovación en Materia Sanitaria funcionará en pleno, sen prexuízo de que se poida acordar a creación de comisións delegadas para o estudo de temas concretos. No acordo de constitución da comisión, farase constar a composición, funcións e finalidades.

2. O Pleno do Consello para a Innovación en Materia Sanitaria reunirase polo menos unha vez cada seis meses, e en todas aquelas ocasións en que o convoque a Presidencia por propia iniciativa ou por proposta da maioría simple dos seus membros.

3. Para a válida constitución do Pleno en primeira convocatoria requirirase a presenza da persoa titular da Presidencia e da persoa titular da Secretaría ou, de ser o caso, daquelas persoas que as substitúan, e da metade, polo menos, dos seus membros. De non alcanzarse quórum, o Pleno poderá constituírse en segunda convocatoria que quedaría validamente constituída coa asistencia de dúas quintas partes dos seus membros, e deberán estar presentes a persoa titular da Presidencia e a persoa titular da Secretaría ou, se é o caso, as persoas que as substitúan.

4. Non poderán ser obxecto de deliberación nin acordo os asuntos que non figuren na orde do día correspondente á sesión, agás que estean presentes todos os membros do Consello e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

5. Os acordos adoptaranse polo voto favorable da maioría das persoas asistentes. En caso de empate, a persoa titular da Presidencia decidirá co seu voto de calidade.

6. De cada sesión elaborarase a correspondente acta, que será asinada pola persoa titular da Secretaría e contará co visto e prace da persoa titular da Presidencia. Na acta farase constar como mínimo a relación de asistentes; o lugar, a data e a hora da sesión; os asuntos da orde do día; as principais intervencións; os resultados das votacións e os acordos alcanzados. A acta remitirase aos membros do Consello xunto coa convocatoria e a orde do día da seguinte sesión.

Artigo 12. Réxime supletorio.

En todo o non previsto no presente decreto, aplicarase o disposto nos artigos 14 ao 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición adicional primeira. Crédito orzamentario

A constitución e posta en funcionamento do Consello para a Innovación en Materia Sanitaria non xerará aumento dos créditos orzamentarios asignados á Consellería de Sanidade ou ao Servizo Galego de Saúde.

Disposición adicional segunda. Modificación da estrutura orgánica dos servizos centrais da Consellería

Modifícase o artigo 18 do Decreto 310/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, para engadir o Consello para a Innovación en Materia Sanitaria como órgano colexiado adscrito á Consellería de Sanidade.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Consellería de Sanidade para ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de xaneiro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade