Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Mércores, 6 de marzo de 2013 Páx. 6580

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

DECRETO 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar.

A través do Decreto 109/2012, do 22 de marzo, establécese a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar.

Con data do 3 de decembro de 2012 publícase o Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, que, baixo os criterios de eficacia, economía e austeridade que deben inspirar a actuación e organización administrativa, estará integrada por oito departamentos.

Posteriormente, a través do Decreto 235/2012, do 5 de decembro, fíxase a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia e, no seu artigo 7 en relación coa Consellería de Traballo e Benestar, a dita consellería estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección: a Secretaría Xeral Técnica, a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, a Dirección Xeral de Emprego e Formación, a Secretaría Xeral de Política Social, a Dirección Xeral de Familia e Inclusión e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Quedan adscritos a esta consellería: o organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e o Consello Galego de Relacións Laborais, ente institucional de dereito público, consultivo, regulado pola Lei 5/2008, do 23 de maio.

Consonte o anterior e de conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a nova estrutura da Consellería de Traballo e Benestar axústase aos principios de austeridade, eficacia e eficiencia no deseño e funcionamento da Administración pública, co obxectivo de acadar unha mellor adaptación ás necesidades sociais e laborais derivadas do actual escenario económico.

Así, coa supresión das direccións xerais de Relacións Laborais e de Promoción do Emprego e de Formación e Colocación e a creación das direccións xerais de Traballo e Economía Social e de Emprego e Formación, os novos órganos asumen as competencias en materia de políticas activas de emprego, política laboral, relacións laborais e saúde laboral, cooperativas e outras entidades de economía social, formación e colocación.

Na área de Benestar, a nova Dirección Xeral de Familia e Inclusión asume as competencias en materia de familia, infancia, menores e inclusión da Secretaría Xeral de Política Social, así como competencias en materia de inmigración da Secretaría Xeral da Emigración, órgano superior da Presidencia da Xunta de Galicia.

A Secretaría Xeral de Política Social, órgano superior da Consellería, asume as competencias en materia de atención ás persoas maiores, ás persoas con discapacidade e ás persoas dependentes.

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado adapta a súa estrutura ao establecido na Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, coa creación do Instituto de Xuventude de Galicia, con rango de subdirección xeral, e a Escola Galega de Xuventude, como servizo adscrito ao citado instituto.

Polo que se refire á organización dos servizos periféricos, de acordo co disposto no artigo 35 da Lei 16/2010, as xefaturas territoriais previstas neste decreto dependen orgánica e funcionalmente da Consellería, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das súas competencias que asume cada delegación territorial no seu correspondente ámbito territorial. Concretamente, a Consellería de Traballo e Benestar mantén a súa organización en catro xefaturas territoriais na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Na presente disposición, a estrutura periférica adáptase aos cambios organizativos dos servizos centrais. Así mesmo, no ámbito provincial, créase un Servizo de Coordinación de Centros que posibilite unha mellor xestión dos recursos da Consellería.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar, de acordo co artigo 27 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, no exercicio da facultade outorgada no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo da Vicepresidencia e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de febreiro de dous mil trece,

DISPOÑO:

TÍTULO I
Ámbito competencial e organización xeral da Consellería

Artigo 1. Ámbito competencial

A Consellería de Traballo e Benestar é o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal, ademais daquelas competencias e funcións establecidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, lle corresponde, de conformidade co Estatuto de autonomía e coa Constitución, propoñer e executar as directrices xerais do Goberno nos ámbitos laborais e do benestar, que engloban as competencias en materia de políticas activas de emprego, política laboral, relacións laborais e saúde laboral, cooperativas e outras entidades de economía social, formación e colocación, así como as competencias en materia de servizos sociais, incluíndo as políticas de familia, menores, benestar social, inclusión social, servizos comunitarios, inmigración, atención ás persoas discapacitadas e ás persoas maiores, a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e as políticas de xuventude e voluntariado, na forma establecida neste decreto.

Artigo 2. Estrutura da Consellería

Para o exercicio das súas funcións, a Consellería de Traballo e Benestar estrutúrase nos seguintes órganos:

I. O/a conselleiro/a.

II. Secretaría Xeral Técnica.

III. Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

IV. Dirección Xeral de Emprego e Formación.

V. Secretaría Xeral de Política Social.

VI. Dirección Xeral de Familia e Inclusión.

VII. Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

VIII. Xefaturas territoriais.

Artigo 3. Organismos autónomos, entes públicos e órganos colexiados

1. Quedan adscritos a esta consellería os seguintes organismos:

a) O organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

b) O Consello Galego de Relacións Laborais, ente institucional de dereito público regulado pola Lei 5/2008, do 23 de maio.

2. Así mesmo, quedan adscritos a esta consellería os órganos colexiados cuxa normativa reguladora así o determine.

TÍTULO II
Servizos centrais

Artigo 4. O/a conselleiro/a

O/a conselleiro/a é a autoridade superior da Consellería e, con tal carácter, desempeña e exerce as atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

CAPÍTULO I
Da Secretaría Xeral Técnica

Artigo 5. Atribucións

Á Secretaría Xeral Técnica, órgano de dirección da Consellería de Traballo e Benestar, con relación xerárquica directa co/a conselleiro/a, corresponderanlle as seguintes funcións:

a) As establecidas no artigo 29 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, entre elas coordinar, baixo a dirección da persoa titular da Consellería, os programas e actuacións das diferentes direccións xerais e entes do sector público adscritos á Consellería, actuar como órgano de comunicación coas demais consellerías, dirixir e xestionar os servizos comúns da Consellería e velar pola organización, simplificación e racionalización administrativa.

b) Exercer as funcións relativas ao rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais, o réxime de autorizacións, inspección, acreditación e sancionador, de ser o caso, así como a súa coordinación cos demais órganos e coas xefaturas territoriais en aplicación e de conformidade coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia; coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia; coa Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, e demais normas de aplicación, sen prexuízo das encomendadas aos órganos da Xunta de Galicia competentes en materia de avaliación e reforma administrativa.

c) As derivadas da aplicación da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, no ámbito da Consellería.

d) As que lle atribúa a normativa en vigor e as que lle sexan encomendadas por delegación da persoa titular da Consellería.

Artigo 6. Estrutura

1. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Secretaría Xeral Técnica contará cos seguintes órganos:

a) Vicesecretaría Xeral.

b) Subdirección Xeral de Persoal.

c) Subdirección Xeral de Contratación e Control.

d) Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais.

e) Unidade Administrativa de Igualdade.

2. De conformidade co disposto no artigo 29.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, adscríbense organicamente á Secretaría Xeral Técnica, con nivel de subdirección xeral:

a) A Intervención Delegada da Consellería, que dependerá funcionalmente da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

b) A Asesoría Xurídica de Traballo e a Asesoría Xurídica de Benestar, que se rexerán polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia. Dependerán funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e contarán co número de efectivos que se determine na correspondente relación de postos de traballo.

Estas asesorías xurídicas desempeñarán as funcións do artigo 13.2 do mencionado Decreto 343/2003, no seu correspondente ámbito funcional.

Artigo 7. Vicesecretaría Xeral

1. Con nivel orgánico de subdirección xeral, a Vicesecretaría Xeral, como órgano de dirección, exercerá as funcións de coordinación e apoio na dirección e xestión das competencias da Secretaría Xeral Técnica, a execución dos proxectos, obxectivos ou actividades e demais atribucións que lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, así como a súa suplencia en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

2. Directamente, ou a través dos servizos que nela se integran, desenvolverá as seguintes funcións:

2.1. Impulso e coordinación da elaboración do anteproxecto de orzamentos da Consellería.

2.2. Elaboración do orzamento da Secretaría Xeral Técnica.

2.3. Coordinación, control e seguimento da execución dos orzamentos da Consellería.

2.4. Xestión e tramitación de todos aqueles expedientes de xestión do gasto que se tramiten con cargo ao orzamento da Secretaría Xeral Técnica.

2.5. Colaboración, cos distintos servizos, entidades e organismos integrados na Consellería, na implantación de medidas de coordinación e optimización na xestión dos recursos de que dispoña a Consellería con carácter xeral e, especialmente, en materia de execución orzamentaria.

2.6. Estudo das propostas de disposicións normativas que elaboren os distintos órganos da Consellería; a preparación dos expedientes que, logo do paso pola Comisión de Secretarios Xerais Técnicos, se eleven ao Consello da Xunta de Galicia e o traslado dos seus acordos; o estudo dos recursos e reclamacións administrativas e a coordinación das demandas e os recursos contencioso-administrativos cando non lle correspondan a outros órganos.

2.7. A coordinación e xestión dos servizos de carácter xeral, da organización do rexistro xeral, do arquivo, do inventario dos bens, o mantemento de instalacións e vehículos adscritos á Consellería e a tramitación dos actos administrativos referidos ao patrimonio, así como das publicacións e estatísticas.

2.8. O exercicio das funcións que lle correspondan á Consellería en relación coas fundacións declaradas de interese galego.

2.9. Singularmente, encargarase de calquera outro asunto que lle poida ser encomendado pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, no exercicio das súas competencias.

2.10. Elaboración de estudos, informes, instrucións, circulares e de instrumentos similares que se requiran no exercicio das funcións anteriores.

3. Baixo a súa dirección, a Vicesecretaría Xeral disporá, para o desenvolvemento das súas funcións, das seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

3.1. Servizo de Xestión Económica e Control Orzamentario.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A coordinación e impulso da elaboración do anteproxecto de orzamentos da Consellería, elaboración do da Secretaría Xeral Técnica, coordinación, seguimento e control da súa execución.

b) Tramitación dos expedientes de modificación dos créditos consignados no orzamento de gastos da Consellería.

c) O impulso na tramitación económico-administrativa de expedientes de gasto e propostas de pagamento.

d) A planificación, habilitación e seguimento da provisión de créditos para gastos de mantemento dos distintos órganos, unidades administrativas e oficinas que se lle asignen, tanto de servizos centrais como periféricos, baixo a modalidade de pagamentos para xustificar.

e) A proposta do aprovisionamento, mantemento e renovación do equipamento e material funxible non inventariable necesario para o funcionamento da Consellería.

f) O control da seguranza na utilización do programa de xestión contable da Xunta de Galicia (Xumco), así como o mantemento e asesoramento ás persoas usuarias da Consellería no seu funcionamento.

g) A xestión de taxas e de prezos públicos da Consellería e a coordinación con todos os órganos, unidades e centros dependentes.

h) A elaboración das instrucións necesarias para que os centros de gasto efectúen unha correcta xestión orzamentaria, así como a análise da súa execución, de acordo coa normativa vixente.

i) Xestión dos vehículos asignados á Consellería coa tramitación de altas, modificacións, baixas, partes de sinistros, necesidades de inspección técnica de vehículos, control dos sistemas de pagamento automático de autoestradas.

j) Realización de estudos e informes nas materias a que fan referencia as funcións anteriores.

k) Calquera outra función análoga que se lle poida encomendar

3.2. Servizo de Apoio Técnico-Xurídico.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A tramitación dos proxectos de disposicións de carácter xeral emanados dos distintos órganos da Consellería de Traballo e Benestar, así como o estudo das compilacións e da refundición das normas emanadas desta.

b) O estudo, preparación e informe dos asuntos que, logo do paso pola Comisión de Secretarios Xerais Técnicos, se eleven ao Consello da Xunta de Galicia e o traslado dos acordos desta.

c) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións, protocolos de actuación ou calquera outro instrumento que se considere adecuado, cos órganos e unidades da Consellería que desenvolvan funcións xurídico-administrativas.

d) Estudo das propostas de convenios e outros instrumentos bilaterais que elaboren os distintos órganos da Consellería.

e) O estudo, a tramitación e a proposta de resolución das reclamacións e dos recursos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da Consellería cando non estean atribuídos a outros órganos.

f) A elaboración dos correspondentes informes e a coordinación da documentación necesaria en relación coas demandas e recursos interpostos na vía xudicial, agás as que lles correspondan a outros órganos.

g) A coordinación da publicación de toda clase de disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da Consellería e entidades adscritas, se é o caso, que deban ser publicados no Diario Oficial de Galicia.

3.3. Servizo de Coordinación Administrativa.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A tramitación das actuacións necesarias respecto das fundacións de interese galego sobre as que a Consellería exerza o protectorado e as funcións como sección do Rexistro Único de Fundacións de Interese Galego.

b) A coordinación dos actos administrativos referidos á administración, conservación e colaboración na protección e defensa dos bens e dereitos adscritos á Consellería, agás os atribuídos a outros órganos, e apoio na xestión do inventario de bens mobles e o mantemento de instalacións e vehículos adscritos.

c) A coordinación dos requirimentos e peticións formulados á Consellería polos órganos xudiciais, o Defensor do Pobo, o Valedor do Pobo, os/as cidadáns e outros órganos e institucións.

d) O estudo, coordinación e revisión da proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial, cuxa resolución corresponda ao/á conselleiro/a nas materias competencia da Consellería.

e) O apoio na organización do rexistro xeral e na xestión do arquivo de oficina da Consellería.

f) A coordinación das publicacións e as funcións relativas ao plan de publicacións da Consellería, a información, difusión das publicacións, a coordinación das aplicación estatísticas da Consellería.

Artigo 8. Subdirección Xeral de Persoal

1. A Subdirección Xeral de Persoal, como órgano de dirección, exercerá as funcións de xestión de persoal, a coordinación dos asuntos de réxime interno, a coordinación das xefaturas territoriais da Consellería en materia de persoal, o plan de formación da Consellería, a tramitación dos expedientes disciplinarios e das reclamacións e recursos en materia de persoal e outras de contido administrativo que lle atribúa o/a secretario/a xeral técnico/a.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Persoal na área de Traballo.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A ordenación e o control da xestión de todo o persoal da Consellería na área de Traballo, sen prexuízo da competencia doutros órganos e unidades e, en especial, a xestión e administración ordinaria do persoal funcionario e laboral adscrito ás súas dependencias centrais.

b) A formulación das propostas relativas ás relacións de postos de traballo da Consellería na área de Traballo.

c) O mantemento e a actualización da base de datos de persoal funcionario e laboral e a organización, a custodia e o arquivamento dos seus expedientes.

d) A xestión e a tramitación da nómina de persoal adscrito aos servizos centrais da Consellería na área de Traballo.

e) O cumprimento das obrigas en materia de seguridade social e dereitos pasivos na área de Traballo.

f) O estudo, seguimento e control da execución do estado de gastos en materia orzamentaria do capítulo I da Consellería na área de Traballo e a elaboración das propostas de modificación de crédito.

g) O control da asistencia e a puntualidade do persoal dos servizos centrais, así como dos permisos, vacacións e licenzas e de todas as cuestións relativas ao réxime interno de funcionamento da Consellería na área de Traballo.

2.2. Servizo de Persoal na área de Benestar.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A ordenación e o control da xestión de todo o persoal da Consellería na área de Benestar, sen prexuízo da competencia doutros órganos e unidades e, en especial, a xestión e administración ordinaria do persoal funcionario e laboral adscrito ás súas dependencias centrais.

b) A formulación das propostas relativas ás relacións de postos de traballo da Consellería na área de Benestar.

c) O mantemento e a actualización da base de datos de persoal funcionario e laboral e a organización, a custodia e o arquivamento dos seus expedientes.

d) A xestión e a tramitación da nómina de persoal adscrito aos servizos centrais da Consellería na área de Benestar.

e) O cumprimento das obrigas en materia de seguridade social e dereitos pasivos na área de Benestar.

f) O estudo, seguimento e control da execución do estado de gastos en materia orzamentaria do capítulo I da Consellería na área de Benestar e a elaboración das propostas de modificación de crédito.

g) O control da asistencia e a puntualidade do persoal dos servizos centrais, así como dos permisos, vacacións e licenzas e de todas as cuestións relativas ao réxime interno de funcionamento da Consellería na área de Benestar.

2.3. Servizo de Reclamacións e Recursos.

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) O estudo, a tramitación e a proposta de resolución das reclamacións e recursos formulados contra os actos e resolucións ditados pola Consellería en materia de persoal, cando non estean atribuídos a outros órganos.

b) A elaboración dos correspondentes informes e a coordinación da documentación necesaria en relación coas demandas e recursos interpostos na vía xudicial en materia de persoal.

c) O estudo, a coordinación e a proposta de resolución dos expedientes disciplinarios cuxa resolución corresponda ao/á conselleiro/a ou ao Consello da Xunta de Galicia con respecto ao persoal dependente desta consellería.

d) A execución de sentenzas en materia de persoal funcionario e laboral dependentes da Consellería.

Artigo 9. Subdirección Xeral de Contratación e Control

1. Á Subdirección Xeral de Contratación, como órgano de dirección, corresponderalle a elaboración do plan de necesidades en materia de obras, equipamentos e contratacións centralizadas, así como a planificación e o desenvolvemento da súa execución tanto no referido a fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia como a fondos Feder; a xestión e tramitación de todos aqueles expedientes de contratación que lle asigne a Secretaría Xeral Técnica para unha óptima racionalización de recursos e a coordinación e o seguimento da execución dos investimentos, xunto coas xefaturas territoriais e outros órganos e centros dependentes da Consellería.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, cos seguintes órganos de apoio:

2.1. Servizo de Obras.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa da Consellería, cando se trate de obras, equipamentos, servizos relacionados coas obras ou calquera outra figura contractual, que non estean expresamente atribuídos a outros órganos.

b) A programación da execución de fondos Feder do capítulo VI destinado a investimentos nos centros dependentes da Consellería e a súa xestión.

c) A xestión ante as entidades, órganos ou organismos públicos correspondentes das autorizacións sectoriais preceptivas e das licenzas necesarias para a execución dos expedientes de obras que sexan da súa competencia.

d) A coordinación dos contratos administrativos que se tramiten nas xefaturas territoriais en materia de obras e servizos relacionados con elas, así como equipamentos.

e) O apoio á Subdirección na planificación de investimentos en materia de obras e equipamentos.

2.2. Servizo de Contratación Administrativa.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A tramitación dos expedientes de contratación de servizos e de contratación centralizada non atribuídos expresamente a outros órganos da Consellería.

b) O apoio á Subdirección Xeral na planificación, impulso e coordinación das necesidades en materia de contratación dos distintos centros dependentes da Consellería e das xefaturas territoriais.

c) A coordinación e elaboración de instrucións e fixación de criterios en materia de contratación.

2.3. Servizo de Control Económico Contractual.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A execución e seguimento das contratacións centralizadas que se tramiten na Secretaría Xeral Técnica.

b) O control económico e coordinación coas xefaturas territoriais da contratación centralizada e daqueloutras que asuman as propias xefaturas territoriais.

c) O impulso e desenvolvemento de ferramentas de xestión na área de contratación para o uso xeral e compartido e, en xeral, aqueloutras funcións que dentro do seu ámbito lle sexan asignadas.

2.4. Servizo de Supervisión de Proxectos.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) O desenvolvemento das funcións das oficinas de supervisión dos proxectos a que fai referencia a normativa vixente respecto das obras que realice a Consellería; o seguimento das obras que realice a Consellería e das correspondentes aos convenios de investimento coas entidades locais.

b) A supervisión, dirección e control dos proxectos de obras en que participe a Consellería e da súa execución material, de acordo co establecido na normativa técnica vixente e, en especial, a relativa á aplicación de criterios de sustentabilidade e adecuación ao medio.

c) A elaboración de informes técnicos exixidos pola normativa relativos á autorización de centros de servizos sociais.

d) A participación, o asesoramento e a elaboración de informes en materia de accesibilidade.

Artigo 10. Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais

1. Corresponderanlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) A tramitación e proposta de resolución dos expedientes relativos ao Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, a tramitación e proposta de resolución dos procedementos de autorización en materia de servizos sociais e a tramitación e proposta de resolución dos procedementos de acreditación en materia de servizos sociais.

b) Coordinar o control e inspección dos servizos, os centros e os programas de servizos sociais que se desenvolvan no territorio da Comunidade Autónoma, sen prexuízo das funcións encomendadas ao órgano da Xunta de Galicia competente en materia de avaliación e reforma administrativa.

c) Elaborar o plan de inspección anual das entidades, servizos, programas e centros de servizos sociais.

d) A proposta de adopción de medidas cautelares e de incoación de expedientes sancionadores en relación coas entidades prestadoras de servizos sociais en aplicación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia; da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, e da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

e) Verificar o nivel de calidade dos servizos sociais que se presten no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e formular propostas de mellora na súa calidade.

f) Emitir informes sobre o destino e a adecuada utilización das subvencións e axudas públicas percibidas por persoas físicas ou xurídicas en materia de servizos sociais, así como de calquera outra axuda económica articulada a través dos instrumentos establecidos na normativa vixente, sen prexuízo das funcións que lles correspondan aos outros órganos en virtude da normativa específica.

g) Investigar e contestar queixas e reclamacións que presenten as persoas usuarias, no ámbito das funcións de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

h) Colaborar cos órganos da Consellería na elaboración e revisión de normas relativas ás materias relacionadas coas funcións da Subdirección.

i) Todas aquelas funcións que lle sexan atribuídas pola normativa vixente na materia.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Inspección de Familia e Menores.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das funcións atribuídas á Subdirección Xeral no ámbito das entidades, servizos, centros e programas dirixidos a menores, familia e infancia.

2.2. Servizo de Inspección de Maiores, Discapacidade e Dependencia.

Corresponderalle a este servizo o desenvolvemento das funcións atribuídas á Subdirección Xeral no ámbito das entidades, servizos, centros e programas dirixidos a maiores, persoas con discapacidade e a persoas con dependencia.

2.3. Servizo de Inspección de Servizos Comunitarios e Inclusión Social.

Corresponderalle a este servizo o desenvolvemento das funcións atribuídas á Subdirección Xeral no ámbito das entidades, servizos, centros e programas destinados á igualdade e os dirixidos á comunidade e ás persoas en risco de exclusión social.

Artigo 11. Unidade Administrativa de Igualdade

A Unidade Administrativa de Igualdade, con dependencia directa do/a secretario/a xeral técnico/a e categoría de servizo, é o órgano de apoio que integrará a dimensión de xénero no ámbito das competencias atribuídas á Consellería e estará coordinada co órgano da Administración autonómica competente en materia de igualdade. Desenvolverá as funcións recollidas no artigo 8 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

CAPÍTULO II
Da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social

Artigo 12. Competencias

1. Corresponderanlle á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) A dirección, coordinación, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia laboral, seguridade e saúde laboral, responsabilidade social empresarial, cooperativas e outras entidades de economía social, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos da Xunta de Galicia.

b) Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral, no ámbito das competencias desta, o coñecemento e a resolución dos recursos de alzada interpostos contra as resolucións ditadas nos procedementos tramitados para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos e por obstrución do labor inspector, polos órganos territoriais, de conformidade co Decreto 70/2008, do 27 de marzo, sobre distribución de competencias entre os órganos da Administración autonómica galega para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos e por obstrución do labor inspector.

c) A dirección, coordinación, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma atribuídas á Consellería en materia de fomento do emprego, apoio ao autoemprego e á integración laboral das persoas con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade e das que lle atribúan as normas de desenvolvemento en Galicia do Estatuto do traballo autónomo.

d) A participación na elaboración e deseño da Estratexia española de emprego e dos correspondentes plans anuais de política de emprego, así como a formulación de propostas de inclusión de medidas e programas concretos neles, sen prexuízo das competencias que lle correspondan á Dirección Xeral de Emprego e Formación.

e) A coordinación da xestión e supervisión do funcionamento dos centros, tanto propios como dependentes doutras entidades, así como a prestación da asistencia técnica necesaria para o correcto desenvolvemento das súas actividades, sen prexuízo das competencias atribuídas á Secretaría Xeral Técnica.

f) O exercicio das competencias atribuídas pola normativa reguladora dos órganos colexiados de asesoramento e participación en materia de emprego e de persoas traballadoras autónomas.

g) Así mesmo, correspóndelle a elaboración do anteproxecto do orzamento e a memoria de funcionamento do seu centro directivo, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social conta coas seguintes órganos:

a) Subdirección Xeral de Traballo.

b) Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social.

c) Subdirección Xeral de Fomento da Contratación e o Traballo Autónomo.

d) Servizo de Seguridade e Saúde Laboral.

Artigo 13. Subdirección Xeral de Traballo

1. Corresponderanlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) A promoción, coordinación, desenvolvemento, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia laboral, responsabilidade social empresarial, así como a modulación das relacións cos axentes económicos e sociais.

b) A elaboración do estudo do anteproxecto do orzamento correspondente ao seu programa de gasto, así como á súa xestión, seguimento e avaliación e a elaboración de estatísticas nas materias da súa competencia.

c) A coordinación dos rexistros administrativos de eleccións sindicais, de asociacións empresariais e sindicais, de convenios colectivos (Rexcon) e de empresas acreditadas para intervir no proceso de contratación no sector da construción (REA).

d) A coordinación coas xefaturas territoriais na tramitación dos expedientes e procedementos competencia da Subdirección Xeral.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio, co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Relacións Laborais.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A tramitación e instrución dos expedientes de procedementos de despedimento colectivo, suspensión de contratos de traballo e redución temporal de emprego e daqueloutros sobre relacións individuais ou colectivas atribuídas á Administración laboral.

b) A xestión e tramitación das axudas e subvencións competencia da Subdirección.

c) A tramitación e instrución do depósito, rexistro e publicación de convenios e acordos colectivos de traballo, adhesión e instrución dos procedementos de extensión de convenios colectivos.

d) A tramitación e instrución do depósito de estatutos dos sindicatos e das asociacións empresariais e a expedición de certificación de documentación en depósito.

e) Coordinación e tramitación das funcións correspondentes aos procesos de eleccións sindicais.

f) A recepción, o seguimento e a coordinación das declaracións de folgas e peches patronais, así como a xestión e instrución dos procedementos e o desenvolvemento das funcións de mediación, arbitraxe e conciliación.

g) A tramitación das autorizacións administrativas e o rexistro das empresas de traballo temporal.

h) A preparación de ditames, normativa, estatísticas e demais informes na área de traballo e relacións laborais.

i) Desenvolvemento de actuacións en materia de responsabilidade social empresarial.

j) As funcións da xestión do Rexistro de Empresas Acreditadas no Sector da Construción (REA).

k) Tramitación das comunicacións de desprazamentos transnacionais de traballadores/as.

l) Todos aqueles asuntos ou materias que, pola súa natureza análoga, lle sexan encomendados.

2.2. Servizo de Informes, Sancións e Recursos.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A ordenación e instrución dos expedientes sancionadores na orde social, segundo o ámbito competencial establecido pola normativa reguladora da distribución de competencias entre órganos da Administración autonómica galega, para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos e por obstrución do labor inspector.

b) A tramitación dos recursos de alzada en materia de sancións por infraccións na orde social no ámbito competencial da Consellería de Traballo e Benestar, segundo o establecido no Decreto 70/2008, do 27 de marzo.

c) Seguimento das sancións impostas ata o seu pagamento efectivo.

d) Coordinación coa Inspección de Traballo e Seguridade Social para a elaboración e resolución dos expedientes sancionadores e a unificación de criterios.

e) Coordinación cos gabinetes xurídicos para a mellora do procedemento sancionador.

f) Coordinación coa xurisdición competente respecto dos procedementos sancionadores.

g) Coordinación coa Administración da Seguridade Social nos procedementos con recarga de prestacións.

h) Mantemento do Rexistro de Sancións.

i) Proposta de disposicións e elaboración de informes en materia laboral.

j) Todos aqueles asuntos ou materias que pola súa natureza análoga lle sexan encomendados.

Artigo 14. Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social

1. Á Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social, como órgano de dirección, corresponderalle a promoción, coordinación, desenvolvemento, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia de cooperativas e outras entidades de economía social, así como as relacións coas súas organizacións representativas, sen prexuízo das competencias doutras consellerías en materia de cooperativas.

Correspóndelle, ademais, a elaboración do estudo do anteproxecto de orzamentos anual correspondente ao seu programa de gasto, a súa xestión, seguimento e avaliación, así como a elaboración de estatísticas nas materias da súa competencia.

Desenvolverá as funcións de apoio e impulso do funcionamento do Consello Galego de Cooperativas, órgano consultivo e asesor en materia de cooperativas, creado pola Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia.

Promoverá a coordinación de accións conxuntas e a colaboración en rede de institucións, organizacións e entidades no marco da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, creada polo Decreto 225/2012, do 15 de novembro.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará co Servizo de Cooperativas e Economía Social, órgano de apoio co nivel orgánico de servizo, ao cal lle corresponderá o exercicio das seguintes funcións:

a) A cualificación, inscrición e certificación dos actos que deben acceder ao Rexistro Central de Cooperativas e os depósitos relativos ás asociacións de cooperativas.

b) A tramitación de expedientes sancionadores por infracción da normativa cooperativa, así como de procedementos de descualificación de cooperativas.

c) A cualificación e a inscrición no Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais e de Centros Especiais de Emprego, así como a expedición de certificacións.

d) Información e asesoramento en materia de cooperativas e de empresas de economía social, elaboración de estatísticas e estudos, así como o impulso das relacións intercooperativas.

e) A coordinación dos rexistros provinciais de cooperativas.

f) Planificación, xestión e control das axudas a cooperativas, sociedades laborais e ás súas asociacións.

g) Execución dos programas de promoción e divulgación do cooperativismo e doutras formas de economía social, así como os de fomento do emprego nas empresas e nas entidades de economía social.

h) O desenvolvemento e a xestión daqueloutras funcións atribuídas á autoridade laboral na normativa de cooperativas e sociedades laborais.

i) Todos aqueles asuntos ou materias que pola súa natureza análoga lle sexan encomendados.

Artigo 15. Subdirección Xeral de Fomento da Contratación e do Traballo Autónomo

1. A Subdirección Xeral de Fomento da Contratación e do Traballo Autónomo, como órgano de dirección, levará a cabo as funcións de programación, coordinación, execución, elaboración de estatísticas, seguimento, control e avaliación dos programas de fomento do emprego correspondentes aos incentivos á contratación por conta allea, ao apoio ao traballo autónomo, ás iniciativas empresariais xeradoras de emprego e aos programas dirixidos á integración laboral das persoas con discapacidade, así como ás accións correspondentes ao seu ámbito competencial recollidas nos plans de emprego.

Exercerá as competencias da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social sobre os rexistros administrativos das iniciativas locais de emprego (ILE), das iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), o rexistro das asociacións profesionais de persoas traballadoras autónomas da Comunidade Autónoma de Galicia e o rexistro das empresas de inserción laboral (EIL).

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Fomento da Contratación por Conta Allea.

A este servizo correspóndelle a xestión dos programas de fomento da contratación por conta allea e de todas as actuacións da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para a mellora do emprego estable. Será o responsable do Rexistro Administrativo das Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica, así como da xestión dos programas de apoio ás IEBT. No seu ámbito competencial exercerá os labores de información, asesoramento, difusión, coordinación, execución, elaboración de estatísticas, seguimento, control e avaliación, así como a execución e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

2.2. Servizo do Traballo Autónomo e Apoio ás Persoas Emprendedoras.

A este servizo correspóndelle a xestión dos programas e accións de apoio ás persoas emprendedoras e á iniciativa empresarial, e daqueloutros que se lle asignen dentro da súa área funcional. No seu ámbito competencial exercerá os labores de información, asesoramento, difusión, coordinación, execución, elaboración de estatísticas, seguimento, control e avaliación, así como a execución e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

Será o responsable do Rexistro Administrativo das Iniciativas Locais de Emprego.

Correspóndenlle, así mesmo, as funcións propias da xestión do Rexistro de Asociacións Profesionais de Persoas Traballadoras Autónomas da Comunidade Autónoma de Galicia e aqueloutras que as normas de desenvolvemento en Galicia da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, atribúan á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, e aqueloutras que se lle asignen dentro da súa área funcional.

2.3. Servizo de Integración Laboral das Persoas con Discapacidade e Empresas de Inserción.

A este servizo correspóndelle a xestión dos programas de fomento da integración laboral das persoas con discapacidade.

Levará a cabo as funcións inherentes á xestión administrativa do Rexistro de Empresas de Inserción Laboral, creado polo Decreto 156/2007, do 19 de xullo, e á xestión dos programas de apoio ás empresas de inserción laboral, así como os labores de información, asesoramento, difusión, coordinación, execución, elaboración de estatísticas, seguimento, control, avaliación e xustificación contable das partidas orzamentarias correspondentes.

Artigo 16. Servizo de Seguridade e Saúde Laboral

Ao Servizo de Seguridade e Saúde Laboral, órgano de apoio co nivel orgánico de servizo baixo a dependencia directa do/a director/a xeral, corresponderalle o exercicio das seguintes funcións:

a) A promoción, coordinación e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia de prevención de riscos laborais, así como o establecemento de vías de colaboración e cooperación técnica e institucional con organismos e institucións con competencias na materia, sen prexuízo das competencias que a lexislación vixente lle atribúe ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e á consellería competente no referente a traballos en minas, canteiras e túneles que exixan a aplicación da técnica mineira.

b) A elaboración do estudo do anteproxecto do orzamento correspondente ao seu programa de gasto, así como a súa xestión, execución, seguimento e avaliación.

c) A tramitación, inscrición e seguimento das autorizacións a entidades formativas para impartir formación en materia de prevención de riscos laborais, de acordo coa normativa vixente en cada momento.

d) A tramitación, inscrición e seguimento das autorizacións dos servizos de prevención alleos e auditorías de prevención.

e) A tramitación, xestión e seguimento dos programas de axudas a entidades para a mellora das condicións de seguranza e saúde laboral.

f) Todos aqueles asuntos ou materias que pola súa natureza análoga lle sexan encomendados.

CAPÍTULO III
Da Dirección Xeral de Emprego e Formación

Artigo 17. Competencias

1. Corresponderanlle a esta dirección xeral, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) A participación na elaboración e deseño da Estratexia española de emprego e dos correspondentes plans anuais de política de emprego, así como a formulación de propostas de inclusión de medidas e programas concretos neles, sen prexuízo das competencias que lle correspondan á Dirección Xeral de Traballo e de Economía Social.

b) A programación, o seguimento, o control e, se é o caso, a xestión dos programas mixtos de formación e emprego.

c) A dirección e xestión das funcións atribuídas á Consellería en materia de fomento da colaboración coas administracións e institucións públicas e con entidades sen ánimo de lucro.

d) A dirección e xestión das funcións atribuídas á Consellería en materia de formación para o emprego, cualificacións profesionais e intermediación no mercado de traballo, colocación e orientación laboral, así como a estatística, a análise e a prospectiva do mercado de traballo.

e) As funcións de execución relativas ao cumprimento das obrigas de empresarios/as e traballadores/as e, se é o caso, a potestade sancionadora nas materias relativas ao emprego e desemprego.

f) As que lle correspondan a esta consellería en materia de expedición de certificados de profesionalidade ou da acreditación parcial acumulable correspondente.

g) A resolución dos procedementos de inscrición e acreditación ou, de ser o caso, de baixa no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido na súa normativa reguladora, así como a autorización dos centros previstos no Real decreto 795/2010, do 16 de xuño, polo que se regula a comercialización e manipulación de gases fluorados, así como a certificación dos profesionais que os utilizan, sen prexuízo das competencias doutros órganos directivos.

h) A coordinación da xestión e supervisión do funcionamento dos centros, tanto propios como dependentes doutras entidades, así como a prestación da asistencia técnica necesaria para o correcto desenvolvemento das súas actividades, sen prexuízo das competencias atribuídas á Secretaría Xeral Técnica.

i) O exercicio das competencias atribuídas pola normativa reguladora dos órganos colexiados de asesoramento e participación en materia competencia da Dirección Xeral.

j) A elaboración do anteproxecto do orzamento e a memoria de funcionamento do seu centro directivo, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.

k) Expedición e rexistro das habilitacións profesionais, sen prexuízo das competencias doutros órganos directivos.

l) O exercicio das competencias previstas no Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual, sen prexuízo das que lle corresponden a outras administracións competentes.

m) Desenvolvemento da normativa que contribúa á ordenación e regulación dun sistema de formación profesional que responda ás necesidades de formación e cualificación das persoas co fin de promover a aprendizaxe ao longo da vida.

n) A xestión e execución do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral e vías non formais de formación.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Emprego e Formación contará cos seguintes órganos:

a) Subdirección Xeral de Emprego.

b) Subdirección Xeral de Formación para o Emprego.

c) Subdirección Xeral das Cualificacións.

d) Centro de Novas Tecnoloxías.

e) Servizo de Verificación de Fondos.

Artigo 18. Subdirección Xeral de Emprego

1. A Subdirección Xeral de Emprego, como órgano de dirección, levará a cabo as funcións de programación, coordinación, execución, seguimento, propostas e avaliación, control e, se é o caso, a xestión dos programas mixtos de formación e emprego, dos de promoción do emprego no ámbito local, así como as funcións de intermediación no mercado de traballo e, en concreto, as relativas á inserción e rexistro das persoas demandantes de emprego e das ofertas de traballo, rexistro de contratos, autorización de axencias de colocación e Rede Eures (European Employment Services), e daqueloutros programas de cooperación competencia da Dirección Xeral.

Así mesmo, corresponderalle a xestión dos programas de orientación laboral e os de apoio e asistencia na busca de emprego.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Programas Mixtos.

A este servizo corresponderanlle:

a) A xestión técnica e a coordinación dos programas mixtos de formación e emprego e daqueloutras accións, medidas e tarefas competencia da Subdirección Xeral que se lle puidesen encomendar.

b) A elaboración de estatísticas relativas a eles e a execución, control e avaliación, seguimento contable e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

2.2. Servizo de Programas de Cooperación.

A este servizo corresponderanlle:

a) A xestión técnica e coordinación dos programas de promoción do emprego no ámbito local e daqueloutras accións e programas de cooperación competencia da Subdirección Xeral.

b) A elaboración de estatísticas relativas aos programas e medidas da súa competencia e a execución, seguimento contable e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

2.3. Servizo de Orientación Laboral.

A este servizo corresponderanlle:

a) A xestión dos programas de axuda á busca de emprego, de mellora da empregabilidade ou de reciclaxe profesional, así como os relativos á información profesional e á orientación laboral.

b) A coordinación e o soporte técnico da actividade das oficinas de emprego en materia de políticas activas de emprego, impartindo as instrucións precisas para a mellora da calidade dos servizos e procurando unha atención adecuada ás persoas usuarias do servizos públicos de emprego.

2.4. Servizo de Prospección e Estudos.

A este servizo corresponderanlle:

a) A xestión técnica e coordinación do sistema de información propio da Comunidade Autónoma e a súa integración co Sistema nacional de emprego.

b) A elaboración de estatísticas, análises e informes sobre os datos extraídos do dito sistema e o funcionamento do emprego e o mercado laboral en Galicia.

c) A xestión e coordinación dos programas de intermediación laboral.

Artigo 19. Subdirección Xeral de Formación para o Emprego

1. A Subdirección Xeral de Formación para o Emprego, como órgano de dirección, levará a cabo as funcións de planificación, programación, seguimento e avaliación das accións de formación para o emprego, o mantemento do Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia e a xestión administrativa dos programas de formación dirixida ás persoas traballadoras desempregadas e ocupadas.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Planificación de Formación para o Emprego.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A xestión técnica da planificación, programación, avaliación e seguimento das accións de formación para o emprego.

b) O exercicio das funcións que, en relación ao Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, lle correspondan á Dirección Xeral segundo a normativa reguladora de aplicación.

c) A programación das accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas e ocupadas, coordinando as súas actuacións de seguimento e avaliación e a coordinación da programación das accións formativas dos centros propios dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

d) A xestión da tramitación dos procedementos de contratación dos centros propios de formación dependentes da Consellería.

e) A coordinación das distintas ferramentas de xestión da formación para o emprego.

f) A organización, inspección e xestión da rede de centros integrados de titularidade da Consellería de Traballo e Benestar.

g) A tramitación das autorizacións dos centros previstos no artigo 8.2 do Real decreto 795/2010, do 16 de xuño, polo que se regula a comercialización e manipulación de gases fluorados, así como a certificación dos profesionais que os utilizan.

2.2. Servizo de Xestión Administrativa de Formación para o Emprego.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A xestión administrativa dos programas de formación para o emprego, a execución orzamentaria, o seguimento contable e a xustificación, así como a elaboración das diferentes estatísticas de formación para o emprego.

b) Xestionar os procedementos de xustificación e liquidación das accións formativas e os pagamentos para xustificar dos centros propios dependentes da Consellería.

c) A xestión dos procedementos de xustificación do Fondo Social Europeo e dos proxectos europeos de formación e a coordinación das accións de auditoría en materia de formación.

Artigo 20. Subdirección Xeral das Cualificacións

1. A Subdirección Xeral das Cualificacións, como órgano de dirección, desenvolverá as funcións normativas e de xestión necesarias para garantir a implantación efectiva do Sistema nacional de cualificacións en Galicia, así como dos procesos de estudo das cualificacións, tanto para a súa determinación como para o seu seguimento, establecendo os sistemas de interrelación e cooperación cos organismos, órganos e axentes sociais implicados no mundo produtivo e formativo; coordinación cos distintos órganos e organismos competentes en materia de formación profesional, co fin de promover a integración efectiva dos subsistemas de formación profesional e entre estes e o mundo sociolaboral que lles serve de marco de referencia.

Asumirá as funcións recollidas no Decreto 93/1999, do 8 de abril, polo que se crea o Instituto Galego das Cualificacións, e corresponderalle a xestión e rexistro do procedemento de avaliación e acreditación das competencias profesionais na Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, dará apoio ao Consello Galego de Formación Profesional nas materias e actividades relacionadas co Sistema nacional de cualificacións.

Correspóndelle a xestión do procedemento de avaliación de competencias clave para o acceso aos cursos de certificados de profesionalidade niveis 2 e 3.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Observatorio Ocupacional.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A análise permanente da situación laboral dos distintos colectivos de traballadores/as na nosa comunidade autónoma e das necesidades da súa cualificación, de xeito que sirvan de marco de referencia para poder orientar as políticas activas de emprego, así como dispor de ferramentas analíticas que sirvan para a elaboración e articulación das ofertas formativas dos subsistemas de formación profesional e para a súa actualización permanente e, en particular, que sirvan para adaptar a programación da formación para persoas desempregadas ás necesidades formativas detectadas no mercado de traballo galego.

b) Análise cualitativa e seguimento sobre as estruturas ocupacionais, profesionais e perfís profesionais asociados ás cualificacións profesionais.

c) Dispor de ferramentas en calquera formato que compilen e difundan a información técnica das variables máis significativas do eido laboral galego, atendendo a criterios de transparencia, innovación tecnolóxica e interactividade social.

d) Diagnose e estudo para implantar novas estratexias nas cualificacións e na formación profesional dos múltiples procesos dinámicos do contexto formativo e laboral.

e) Realización de estudos sobre a inserción laboral resultante das accións formativas da formación profesional para o emprego.

2.2. Servizo de Deseño e Acreditación das Cualificacións.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A participación na confección do Catálogo nacional das cualificacións, así como na súa actualización permanente; elaborará propostas para o catálogo de cualificacións profesionais de acordo cos resultados dos estudos realizados no tecido empresarial galego e participará na determinación de criterios para definir os requisitos e as características que deben reunir as cualificacións profesionais para seren incorporadas ao Sistema nacional das cualificacións profesionais.

b) A participación na elaboración do Repertorio nacional de certificados de profesionalidade, así como na súa actualización permanente.

c) Coordinación, xestión e desenvolvemento do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais nas diferentes cualificacións profesionais que compoñen o Catálogo nacional das cualificacións profesionais.

d) A expedición e rexistro dos certificados de profesionalidade.

e) Expedición e rexistro das unidades de competencia das cualificacións profesionais do Catálogo nacional de cualificacións profesionais.

f) A realización das tarefas necesarias para o establecemento dun marco de referencia da programación xeral de todos os subsistemas de formación profesional e apoiará a tarefa normativa e de regulamentación realizada polos órganos competentes da Comunidade Autónoma.

g) Expedición e rexistro de certificacións persoais para a comercialización e manipulación de gases fluorados e equipamentos baseados neles de acordo coa distribución de competencias recollidas no Decreto 100/2011, do 19 de maio, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Artigo 21. Centro de Novas Tecnoloxías

O Centro de Novas Tecnoloxías, órgano de apoio co nivel orgánico de servizo baixo a dependencia do/a director/a xeral, ten como obxectivo e competencia a impartición de formación profesional para o emprego dirixida aos/ás profesionais do sector das novas tecnoloxías e a sociedade da información.

Correspóndelle ao centro a realización de actividades formativas e cursos técnicos especializados destinados aos/ás profesionais do sector das TIC, a detección de tendencias tecnolóxicas que permitan ofertar actividades formativas actualizadas e adaptadas ás innovacións tecnolóxicas e ás necesidades e demanda do mercado, e a organización e o apoio loxístico para a realización de actividades, foros, seminarios e xornadas que supoñan transferencia de coñecemento para os/as profesionais do sector.

Artigo 22. Servizo de Verificación de Fondos

Ao Servizo de Verificación de Fondos, órgano de apoio con nivel orgánico de servizo, baixo a dependencia directa do/a director/a xeral, corresponderanlle as seguintes funcións:

a) A planificación, coordinación e verificación do cumprimento da normativa comunitaria, estatal e autonómica, con posterioridade á súa execución, dos programas de axudas e subvencións en materia de programas de emprego e de formación profesional para o emprego e, en xeral, para todas as medidas de políticas activas de emprego xestionados na Consellería de Traballo e Benestar.

b) A elaboración anual dos plans de verificación e control posteriores ao pagamento das axudas concedidas e a coordinación das auditorías e as actuacións de verificación e control realizadas dentro destes plans anuais, en materia de políticas activas de emprego tanto en servizos centrais como nas xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, co fin de determinar os resultados das verificacións realizadas e os importes elixibles para a súa certificación ao Fondo Social Europeo, sen prexuízo das competencias de seguimento e control que, no procedemento de tramitación, concesión e pagamento dos incentivos, correspondan aos órganos concedentes.

c) A formación teórica e práctica do persoal encargado da realización destas funcións de verificación e control posteriores, así como para a realización das visitas in situ, tanto en servizos centrais como nas xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, co obxecto de dar cumprimento aos requirimentos establecidos na normativa estatal e comunitaria que resulte de aplicación.

d) O seguimento e a coordinación dos asuntos que se traten no Grupo Interconferencias Sectoriais de Preparación do Consello de Ministros da Unión Europea de Política Social, Sanidade e Consumidores, do cal forma parte a Consellería de Traballo e Benestar, así como o estudo e a compilación da normativa comunitaria existente en materia de emprego e a busca daqueles proxectos existentes en materia de cooperación territorial europea nos cales a Consellería puidese participar.

CAPÍTULO IV
Da Secretaría Xeral de Política Social

Artigo 23. Competencias

1. Á Secretaría Xeral de Política Social, órgano superior da Consellería de Traballo e Benestar, corresponderanlle as seguintes funcións:

a) Dirixir, controlar, exercer e supervisar o conxunto das políticas da Consellería de Traballo e Benestar en materia de benestar destinadas á atención das persoas maiores, ás persoas con discapacidade e persoas dependentes en aplicación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

b) Planificar, coordinar, avaliar e xestionar as políticas da Xunta de Galicia en materia de benestar social.

c) Planificación das políticas da Consellería nas materias de innovación tecnolóxica e investigación e innovación na xestión dos programas e servizos sociais, así como a iniciativa da proposta normativa nesta materia.

d) A coordinación das iniciativas de I+D+i no ámbito das TIC sociais e a supervisión da/s plataforma/s tecnolóxica/s que dean soporte a estas actividades dentro do sistema de servizos sociais, sen prexuízo das que lle correspondan a outros órganos.

e) A xestión e coordinación do funcionamento dos órganos colexiados de asesoramento e participación en materia de benestar social, nas competencias asumidas pola Secretaría Xeral.

f) O exercicio da potestade sancionadora no ámbito das súas competencias, de conformidade coa normativa de aplicación.

g) A elaboración do anteproxecto do orzamento e da memoria de funcionamento correspondente ao órgano, así como a súa xestión, seguimento e avaliación e a elaboración de estatísticas nas materias da súa competencia.

h) Resolver os recursos interpostos contra as resolucións dos órganos directivos que dependan directamente dela cando non poñan fin á vía administrativa e resolver os conflitos de atribucións suscitados entre os ditos órganos.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Secretaría Xeral de Política Social conta cos seguintes órganos:

a) Subdirección Xeral de Recursos Económicos.

b) Subdirección Xeral de Planificación e Innovación.

c) Subdirección Xeral de Dependencia e Valoración da Discapacidade.

d) Subdirección Xeral de Recursos Residenciais e de Atención Diúrna.

e) Subdirección Xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia.

Artigo 24. Subdirección Xeral de Recursos Económicos

1. Á Subdirección Xeral de Recursos Económicos, como órgano de dirección, corresponderalle a coordinación e xestión dos procedementos de disposición de recursos de natureza económica competencia da Secretaría Xeral de Política Social, sen prexuízo das que lle correspondan á Secretaria Xeral Técnica, e concretamente:

a) A preparación do anteproxecto do orzamento e a memoria de funcionamento da Secretaría Xeral de Política Social, con base nas propostas de gastos elaboradas polos distintos órganos e unidades da dita secretaría xeral, así como o control e seguimento da súa xestión e execución.

b) A preparación de propostas normativas relativas a taxas, prezos públicos e demais ingresos en relación con actividades ou servizos competencia da Secretaría Xeral de Política Social, así como o seguimento da xestión e recadación dos existentes, sen prexuízo das competencias que lle correspondan á consellería competente en materia de facenda.

c) A coordinación da xestión económica e da contratación administrativa competencia da Secretaría Xeral de Política Social, sen prexuízo da que lle corresponda á Secretaria Xeral Técnica.

d) A xestión e control de fondos finalistas, así como a elaboración das propostas necesarias para a tramitación dos expedientes correspondentes ás súas modificacións.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará co Servizo de Xestión e Coordinación Administrativa, órgano de apoio co nivel orgánico de servizo, ao cal lle corresponderá o exercicio das seguintes funcións:

a) A coordinación da contratación administrativa para os programas e actividades xestionados pola Secretaría Xeral de Política Social.

b) A coordinación da xestión económica dos restantes programas e actividades xestionados pola Secretaría Xeral de Política Social.

c) O apoio á Subdirección na planificación do orzamento e na elaboración da memoria de funcionamento da Secretaría Xeral de Política Social.

d) A coordinación da xestión económica dos centros propios competencia da Secretaría Xeral de Política Social, sen prexuízo das que correspondan a outros órganos da Consellería.

Artigo 25. Subdirección Xeral de Planificación e Innovación

1. Á Subdirección Xeral de Planificación e Innovación Social, como órgano de dirección, corresponderalle a coordinación e xestión das iniciativas de I+D+i e de calidade e a planificación no ámbito das competencias da Secretaría Xeral de Política Social, sen prexuízo das que lle correspondan a outros órganos, e concretamente:

a) A planificación e a elaboración das propostas normativas en desenvolvemento da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, de cara á reordenación competencial das administracións competentes en coordinación cos demais órganos con competencias na materia.

b) O desenvolvemento de sistemas de avaliación de tecnoloxías e programas de servizos sociais.

c) A planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias e funcións da Secretaría Xeral de Política Social nas materias de innovación tecnolóxica e investigación e innovación na xestión dos programas e servizos sociais, especialmente orientados á promoción da autonomía persoal e mellora da calidade de vida das persoas maiores, persoas con discapacidade e persoas en situación de dependencia, así como a iniciativa da proposta normativa nesta materia.

d) A coordinación das iniciativas de I+D+i no ámbito das TIC sociais e a supervisión da/s plataforma/s tecnolóxica/s que dean soporte a estas actividades dentro do sistema de servizos sociais, en coordinación cos órganos competentes na materia.

e) A planificación estratéxica, o deseño, adquisición, implantación, formación, soporte, normalización e mantemento dos sistemas de información de servizos sociais e a plataforma e servizos TIC que os sustentan.

f) O impulso e a coordinación dos demais órganos de dirección na implementación de programas, medidas e accións de mellora da calidade da xestión e dos programas e servizos da Secretaría Xeral de Política Social, sen prexuízo dos que lle correspondan a outros órganos.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará co Servizo de Innovación Social, órgano de apoio co nivel orgánico de servizo, ao cal lle corresponderán as seguintes funcións:

a) A coordinación do desenvolvemento de sistemas de avaliación de tecnoloxías e programas de servizos sociais.

b) A elaboración das propostas de planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias e funcións da Secretaría Xeral de Política Social nas materias de innovación tecnolóxica e investigación e innovación na xestión dos programas e servizos sociais.

c) O impulso e a xestión das iniciativas de I+D+i no ámbito das TIC sociais e a supervisión da/s plataforma/s tecnolóxica/s que dean soporte a estas actividades dentro do sistema de servizos sociais, en coordinación coas unidades competentes na materia.

d) A xestión e captación dos fondos necesarios para a implementación de programas e iniciativas de I+D+i no ámbito dos programas e servizos sociais, e con particularidade a xestión e planificación de fondos europeos, así como doutras entidades, a través da presentación dos respectivos programas e proxectos en coordinación cos demais órganos directivos competentes na materia, sen prexuízo das que lle correspondan a outros órganos.

Artigo 26. Subdirección Xeral de Dependencia e Valoración da Discapacidade

1. Corresponderanlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) A coordinación e o apoio ás xefaturas territoriais nos procedementos de acceso ao recoñecemento de grao de dependencia, en aplicación da Lei 39/2006, do 14 de decembro, en coordinación co sistema de servizos sociais establecido na Lei 13/2008, do 3 de decembro. Así mesmo, asegurar a elaboración dos correspondentes programas individuais de atención.

b) A coordinación e o apoio ás xefaturas territoriais nos procedementos de acceso ao recoñecemento do grao de discapacidade, en aplicación do Real decreto 1971/1999, do 23 de decembro, de procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade, modificado polo Real decreto 1364/2012, do 27 de setembro.

c) As propostas de actuación da Comunidade Autónoma de Galicia no marco da cooperación interadministrativa no Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia e a avaliación e aplicación dos criterios adoptados no dito consello.

d) A coordinación cos demais órganos da Consellería para as medidas e prestacións derivadas do recoñecemento da situación de dependencia e discapacidade e dos programas de prevención e promoción da autonomía persoal e de atención e coidado, así como na proposta de elaboración do catálogo dos servizos.

e) Impulsar o deseño e a planificación do servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia a través das entidades locais de Galicia, así como a coordinación e apoio ás xefaturas territoriais na xestión do financiamento ás entidades locais prestadoras do servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia.

f) Impulsar o deseño das prestacións económicas do sistema para a autonomía e atención á dependencia e á planificación, así como a coordinación e apoio ás xefaturas territoriais na xestión destas prestacións.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará co Servizo de Coordinación de Procesos, órgano de apoio co nivel orgánico de servizo, ao cal lle corresponderán as seguintes funcións:

a) O apoio ás xefaturas territoriais nos procedementos de acceso ao recoñecemento do grao de dependencia en aplicación da Lei 39/2006, do 14 de decembro; a coordinación da xestión das medidas e prestacións derivadas do recoñecemento da situación de dependencia e dos programas de prevención e promoción da autonomía persoal e de atención e coidado, e o estudo da proposta de elaboración do catálogo dos servizos.

b) O seguimento e a avaliación de prestacións de atención á dependencia, garantindo a calidade da dita atención.

c) Elaborar a información precisa para a aplicación dos criterios de financiamento determinados na Lei 39/2006, do 14 de decembro, así como cantas outras lle sexan encomendadas por razón da súa competencia.

d) A coordinación das xefaturas territoriais nos procedementos de acceso ao recoñecemento do grao de discapacidade, en aplicación do Real decreto 1971/1999, do 23 de decembro, modificado polo Real decreto 1364/2012, do 27 de setembro.

Artigo 27. Subdirección Xeral de Recursos Residenciais e de Atención Diúrna

1. Corresponderanlle a esta subdirección xeral, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) A coordinación e supervisión dos equipamentos e servizos, residenciais e de atención diúrna, dependentes da Secretaría Xeral de Política Social; a elaboración da proposta do catálogo de servizos e medidas de planificación; a programación, coordinación e control dos programas, servizos e equipamentos, tanto comúns como do nivel de actuación especializada para as persoas dependentes, persoas maiores e persoas con discapacidade, sen prexuízo das que lle correspondan á Secretaría Xeral Técnica.

b) A coordinación da atención sociosanitaria no que atinxe ao ámbito das competencias da Secretaría Xeral de Política Social.

c) Colaborar co órgano responsable de autorización e inspección de servizos sociais da Consellería no control dos requisitos de acreditación en materia de atención ás persoas dependentes, maiores e con discapacidade, que garantan a calidade da dita atención.

d) O regulamento e execución do sistema de acceso e admisión nos centros e servizos para as persoas dependentes, maiores e con discapacidade.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Recursos Comúns e de Atención ao Alzhéimer.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A elaboración e preparación da planificación, a xestión e o control dos centros e servizos comúns a persoas dependentes e con autonomía, entre eles ao colectivo de persoas maiores.

b) A elaboración e preparación da xestión e o control dos centros e servizos especializados no ámbito da atención ao alzhéimer.

c) A elaboración, seguimento e control dos convenios e concertos con entidades prestadoras de servizos sociais que atinxen aos anteditos colectivos.

d) O estudo das necesidades organizativas, orzamentarias, formativas e de procedementos para a calidade da atención dos centros e servizos para as persoas dependentes e con autonomía, entre eles o colectivo de persoas maiores.

e) A elaboración de informes e estatísticas, a proposta de actuacións e normativa no ámbito das materias que atinxen ao servizo, así como cantas outras lle sexan encomendadas por razón da súa competencia.

f) A coordinación con outras áreas de actuación dependentes doutros órganos nas materias encomendadas por razón da súa competencia, con atención especial á área sociosanitaria.

g) Tramitación e seguimento da admisión nos centros e servizos para as persoas en situación de dependencia, maiores e con alzhéimer, así como os traslados entre centros e/ou servizos.

2.2. Servizo de Recursos Especializados para a Discapacidade.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A planificación, a xestión e o control dos centros e servizos especializados dirixidos ao sector das persoas con discapacidade.

b) A elaboración, o seguimento e o control dos convenios e concertos con entidades prestadoras de servizos sociais que atinxen ao antedito colectivo.

c) O estudo das necesidades organizativas, orzamentarias e de procedementos para a calidade da atención dos centros e servizos para persoas con discapacidades.

d) A elaboración de informes e estatísticas, a proposta de actuacións e normativa no ámbito das materias que atinxen ao servizo, así como cantas outras lle sexan encomendadas por razón da súa competencia.

e) A coordinación con outras áreas de actuación dependentes doutros órganos nas materias encomendadas por razón da súa competencia, con atención especial á área sociosanitaria.

f) Tramitación e seguimento da admisión nos centros e servizos para as persoas con discapacidade, así como os traslados entre centros e/ou servizos.

Artigo 28. Subdirección Xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia

1. Corresponderanlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) A elaboración de programas, proxectos e servizos orientados á integración social das persoas maiores e con discapacidades, así como á promoción da accesibilidade e á prevención das situacións de dependencia.

b) O deseño e a posta en marcha de programas e actividades de promoción da autonomía persoal, promoción do envellecemento activo e o fomento das relacións interxeracionais, así como o apoio aos programas de inserción sociolaboral das persoas con discapacidade, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos da Consellería.

c) A coordinación dos órganos de participación e o asesoramento previstos na lexislación vixente, no seu ámbito competencial, e a elaboración e xestión de concertos, convenios, convocatorias de subvencións ou axudas e outras prestacións económicas.

d) Preparación de propostas normativas no ámbito da súa competencia.

e) Elaboración e seguimento de plans en materias da súa competencia.

f) Xestión da contratación para a execución dos programas competencia da Subdirección.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Promoción da Autonomía Persoal e da Accesibilidade.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A preparación, coordinación e control dos convenios e as convocatorias de subvencións nas materias das competencias da Subdirección.

b) O impulso do cumprimento da normativa sobre accesibilidade e supresión de barreiras, así como a proposta de actuacións e de normativa na materia competencia do servizo.

c) A promoción da divulgación, información e o estudo da accesibilidade e supresión de barreiras.

d) O apoio técnico e administrativo á Comisión Técnica de Accesibilidade e ao Consello Galego para a Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras, así como cantas outras lle sexan encomendadas por razón da súa competencia.

e) A promoción e xestión dos servizos de apoio á mobilidade para persoas con discapacidade ou dependencia.

2.2. Servizo de Prevención da Dependencia.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A elaboración de programas, proxectos e servizos orientados á integración social das persoas maiores e con discapacidades e á prevención das situacións de dependencia.

b) O deseño e a posta en marcha de programas e actividades de promoción da autonomía persoal, promoción do envellecemento activo e o fomento das relacións interxeracionais, así como o apoio aos programas de inserción sociolaboral das persoas con discapacidade.

c) A preparación, coordinación e control dos convenios e convocatoria de subvencións para programas de promoción da autonomía persoal e de prevención da situación de dependencia coas entidades prestadoras de servizos sociais.

d) A preparación e o seguimento da colaboración para a formación e especialización dos/das profesionais da área de atención a persoas maiores e persoas en situación de discapacidade.

CAPÍTULO V
Dirección Xeral de Familia e Inclusión

Artigo 29. Competencias

1. Á Dirección Xeral de Familia e Inclusión, órgano de dirección da Consellería de Traballo e Benestar, corresponderanlle as seguintes funcións:

a) Exercer as políticas autonómicas en materia de acción social de apoio á familia e infancia, segundo o disposto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, na Lei 4/2001, do 31 de maio, reguladora da mediación familiar, e a protección e tutela dos/as menores en situación de risco ou desamparo e a execución das medidas ditadas polos xulgados de menores, nos termos establecidos na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores.

b) Impulsar o deseño, a coordinación, a avaliación e a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de benestar social, inclusión social, inmigración e servizos sociais comunitarios.

c) Promover e adoptar as medidas que aseguren a conciliación do traballo e da vida persoal e familiar como medio para garantir un ambiente favorable para a creación e o libre desenvolvemento das familias.

d) A xestión e coordinación do funcionamento dos órganos colexiados de asesoramento e participación en materia de benestar social, nas competencia da Dirección Xeral.

e) O exercicio da potestade sancionadora no ámbito das súas competencias, de conformidade coa normativa de aplicación.

f) O seguimento da xestión da Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas-Funga.

g) A elaboración do anteproxecto do orzamento e da memoria de funcionamento correspondente ao órgano, así como a súa xestión, seguimento e avaliación e a elaboración de estatísticas nas materias da súa competencia.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Familia e Inclusión conta cos seguintes órganos:

a) Subdirección Xeral de Familia e Menores.

b) Subdirección Xeral de Inclusión, Inmigración e Acción Social.

c) Subdirección Xeral de Servizos Sociais e Xestión Económica.

Artigo 30. Subdirección Xeral de Familia e Menores

1. Corresponderanlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) As funcións de planificación, xestión, coordinación, seguimento, avaliación e control dos programas, servizos e centros relativos á protección da familia, á atención dos/das menores en situación de risco ou desamparo ou suxeitos a medidas de responsabilidade penal, en aplicación do previsto na Lei 3/2011, do 30 de xuño, e na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, sen prexuízo das funcións que lle correspondan ao órgano responsable da autorización e inspección de servizos sociais da Consellería.

b) A elaboración de propostas para o desenvolvemento normativo da Lei 3/2011, do 30 de xuño, da Lei 13/2008, do 3 de decembro, e da Lei 4/2001, do 31 de maio, reguladora da mediación familiar.

c) A elaboración de propostas para adoptar as medidas necesarias que aseguren a conciliación laboral e da vida familiar e persoal.

d) A tramitación dos expedientes sancionadores en aplicación da Lei 3/2011, do 30 de xuño.

e) A coordinación do funcionamento dos órganos colexiados de asesoramento e participación en materia de familia e infancia.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Familia e Conciliación.

A este servizo corresponderanlle as funcións relativas ao estudo, implantación, seguimento e avaliación dos programas, servizos e centros destinados á familia, á conciliación laboral e da vida familiar e persoal, así como a elaboración e seguimento dos plans integrais de apoio á familia e á natalidade. No seu ámbito competencial exercerá os labores de información, asesoramento, difusión, coordinación, execución, elaboración das estatísticas, seguimento, control e avaliación, así como a execución e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

2.2. Servizo de Protección de Menores.

A este servizo corresponderanlle as funcións de estudo, implantación, seguimento e avaliación dos programas, servizos e centros, dirixidos á defensa dos dereitos da infancia e á prevención ante situacións de desprotección que poidan afectar os/as menores; a coordinación dos equipos técnicos do/da menor das xefaturas territoriais da Consellería e a elaboración e seguimento dos plans integrais de apoio á infancia e á adolescencia. No seu ámbito competencial exercerá os labores de información, asesoramento, difusión, coordinación, execución, elaboración das estatísticas, seguimento, control e avaliación, así como a execución e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

2.3. Servizo de Xustiza Penal Xuvenil.

A este servizo corresponderanlle as funcións da execución das medidas xudiciais e o estudo, a implantación, o seguimento e a avaliación dos programas, centros e servizos dirixidos aos/ás menores aos/ás cales se lles aplique a Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores. No seu ámbito competencial exercerá os labores de información, asesoramento, difusión, coordinación, execución, elaboración das estatísticas, seguimento, control e avaliación, así como a execución e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

Artigo 31. Subdirección Xeral de Inclusión, Inmigración e Acción Social

1. Corresponderanlle a esta subdirección, como órgano de dirección, a planificación, coordinación, xestión, seguimento e avaliación dos programas de inclusión social en relación coas problemáticas concretas de marxinación e exclusión social, aplicando proxectos de traballo social personalizado ou de grupos; a planificación, coordinación, seguimento, avaliación e control da xestión das prestacións sociais e económicas nas súas áreas de actuación e a coordinación do funcionamento dos órganos colexiados de asesoramento e participación en materia de inmigración e inclusión.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Inclusión e Acción Social.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A coordinación, execución e seguimento dos plans e programas de actuación da Subdirección Xeral, concretados no Plan de inclusión social de Galicia, dirixidos á inclusión activa e integración sociolaboral das persoas en situación ou risco de exclusión social.

b) A xestión, seguimento, control e xustificación dos programas xurdidos da participación en iniciativas comunitarias dirixidas a paliar estas problemáticas.

c) A execución e xustificación dos proxectos financiados con fondos estatais e europeos.

d) A análise das estratexias dirixidas á inclusión social elaboradas e impulsadas polos distintos estamentos con competencias relacionadas e o seu deseño e adaptación á conxuntura territorial galega.

e) A xestión, control e xustificación das diferentes axudas destinadas a programas de inclusión e acción social.

f) Todos aqueles asuntos ou materias que lle sexan encomendados en relación coa súa competencia.

2.2. Servizo de Inmigración.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A elaboración, seguimento e avaliación dos plans e programas relacionados coa inmigración.

b) A execución de accións dirixidas á integración social dos inmigrantes.

c) A formación, información e asesoramento ás persoas inmigrantes.

d) A xestión administrativa e xustificación das axudas e subvencións que en favor das persoas inmigrantes estableza a Dirección Xeral de Familia e Inclusión ou colaboración na xestión doutras axudas a favor destes colectivos que establezan outros departamentos administrativos.

e) A coordinación dos puntos de información ás persoas inmigrantes das diferentes administracións e entidades colaboradoras.

f) Todos aqueles asuntos ou materias que pola súa natureza análoga lle sexan encomendados.

2.3. Servizo de Prestacións.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A xestión das prestacións previstas na Lei 9/1991, do 2 de outubro, galega de medidas básicas para a inserción social.

b) A xestión das prestacións económicas derivadas do Real decreto lei 1/1994, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral da seguridade social, no relativo ás prestacións non contributivas e outros réximes vixentes de carácter transitorio.

c) A preparación, xestión, seguimento e control das axudas destinadas a programas de prestación de servizos sociais no seu ámbito competencial.

d) Todos aqueles asuntos ou materias que lle sexan encomendados en relación coa súa competencia.

Artigo 32. Subdirección Xeral de Servizos Sociais e Xestión Económica

1. Corresponderanlle a esta subdirección, como órgano de dirección, a xestión, programación, asesoramento técnico e seguimento dos programas, centros e servizos sociais de actuación comunitaria, sen prexuízo das que lle correspondan ao órgano responsable da autorización e inspección de servizos sociais da Consellería, e a coordinación do funcionamento dos órganos colexiados de asesoramento e participación en materia de servizos sociais. Ademais, corresponderalle a coordinación da Rede galega de centros sociocomunitarios, así como coas entidades locais para o desenvolvemento dos programas sociais, en colaboración con outros órganos da Consellería. Tamén se encargará da coordinación e xestión dos procedementos de disposición de recursos de natureza económica competencia da Dirección Xeral de Familia e Inclusión, sen prexuízo das que lle correspondan á Secretaría Xeral Técnica, concretamente:

a) Elaboración do anteproxecto de orzamento e a memoria de funcionamento da Dirección Xeral.

b) A coordinación da xestión económica e da contratación administrativa competencia da Dirección Xeral, sen prexuízo da que lle corresponda á Secretaría Xeral Técnica.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Coordinación de Servizos Sociais Comunitarios.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A xestión, coordinación, seguimento, avaliación e control dos servizos sociais do nivel de actuación comunitaria.

b) A coordinación das actividades formativas relativas ao desenvolvemento e á execución dos programas do nivel de actuación comunitaria e o asesoramento, a coordinación e o control dos servizos sociais dependentes das entidades locais.

c) A implantación e o seguimento do Sistema de información dos usuarios de servizos sociais (SIUSS) e do Manual para os profesionais de traballo, información e asesoramento de servizos sociais (Matiass), así como o seguimento do desenvolvemento do Sistema de información social básica regulado no artigo 39 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, en execución do Plan de sistemas da Consellería.

d) A preparación, xestión, seguimento e control do financiamento destinado a programas de prestación de servizos sociais polas corporacións locais, nas materias anteriormente citadas.

e) A coordinación da Rede galega de centros sociocomunitarios, así como coas entidades locais e entidades de iniciativa social para o desenvolvemento dos programas sociais destinados ás súas persoas usuarias.

f) Todos aqueles asuntos ou materias que pola súa natureza análoga lle sexan encomendados.

2.2. Servizo de Xestión Económica e Programas.

A este servizo corresponderanlle as seguintes funcións:

a) A xestión económica e de contratación administrativa para os programas e actividades xestionados pola Dirección Xeral, sen prexuízo do control e coordinación que lle correspondan á Secretaría Xeral Técnica.

b) O apoio á Subdirección na planificación do orzamento e na elaboración da memoria de funcionamento da Dirección Xeral.

c) Coordinación da xestión económica dos centros propios competencia da Dirección Xeral, sen prexuízo das correspondentes a outros órganos da Consellería.

d) Xestión, control e xustificación dos diferentes fondos finalistas estatais e europeos e elaboración das propostas necesarias para a tramitación de expedientes de modificación.

e) Xestión económica, control e coordinación dos restantes programas e actividades xestionados pola Dirección Xeral.

f) Todos aqueles asuntos ou materias que pola súa natureza análoga lle sexan encomendados.

CAPÍTULO VI
Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado

Artigo 33. Competencias

1. Á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, órgano de dirección da Consellería de Traballo e Benestar, corresponderanlle as seguintes funcións no marco do establecido na Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia:

a) A xestión das actuacións en materia de xuventude, así como as políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil.

b) A planificación en materia de xuventude, especialmente a través do Plan estratéxico de xuventude de Galicia, así como a coordinación na elaboración, execución e avaliación das políticas transversais de xuventude.

c) O fomento da participación da xuventude na vida social, especialmente mediante o asociacionismo xuvenil e a participación no Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

d) A coordinación e a supervisión do funcionamento das instalacións xuvenís, tanto as propias da Consellería como as dependentes doutras entidades, e a prestación da asistencia técnica necesaria para dar un servizo de calidade.

e) O fomento da mobilidade xuvenil, do turismo para mozos e mozas e dos intercambios xuvenís, tanto no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia como no resto do Estado e no ámbito internacional.

f) A organización e o funcionamento do Instituto da Xuventude de Galicia e, no seo deste, da Escola Galega de Xuventude.

g) O seguimento na xestión da Rede galega de información xuvenil e a súa promoción e desenvolvemento, en coordinación cos centros de información da Administración xeral do Estado e das comunidades autónomas, velando pola prestación dun servizo innovador e de calidade.

h) A coordinación das funcións informativas e de documentación dos servizos da Rede galega de información xuvenil e a coordinación dos servizos prestados na Rede galega de centros de xuventude. Espazo Xove.

i) A xestión do rexistro autonómico das entidades xuvenís, nos termos que establece a Lei 6/2012, de xuventude de Galicia, e todas aquelas actuacións que deriven da aplicación da citada lei.

j) A dirección e xestión das actuacións en materia de voluntariado, a elaboración e o seguimento dos instrumentos de planificación, de rexistro, da xestión dos órganos colexiados e todas aquelas actuacións en aplicación da Lei galega 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

k) A elaboración do anteproxecto de orzamento e a memoria de funcionamento correspondente ao órgano, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado contará cos seguintes órganos:

a) Instituto da Xuventude de Galicia.

b) Subdirección Xeral de Promoción de Actividades.

c) Subdirección Xeral de Voluntariado e Participación.

d) Servizo de Xestión e Coordinación Administrativa.

Artigo 34. Instituto da Xuventude de Galicia

1. Corresponderanlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) A planificación, supervisión e coordinación das actividades desenvolvidas pola Escola Galega de Xuventude.

b) A planificación, promoción, organización e coordinación de actividades destinadas á xuventude, directamente ou en colaboración con asociacións xuvenís ou outras administración públicas, institucións e organismos públicos e privados.

c) A coordinación, vixilancia e rexistro das instalacións xuvenís.

d) A coordinación da Rede de albergues xuvenís de Galicia.

e) A coordinación das axudas para o acceso da mocidade a determinados bens e servizos a través do carné xove, entre outros instrumentos.

f) O fomento e a promoción de intercambios e mobilidade dos mozos e mozas con outras comunidades autónomas e países estranxeiros.

g) A emisión de cantos informes lle sexan solicitados pola consellería de adscrición.

h) Todas cantas lle sexan atribuídas expresamente por disposicións de carácter legal ou regulamentario.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Programas para a Xuventude.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) O desenvolvemento, coordinación, xestión e seguimento dos programas e servizos a prol da mocidade que lle correspondan ao Instituto da Xuventude de Galicia.

b) A participación na xestión e programación das actividades que se realizan en campamentos, albergues e centros de xuventude.

c) A promoción e difusión de intercambios xuvenís con outras comunidades autónomas e países estranxeiros.

d) A elaboración e tramitación dos convenios dirixidos a fomentar a colaboración coas administracións públicas, respecto da organización de actividades dirixidas á xuventude.

e) A promoción e xestión do carné xove.

f) A tramitación e o seguimento das axudas e subvencións relacionadas coas materias propias do servizo.

2.2. Servizo de Participación Xuvenil e Escola Galega de Xuventude.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A coordinación e xestión do Rexistro de Entidades Xuvenís de Galicia.

b) As funcións de fomento e seguimento de todas as actividades relacionadas co asociacionismo e participación xuvenil.

c) A programación e ordenación das ensinanzas no ámbito da educación non formal en temas relacionados coa mocidade, así como a promoción das diferentes actividades formativas relacionadas cos programas e actividades xestionados polo Instituto da Xuventude de Galicia.

d) A coordinación dos servizos prestados nos albergues e residencias da nosa comunidade autónoma integrados na Rede española de albergues xuvenís.

e) A promoción e xestión dos demais carnés nacionais e internacionais para a mocidade.

f) A tramitación e o seguimento das axudas e subvencións relacionadas coas materias propias do servizo.

Artigo 35. Subdirección Xeral de Promoción de Actividades

1. Corresponderanlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) Promover, organizar e coordinar actividades destinadas á mocidade, ben directamente ou en colaboración con asociacións xuvenís ou outras administracións públicas, institucións e organismos públicos e privados.

b) Coordinar e fomentar actividades que se realicen no ámbito das residencias xuvenís.

c) Promover e fomentar os programas de turismo para a mocidade.

d) Coordinar, promover e informar dos programas e proxectos da Unión Europea dirixidos á mocidade.

e) Promover a formación da mocidade galega na realización de proxectos europeos e a cooperación de entidades xuvenís asociativas galegas con outros de carácter europeo.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, contará co Servizo de Promoción de Actividades e Mobilidade Xuvenil, órgano de apoio co nivel orgánico de servizo, ao cal lle corresponderá o exercicio das seguintes funcións:

a) Desenvolver, coordinar e xestionar as actividades dirixidas á mocidade que lle corresponden á Subdirección Xeral.

b) Coordinar a xestión dos proxectos europeos que estean en funcionamento e dos cales forme parte a Dirección Xeral e asesorar e capacitar a mocidade galega na realización de proxectos europeos de ámbito competencial da Dirección Xeral.

c) Promover a cooperación de entidades xuvenís asociativas galegas con outras de carácter europeo.

d) Participar e representar a Galicia na Axencia Nacional do programa Xuventude en acción e promover entre a mocidade galega o dito programa, así como xestionar, avaliar e facer seguimento dos proxectos galegos presentados ao seu abeiro.

Artigo 36. Subdirección Xeral de Voluntariado e Participación

1. Corresponderanlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) Promover a participación e o voluntariado no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia directamente e en colaboración coas entidades de acción voluntaria e fomentar a cooperación cos órganos ou organismos competentes en materia de voluntariado doutras comunidades autónomas e do Estado.

b) Elaborar e realizar o seguimento da execución dos instrumentos de planificación de conformidade coa norma reguladora de acción voluntaria.

c) Planificar os programas formativos en colaboración con outras entidades públicas ou privadas.

d) Fomentar o traballo en rede coas entidades de acción voluntaria a través da web.

e) Desenvolver campañas de sensibilización e difusión do voluntariado entre a poboación galega en xeral e, en particular, entre os/as escolares.

f) Realizar os labores de coordinación do órgano colexiado consultivo e de participación do voluntariado, exercendo as funcións de secretariado deste.

g) Planificar o desenvolvemento normativo e as liñas de colaboración para proxectos de voluntariado.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará co Servizo de Voluntariado, órgano de apoio co nivel orgánico de servizo, ao cal lle corresponderá o exercicio das seguintes funcións:

a) Xestionar o Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

b) Tramitar e realizar o seguimento dos expedientes de subscrición de convenios, concertos ou calquera outro medio de colaboración con entidades públicas ou privadas e a convocatoria de axudas e subvencións a entidades e concellos.

c) Redactar propostas normativas, informes, estudos e estatísticas.

d) Executar e facer o seguimento dos programas de formación.

e) Xestionar os proxectos europeos de política social en relación coas áreas de voluntariado en Galicia.

f) Prestar servizos de información, documentación e asesoramento ás organizacións de voluntariado.

g) Executar e xestionar programas específicos en materia de voluntariado.

Artigo 37. Servizo de Xestión e Coordinación Administrativa

A este servizo, órgano de apoio co nivel orgánico de servizo con dependencia directa do/a director/a xeral de Xuventude e Voluntariado, corresponderanlle a xestión e o control do pagamento das axudas e subvencións, así como a xestión económica e de contratación administrativa para os programas e actividades xestionados pola Dirección Xeral, sen prexuízo do control e coordinación que lle corresponda á Secretaría Xeral Técnica.

Título III
Das xefaturas territoriais

Artigo 38. Organización

1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería de Traballo e Benestar organízase nas xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, que desenvolverán as súas funcións nas áreas competenciais da dita consellería no ámbito territorial da provincia correspondente, de conformidade coa normativa de aplicación, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación territorial no seu correspondente ámbito, de acordo co disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro.

2. A Xefatura Territorial de Vigo contará cunha oficina coordinadora en Pontevedra que, baixo as directrices do/da xefe/a territorial de Vigo, prestará funcións de apoio técnico e administrativo ás unidades administrativas existentes no ámbito da Delegación Territorial de Pontevedra.

Artigo 39. Funcións

1. Á fronte de cada xefatura territorial existirá un/unha xefe/a territorial do/da cal dependerán todos os servizos, unidades ou centros da Consellería que radiquen no ámbito territorial da súa competencia. As persoas titulares das xefaturas territoriais dependerán funcionalmente do/da conselleiro/a, sen prexuízo das directrices que, na orde funcional, poidan emanar dos órganos superiores e de dirección da Consellería.

2. As xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, baixo a autoridade e supervisión da persoa titular da dita xefatura territorial, estarán integradas polos seguintes órganos de apoio, con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Coordinación Administrativa.

Este servizo desenvolverá as seguintes funcións:

a) A coordinación administrativa do funcionamento dos servizos dependentes da xefatura territorial.

b) A habilitación e xestión do persoal que preste servizos na xefatura territorial e nos centros dependentes.

c) As cuestións de réxime interior, información e atención ao/á cidadán/á, rexistro xeral, publicacións, tramitación administrativa, arquivo e inventario de bens.

d) A execución de actuacións de inspección da organización e o funcionamento dos servizos administrativos da xefatura territorial.

e) Prestarlle asesoramento e asistencia técnica e administrativa ao/á xefe/a territorial e substituílo/a en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

f) Calquera outro asunto que non sexa de competencia específica dos demais servizos da xefatura territorial.

2.2. Servizo de Xestión Económica.

Este servizo desenvolverá as seguintes funcións:

a) O control contable, a xestión e xustificación dos créditos que se lle asignen ou desconcentren.

b) A elaboración do estudo do anteproxecto de orzamento anual correspondente aos programas de gasto da xefatura territorial e dos centros dela dependentes.

c) A coordinación e supervisión da xestión económica dos servizos da xefatura territorial e dos centros dependentes del.

d) A administración, control contable, xestión e xustificación dos créditos desconcentrados e asignados á xefatura territorial.

e) A habilitación dos medios materiais.

f) A tramitación dos expedientes de contratación.

2.3. Servizo Provincial de Coordinación de Centros.

Este servizo desenvolverá no ámbito provincial e baixo a dependencia funcional da Secretaría Xeral Técnica as seguintes funcións:

a) A supervisión e seguimento do funcionamento e da xestión dos centros dependentes da Consellería, sen prexuízo das que lle correspondan a outros órganos.

b) A elaboración de propostas de dotación de medios materiais para o mellor funcionamento dos centros dependentes da Consellería, sen prexuízo das que correspondan a outros órganos.

c) A elaboración de propostas de contratación centralizada e análise de eficacia e custos de servizos.

d) A elaboración de propostas de homoxeneización e coordinación de servizos aos/ás usuarios/as dependentes da Consellería e das entidades adscritas.

e) A elaboración de propostas de cobertura de postos e redistribución de efectivos dos centros dependentes da Consellería.

2.4. Servizo de Traballo e Economía Social.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social no respectivo ámbito territorial, entre elas a instrución e tramitación dos expedientes sancionadores na orde social que lle correspondan.

Así mesmo, asume a coordinación cos/coas xefes/as dos centros provinciais do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral nos supostos de investigación de accidentes laborais e naqueloutros asuntos que se determinen.

2.5. Servizo de Emprego e Formación.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Formación e Emprego no respectivo ámbito territorial.

2.6. Servizo de Dependencia e Autonomía Persoal.

Desenvolverá as funcións propias da Secretaría Xeral de Política Social destinadas a persoas maiores e discapacitadas no respectivo ámbito territorial.

2.7. Servizo de Familia e Menores.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Familia e Inclusión destinadas á familia e menores no respectivo ámbito territorial.

2.8. Servizo de Prestacións, Inclusión e Inmigración.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Familia e Inclusión destinadas aos servizos comunitarios, inclusión social e inmigración no seu respectivo ámbito territorial.

2.9. Servizo de Xuventude e Voluntariado.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado no respectivo ámbito territorial.

Disposición adicional primeira

En caso de vacante, ausencia ou enfermidade das persoas titulares da Secretaría Xeral de Política Social e direccións xerais das áreas da Consellería de Traballo e Benestar, as competencias atribuídas por este decreto aos correspondentes órganos serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, como a continuación se indica:

a) Na área de Traballo, a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social será suplida pola persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación, e viceversa. Na súa falta, asumirá a suplencia a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

b) Na área de Benestar, en ausencia da persoa titular da Secretaría Xeral de Política Social e dalgunha das persoa titulares da Dirección Xeral de Familia e Inclusión Social e da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, a suplencia será asumida segundo a orde de prelación que se establece no artigo 7 do Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

Disposición adicional segunda

As funcións e competencias atribuídas por outras normas ás extintas delegacións provinciais dos órganos con competencia en materia de traballo e benestar non previstas neste decreto enténdense atribuídas ás persoas titulares das xefaturas territoriais desta consellería.

Disposición adicional terceira

No exercicio das funcións a que se refire este decreto integrarase de xeito activo a dimensión de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Disposición transitoria primeira

1. Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase a persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, por proposta da Secretaría Xeral Técnica da Consellería, para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto.

2. No caso de supresión ou amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo, será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

3. Así mesmo, cando, como consecuencia da asunción das competencias de inmigración establecidas neste decreto, os postos transferidos da Secretaría Xeral da Emigración á Consellería, en virtude do acordo de traspaso do 1 de febreiro de 2013, co rango de subdirección xeral e servizo modifiquen a súa denominación ou contido funcional, se supriman ou amorticen, será de aplicación o establecido nos puntos anteriores.

Disposición transitoria segunda

As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo correspondentes ás subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e os postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por orde da persoa titular da Consellería, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, aos órganos establecidos neste decreto en función das atribucións que teñen asignadas.

O exposto no punto anterior será de aplicación ás unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo correspondentes á Subdirección Xeral e servizos suprimidos ou amortizados procedentes da asunción das competencias en materia de inmigración e transferidos en virtude do acordo de traspaso.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogado o Decreto 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, o Decreto 325/2009, do 11 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia no que se refire ás competencias en materia de inmigración, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido no presente decreto.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar para ditar as disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de febreiro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar