Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Venres, 15 de marzo de 2013 Páx. 7932

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para o ano 2013 de aforro e eficiencia enerxética para proxectos de renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes nos concellos de Galicia, no marco do convenio subscrito entre o IDAE e o Inega o día 3 de xullo de 2008 e con financiamento en parte procedente de fondos comunitarios derivados do programa operativo Feder-Galicia 2007-2013.

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas calou de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) xa contén na súa lei de creación –Lei 3/1999, do 11 de marzo– unha referencia expresa ao fomento destas actividades, concretada mediante o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, á mellora do aforro e a eficiencia enerxética, ao fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, á óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente, recolle a participación na xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

Para o desenvolvemento dos obxectivos anteriores, o Inega establece este sistema de subvencións, complementario aos creados por outras entidades públicas relacionados con proxectos que fomenten o aforro e eficiencia enerxética en diferentes sectores.

En consonancia con todo isto, o Consello de Ministros aprobou o día 20 de xullo de 2007 un plan de acción referido ao período 2008-2012, para o desenvolvemento da Estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética en España 2004-2012 (PAE4+), cumprindo así cos compromisos internacionais na materia.

Para a posta en funcionamento do referido plan, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) deseñaron mecanismos de colaboración con todas as comunidades autónomas que faciliten a articulación das medidas en todo o territorio estatal, tendo en consideración, ademais, as necesidades e obxectivos de cada comunidade en función das súas propias peculiaridades, e do seu respectivo ámbito de competencias. Neste sentido, asinouse entre o IDAE e o Inega, con data do 3 de xullo de 2008, o convenio de colaboración para a execución das actuacións de aforro e eficiencia enerxética establecidas no marco do citado plan de acción.

Como un dos órganos encargados de desenvolver a política enerxética da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, o Inega considera de máximo interese potenciar as actuacións de mellora do aforro e a eficiencia enerxética, as enerxías renovables e a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores en Galicia, especialmente neste caso, que se refire á iluminación pública dos concellos.

Por todo o anterior, en virtude do disposto nos artigos 7.1 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións a proxectos de aforro e eficiencia enerxética e convocar a todos aqueles interesados en solicitalas en función do establecido nestas.

Bases reguladoras

Artigo 1 Obxecto e normativa de aplicación

1. As presentes bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións de renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes (ILE), baseadas en tecnoloxías obsoletas, por outras actuais e máis eficientes, aplicando criterios de aforro e eficiencia enerxética que, segundo se establece no Real decreto 1890/2008, do 14 de novembro, acaden unha cualificación enerxética A ou B. Non se subvencionarán proxectos que teñan unha cualificación enerxética igual ou inferior a C.

2. O procedemento administrativo será o de concorrencia competitiva e axustarase ao disposto nas propias bases, sen prexuízo do establecido na seguinte normativa de alcance xeral: Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro); Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño); Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro); Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 285, do 27 de novembro); Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e ao Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes (DOG núm. 241, do 17 de decembro).

3. Posto que as liñas de axudas contan con financiamento comunitario procedente do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) –no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013– respectarase o previsto no Regulamento (CE) nº 1083/2006, do 11 de xullo, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ao Fondo Social Europeo (FSE) e ao Fondo de Cohesión (DOUE 31.7.2006) e concordantes, ademais dos regulamentos comunitarios en materia de información e publicidade.

Artigo 2. Actuacións que se subvencionan

Poderán obter dereito a subvención todas aquelas actuacións solicitadas dentro do prazo previsto no artigo 5 destas bases, sempre que se executen entre o día 1 de xaneiro de 2013 e o 30 de setembro de 2013.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións que se concedan imputaranse á seguinte aplicación orzamentaria:

Programa de axudas públicas para o aforro e eficiencia enerxética

Sector

Código

Concepto

Total fondos (€)

Aplicación orzamentaria

Servizos públicos

IN417P

Renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes (ILE)

3.628.104 €

08.A2.733A.761.0

Dos cales 2.900.000 € proceden do convenio asinado entre o IDAE e o Inega 2008-2012 para o exercicio 2012, 300.000 € de fondos comunitarios derivados do programa operativo Feder-Galicia 2007-2013, 75.000 € de Fondos de Compensación Interterritorial que cofinancian para o exercicio 2013 e 353.104 € de Fondos de Compensación Interterritorial libres para o exercicio 2013. Trátase de actuacións desenvolvidas pola Xunta de Galicia (tramo autonómico) encadradas no eixe 4, medida 43, actuación 2 a que se refire o programa de axudas públicas para o uso racional da enerxía.

2. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabe a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios de valoración fixados no artigo 14 destas bases.

3. A ampliación de crédito publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Inega, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Artigo 4. Beneficiarios

Serán beneficiarios das subvencións contidas nesta resolución:

– Concellos de Galicia.

– As agrupacións de concellos. Nestes casos, deberase facer constar expresamente tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas propias dos beneficiarios dunha subvención. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Todas as instalacións deberán contar cunha auditoría enerxética segundo a memoria técnica a que se refire o artigo 6.B.2 dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.es). O incumprimento destes requisitos poderá dar lugar á minoración ou denegación da axuda, segundo corresponda.

Non se admitirán aquelas solicitudes conxuntas en que non se acredite a realización conxunta dunha actuación ou servizo e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

Artigo 5. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes serán subscritas directamente polos interesados ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais, contados desde o seguinte a aquel en que publiquen as presentes bases no Diario Oficial de Galicia.

3. Os formularios da solicitude están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.es) e na páxina web do Inega (www.inega.es) e só poderán ser cubertos e confirmados acudindo á aplicación informática dispoñible no dito enderezo. A súa publicación no Diario Oficial de Galicia faise unicamente para efectos informativos.

4. Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse a esta entidade pública a través dos teléfonos 981 54 15 38/981 54 15 37/981 54 15 36/881 99 98 02; do número de fax 981 54 15 15 ou do enderezo de correo electrónico info@inega.es. O Inega adoptará as medidas que resulten necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

5. Nestes formularios normalizados cubriranse todos os campos obrigatorios sen engadir novos datos, e sen emendar, variar ou riscar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non serán admitidas a trámite.

Tampouco se admitirán a trámite aquelas solicitudes referidas a proxectos que xa se presentasen en convocatorias anteriores e ás cales lle fose concedida a axuda correspondente, agás que previamente renuncien a elas.

6. Unha vez cubertos e confirmados os formularios na forma indicada nos parágrafos anteriores, as solicitudes poderán presentarse en formato electrónico, ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do solicitante ou do representante legal da entidade que solicite a axuda. Para isto o solicitante ou representante legal deberá posuír un DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital admitido pola sede.

7. Ademais do formato electrónico, admítese igualmente a presentación en formato papel no Rexistro Único do Inega, sito na rúa Avelino Pousa Antelo, 5, San Lázaro, Santiago de Compostela. Tamén nos rexistros de calquera outro órgano da Xunta de Galicia, da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se subscribise o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8. Nos proxectos de renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes (ILE) só caberá que o peticionario presente unha solicitude por liña de axuda que non poderá superar a contía de 60.000 € en concepto de custo elixible, IVE incluído.

Artigo 6. Documentación complementaria da solicitude

Xunto coa solicitude presentarase, en orixinal ou copia compulsada e sen que se admitan as copias simples, a seguinte documentación complementaria: a xenérica (A) e a técnica (B), que se describen a seguir:

A) Documentación xenérica. Cada solicitante cubrirá por unha soa vez a parte administrativa exixida na aplicación informática, e a devandita aplicación xerará unha documentación xenérica para o proxecto solicitado, que o solicitante deberá presentar co resto da documentación.

A.1. Documentación que deben achegar os solicitantes:

1. Modelo de solicitude (anexo I).

2. Declaración expresa doutras axudas (anexo II).

3. Certificación do acordo do órgano competente para solicitar a subvención no cal conste expresamente o compromiso de realizar a actividade pola cal se pide a subvención, no caso de obtela.

4. Certificación expedida pola Secretaría-Intervención ou informe da Intervención-Tesouraría en que se indique se o IVE derivado do gasto que supón executar a actuación que se subvenciona pode ou non ser repercutido, para efectos da súa consideración ou non como concepto integrante do custo elixible.

A.2. Documentación específica para as agrupacións de concellos:

1. Documentación acreditativa da súa constitución.

2. Documentación acreditativa da representación con que se actúa.

3. Documento en que consten os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, indicando a porcentaxe da subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán, igualmente, a consideración de beneficiarios (anexo III).

B) Documentación técnica. Consta de:

1. Datos xerais do proxecto (anexo IV).

2. Memoria técnica ILE en formato xls, dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.es).

3. Catálogos das luminarias, equipamentos de aforro e reloxos astronómicos con tarifas de prezos 2012.

Artigo 7. Concorrencia con outras axudas

1. O importe da subvención outorgada en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 100 % do custo elixible ou, se for o caso, supere o límite máximo establecido na normativa que resulte de aplicación.

2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Inega tan logo como o interesado teña coñecemento e, en todo caso, con anterioridade á xustificación do investimento realizado.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 17 destas bases reguladoras.

4. Ao estaren incluídas as actuacións que se subvencionan dentro do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, os gastos que se financian cun fondo comunitario non poderán acollerse a outras axudas procedentes do mesmo fondo ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios, de conformidade co artigo 34 do Regulamento (CE) nº 1083/2006.

Artigo 8. Gastos que se subvencionan

1. Os posibles gastos incluídos no investimento elixible son aqueles conceptos de gasto que poden ser obxecto de subvención, entendendo por tales os seguintes:

As lámpadas, reactancias, reloxos astronómicos, luminarias, apoios, cadros de mando, protección e medida, sistemas de aforro (reactancias regulables ou redutores en cabeceira de liña), retirada de equipamentos existentes e a reforma da liña ata un máximo do 25 % da actual rede de iluminación.

Non se incluirán dentro desta liña a ampliación de puntos de luz, obra civil, canalización, conexións de servizo, proxectos de enxeñaría nin gastos de legalización.

Seguindo os criterios do Real decreto 1890/2008, do 14 de novembro, clasifícanse as instalacións de iluminación exterior en vías (funcional e ambiental), específicas, ornamentais, de vixilancia e seguranza nocturna, sinais e anuncios luminosos, festiva e de Nadal.

Tendo en conta a citada clasificación, consideraranse instalacións subvencionables e non subvencionables as seguintes:

– Instalacións subvencionables:

• Iluminación de vías (funcional e ambiental).

– Instalacións non subvencionables:

• Iluminación para vixilancia e seguranza nocturna.

• Iluminación de sinais e anuncios luminosos.

• Iluminación festiva e de Nadal.

– As instalacións deberán cumprir como mínimo os seguintes requisitos técnicos:

• Sistema de acendido por reloxo astronómico.

• Lámpadas cun rendemento lumínico mínimo de 65 lm/W (lámpada + equipamento).

• As luminarias novas deberán ser pechadas con aloxamento de equipamento e que presenten como características mínimas:

IP 45 no equipamento.

IP 65 na óptica.

IK 08.

Clase eléctrica II.

FHSinst igual ou inferior ao 1 %.

• Sistema de dobre nivel, independentemente da potencia instalada.

• Cumprir co Real decreto 1890/2008, do 14 de novembro, en canto a niveis de iluminación e uniformidade das vías a iluminar que se reformen.

• Acadar unha cualificación enerxética A ou B conforme o Real decreto 1890/2008, do 14 de novembro.

Os proxectos que non cumpran os requisitos técnicos mínimos establecidos no parágrafo anterior non serán subvencionables.

Considerarase punto de luz o formado por apoio, soporte, luminaria, lámpada e equipamento auxiliar, completamente instalado e conectado.

Unicamente se admitirá como punto de luz o formado por apoio, soporte e dúas luminarias nas instalacións axiais e puntos de luz formados por un apoio, e máis dunha luminaria na iluminación de rotondas e cruzamentos cando vaian no centro destes e non se dispoña doutro tipo de iluminación.

2. Investimentos elixibles máximos subvencionables (só inclúen execución material):

Partidas subvencionables

Custo máximo

Luminaria, lámpada e equipo auxiliar

510 €

Apoios en columna ou báculo

800 €

Apoios en postes de formigón

450 €

Brazos e soportes en fachada

200 €

Sistemas de aforro punto a punto

10.000 €

Sistemas de aforro en cabeceira de liña

7.000 €

Cadro de mando, protección e medida

3.000 €

Reloxo astronómico

500 €

Reposición de condutor (máx. 25 % da rede total)

500 €/pto. luz

Non se admitirán no orzamento material da instalación partidas alzadas; todas as partidas deberán levar as súas correspondentes medicións.

3. O imposto sobre o valor engadido (IVE) subvencionarase cando da certificación que debe presentar polo artigo 6, apartado A.1, punto 4 destas bases, derive non poder repercutir o dito imposto.

4. Non se subvencionan os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ao existir cofinanciamento comunitario, ademais dos referidos supostos, observarase o disposto na Orde EHA/524/2008, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e do Fondo de Cohesión (BOE núm. 53, do 1 de marzo).

Artigo 9. Contía máxima da subvención

A contía máxima de subvención será en xeral de 70 % do investimento elixible, tendo en conta que este investimento elixible será como máximo de 60.000 €. No caso de fusión ou agrupación de concellos, a contía máxima incrementarase nun 15 %, do que lle correspondería a cada concello no caso de presentación individual.

Artigo 10. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo isto consonte ao establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Inega publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis. A devandita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais ao IDAE, á entidade financeira na que se abone o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e as demais cesións previstas na lei.

4. O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición no enderezo do Inega, sito na rúa Avelino Pousa Antelo núm. 5, San Lázaro, 15703 de Santiago de Compostela (A Coruña).

Artigo 11. Órganos competentes

O Departamento de Secretaría e Servizos Xerais do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións, e corresponde ao director do Instituto Enerxético de Galicia ditar as diferentes resolucións que deriven del.

Artigo 12. Instrución dos procedementos

1. Unha vez presentada a solicitude xunto coa documentación complementaria, o órgano instrutor comprobará se reúne todos os requisitos e documentos sinalados nos artigos 4 a 8 destas bases. De non ser así outorgarase un prazo de emenda de 10 días hábiles, coa advertencia expresa ao solicitante de que se non atende ao dito requirimento teráselle por desistido da súa petición e arquivarase o expediente.

2. Tales requirimentos de emenda serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992; porén, de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da devandita lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no DOG e a través do taboleiro electrónico habilitado a estes efectos na páxina web do Inega (www.inega.es), onde se establecerá o contido pormenorizado do requirimento que se fai. Poderase facer indicación expresa de que os seguintes actos administrativos do procedemento serán notificados a través do citado taboleiro.

3. A documentación á que se refire a emenda poderá presentarse ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, o Rexistro Único do Inega ou por calquera dos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992.

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante a que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

5. Logo de revisar as solicitudes e as emendas feitas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración. Aqueles que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

Artigo 13. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou, se é o caso, a denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) O director do Departamento de Secretaría e Servizos Xerais do Inega.

b) A xefa da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética do Inega.

c) Un técnico dependente da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética.

3. No documento co resultado da avaliación que elabore a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a puntuación que lles corresponde, así como o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible. A comisión tamén poderá determinar unha puntuación por debaixo da cal considera inadecuado conceder a subvención.

4. Exceptuarase o sistema de valoración previsto no artigo seguinte cando os fondos dispoñibles sexan dabondo para que perciban as axudas solicitadas todos os proxectos que fosen admitidos a trámite e reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria.

Artigo 14. Criterios de valoración

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables.

Ademais do cumprimento das bases reguladoras, a valoración dos proxectos terá en conta os seguintes criterios:

1) Aforro e eficiencia enerxética: 25 %.

Outorgarase puntuación en función do proxecto de aforro enerxético que se presente, ata un máximo de 25 puntos, atendendo á seguinte táboa:

Concepto

Puntuación máxima

Datos xerais subministracións, consumos, custos enerxía e facturas de enerxía eléctrica

1

Datos xerais instalación actual (cadros de mando, luminarias, lámpadas…)

4

Proxecto proposto (novos equipamentos: luminarias, lámpadas, sistemas de regulación, planos…)

16,5

Indicadores de eficiencia enerxética en función do equipamento

3

Cualificación enerxética

0,50

2) Relación aforro/investimento elixible: 35 %.

O aforro calcularase partindo da situación de consumo inicial e da situación de consumo final (despois do investimento).

A puntuación deste apartado outorgarase en función da seguinte táboa:

PRS (anos)

Puntuación máxima

Inferior a 2 anos

35

Superior ou igual a 2 e inferior a 5 anos

30

Superior ou igual a 5 e inferior a 10 anos

20

Superior ou igual a 10 e inferior a 15 anos

10

Superior ou igual a 15 anos

0

Sendo PRS=Aforro/investimento elixible.

3) Dispersión xeográfica, entendida como núcleos de poboación do concello: 5 %.

Outorgarase maior puntuación a aqueles concellos que dispoñan de maiores núcleos poboacionais, tal e como se establece na táboa seguinte:

Número núcleos poboación (N)

Puntuación

N < 50 núcleos

1

50 >= N < 100 núcleos

3

N >= 100 núcleos

5

4) Poboación do concello (será inversamente proporcional á poboación do concello): 5 %.

Outorgarase maior puntuación a aqueles concellos que dispoñan de menor número de habitantes censados, tal e como se establece na táboa seguinte:

Número habitantes (H)

Puntuación

H < 5.000 habitantes

5

5.000 >= H < 10.000 habitantes

3

10.000 >= H < 20.000 habitantes

1

H >=20.000 habitantes

0

Para a avaliación deste criterio utilizarase o último censo de habitantes publicado polo Instituto Galego de Estatística.

5) Agrupación de concellos agás a súa fusión, 30 %. Este criterio subdividiríase do seguinte xeito: pola simple presentación conxunta da solicitude, 10 %; polo número de concellos superior a dous que se asocien 10 %; pola presentación dunha memoria de aforro enerxético e, consecuentemente, de custos, conseguidos pola presentación conxunta respecto da individual, 10 %.

A agrupación de concellos deberá presentar un proxecto conxunto que implique maior eficiencia na prestación do servizo para os concellos agrupados, entendido isto como un aforro económico na execución do proxecto ou na contratación conxunta de servizos relacionados coa iluminación pública, especialmente co seu mantemento.

6) Concellos que fosen obxecto de fusión, 30 %.

Artigo 15. Resolución e notificación

1. Elaborada a relación prevista no artigo 13.3 destas bases, e sempre con anterioridade á resolución do procedemento, efectuarase o trámite de audiencia, por un prazo de 10 días. Porén, poderá prescindirse do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de catro (4) meses, contados desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes. Se transcorrese o prazo sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, observarase o sinalado no artigo 33.7 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro. Con carácter xeral, non se enviarán notificacións postais e, de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, no caso das resolucións de concesión da subvención poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Inega. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderá remitirse os beneficiarios a que consulten a información detallada da resolución a través do taboleiro electrónico de anuncios habilitado para estes efectos na páxina web do Inega.

5. Aquelas solicitudes que resulten seleccionadas e cuxos importes de axuda sexan aceptados polos beneficiarios pasarán a formar parte da lista pública prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006, do 8 de decembro, da Comisión.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro do procedemento previsto nestas bases porán fin á vía administrativa e contra elas caberá interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados competentes segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. O prazo de interposición é de dous (2) meses contados desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución, ou ben de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Con carácter potestativo, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición perante o director do Inega no prazo dun (1) mes, desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou de 3 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o establecido nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Consideraranse como únicas circunstancias técnicas que permitan variar o contido específico da solicitude presentada inicialmente calquera dos seguintes supostos:

a) Cambios de equipamento que supoñan unha redución do investimento mantendo o aforro (mínimo unha redución dun 10 % do investimento na partida afectada).

b) Cambios de equipamento que permitan o aumento do aforro mantendo o investimento.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda ou subvención.

O beneficiario deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida ao director do Instituto Enerxético de Galicia acompañada da documentación presentada coa solicitude que se vexa afectada, cun límite de 20 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento.

4. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo director do Inega, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia aos interesados.

Artigo 18. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos 10 días hábiles desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da mesma lei.

Artigo 19. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuase o Instituto Enerxético de Galicia, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Ademais, no caso de fondos comunitarios, someterase á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

d) Comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado (particular, autónomo, empresa, entidade sen ánimo de lucro etc.) por un período mínimo de cinco anos, unha vez rematado o proxecto.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións e normas comunitarias, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control, así como facilitar a «pista de auditoría». Así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control, durante un período de tres anos a partir do peche do programa operativo.

g) Os beneficiarios da subvención estarán obrigados a cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, relativas ás medidas de información e publicidade, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello, coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) nº 846/2009, da Comisión, do 1 de setembro.

Estas medidas recóllense na Guía de publicidade e información das intervencións que conten con financiamento procedente dos fondos estruturais 2007-2013, que pode consultarse na páxina web da Consellería de Facenda (www.conselleriadefacenda.es)

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Cumprir co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, nos termos establecidos no artigo 4 do Decreto 197/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Artigo 20. Subcontratación

Permitirase que o beneficiario subcontrate con terceiros a execución total ou parcial da actuación que se subvenciona nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Xustificación da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario deberá xustificar previamente o investimento que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionada. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, operativos e verificables na data límite de xustificación do proxecto.

2. Na data establecida no número seguinte, deberá ter autorización emitida pola consellería competente en materia de industria para a posta en servizo da instalación, nos casos en que sexa obrigatorio. Non será necesario achegar copia da autorización, que será comprobada directamente polo Inega. No caso de que non se dispoña dela na data en que remate o prazo de xustificación, deberá terse solicitado coa restante documentación do procedemento de autorización correspondente (certificado de instalación, memoria técnica).

3. O último día para presentar a documentación xustificativa do investimento será o 30 de setembro de 2013.

Transcorrido o período de xustificación sen que o beneficiario presentase a documentación, será requirido para que no prazo improrrogable de 10 días hábiles presente os ditos documentos que, en todo caso, deberán xustificar a execución do investimento do proxecto completamente dentro do prazo indicado no artigo 2.

4. A documentación a que se refire a xustificación poderá presentarse ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, ante o Rexistro Único do Inega ou por calquera dos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, na nova redacción dada polo Real decreto lei 8/2011, do 1 de xullo (Boletín Oficial del Estado, núm. 161, do 7 de xullo).

Os documentos de xustificación en orixinais ou copias compulsadas serán os seguintes:

A. Documentación xenérica:

a) Declaración expresa por parte do beneficiario de que o proxecto foi executado conforme o indicado na solicitude. Na páxina web do Inega –http://inega.es/– estará dispoñible o modelo de declaración a que se refire este apartado. De existiren modificacións no proxecto, achegarase a documentación técnica presentada coa solicitude que se vexa afectada polas modificacións.

b) Conta xustificativa composta de:

1º Xustificante do gasto mediante presentación de facturas desagregadas por conceptos ou unidades de obra. Para os efectos da súa xustificación, as facturas que se paguen de xeito fraccionado deberán de incluírse no expediente nunha única solicitude de pagamento.

Os investimentos non se poderán realizar a través de medios propios do ente local.

2º Xustificante do pagamento efectuado polo beneficiario:

• Xustificante bancario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo por portelo, certificación bancaria) en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

• Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio): presentarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

• Naqueles casos en que os investimentos se fixesen mediante contratos de préstamo ou leasing, a axuda aplicarase á amortización anticipada parcial de préstamo/leasing, diminuíndo o principal pendente.

• Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no parágrafo 3º deste artigo.

c) Sempre que o custo elixible sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario superior a 50.000 € (en concepto de execución de obra) o beneficiario deberá solicitar e achegar ao Inega como mínimo o contido de 3 ofertas de distintos provedores. Non se aceptará como válido o certificado, informe ou documento similar en que se indique que se cumpriu co dito trámite de solicitar as 3 ofertas, pois o que debe achegarse é o orixinal ou copia compulsada do contido de cada unha das ofertas.

Dentro dos criterios de valoración das ofertas teranse en conta os criterios de aforro e eficiencia enerxética. Ademais, será necesario presentar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Non será necesario presentar as 3 ofertas se concorre algún dos seguintes supostos:

1. Se xa foi presentada a documentación que acredite a petición das 3 ofertas no momento en que se efectuou a solicitude de axuda, ao inicio do expediente.

2. Se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten; o beneficiario neste suposto debe prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

3. Se o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención ou ben xa estivese contratada a obra ou o servizo no momento da solicitude, presentando a documentación que acredite tal circunstancia.

d) No caso de que a entidade local deba tramitar un expediente de contratación, deberá achegar o expediente ou, por aplicación do artigo 28.5 da Lei 9/2007, de subvencións, unha certificación do secretario da entidade local na cal se tome razón en contabilidade e de cumprimento da normativa de contratación pública e da finalidade para que foi concedida a subvención.

É responsabilidade da entidade local beneficiaria o cumprimento da normativa de contratación pública, e o seu incumprimento pode dar lugar á perda do dereito ao cobramento total ou parcial e demais responsabilidades previstas na normativas de subvencións públicas.

O expediente de contratación que tramite o concello deberá ser único, só admitíndose por parte do Inega unha contratación separada no caso de que a solicitude sexa de dúas ou mais entidades locais e que os obxectos dos contratos admitan fraccionamento ao seren susceptibles de utilización ou aproveitamento separado e constitúan unhas unidades funcionais, ou así o exixa a natureza do obxecto.

e) Declaración expresa actualizada con data de xustificación do conxunto das axudas concedidas destinadas ao financiamento do mesmo proxecto. Deberase achegar unha copia da resolución ou resolucións de concesión das devanditas axudas.

f) Fotografías dos equipamentos principais instalados no lugar.

B. Documentación específica:

– Informe de xustificación ILE segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.es).

– Certificado dos fabricantes das luminarias, indicando no documento o nome da obra, e número de equipamentos, o modelo e os datos técnicos dos equipamentos vendidos (IP luminaria, IP óptica, IK, clase eléctrica e FHSinst), número de pedido e almacén de venda.

– Certificado do fabricante dos equipamentos de aforro, indicando no documento o nome da obra, número de equipamentos vendidos, modelo, número de pedido e almacén de venda.

A falta de xustificación ou a xustificación insuficiente, así como a presentación da documentación xustificativa despois da data e do prazo que figuran no parágrafo 3º deste artigo, comportará, en función do suposto de que se trate, a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, sen prexuízo das demais responsabilidades previstas pola Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Pagamento

1. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

2. Previamente á proposta de pagamento, os servizos técnicos do Inega poderán realizar unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

3. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se, debido á redución do investimento, se superan as porcentaxes máximas de subvención.

4. Poderanse realizar pagamentos anticipados ás corporacións locais, que suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poderen levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, nos termos do artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As ditas corporacións locais deberán xustificar o pagamento que dá lugar á subvención de acordo co previsto no artigo 21 destas bases reguladoras.

Artigo 23. Anticipos

Os concellos beneficiarios poderán solicitar un anticipo de ata o 25 % de cantidade concedida. A concesión de anticipo será obxecto de resolución motivada e estará exenta da constitución da garantía de conformidade co establecido no artigo 65.4.c) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Reintegro das axudas

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás súas normas de desenvolvemento.

Artigo 25. Réxime de sancións

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 27. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto polo representante da administración coma polo beneficiario.

A comprobación material definida no parágrafo anterior poderáselle encomendar a outro órgano distinto do que concedeu a subvención.

Artigo 28. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación de subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, o beneficiario, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención.

2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia.

Artigo 29. Remisión normativa

Para todo o non regulado nestas bases observarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como nos regulamentos comunitarios citados no artigo 1 destas bases, e sen prexuízo da restante normativa que resulte de aplicación.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file