Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Xoves, 11 de abril de 2013 Páx. 10973

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2013, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se someten a información pública e audiencia aos interesados o proxecto de decreto polo que se revisa o Plan de recuperación do oso pardo (Ursus arctos L.) en Galicia e o proxecto de decreto polo que se aproba o Plan de conservación da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) en Galicia.

O oso pardo (Ursus arctos L.) está incluído na categoría en perigo do Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas, mentres que a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) o está na categoría vulnerable. De acordo co artigo 15 deste decreto, a catalogación dunha especie implicará a elaboración dun plan de recuperación para as especies en perigo de extinción e dun plan de conservación para as especies vulnerables.

Mediante as resolucións do 29 de xuño de 2012 para o oso pardo e do 23 de marzo de 2012 para a píllara das dunas, iniciouse a tramitación e sometéronse a participación pública as propostas de decretos dos mencionados plans. Vistas as observacións recibidas neste procedemento, deuse unha nova redacción ás propostas dos proxectos de decretos que agora se tramitan para a súa aprobación. Segundo o artigo 17 do Decreto 88/2007, do 19 de abril, os documentos elaborados deberán someterse ao trámite de información pública e audiencia aos interesados que comparezan no expediente, tras a cal se redactará unha proposta de plan, que se elevará ao Consello da Xunta para a súa aprobación mediante decreto.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

1. Someter a información pública e audiencia aos interesados os seguintes proxectos de decretos:

– Proxecto de decreto polo que se revisa o Plan de recuperación do oso pardo (Ursus arctos L.) en Galicia.

– Proxecto de decreto polo que se aproba o Plan de conservación da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) en Galicia.

2. Para os devanditos efectos informativos poranse exemplares dos proxectos dos decretos á disposición dos interesados nas seguintes dependencias:

– Dirección Xeral de Conservación da Natureza-Subdirección Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

– Xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas:

– A Coruña: rúa Vicente Ferrer, 2, 15071 A Coruña.

– Lugo: rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo.

– Ourense: rúa do Paseo, 18, 32071 Ourense.

– Pontevedra: rúa Fernández Ladreda, 43, 36071 Pontevedra.

– Así mesmo, poderase consultar o texto dos proxectos de decreto na seguinte páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas:

http://www.cmati.xunta.es/seccion-tema/c/Conservacion?content=Direccion_
Xeral_Conservacion_Natureza/Biodiversidade/seccion.html&std=Plans_en_tramitacion.html&sub=Especies_ameazadas/

3. As alegacións formularanse durante o prazo de corenta e cinco (45) días, que comezarán a contar a partir do seguinte ao día ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Poderán remitilas mediante escrito, dirixido á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ao enderezo de correo electrónico
biodiversidade2.cma@xunta.es

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2013

Ricardo García-Borregón Millán
Director xeral de Conservación da Natureza