Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Luns, 13 de maio de 2013 Páx. 15605

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 6 de maio de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención do permiso de condución clase B e favorecer a seguridade viaria da xuventude galega, e se procede á súa convocatoria.

A Constitución española, no seu artigo 48, sinala que os poderes públicos promoverán as condicións para a participación libre e eficaz da xuventude no desenvolvemento político, social, económico e cultural.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27, parágrafos 22, 23 e 24, que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias de promoción do deporte e a adecuada utilización do lecer, asistencia social, así como a promoción do desenvolvemento comunitario, que se aplica, entre outros, ao ámbito da xuventude.

A Lei de xuventude de Galicia sinala, no artigo 7, que constituirán obxectivos prioritarios da planificación xeral dos programas relacionados coa educación o apoio da educación non formal da xuventude como complemento da educación regrada, co obxecto de contribuír á aprendizaxe permanente. Así mesmo, no artigo 8 recolle que a Xunta de Galicia promoverá políticas activas que favorezan o emprego xuvenil, que terán, con carácter xeral, os obxectivos da mellora da empregabilidade da mocidade, a mellora da adaptabilidade e a igualdade de oportunidades da mocidade, en especial a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no ámbito laboral.

Por medio do Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da xuventude e desenvolvemento comunitario.

Coa aprobación do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, correspóndelle á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, entre outras funcións, a xestión das actuacións en materia de xuventude, así como as políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil, e o fomento da participación da mocidade na vida social.

As estatísticas apuntan a que a xuventude é un sector da sociedade especialmente afectado pola actual situación de crise, xa que a súa falta de experiencia, e ás veces a falta de formación en aspectos non formais, fai especialmente difícil o seu acceso ao mercado laboral.

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, leva a cabo a promoción e organización de actividades cun claro compoñente de educación non formal, como pode ser a educación en seguridade viaria.

Esta convocatoria ten unha dobre finalidade, por unha parte trátase de fomentar a autonomía da mocidade galega mediante a mellora da súa empregabilidade, de xeito que poidan achegar o permiso de condución como parte do seu currículo, tendo en conta o necesario que resulta dispor da autorización administrativa para conducir vehículos e de que en moitos casos pode ser determinante para o acceso a un emprego, e por outra ten un carácter formativo, dentro da educación non formal, co que se pretende previr e diminuír a sinistralidade da mocidade galega nas estradas, ao vincular a obtención da axuda á asistencia a un curso de seguridade viaria.

Neste marco xeral hai que incardinar esta orde, que ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas para apoiar economicamente a mocidade da Comunidade Autónoma de Galicia para a obtención do permiso de condución clase B, coa obriga de realizar un curso de seguridade viaria.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán as axudas para a obtención do permiso de condución clase B por parte dos/as mozos/as residentes en Galicia, coa finalidade de mellorar a súa empregabilidade e mobilidade, así como sensibilizar e fomentar unha condución segura e responsable entre a xuventude.

Artigo 2. Requisitos das persoas solicitantes

Poderán solicitar as axudas os/as mozos/as que cumpran os requisitos incluídos no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia e ademais:

a) Teñan entre 18 e 30 anos de idade cumpridos no momento de presentar a solicitude.

b) Sexan titulares do carné xove vixente no momento de presentar a solicitude.

c) Teñan a súa residencia en Galicia.

d) Estean matriculados/as nunha autoescola da Comunidade Autónoma de Galicia no momento de presentar a solicitude, no suposto de non estar xa en posesión do permiso de conducir.

e) Acrediten un nivel de ingresos netos anuais da unidade familiar que, tomando como referencia o indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM) establecido para o ano 2013, ponderado segundo os membros da unidade familiar, non supere os máximos que a continuación se indican:

Nº de membros da unidade familiar

Ingresos máximos

1

18.637,85 €

2

20.707,72 €

3 ou máis

23.297,31 €

Para os efectos da resolución desta convocatoria, entenderase por unidade familiar a constituída pola persoa solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe ou parella con análoga relación de afectividade e parentes por consanguinidade ata o segundo grao e por afinidade ata o primeiro que convivan no mesmo domicilio.

f) Non estar en posesión do permiso de condución obxecto da subvención no momento de presentar a solicitude ou telo con data de expedición definitiva a partir do 1 de xaneiro de 2013.

Artigo 3. Solicitudes e documentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando o formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

No caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG, e estará aberto ata o día 1 de outubro de 2013, salvo que se produza con anterioridade o esgotamento do crédito orzamentario dispoñible.

O esgotamento do crédito dispoñible será publicado no DOG e na páxina web www.xuventude.net. A partir dese momento non se admitirán novas solicitudes.

3. Deberá xuntar á solicitude a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI para españois ou documento equivalente para nacionais da Unión Europea, ou tarxeta de residencia da persoa solicitante no caso de naturais doutros países, cando a persoa solicitante non lle autorice á Consellería de Traballo e Benestar a consulta dos seus datos no Sistema de verificación de datos de identidade.

b) Fotocopia da declaración do IRPF correspondente ao último exercicio fiscal pechado da persoa solicitante e dos demais membros da unidade familiar comprendidos no artigo 2 e) desta orde e que teñan máis de 16 anos ou, no caso de non teren feita a declaración, a correspondente certificación negativa de Facenda. Non será necesario achegar esta documentación no caso de que a persoa solicitante e os demais membros da unidade familiar autoricen expresamente a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado para solicitar da Axencia Estatal de Administración Tributaria e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar, conforme o modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo II.

c) Certificado de convivencia ou empadroamento conxunto.

d) Certificado de empadroamento nalgún concello de Galicia cando a persoa solicitante non lle autorice á Consellería de Traballo e Benestar a consulta dos seus datos no Sistema de verificación de datos de residencia.

e) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para as actividades obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, consonte o modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo III.

f) Declaración de non estar incurso nas prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, conforme o modelo que se inclúe como anexo III.

g) Xustificante que acredite estar matriculado/a nunha autoescola no momento de presentar a solicitude, no caso de non estar xa en posesión do permiso de conducir.

4. A persoa solicitante deberá indicar na súa solicitude se é titular do carné xove, marcando o recadro correspondente no formulario (anexo I), para a súa posterior comprobación por parte da Administración.

5. Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado requirirá a persoa solicitante para que no prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 42.

Artigo 4. Contía da axuda

O importe da axuda será de 250 euros por persoa beneficiaria, sempre e cando este importe non supere o custo derivado da obtención do permiso de condución obxecto destas axudas.

Artigo 5. Incompatibilidade da axuda

Esta axuda é incompatible co aproveitamento de calquera outro tipo de axuda de institucións públicas destinadas á mesma finalidade.

Artigo 6. Concesión e financiamento

Estas axudas tramitaranse en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ao non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, e concederanse a todas aquelas persoas solicitantes que reúnan os requisitos exixidos no artigo 2 desta orde.

Se o orzamento establecido para esta axuda non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. Para estes efectos terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentase nalgún dos lugares previstos no artigo 3.1 desta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas en rexistros diferentes, a orde de prioridade virá determinada pola data e hora de entrada no Rexistro da Consellería de Traballo e Benestar, situado no Edificio Administrativo de San Lázaro, Santiago de Compostela, ou na sede electrónica da Xunta de Galicia.

No momento en que se esgote o crédito orzamentario, a Consellería de Traballo e Benestar porao en coñecemento xeral a través da páxina web www.xuventude.net e publicarao no DOG. A partir dese momento non se admitirán novas solicitudes.

As axudas financiaranse con cargo á partida orzamentaria 2013.11.06.313A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, aprobados pola Lei 2/2013, do 27 de febreiro (DOG nº 42, do 28 de febreiro). O crédito destinado ás axudas é de 100.000 euros.

Artigo 7. Obrigas das persoas beneficiarias

A condición de persoa beneficiaria obriga esta nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en concreto:

1. A figurar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, non ser debedor/a en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro e non ter ningunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma. En caso contrario non se fará o pagamento da axuda.

2. A asistir ao curso de educación viaria gratuíto organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

3. A obter o permiso de condución clase B entre o 1 de xaneiro de 2013 e antes do 15 de novembro de 2013 como requisito previo á percepción da axuda.

4. A facilitar por escrito toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 8. Instrución e resolución

1. O órgano instrutor do procedemento será o Instituto da Xuventude de Galicia, da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, quen elevará a súa proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, por delegación da Conselleira de Traballo e Benestar e logo da fiscalización da Intervención, a competencia para a adxudicación das axudas mediante a correspondente resolución, que se notificará ás persoas solicitantes no prazo máximo de cinco meses a partir da presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. A resolución ditada neste procedemento pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interporse recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á notificación da resolución, se o acto fose expreso, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ante o mesmo órgano que as ditou, ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses se o acto é expreso, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, e no prazo de seis meses se é presunto, contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

5. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación ou ben para presentar a súa renuncia, expresa e motivada, conforme o modelo que se achega como anexo IV.

Transcorrido o prazo sinalado sen que se producise manifestación expresa de aceptación ou renuncia, entenderase que se acepta a subvención concedida.

6. Na notificación de resolución da axuda comunicaráselles, así mesmo, ás persoas beneficiarias a data de realización do curso gratuíto de educación viaria, que en todo caso será anterior ao 15 de novembro de 2013.

Artigo 9. Xustificación e pagamento da axuda

O aboamento da axuda realizarase nun único pagamento, logo de que a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado expida certificación en que se faga constar que asistiu ao curso obrigatorio de educación viaria e unha vez que a persoa beneficiaria presente, antes do 15 de novembro de 2013:

a) Xustificación da obtención do permiso tipo B, a través da copia compulsada do permiso de condución, autorización temporal para conducir expedida pola Dirección Xeral de Tráfico ou documento da persoa examinadora onde a persoa beneficiaria conste como apta no exame práctico, con cumprimento do prazo sinalado no artigo 7.3.

b) Orixinal ou copia compulsada das facturas acreditativas dos custos de obtención do permiso, por un mínimo do importe subvencionado, facturas que se deberán axustar ao Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

c) Documentación xustificativa do pagamento. Para estes efectos, a persoa beneficiaria deberá xustificar o pagamento íntegro da/s factura/s mediante extractos ou certificacións bancarias conforme o disposto no artigo 42.2 do Decreto 11/2009 polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.

Sen prexuízo do anterior, e unicamente no caso de gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 euros, admitirase a súa xustificación mediante xusitificante de recepción do/a provedor/a, o cal revestirá unha das formas seguintes:

• Inclusión na propia factura da expresión «recibín en efectivo», o selo de pagado, o selo da empresa, a data de pagamento e a sinatura do/a provedor/a.

• Recibín en documento independente, no cal se fará referencia ao número da/s factura/s e á data de pagamento, incluíndo o selo da empresa e a sinatura da persoa autorizada, co seu NIF e cargo na empresa.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou das entidades vinculadas ou dependentes, e declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, de conformidade co modelo que se achega como anexo V.

Artigo 10. Reintegro das axudas

1. Procederá o reintegro nos termos e supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en concreto nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no establecido nesta orde.

b) Obtención da axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) Incumprimento das condicións, obrigas e incompatibilidades previstas nos artigos 2, 5 e 7 desta orde.

As persoas adxudicatarias quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Publicidade de datos

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial de xuventude a relación das persoas beneficiarias, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web. Así mesmo, coa presentación da solicitude a persoa beneficiaria autoriza a Consellería de Traballo e Benestar a incluír e facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas concedidas. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, a persoa solicitante poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición mediante escrito dirixido á Consellería de Traballo e Benestar.

Disposición adicional

Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file