Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Xoves, 6 de xuño de 2013 Páx. 20830

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2013 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape ao programa de apoio á innovación das pequenas e medianas empresas en Galicia (Programa Innoempresa), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN).

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 19 de marzo de 2013, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape ao programa de apoio á innovación das pequenas e medianas empresas en Galicia (Programa Innoempresa), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, facultando ao director xeral a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.

Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape ao programa de apoio á innovación das pequenas e medianas empresas en Galicia (Programa Innoempresa).

Este programa está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80 %, no tramo da Administración xeral do Estado do programa operativo Galicia 2007/2013, que corresponde ao eixe E2, tema prioritario 09, actuación Programa Innoempresa, ou ben, dependendo do orzamento dispoñible para a súa execución, polo tramo da Administración autonómica do programa operativo Galicia 2007/2013, que corresponde ao eixe E2, tema prioritario 09, actuación 5.

Segundo.

Convocar, para o exercicio 2013, en réxime de concorrencia competitiva, as seguintes liñas de axuda das bases reguladoras das axudas do Igape ao programa de apoio á innovación das pequenas e medianas empresas en Galicia (Programa Innoempresa):

1. Proxectos de adopción de novos modelos empresariais innovadores (procedemento IG127).

2. Proxectos de deseño de novo produto (procedemento IG129).

3. Proxectos de desenvolvemento tecnolóxico aplicado (procedemento IG131).

4. Proxectos de implantación e certificación de proxectos de I+D+i e de sistemas de xestión (procedemento IG132).

5. Proxectos de innovación en colaboración na cadea de valor (procedemento IG134).

6. Proxectos de identificación de necesidades tecnolóxicas, desenvolvemento de solucións técnicas e organizativas comúns e utilización de servizos avanzados compartidos por grupos de pemes (procedemento IG135).

Terceiro. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o último día do prazo coincida en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, posporase ao día hábil seguinte.

Cuarto. Créditos

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias e polos seguintes importes:

Partida orzamentaria

Orzamento 2013

Orzamento 2014

08.A1.741A.7702

2.535.000,00 €

100.000,00 €

08.A1.741A.7812

382.193,90 €

13.365,16 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, logo da declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto.

O prazo de execución dos proxectos non poderá superar o 30 de setembro do exercicio correspondente á anualidade establecida na resolución de concesión. Os beneficiarios deberán presentar a solicitude de cobramento no prazo improrrogable dun mes desde o día seguinte á devandita data (no caso de que coincida en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, posporase ao día hábil seguinte).

Sexto.

Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2013

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do programa de apoio á innovación
das pequenas e medianas empresas (Programa Innoempresa) en Galicia, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional

O Real decreto 1579/2006, do 22 de decembro de 2006 (BOE nº 29, do 2 de febreiro de 2007), establece o réxime de axudas e o sistema de xestión do programa de apoio á innovación das pequenas e medianas empresas 2007-2013 (Programa Innoempresa), e fixa que corresponde ás comunidades autónomas a xestión dos proxectos de carácter rexional acollidos a ese programa de axudas.

En Galicia a dita xestión encoméndaselle ao Igape no cumprimento dos seus obxectivos fundacionais de promoción e fomento do desenvolvemento rexional, contribución á dinamización da economía de Galicia e impulso da capacidade de innovación e a competitividade da economía, en cooperación, de ser o caso, coa Administración xeral do Estado.

Dado que a Axencia Galega de Innovación (GAIN) ten obxectivos coincidentes en canto a facilitar ás empresas o desenvolvemento de iniciativas de innovación que incrementen a súa competitividade e fomenten o seu crecemento, é polo que, levando á realidade o principio de colaboración entre entidades encargadas de executar as políticas públicas da Xunta de Galicia na procura dunha maior eficiencia e aproveitamento de recursos, a convocatoria do Programa Innoempresa a fai o Igape conxuntamente coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), segundo os termos do convenio de colaboración asinado para o efecto entre ambas as dúas entidades o 13 de maio de 2013.

O Programa Innoempresa establece medidas dirixidas a incrementar a capacidade innovadora das pequenas e medianas empresas –especialmente aquelas que teñan vocación de crecemento e capacidade de xerar innovación– como medio para aumentar a súa competitividade, contribuír ao crecemento sustentable e, na súa consecuencia, favorecer o emprego e a xeración de riqueza, a través de tres liñas básicas de actuación: innovación organizativa e xestión avanzada, innovación tecnolóxica e calidade e proxectos de innovación en colaboración, baseadas na utilización de instrumentos e procedementos de xestión para a promoción das pemes xa contrastados.

Para a elaboración deste programa tívose en conta a experiencia adquirida na execución do Plan Peme durante o período 2000-2006, en que se manifestou como positiva a colaboración de organismos intermedios no desenvolvemento de proxectos para un conxunto de pemes, tratando de que as axudas ás pemes do Programa Innoempresa tamén se canalicen a través de organismos que poidan promover proxectos nas áreas de innovación tecnolóxica, da prestación de servizos empresariais innovadores e nos distintos eidos que configuran a cadea de valor empresarial.

O Consello da Xunta de Galicia, nas súas reunións do 24 de setembro e do 22 de outubro de 2009, aprobou o Programa Impulsa-Lugo e o Programa Impulsa-Ourense, respectivamente, nos que se establecen, entre outras, as medidas transitorias de apoio aos investimentos. Dada a situación económica actual en que as provincias de Lugo e Ourense e os concellos de Ferrolterra e Costa da Morte se viron afectados con especial incidencia pola desaceleración no desenvolvemento das empresas existentes, considérase fundamental que o Igape, a través das súas liñas de axuda, conceda un nivel superior de intensidade de axuda ás iniciativas empresariais implantadas nestas áreas xeográficas coa finalidade de estimular o seu desenvolvemento económico e social e favorecer o reequilibrio territorial.

O financiamento das axudas do Programa Innoempresa que se concedan en Galicia contan con recursos económicos procedentes dos orzamentos xerais do Estado, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio

1.1. Co obxectivo de incentivar proxectos e actuacións empresariais de distinta tipoloxía, o Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido aos seguintes tipos de iniciativa:

1.1.1. Proxectos de innovación organizativa e xestión avanzada.

1.1.1.1. Proxectos de adopción de novos modelos empresariais innovadores (procedemento IG127).

Os proxectos obxecto de apoio serán aqueles que impliquen a adopción de novos modelos empresariais innovadores que incidan na mellora das diferentes áreas da empresa como:

– Organización da produción (incluída a implementación de ferramentas de Lean Productivity: Lean Office, Lean Manufacturing, e similares).

– Relacións con provedores ou clientes.

– Innovacións nos modelos de marketing e de comercialización.

– Xestión ambiental.

– Innovación en eficiencia enerxética.

– Innovación en loxística e distribución.

– Innovación na área de recursos humanos.

– Integración dos sistemas de xestión empresarial.

Estes proxectos consistirán na implantación de ferramentas de xestión avanzada existentes e contrastadas nos mercados, cuxa necesidade e escolla estea convenientemente xustificada.

No caso de que sexa necesaria a adquisición de hardware para a implantación da ferramenta, a base subvencionable para ese concepto non superará o 20 % do orzamento total do proxecto.

No caso de que as ferramentas software se adquiran en modelo de pagamento por uso (Software as a Service), poderá incluírse como gasto subvencionable de tipo «servizos directamente relacionados coa execución do proxecto» do artigo 5.5.f) destas bases os conceptos de gasto de migración de datos e aplicacións á nova plataforma, incluíndo o custo de alta –de existir– ou subscrición ao servizo de nova implantación durante o período de execución do proxecto, cun máximo do custo dun ano de servizo.

1.1.1.2. Proxectos de deseño de novo produto (procedemento IG129).

Os proxectos obxecto de apoio serán os de deseño de novo produto, que poderán incluír elementos de identidade gráfica, envase, embalaxe e comunicación sempre que estean asociados ao novo produto no mesmo proxecto.

Enténdese por deseño de novo produto a concepción e desenvolvemento de produtos que se perciban no mercado como novos ou, no caso de redeseño de produtos xa existentes, que se aprecie unha mellora substancial.

Quedan excluídos o deseño de produtos de ciclo curto, o deseño de servizos e o deseño de software e outros bens intanxibles.

Os proxectos que se presenten nesta liña deberán propoñer o deseño ou redeseño dun só produto ou dunha soa gama concreta de produtos.

Esta liña é incompatible, na mesma convocatoria e para o mesmo produto ou gama de produtos, coa liña de realización de proxectos de desenvolvemento tecnolóxico aplicado (procedemento IG131).

1.1.2. Proxectos de innovación tecnolóxica e calidade.

1.1.2.1. Proxectos de desenvolvemento tecnolóxico aplicado (procedemento IG131).

Os proxectos obxecto de apoio serán os de desenvolvemento tecnolóxico aplicado desenvolvidos por pemes que impliquen a creación ou mellora substancial dun produto, proceso produtivo ou servizo de maior nivel tecnolóxico para adecuar a súa oferta ás exixencias dos mercados.

As pemes de menos de 10 traballadores fixos ou que non dispoñan de persoal técnico propio deberán contratar con centros ou institucións tecnolóxicas o desenvolvemento do proxecto.

Os investimentos que poden ser financiados nesta liña terán que ser investimentos non produtivos (equipamentos e instrumental de laboratorio e experimentación e adquisición de tecnoloxía documentada).

Esta liña é incompatible, na mesma convocatoria e para o mesmo produto ou gama de produtos, coa liña de deseño de novo produto (procedemento IG129).

1.1.2.2. Proxectos de implantación e certificación de proxectos de I+D+i e de sistemas de xestión (procedemento IG132).

Os proxectos obxecto de apoio serán os de implantación e certificación de acordo coas normas UNE 166.001 (proxectos de I+D+i) e UNE 166.002 (sistemas de xestión da I+D+i).

Para considerar executada a fase de implantación, requirirase que se acredite o inicio do proceso de certificación.

No caso da norma 166.001, só se subvencionará a certificación de contido e primeira execución.

A entidade certificadora deberá estar acreditada por ENAC.

Nesta liña de axudas non se subvencionarán investimentos.

1.1.3. Proxectos de innovación en colaboración.

1.1.3.1. Proxectos de innovación en colaboración na cadea de valor (procedemento IG134).

Os proxectos obxecto de apoio serán os presentados por grupos de empresas cuxa actividade forme parte da cadea de valor global dun produto, a través de proxectos integrados de xestión loxística, ambiental ou enerxética e outros proxectos innovadores de implantación conxunta, como enxeñaría concorrente ou deseño distribuído, destinados a mellorar procesos e produtos de empresas relacionadas pola cadea de valor.

Consideraranse aqueles proxectos de innovación desenvolvidos colaborativamente entre, polo menos, tres pemes independentes entre si vinculadas pola cadea de valor dun ou varios produtos que traten de resolver de forma integrada a xestión loxística, ambiental ou enerxética das pemes participantes, preferentemente, con solucións de mercado.

1.1.3.2. Proxectos de identificación de necesidades tecnolóxicas, desenvolvemento de solucións técnicas e organizativas comúns e utilización de servizos avanzados compartidos por grupos de pemes (procedemento IG135).

Consideraranse aqueles proxectos desenvolvidos por, polo menos, tres pemes independentes, relacionadas por necesidades tecnolóxicas comúns que traballen colaborativamente para a súa solución mediante a realización de proxectos de estudos de identificación de necesidades tecnolóxicas, desenvolvemento de solucións técnicas e organizativas comúns ou utilización conxunta de servizos avanzados.

As pemes participantes en proxectos colaborativos de grupos de empresas deberán ter documentadas as súas relacións mediante un contrato, convenio ou acordo en que se establezan os dereitos e obrigas dos distintos suxeitos participantes.

Os proxectos que os organismos intermedios presenten a esta liña deberán contar cun mínimo de 5 pemes participantes.

1.2. Requisitos dos proxectos subvencionables:

a) Os proxectos subvencionables terán que acreditar a súa viabilidade técnica, económica, financeira e, se é o caso, ambiental.

b) No caso de proxectos que inclúan investimentos, o beneficiario deberá achegar unha contribución financeira, exenta de calquera tipo de apoio público, de polo menos un 25 % dos custos, xa sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo.

c) Os proxectos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude no Igape. Ningún dos custos alegados sobre os cales se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude da axuda; de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable. Serán subvencionables os investimentos e gastos que cumpran os requisitos destas bases, realizados e pagados unha vez presentada a solicitude de axuda e dentro do prazo concedido para a execución dos proxectos.

d) Non se concederá máis dunha axuda por cada liña a unha mesma peme ou a un mesmo organismo intermedio dentro da mesma convocatoria.

e) Non se concederá axuda a aqueles proxectos que, unha vez avaliados, recibirían unha axuda inferior a 3.000 €.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

2.1. A convocatoria das distintas liñas de axuda establecidas nesta base será obxecto de publicidade mediante resolución no Diario Oficial de Galicia en que se fixarán os créditos dispoñibles, prazo de presentación de solicitudes, documentación requirida e demais aspectos do procedemento ata o pagamento e peche do expediente.

2.2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2.3. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.4. As axudas estarán acollidas ao Real decreto 1579/2006, do 22 de decembro (BOE nº 29, do 2 de febreiro de 2007) e o Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto de 2008), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE.

2.5. A subvención aos proxectos estará cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, nun 80 %, no tramo da Administración xeral do Estado do programa operativo Galicia 2007/2013, que corresponde ao eixe E2, tema prioritario 09, actuación Programa Innoempresa, ou ben, dependendo do orzamento dispoñible para a súa execución, polo tramo da Administración autonómica do programa operativo Galicia 2007/2013, que corresponde ao eixe E2, tema prioritario 09, actuación 5. Están sometidos ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular os Regulamentos (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo (DOUE L 210/25, do 31 de xullo), Regulamento (CE ) nº 1080/2006, do 5 de xullo do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo) e Regulamento 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007). Os gastos subvencionables cumprirán os requisitos establecidos pola Orde EHA/524/08 do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE nº 53, do 1 de marzo de 2008).

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

Estas liñas de axuda son incompatibles con calquera outra subvención pública. A obtención doutras axudas ou subvencións ao mesmo proxecto deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarios

4.1. Coas limitacións establecidas para cada liña de axuda no artigo correspondente, poderán ser beneficiarios:

4.1.1. As pequenas e medianas empresas (pemes) segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 800/2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), que sexan sociedades con personalidade xurídica propia ou autónomos, que teñan un centro de traballo en Galicia no que se vaia realizar o proxecto, que desenvolvan actividades subvencionables e conten, polo menos, cun empregado a xornada completa con contrato laboral ou ben o equivalente en termos UTA (de acordo co artigo 5 do citado anexo I do Regulamento 800/2008).

4.1.1.1. Poderán ser beneficiarios as pemes dos sectores de industria (incluída a agroalimentaria), construción, turismo, comercio e servizos, e os organismos intermedios que desenvolvan proxectos para pemes destes sectores.

4.1.1.2. Non serán subvencionables as seguintes actividades:

a) As actividades relacionadas coa exportación, concretamente as directamente vinculadas ás cantidades exportadas, ao establecemento e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos correntes vinculados á actividade exportadora.

b) As axudas subordinadas á utilización preferente de produtos nacionais respecto a produtos importados.

c) As actividades de produción primaria dos produtos agrarios e as actividades nos sectores da pesca e da acuicultura dos produtos regulados polo Regulamento (CE) 104/2000:

– CNAE 09: divisións 01, 02, 03 e 05 (todos os grupos e clases agás 01.61, 01.62 e 02.40).

– CNAE 09: grupo 10.2 (todas as clases) e clase 46.38.

d) O sector da industria siderúrxica conforme a definición que recolle o anexo I das Directrices comunitarias sobre as axudas de Estado de finalidade rexional para o período 2007-2013 (2006/C 54/08):

• CNAE 09: grupos 24.1, 24.2 e 24.3 (todas as clases) e clases 24.51, 24.52.

e) O sector de fibras sintéticas conforme a definición que recolle o anexo II das Directrices comunitarias sobre as axudas de Estado de finalidade rexional para o período 2007-2013 (2006/C 54/08).

f) O sector do carbón e do aceiro:

• CNAE 09: división 05 (todos os grupos e clases).

g) O sector da construción naval consonte ao disposto na comunicación da Comisión DO C 160, do 28.10.2006:

• CNAE 09: clase 30.11.

4.2. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas cuxa actividade de subministradoras de bens ou prestadoras de servizos se desenvolva nos mesmos ámbitos para os cales solicitan a axuda.

4.3. Agás na liña de axuda denominada realización de proxectos de desenvolvemento tecnolóxico aplicado (procedemento IG131), poderán ser así mesmo beneficiarios os organismos intermedios, sempre que no proxecto subvencionable recollan a prestación de servizos de carácter innovador a un conxunto de pemes galegas ou con centro de actividade en Galicia que cumpran cos requisitos exixidos ás pemes neste artigo 4, definidas en canto ao seu número, condición de pequena ou mediana empresa, sector de actividade e ámbito xeográfico que, necesariamente, terán que participar na súa execución e nun mínimo dun 10 % no financiamento dos servizos recibidos. Os proxectos en que estean identificadas desde o inicio o 50 % ou máis das empresas participantes, terán unha consideración prioritaria, pero neste caso non se permitirá que das empresas inicialmente identificadas sexan posteriormente substituídas máis dun 25 %. Agás disposición en contrario establecida no artigo 1 destas bases para unha tipoloxía concreta de proxecto, exixirase un mínimo de 5 pemes participantes por proxecto.

Entenderase como organismo intermedio:

a) As organizacións públicas ou privadas, sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia, que de forma habitual presten servizos de apoio á innovación e á modernización nas súas diversas formas ás pemes e dispoñan de recursos materiais e humanos para impulsar e orientar os proxectos.

b) As entidades con participación maioritaria de capital público que presten de forma habitual servizos empresariais de apoio á innovación e á competitividade das pemes e promovan proxectos nos cales non persigan a obtención de beneficios.

4.4. Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 1.7 do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE 800/2008). Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

4.5. Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

Artigo 5. Condicións dos gastos subvencionables e intensidade da axuda

5.1. Só serán subvencionables aqueles gastos que de xeito inequívoco respondan á natureza da actividade subvencionada. Non serán subvencionables os servizos prestados ás pemes que constitúan unha actividade permanente ou periódica e que estean relacionados cos gastos de funcionamento normais da empresa.

5.2. O período de cobertura dos gastos e investimentos subvencionados, relativos ás actividades dos proxectos, denomínase prazo de execución do proxecto e abranguerá desde a data de solicitude da axuda ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión. Ningún dos custos alegados, sobre os cales se solicita subvención, poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude da axuda; de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable.

5.3. Os investimentos e gastos previstos polo solicitante deberán ser especificados na solicitude, coa planificación anualizada destes. O Igape, para cada proxecto que resulte aprobado, establecerá na resolución individual correspondente os investimentos subvencionados ata o remate do prazo de execución do proxecto.

5.4. Unha empresa participante nun proxecto promovido por un organismo intermedio non poderá ser, simultaneamente, colaborador externo dese proxecto.

5.5. Cando os beneficiarios directos das axudas sexan organismos intermedios, poderanse subvencionar os seguintes tipos de gasto, que reúnen os requisitos establecidos na Orde EHA/524/08, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE nº 53, do 1 de marzo de 2008):

a) Investimentos materiais e/ou inmateriais novos adquiridos en propiedade, excluídos a adquisición e acondicionamento de inmobles, gastos de mobiliario, medios de transporte e equipamento de oficina (agás elementos informáticos). A adquisición e adaptación de software considerarase investimento subvencionable. Sen prexuízo da aplicación das porcentaxes de subvención establecidas no artigo 5.15 destas bases, a subvención máxima por este concepto será de 55.000 € para organismos intermedios e 18.000 € para pemes.

b) Gastos de persoal técnico directamente relacionado coa execución do proxecto. Por persoal técnico enténdese persoal que desenvolva funcións técnicas (non administrativas nin directivas) específicas para a execución do proxecto de que se trate. Para estes efectos considerarase persoal técnico os técnicos superiores e medios (grupos de cotización 1 e 2). Para os demais casos, teranse en conta as funcións concretas que se van desenvolver na execución do proxecto e que sexa preciso unha capacitación profesional específica para levalas a cabo. Neste punto observaranse os máximos aplicables por categoría laboral especificados no anexo III destas bases.

c) Colaboracións externas: asistencia técnica, gastos externos de consultaría, titorización e servizos directamente relacionados coa execución do proxecto.

d) Viaxes interurbanas e aloxamento do persoal propio necesarios para a realización do proxecto. A este respecto haberá que aterse aos límites máximos especificados no anexo III destas bases.

e) IVE ou equivalente soportado polo beneficiario cando lle supoña un custo real, o que se acreditará mediante acordo de exención do IVE emitido pola Axencia Tributaria. No caso dos beneficiarios suxeitos a pro rata, a base subvencionable para este concepto calcularase con base na pro rata definitiva do último exercicio finalizado antes da concesión da subvención, sendo responsabilidade do beneficiario incluír o resultado final na liquidación das súas obrigas fiscais.

f) Gastos xerais, que non poderán superar o 10 % do orzamento subvencionable.

g) Os proxectos promovidos por organismos intermedios poderán destinar un máximo do 30 % do gasto subvencionable total a actividades de preparación e difusión, agás en casos excepcionais xustificados pola natureza do proxecto, que poderán acadar ata o 50 %.

5.6. Cando os beneficiarios directos das axudas sexan pemes, poderanse subvencionar os gastos descritos nas alíneas a) e c) do artigo 5.5. anterior; e os do punto 5.5.b) no caso dos proxectos do procedemento IG131: «Realización de proxectos de desenvolvemento tecnolóxico aplicado». As colaboracións externas subvencionables non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa como son os servizos rutineiros de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade.

5.7. De conformidade co artigo 36 do Regulamento (CE) 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto (DOUE L 214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE, a subvención aos gastos de asesoramento e apoio á innovación establecidos na alínea c) do artigo 5.5 anterior non poderán superar os 200.000 euros por beneficiario en calquera período de tres anos.

Para estes efectos, nos proxectos promovidos por organismos intermedios, cando eses servizos sexan prestados directamente polo organismo promotor ás empresas participantes e xustificados cos seus custos internos (persoal, viaxes, gastos indirectos), as limitacións contidas no devandito artigo 36 aplicaranse ao organismo intermedio, polo que este deberá reunir a condición de peme e estará directamente suxeito ao límite de subvención máxima en tres anos para este tipo de servizos.

Se os servizos se xustifican mediante factura emitida polo organismo ás pemes participantes polo custo total do servizo e as facturas son pagadas na súa totalidade polas ditas pemes, a limitación aplicarase a cada peme participante. Neste segundo caso, a factura deberá obrigatoriamente facer referencia ao importe que computa para efectos do citado artigo 36 e o límite de axudas que a empresa poderá percibir no futuro.

As empresas e os organismos intermedios implicados no desenvolvemento de proxectos subvencionables que recollan a prestación destes servizos de asesoramento e apoio á innovación deberán declarar responsablemente no formulario de solicitude as axudas de calquera entidade estatal, rexional ou local para servizos desa índole percibidas nos últimos tres anos.

5.8. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, o que deberá acreditar o solicitante. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse coa solicitude de axuda, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta economicamente máis vantaxosa. As ofertas deberán ter sinatura e selo orixinal do provedor. Para modificar o provedor seleccionado deberá pedir previamente á súa contratación autorización ao Igape e xustificar as razóns do cambio.

5.9. Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes do remate do prazo de execución do proxecto, e deberá constar neste momento o vencemento e pagamento de todas as cantidades aprazadas e efectuados todos os pagamentos por calquera concepto.

5.10. O investimento terá que incluírse no activo da empresa e manterse no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada. Todos os investimentos deberán realizarse en bens novos.

5.11. No caso de investimento en activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente na empresa beneficiaria da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse a terceiros en condicións de mercado sen que o adquirente estea en posición de exercer control sobre o vendedor, ou viceversa.

5.12. Para a determinación dos importes subvencionables observaranse, de ser o caso, os criterios e módulos de custo máximo subvencionable que poida aprobar a mesa de directores prevista no artigo 13 do Real decreto 1579/2006 para os distintos conceptos que, de ser o caso, prevalecerán sobre os seus prezos de adquisición. Os citados criterios e módulos deberán ser publicados na páxina web do Igape, con carácter previo á publicación das resolucións das solicitudes.

En ningún caso, os custos de adquisición que sexan gastos subvencionados poderán ser superiores aos valores de mercado.

5.13. Os gastos subvencionables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. En ningún caso o beneficiario poderá concertar a execución total ou parcial das actividades.

5.14. No caso de que o beneficiario sexa un organismo intermedio, os xustificantes dos gastos en que incorran as pemes participantes e os eventuais patrocinadores admitiranse como xustificantes da realización dos gastos do proxecto.

5.15. A subvención poderá chegar ata o 40 % dos investimentos subvencionables, e ata o 50 % se se dirixe exclusivamente a pequenas empresas, sen superar as limitacións especificadas nos puntos anteriores. Para os restantes gastos subvencionables a axuda poderá chegar ata o 50 %. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que supere o custo elixible do proxecto.

Artigo 6. Criterios de avaliación e selección de proxectos

6.1. Condicións necesarias para a avaliación dos proxectos:

a) Que sexan técnica, económica e financeiramente, e, se é o caso, ambientalmente, factibles.

b) Que sexan completos, é dicir, que aínda que sexan ampliables e mellorables no futuro, sexan totalmente suficientes para a súa aplicación.

c) Que o número de pemes participantes sexa como mínimo de 5 no caso de proxectos promovidos por organismos intermedios, e de 3 no caso de proxectos promovidos por pemes nos procedementos IG134 e IG135 (Innovación en colaboración).

6.2. Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:

– Carácter innovador: 0 a 18 puntos.

– Grao de elaboración e concreción: 0 a 10 puntos.

– Capacidade e experiencia do director do proxecto do equipo interno que participa no seu desenvolvemento, así como das principais colaboracións externas se as houber: 0 a 18 puntos.

– Eficacia e idoneidade prevista do proxecto (en función das características das solucións que se van implantar ou metodoloxía de execución, segundo os casos) para a peme ou conxunto de pemes destinatarias: 0 a 15 puntos.

– Inserción nun plan ou actuación especial do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo e/ou da Comunidade Autónoma de Galicia: 0 a 15 puntos. Valoraranse, sen superar a puntuación máxima, con 10 puntos os proxectos que se desenvolven nos concellos das provincias de Lugo e Ourense, das comarcas de Ferrolterra e os da Costa da Morte, relacionados no anexo IV a estas bases de «Localizacións preferentes»; con 5 puntos os que se desenvolvan no resto das localizacións preferentes do anexo V; con 5 puntos os proxectos de empresas asociadas a clústers constituídos en Galicia e con 5 puntos as empresas de sectores prioritarios establecidos no anexo V.

– Puntuación alternativa segundo que o proxecto sexa individual ou de organismo intermedio:

• En proxectos de organismos intermedios asignaranse 5 puntos como base, e ata 8 puntos adicionais segundo o grao de identificación das pemes participantes nos proxectos.

• En proxectos promovidos por pemes, asignaranse ata 13 puntos segundo o impacto previsible do proxecto na competitividade da empresa.

– Creación de emprego: asignaránselles 3 puntos aos proxectos de solicitantes que se comprometan a crear polo menos un novo emprego (en termos de traballo anual equivalente) no período de execución do proxecto. Asignaranse 2 puntos adicionais se o compromiso relativo a algún dos empregos que se van crear nese período corresponde a colectivos con dificultades de acceso ao emprego: persoas desempregadas que esgotasen as prestacións por desemprego, persoas desempregadas de máis de 45 anos, mozas e mozos menores de 30 anos, vítimas de violencia de xénero, persoas con discapacidade, persoas desempregadas que pertencen a colectivos en risco de exclusión social ou mulleres desempregadas.

6.3. A puntuación total obtida por cada proxecto por aplicación do baremo do punto anterior multiplicarase por un coeficiente de ponderación segundo cada liña de apoio:

– Procedemento IG127: multiplicarase por 1,1.

– Procedemento IG129: multiplicarase por 1,3.

– Procedemento IG131: multiplicarase por 1,3.

– Procedemento IG132: multiplicarase por 1,0.

– Procedemento IG134: multiplicarase por 1,4.

– Procedemento IG135: multiplicarase por 1,2 para proxectos de organismos intermedios e por 1,4 para proxectos de pemes.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

7.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

7.2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

7.3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

A devandita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais á entidade colaboradora do Igape, á entidade financeira en que se aboe o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e ás demais cesións previstas na lei.

O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición respecto do contido dos rexistros antes citados, ante a Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, sito no Edificio Administrativo de San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, en aplicación do disposto no Decreto 132/2006.

7.4. A presentación da solicitude polo interesado comportaralle a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar as certificacións coa solicitude.

7.5. No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de emisión do certificado telemático, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

7.6. A presentación da solicitude tamén autoriza o órgano xestor para acceder ao Sistema de verificación de datos de identidade, co fin de evitar a presentación do DNI do solicitante ou do seu representante legal. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar o DNI coa solicitude.

7.7. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

Artigo 8. Solicitudes

8.1. Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

8.2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

8.3. Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

8.4. As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. Na instancia será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, concedéndolles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se lles terá por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivo.

8.5. A instancia de solicitude deberá vir acompañada da seguinte documentación:

8.5.1. Para todas as liñas de axuda:

a) No caso de persoas xurídicas: escritura ou documento xuridicamente válido de constitución e de nomeamento do representante legal e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.

b) No caso de pemes, informe de vida laboral da empresa desde o 1 de xaneiro do ano da convocatoria da axuda.

c) Os organismos intermedios: certificado de exención de IVE, de ser o caso; os organismos públicos deberán facer referencia á norma que os rexe; se no proxecto aprobado o organismo se comprometera á creación de emprego, deberá achegar tamén informe de vida laboral desde o 1 de xaneiro do ano da convocatoria da axuda.

d) As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3º da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.8 das bases reguladoras. Calquera cambio na oferta seleccionada deberá contar coa autorización do Igape, segundo o disposto no citado artigo.

8.5.2. Para as liñas dos procedementos IG134 e IG135 e no caso de grupos de empresas individuais: contrato, convenio ou acordo de colaboración.

De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa estea en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

8.6. O interesado presentará a instancia de solicitude co IDE e a documentación anexa, en orixinal ou copia compulsada, no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, no rexistro da Axencia Galega de Innovación (GAIN), nas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8.7. Así mesmo, os interesados poderán asinar electronicamente a instancia de solicitude co IDE e presentala no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). Neste tipo de presentación, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 8.5, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao/á interesado/a a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Para achegar xunto coa instancia de solicitude os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato pdf. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato pdf sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento pdf ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do pdf non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dunha soa persoa física. No caso de que deba ser asinada por máis dunha persoa (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada etc.), deberá anexar necesariamente un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato pdf para ser anexado.

d) Unha vez asinada a instancia de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos da alínea b) anterior, tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante indicase no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso, o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño).

8.8. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante. As modificacións da solicitude inicial deberán ser presentadas utilizando a aplicación informática para xerar un formulario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas aclaracións.

Artigo 9. Órganos competentes

A Área de Competitividade será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, para o cal poderá contar coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN), e correspóndelle ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica por delegación do Consello de Dirección do Igape, ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 10. Entidades colaboradoras

De conformidade co establecido no artigo 9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape poderá designar entidades colaboradoras para a xestión da subvención, cumprindo os requisitos do artigo 10 da mencionada lei. As entidades colaboradoras designaranse segundo a súa experiencia na xestión de proxectos. Non se prevé a constitución de garantía por parte das entidades colaboradoras salvo que a colaboración inclúa o aboamento directo das subvencións, neste caso prevese que as entidades previstas no artigo 13.4 da Lei de subvencións no procedemento de selección constituirán garantía polo 1 % do orzamento previsto.

Artigo 11. Instrución dos procedementos

11.1. As solicitudes de axuda serán avaliadas polos servizos dos órganos instrutores ou das súas entidades colaboradoras, de ser o caso, en función dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario e a documentación presentada e elaborará unha relación delas coa puntuación que lle corresponde a cada unha, en aplicación dos criterios de valoración establecidos no artigo 6 destas bases.

11.2. No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.

11.3. A proposta de resolución provisional das solicitudes puntuadas que cuantificará, se é o caso, as subvencións propostas e conterá unha lista de reserva, vixente ata a emisión da resolución definitiva, para cubrir posibles revogacións ou desistencias, publicarase na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es e no taboleiro de anuncios do Igape, no prazo máximo de 4 meses desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes.

11.4. A proposta seralles notificada individualmente a todos os interesados.

11.5. Os interesados poderán formular alegacións no prazo de dez días contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da devandita proposta de resolución provisional.

11.6. Unha vez analizadas as ditas alegacións, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, na cal se reflectirá a contía da axuda concedida a cada solicitude.

11.7. A resolución definitiva será publicada na páxina web do Igape no enderezo
www.tramita.igape.es, na da Axencia Galega de Innovación (GAIN) no enderezo
http://gain.xunta.es/ e nos taboleiros de anuncios do Igape e da Axencia Galega de Innovación (GAIN). Os interesados poderán descargar a súa notificación individual da parte da resolución que os afecta no enderezo citado, introducindo o código indicado na notificación da proposta de resolución provisional.

Na resolución de concesión de axuda farase constar o importe do concepto subvencionable que hai que xustificar, a contía e porcentaxe da axuda concedida, o prazo máximo para executar o proxecto e o prazo máximo para presentar a xustificación ao Igape. Así mesmo, constará a obriga por parte do beneficiario de indicar en todo labor de difusión, publicidade ou análogo da actividade subvencionada, a mención expresa de que a dita actuación foi financiada polo Igape, pola Consellería de Economía e Industria e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

Na resolución das axudas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional farase constar ao beneficiario a súa inclusión na lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

11.8. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da publicación da resolución definitiva sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nas bases reguladoras da axuda e nas demais disposicións legais e regulamentarias que sexan de aplicación. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992. No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

11.9. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses contados desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes, e nunca posterior ao 31 de decembro de 2013. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución

13.1. Unha vez que se dite a resolución de concesión, nos proxectos individuais non se admitirán modificacións a ela.

13.2. Nos proxectos propostos por organismos intermedios ou grupos de empresas poderanse solicitar modificacións da resolución, agás ampliacións dos prazos de execución, tramitando o formulario sinalado no artigo 8 destas bases e presentando a súa instancia dirixida ao director do Instituto Galego de Promoción Económica. A solicitude de modificación deberá presentarse con anterioridade mínima de tres meses ao vencemento do prazo de execución do proxecto. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, logo da instrución do correspondente expediente no cal se lles dará audiencia aos interesados.

13.2.1. En ningún caso a modificación poderá supoñer a elevación da contía da base subvencionable e da axuda inicialmente aprobadas, nin se admitirán nin aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 50 % do gasto subvencionable inicialmente aprobado, que danen dereitos de terceiros ou teñan en conta requisitos ou circunstancias que debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución tiveron lugar con posterioridade a ela.

13.3. Sen necesidade de instar procedemento de modificación ou de incumprimento da subvención, o Igape poderá aceptar variacións nos diversos capítulos de gasto aprobados coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou en menos, non supere o 20 % de cada capítulo e que, no seu conxunto, non varíe o importe total do gasto aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

Artigo 14. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión e, de ser o caso, manter os investimentos durante polo menos tres anos desde a finalización do dito prazo. Na súa virtude, a axuda concedida só será definitiva se a situación inicial tida en conta para a concesión non sofre unha modificación substancial que afecte a natureza do investimento, o cesamento da actividade ou os postos de traballo. A axuda está condicionada ao respecto desas condicións e poderá ser obxecto dun procedemento de reintegro noutro caso.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea; achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un prazo de tres anos contados desde o peche do programa operativo Feder Galicia 2007-2013. Todo isto, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control; e deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas con gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

f) Dar publicidade ao financiamento dos gastos que sexan obxecto de subvención, consistente na inclusión da imaxe institucional do Igape, a Consellería de Economía e Industria, o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo e o Feder, así como lendas relativas ao financiamento público nos postos, carteis, placas conmemorativas, materiais impresos que vaian ser obxecto de difusión máis alá do uso exclusivo do solicitante, medios electrónicos audiovisuais, convocatorias e difusión de eventos ou ben en mencións realizadas nos medios de comunicación, que teñan relación co proxecto subvencionado, sen prexuízo das normas sobre publicidade establecidas na normativa comunitaria que, de ser o caso, sexan de aplicación, así como as normas e instrucións contidas no manual de imaxe corporativa da Xunta de Galicia. Os logotipos poderanse descargar no enderezo da internet http://www.igape.es

Para dar publicidade do financiamento atenderase ao establecido no Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia (DOG núm. 227, do 19 de novembro) e nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, e no artigo 1, números 1) e 2) do Regulamento (CE) núm. 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro. Estas medidas están recollidas na «Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013», que se pode consultar na páxina web www.conselleriadefacenda.es

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

i) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 15. Xustificación da subvención

15.1. O beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento da subvención no prazo improrrogable dun mes desde o remate do prazo de execución establecido na resolución de concesión e nunca posteriormente ao 30 de outubro do exercicio correspondente á anualidade establecida na resolución de concesión (no caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo finalizará o día hábil seguinte), excepto no caso de presentación de recurso administrativo, en que a data límite se establecerá na resolución que o resolva.

15.2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa.

15.3. A solicitude de cobramento presentarase mediante a instancia normalizada que a título informativo figura como anexo II a estas bases, na cal será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

15.4. O beneficiario presentará a solicitude de cobramento co IDEL no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nos da Axencia Galega de Innovación (GAIN), nas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xunto coa documentación establecida no artigo 15.6 en orixinal ou copia compulsada.

Así mesmo, poderá asinar electrónicamente a instancia de solicitude de cobramento co IDEL e presentala no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), sempre que cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 8.7. Neste tipo de presentación, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, o beneficiario deberá achegar coa solicitude de cobramento as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 15.6, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao beneficiario a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

15.5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

15.6. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

a) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do gasto da actividade.

b) A documentación acreditativa do pagamento, por algún dos seguintes medios:

i) Xustificante de transferencia bancaria ou documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de execución do proxecto, así como o seu cargo en conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Os extractos bancarios a través da internet deberán ter estampado o selo orixinal da entidade financeira.

ii) Certificación bancaria orixinal conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como a data efectiva desta.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, selada e asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas no proxecto e, ademais algún dos seguintes documentos: relación emitida e selada polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibo orixinal asinado e selado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ao proxecto.

c) Os gastos de persoal técnico, de existiren, xustificaranse mediante nóminas e TC e acreditación do seu pagamento, xunto cunha folla de traballo por cada técnico, asinada por este e polo responsable do organismo, onde se reflicta a súa dedicación ás fases, tarefas ou fitos do proxecto.

d) Para os gastos xerais, de existiren, presentarase informe xustificativo específico da cantidade imputada ao proxecto en función da totalidade de gastos xerais do organismo, así como as facturas e gastos correspondentes pola cantidade imputada.

e) Informe-memoria de execución do proxecto.

f) A copia en formato impreso ou en formato dixital –que permita a súa lectura–, de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 14.f) destas bases.

g) Informe de vida laboral do período de execución do proxecto:

i) As pemes deberán presentar, en todos os casos, informe de vida laboral do período de execución do proxecto. Se existe compromiso de creación de emprego, deberán acompañar tamén copia dos contratos formalizados nese período rexistrados no SEPE. Se o compromiso era de creación de emprego nalgún colectivo con dificultades de acceso ao emprego, deberán achegar relación, selada e asinada polo representante legal da empresa, dos contratos indicando: nome, apelidos e NIF, co obxecto de solicitar os informes oportunos ao Servizo Público de Emprego de Galicia, respecto do cumprimento dos requisitos para a pertenza ao dito colectivo.

ii) Os organismos intermedios só deberán achegar o informe de vida laboral e a copia dos contratos se no proxecto aprobado se comprometesen á creación de emprego.

h) Os organismos intermedios deberán achegar, ademais:

– Xustificación do cofinanciamento dos gastos das pemes participantes: facturas emitidas dentro do período de execución do proxecto e acreditación do seu pagamento efectivo dentro do mesmo prazo.

– Por cada empresa participante: declaración de peme segundo os criterios da Comisión Europea, declaración de non ter débedas pendentes coa AEAT, Seguridade Social e C.A. de Galicia, declaración doutras axudas e declaración da participación no proxecto, segundo o modelo publicado na páxina web do Igape. Este documento non será válido se non está cuberto en todos os seus puntos.

15.7. O beneficiario deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade nos cales se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 14.f): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

15.8. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, para ser beneficiario da axuda.

15.9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, se é o caso, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 16. Aboamento das axudas

16.1. O aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización total do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

16.2. Os órganos competentes do Igape ou as súas entidades colaboradoras poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presente, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

16.3. Sen necesidade de iniciar procedemento de reintegro, no caso de que o beneficiario xustifique gastos por importe inferior ao establecido na resolución de concesión, e sempre e cando o gasto xustificado iguale ou supere o 50 % do gasto subvencionable establecido, non desvirtúe o proxecto aprobado e o beneficiario manifeste a súa conformidade, o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada calculado en función da porcentaxe subvencionada do custo final da actividade.

Artigo 17. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

17.1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de mora correspondentes.

17.2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

17.3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, polo que deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, de ser o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, e deberán, de ser o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) Non será necesario iniciar procedemento de incumprimento cando se xustifiquen gastos por importe inferior ao aprobado na resolución de concesión, sempre que non sexan inferiores ao 50 % daquel, que a minoración non desvirtúe o proxecto, que se cumpran o resto das condicións da resolución e que o beneficiario manifeste a súa conformidade coa minoración proporcional da subvención en función dos gastos xustificados.

c) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida.

Artigo 18. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 20. Comprobación de subvencións

20.1. O órgano concedente e as súas entidades colaboradoras comprobarán a adecuada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de pagamento será de tres anos a partir do peche do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, tal como se define no artigo 89.3 do Regulamento 1083/2006 do Consello.

20.2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

20.3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Publicidade

21.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

21.2. De acordo co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións. Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Real decreto 1579/2006, do 22 de decembro (BOE nº 29, do 2 de febreiro de 2007), no Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto (DOUE L 214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE, no Regulamento (CE) nº 1083/2006, xeral de fondos (modificado polo Regulamento (CE) nº 846/2009), no Regulamento (CE) nº 1080/2006, do 5 de xullo do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo) e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, aplicarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file