Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Mércores, 3 de xullo de 2013 Páx. 26149

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 101/2013, do 27 de xuño, polo que se modifica o Decreto 51/2008, do 6 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística creouse pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, como instrumento fundamental para velar pola utilización racional do solo conforme o disposto no ordenamento urbanístico.

Segundo o disposto na Lei 16/2010, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística ten natureza de consorcio autonómico, e é unha entidade instrumental da Administración xeral da Comunidade Autónoma dotada de personalidade xurídica propia e suxeita na súa actividade ás normas que rexen a organización, o funcionamento e a actuación das administracións públicas e, no non previsto nelas, ao disposto nos seus estatutos. Para tales efectos, o Consello da Xunta de Galicia mediante o Decreto 217/2007, do 31 de outubro, aproba os estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

A estrutura orgánica da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística regúlase no Decreto 51/2008, do 6 de marzo, modificado polo Decreto 451/2009, do 23 de decembro. Nel establécense as distintas unidades administrativas existentes e as funcións asignadas a cada unha delas, pero xorde a necesidade de modificar as citadas unidades pola situación de crise que estamos a vivir, polos desaxustes postos de manifesto no quefacer diario da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística desde a data da súa creación e para dar cumprimento ao disposto no artigo 25 da Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

Na liña sinalada no parágrafo anterior no relativo á situación de crise que estamos a vivir, a Xunta de Galicia, tal e como indica a exposición de motivos da Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, vén realizando desde o ano 2009 unha forte racionalización do gasto público, cun esforzo continuado de redución deste, corresponde realizar no ano 2013 axustes importantes no gasto público improdutivo e menos prioritario, fundamentalmente en materia de persoal.

Pola súa banda, o artigo 25 da Lei 2/2013 sinala que non se inclúen no anexo de persoal da citada lei, e polo tanto carecen de dotación orzamentaria, as prazas das relacións de postos de traballo que se atopen vacantes sen ocupación, e obriga a modificar estas co obxecto de amortizar as prazas que carecen de dotación orzamentaria. Este precepto afectou a varias prazas desta axencia, en concreto, e polo que agora interesa, as xefaturas do Servizo de Inspección Urbanística I e do Servizo de Provincial de Pontevedra. Dado que as citadas prazas se consideran imprescindibles e de imposible eliminación, esta axencia vese obrigada a efectuar unha modificación en profundidade da súa estrutura orgánica para dar cumprimento ao sinalado no artigo 25 da Lei 2/2013, tendo en conta igualmente a experiencia adquirida no seu quefacer diario desde a data da súa creación.

En definitiva, co obxecto de dar continuidade á senda de austeridade no gasto público iniciada pola Administración da Comunidade Autónoma galega, de fomentar as políticas de saída da crise económica existente a todos os niveis, de dar cumprimento ao preceptuado no artigo 25 da Lei 2/2013 e de acadar unha Administración máis eficaz e máis eficiente mediante a adecuación das súas necesidades de funcionamento postas de manifesto no desenvolvemento do seu labor cotián; procede realizar unha modificación do Decreto 51/2008, do 6 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística nos seguintes termos:

– Eliminación do Servizo de Inspección do Litoral e do Servizo de Ditames e Informes; as funcións asignadas no decreto serán asumidas polos servizos de Inspección Urbanística I, II e II en función do ámbito territorial de actuación.

– Eliminación nas funcións encomendadas aos servizos de Inspección I, II e III da incoación dos procedementos en materia de disciplina consonte o disposto na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e consonte o disposto na Lei 22/1988, de 28 de xullo, de costas.

– Atribución aos servizos provinciais da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística da función de elaboración das propostas de incoación de procedementos en materia de disciplina consonte o disposto na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e consonte o disposto na lei 22/1988, de 28 de xullo, de costas, e a súa remisión á Dirección da Axencia, órgano competente para a incoación en exercicio da función de «dirección e impulso da actividade da Axencia» que lle atribúe o artigo 18.c) do Decreto 213/2007, do 31 de outubro.

– Eliminación da función de tramitación de autorizacións na zona de servidume de protección do dominio público marítimo– terrestre atribuída as unidades administrativas provinciais da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, unha vez emitidos os informes da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de xuño de dous mil trece,

DISPOÑO

Artigo único. Modificación do Decreto 51/2008, do 6 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

1. Modifícase o artigo 4.2 da estrutura orgánica da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, que queda redactado como segue:

Dependendo da Subdirección da Axencia existirán as seguintes unidades administrativas:

a) Servizo de Inspección Urbanística. Serán tres e terán os seguintes ámbitos territoriais de actuación:

– Servizo de Inspección Urbanística I: provincia da Coruña.

– Servizo de Inspección Urbanística II: provincia de Pontevedra.

– Servizo de Inspección Urbanística III: provincias de Lugo e Ourense.

A estes servizos corresponderanlles as funcións de:

– Coordinación e seguimento das actuacións de inspección urbanística.

– Instrución dos procedementos en materia de disciplina urbanística consonte o disposto na Lei 9/2002, do 30 de decembro. de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e consonte o disposto na Lei 22/1988, de 28 de xullo, de costas.

– Tramitación de recursos administrativos.

– Asesoramento e asistencia aos órganos directivos da axencia en materia de disciplina urbanística e de costas.

– En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola Dirección da Axencia.

b) Servizo Técnico. A este servizo corresponderanlle as funcións de:

– Análise e elaboración de proxectos técnicos.

– Dirección facultativa de obras.

– Cartografía.

– Emisión de informes técnicos e periciais.

– Valoración económica de obras.

– Asesoramento e asistencia aos órganos directivos da Axencia nas materias propias da súa competencia.

– En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola Dirección da Axencia.

2. O artigo 5 da estrutura orgánica da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística terá a seguinte redacción:

Artigo 5. Unidades administrativas provinciais

1. En cada unha das provincias da Comunidade Autónoma de Galicia existirá un servizo provincial.

2. A cada servizo provincial corresponderanlle as funcións de:

– Inspección e vixilancia sobre os actos de edificación e uso do solo.

– Levantamento de actas de inspección.

– Denuncia e investigación de posibles infraccións en materia de urbanismo ou de costas.

– Elaboración de propostas de incoación de procedementos de reposición da legalidade en materia de urbanismo e en materia de costas e a súa remisión á Dirección da Axencia.

– Execución das ordes de precintaxe de obras.

– Información aos particulares.

– En xeral, canto asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola Dirección da Axencia.

Disposición derrogatoria

Única. Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación do Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de xuño de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas