Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Mércores, 24 de xullo de 2013 Páx. 29527

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 16 de xullo de 2013 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala superior de estatísticos/as.

De conformidade co establecido no Decreto 55/2011, do 31 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011 (Diario Oficial de Galicia núm. 66, do 4 de abril), esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe o Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia (en diante TRLFPG),

DISPÓN:

Convocar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala superior de estatísticos, con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo será a cobertura de catro (4) prazas da escala superior de estatísticos do corpo superior da Xunta de Galicia, subgrupo A1, polas quendas de promoción interna e acceso libre. O sistema selectivo será o de oposición.

I.1.1. O número de vacantes reservadas á quenda de promoción interna ascende a dúas (2) prazas. O número total de vacantes reservadas á quenda de acceso libre ascende a dúas (2) prazas.

As prazas reservadas á quenda de promoción interna que non se cubran acumularanse á quenda de acceso libre.

I.1.2. De conformidade coa disposición adicional sétima do TRLFG e co Decreto 55/2011, do 31 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, do total de prazas convocadas reservarase unha (1) para ser cuberta por persoas con discapacidade cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33 %.

Esta cota de reserva aplicarase á quenda de acceso libre.

No suposto de que as prazas cubertas por persoas con discapacidade acaden a taxa do 3 % das prazas convocadas, as non cubertas acumularanse ás restantes de acceso xeral.

No suposto de que as ditas prazas cubertas non acaden a taxa do 3 % das prazas convocadas, as non cubertas acumularanse á cota do 7 % da oferta seguinte, cun límite máximo do 12 %.

Se algún/algunha aspirante con discapacidade que se presente pola cota de reserva de persoas con discapacidade supera os exercicios pero non obtén praza, e a súa puntuación é superior á obtida por outros/as aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluído/a pola súa orde de puntuación neste sistema.

De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante os procesos selectivos darase un tratamento diferenciado ás dúas quendas, no que se refire ás relacións de admitidos/as e excluídos/as, aos chamamentos aos exercicios e á relación de aprobados/as. Non obstante, ao finalizar o proceso, elaborarase unha relación única na cal se incluirán todos/as os/as candidatos/as que superasen todas as probas selectivas, ordenados/as pola puntuación total obtida, con independencia da quenda pola que participasen.

I.1.3. Os/as aspirantes só poderán participar nunha das quendas citadas. Se da instancia que presenten non se deduce a súa opción, serán excluídos/as nas listas provisionais que se publiquen. De non emendaren o defecto na solicitude, quedarán definitivamente excluídos. Tras a publicación da listaxe definitiva de admitidos e excluídos non se permitirá ningún cambio de quenda ou calquera tipo de corrección ou aclaración ao respecto.

I.1.4. Ao presente proceso selectivo seralle aplicable a Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público (en diante EBEP), o TRLFPG e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos dos/as candidatos/as.

Para seren admitidos/as aos procesos selectivos os/as aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes, e manter ata o momento da toma de posesión como funcionarios/as de carreira os seguintes requisitos:

I.2.1. Para promoción interna:

I.2.1.1. Idade: non pasar da idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.1.2. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter o título de licenciado/a universitario/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a ou grao.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación, de ser o caso.

1.2.1.3. Pertencer como funcionario/a de carreira a algún dos corpos ou escalas integrados no actual subgrupo A2 da Xunta de Galicia (corpo de xestión ou corpo facultativo de grao medio).

1.2.1.4. Ter prestado servizos efectivos como funcionario/a de carreira nalgún dos corpos ou escalas integrados no actual subgrupo A2 da Xunta de Galicia (corpo de xestión ou corpo facultativo de grao medio) desde o cal participen durante polo menos dous anos, computados desde o ingreso ou desde a integración nel.

Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais e de excedencia para o coidado de fillos/as e familiares (artigo 54 e 57 do TRLFPG).

I.2.1.5. Capacidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

I.2.1.6. Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de persoal funcionario, nin pertencer ao mesmo corpo, escala ou especialidade a cuxas probas selectivas se presenten.

I.2.2. Para acceso libre.

I.2.2.1. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

I.2.2.2. Idade: ter feitos dezaseis anos e non pasar da idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.2.3. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter o título de licenciado/a universitario/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a ou grao.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación, de ser o caso.

I.2.2.4. Capacidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións

I.2.2.5. Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de persoal funcionario, nin pertencer ao mesmo corpo, escala ou especialidade a cuxas probas selectivas se presenten.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

I.2.2.6. Ademais dos requisitos anteriores, os aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacitados terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33 %.

I.3. Solicitudes.

As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán facelo constar no modelo de solicitude, que será facilitado gratuitamente na internet e aboar a taxa que estea vixente no momento de presentala que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.

O prazo para presentar as solicitudes será de vinte días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

1) Forma de cubrir a solicitude:

O modelo de solicitude estará á disposición de todas as persoas que desexen participar no proceso selectivo na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es), seguindo a ruta «Función pública»-«Procesos selectivos»-«Xeración e presentación de instancias», en dúas modalidades, segundo se dispoña ou non de certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) ou DNI electrónico.

Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, as/os solicitantes deberán consignar todos os datos que aparecen na pantalla e posteriormente validalos e confirmalos.

As/os aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, a que se refire a base I.2.2.6., deberán indicalo expresamente na solicitude e especificar o grao de discapacidade recoñecido polo órgano competente. Estes aspirantes poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria, todo isto conforme o contido na Lei 13/1982, do 7 de abril, e no Decreto 55/2011, do 31 de marzo (Diario Oficial de Galicia nº 66, do 4 de abril), polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

Os/as solicitantes das adaptacións sinaladas poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto, deberán presentar, antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia debidamente compulsada do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

2) Forma de aboar as taxas:

Unha vez confirmada a alta da solicitude, a/o solicitante, segundo estea ou non nos supostos previstos, deberá seguir os seguintes pasos:

• Exenta/o de pagamento: de acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentos do pagamento:

Do importe total da taxa:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

Unha vez elixida esta opción, a/o solicitante poderá imprimir a solicitude cuberta e deberá presentar, antes do remate do prazo fixado, orixinal ou copia debidamente compulsada dos seguintes documentos xustificativos da exención do pagamento segundo os supostos en que se atopen:

Discapacitados:

– Certificado de discapacidade.

Familia numerosa ordinaria ou especial:

– Certificado de familia numerosa de carácter ordinario ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

Demandantes de emprego:

– Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que a/o aspirante figura como demandante de emprego desde polo menos seis meses antes á data da convocatoria.

– Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

A dita documentación deberá ser presentada nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de correos e demais lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRX-PAC).

Nestes supostos, considerarase como data válida a de presentación dentro do prazo da documentación sinalada para acreditar a exención do pagamento.

• Non exenta/o de pagamento: a/o solicitante poderá realizar o pagamento dun dos seguintes xeitos:

Pagamento presencial.

– Deberá seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento (modelo AI) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante.

Pagamento telemático.

Sen certificado dixital:

– Deberá introducir os datos da tarxeta de crédito ou débito na opción de pagamento telemático e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

Con certificado dixital:

– Poderán realizar o pagamento con cargo á conta do/a titular do certificado desde a opción de pagamento telemático e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

En ambos os casos considerarase como data válida de presentación da solicitude a de realización da operación de ingreso da taxa, sen que sexa necesario presentar ningún dos documentos xerados nos lugares previstos no artigo 38 da LRX-PAC.

Para a devolución da taxa aboada os/as solicitantes deberán figurar como excluídos/as nas listaxes definitivas e seguir o procedemento que se sinale na resolución pola que se aproben.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso dos solicitantes admitidos provisional ou definitivamente.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento seguindo as instrucións iniciais e seleccionando na pantalla a opción de consulta.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as/os solicitantes poderán poñerse en contacto telefónico co centro informático CIXTEC no número 981 54 13 00, das 8.30 ás 20.00 horas de luns a venres e os sábados das 10.00 ás 14.00.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, o titular da Dirección Xeral da Función Pública aprobará as listaxes provisionais de aspirantes admitidas/os e excluídas/os a través dunha resolución que será publicada no DOG e nos lugares determinados pola normativa vixente, con indicación dos seus apelidos, nome e número do documento nacional de identidade, das causas das exclusións que procedan e do lugar en que se atoparán expostas.

I.4.2. As/os aspirantes excluídas/os disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da dita publicación da resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de corrección entenderase implícitas na resolución pola que se publique a listaxe definitiva de aspirantes admitidas/os e excluídas/os. Estas listaxes aparecerán na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

Unha vez transcorrido o prazo sinalado, o titular da Dirección Xeral da Función Pública ditará unha nova resolución pola que se aproben as listaxes definitivas de aspirantes admitidas/os e excluídas/os.

O feito de figuraren na relación de admitidas/os non prexulgará que se lles recoñeza aos/ás aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar despois de superar a oposición se desprenda que non posúen algún dos requisitos, os/as interesados/as decaerán en todos os dereitos que puideren derivar da súa participación.

II. Proceso selectivo.

II.1. Oposición.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo I desta orde. Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que no momento de publicación no DOG do nomeamento do tribunal do proceso conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

As probas da oposición consistirán na superación dos seguintes exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios.

II.1.1.1. Primeiro exercicio, consistirá en contestar por escrito un cuestionario de cento vinte (120) preguntas tipo test, máis tres (3) preguntas de reserva, con catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das cales só unha delas será a correcta, correspondentes á totalidade do programa que figura no anexo I desta orde.

O tribunal procurará que o número de preguntas garde a debida proporción co número de normas e temas que integran o programa.

O exercicio terá unha duración máxima de catro (4) horas.

Os/as aspirantes procedentes da quenda de promoción interna, estarán exentos neste exercicio da parte xeral do programa.

Ao remate da proba, cada aspirante poderá obter copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e as respostas correctas no mesmo lugar en que se realizou e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

O exercicio cualificarase de 0 a 100 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 50 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar esta puntuación mínima, para o cal terá en conta que por cada tres (3) respostas incorrectas se descontará unha correcta.

Este exercicio realizarase no prazo máximo de corenta (40) días hábiles desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

A data de realización deste exercicio non será anterior ao 1 de novembro de 2013.

II.1.1.2. Segundo exercicio. Consistirá na resolución por escrito de tres (3) supostos teórico-prácticos sobre as seguintes partes do programa: I. Estatística teórica, II. Mostraxe e III. Demografía e estatística aplicada ao sector público.

Para o desenvolvemento do exercicio o tribunal facilitará ao/á opositor/a o material de cálculo e material impreso que considere oportuno.

O exercicio terá unha duración máxima de catro (4) horas.

O exercicio cualificarase de 0 a 100 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 50 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para obter esta puntuación mínima.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes ao remate do exercicio publicaranse na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es) os supostos en que consistiu o exercicio.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de 48 horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de 40 días hábiles.

II.1.1.3. Terceiro exercicio. Consistirá na resolución por escrito de dous (2) supostos teórico-prácticos, sobre as seguintes partes do programa: IV. Economía e V. Econometría.

Para o desenvolvemento do exercicio, o tribunal facilitará ao/á opositor/a a calculadora e o material impreso que considere oportuno.

O exercicio terá unha duración máxima de tres (3) horas.

O exercicio cualificarase de 0 a 100 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 50 puntos. Corresponderá ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para obter esta puntuación mínima.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes ao remate do exercicio, publicaranse na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es) os supostos no que consistiu o exercicio.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de 48 horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.1.4. Cuarto exercicio. Os/as aspirantes deberán desenvolver por escrito dous (2) temas. Un (1) elixirase de tres (3) obtidos mediante sorteo polo tribunal entre os das partes I.Estatística Teórica e II. Mostraxe; e un (1) de tres (3) obtidos mediante sorteo polo tribunal entre os das partes IV. Economía e V. Econometría. Para os sorteos numeraranse correlativamente os temas dentro de cada grupo.

O exercicio terá unha duración máxima de tres (3) horas.

O exercicio cualificarase de 0 a 100 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 50 puntos. Corresponderá ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar esta puntuación mínima.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de 48 horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.1.5. Quinto exercicio. Constará de dúas probas:

Primeira: tradución dun texto do castelán para o galego proposto polo tribunal.

Segunda: tradución dun texto do galego para o castelán proposto polo tribunal.

O exercicio terá unha duración máxima de unha (1) hora.

O exercicio valorarase como apto ou non apto e para superalo será necesario obter o resultado de apto. Corresponderá ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar o resultado de apto.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

Estarán exentos de realizaren este exercicio os/as aspirantes que acrediten que dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo posúen o Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo).

Os documentos que xustifiquen a exención (orixinais ou fotocopias compulsadas) deberán ser presentados polos aspirantes que superen o terceiro exercicio no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que o tribunal faga públicas as cualificacións dese exercicio.

II.1.2. Desenvolvemento dos exercicios.

II.1.2.1. A orde de actuación dos/as opositoras/es iniciarase alfabeticamente polo/a primeiro/a da letra «L», de conformidade co establecido na Resolución da Consellería de Facenda do 1 de febreiro de 2011 (DOG nº 25, do 7 de febreiro), pola que se publica o resultado do sorteo realizado segundo o disposto na resolución da mesma consellería do 21 de xaneiro de 2011 (DOG nº 16, do 23 de xaneiro), ao tratarse dunha convocatoria correspondente á oferta de emprego público para o ano 2011.

II.1.2.2. Os/as aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistos de DNI ou outro documento fidedigno que a xuízo do tribunal acredite a súa identidade.

II.1.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a dos/as aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Dirección Xeral da Función Pública como colaboradores.

II.1.2.4. En calquera momento os/as aspirantes poderán ser requiridos/as polo tribunal coa finalidade de acreditaren a súa identidade.

II.1.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que os/as aspirantes que non comparezan serán excluídos/as.

Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.1.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG, no Servizo de Información e Atención ao Cidadán da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es), con corenta e oito (48) horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

II.1.2.7. As puntuacións obtidas polos/as aspirantes nos exercicios da oposición publicaranse no lugar onde se realizou a proba de que se trate, no Servizo de Información e Atención ao Cidadán da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es). Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que se contarán desde a publicación no DOG da resolución do tribunal pola que se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

II.1.2.8. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tiver coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha/algún aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral da Función Pública para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que o/a aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral da Función Pública proporá a súa exclusión do proceso selectivo e o órgano convocante publicará a orde que corresponda.

II.1.2.9. Se o tribunal, de oficio ou con base nas reclamacións que os/as interesados/as poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes á realización do exercicio, anular algunha ou algunhas das súas preguntas, publicarao no DOG.

II.2. A orde de prelación dos aspirantes virá dada pola suma da puntuación dos exercicios da oposición. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

Non obstante, para asegurar a cobertura das vacantes, se se produciren renuncias dos/as seleccionados/as antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación as propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos dos/as aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deduciza que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poden ser nomeados/as funcionarios/as.

III. Tribunal.

III.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por orde da consellería competente en materia de función pública e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 7 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta o previsto polo artigo 36 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

III.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da LRX-PAC ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas por Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007 e no acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril do 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá ser comunicada á Dirección Xeral da Función Pública.

O/A presidente/a deberá solicitar aos membros do tribunal e, de ser o caso, ás/aos asesores/as especialistas previstos na base III.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos unha declaración expresa de non se encontraren incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, os/as aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorra neles algunha das circunstancias referidas nos termos establecidos no artigo 29 da LRX-PAC.

III.3. A autoridade convocante publicará no DOG a orde correspondente pola que se nomeen os novos membros do tribunal que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

III.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no DOG.

Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

III.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso do/a presidente/a e do/a secretario/a.

III.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na LRX-PAC, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e ao resto do ordenamento xurídico.

III.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura do/a secretario/a e o visto e prace do/a presidente/a.

III.8. O/A presidente/a do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aquelas/es candidatos/as en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a identidade do/a opositor/a.

As decisións e acordos que afecten a cualificación e valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade dos opositores a que corresponden os resultados obtidos.

III.9. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para as valoracións que considere pertinentes. Estes asesores/as deberán limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terán voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderá á Dirección Xeral da Función Pública.

III.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que os/as aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizar os exercicios ás dos restantes participantes. Para tal fin estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3. as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

Se durante a realización das probas o tribunal tiver dúbidas sobre a capacidade do/a aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo a que opta, poderá solicitar o ditame do órgano competente.

III.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador realizada segundo o disposto na base III.1. implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

III.12. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados/as que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

III.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante o/a conselleiro/a competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 114 e 115 da LRX-PAC.

III.14. As comunicacións que formulen os/as aspirantes ao tribunal dirixiranse á Consellería de Facenda, Dirección Xeral da Función Pública (Edificio Administrativo San Caetano. Santiago de Compostela).

IV. Listaxe de aprobados/as, presentación de documentación e nomeamento de funcionarios/as de carreira.

IV.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

– Puntuación obtida no primeiro exercicio.

– Puntuación obtida no segundo exercicio.

– Puntuación obtida no terceiro exercicio.

– Orde alfabética recollida na base II.1.2.1.

IV.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a relación de aspirantes que o superaron por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu documento nacional de identidade. Na mesma resolución proporá o seu nomeamento como funcionarios/as.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da relación de aprobados/as, estas/es disporán dun prazo de vinte (20) días naturais para a presentación dos seguintes documentos:

A) Fotocopia cotexada do título exixido na base I.2 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a súa obtención ou, de ser o caso, documento que acredite fidedignamente a súa posesión ou homologación.

B) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de funcionarios/as, nin pertencer ao mesmo corpo, escala ou especialidade a cuxas probas selectivas se presenten.

No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público, segundo o modelo que figura como anexo II a esta convocatoria.

C) Informe sobre o estado de saúde que acredite que o/a aspirante non padece enfermidade nin está afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

D) Os/as aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % que superen o proceso selectivo deberán, ademais, acreditar tal condición mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar e, de ser o caso, da Administración correspondente.

A Consellería competente en materia de función pública solicitará ao órgano competente a documentación que acredite que os/as aspirantes que accedan por esta cota de reserva reúnen os requisitos de compatibilidade co desempeño das correspondentes funcións.

IV.3. Os que tiveren a condición de funcionarios de carreira da Administración da Xunta de Galicia estarán exentos de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para obter o seu anterior nomeamento.

Deberán presentar certificación do servizo de persoal da consellería ou organismo de que dependan para acreditar tal condición.

IV.4. Os/as que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior non presentasen a documentación ou do exame dela se deduza que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2. non poderán ser nomeados/as funcionarios/as e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

IV.5. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, os/as aspirantes serán nomeados/as funcionarios/as de carreira mediante unha orde do/a conselleiro/a competente en materia de función pública que se publicará no DOG e indicará o destino adxudicado.

IV.6. Unha vez publicado o nomeamento, se os/as nomeados/as funcionarios estiveren participando no proceso extraordinario de consolidación para o ingreso na mesma escala, serán excluídos deste último. A orde en que se acorde a exclusión se publicarase no DOG.

IV.7. A adxudicación das prazas ás/aos aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base IV.1

Os/as aspirantes que ingresen pola quenda de promoción interna terán preferencia sobre os/as da quenda de acceso libre para cubrir as vacantes correspondentes, de acordo co disposto no artigo 22.2 do regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna.

No sistema de promoción interna, os aspirantes que superen o presente proceso selectivo poderán tomar posesión da praza que estivesen a desempeñar con carácter definitivo, cando esta, de conformidade cos requisitos exixidos nas relacións de postos de traballo, poida ser desempeñada por funcionarios/as pertencentes aos corpos ou escalas a que accedan, de acordo co disposto no artigo 63 do TRLFPG.

IV.8. A toma de posesión dos/as aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade coas disposicións do TRLFPG e demais normas concordantes.

V. Disposición derradeira.

Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela os/as interesados/as poderán presentar recurso potestativo de reposición ante o/a conselleiro/a competente en materia de función pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na LRX-PAC, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2013

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda

ANEXO I

Programa que rexerá as probas selectivas para o ingreso no corpo superior da Xunta de Galicia, subgrupo A1, superior de estatísticos

Parte xeral.

1. Constitución española do 27 de decembro de 1978.

2. Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia.

3. Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia: títulos I a V.

4. Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común: títulos I a X.

5. Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia: títulos preliminar, I, II e III.

6. Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal: títulos I, II, III e VI.

7. Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da lei de contratos do sector público (Lei 30/2007, do 30 de outubro): título preliminar e títulos I (agás capítulo VI) e II do libro I.

8. Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia: títulos preliminar I, II e III.

9. Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público: títulos I a V.

10. Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia: títulos I a V.

11. Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade: capítulos I a III.

12. Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia: títulos preliminar a IV.

13. Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes: títulos preliminar e II.

14. Tratado da Unión Europea: títulos I a III.

15. Tratado de funcionamento da Unión Europea: primeira parte, segunda parte e capítulos 1 e 2 do título I da sexta parte.

Parte especial.

I. Estatística teórica.

1. Fenómenos aleatorios. Definicións de probabilidade. Fundamentación axiomática. Propiedades e teoremas.

2. Probabilidade condicionada. Independencia de sucesos. Propiedades e teoremas. Teorema de Bayes.

3. Variables aleatorias unidimensionais. Distribución de probabilidade de variables aleatorias discretas e continuas. Función de probabilidade, función de densidade e función de distribución. Cambios de variable.

4. Características dunha distribución unidimensional. Esperanza matemática. Momentos. Cuantís. Outras medidas de posición, dispersión e forma. Teorema de Markof e desigualdade de Chebixef.

5. Distribución unidimensional de probabilidade. Funcións xeratrices. Función característica. Propiedades. Teoremas. Fórmula de inversión.

6. Variables aleatorias multidimensionais. Función de distribución. Propiedades. Función de probabilidade e función de densidade. Distribucións marxinais e condicionadas. Independencia.

7. Esperanza matemática dunha distribución multidimensional. Momentos. A matriz de covariancias. Función característica. Cambios de variable.

8. Distribucións discretas unidimensionais máis relevantes: dexenerada, uniforme, Bernoulli, binomial, xeométrica, binomial negativa, hiperxeométrica e Poisson. Relacións asintóticas.

9. Distribución normal e distribucións asociadas: chi-cadrado, F de Fisher-Snedecor, t de Student e distribución log-normal.

10. Distribución de Pareto. Distribución de Cauchy. Distribucións exponencial, gamma e beta: relacións coas distribucións binomial e Poisson.

11. Principais distribucións multidimensionais: uniforme, multinomial e hiperxeométrica multivariante. A distribución normal multivariante.

12. Regresión e correlación nunha distribución multidimensional. Esperanza condicionada. Propiedades. Regresión simple: recta de regresión e curva de regresión. Regresión múltiple: hiperplano de regresión e superficie xeral de regresión.

13. Converxencia de sucesións de variables aleatorias. Tipos de converxencia e relacións entre elas. Leis dos grandes números. Teorema central do límite.

14. Procesos estocásticos. Características dun proceso. Estacionariedade e ergocidade. Teorema de Kolmogorof. Cadeas de Markof. Procesos de Poisson e xeneralizacións.

15. A inferencia estatística. Inferencia paramétrica e non paramétrica. Inferencia clásica e bayesiana. Concepto de mostra aleatoria. Distribución da mostra. Estatísticos e a súa distribución na mostraxe. Función de distribución empírica e as súas características. Teorema de Glivenko-Cantelli.

16. Distribucións na mostraxe asociadas con poboacións normais. Distribucións da media, variancia e diferenza de medias. Estatísticos ordenados. Distribución do maior e menor valor. Distribución do percorrido.

17. Estimación puntual de parámetros. Estatísticos. Estimadores. Propiedades dos estimadores: inesgadura, eficiencia, consistencia, suficiencia e robustez.

18. Método de estimación de máxima verosemellanza. A función de verosemellanza. Propiedades asintóticas dos estimadores de máxima verosemellanza. Outros métodos de estimación: analoxía, momentos e mínimos cadrados.

19. Estimación por intervalos de confianza. Conceptos xerais. Métodos de construción de intervalos de confianza: método do estatístico pivote e método xeral de Neyman. Intervalos de confianza en poboacións normais: media, variancia, diferenza de medias e cociente de variancias.

20. Métodos de remostraxe. Métodos bootstrap e jack-knife: aplicacións á estimación de parámetros. Estimación bayesiana. Distribucións a priori e a posteriori. Función de perda e funcións de risco. Estimador de Bayes.

21. Contrastes de hipóteses. Formulación xeral. Hipóteses simples e compostas. Tipos de erro. Nivel de significación. Potencia dun contraste. Contrastes clásicos de parámetros.

22. Contrastes da razón de verosemellanzas. Teorema de Neyman-Pearson. Contrastes aleatorizados. Aplicacións.

23. Contrastes de bondade de axustamento. Contraste chi-cadrado. Contraste de Kolmogorof-Smirnof. Contrastes de normalidade. Transformacións para conseguir normalidade.

24. Contrastes de independencia e homoxeneidade. Contrastes de refachos. Contrastes de autocorrelación. Contrastes de Wilcoxon. Análise de táboas de continxencia.

25. Análise da variancia para unha clasificación simple. Comprobación das hipóteses iniciais do modelo. Contrastes de comparacións múltiples:método de Tuckey e método de Scheffé. Análise da variancia para unha clasificación dobre.

26. Análise de conglomerados. Medidas de disimilaridade. Métodos xerárquicos aglomerativos: o dendograma. Métodos xerárquicos divisivos. Métodos non xerárquicos de clasificación.

27. Análise discriminante. Clasificación con dous grupos. Función discriminante de Fisher. Clasificación con máis de 2 grupos. Funcións clasificadoras.

28. Introdución á análise multivariante. Visión xeral e clasificación dos métodos. Utilización de distribucións multivariantes: distribución normal, de Wishart, T de Hotelling e de Wilks. A distancia de Mahalanobis.

29. Análise de compoñentes principais. Formulación do problema, resolución e propiedades. Determinación do número de compoñentes que se han considerar.

30. Análise factorial. O modelo factorial. Métodos de estimación dos parámetros. Rotación dos factores. Relacións entre a análise factorial e a análise de compoñentes principais.

31. Análise de correlación canónica. Introdución. Correlación canónica e variables canónicas: cálculo e interpretación xeométrica. Propiedades. Contrastación do modelo e análises da dimensionalidade. Relación con outras técnicas de análise multivariante.

32. Números índice: concepto. Números índice simples e complexos. Índices en cadea. Propiedades dos números índice. Índices de prezos. Índices de cantidades. Índices de valor. Enlaces e cambios de base. Repercusión e participación. Deflación de series económicas.

33. Desigualdade. Propiedades desexables das medidas de desigualdade. Medidas estatísticas: percorrido, desviación relativa, media, variancia, coeficiente de variación, variancia de logaritmos. Curva de Lorenz e coeficiente de Gini. Indicadores baseados en funcións de utilidade: indice de Dalton, indice de Atkinson. Indicadores baseados na entropía: indice de Theil.

II. Mostraxe.

1. A mostraxe de poboacións finitas. Conceptos de poboación, marco, modelo de superpoboación e mostra. Espazo mostral. Deseño mostral. Diferentes tipos de inferencia en poboacións finitas. O emprego de modelos na inferencia.

2. Probabilidades de inclusión: propiedades. Esquemas de mostraxe. Estimadores e as súas propiedades. O nesgo e o erro cuadrático medio. Estimador de Horvitz-Thompson.

3. Mostraxe aleatoria simple sen reposición. Estimadores de medias, proporcións e totais. Variancias e a súa estimación. Uso da distribución normal. Determinación do tamaño da mostra.

4. Mostraxe con reposición. Estimador de Hansen-Hurwitz. Variancia e a súa estimación. Mostraxe aleatoria simple con reposición. Estimadores. Variancias e a súa estimación. Comparación entre mostraxe aleatoria simple sen e con reposición.

5. Mostraxe estratificada. Estimadores. Variancias e a súas estimacións. Principios básicos da estratificación. Construción e número de estratos. Asignación da mostra cunha característica. Ganancia de precisión.

6. Mostraxe estratificada. Determinación do tamaño da mostra. Mostraxe estratificada con unidades autorrepresentadas. Asignación da mostra con máis dunha característica. Estratificación a posteriori. Aplicación á estimación en subpoboacións.

7. O estimador de razón. Nesgo do estimador. Aproximación da variancia e a súa estimación. Comparación coa estimación simple. Estimador de razón na mostraxe estratificada: estimador separado e combinado. Nesgo, variancia e as súas estimacións. Comparación de precisións.

8. O estimador de regresión. Estimación con pendente predeterminada. Estimación con pendente calculada a partir da mostra. Aproximación da variancia e a súa estimación. Nesgo. Comparación cos estimadores simple e de razón.

9. Mostraxe de conglomerados nunha etapa. Motivación. Coeficiente de correlación entre conglomerados e a súa interpretación. Mostraxe simple de conglomerados: estimador inesgado e estimador de razón. Mostraxe con probabilidades proporcionais ao tamaño.

10. Mostraxe de conglomerados en dúas etapas. Teorema de Madow. Estimadores lineares inesgados. Mostras autoponderadas. Variancias. Estimación das variancias. Teoremas I e II de Durbin.

11. Mostraxe sistemática. Descrición. Relación coa mostraxe de conglomerados e comparación coa mostraxe estratificada. Estimador da media. Variancia. O problema da estimación da varianza. Modelaxe.

12. Métodos de estimación de variancias. Método xeral de linearización. Grupos aleatorios. Conglomerados últimos. Semi-mostras reiteradas. Método jack-knife. Método bootstrap.

13. Mostraxe dobre ou bifásica. Mostraxe en ocasións sucesivas. Estimación do cambio e do nivel. Estimadores de mínima variancia. Rotación da mostra con solapamento parcial.

14. Algunhas técnicas especiais. Modelos de captura e recaptura. Mostraxe inversa. Estimación en áreas pequenas. Mostraxe por cotas e outras técnicas empíricas.

15. Fontes de erro nunha enquisa por mostraxe. Marcos imperfectos. Efectos da falta de resposta. Tratamento. Imputación. Técnicas de reponderación.

16. O modelo do erro total en censos e enquisas. Medidas do efecto do entrevistador. Submostras interpenetrantes.

III. Demografía e estatística aplicada ao sector público.

1. A demografía. Delimitación temporal: o diagrama de Lexis, liñas de vida, cohortes e xeracións. Fluxos e stocks. Os fenómenos demográficos. Análises lonxitudinal e transversal. Taxas, cocientes, proporcións e probabilidades.

2. Mortalidade. Taxas brutas e específicas. Mortalidade infantil. Estandarización. Táboa de mortalidade. Funcións e construción. Métodos indirectos no estudo da mortalidade: táboas tipo e logit de Brass. Morbilidade e causas de morte.

3. Natalidade, fecundidade e nupcialidade. Taxas brutas e específicas. Intensidade e calendario. Modelos de fecundidade. Factores que inflúen na fecundidade.

4. Movementos migratorios. Conceptos básicos. Matrices migratorias. Índices simples. Calendarios migratorios. Correntes migratorias. Análise con fontes indirectas.

5. Estrutura da poboación. Composición por sexo e idade. Pirámide de idade. Proceso de envellecemento. Outras características demográficas: nivel de estudos e relación coa actividade.

6. Proxeccións de poboación. Procedementos matemáticos: métodos de extrapolación, función loxística. Método das compoñentes: proxección dos compoñentes.

7. Estrutura e dinámica de fogares. Principais fenómenos demográficos na dinámica dos fogares. Ciclo de vida dos fogares. Proxeccións de fogares: métodos de taxas de xefaturas de fogar e modelos dinámicos.

8. Fontes estatísticas demográficas: o censo de poboación. Padróns e rexistros de poboación.

9. Fontes estatísticas demográficas: o movemento natural de poboación. Estatísticas de migracións. Enquisas demográficas.

10. Operacións estatísticas: datos, información e estatística, usuarios da información estatística, a produción estatística. Formas de tomar datos dunha poboación: censos e mostras, as súas vantaxes e inconvenientes. Distinción entre enquisas conxunturais e estruturais. Os rexistros administrativos.

11. Directorios de enquisas. O directorio de empresas: unidades de estudo. Directorios de poboación e vivendas.

12. Fases do proceso estatístico: especificación de necesidades, planificación e deseño da enquisa, desenvolvemento e recolla. Procesamento da información, análise, difusión, arquivamento e distribución.

13. Clasificacións e nomenclaturas. Descrición e estrutura das principais clasificacións estatísticas: CNAE, CNO, CPA, CNED, COICOP e TARIC. A nomenclatura de unidades territoriais para estatísticas (NUTS). O municipio. División territorial de Galicia: comarca e parroquia.

14. A Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia. A estatística da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa organización.

15. A estatística oficial en España: Lei 12/1989, do 9 de maio, da función estatística pública. A organización do sistema estatístico europeo. O Código de conduta das estatísticas europeas.

16. Os indicadores de seguimento da política da Unión Europea: principais indicadores económicos europeos, indicadores Europa 2020, de emprego e política social, de desenvolvemento sustentable e desequilibrio macroeconómico.

IV. Economía.

1. Obxecto de estudo da economía. A economía como ciencia social. Fluxo circular da actividade económica. Variables fluxo e variables stock. Os sistemas económicos.

2. O Sistema Europeo de Contas. Aplicacións do SEC. As unidades e conxuntos de unidades no SEC 95. Delimitación da economía nacional. Unidades institucionais. Sectores institucionais. Unidades de actividade a nivel local e ramas de actividade. Unidades de produción homoxénea e ramas homoxéneas. Clasificación das ramas homoxéneas.

3. As operacións de bens e servizos. A produción. Consumos intermedios. Consumo final. Formación bruta de capital. Importacións e exportacións de bens e servizos. Operacións de bens existentes. A conta de bens e servizos.

4. As operacións de distribución. Remuneración dos asalariados. Impostos sobre a produción e as importacións. Subvencións. Rendas da propiedade. Impostos correntes. Cotizacións e prestacións sociais. Outras transferencias correntes. Transferencias de capital. As operacións financeiras. Clasificación e normas contables. Enlace cos agregados económicos. Outros fluxos no SEC.

5. A sucesión de contas e saldos contables. Sucesión de contas. Contas do resto do mundo. Contas económicas integradas. Principais agregados no SEC-95.

6. O marco input-output no SEC-95. Táboas de orixe, destino e simétrica. Táboas que relacionan as táboas de orixe destino coas contas dos sectores. O marco input–output como instrumento para a análise económica. Modelos de demanda e prezos. O estudo do cambio estrutural.

7. Medición das variacións de prezos e volume no SEC 95. Campo de aplicación dos índices de prezo e de volume no sistema de contas. Principios xerais para a medición dos índices de prezos e volume. Elección das fórmulas dos números índices e do ano base. Índices de prezos e volume interespaciais.

8. Poboación e emprego. Outros sistemas de contas no marco do SEC 95: contas trimestrais, contas rexionais e contas satélite.

9. O mercado. Determinantes da demanda e a curva da demanda. Determinantes da oferta e a curva de oferta. A determinación do prezo e do nivel de produción.

10. As preferencias e a elección do consumidor. Preferencias e función de utilidade. A restrición orzamentaria. A elección óptima dos consumidores.

11. A demanda do consumidor. A demanda individual. Efecto substitución e efecto renda. O excedente do consumidor e a demanda do mercado.

12. A elección en situacións de incerteza. A descrición do risco. Preferencias polo risco e reducións do risco.

13. A produción. A tecnoloxía de produción. As isócuantas. A produción con un e con dous factores variables. Rendementos de escala.

14. Os custos de produción. Os custos a curto e longo prazo. As curvas de custos. Economías e deseconomías de escala. Minimización de custos.

15. O modelo de competencia perfecta. Análise a curto e longo prazo. Supostos básicos. Equilibrio de mercado a curto prazo. Equilibrio de mercado a longo prazo.

16. O poder de mercado: o monopolio e o monopsonio. A fixación dos prezos con poder de mercado. Discriminación de prezos. Monopolio bilateral e relacións verticais. Os prezos de transferencia.

17. Competencia monopolística: supostos básicos e aspectos relevantes. Comparación do modelo de competencia perfecta co modelo de competencia monopolística.

18. O oligopolio. O problema do oligopolio. O liderado na elección do prezo e na elección de cantidade. A colusión. O oligopolio e a teoría de xogos: equilibrio de Nash, estratexias mixtas, xogos repetidos e consecutivos.

19. As externalidades e os bens públicos. Externalidades no consumo e na produción. Dereitos de propiedade. Recursos de propiedade común. Os bens públicos.

20. A economía ao longo prazo. O crecemento económico. A acumulación de capital. A regra de ouro. O crecemento da poboación. O progreso tecnolóxico. A teoría do crecemento endóxeno.

21. O desemprego. Emprego e taxa natural de desemprego. Busca de emprego e paro friccional. A rixidez dos salarios reais. Salarios de eficiencia. Características do desemprego.

22. O diñeiro e a inflación. Conceptos e funcións do diñeiro. A teoría cuantitativa. Inflación e tipos de xuro. Tipo de xuro e demanda de diñeiro. Custos sociais da inflación.

23. A economía aberta. Movementos internacionais de capitais e bens. Aforro e investimento nunha economía aberta. Os tipos de cambio. Paridades de poder adquisitivo.

24. Introdución ás flutuacións económicas. Diferenza entre o curto e o longo prazo. Oferta e demanda agregadas. A política de estabilización.

25. O modelo dunha economía cerrada. Mercado de bens e curva IS. Mercado de diñeiro e curva LM. As flutuacións no modelo IS-LM. O modelo IS-LM como teoría da demanda agregada.

26. O modelo dunha economía aberta. Modelo Mundell-Fleming. Economía pequena con tipos de cambio flexibles e fixos.

27. A oferta agregada: diferentes modelos. Inflación e paro: a curva de Phillips. O papel das expectativas.

28. Consumo. A función de consumo de Keynes. Fisher e a elección intertemporal. As hipóteses do ciclo vital e da renda permanente.

29. Investimento. O investimento en bens de equipamento. Investimento e custo do capital. Custos de axuste e «q» de Tobin. As imperfeccións nos mercados financeiros. O investimento en construción e existencias.

30. Oferta e demanda de diñeiro. A oferta monetaria. Instrumentos de política monetaria. A demanda de diñeiro. A innovación financeira e os activos case líquidos.

31. A poboación de Galicia. Situación actual e evolución histórica. Movemento natural da poboación e migracións. Estrutura da poboación por idades. Proceso de urbanización.

32. O mercado de traballo: principais categorías e taxas. A dinámica do emprego e do mercado de traballo en Galicia.

33. A estrutura produtiva da economía galega a través do marco input-output e as contas económicas anuais e trimestrais de Galicia. A converxencia con España e a Unión Europea.

34. O sector público na economía: delimitación, medición e organización. O orzamento como instrumento de planificación. Os gastos e os ingresos públicos. A política orzamentaria, o déficit e a débeda pública. Presión fiscal.

35. O comercio internacional de bens e servizos. A Organización Mundial do Comercio (OMC): Acordo xeral de aranceis (GATT). Características básicas da inserción comercial externa de Galicia: comercio por produtos e áreas xeográficas.

36. Sistema monetario e financeiro internacional. O Fondo Monetario Internacional (FMI) e a xestión das crises. A cooperación internacional ao desenvolvemento. O Grupo Banco Mundial e o Comité de Axuda ao Desenvolvemento.

37. A Unión Europea. Integración comercial. A Facenda europea e o financiamento das políticas comúns. A Unión Económica e Monetaria. O sistema europeo de bancos centrais. Trazos básicos da política rexional da Unión Europea.

V. Econometría.

1. O modelo linear xeral. Especificación. Estimadores mínimo cuadrático ordinarios. Propiedades. Contraste de normalidade. Estimador de máxima verosemellanza. Errores de especificación.

2. Inferencia no modelo linear. Contraste de hipóteses. Tratamento xeral. Contraste acerca dun coeficiente do modelo. Contraste dun subconxunto paramétrico. Contraste de significación global do modelo. Intervalos e rexións de confianza. Contraste de cambio estrutural: test de Chow. Estimación baixo restricións. Predición no modelo linear.

3. Modelo linear con perturbacións non esféricas. Propiedades do estimador mínimo cuadrático ordinario. O estimador de mínimos cadrados xeralizado. O estimador de máxima verosemellanza.

4. Heteroscedasticidade. Posibles causas de heteroscedasticidade. Estimación mínimo cuadrática en presenza de heteroscedasticidade. Contrastes de heteroscedasticidade. Transformación Box-Cox. Heteroscedasticidade condicional autorregresiva.

5. Autocorrelación. Natureza e causas da autocorrelación. Consecuencias da autocorrelación. Contrastes de autocorrelación. Estimación de modelos con autocorrelación. Predición.

6. Multicolinearidade e modelos non lineares. Concepto e consecuencias. Detección da multicolinearidade. Remedios contra a multicolinearidade. Observacións influentes. Especificación de modelos non lineares. Aproximación linear ao modelo non linear. Mínimos cadrados non lineares. Estimación de máxima verosemellanza.

7. Regresión con variables cualitativas. O concepto de variable ficticia. Interacción entre atributos. Interacción entre atributos e regresores. Modelos de regresión con variable resposta cualitativa.

8. Regresión linear con regresores estocásticos. Formulación. Regresión linear estocástica independente. Regresión linear autorregresiva. Regresión linear incorrelacionada contemporaneamente. Regresión linear estocástica xeral.

9. Sistemas de ecuacións lineares simultáneas. O modelo estrutural. Identificación. Estimación da forma reducida. Métodos para a estimación estrutural.

10. Procesos estacionarios. Ruído branco. Teorema de descomposición de Wold. Funcións de autocorrelación simple e parcial.

11. Procesos AR, MA e ARMA. Procesos non estacionarios. Procesos ARIMA. Procesos ARIMA estacionais. Funcións de autocorrelación simple e parcial.

12. Identificación de modelos ARIMA. Identificación da estrutura non estacionaria. Identificación da estrutura ARMA. Identificación de modelos estacionais. Estimación dos modelos ARMA.

13. Contrastes diagnósticos de modelos ARIMA. Predición en modelos ARIMA. Análise de intervención.

ANEXO II

Don/Dona ..., con domicilio en ..., con DNI/pasaporte ..., declara baixo xuramento ou promete, para os efectos de ser nomeado/a funcionario/a do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala de ..., que non se atopa inhabilitado/a ou en situación equivalente nin foi sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de ..., nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

En (país e localidade) ..., ... de... de 201...