Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Mércores, 24 de xullo de 2013 Páx. 29459

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 16 de xullo de 2013 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión de Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas.

De conformidade co establecido no Decreto 262/2012, do 20 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012 (Diario Oficial de Galicia núm. 247, do 28 de decembro), esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe o Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia (en diante TRLFPG),

DISPÓN:

Convocar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión de Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

I.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir sete (7) prazas do corpo de xestión de Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, polas quendas de promoción interna e acceso libre. O sistema selectivo será o de oposición e irá seguido dun período de prácticas.

I.1.1. O número total de vacantes reservadas á quenda de promoción interna ascende a dúas (2) prazas.

O número de vacantes reservadas á quenda de acceso libre ascende a cinco (5) prazas As prazas reservadas ao sistema de promoción interna que non se cubran, acumularanse á quenda de acceso libre.

I.1.2. De conformidade coa disposición adicional sétima do TRLFG e co Decreto 262/2012, do 20 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, do total de prazas reservarase unha (1) para ser cuberta por persoas con discapacidade cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33 %. Esta cota de reserva aplicarase ao sistema de acceso libre.

No suposto de que as prazas cubertas por persoas con discapacidade alcancen a taxa do 3 % das prazas convocadas, as non cubertas acumularanse ás restantes de acceso xeral.

No suposto de que as ditas prazas cubertas non alcancen a taxa do 3 % das prazas convocadas, as non cubertas acumularanse á cota do 7 % da oferta seguinte, cun límite máximo do 12 %.

Se algún/algunha aspirante con discapacidade que se presente pola cota de reserva de persoas con discapacidade supera os exercicios, pero non obtén praza, e a súa puntuación é superior á obtida por outros/as aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluído/a pola súa orde de puntuación neste sistema.

De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante os procesos selectivos darase un tratamento diferenciado ás dúas quendas, no que se refire ás relacións de admitidos/as e excluídos/as, aos chamamentos aos exercicios e á relación de aprobados/as. Non obstante, ao finalizar o proceso, elaborarase unha relación única na que se incluirán todos/as os/as candidatos/as que superasen todas as probas selectivas, ordenados/as pola puntuación total obtida, con independencia da quenda pola que participasen.

I.1.3. Os/as aspirantes só poderán participar nunha das quendas citadas. Se da instancia que presenten non se deduce a súa opción, será excluído/a nas listas provisionais que se publiquen. De non emendar o defecto na solicitude, quedarán definitivamente excluídos. Tras a publicación da listaxe definitiva de admitidos e excluídos, non se permitirá ningún cambio de quenda ou calquera tipo de corrección ou aclaración ao respecto.

Ao presente proceso selectivo seralle aplicable a Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público (en diante EBEP), o TRLFPG e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos das/os candidatas/os.

Para seren admitidos/as aos procesos selectivos os/as aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como funcionarios/as de carreira os seguintes requisitos:

1.2.1. Para promoción interna.

1.2.1.1. Idade: non exceder da idade máxima de xubilación forzosa.

1.2.1.2. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter o título de diplomado/a universitario/a, enxeñeiro/a técnico/a, arquitecto/a técnico/a ou grao.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación, de ser o caso.

1.2.1.3. Pertencer como funcionario/a de carreira a algún dos corpos ou escalas integrados no actual subgrupo C1 da Xunta de Galicia (corpo administrativo ou corpo de axudantes facultativos).

1.2.1.4. Ter prestados servizos efectivos como funcionario/a de carreira nalgún dos corpos ou escalas integrados no actual subgrupo C1 da Xunta de Galicia (corpo administrativo ou corpo de axudantes facultativos) desde o que participen durante polo menos dous anos, computados desde o ingreso ou desde a integración nel.

Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais e de excedencia para o coidado de fillos/as e familiares (artigos 54 e 57 do TRLFPG).

I.2.1.5. Capacidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

I.2.1.6. Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de persoal funcionario, nin pertencer ao mesmo corpo, escala ou especialidade a cuxas probas selectivas se presenten.

I.2.2. Para acceso libre.

I.2.2.1. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado que en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

I.2.2.2. Idade: ter cumpridos dezaseis anos e non exceder da idade máxima de xubilación forzosa.

1.2.2.3. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter o título de diplomado/a universitario/a, enxeñeiro/a técnico/a, arquitecto/a técnico/a ou grao.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación, de ser o caso.

I.2.2.4. Capacidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

I.2.2.5. Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de persoal funcionario, nin pertencer ao mesmo corpo, escala ou especialidade a cuxas probas selectivas se presenten.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

I.2.2.6. Ademais dos requisitos anteriores, os aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacitados terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33 %.

I.3. Solicitudes.

As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán facelo constar no modelo de solicitude que será facilitado gratuitamente na internet e aboar a taxa que estea vixente no momento de presentala que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exacións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.

O prazo para presentar as solicitudes será de vinte días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

1) Forma de cubrir a solicitude:

O modelo de solicitude estará á disposición de todas as persoas que desexen participar no proceso selectivo na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es), seguindo a ruta «Función pública»-«Procesos selectivos»-«Xeración e presentación de instancias», en dúas modalidades, segundo se dispoña ou non de certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) ou DNI electrónico.

Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, as/os solicitantes deberán consignar todos os datos que aparecen na pantalla e posteriormente validalos e confirmalos.

As/os aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, a que se refire a base I.2.2.6., deberán indicalo expresamente na solicitude, e especificar o grao de discapacidade recoñecido polo órgano competente. Estes aspirantes poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria, todo isto conforme o contido na Lei 13/1982, do 7 de abril, e no Decreto 55/2011, do 31 de marzo (Diario Oficial de Galicia nº 66, do 4 de abril de 2011), polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

Os/as solicitantes das adaptacións sinaladas poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto, deberán presentar antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia debidamente compulsada do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

2) Forma de aboar as taxas:

Unha vez confirmada a alta da solicitude, a/o solicitante, segundo estea ou non nos supostos previstos, deberá seguir os seguintes pasos:

• Exenta/o de pagamento: de acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exacións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentos do pagamento:

Do importe total da taxa.

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

Unha vez elixida esta opción a/o solicitante poderá imprimir a solicitude cuberta e deberá presentar, antes do remate do prazo fixado, orixinal ou copia debidamente compulsada dos seguintes documentos xustificativos da exención do pagamento segundo os supostos en que se atopen:

Discapacitados:

– Certificado de discapacidade.

Familia númerosa ordinaria ou especial:

– Certificado de familia numerosa de carácter ordinario ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

Demandantes de emprego:

– Certificación expedida pola oficina de emprego na que conste que a/o aspirante figura como demandante de emprego desde polo menos seis meses antes á data da convocatoria

– Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal na que conste que non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

A dita documentación deberá ser presentada nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de correos e demais lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRX-PAC).

Nestes supostos, considerarase como data válida a de presentación dentro do prazo da documentación sinalada para acreditar a exención do pagamento.

• Non exenta/o de pagamento: a/o solicitante poderá realizar o pagamento dun dos seguintes xeitos:

Pagamento presencial.

– Deberá seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento (modelo AI) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante.

Pagamento telemático.

Sen certificado dixital:

– Deberá introducir os datos da tarxeta de crédito ou débito na opción de pagamento telemático e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

Con certificado dixital:

– Poderán realizar o pagamento con cargo á conta do/a titular do certificado desde a opción de pagamento telemático e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

En ambos os dous casos considerarase como data válida de presentación da solicitude a de realización da operación de ingreso da taxa, sen que sexa necesario presentar ningún dos documentos xerados nos lugares previstos no artigo 38 da LRX-PAC.

Para a devolución da taxa aboada os/as solicitantes deberán figurar como excluídos/as nas listaxes definitivas e seguir o procedemento que se sinale na resolución pola que se aproben.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso dos solicitantes admitidos provisional ou definitivamente.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento seguindo as instrucións iniciais e seleccionando na pantalla a opción de consulta.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as/os solicitantes poderán poñerse en contacto telefónico co centro informático Cixtec no número 981 54 13 00, das 8.30 ás 20.00 horas, de luns a venres, e os sábados das 10.00 ás 14.00.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a/o titular da Dirección Xeral da Función Pública aprobará as listaxes provisionais de aspirantes admitidas/os e excluídas/os a través dunha resolución que será publicada no DOG e nos lugares determinados pola normativa vixente, con indicación dos seus apelidos, nome e número do documento nacional de identidade, das causas das exclusións que procedan e do lugar en que se atoparán expostas.

I.4.2. As/os aspirantes excluídas/os disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da dita publicación da resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderanse implícitas na resolución pola que se publique a listaxe definitiva de aspirantes admitidas/os e excluídas/os. Estas listaxes aparecerán na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

Unha vez transcorrido o prazo sinalado, o titular da Dirección Xeral da Función Pública ditará unha nova resolución pola que se aproben as listaxes definitivas de aspirantes admitidas/os e excluídas/os.

O feito de figurar na relación de admitidas/os non prexulgará que se lles recoñeza aos/ás aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar tras superar a oposición se desprenda que non posúen algún dos requisitos, os/as interesados/as decaerán en todos os dereitos que puideren derivar da súa participación.

II. Proceso selectivo.

II.1. Oposición.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo I desta orde. Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que no momento de publicación no DOG do nomeamento do tribunal do proceso conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

II.1.1. Exercicios.

As probas da oposición consistirán na superación dos seguintes exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios.

As/os aspirantes que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión de Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, convocado pola Orde do 25 de maio de 2012 (DOG nº 103, do 31 de maio de 2012), poderán optar por conservar a puntuación obtida nel e acceder directamente ao segundo exercicio.

Na vindeira convocatoria destas probas, poderán acceder directamente ao segundo exercicio as/os aspirantes que aproben o primeiro na presente, conservando a cualificación obtida.

II.1.1.1 Primeiro exercicio: consistirá na resolución por escrito dun cuestionario de cen (100) preguntas tipo test, máis tres (3) de reserva, con catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das que só unha delas será correcta correspondentes á parte I do programa que figura como anexo I desta orde.

O exercicio terá unha duración máxima de dúas (2) horas.

O tribunal procurará que o número de preguntas garde a debida proporción co número de normas e temas que integran o programa.

Ao remate da proba, cada aspirante poderá obter copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e as respostas correctas no mesmo lugar no que se realizou e na páxina web da Xunta de Galicia
(www.xunta.es).

O exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 10 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar esta puntuación mínima, para o cal terá en conta que por cada tres (3) respostas incorrectas se descontará unha correcta.

Este exercicio realizarase no prazo máximo de corenta (40) días hábiles desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

A data de realización deste exercicio non será anterior ao 1 de novembro de 2013.

II.1.1.2. Segundo exercicio: os/as aspirantes deberán realizar por escrito un suposto práctico proposto polo tribunal, que será o resultante do sorteo levado para o efecto entre dous elixidos previamente por este, sobre as materias incluídas na parte II do programa que figura como anexo II desta orde.

O exercicio terá unha duración máxima de catro (4) horas.

Para o desenvolvemento deste exercicio as/os aspirantes poderán servirse de textos legais sen comentarios. Queda expresamente prohibida a utilización de libros de consulta e das resolucións do presidente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas.

Este exercicio cualificarase de 0 a 35 puntos e, para superalo, será necesario obter un mínimo de 17,50 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixidos para acadar a puntuación mínima.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes ao remate do exercicio publicarase na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es) o suposto práctico no que consistía o exercicio.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.1.3. Terceiro exercicio. Este exercicio constará de dúas probas:

– A primeira proba consistirá na resolución por escrito, dun cuestionario de dez (10) preguntas proposto polo tribunal sobre as materias comprendidas na parte III do programa que figura como anexo I desta orde. O tempo máximo de duración será dunha (1) hora.

– A segunda proba consistirá en desenvolver por escrito dous (2) temas dos tres (3) extraídos ao chou de entre os comprendidos na parte III do programa. Esta proba terá unha duración máxima de tres (3) horas.

Para o desenvolvemento da segunda proba deste exercicio as/os aspirantes poderán servirse de textos legais sen comentarios. Queda expresamente prohibida a utilización de libros de consulta e das resolucións do presidente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas.

O exercicio cualificarase de 0 a 35 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 17,50 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixidos para acadar a puntuación mínima. Esta cualificación total obterase pola suma da correspondente á primeira proba que se cualificará de 0 a 17,50 puntos e da segunda proba que se cualificará de 0 a 17,50 puntos; suma que non poderá ter lugar se a cualificación obtida en calquera das partes do exercicio fose inferior a 8,75 puntos, caso en que non se superará o exercicio.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.1.4. Cuarto exercicio, constará de dúas probas:

Primeira: tradución dun texto do castelán para o galego proposto polo tribunal.

Segunda: tradución dun texto do galego para o castelán proposto polo tribunal.

O exercicio terá unha duración máxima dunha (1) hora.

O exercicio valorarase como apto ou non apto e, para superalo, será necesario obter o resultado de apto. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar o resultado de apto.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

Estarán exentos de realizar este exercicio os/as aspirantes que acrediten que dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo posuan o Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo).

Os documentos que xustifiquen a exención (orixinais ou fotocopias compulsadas) deberán ser presentados polos aspirantes que superen o segundo exercicio no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que o tribunal faga públicas as cualificacións dese exercicio.

II.2. Desenvolvemento dos exercicios.

II.2.1. A orde de actuación dos/as opositoras/es iniciarase alfabeticamente polo/a primeiro/a da letra «Z», de conformidade co establecido na Resolución da Consellería de Facenda do 7 de febreiro de 2012 (DOG nº 31, do 14 de febreiro), pola que se publica o resultado do sorteo realizado segundo o disposto na Resolución da mesma consellería do 20 de xaneiro de 2012 (DOG nº 23, do 2 de febreiro), ao tratarse dunha convocatoria correspondente á oferta de emprego público para o ano 2012.

II.2.2. Os/as aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistos de DNI ou outro documento fidedigno que a xuízo do tribunal acredite a súa identidade.

II.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a dos/as aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Dirección Xeral da Función Pública como colaboradores.

II.2.4. En calquera momento os/as aspirantes poderán ser requiridos/as polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

II.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que os/as aspirantes que non comparezan serán excluídos/as.

Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG, no Servizo de Información e Atención ao Cidadán da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es), con corenta e oito (48) horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

II.2.7. As puntuacións obtidas polos/as aspirantes nos exercicios da oposición publicaranse no lugar onde se realizou a proba da que se trate, no Servizo de Información e Atención ao Cidadán da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es). Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que se contarán desde a publicación no DOG da resolución do tribunal pola que se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

II.2.8. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha/algún aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral da Función Pública para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que o/a aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral da Función Pública proporá a súa exclusión do proceso selectivo e o órgano convocante publicará a orde que corresponda.

II.2.9. Se o tribunal, de oficio, ou con base nas reclamacións que os/as interesados/as poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes á realización do exercicio, anulase algunha ou algunhas das súas preguntas publicarao no DOG.

II.2.10. A orde de prelación dos aspirantes virá dada pola suma da puntuación dos exercicios da fase de oposición. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

No suposto de empate nas puntuacións de dous/dúas ou máis aspirantes, o tribunal resolverá acudindo a puntuación obtida no terceiro exercicio da oposición e se se mantén, pola puntuación obtida no segundo e no primeiro exercicio por esta orde. De persistir o empate, resolverase pola orde alfabética a que se refire a base II.2.1.

Non obstante, para asegurar a cobertura das vacantes, se se producisen renuncias dos/as seleccionados/as antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación ás propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos dos/as aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deducise que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeados/as funcionarios/as.

III. Período de prácticas.

III.1. As/os aspirantes que superen a fase de oposición con mellor orde de prelación, ata un número igual ao de prazas convocadas, realizarán un período de prácticas que igualmente deberán superar con aproveitamento como requisito indispensable para obter o seu nomeamento como funcionarias/os de carreira.

As prácticas terán como finalidade a preparación dos aspirantes para o exercicio das funcións específicas tanto da especialidade de inspección e xestión financeira e tributaria como da especialidade de contabilidade e intervención.

Durante este período, as/os aspirantes serán nomeadas/os funcionarias/os en prácticas coa situación xurídica prevista nos artigos 16 e 17 do Decreto 95/1991, do 20 de marzo e demais disposicións de aplicación.

III.2. O período de prácticas terá unha duración de dous (2) meses e se regulará por resolución ditada para ese efecto.

III.3. O período de prácticas valorarase como apto ou non apto, sendo necesario para superalo obter o resultado de apto.

III.4. Os/as aspirantes que non superen o período de prácticas perderán todos os seus dereitos para o nomeamento como funcionarios de carreira, por resolución motivada da autoridade que efectuase a convocatoria por proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e logo de informe favorable da comisión de persoal.

III.5 Unha vez rematado o período de prácticas e ata que se proceda ao seu nomeamento como funcionarias/os de carreira, as/os aspirantes continuarán prestando servizos como funcionarias/os en prácticas.

IV. Tribunal.

IV.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por orde da consellería competente en materia de función pública, e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 7 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta o previsto polo artigo 36 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

IV.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da LRX-PAC ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas por Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007 e no acordo adoptado no Consello da Xunta de 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá ser comunicada á Dirección Xeral da Función Pública.

O/A presidente/a deberá solicitar aos membros do tribunal e, de ser o caso, ás/aos asesores/as especialistas previstos na base IV.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos, unha declaración expresa de non atoparse incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, os/as aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorran neles algunha das circunstancias referidas nos termos establecidos no artigo 29 da LRX-PAC.

IV.3. A autoridade convocante publicará no DOG a orde correspondente pola que se nomeen os novos membros do tribunal que substituirán aos que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

IV.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no DOG.

Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle corresponda para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

IV.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso do/a presidente/a e do/a secretario/a.

IV.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na LRX-PAC, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e ao resto do ordenamento xurídico.

IV.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta, que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura do/a secretario/a e o visto e prace do/a presidente/a.

IV.8. O/A presidente/a do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aquelas/es candidatos/as en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a identidade do/a opositor/a.

As decisións e acordos que afecten a cualificación e valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade dos opositores aos que corresponden os resultados obtidos.

IV.9. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para as valoracións que estime pertinentes. Estes asesores/as deberán limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terán voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á Dirección Xeral da Función Pública.

IV.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que os/as aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizar os exercicios que os/as restantes participantes. Para tal fin estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3. as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

Se durante a realización das probas, o tribunal tivese dúbidas sobre a capacidade do/a aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo ao que opta poderá solicitar o ditame do órgano competente.

IV.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador realizada segundo o disposto na base IV.1. implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

IV.12. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados/as que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

IV.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante o/a conselleiro/a competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 114 e 115 da LRX-PAC.

IV.14. As comunicacións que formulen os/as aspirantes ao tribunal dirixiranse á Consellería de Facenda, Dirección Xeral da Función Pública (Edificio Administrativo San Caetano. Santiago de Compostela).

V. Listaxe de aprobadas/os, presentación de documentación e nomeamento de funcionarias/os en prácticas e de carreira.

V.1. Unha vez rematados todos os exercicios da oposición, o tribunal publicará relación separada de aspirantes que a superaron pola quenda de promoción interna e pola quenda de acceso libre, con indicación da puntuación acadada en cada un dos exercicios.

Na mesma resolución proporá, dentro de cada quenda, o seu nomeamento como funcionarios en prácticas.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da dita resolución, os/as aspirantes disporán dun prazo de vinte (20) días naturais para a presentación dos seguintes documentos:

A) Fotocopia cotexada do título exixido na base I.2 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a súa obtención ou, de ser o caso, documento que acredite fidedignamente a súa posesión ou homologación.

B) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de funcionarios/as, nin pertencer ao mesmo corpo, escala ou especialidade a cuxas probas selectivas se presenten.

No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no seu Estado, nos mesmos termos o acceso ao emprego público, segundo o modelo que figura como anexo II a esta convocatoria.

C) Informe sobre o estado de saúde que acredite que o/a aspirante non padece enfermidade nin está afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

D) Os/as aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % que superen o proceso selectivo deberán, ademais, acreditar tal condición mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar e, de ser o caso, da administración correspondente.

A consellería competente en materia de función pública solicitará ao órgano competente a documentación que acredite que os/as aspirantes que accedan por esta cota de reserva reúnen os requisitos de compatibilidade co desempeño das correspondentes funcións.

V.2. Os que tiveran a condición de funcionarios de carreira da Administración da Xunta de Galicia estarán exentos de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para obter o seu anterior nomeamento.

Deberán presentar certificación do servizo de persoal da consellería ou organismo de que dependesen para acreditar tal condición.

V.3. As/os que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presentasen a documentación, ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2. non poderán ser nomeadas/os funcionarias/os en prácticas, e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

V.4. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, as/os aspirantes serán nomeadas/os funcionarias/os en prácticas mediante orde da consellería competente en materia de función pública, que se publicará no Diario Oficial de Galicia de acordo coa puntuación obtida nos exercicios da oposición. O nomeamento terá efectos desde a data do inicio do período de prácticas ao que se refire a base III.

V.5. Unha vez finalizado o período de prácticas o tribunal fará públicos os resultados obtidos nel e a orde de prelación dos aspirantes que superaron o proceso selectivo de acordo co establecido na base II.2.10.

V.6. A petición de destinos por parte das/os funcionarias/os en prácticas que superaron o período de prácitcas deberá realizarse unha vez rematado este, logo da oferta daqueles.

V.7. Os/as aspirantes que ingresen pola quenda de promoción interna terán preferencia sobre os/as da quenda de acceso libre para cubrir as vacantes correspondentes, de acordo co disposto no artigo 22.2 do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna.

No sistema de promoción interna, os aspirantes que superen o presente proceso selectivo poderán posesión da praza que viñeran desempeñando con carácter definitivo, cando esta, de conformidade cos requisitos exixidos nas relacións de postos de traballo, poida ser desempeñada por funcionarios/as pertencentes ao corpo ou escala a que accedan, de acordo co disposto no artigo 63 do TRLFPG.

V.8. A adxudicación das prazas ás/aos aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base II.2.10.

V.9 As persoas que superasen o proceso selectivo nomearanse funcionarias/os de carreira mediante orde do/a titular da consellería competente en materia de función pública. Esta orde publicarase no DOG e indicará o destino adxudicado de acordo coa puntuación obtida.

V.10. A toma de posesión dos/as aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade coas disposicións do TRLFPG e demais normas concordantes.

VI. Disposición derradeira.

Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela os/as interesados/as poderán presentar recurso potestativo de reposición ante o/a conselleiro/a competente en materia de función pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na LRX-PAC, ou impugnala directamente ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2013

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda

ANEXO I
Programa do proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas

• Parte I. Dereito civil e mercantil. Dereito constitucional e administrativo. Dereito autonómico. Economía xeral.

Tema 1. O concepto de persoa. Clases de persoas. Persoas naturais: nacemento e extinción. Persoas xurídicas: concepto, natureza e clases. Constitución e extinción das persoas xurídicas. Capacidade xurídica e capacidade de obrar. Adquisición e perda da nacionalidade española. Veciñanza civil.

Tema 2. Organización económica da sociedade conxugal. O sistema económico-matrimonial no Código civil e na Lei do dereito civil de Galicia. As capitulacións matrimoniais.
A sociedade de gananciais. O réxime de participación nas ganancias. O réxime de separación de bens.

Tema 3. Os dereitos reais: concepto e clases. Diferenzas entre os dereitos reais e os dereitos de crédito. A propiedade. Modos de adquirir e perder a propiedade. A posesión.
O usufruto. A servidume. O rexistro da propiedade.

Tema 4. Os dereitos reais de garantía: concepto e clasificación. Hipoteca. Peñor. Hipoteca mobiliaria e peñor sen desprazamento.

Tema 5. A obriga: concepto e clases. Fontes da obriga. Proba das obrigas. Influencia do tempo nas relacións xurídicas.

Tema 6. O contrato: concepto e clases. Elementos dos contratos. Xeración, perfección e consumación dos contratos. Ineficacia dos contratos. Interpretación e forma dos contratos.

Tema 7. A compravenda: concepto e elementos. Contido da compravenda. A permuta. O contrato de arrendamento: concepto e clases. O arrendamento de predios urbanos.
O arrendamento de predios rústicos.

Tema 8. A doazón: concepto e clases. Elementos da doazón. Efectos da doazón. Revogación e redución de doazóns. A sucesión mortis causa: concepto e clases. A herdanza: concepto e situacións en que pode atoparse a herdanza. A aportación.

Tema 9. Aceptación da herdanza. Herdeiro e legatario. A sucesión testamentaria: concepto, caracteres e clases de testamentos. Sucesión forzosa. A sucesión intestada. A sucesión contractual. Especial referencia ao dereito civil de Galicia.

Tema 10. A contabilidade mercantil. Contabilidade formal: libros obrigatorios. Requisitos dos libros. Conservación dos libros. Eficacia probatoria. Comunicación e exhibición dos libros. Contabilidade material: contas anuais. O rexistro mercantil.

Tema 11. A empresa mercantil. O empresario individual: capacidade e prohibicións. Proba, adquisición e perda da calidade de empresario. Exercicio do comercio por persoa casada. O empresario estranxeiro.

Tema 12. As sociedades mercantís: concepto e clasificación. Requisitos de constitución das sociedades mercantís. A sociedade unipersoal. A sociedade irregular. Nacionalidade das sociedades. As sociedades colectivas e comanditarias. A sociedade de responsabilidade limitada: principais notas do seu réxime xurídico. As sociedades profesionais.

Tema 13. A sociedade anónima: concepto e caracteres. Fundación. Escritura social e estatutos. Accións e obrigas. Órganos da sociedade anónima.

Tema 14. A disolución das sociedades mercantís. Liquidación e división. Transformación, fusión e escisión das sociedades mercantís.

Tema 15. Os títulos valores: concepto e clasificación. Os títulos nominativos, á orde, ao portador e de tradición. A letra de cambio: concepto e requisitos formais. O endoso. A aceptación. O pagamento da letra. As excepcións cambiarias.

Tema 16. As obrigas mercantís: características xerais. Os contratos mercantís: concepto e clases. Perfección, forma e proba dos contratos mercantís. Influencia da alteración das circunstancias nos contratos mercantís. A prescrición no dereito mercantil.

Tema 17. O concurso: orzamento subxectivo e obxectivo. O auto de declaración de concurso. Efectos sobre acredores, créditos e contratos. Determinación da masa activa, masa pasiva e os créditos contra a masa. O convenio: contido e os seus efectos. Efectos da apertura da fase de liquidación. As causas de conclusión do concurso. A cualificación do concurso.

Tema 18. Os contratos bancarios: concepto e clasificación. Operacións bancarias de mediación.

Tema 19. Institucións comunitarias e o seu funcionamento: o Consello, a Comisión, o Parlamento. O Banco Central Europeo. O ordenamento xurídico comunitario: fontes. Os órganos xudiciais da Unión Europea. Acta Única Europea.

Tema 20. O orzamento da UE. Os instrumentos financeiros. Fondos estruturais e iniciativas comunitarias.

Tema 21. A Constitución española de 1978: características e estrutura. A Coroa. As Cortes Xerais. O Goberno. O poder xudicial. O Tribunal Constitucional. A reforma constitucional.

Tema 22. Políticas de igualdade de xénero. Normativa vixente.

Tema 23. As fontes do dereito administrativo. A Constitución. Leis orgánicas. Leis ordinarias. Disposicións do Goberno con forza de lei: decretos lei e decretos lexislativos. O regulamento: concepto, caracteres e clases. Límites dos regulamentos. Regulamentos ilegais.

Tema 24. Concepto de Administración pública. Tipos de entes públicos. Formas de xestión dos servizos públicos. Xestión directa. Xestión indirecta: a concesión administrativa de servizos públicos.

Tema 25. As potestades administrativas: concepto e clases. O acto administrativo: concepto e caracteres. Diferentes clasificacións dos actos administrativos.

Tema 26. Elementos do acto administrativo: suxeito, obxecto, fin e forma. A motivación e comunicación dos actos administrativos. O silencio administrativo.

Tema 27. Eficacia do acto administrativo. Executoriedade dos actos administrativos. Validez e invalidez do acto administrativo. Revogación e anulación de oficio dos actos administrativos.

Tema 28. Lei de contratos do sector público: obxecto e ámbito de aplicación. Configuración xeral da contratación do sector público e elementos estruturais dos contratos. Obxecto, prezo e contía. Garantías exixibles. Preparación dos contratos. Selección do contratista e adxudicación dos contratos.

Tema 29. Efectos, cumprimento e extinción dos contratos: prerrogativas, modificación, extinción e cesión dos contratos. Normas especiais para os contratos de obras, concesión de obra pública, xestión de servizos públicos, subministracións, servizos e de colaboración entre o sector público e privado. Organización administrativa para a xestión da contratación.

Tema 30. A responsabilidade patrimonial das administracións públicas: réxime vixente. Requisitos para que proceda a indemnización. Responsabilidade das autoridades e funcionarios.

Tema 31. O procedemento administrativo: concepto e fins do procedemento. Principios xerais e ámbito de aplicación da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Características, elementos e fases do procedemento administrativo común. Trazos esenciais dos procedementos especiais.

Tema 32. Os recursos administrativos: concepto e clases. Principios xerais do procedemento administrativo en vía de recurso. O recurso de alzada. O recurso potestativo de reposición.

Tema 33. A xurisdición contencioso-administrativa: natureza, extensión e límites. Órganos da xurisdición contencioso-administrativa. As partes no proceso contencioso-administrativo: capacidade, lexitimación e defensa. Trámites previos á interposición do recurso contencioso-administrativo. Idea xeral do proceso contencioso-administrativo. Recursos contra sentenzas.

Tema 34. A organización territorial do Estado na Constitución española de 1978. As comunidades e cidades autónomas. Os estatutos de autonomía. Distribución de competencias entre o Estado e as comunidades autónomas.

Tema 35. Os ordenamentos autonómicos. Relación co ordenamento estatal. Vías de acceso á autonomía. Os estatutos de autonomía: caracteres, contido e procedemento de reforma.

Tema 36. A autonomía galega: orixe e evolución. O Estatuto de autonomía de Galicia: estrutura e contido. Bases fundamentais da autonomía galega: o territorio, os símbolos. A lingua e a cultura galega. O recoñecemento da galeguidade. A condición de galego. Os dereitos dos cidadáns galegos: garantías.

Tema 37. Organización política das comunidades autónomas. As institucións de autogoberno de Galicia: descrición. Sede. A Administración de Xustiza en Galicia.

Tema 38. O Goberno da Comunidade Autónoma. A Xunta de Galicia e o seu presidente.

Tema 39. O Parlamento de Galicia. Sistema electoral. Funcións do Parlamento: control parlamentario da acción do Goberno. O Valedor do Pobo.

Tema 40. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia. O réxime xurídico do exercicio das súas competencias.

Tema 41. O ordenamento xurídico de Galicia: leis de Galicia. Decretos lexislativos. Regulamentos. Aplicación do dereito galego. Supletoriedade do dereito estatal. As leis estatais marco, de transferencia e de delegación.

Tema 42. A Administración pública de Galicia. As consellerías: organización e estrutura. A Administración periférica. A Administración institucional.

Tema 43. A Consellería competente en materia de Facenda: organización e competencias. A Axencia Tributaria de Galicia: organización e competencias. As oficinas liquidadoras e de distrito hipotecario.

Tema 44. O emprego público na Comunidade Autónoma de Galicia. Persoal funcionario. Sistemas de acceso. Provisión de postos de traballo. Promoción e situacións administrativas dos funcionarios. Os dereitos e deberes dos funcionarios. Réxime disciplinario. Persoal laboral. O convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia.

Tema 45. As entidades locais: a súa regulación na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Tema 46. A actividade económica. Sistemas económicos. Tipos de organización da actividade económica. Funcións dun sistema económico.

Tema 47. A renda nacional: concepto e métodos de estimación. A contabilidade nacional. Natureza e fins. A análise input-output. Relacións sectoriais.

Tema 48. O diñeiro: concepto e funcións do diñeiro. Demanda e oferta do diñeiro. Formación do tipo de xuro.

Tema 49. A estrutura institucional do sistema financeiro español. O Banco de España. Entidades oficiais de crédito. A banca privada. As caixas de aforro. As cooperativas de crédito. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

• Parte II. Contabilidade e matemática financeira.

A) Contabilidade:

1. Contabilidade financeira.

2. Contabilidade de sociedades.

B) Matemática financeira:

Capitalización simple e composta: rendas, préstamos, empréstitos e valores.

• Parte III. Dereito financeiro, orzamentario e tributario.

Tema 1. O dereito financeiro: concepto e contido. A Facenda pública na Constitución española.

Tema 2. O dereito orzamentario: concepto e contido. O Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Principios xerais, recursos e obrigas da Comunidade Autónoma.

Tema 3. Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma: elaboración, aprobación. Estrutura orzamentaria. Os créditos orzamentarios.

Tema 4. As modificacións orzamentarias. Modificación dos créditos iniciais. Gastos plurianuais. Anulación de remanentes. Incorporación de créditos. Créditos extraordinarios e suplementos de crédito. Anticipos de tesouraría. Créditos ampliables. Transferencias de créditos. Ingresos que xeran crédito.

Tema 5. O gasto público: concepto. Principios constitucionais. Procedemento de execución do gasto público. Xestión dos gastos de persoal. A Seguridade Social dos empregados públicos.

Tema 6. Xestión de gastos contractuais. Nacemento de obrigas. Cumprimento, recoñecemento da obriga, xustificación e extinción. Xestión de gastos de transferencias. Subvencións: concepto, natureza e clasificación. Procedemento de concesión e pagamento. Reintegro. Infraccións administrativas en materia de subvencións. O delito subvencional.

Tema 7. O tesouro público. Funcións e competencias. A xestión de pagamentos. Pagamentos para xustificar e anticipos de caixa fixa. Ingresos orzamentarios. Previsións. Fases de execución do orzamento de ingresos. Lei xeral de estabilidade orzamentaria. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de endebedamento, avais e seguros.

Tema 8. O Plan xeral de contabilidade pública. Principios contables, contas anuais e normas de valoración. A conta xeral da Comunidade Autónoma. Documentos que a integran. Formación e remisión. Exame e comprobación. Aprobación.

Tema 9. O control interno da actividade económico-financeira do sector público autonómico. Concepto, clases e ámbito. O control previo de legalidade de ingresos, de gastos e pagamentos. O control financeiro. Concepto. Regulación e principios xerais. Clases. Informes de control: clases e efectos. O control externo da actividade económico-financeira do sector público estatal. O control parlamentario. O control do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

Tema 10. O dereito tributario: concepto e contido. Fontes. A Lei xeral tributaria: principios xerais.

Tema 11. Os tributos: concepto, fins e clases. A relación xurídico-tributaria. Feito impoñible. Non suxeición e exención. Devengo. Prescrición. A aplicación da norma tributaria. Interpretación, cualificación e integración. A analoxía. O conflito na aplicación da norma tributaria. A simulación.

Tema 12. As obrigas tributarias: a obriga tributaria principal, a obriga tributaria de realizar pagamentos á conta, as obrigas entre particulares, as obrigas tributarias, as obrigas tributarias accesorias e formais. As obrigas e deberes da Facenda autonómica. Os dereitos e garantías dos obrigados tributarios. Colaboración social na aplicación dos tributos. Utilización das novas tecnoloxías da información.

Tema 13. Os obrigados tributarios. Contribuíntes. Suxeitos pasivos. Sucesores. Responsables solidarios e subsidiarios. Outros obrigados tributarios. A capacidade de obrar. Representación. Domicilio fiscal.

Tema 14. Elementos de cuantificación da obriga tributaria principal e da obriga de realizar pagamentos á conta. Base impoñible: concepto, métodos de determinación. Base liquidable. Tipo de gravame. Cota tributaria. Comprobación de valores. A débeda tributaria.

Tema 15. A aplicación dos tributos; concepto e órganos competentes. A información e asistencia aos obrigados tributarios. A consulta tributaria. O número de identificación fiscal. A asistencia mutua: concepto. Os procedementos administrativos en materia tributaria: proba, notificacións, obriga de resolución e prazo de resolución. As liquidacións tributarias.

Tema 16. Actuacións e procedementos de xestión tributaria. Iniciación. Declaracións. Autoliquidacións. Comunicacións de datos. Procedemento de devolución iniciado mediante autoliquidación, solicitude ou comunicación de datos. Procedemento iniciado mediante declaración. Procedemento de verificación de datos. Procedemento de comprobación de valores. Procedemento de comprobación limitada.

Tema 17. A recadación. (I). A recadación. Actuacións e procedementos. Órganos de recadación: organización da xestión recadatoria da Xunta de Galicia. Extinción das débedas: o pagamento e outras formas de extinción. Obrigados ao pagamento. Garantías da débeda tributaria. Aprazamentos e fraccionamentos.

Tema 18. A recadación (II). A recadación en período executivo. Procedemento de constrinximento. Carácter do procedemento. Fases: iniciación, embargo de bens e dereitos, alleamento e termo do procedemento. Terzarías. Procedemento fronte a responsables e sucesores.

Tema 19. A inspección dos tributos: órganos, funcións e facultades. Documentación das actuacións da inspección. Procedemento de inspección: normas xerais. Iniciación e desenvolvemento. Terminación das actuacións inspectoras. Disposicións especiais.

Tema 20. A potestade sancionadora en materia tributaria. Principios. Suxeitos responsables. Concepto e clases de infraccións e sancións tributarias. Cuantificación das sancións tributarias pecuniarias. Extinción da responsabilidade. Procedemento sancionador en materia tributaria: iniciación, instrución e terminación. Delitos contra a Facenda pública.

Tema 21. A revisión dos actos de carácter tributario en vía administrativa: procedementos especiais de revisión. O recurso de reposición. As reclamacións económico-administrativas: actos impugnables. Procedementos. Órganos de resolución. Suspensión de actos impugnados.

Tema 22. O imposto sobre a renda das persoas físicas (I): natureza, obxecto e ámbito de aplicación. Suxeición ao imposto: aspectos materiais, persoais e temporais. Determinación da capacidade económica sometida a gravame: rendementos e ganancias e perdas patrimoniais. Clases de rendas. Integración e compensación de rendas.

Tema 23. O imposto sobre a renda das persoas físicas (II). Base impoñible e liquidable. Reducións. Adecuación do imposto ás circunstancias persoais e familiares do contribuínte. Cálculo do imposto estatal. Gravame autonómico. Cota diferencial. A tributación familiar. Réximes especiais. Declaracións, pagamentos á conta e obrigas formais. O imposto sobre a renda de non-residentes.

Tema 24. O imposto sobre o patrimonio das persoas físicas. Natureza, obxecto e ámbito de aplicación. Feito impoñible. Suxeito pasivo. Exencións. Base impoñible e liquidable.
A débeda tributaria. Xestión do imposto.

Tema 25. O imposto sobre sociedades (I): natureza e ámbito de aplicación. O feito impoñible. Suxeito pasivo. Base impoñible.

Tema 26. O imposto sobre sociedades (II): período impositivo e devengo do imposto. Tipo de gravame e cota íntegra. Deducións para evitar a dobre imposición. Bonificacións. Deducións por investimentos. Pagamento fraccionado. Réximes tributarios especiais: especial referencia aos incentivos fiscais para as empresas de reducida dimensión. Xestión do imposto.

Tema 27. O imposto sobre sucesións e doazóns (I): feito impoñible: presuncións. Suxeito pasivo e responsables. Base impoñible. Comprobación de valores. A base liquidable.
A tarifa. A débeda tributaria. Devengo e prescrición.

Tema 28. O imposto sobre sucesións e doazóns (II): normas especiais sobre o dereito de usufruto, uso, habitación, substitucións, fideicomisos, reservas, partición e excesos de adxudicación, repudiación, renuncia e doazóns. Obrigas formais. Xestión do imposto.

Tema 29. O imposto sobre o valor engadido (I): concepto e natureza. Feito impoñible e supostos de non-suxeición. Exencións. Suxeito pasivo. Devengo. Base impoñible. Tipos de gravame.

Tema 30. O imposto sobre o valor engadido (II): débeda tributaria. Liquidación, deducións, devolucións. Réximes especiais.

Tema 31. O imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (I): transmisións patrimoniais onerosas: feito impoñible, suxeito pasivo, base impoñible e débeda tributaria.

Tema 32. O imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (II): operacións societarias: feito impoñible, base impoñible, suxeito pasivo. Actos xurídicos documentados.

Tema 33. A tributación sobre o xogo: taxa sobre rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias; taxa sobre xogos de sorte, envite ou azar; imposto sobre actividades do xogo; o imposto galego sobre o bingo.

Tema 34. Os impostos especiais. Os impostos especiais de fabricación: disposicións comúns e principais normas reguladoras; o imposto sobre hidrocarburos; o imposto especial sobre a electricidade. Outros impostos especiais: o imposto especial sobre determinados medios de transporte.

Tema 35. Os tributos propios da Comunidade Autónoma de Galicia: os impostos ambientais; as taxas da Comunidade autónoma de Galicia. Os prezos da Comunidade autónoma de Galicia.

Tema 36. O financiamento das comunidades autónomas. Principios. Sistemas de financiamento das comunidades autónomas de réxime común. Os tributos cedidos. Órganos e formas de relación entre o Estado e as CC.AA.

Tema 37. Financiamento das facendas locais. A Lei reguladora das facendas locais. Estrutura e características. Os impostos municipais potestativos e obrigatorios. Outros recursos.

ANEXO II

D./Dna..., con domicilio en..., con DNI/pasaporte..., declara baixo xuramento ou promete, para efectos de ser nomeado funcionario do corpo de xestión de Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, que non se atopa inhabilitado/a ou en situación equivalente nin foi sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de ............................. o acceso ao emprego público.

En (país e localidade)..., ... de... de 201...