Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Luns, 16 de setembro de 2013 Páx. 36128

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 9 de setembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega e se convocan para o ano 2013.

A Axencia Galega das Industrias Culturais –Agadic–, no exercicio das súas competencias de fomento e promoción das industrias culturais galegas, é consciente da relevancia do sector audiovisual na sociedade contemporánea pola súa contribución á creación das industrias culturais e ao desenvolvemento económico da comunidade autónoma, de aí que a Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual, considere estratéxico o seu desenvolvemento.

A través das subvencións ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega, preténdese fomentar unha das fases esenciais da produción audiovisual, como a selección da historia e posta a punto dos aspectos guionísticos e orzamentarios de calquera proxecto audiovisual. Enténdese por desenvolvemento de proxectos o conxunto de operacións previas á preprodución dunha obra audiovisual: a adquisición de dereitos, os traballos de investigación, escrita e análise do guión, a selección de membros principais do equipo técnico-artístico, preparación do orzamento estimado de produción e plan financeiro, a procura de socios e coprodutores no ámbito da industria audiovisual, a planificación da produción, o plan inicial de márketing e explotación da obra etc.

Para certos tipos de produción, considéranse ademais como parte integrante do desenvolvemento a investigación gráfica e a realización dun teaser ou piloto (para as películas e series de animación) ou a investigación en arquivos (para as producións que poñan en valor o patrimonio audiovisual europeo).

Mediante esta resolución, a Agadic establece as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega, co fin de estimular o crecemento do sector na nosa comunidade autónoma e facelo máis competitivo nos mercados internacionais.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Por esta resolución establécense as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das subvencións da Agadic para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega, que se inclúen como anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2013.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. Para a concesión das subvencións destinarase un crédito global de 150.000 euros, orzado na aplicación 09.A1.432B.770.0, dos cales 50.000 euros corresponden á anualidade de 2013 e 100.000 euros á de 2014. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

2. A axuda que se vai conceder asume a forma de subvención a fondo perdido, e o importe das subvencións reguladas nesta resolución en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas ou patrocinios concedidos por outras administracións públicas ou entes públicos, autonómicos, nacionais ou internacionais, superen o 100 % do custo da actividade subvencionada que desenvolverá o beneficiario, isto sen prexuízo das particularidades e especificidades previstas para cada tipo ou modalidade de axuda, previstas nas cláusulas que seguen.

3. Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de subvención previstos nestas bases. Así mesmo, os gastos subvencionados non poderán servir como xustificación a subvencións de distintas convocatorias ou que afecten varios exercicios económicos, salvo nos casos expresamente previstos nestas bases.

4. Cando os proxectos, actuacións ou actividades obxecto de subvención fosen financiados, ademais, con fondos propios ou con outras subvencións ou recursos, deberase acreditar na xustificación que se achegue o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas.

5. Do mesmo xeito, e segundo as previsións contidas no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, o beneficiario dunha subvención da Agadic unicamente poderá subcontratar total ou parcialmente a actividade subvencionada ata o 50 % do seu importe, e en ningún caso poderá subcontratar unha única persoa física ou xurídica por máis do 25 % do importe total da subvención outorgada, nin tampouco se poderán subcontratar as actividades que, aumentando o custo do proxecto subvencionado, non acheguen valor engadido ao seu contido.

6. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006, relativo ás axudas de minimis (DOUE do 28 de decembro), a Agadic deberá garantir que no caso de recibir o beneficiario outras axudas baixo este réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2 do citado regulamento.

7. A axuda de minimis non se acumulará con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables, se tal acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso nun regulamento de exención por categorías, ou nunha decisión adoptada pola Comisión Europea.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Para poder ser beneficiario das subvencións, deberase presentar unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 3 das bases reguladoras.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

2. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta, non se achegase a documentación exixida ou non se reunisen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o interesado será requirido para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte á notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da dita lei, segundo o previsto no artigo 71.

Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de concesión

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

2. Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes aos proxectos recollidos nesta resolución será de tres meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

Artigo 6. Prazo de xustificación das subvencións

O prazo de xustificación da realización das actividades subvencionadas rematará o 30 de agosto de 2014.

Transcorrido o prazo de xustificación sen que se presente esta ante a Agadic, requirirase ao beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste punto non eximirá o beneficiario das sanciones que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 7. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través da súa páxina web (http://www.agadic.info) na súa epígrafe de axudas e trámites.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a Dirección da Agadic para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2013

Jesús Vázquez Abad
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva,
das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais
en lingua galega

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. Poderá ser obxecto de subvención o desenvolvemento das seguintes modalidades de proxectos:

a) Longametraxes de ficción: proxectos de longametraxe de imaxe real ou de animación cunha duración superior aos 60 minutos.

b) Longametraxes documentais: proxectos de longametraxes documentais cunha duración superior aos 50 minutos.

c) Películas para televisión: telefilmes para TV cunha duración de entre 75 e 90 minutos. No caso de películas de animación para TV, a duración mínima será de 60 minutos.

d) Formatos innovadores para televisión. Combinación única de elementos para crear un programa de televisión orixinal. Comprende o contido do programa ou serie de programas, ademais das indicacións técnicas para producilo, os elementos artísticos, avances orzamentarios (orzamento base) e knowhow (experiencia resolutiva) dos produtores.

e) Pilotos de series de animación para TV.

2. O importe máximo da subvención non poderá superar o cincuenta por cento do investimento subvencionable e, en todo caso, a cantidade de 20.000 euros.

Cada empresa solicitante só poderá ser beneficiaria dun máximo dun proxecto. De xeito voluntario, o solicitante poderá facer unha prelación para os proxectos e solicitudes presentados a esta convocatoria.

3. En todos os casos, o importe que se vai xustificar será o correspondente ao total dos custos do proxecto.

4. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e quedará suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis.

5. O importe das subvencións reguladas nesta resolución en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas ou patrocinios concedidos por outras administracións públicas ou entes públicos, autonómicos, nacionais ou internacionais, superen o 100 % do custo da actividade subvencionada que desenvolverá o beneficiario, isto sen prexuízo das particularidades e especificidades previstas para cada tipo ou modalidade de axuda, previstas nas cláusulas que seguen.

6. Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de subvención previstos nestas bases. Así mesmo, os gastos subvencionados non poderán servir como xustificación a subvencións de distintas convocatorias ou que afecten varios exercicios económicos, salvo nos casos expresamente previstos nestas bases.

7. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006, relativo ás axudas de minimis (DOUE do 28 de decembro), a Agadic deberá garantir que, no caso de recibir o beneficiario outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 euros nun período de de tres exercicios fiscais.

Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2 do citado regulamento.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes, con sucursal ou oficina permanente polo menos un ano, previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea.

2. Os beneficiarios deberán ter un acordo ou contrato, como mínimo, cun autor ou guionista para desenvolver algún proxecto dos tipos sinalados no artigo anterior.

3. Non poderán acceder ás subvencións os solicitantes que se encontren afectados por algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 10.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Así mesmo, quedan excluídos aqueles solicitantes que fosen beneficiarios de axudas nas convocatorias de subvencións da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou da Agadic nos dous exercicios anteriores aos da presente convocatoria e incumprisen as bases ou as finalidades establecidas nela, sempre e cando fosen sancionados por iso. As condicións exixidas no número 1 do presente artigo deberanse manter durante todo o período de execución do proxecto subvencionado. A perda dalgunha destas condicións suporá a perda da condición de beneficiario e, se é o caso, o reintegro das cantidades percibidas.

5. As entidades beneficiarias non poderán ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1, letra h), do Regulamento (CE) nº 1998/2006, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis.

Artigo 3. Solicitudes

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indiquen na convocatoria.

2. Ademais da solicitude, os interesados nestas subvencións presentarán a seguinte documentación, mediante orixinal ou fotocopia compulsada ou debidamente autenticada:

a) Copia do DNI ou NIE do solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

b) Acreditación suficiente da representación que exerza a persoa solicitante na empresa, mediante poder notarial debidamente inscrito no Rexistro Mercantil, se é o caso.

c) Copia da escritura de constitución da empresa e inscrición no Rexistro Mercantil da Comunidade galega, se é o caso.

d) Copia da tarxeta de identificación fiscal, se é o caso.

e) Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe e subepígrafe que corresponda (produtora audiovisual ou empresa de servizos citada no artigo 3 das presentes bases), no exercicio actual.

f) Memoria da empresa, conforme o modelo recollido no anexo V.

g) Documentación acreditativa de que o proxecto é obra orixinal e/ou de posuír os dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.

h) Declaración comprensiva de todas as axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade das administracións públicas competentes ou doutros entes públicos, así como das axudas solicitadas ou concedidas en réxime de minimis, durante os dous exercicios fiscais anteriores, e o exercicio actual, ou, de ser o caso, declaración de que non solicitou ou percibiu outros ingresos ou subvencións (anexo III).

i) Declaración responsable de ser empresa de produción independente conforme o establecido no artigo 3 desta resolución, así como de ter sucursal ou oficina permanente en Galicia polo menos un ano previo a esta convocatoria.

j) Calendario desagregado de gasto para execución.

k) Declaración de non ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1, letra h), do Regulamento (CE) nº 1998/2006, do 15 de decembro, relativo a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (anexo III).

3. Ademais da documentación anterior, achegaranse un exemplar coa seguinte documentación técnica:

a) Memoria explicativa do proxecto cunha extensión mínima de cinco páxinas.

b) Sinopse argumental cunha extensión máxima de dúas páxinas.

c) Guión, tratamento ou argumento do proxecto.

d) Cronograma do proceso de desenvolvemento.

e) Orzamento das actividades de desenvolvemento do proxecto, segundo o modelo reflectido no anexo VI.

f) Acordo ou contrato co/s guionista/s, con especificación da situación dos dereitos de autor correspondentes.

g) Historial profesional do equipo creativo, guionista e empresa produtora.

h) Calquera outra documentación que o solicitante xulgue conveniente para a mellor defensa do proxecto.

A documentación técnica citada poderá ser entregada en soporte papel, CD-Rom ou en memoria USB. En calquera dos soportes que se presenten deberán figurar os mesmos ficheiros e con igual contido. Todos os ficheiros deberán incorporar un índice do seu contido. Os formatos dos ficheiros poderán ser PDF ou Excel. Se se inclúen ficheiros con fotografías ou debuxos, serán en formato JPG. Os servizos administrativos da Agadic comprobarán, antes da súa remisión á comisión, que os arquivos son lexibles.

A documentación técnica poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

4. A documentación técnica dos proxectos que non fosen subvencionados poderá ser retirada por petición dos solicitantes no prazo de tres meses a partir da data da resolución de adxudicación. En todo caso, transcorrido o dito prazo, esta documentación será destruída co obxecto de garantir a confidencialidade dos datos.

Artigo 4. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización ao director da Agadic para solicitar as certificacións de non ter débedas coa Administración pública da comunidade autónoma, así como de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social. Estes requisitos deberán acreditarse, de ser o caso, antes de efectuar a proposta de resolución, así como da tramitación dos pagamentos, ao abeiro do disposto nos artigos 20.4º e 31.7º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, respectivamente. Porén, o solicitante poderá denegar expresamente tal consentimento mediante escrito presentado ante o órgano xestor, debendo presentar neste caso os certificados indicados nos termos previstos regulamentariamente.

Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado.

2. O/a solicitante dará o seu consentimento expreso para a comprobación telemática do DNI ante o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización dos medios electrónicos. No caso de que o solicitante non queira autorizar a Agadic para obter os datos do seu DNI, terá que achegar a copia deste xunto co resto da documentación.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Agadic publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

4. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

Artigo 5. Órganos competentes

O director da Agadic será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, correspondéndolle ao presidente do Consello Reitor da Agadic ditar a resolución de concesión da subvención, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012 (DOG nº 164).

Artigo 6. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 20.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 7. Comisión de valoración

1. Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha comisión de valoración que será nomeada polo presidente do Consello Reitor da Agadic e que será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes, de acordo cos criterios fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A comisión de valoración estará formada por expertos independentes nomeados polo presidente do Consello Reitor da Agadic, e estará presidida polo director da Agadic, ou persoa en quen delegue. Da comisión formarán parte catro vogais, profesionais de recoñecido prestixio nas diferentes áreas e funcións da industria audiovisual ou do ámbito da cultura, e actuará como secretario unha persoa designada polo director da Agadic, pertencente ao cadro de persoal da Agadic con voz e sen voto.

Os membros das comisións de expertos declararán por escrito non ter relación cos solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria anual.

3. As decisións do comité de expertos especificarán a avaliación que lles corresponde en aplicación dos criterios de avaliación e asignarán as cantidades específicas para cada proxecto, ata esgotaren o crédito dispoñible, e respectando as porcentaxes máximas de investimento subvencionable en función das súas posibilidades de financiamento e segundo as diferentes modalidades descritas no anexo I, artigo 1. A asignación económica a cada un dos proxectos subvencionables farase proporcionalmente á cantidade solicitada e á puntuación recibida, de xeito lineal á puntuación recibida, e cos límites determinados nas bases.

4. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidas ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións.

Artigo 8. Criterios de valoración

Na valoración realizada pola comisión de valoración teranse en conta os seguintes criterios, que serán motivados por cada un dos membros da comisión (máximo 70 puntos):

a) A calidade, creatividade e orixinalidade do proxecto (máximo 20 puntos).

b) Viabilidade e potencial de produción do proxecto (máximo 15 puntos). Valorarase a proporción entre os apoios externos e os fondos propios destinados.

c) A contribución ao desenvolvemento de contidos específicos da cultura galega ou á sinerxía entre as industrias culturais da nosa comunidade autónoma (máximo 10 puntos). Valoraranse as relacións con outras disciplinas culturais e as relacións coa cultura galega, e os puntos repartiranse proporcionalmente.

d) As posibilidades do proxecto para o fomento do emprego no sector audiovisual galego –persoal artístico, técnico e de servizos– e a aplicación de recursos de Galicia na execución do desenvolvemento (máximo 10 puntos). Valorarase a cantidade de recursos humanos que se pretenden empregar, e a porcentaxe de recursos galegos sobre o total.

e) Adecuación do orzamento de desenvolvemento, segundo o modelo que figura no anexo IV (máximo 5 puntos). Valorarase a relación entre o orzamento presentado e a entidade da produción.

f) Historial da produtora (máximo 5 puntos). Valorarase a antigüidade da empresa no eido audiovisual, así como os proxectos levados a cabo e o seu éxito e repercusión.

g) Historial do/s guionista/s e do resto do equipo creativo (máximo 5 puntos). Valorarase a experiencia e traxectoria profesional de todo o equipo creativo.

Artigo 9. Resolución e notificación

1. A comisión de valoración emitirá o informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada. O órgano instrutor enviaralle o informe da comisión de valoración, xunto coa proposta de resolución, á Presidencia do Consello de Dirección da Agadic.

2. A Presidencia da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012 (DOG nº 164) deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución. A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de tres meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa dos beneficiarios, da contía da axuda, da porcentaxe de axuda sobre o investimento subvencionable e a distribución da axuda por anualidades.

3. O prazo máximo para resolver e notificarlle a resolución ao interesado será de tres meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.5.b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Agadic. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 10. Réxime de recursos

A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 11. Modificación da resolución

A alteración substancial das condicións definitorias do proxecto consideradas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais que non estivesen recollidas no plan de financiamento presentado en cumprimento do artigo 3 destas bases reguladoras poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12. Aceptación e renuncia

Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos dez días hábiles desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario. A renuncia á subvención poderá facerse axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunicase a renuncia, a Dirección da Agadic ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

1. Sen prexuízo das obrigas dispostas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos.

2. As producións subvencionadas deberán axustarse fielmente ao proxecto presentado. Calquera alteración relevante do proxecto, cambio de título, modificación substancial de contidos ou trocos nos responsables do equipo técnico deberalle ser notificada con anterioridade á Agadic, que adoptará as medidas que considere procedentes.

3. Na futura documentación do proxecto (materiais de promoción e distribución) e nos títulos de crédito da produción resultante, páxina web ... farase constar que recibiu unha subvención ao desenvolvemento ou produción por parte da Agadic coa súa imaxe corporativa.

4. No caso dos pilotos de series de animación, os beneficiarios dan a autorización expresa á Agadic para a utilización da produción subvencionada co obxecto da súa sociabilización, nas actividades de promoción e difusión que lle corresponden.

Artigo 14. Xustificación da subvención

O beneficiario deberá presentar no Rexistro da Agadic, tendo de prazo ata a data indicada na correspondente convocatoria anual, a conta xustificativa da realización do desenvolvemento do proxecto subvencionado, que conterá:

1. Memoria final:

a) Unha copia do guión en galego.

b) O contrato definitivo co guionista.

c) Xustificante de inscrición do proxecto no Rexistro de Propiedade Intelectual.

d) Memoria explicativa dos contactos realizados durante a fase de desenvolvemento, situación actual e evolución do proxecto, cunha extensión mínima de cinco páxinas.

e) Un exemplar do plan de produción.

f) Un exemplar do plan de financiamento coas diferentes entradas comprometidas ou en negociación, debidamente xustificadas.

g) A proposta de equipo técnico-artístico, que incluirá, como mínimo, a identidade do director e o produtor executivo e tamén a listaxe dos xefes do equipo técnico e unha proposta do elenco.

h) Achegaranse, sempre que sexa posible, cartas de aceptación/interese por parte dos profesionais incluídos nestas listaxes.

i) Na modalidade de pilotos de series de animación, copia en DVD da produción final (imaxe corporativa da Agadic).

2. Memoria xustificativa, que conterá:

a) Memoria descritiva das actuacións realizadas.

b) Relación numerada e ordenada por capítulos de gastos que inclúan o número de documento, identificación do acredor, o importe e a data de emisión, a suma parcial (folla por folla) e a suma do total da relación de gastos, excluído o IVE. A relación poderá ser enviada en soporte papel, soporte CD-ROM ou en memoria USB. O modelo deberá descargarse na páxina web da Agadic www.agadic.info

c) Contratos laborais, mercantís e relativos á adquisición de dereitos.

d) Xustificantes do ingreso na Facenda pública das cantidades retidas á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondentes aos contratos formalizados, de acordo coas porcentaxes de retención legalmente establecidas, así como, se é o caso, os xustificantes de pagamento das cotas de seguridade social correspondentes aos ditos contratos.

e) Facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa e, se é o caso, contratos, que acrediten os custos de servizos, subministracións e calquera outra prestación que non sexa de persoal contratado directamente pola empresa produtora, así como o xustificante de ter efectuado a declaración das facturas ante a Facenda pública nos casos en que así o exixa a súa normativa específica.

f) Billetes, facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, xustificativos dos gastos de viaxes e desprazamentos.

En todo caso, deberá enviarse a documentación xustificativa do pagamento. Non se terán en conta os pagamentos en efectivo.

3. Declaración actualizada sobre subvencións solicitadas, percibidas ou concedidas e pendentes de percepción para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os dous últimos exercicios, fiscais, e durante o exercicio fiscal en curso, ou ben declaración de que a información facilitada ao respecto na solicitude non sufriu variacións desde a data da súa presentación.

Os gastos deberán corresponder ao período subvencionable, que comprende desde o 1 de xaneiro de 2013 ata a data máxima de xustificación establecida na convocatoria.

Artigo 15. Pagamento

1. Tras a resolución de concesión, a Agadic aboará, en concepto de pagamento anticipado, o importe da anualidade 2013, a aqueles que obtiveron a condición de beneficiarios. En ningún caso os anticipos poderán exceder o 50 % da subvención concedida. Para facer efectivo o pagamento, o beneficiario deberá enviar unha declaración de axudas nos termos establecidos no artigo 14.3, e unha memoria do estado de execución do proxecto.

Os beneficiarios, antes do pagamento anticipado, sempre que a cantidade exceda os 18.000 euros, deberán constituír unha garantía, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110 % do importe do anticipo, e deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación. Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios nos casos establecidos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A contía restante será aboada tras o cumprimento dos requisitos enumerados no artigo 14 destas bases.

Artigo 16. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria, ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes, nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Control

1. Os solicitantes e beneficiarios quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido título III da Lei 9/2007, ou polo Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

2. Ademais, deberanlle facilitar á Agadic toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou aboamento do importe da subvención.

Artigo 18. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases haberá que aterse ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, e na restante normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file