Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Luns, 23 de setembro de 2013 Páx. 37300

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 16 de setembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas do Programa bonos de innovación (códigos de procedemento IN851A e IN851B).

A Constitución española, no seu artigo 44.2, obriga os poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece no artigo 149.1.15 que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

O Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 27.19 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, no seu artigo 1, establece como o seu obxectivo xeral establecer o marco para o fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico, da transferencia e valorización de resultados e da innovación en Galicia en todas as súas vertentes, así como da súa xestión eficiente.

Segundo o artigo 2 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, a súa finalidade é a de fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas, a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes.

Como ferramenta clave na articulación do fomento da investigación en Galicia, a Lei 12/1993 crea, no seu capítulo II, o Plan galego de investigación e desenvolvemento tecnolóxico. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 23 de decembro de 2010, aprobou o Plan galego de investigación, innovación e crecemento I2C (2011-2015).

O Plan I2C recolle dentro do seu eixo estratéxico 5: «A innovación como motor de crecemento», varias liñas de actuación (5.2.3 e 5.2.4) que teñen como obxectivo o fomento da participación en programas de I+D+i, especialmente de pemes galegas, a través de axentes facilitadores que, desde unha perspectiva de innovación aberta e a través dunha sistemática orientada a resultados, favorezan a supresión das barreiras clásicas para a participación das pemes en programas nacionais e internacionais, sobre todo colaborativos.

Co Programa bonos de innovación, a través do cal se poñen en marcha as actuacións 3 e 5 do convenio de colaboración asinado entre a Administración xeral do Estado e a Xunta de Galicia para o desenvolvemento da Estratexia española de innovación na Comunidade Autónoma de Galicia, búscase implantar un sistema de incentivos a través de bonos que permita incrementar a cantidade, pero tamén a calidade, das propostas presentadas a programas nacionais e internacionais de I+D+i polos diferentes axentes do tecido empresarial galego, co obxectivo de aumentar o retorno acadado ata o de agora e asegurar a súa competitividade. Trátase de mellorar a capacidade do tecido empresarial galego para acceder aos recursos de financiamento nacionais e internacionais competitivos, na procura do aseguramento dun financiamento o máis sustentable posible que favoreza o desenvolvemento de actividades de I+D+i. Esta mellora pretende acadarse a través do apoio ás pemes galegas de axentes intermedios especializados na preparación deste tipo de propostas cun sistema de bonos trocables como forma de pagamento dos servizos prestados polos ditos axentes. Para asegurar a calidade do seu servizo estes axentes deberán estar previamente homologados pola Axencia Galega de Innovación.

Así, con esta orde preténdese:

1. Establecer un procedemento de homologación de empresas como axentes intermedios do Programa bonos de innovación para garantir a calidade do apoio que prestarán ás pemes na preparación das súas propostas a convocatorias nacionais e internacionais de I+D+i (código de procedemento IN851A, anexo I). Este procedemento, que permanecerá aberto mentres o estea o Programa, facilitará ás pemes a identificación de axentes intermedios capacitados na prestación destes servizos, co obxectivo de converter o Programa nunha ferramenta útil para aumentar o retorno acadado ata o de agora polas entidades empresariais galegas nos programas públicos de financiamento da I+D+i. Sendo o obxectivo incrementar a taxa de éxito nas fontes de financiamento nacional e internacional, o procedemento de homologación xirará arredor da solvencia técnica e profesional dos potenciais axentes intermedios, a fin de asegurar a calidade dos servizos que poidan prestar ao abeiro deste programa.

Asemade, debido ao carácter persoal e profesional dos datos que se van recoller, é preciso establecer as medidas que garantan o cumprimento do establecido na Lei 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (en diante Lei 15/1999).

2. Establecer as bases e a convocatoria dun novo programa de incentivos ás pemes galegas en forma de bonos para a preparación de propostas a convocatorias nacionais e internacionais de I+D+i a través da contratación de axentes intermedios previamente homologados (código de procedemento IN851B, anexo II).

Dentro do programa establécense dous tipos de bonos segundo o seu ámbito: nacionais e internacionais, diferenciándose dentro de cada un bonos trocables por diferentes cantidades dependendo do tipo de proxecto preparado, do papel asumido pola peme nel (socio/coordinador) e dos resultados acadados no programa de financiamento a que se presentou a proposta. Deste xeito, cuantifícase o servizo prestado polo axente a través do bono segundo o seu esforzo, xa que non todos os tipos de axudas son iguais, entendendo, ademais, que, ao partir dun nivel de capacidade semellante para todos os axentes, a través da súa homologación, o resultado acadado está directamente ligado á súa dedicación na preparación da proposta presentada.

Estas axudas quedarán suxeitas ao réxime de axudas de minimis segundo o Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión da Unión Europea, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE núm. L379/5, do 28 de decembro) e poderán ser susceptibles de ser cofinanciadas con fondos procedentes do fondo nacional Euroingenio.

De acordo co establecido no artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante Lei 9/2007), esta orde tramítase na modalidade de concorrencia non competitiva, de modo que as solicitudes serán atendidas respectando a súa orde de entrada e sen comparación con outras solicitudes, ata o esgotamento do crédito dispoñible. O feito de non acudir ao procedemento de concorrencia competitiva motívase pola ampla casuística e heteroxeneidade das posibles propostas que poden presentarse aos diferentes programas nacionais e internacionais de I+D+i. Estes programas poden ser para diferentes tipos de actividades: redes, accións de coordinación e apoio, proxectos de investigación etc. e cada programa conta cos seus propios requisitos, o que provoca que a comparación entre solicitudes para establecer unha prelación entre elas non poida realizarse en función duns mesmos criterios de valoración comparativos para todas elas. As axudas, ademais, outorgaranse polo mero feito de cumprir uns requisitos fixados nesta orde e unha vez que a actuación subvencionable xa foi realizada: a consecución de financiamento dentro dunha convocatoria nacional de I+D+i (bonos nacionais) ou ter acadado unha valoración suficiente nunha internacional (bonos internacionais) xa foi desenvolvida, de tal xeito que non é axeitado, atendendo á finalidade e ao obxecto da axuda, establecer criterios de gradación entre os posibles beneficiarios.

Na definición deste novo programa de bonos de innovación séguense as recomendacións da Comisión Europea en termos de orientación do financiamento a resultados e de simplificación do propio procedemento, para facelo o menos gravoso posible e favorecer o seu acceso ás pemes. Así, optouse por unificar todo o proceso de gasto (realización e pagamento) de tal forma que soamente se presente a solicitude unha vez realizados e pagados os gastos subvencionables e requírese, para poder optar ás axudas, a obtención dun determinado resultado, ao configurarse o bono de innovación como un instrumento de financiamento orientado á xeración de valor.

Consecuentemente con todo o anterior e en exercicio das facultades que me confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases do Programa bonos de innovación (incluídas nos anexos I e II), polas que se rexerá a concesión de incentivos en forma de bonos ás pemes galegas para a preparación de propostas a convocatorias nacionais e internacionais de I+D+i a través da contratación de axentes intermedios homologados para o dito servizo.

Segundo o ámbito de aplicación, diferenciaranse dous tipos de incentivos ou bonos:

– Bonos nacionais: para a preparación de propostas a convocatorias nacionais de proxectos de I+D+i en cooperación a través da contratación de axentes intermedios homologados pola Axencia Galega de Innovación para a prestación deste servizo. Para que estas propostas poidan ser apoiadas deberán ser seleccionadas para o seu financiamento polo organismo nacional a que se presentaron e non contar a dita convocatoria nacional co cofinanciamento autonómico.

– Bonos internacionais: para a preparación de propostas a convocatorias internacionais de I+D+i a través da contratación de axentes intermedios homologados pola Axencia Galega de Innovación para a prestación deste servizo. Neste caso, as propostas deberán obter unha boa valoración do organismo internacional a que se presentaron. Isto comprobarase a través da superación dos limiares de valoración establecidos na propia convocatoria internacional.

Atendendo a unha valoración do servizo prestado polo axente intermedio en función da súa dedicación, as contías dos bonos, fixadas na táboa I do anexo II, dependerán do tipo de proxecto que se preparou, do papel desenvolvido pola peme dentro do consorcio e do resultado obtido no programa de financiamento a que se presentou a proposta.

2. Así mesmo, por medio desta orde:

– Defínese o procedemento polo que as entidades interesadas poderán solicitar a súa homologación como axentes intermedios do Programa bonos de innovación (código de procedemento IN851A) para cada un dos tipos de ámbitos previstos, nacional e internacional, e ábrese o prazo para solicitar a súa homologación e adhesión ao Programa, sempre que se cumpran os requisitos establecidos no anexo I.

– Convócanse as devanditas axudas con carácter plurianual e aberto ata o esgotamento dos fondos asignados ao Programa para a preparación de proxectos que se inicien con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2013.

O procedemento de concesión destas axudas (código de procedemento IN851B) tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis. Estas axudas poderán ser susceptibles de ser cofinanciadas con fondos procedentes do fondo nacional Euroingenio.

Artigo 2. Solicitudes

1. Tanto para a solicitude de bonos de innovación como para o recoñecemento como axente intermedio homologado do Programa, deberá presentarse unha solicitude axustada aos modelos normalizados que figuran como anexos (do III ao XI) desta orde, e que irán acompañados dos documentos que se especifican nos artigos correspondente dos anexos I e II.

2. A solicitudes e os demais anexos que as acompañan poderanse obter, cubrir ou imprimir a través dos enderezos da internet https://sede.xunta.es ou http://gain.xunta.es da Xunta de Galicia.

A listaxe de axentes homologados en cada ámbito, nacional ou internacional, estará dispoñible na web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es).

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante Lei 30/1992) utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

No caso de presentación electrónica:

– A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

– No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante, de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

– Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

– Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

2. O prazo para solicitar a homologación como axente intermedio e a correspondente adhesión ao Programa bonos de innovación comezará no día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e permanecerá aberto de forma indefinida mestres o Programa estea vixente (código IN851A, anexo I).

As solicitudes das pemes dos bonos para a preparación de propostas de proxectos de I+D+i nacionais e internacionais (código IN851B, anexo II), deberán presentarse dentro do prazo dun mes desde que se reciba a comunicación do organismo internacional que permita a comprobación da superación dos limiares de valoración fixados na convocatoria ou da comunicación da concesión da axuda no caso de programas nacionais e permanecerá aberto durante toda a vixencia do Programa. O axente intermedio seleccionado pola peme para a elaboración da súa proposta deberá estar homologado cando se inicie a prestación do servizo pero, de xeito excepcional, por un período de catro meses para permitir o acceso a estes incentivos, poderanse solicitar os bonos de innovación conxuntamente coa homologación do axente intermedio encargado da preparación da proposta, pero neste caso a concesión da axuda estará condicionada á obtención da homologación por parte do axente contratado pola peme.

Inicialmente a vixencia do Programa bonos de innovación está prevista ata o 31 de decembro de 2015, salvo que antes se produza o suposto de esgotamento de crédito previsto no artigo 5 das bases reguladoras (anexo II). Neste caso, informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través da páxina web da Axencia Galega de Innovación e no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez presentadas as solicitudes por parte dos interesados, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a cinco meses no caso da solicitude de bonos e de tres no caso da homologación de axentes intermedios.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade ou residencia da persoa solicitante. Por tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e debe presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. As solicitudes das persoas interesadas acompañaranse dos documentos e as informacións determinados no artigo 4 do anexo I (procedemento IN851A) e no artigo 6 do anexo II (procedemento IN851B), segundo o caso, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 6. Información aos interesados

1. Poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia (http://gain.xunta.es), na súa epígrafe de axudas.

b) Os teléfonos 981 54 39 93; 981 95 70 50; 981 54 39 87 e 981 95 73 03 da devandita axencia.

c) O enderezo electrónico programas.gain@xunta.es

d) Presencialmente.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outros procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012 (desde Galicia) e 902 12 00 12 (desde o resto do Estado).

3. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (en diante Lei 15/1999).

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director da Axencia Galega de Innovación para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2013

Manuel Antonio Varela Rey
Director da Axencia Galega de Innovación

ANEXO I
Procedemento de homologación de axentes intermedios
do Programa bonos de innovación (código IN851A)

Artigo 1. Obxecto e natureza

Aprobación do procedemento de homologación de provedores interesados en adherirse ao Programa bonos de innovación para poder prestar os seus servizos como «axentes intermedios» do citado programa.

Tendo en conta que o obxectivo último do Programa bonos de innovación é incrementar os retornos acadados por entidades galegas, especialmente pemes, nos programas de financiamento público de I+D+i nacionais e internacionais, a homologación xirará arredor da solvencia técnica e profesional da entidade solicitante, co obxectivo de asegurar a calidade dos servizos que poidan prestar ao abeiro deste programa.

Distínguense dous tipos de servizos en que as entidades interesadas poderán homologarse:

– Servizo 1 ou bono nacional: asistencia á peme na preparación de proxectos nacionais de I+D+i en cooperación.

– Servizo 2 ou bono internacional: asistencia á peme na preparación de axudas internacionais de I+D+i.

Cada entidade só poderá prestar o servizo para o cal estea homologada, podendo concorrer nunha mesma entidade a dobre homologación.

Asemade, inclúese a creación do correspondente ficheiro de datos de carácter persoal.

Artigo 2. Solicitantes

Poderán solicitar a súa homologación como axentes intermedios do Programa bonos de innovación, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nos seguintes artigos, as empresas que teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, onde desenvolverán os servizos prestados ás pemes dentro do Programa e que conten con experiencia na asistencia a empresas para a preparación de axudas nacionais e internacionais de I+D+i. Enténdese por empresa toda persoa física ou xurídica que realiza unha actividade económica, incluíndo os autónomos.

Artigo 3. Requisitos

Os requisitos necesarios para que unha empresa poida ser considerada «axente intermedio» e obter, por tanto, a homologación para poder ser provedor dos servizos do Programa bonos de innovación, céntranse na súa solvencia técnica e profesional a través da análise do seu equipo humano e da súa experiencia previa na prestación de servizos similares:

a) Equipo humano:

O equipo da entidade que prestará os servizos do Programa bonos de innovación deberá estar composto como mínimo por dúas persoas cunha experiencia acreditada de, polo menos, tres anos no asesoramento a empresas na preparación de propostas a programas de financiamento no ámbito do servizo para o cal se solicite a homologación: nacional (bonos nacionais) ou internacional (bonos internacionais). Deberán contar, ademais, cunha titulación axeitada para o desenvolvemento destas actividades.

Para a acreditación destes requisitos deberá achegarse a seguinte documentación para cada un dos membros do equipo:

– Fotocopia da súa titulación e CV.

– Acreditación dos anos de experiencia profesional a través de certificados emitidos polas empresas en que traballou, nos cales xunto, coas datas, deberán incluírse as funcións desenvolvidas (segundo o modelo que se inclúe como anexo VII, aínda que tamén serán válidos outros modelos sempre que neles se inclúa a mesma información). Ademais, deberá achegarse vida laboral completa e actualizada. No caso de profesionais autónomos, a experiencia deberá acreditarse con certificados de clientes, facturas ou contratos.

b) Entidade:

A entidade deberá dispoñer, nos últimos cinco anos, de referencias concretas e detalladas en polo menos cinco proxectos de I+D+i presentados a programas de financiamento público no ámbito de homologación solicitado: nacional ou internacional. Nestas referencias a entidade debeu desenvolver labores de asesoramento a empresas na preparación da proposta.

A entidade deberá, ademais, facilitar información sobre as ratios totais de axudas de I+D+i presentadas/aprobadas en programas de financiamento público de tipo empresarial, en cuxa preparación participou, dentro do ámbito do servizo para o cal se solicita a homologación (nacional/internacional). No ámbito nacional, exixirase que se obtivese financiamento como mínimo nun proxecto cun consorcio de máis de cinco socios. No ámbito internacional, a exixencia será que se obtivese financiamento nalgunha convocatoria do FP7.

Para a acreditación destas referencias a entidade deberá presentar certificados de clientes para a xustificación da realización destes traballos (segundo o modelo que se inclúe como anexo VI, aínda que tamén serán válidos outros modelos sempre que neles se describa o alcance dos traballos cos detalles incluídos nel).

A Axencia Galega de Innovación poderá exixir aos solicitantes que presenten a documentación adicional que considere necesaria para poder realizar a súa valoración. Se a Axencia comprobar a falta de veracidade dalgún dato ou a entidade non facilitar esa información, poderá excluíla do proceso de homologación.

Artigo 4. Procedemento de homologación

1. As entidades indicadas no artigo 2 deste anexo que reúnan as condicións para poderen acceder á homologación segundo o indicado no seu artigo 3, deberán completar e enviar os formularios de solicitude de homologación e adhesión ao Programa bonos de innovación habilitados nos seguintes enderezos: https://sede.xunta.es e http://gain.xunta.es. Estes formularios estarán formados pola propia solicitude (anexo III), coas declaracións responsables do representante legal da entidade e dous modelos de fichas: unha referente á entidade (incluída na solitude) e outra ao seu equipo humano (anexo IV/V).

Asemade, xunto cos formularios achegarase copia da seguinte documentación:

– Documentación administrativa da entidade:

• Copia compulsada das escrituras de constitución e de modificacións, de ser o caso, da entidade.

• Copia compulsada do documento público acreditativo do poder con que actúa o seu representante.

– Documentación acreditativa dos requisitos, tanto da entidade como do seu equipo, segundo se indica no artigo 3 deste anexo.

Deberá entregarse unha única solicitude en que se inclúan todos os servizos para os cales se solicite a homologación, aínda que esta poderá ampliarse no caso de que inicialmente se solicite só para un deles e logo se queira ampliar a homologación ao outro servizo sempre que o prazo aínda estea aberto.

As solicitudes poderán presentaranse electronicamente, no caso de dispoñer de sinatura dixital, ou en papel, debidamente asinadas, na Oficina de Rexistro Único e Información no Complexo Administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992.

2. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto durante todo o período de vixencia do Programa bonos de innovación e empezará para o día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

3. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición de solicitude.

4. A valoración das solicitudes iniciarase cando se teña recibido toda a documentación completa na Axencia Galega de Innovación. O órgano colexiado responsable de realizar a avaliación e selección das entidades será a Comisión de Homologación, que estará composta por:

– O director xeral da Axencia Galega de Innovación ou persoa en que delegue, que actuará como presidente.

– O director/a da Área de Crecemento e Valoración, ou persoa en quen delegue.

– Un xefe de división da Axencia Galega de Innovación ou persoa/s en quen delegue.

– Un funcionario da Axencia Galega de Innovación, que actuará como secretario, con voz e sen voto.

A Comisión poderá solicitar cantos informes técnicos adicionais considere precisos.

A Comisión de Homologación analizará as propostas presentadas de todas as entidades solicitantes, acreditando como axentes intermedios homologados do Programa bonos de innovación só aquelas entidades que cumpran os requisitos mínimos establecidos nesta orde segundo o criterio da Comisión.

5. A Axencia Galega de Innovación comunicará nun prazo non superior a 3 meses desde a presentación da solicitude completa o resultado á entidade solicitante e, de ser este favorable, será dada de alta no servizo para o cal solicitou a súa homologación, de xeito que as pemes que queiran acollerse a este programa poidan xa seleccionalo como prestador do servizo para o cal foi homologado.

No caso de superarse este prazo, entenderase que a solicitude a adhesión ao programa non cumpría os requisitos necesarios.

No caso de que, tras a valoración dunha solicitude, se considere que a entidade non conta cos requisitos mínimos para acceder á homologación do Programa no servizo solicitado, a entidade poderá volver presentar unha nova solicitude, pero sempre que as súas características se modifiquen respecto ás indicadas na súa anterior solicitude.

A adhesión ao programa como axente intermedio homologado supón a aceptación das condicións e obrigas do programa que se recollen nos anexo I e II, así como as boas prácticas na prestación de servizos ás pemes.

6. A permanencia como axente intermedio homologado inscrito é voluntaria e, en consecuencia, o responsable da entidade poderá solicitar a súa baixa como axente intermedio do Programa de bonos de innovación en calquera momento.

7. A vixencia da homologación dos axentes intermedios inscritos no presente catálogo abranguerá desde a día seguinte da comunicación da súa selección ata o remate da vixencia do Programa bonos de innovación, aínda que esta vixencia estará condicionada ao mantemento das condicións tidas en conta para a súa valoración como entidade homologada. Deste xeito, anualmente a entidade homologada deberá remitir á Axencia Galega de Innovación unha declaración responsable en que confirme a continuidade das condicións que se tiveron en conta para a súa homologación.

A pesar desta renovación anual, o axente intermedio deberá comunicar á Axencia Galega de Innovación, no momento en que se produza, calquera modificación dos requisitos avaliados que puider afectar a súa valoración.

A Axencia Galega de Innovación poderá revisar, en calquera momento, a actuación dos axentes intermedios homologados co obxecto de comprobar que a súa actuación responde aos requisitos establecidos no Programa bonos de innovación e, no caso en que se comprobase un incumprimento deles, a Comisión de Homologación poderá decidir a retirada da súa homologación como axente intermedio do Programa.

8. A relación de axentes intermedios homologados do Programa bonos de innovación para cada un dos servizos estará dispoñible no web da Axencia Galega de innovación http://gain.xunta.es

Artigo 5. Condicións e obrigas dos axentes intermedios homologados

As empresas homologadas como axentes intermedios dentro do Programa bonos de innovación deberán cumprir as seguintes obrigas e condicións:

a) A homologación nalgún dos servizos previstos no Programa bonos de innovación non supón ningunha relación contractual entre o empresa acreditada e a Axencia Galega de Innovación.

b) Asemade, a dita homologación non garante a elaboración de traballos dentro do Programa, senón que as pemes beneficiarias deberán seleccionar e contratar os correspondentes axentes homologados para que isto ocorra. É dicir, a condición de axente intermedio homologado non atribúe o dereito a reclamar a execución de ningún contrato nin a percibir contraprestación ningunha da Axencia Galega de Innovación.

c) O axente intermedio non poderá subcontratar a execución dos traballos ao abeiro deste programa, nin ceder os dereitos e obrigas derivados da homologación.

d) O axente intermedio deberá poñer en coñecemento da Axencia Galega de Innovación as alteracións e modificacións que afecten os datos inscritos e que se tiveron en conta para a súa selección, sendo responsables en todo caso das consecuencias que puider derivar do incumprimento desta obriga.

e) En calquera momento a Axencia Galega de Innovación poderá solicitar aos interesados a documentación e información adicional que se considere necesaria para completar, clarificar ou comprobar os datos fornecidos.

f) O axente intermedio deberá manter un alto nivel de calidade nos traballos desenvolvidos para as pemes dentro de cada un dos servizos para os cales estea homologado, así como facilitar todos os medios necesarios para a súa axeitada execución.

h) Manter a confidencialidade da información das empresas a que teñan acceso no desenvolvemento das actuacións financiadas ao abeiro do Programa bonos de innovación. Os axentes intermedios serán responsables do cumprimento das obrigas de confidencialidade do persoal ao seu servizo, e deben informalo das obrigas de confidencialidade e protección de datos no marco da execución dos servizos ao abeiro deste Programa.

O incumprimento destas obrigas implicará a perda da condición de axente intermedio homologado ao abeiro do Programa bonos de innovación.

Artigo 6. Ficheiro de datos de carácter persoal

1. De acordo co establecido no artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos nesta solicitude serán incorporados a un ficheiro para o seu tratamento, coa finalidade da xestión deste programa.

Pódense exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei dirixindo un escrito á Axencia Galega de Innovación, Rúa dos Feáns, nº 7, baixo, 15706 Santiago de Compostela (A Coruña), indicando no sobre ou no asunto do escrito o texto «Dereitos LOPD-Programa bonos de innovación».

A Axencia Galega de Innovación adoptará as medidas de xestión e organización precisas para asegurar a súa confidencialidade, así como os dereitos e obrigas recollidas na Lei 15/1999. A cesión de datos a outras administracións só está prevista nos supostos expresamente previstos pola lei.

ANEXO II
Bases reguladoras e convocatoria para a concesión das axudas para a preparación de propostas que se vaian presentar a convocatorias nacionais e internacionais de I+D+i do Programa bonos de innovación (código IN851B)

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas

1. O obxectivo das axudas reguladas nestas bases é incentivar a participación de pemes galegas en programas de I+D+i nacionais e internacionais a través da concesión de bonos para o financiamento da contratación de empresas, previamente homologadas pola Axencia Galega de Innovación e adheridas como axentes intermedios ao Programa, para a preparación das súas propostas.

Entre os programas internacionais para os cales se poderán solicitar estas axudas cabe destacar FP7, CIP, bilaterais, multilaterais, EEA Grants, Eurostars e outras iniciativas ao amparo dos artigos 169 e 171 do Tratado CE, así como os novos programas a partir do ano 2014 como Horizon 2020. Os programas nacionais de I+D+i a que vai destinado este programa deberán ser proxectos de tipo colaborativo e estar orientados ao tecido empresarial.

As propostas, para seren financiables:

– Deben incluír no seu consorcio pemes con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades financiadas con cargo a este programa. Ademais, tamén deberán levar a cabo en Galicia de forma maioritaria as tarefas que teñan asignadas no plan de traballo do proxecto nacional ou internacional cuxa solicitude se prepara co bono solicitado.

– A preparación da axuda nacional ou internacional debe ser contratada na súa totalidade a un dos axentes intermedios con homologación vixente no ámbito nacional ou internacional aplicable segundo o tipo de proposta. De xeito excepcional, por un período de catro meses, poderanse solicitar os bonos de innovación conxuntamente coa homologación do axente intermedio encargado da preparación da proposta, pero neste casos a concesión da axuda estará condicionada á obtención da homologación por parte do axente contratado pola peme.

– Deben solicitarse para proxectos en colaboración. As axudas individuais non serán subvencionables. Exceptúanse desta previsión as accións internacionais, cando así sexa autorizado pola Axencia Galega de Innovación, logo de solicitude do interesado.

– O orzamento no proxecto da peme galega non pode ser inferior aos 100.000 euros.

– No caso de procedementos de avaliación de dúas fases, só serán elixibles as propostas presentadas á segunda delas.

– Os axentes intermedios seleccionados para contratar os seus servizos non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.

Artigo 2. Gastos subvencionables

1. Dentro destas tramitacións inclúense como subvencionables, sempre que cumpran os requisitos da Orde EHA/524/2008 do Ministerio de Economía e Facenda do 26 de febreiro, pola que se aproban os gastos subvencionables dos programas operativos do Feder e do Fondo de Cohesión, os gastos de contratación da consultoría profesional do axente intermedio seleccionado pola peme para a preparación da súa proposta, sempre que estea debidamente homologado pola Axencia Galega de Innovación.

A listaxe de axentes intermedios homologados estará dispoñible na web da Axencia Galega de Innovación, no enderezo http://gain.xunta.es

2. Só serán subvencionables aqueles gastos que de xeito inequívoco respondan á natureza da actividade subvencionada e non estean incluídos entre os gastos presentados á convocatoria nacional ou internacional a que se concorra. Os gastos deberán ser:

– Contratados e pagados directamente entre a peme beneficiaria da axuda e o axente intermedio. Exceptúase deste requisito a cantidade trocable a través do bono de innovación concedido á peme, ao ceder o seu dereito de cobramento ao axente intermedio como contraprestación do servizo recibido.

– Ser sempre posteriores ao 1 de xaneiro de 2013 e estar comprendidos entre o día seguinte á comunicación da homologación do axente intermedio seleccionado pola peme e a data de solicitude da axuda. Establécense como excepción á homologación previa aquelas solicitudes que se presenten nos primeiros catro meses do programa e nas cales se presente conxuntamente a solicitude do bono coa de homologación do axente intermedio. Neste casos, a concesión da axuda estará condicionada á obtención da homologación do axente intermedio.

Os gastos deben ser sempre anteriores ao 31 de decembro de 2015, data de fin da vixencia do Programa bonos de innovación se non se produce antes o esgotamento do crédito previsto nestas bases.

Non serán subvencionables:

– O imposto sobre o valor engadido (IVE).

– Os descontos e similares que se inclúan na factura, que suporán, por tanto, un importe menor do valor do gasto.

Artigo 3. Modalidades

Segundo o ámbito de aplicación diferenciaranse dous tipos de incentivos ou bonos:

– Bonos nacionais: para a preparación de propostas a convocatorias nacionais de proxectos de I+D+i en cooperación que deberán ser seleccionadas para o seu financiamento polo organismo nacional a que se presentaron e non contar a dita convocatoria nacional co cofinanciamento autonómico.

– Bonos internacionais: para a preparación de propostas a convocatorias internacionais de I+D+i que deberán obter unha boa valoración do organismo internacional a que se presentaron, o que se comprobará a través da superación dos limiares de valoración establecidos na propia convocatoria internacional.

Na táboa I seguinte móstranse as diferentes contías dos bonos de innovación. Estas fíxanse en función da dedicación do axente intermedio á preparación da proposta, tendo en conta tanto a súa dificultade como o resultado obtido no programa a que se presenta. Para os efectos de valorar a dificultade, tómase como referencia o tamaño do consorcio, así como a participación da peme como mera socia no proxecto ou como coordinadora del.

Táboa I

Contía equivalente do bono de innovación (€)*

Bonos internacionais

Como socio

Como coordinador

Superouse o 70 % do limiar de avaliación establecido na convocatoria

Superouse o limiar de avaliación establecido na convocatoria (obtivese financiamento ou non)

Superouse o 70 % do limiar de avaliación establecido na convocatoria

Superouse o limiar de avaliación establecido na convocatoria (obtivese financiamento ou non)

Proxectos cun consorcio > 10 socios

12.500

25.000

17.500

35.000

Proxectos cun consorcio entre 5-10 socios

7.500

15.000

12.500

25.000

Proxectos cun consorcio < 5 socios

5.000

10.000

7.500

15.000

Outros instrumentos

5.000

10.000

7.500

15.000

Bonos nacionais

Como socio

Como coordinador

O proxecto foi aprobado

O proxecto foi aprobado

Proxectos en cooperación cun consorcio > 5 socios

5.000

10.000

Proxectos en cooperación cun consorcio < 5 socios

2.500

5.000

* estas cantidades non inclúen o IVE

Establécense, ademais, os seguintes límites de axuda que se concederán para todas as solicitudes presentadas para un mesmo proxecto por diferentes pemes:

– Proxectos internacionais de máis de 10 socios: 85.000 euros.

– Proxectos internacionais de entre 5-10 socios: 55.000 euros.

– Proxectos internacionais de menos de 5 socios e outros instrumentos: 25.000 euros.

– Proxectos nacionais de máis de 5 socios: 20.000 euros.

– Proxectos nacionais de menos de 5 socios: 15.000 euros.

No caso de superar estes limiares, as cantidades dos bonos solicitados polos diferentes socios do mesmo proxecto minoraranse de xeito proporcional ou de forma acumulativa se se presentasen as solicitudes en datas diferentes.

a) O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, que no seu artigo 19.2º establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán excluír do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4º desta lei.

b) A concesión destas axudas estará, en todo caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario, e, no caso de esgotamento do crédito, a Administración publicará a indicada circunstancia, o que levará consigo a inadmisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que a Administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario nos seguintes supostos:

– Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

– A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. Este réxime de axudas quedará suxeito ao Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión da Unión Europea, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE núm. L379/5, do 28 de decembro).

Estas axudas poderán ser susceptibles de ser cofinanciadas con fondos procedentes do fondo nacional Euroingenio.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases:

As pemes, segundo a definición do anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008, empresas que ocupan polo menos 250 persoas e cun volume de negocios anual que non excede 50 millóns de euros ou cun balance xeral anual que non excede 43 millóns de euros. Estas pemes deberán ser galegas ou ter centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades de preparación da proposta nacional ou internacional para a cal soliciten o bono de innovación. Ademais, tamén deberán levar a cabo en Galicia, de forma maioritaria, as que teñan asignadas no plan de traballo do proxecto nacional ou internacional cuxa solicitude se prepara co bono solicitado.

Estas pemes poderán pertencer a calquera sector de actividade coas excepcións e limitacións incluídas no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión da Unión Europea, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis a que está suxeito este réxime de axudas do Programa de bonos de innovación (DOUE núm. L379/5, do 28 de decembro):

– Non se poderán conceder as axudas recollidas nesta orde de convocatoria ás empresas recollidas no artigo 1.1 do dito Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, como as dos sectores da pesca e acuicultura, produción primaria, produtos agrícolas e do sector do carbón.

– A axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. A axuda total de minimis concedida a unha empresa que opere no sector do transporte por estrada non será superior a 100.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. O cómputo destes límites aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido e indistintamente de se a axuda concedida polo Estado membro está financiada total ou parcialmente mediante recursos de orixe comunitaria. O período determinarase tomando como referencia os exercicios fiscais empregados pola empresa no Estado membro correspondente.

2. As entidades beneficiarias non poderán ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1.7 do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto, en relación ás pemes.

3. Non poderán ter a condición de beneficiario as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

Artigo 5. Financiamento e concorrencia

1. As axudas ao abeiro deste Programa de bonos de innovación imputaranse á aplicación orzamentaria que se indican neste artigo, na cal existe crédito axeitado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma galega, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria.

Aplicación orzamentaria

2013

2014

2015

Total

08.A3.561A.770.0

500.000 €

700.000 €

300.000 €

1.500.000 €

As axudas poderán financiarse con cargo ao Fondo Euroingenio e ao préstamo que a Administración xeral do Estado concedeu á Xunta de Galicia a través do Ministerio de Economía e Industria para o desenvolvemento en Galicia da Estratexia española de innovación (actuacións 1, 7 e 8).

2. A axuda que se vai conceder asume a forma de incentivo directo a fondo perdido, que consiste na entrega dunha cantidade calculada como unha porcentaxe da base incentivable aprobada que non terá que devolverse. A intensidade da axuda será do 100 % do custo do servizo considerado incentivable segundo a táboa I anterior.

Aplicaranse estas cantidades sempre que exista crédito suficiente.

3. Estas axudas non serán compatibles coa percepción doutra subvención ou axuda para a mesma finalidade e os mesmos gastos procedente de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais ou internacionais.

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse dentro do prazo dun mes desde que se reciba a comunicación do organismo internacional que permita a comprobación da superación dos limiares de valoración fixados na convocatoria ou da comunicación da concesión da axuda no caso de programas nacionais.

E imprescindible que o axente intermedio conte coa homologación no ámbito aplicable antes de iniciarse a preparación para a cal se solicita axuda ao abeiro deste programa. De xeito excepcional, e por un período de catro meses, para permitir xa o acceso a estes incentivos, as pemes poderán solicitar os seu bono de innovación ao tempo que o axente intermedio encargado da preparación da proposta o fai da súa homologación, pero neste casos a concesión da axuda estará condicionada á efectiva obtención da homologación por parte do axente contratado pola peme.

2. Xunto coa solicitude segundo o formulario normalizado, que se inclúe como anexo á presente orde (anexo IX), deberá achegarse un exemplar da seguinte documentación que a seguir se relaciona:

– Documentación técnica e administrativa:

a) Copia compulsada do documento público acreditativo do poder vixente con que actúa o seu representante e das escrituras de constitución e modificacións, se as houber, da entidade.

b) Acreditación da presentación da proposta estatal ou internacional.

c) Copia da proposta presentada en que se especifique a composición do consorcio e a participación de cada socio no orzamento do proxecto.

d) Informe de valoración emitido polo organismo internacional competente sobre a proposta presentada no cal poder comprobar a superación dos limiares da axuda, no caso de proxectos internacionais, ou copia da resolución de concesión para os proxectos nacionais.

e) Informe técnico explicativo das accións levadas a cabo na preparación da proposta (por exemplo asistencia a reunións preparatorias, inscricións en eventos –Infodays–, contactos establecidos, acordos, labores de redacción). Este informe debe ser coherente en todo momento cos gastos imputados ao desenvolvemento da actividade financiada a través do servizo prestado polo axente intermedio. Como anexo XI achégase un guión recomendado para a elaboración deste informe.

f) A entidade beneficiaria da axuda deberá remitir á Axencia Galega de Innovación, no mesmo momento en que se produza, unha copia da resolución da solicitude presentada no organismo nacional ou internacional, sexa esta positiva ou negativa.

– Documentación xustificativa do gasto:

a) Documentación xustificativa do investimento: orixinal ou copia compulsada da/s factura/s emitida/s polo axente intermedio á peme polo servizo prestado.

b) Documentación xustificativa do pagamento:

– Orixinal ou copia compulsada da transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario do importe correspondente ao IVE da/s factura/s emitida/s polo axente intermedio, así como do importe que exceda o bono no caso de que a factura ou facturas superen o seu valor. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor.

– Bono solicitado cuberto pola empresa a favor do axente intermedio como pagamento parcial dos servizos prestados. O bono será endosado polo representante legal da peme a favor do axente intermedio que desenvolveu o servizo (anexo X).

3. Sen prexuízo da documentación indicada no punto anterior, poderá requirirse do solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Co fin de facilitar a presentación e revisión da documentación, os modelos atoparanse no enderezo da internet http://gain.xunta.es. Así mesmo, é aconsellable presentar a documentación de xeito ordenado seguindo a redacción deste artigo asinada polo representante legal da empresa.

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007 e co artigo 2 do Decreto 255/2008.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

1. A Axencia Galega de Innovación velará polos datos de carácter persoal, que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguranza técnicas como organizativas. A finalidade da recolla dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros. Non obstante, a Axencia Galega de Innovación revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificios administrativos San Caetano, San Caetano, s/n, 15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que se poderá atopar na Guía de procedementos e servizos da páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

2. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2º.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro.

Artigo 8. Órganos competentes

A unidade competente en materia de innovación empresarial da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións. Corresponderá ao director da Axencia Galega de Innovación ditar a resolución de concesión.

Artigo 9. Instrución do procedemento

1. A instrución dos procedementos corresponde ao órgano competente definido no artigo anterior. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 7 resulta que o solicitante non se atopa ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse o solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Ata o esgotamento do crédito dispoñible, a concesión das axudas efectuarase respectando a data de prioridade adquirida polas solicitudes, con base no establecido no punto anterior, e conforme as seguintes regras:

– A data de prioridade, para os efectos de reservar o crédito necesario para atender a posible axuda, será a data de presentación da solicitude do bono.

– Sempre que se cumpran os requisitos determinados nestas bases e na convocatoria, e ata o esgotamento do crédito dispoñible, as solicitudes de axuda serán atendidas respectando a súa orde de entrada e sen comparación con outras solicitudes.

– No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes, presentadas en rexistros diferentes, a orde de prioridade virá determinada polo número e data de entrada no rexistro da Axencia Galega de Innovación.

4. Unha vez esgotado o orzamento total do Programa, non se concederán novas axudas, e desestimaranse expresamente por tal motivo aquelas solicitudes presentadas pendentes de resolución.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

6. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 10. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes. Así mesmo, nesa notificación comunicarase o importe previsto da axuda (expresado en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de minimis, facendo referencia expresa ao Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión da Unión Europea, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE nº L379/5, do 28 de decembro).

2. De acordo co artigo 21.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se non son tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados nas súas solicitudes, poderase prescindir do trámite de audiencia.

Artigo 11. Resolución e pagamento

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o director da Axencia Galega de Innovación ditará as correspondentes resolucións de concesións de forma individual.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses contados a partir da presentación da solicitude do bono polo interesado nun rexistro válido. Se transcorrer o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Segundo dispón o artigo 24 da Lei 9/2007, todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido no artigo 58 da Lei 30/1992.

Artigo 12. Réxime de recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, perante o presidente da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, así como daqueloutras específicas que se indiquen nesta convocatoria, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

a) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da axuda percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a Axencia Galega de Innovación, ás de control financeiro que corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa axuda concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Comunicar á Axencia Galega de Innovación a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan logo como se coñeza.

d) Se a peme non conta coas condicións para ser beneficiaria do Programa e, por tanto, a Axencia Galega de Innovación non concede ningún bono ao seu favor, a peme deberá facerse responsable do pagamento do servizo prestado na súa totalidade.

e) Pagamento ao axente intermedio do importe da factura non cuberto polo bono de innovación dentro do prazo establecido para os gastos na presente convocatoria.

f) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento de programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención, nos termos establecidos no Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro.

g) Cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) nº 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro. Estas medidas están recollidas na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013 que pode consultarse na páxina web http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/guia-intervencions-cofinanciadas-feh. Os beneficiarios deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta orde, e deberán conservar a documentación xustificativa dos devanditos investimentos por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, de acordo co disposto nos artigos 60 e 90 do Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo.

Artigo 14. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde, nas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable dará lugar á obriga de devolver, total ou parcialmente, as axudas percibidas, así como os xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei.

2. Aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 15. Control

A Axencia Galega de Innovación poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da finalidade das axudas.

Artigo 16. Publicidade

Anualmente publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das axudas concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da axuda.

Artigo 17. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007; na normativa básica da Lei estatal 38/2003, de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, que a desenvolve, así como na Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009, e na Orde EHA/524/2008, do Ministerio de Economía e Facenda, do 26 de febreiro, pola que se aproban os gastos subvencionables dos programas operativos do Feder e do Fondo de Cohesión.

É de aplicación a este réxime de axudas o Regulamento (CE) nº 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo, relativo ao Feder, e o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión. Así mesmo, é aplicable o Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, modificado polo Regulamento (CE) nº 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro, así como o previsto no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión da Unión Europea, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE núm. L379/5, do 28 de decembro) e na restante normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file