Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Martes, 1 de outubro de 2013 Páx. 38632

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 23 de setembro de 2013 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que aproba as bases reguladoras do Programa do Igape de bolsas formativas para a realización de proxectos de mellora das pemes galegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013 e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 5 de febreiro de 2013, acordou, por unanimidade dos membros asistentes, aprobar as bases reguladoras do Programa do Igape de bolsas formativas para a realización de proxectos de mellora das pemes galegas, e facultou o director xeral para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras do Programa do Igape de bolsas formativas para a realización de proxectos de mellora das pemes galegas, cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, eixe 1, tema prioritario 62, e convocar para 2013 un máximo de 135 bolsas en réxime de concorrencia competitiva.

Segundo. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o día final do prazo coincidise en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, posporase ao día hábil seguinte.

Terceiro. A dotación orzamentaria para estas bolsas ascende ao importe de 1.400.846,41 € e aboarase con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:

– 08.A1 741A 4800 do orzamento do Igape, distribuído en 80.000 euros para o exercicio 2013, 1.000.000 euros para o exercicio 2014 e 264.600 euros para o exercicio 2015. Esta partida está cofinanciada ao 80 % co Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, eixe 1, tema prioritario 62.

– 08.A1 741A 4840 do orzamento do Igape, distribuído en 3.346,51 euros para o exercicio 2013, 41.831,33 euros para o exercicio 2014 e 11.068,57 euros para o exercicio 2015.

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, logo da declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. As bolsas estarán dotadas cunha cantidade base anual de 9.960 euros brutos por bolsa.

Quinto. A titulación universitaria de acceso á bolsa deberá terse obtido con posterioridade ao 31 de decembro de 2007.

Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2013

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO
Bases reguladoras do Programa do Igape de bolsas formativas para a realización de proxectos de mellora das pemes galegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en cumprimento das funcións que ten encomendadas como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia para impulsar o desenvolvemento competitivo do sistema produtivo galego, está impulsando a prestación de servizos de mellora da competitividade das pemes en diversos ámbitos como poden ser o diagnóstico da situación competitiva, a profesionalización da xestión empresarial ou o desenvolvemento estratéxico.

Este impulso aos servizos parte do convencemento de que a adquisición de competencias por parte das empresas é a base da capacidade de xeración actual e futura das vantaxes que lle permitirán á empresa competir. Concíbense, pois, servizos claramente enfocados ás necesidades detectadas nela, curtos no tempo para poder modularizar as actuacións, e con resultados medibles á súa finalización.

Por outra parte, as iniciativas clúster galegas prestan aos seus asociados un conxunto de servizos cuxo obxectivo é tamén a mellora da competitividade da empresa.

A prestación destes servizos especializados supón unha importante oportunidade para incrementar a formación teórico-práctica de novos titulados galegos, se temos en conta o seguinte:

– Os servizos comezan sempre con accións formativas para as empresas que van participar neles, as que asistirán tamén os bolseiros.

– A adquisición de coñecemento por parte dun titulado recente nos ámbitos de mellora dos que se trata só é posible mediante unha combinación de formación e acción. Unha gran cantidade de coñecemento teórico non garante a capacidade de levar a cabo un proxecto sen a experiencia real.

– Os bolseiros, unha vez rematada unha formación teórica previa, completarán o seu programa formativo baixo a tutela de empresas de consultoría, clúster ou entidades asociativas de carácter empresarial ou profesional, que rematarán a súa formación práctica mediante a participación en tres ou catro prácticas formativas relacionadas con pemes distintas durante un ano de duración da súa bolsa. Deste xeito, acádase unha experiencia máis rica que coa presenza continua nunha mesma peme, e ábrense oportunidades de incorporación ao mercado laboral.

– O bolseiro ademais poderá supervisar as tarefas realizadas pola peme receptora do servizo e a consultora, o cal permite unha atención máis directa, e beneficia a necesaria dedicación que un proxecto de mellora necesita dentro da empresa.

Co ánimo de aproveitar esta oportunidade, e sen limitar en principio a incorporación dos bolseiros soamente a programas impulsados polo Igape, senón deixándoo aberto a outras iniciativas similares de execución de proxectos de mellora en empresas, o Igape pon en marcha as bolsas de formación teórico-práctica que son obxecto das presentes bases de tramitación.

A convocatoria das bolsas para a incorporación de novos titulados a proxectos de mellora das pemes galegas serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. As distintas convocatorias incluirán o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes, o número de bolsas convocadas, os créditos asignados, a data a partir da cal se debe ter recibido a titulación de acceso á bolsa, e a súa contía.

As bolsas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Nestas convocatorias en concorrencia competitiva, a preparación de solicitudes será necesariamente telemática, en beneficio de ambas as partes. A súa presentación e a comunicación entre o solicitante e o Igape poderá ser, así mesmo, totalmente telemática ou ben mediante a presentación física da instancia de solicitude.

Artigo 1. Obxecto

O obxecto destas axudas é a concesión do número de bolsas indicado na resolución de convocatoria para a realización de prácticas formativas incardinadas en programas de mellora nas pemes galegas, segundo o plan formativo do anexo III destas bases, coa finalidade de formar a titulados universitarios en diversas áreas relacionadas coa profesionalización e desenvolvemento estratéxico da empresa. Entre outros:

• Optimización financeira/mellora do circulante.

• Profesionalización da produción.

• Relanzamento comercial.

• Xestión por procesos.

• Imaxe e comunicación empresarial.

• Construción dun proxecto de futuro e plan de mellora empresarial.

• Desenvolvemento de plans de acción.

• Identificación e desenvolvemento de redes de cooperación e socios.

• Innovación na empresa.

• Desenvolvemento do capital humano.

• Execución de vixilancia tecnolóxica/intelixencia competitiva.

Os titulados incorporaranse, en primeiro lugar, a un itinerario formativo especificamente deseñado para a participación no programa, e, a continuación, realizarán prácticas formativas baixo a tutela de axentes colaboradores do Igape en proxectos de mellora a implantar en pequenas e medianas empresas, período en que recibirán formación e titorización directamente por parte do axente colaborador.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

2.1. O procedemento de concesión destas bolsas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Non se poderán outorgar bolsas por contía superior a que se determine en cada convocatoria salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.2. As axudas previstas nestas bases están cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, eixe 1, tema prioritario 62, e están sometidas ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular os regulamentos (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006 (DOUE L 210/25, do 31 de xullo), Regulamento (CE ) nº 1081/2006, do 5 de xullo de 2006 do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo) e Regulamento 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007); e cumpren os requisitos de elixibilidade da Orde TIN/2965/2008 e da Orde TIN/788/2009, que a modifica, sobre gastos subvencionables polo FSE.

Artigo 3. Natureza e incompatibilidade da bolsa

O programa reúne os requisitos previstos no artigo 1 do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e a condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, polo que dita norma resulta de aplicación.

A concesión ou desfrute destas bolsas non implica ningunha vinculación laboral, estatutaria ou administrativa entre o beneficiario e o Igape, nin as súas colaboradoras, nin supoñen ningún compromiso ou dereito de incorporación aos seus cadros de persoal, e o bolseiro non terá, en ningún caso, a representación do Igape.

As bolsas outorgadas son incompatibles con calquera outra bolsa ou axuda de similares características, así como con calquera relación laboral ou de prestación de servizos remunerada do bolseiro.

A obtención doutras axudas recibidas para a realización do proxecto obxecto da bolsa deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a memoria final da bolsa. Antes de conceder a bolsa solicitarase do solicitante unha declaración escrita ou en soporte electrónico sobre outras axudas recibidas para a realización do proxecto obxecto da bolsa. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Requisitos dos solicitantes

Poderán presentar solicitude para acollerse a estas bolsas aqueles titulados que cumpran os seguintes requisitos:

4.1. O cumprimento dalgunha das seguintes condicións:

– Ter veciñanza administrativa en Galicia cunha antigüidade superior a 24 meses.

– Ser natural de Galicia.

– Ser fillo ou descendente en liña directa ata o terceiro grao, de emigrantes galegos no exterior.

4.2. Cumprir os requisitos do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser considerado beneficiario de subvencións.

4.3. Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións universitarias na data en que finaliza o prazo de presentación de solicitudes: Física, Enxeñaría, Matemáticas, Química, Ciencias Económicas e Empresariais, Administración e Dirección de Empresas, Ciencias Empresariais, Economía e Dereito. A titulación deberá terse obtido con posterioridade á data indicada na resolución de convocatoria.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros privados españois deberán estar homologados polo Ministerio de Educación español na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

4.4. Non ter concedida mediante resolución ou desfrutado con anterioridade ningunha outra bolsa do Igape, así como non estar desfrutando durante o proceso de selección dunha bolsa no Igape concedida a través doutras institucións.

4.5. Non ter desfrutado doutra bolsa concedida por outros organismos. Exceptúanse as bolsas de estudos desfrutadas durante os anos escolares ou universitarios.

4.6. Non ter desempeñado con anterioridade algún traballo profesional para o que se requirise a mesma titulación exixida nesta convocatoria, en virtude de calquera tipo de contrato laboral de duración igual ou superior a seis meses, o cal se acreditará mediante informe de vida laboral da Seguridade Social.

4.7. Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro.

4.8. Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma. O cumprimento deste requisito acreditarase cubrindo no formulario telemático a declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da comunidade autónoma, de acordo co establecido no artigo 11.g) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Condicións e contía das bolsas

5.1. Duración e destino.

5.1.1. A duración inicial da bolsa establécese nun máximo de 12 meses, contados desde a asignación do bolseiro ao seu destino, podendo ser prorrogada polo Igape por un período máximo de ata catro meses adicionais. As prórrogas das bolsas poderanse conceder, mediante resolución motivada, en función da necesidade de finalizar unha parte do programa formativo que xa comezase ou estea a piques de comezar.

5.1.2. As bolsas desfrutaranse en destinos escollidos polo Igape, baixo a supervisión de axentes colaboradores concertados que participen na prestación ás pemes de servizos de mellora da competitividade.

5.1.3. Poderanse establecer listas de reserva para cubrir posibles desistencias ou renuncias por un tempo que cubrirá unicamente o que reste desde a data de inicio da nova bolsa concedida ata a data de finalización que tivese a bolsa inicial. Non poderán concederse bolsas para suplir renuncias ou incidencias por un tempo inferior a catro meses.

5.2. Contía.

5.2.1. A contía das bolsas é de 9.960 euros anuais (830 euros mensuais). En caso de prórroga da bolsa, a dotación incrementarase proporcionalmente segundo a duración da prórroga.

5.2.2. Considéranse incluídos dentro da dotación da bolsa a Seguridade Social, se é o caso, os impostos de carácter persoal, así como todos os gastos en que teña que incorrer o bolseiro para o desenvolvemento das fases teóricas ou prácticas da bolsa.

5.3. Programa de formación teórica.

Tras a avaliación das solicitudes cursadas, segundo o baremo establecido no artigo 10.1 destas bases, o Igape organizará un curso de formación teórica destinado aos bolseiros seleccionados.

Este curso terá a consideración de non computable no período da bolsa, será gratuíto e non remunerado e será obrigatorio para acceder ás prácticas formativas, entendéndose a non asistencia como renuncia á solicitude, procedéndose ao seu arquivo.

Se o titular dunha solicitude aprobada se vise obrigado a interromper a súa formación teórica por motivo de enfermidade ou accidente deberá comunicalo ao Igape na maior brevidade posible xuntando o correspondente xustificante médico. No caso de que a interrupción da formación supere o 10 % das horas do curso, o Igape considerará a dita interrupción como renuncia á solicitude, cos efectos xa indicados.

Os asistentes ao curso de formación teórica disporán de diploma de asistencia en que conste o plan de formación, equipo docente e número de horas.

O curso constará dun mínimo de 80 horas de formación, e estará baseado nunha formación específica nas materias que constituirán o obxecto das prácticas formativas e que están indicadas no artigo 1.

5.4. Prácticas formativas.

As prácticas formativas realizaranse baixo a supervisión do Igape en axentes colaboradores concertados que participen na prestación de servizos de mellora da competitividade ás pemes.

O Igape e o axente colaborador establecerán, mediante convenio, o programa de prácticas formativas para cada unha das tipoloxías de proxectos de mellora, no cal se detallarán as actividades do bolseiro, a documentación en que se reflectirán estas, así como a formación específica que se deberá impartir ao bolseiro para a súa execución. Ao longo das prácticas formativas programaranse ata 80 horas adicionais de formación nas materias obxecto das prácticas.

O axente colaborador designará un titor que levará a cabo as seguintes funcións:

– Coordinador e formador principal do bolseiro, de xeito que toda a súa actividade formativa teórico-práctica se leve a cabo baixo a súa supervisión e dirección.

– Asesoramento ao bolseiro no programa formativo, e instrución no seu cometido e relación coas empresas en que se desenvolvan as prácticas formativas.

– Avaliación do traballo do bolseiro.

– Aseguramento do cumprimento da normativa en canto á prevención e riscos durante as prácticas formativas.

Artigo 6. Entidades colaboradoras

Co fin de ofertar destinos formativos aos bolseiros, o Igape formalizará convenios de adhesión como entidade colaboradora coas empresas ou entidades que cumpran os seguintes requisitos:

6.1. Solvencia técnica: empresas con experiencia mínima de 4 anos en consultoría empresarial especificamente dirixida á elaboración de proxectos de mellora nas pemes nos ámbitos relacionados no artigo 1 (proxectos elixibles), que teñan asegurada carga de traballo nos próximos 12 meses neste tipo de proxectos, designen un titor con un compromiso de dedicación mínima ao bolseiro do 10 % da súa xornada, e presenten un plan formativo cun mínimo de 80 horas teóricas e 1.700 prácticas que se desenvolverán durante os 12 meses de bolsa.

Acreditación da solvencia técnica:

– Declaración responsable dos principais proxectos elixibles executados durante os últimos catro anos, con indicación de título, descrición, importe contratado, dedicación en horas/home, e cliente final.

– Relación de contratos asinados ou encargos firmes para os próximos 12 meses e carga de traballo en horas/home asociada a cada un deles.

– Plan de formación teórica dos bolseiros e plan de prácticas formativas mediante a participación nos proxectos enumerados na relación de contratos anterior. Estes plans deben axustarse e concretar o establecido no plan formativo do anexo III das bases reguladoras.

– Declaración responsable do titor comprometéndose á dedicación dun 10 % da súa xornada á supervisión e formación directa do bolseiro.

Quedará a criterio do Igape a avaliación positiva ou negativa da solvencia técnica acreditada pola empresa, de acordo cos requirimentos do programa de bolseiros.

6.2. Solvencia económica: acreditación do cumprimento dos seguintes requisitos:

• Mínimo 3 empregados UTA ou 3 profesionais independentes con dedicación superior ao 90 % á empresa no ano inmediatamente anterior ao da convocatoria. Deberá acreditarse mediante vida laboral da empresa para o ano inmediatamente anterior ao da convocatoria, declaración responsable da empresa subscrita polos profesionais con dedicación superior ao 90 %, ou calquera outra documentación que, a xuízo do Igape, sexa bastante.

• Facturación mínima no ano inmediatamente anterior ao da convocatoria: 200.000 euros en proxectos de consultoría empresarial. Deberá acreditarse mediante declaración relativa á cifra de negocios do dito exercicio.

Os clústers galegos legalmente constituídos, as entidades asociativas de carácter empresarial ou profesional e as empresas cuxa data de constitución teña unha antigüidade inferior a tres anos na data de publicación da convocatoria de bolsas para a que van acoller bolseiros eximiranse do requisito de solvencia técnica relativa á experiencia de 4 anos (si deberán cumprir o resto de requisitos de solvencia técnica), así como dos requisitos de solvencia económica.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

7.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

7.2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás bolsas recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

7.3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

A devandita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais á entidade colaboradora do Igape, á entidade financeira en que se aboe o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e ás demais cesións previstas na lei.

O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición respecto do contido dos rexistros antes citados, ante a Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, sito no Complexo Administrativo de San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, en aplicación do disposto no Decreto 132/2006.

7.4. A presentación da solicitude autoriza o órgano xestor para acceder ao Sistema de verificación de datos de identidade, co fin de evitar a achega do NIF do solicitante. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar o NIF coa solicitude.

7.5. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

Artigo 8. Solicitudes

8.1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no citado formulario e, no caso de que se conceda a bolsa, serán obxecto de acreditación documental nas fases de tramitación en cada caso oportunas e, en calquera caso, previamente a calquera aboamento da axuda.

8.2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

8.3. Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

8.4. As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. Na instancia de solicitude será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (ben porque ten un formato erróneo ou ben porque non foi xerado pola aplicación de axuda) serán devoltas sen tramitación, logo de requirimento realizado para o efecto.

Xunto coa instancia de solicitude deberase presentar a copia dixitalizada do currículum vítae.

8.5. O interesado presentará a instancia de solicitude co IDE no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8.6. Así mesmo, o interesado poderá asinar electronicamente a instancia de solicitude co IDE e presentala no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

b) Unha vez asinada a instancia de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

c) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

d) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario normalizado a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso, o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño) e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

8.7. Os solicitantes poderán obter, en todo momento, un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Para iso utilizarán a aplicación establecida no enderezo da internet citado anteriormente, introducindo os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante. As modificacións da solicitude inicial deberán ser presentadas utilizando a aplicación informática para xerar un formulario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas modificacións.

Artigo 9. Órganos competentes

A Área de Competitividade do Igape será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da bolsa. Corresponde ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ditar a resolución de concesión ou denegación da bolsa que porá fin ao procedemento administrativo. A asignación de titor ao bolseiro realizarase mediante dilixencia do director da Área de Competitividade.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

10.1. Baremación das solicitudes.

Presentadas as solicitudes de adxudicación dunha bolsa, estas serán avaliadas, en función dos datos declarados polo solicitante, polos servizos da Área de Competitividade do Igape. No caso de empate nas puntuacións en calquera das listas ordenadas de solicitudes, para desempatar terase en conta por esta orde: maior puntuación no expediente académico, maior puntuación na formación específica e número de expediente, que se outorgará segundo a data de entrada da solicitude no Igape.

A Área de Competitividade valorará as solicitudes de acordo co seguinte baremo:

a) Ata 5 puntos polo expediente académico, segundo a media que se ache utilizando o seguinte baremo de puntuación:

Matrícula de honra: 5 puntos.

Sobresaliente: 4,5 puntos.

Notable: 3,5 puntos.

Aprobado: 2,5 puntos.

b) Ata 1 punto pola formación específica nos ámbitos relacionados no artigo 1 destas bases (másters, curso de postgrao, cursos ou similares), polo que os candidatos que acrediten a realización dun curso completo nesta materia de duración igual ou superior a 600 horas ou 60 créditos obterán un punto nesta epígrafe, ou medio punto se o curso acreditado é de duración igual ou superior a 300 horas ou 30 créditos e inferior a 600 horas ou 60 créditos. Corresponde á Área de Competitividade a avaliación da similitude ou relación dos méritos achegados co obxecto da convocatoria.

c) 1,5 puntos se a titulación que acredita o candidato é unha das seguintes titulacións superiores:

Administración e Dirección de Empresas.

Economía.

Ciencias Empresariais.

Enxeñarías.

d) 0,75 puntos polo coñecemento da lingua galega, se acreditan posuír o certificado de lingua galega Celga 3 ou equivalente.

e) 0,75 puntos polo coñecemento dalgún idioma estranxeiro a nivel polo menos B2 segundo o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas, acreditado mediante título oficial.

A suma total destas puntuacións será, como máximo, de 9 puntos.

10.2. Proposta provisional.

Unha vez baremadas as solicitudes, o órgano instrutor publicará no taboleiro de anuncios e na súa web (enderezo www.tramita.igape.es) a proposta de resolución provisional do procedemento, que incluirá unha lista de bolsas concedidas ata un máximo das indicadas na convocatoria (as que obtivesen a máxima puntuación no baremo), unha lista dun máximo de 100 bolsas en posto de reserva (as 100 como máximo seguintes por orde de puntuación) que servirán para cubrir posibles renuncias ou incumprimentos, unha lista de solicitudes denegadas indicando a súa causa de exclusión (que poderá incluír o feito de non acadar a puntuación de corte ou o incumprimento de calquera das condicións para ser beneficiario) e unha lista de solicitudes arquivadas debido á súa presentación incorrecta, fóra de prazo, renuncias, ou outras causas de arquivo.

Esta publicación surtirá os efectos de notificación aos interesados, segundo o disposto no artigo 59 da Lei 30/1992, e concederase un prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación, para presentar alegacións.

Na proposta provisional concederase aos titulares de solicitudes provisionalmente concedidas ou en posto de reserva un prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación, para presentar a documentación acreditativa das circunstancias alegadas nas súas solicitudes ou as alegacións que consideren oportunas, con indicación de que, se non o fixesen, se terán por desistidos da súa solicitude, arquivándoa sen máis trámite. A documentación acreditativa (que deberá presentarse en orixinal ou copia compulsada e no caso de que estea redactada nunha lingua non oficial en Galicia, deberase presentar acompañada de tradución realizada por intérprete xurado) será a seguinte:

a) No caso de que o solicitante sexa estranxeiro e non teña o número de identificación de estranxeiría (NIE), deberá achegar fotocopia compulsada do pasaporte.

b) Acreditación do cumprimento de, polo menos, unha das seguintes condicións:

i. Veciñanza administrativa en Galicia: orixinal ou fotocopia compulsada do certificado de empadroamento cunha antigüidade superior a 24 meses contados desde a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

ii. Ser natural de Galicia: acreditarase mediante o NIF ou fotocopia compulsada do pasaporte. No caso de acreditarse mediante o NIF e co fin de evitar a súa achega o órgano xestor accederá ao Sistema de verificación de datos de identidade. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar, o NIF.

iii. Ser fillo ou descendente directo ata o terceiro grao de emigrantes galegos no exterior: fotocopia compulsada da documentación oficial acreditativa da ascendencia natural de Galicia (fotocopia compulsada do pasaporte ou NIF do/s ascendente/s en que figure o lugar de nacemento ou, no seu defecto, a/s partida/s de nacemento).

c) Título de estudos universitarios acadado, segundo o expresado no artigo 4.3, ou no seu defecto, xustificante de ter pagadas as taxas para a súa obtención.

d) Expediente académico oficial expedido polo centro ou institución onde o solicitante realizou os seus estudos universitarios superiores ou medios. No caso de estar redactado nun idioma non oficial en Galicia, terase que achegar tradución asinada por intérprete xurado.

e) Para o caso de títulos expedidos por centros estranxeiros ou privados, acreditación da súa homologación polo Ministerio de Educación español.

f) Certificado de lingua galega Celga 3, ou equivalente. O nivel deberá estar certificado en data non superior á de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

g) Certificado médico oficial de boa saúde para o normal exercicio da bolsa, emitido con posterioridade á data de convocatoria.

h) Informe de vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou organismo equivalente estranxeiro emitido con posterioridade á data de convocatoria. No caso de estar redactado nun idioma non oficial en Galicia, terase que achegar tradución asinada por intérprete xurado.

i) Acreditación, se é o caso, da formación específica; certificado de realización do curso completo nesta materia en que conste o número de horas ou créditos do curso. O curso deberá estar finalizado na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

j) Certificado oficial de nivel de lingua estranxeira, se é o caso. O nivel deberá estar certificado en data non superior á de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Poderase excluír aquela documentación que conste xa actualizada no Igape, debendo o solicitante especificar o número de expediente en que anteriormente foi presentada.

Os titulares dos expedientes que aparezan como excluídos na proposta provisional disporán de dez días desde a publicación para presentar alegacións á proposta provisional, e no caso de que formulen alegacións deberán presentar o mesmo conxunto de documentación ca os admitidos, xa que no caso de que as alegacións se estimasen, e non constase presentada no expediente a documentación citada, teríase por desistido da súa solicitude arquivándoa sen máis trámite.

10.3. Resolución definitiva.

Unha vez analizadas as ditas alegacións e recibida a documentación, o órgano instrutor confeccionará a proposta de resolución definitiva, que elevará ao director xeral do Igape, quen resolverá por delegación do Consello de Dirección do Igape, na cal se reflectirá a contía da axuda concedida a cada solicitude e a lista de reservas para cubrir posibles revogacións ou incidencias.

A resolución definitiva será publicada no taboleiro de anuncios e na páxina web do Igape, publicación que surtirá os efectos da notificación segundo o establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

Os titulares de solicitudes aprobadas serán informados de que a resolución implica a súa inclusión na lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 5 meses contados desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Os titulares de solicitudes aprobadas e de reserva serán convocados no mesmo acto á formación teórica.

10.4. Curso de formación teórica.

Os titulares das solicitudes aprobadas e de reserva participarán nun curso de formación teórica. A ausencia en máis dun 10 % da duración destas actividades formativas, sen motivo xustificado (enfermidade ou accidente), será causa de perda do dereito a desfrutar da bolsa.

O curso de formación terá lugar nas datas e lugares de Galicia que se comunicarán na resolución, serán por conta do solicitante, se é o caso, os gastos de desprazamento, estadía e manutención.

10.5. Selección para as prácticas formativas.

As listas definitivas de bolseiros titulares e suplentes terán unha vixencia de 12 meses desde a súa publicación. Durante ese período e a medida que o Igape teña dispoñibilidade de axentes colaboradores para a realización de prácticas formativas e por resolución do director xeral do Igape asignará, por orde estrita de puntuación dentro das preferencias en titulacións e formación específica concertadas no convenio de colaboración coa entidade correspondente, a cada bolseiro un titor, e notificará a ambos individualmente a dita asignación con expresión da data de comezo do desfrute do período da bolsa.

O bolseiro poderá solicitar ao Igape a suspensión da asignación de titor por un período determinado, co cal o Igape procederá a asignar os seguintes bolseiros da lista durante o dito período.

Os bolseiros con titor asignado terán un prazo de tres días hábiles contados a partir do día seguinte ao da notificación do seu proxecto formativo para a súa incorporación ás prácticas formativas asignadas, a cal o axente colaborador comunicará ao Igape mediante a dilixencia de aceptación segundo o modelo normalizado establecido polo Igape. Se no dito prazo non constase a incorporación, entenderase que o bolseiro renuncia á axuda, e procederase á selección do seguinte da lista de admitidos (en primeiro lugar) ou reservas (se xa non fose posible asignalo a un posto da lista de admitidos), mediante resolución do director xeral do Igape ditada por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Transcorridos 12 meses desde a data de publicación da resolución definitiva establecida no punto 10.3 anterior, sen asignación dun titor, decaerá o dereito á percepción da bolsa tanto das persoas titulares da bolsa como dos integrantes da lista de reservas, e arquivarase o expediente.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, o director xeral do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12. Incidencias

Calquera alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión das axudas poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, ben por instancia do solicitante ou de oficio, pola Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, sempre que se cumpran os requisitos do artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Obrigas dos bolseiros

Sen prexuízo doutras obrigas conforme estas bases e demais disposicións aplicables, os beneficiarios das bolsas quedarán suxeitos ás seguintes obrigas:

13.1. Asistir á formación teórica e incorporarse ás prácticas formativas asignadas dentro do prazo indicado nestas bases.

13.2. Cumprir as normas internas establecidas polo titor asignado.

13.3. Elaborar e presentarlle ao Igape, ao remate da bolsa, unha memoria final sobre os traballos realizados.

13.4. Comunicar ao Igape a obtención doutras bolsas ou axudas de carácter similar, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade ao aboamento da bolsa.

13.5. Darlle publicidade ao financiamento polo Fondo Social Europeo da bolsa concedida, consistente na inclusión na memoria final do beneficiario da bolsa de que esta foi cofinanciada polo Igape, pola Consellería de Economía e Industria e polo Fondo Social Europeo do programa operativo FSE Galicia 2007-2013.

13.6. Proceder ao reintegro da bolsa percibida, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión o nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

13.7. Cumprir as demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Xustificación e pagamento

14.1. A dotación da bolsa aboarase ao bolseiro segundo o seguinte detalle:

a) Un 15 % da dotación unha vez recibida a notificación de asignación de titor.

b) Un 10 % da dotación ao termo do período de desfrute da bolsa.

c) O resto da bolsa repartido en períodos trimestrais.

14.2. A concesión do anticipo do 15 % será obxecto de resolución motivada. O importe conxunto dos pagamentos á conta e do pagamento anticipado non excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario e pode acadar ata o 90 % da subvención logo da autorización polo Consello da Xunta de Galicia nos termos previstos nos artigos 62.2 e 62.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

14.3. A solicitude de aboamento dos pagamentos da bolsa realizarase polo bolseiro a través da plataforma informática de xestión que manterá o Igape coas entidades colaboradoras na conta bancaria por el designada.

Con carácter previo aos pagamentos á conta trimestrais e do pagamento final, o bolseiro deberá presentar, a través do seu titor, e mediante a plataforma informática de xestión do Igape coas entidades colaboradoras un informe das actividades realizadas no trimestre correspondente e unha memoria final da bolsa, que a título informativo figura como anexo II a estas bases.

Artigo 15. Certificado da bolsa

Tras a presentación no Igape da memoria final das actividades realizadas, o bolseiro terá dereito a recibir un certificado de beneficiario da bolsa concedida. Este certificado incluirá unha declaración en que se informe de que a bolsa foi cofinanciada polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo FSE Galicia 2007-2013.

Artigo 16. Incumprimento

16.1. Procederá a revogación da bolsa e, se é o caso, o reintegro das cantidades anticipadas e os seus xuros de demora devengados desde o seu pagamento, cando o bolseiro incumpra calquera das bases da convocatoria ou os compromisos contraídos na resolución de concesión, así como nos casos previstos nos artigos 33 e concordantes da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

En calquera momento o Igape poderá comprobar, mediante os mecanismos de inspección e de control que considere convenientes, as actividades formativas dos beneficiarios relativas á bolsa concedida.

16.2. Ao termo do primeiro semestre o Igape revisará o cumprimento do programa de formación asignado e resérvase a facultade de revogar a bolsa se o bolseiro incumpre as súas obrigas, sen que sexa por algunha causa xustificada ou motivo de forza maior.

16.3. No caso de que o bolseiro renuncie á bolsa concedida deberá comunicalo ao Igape por escrito con, polo menos, 15 días de antelación á data en que abandone as prácticas formativas. Este prazo establécese con carácter xeral sen prexuízo de que por causas de forza maior non poida cumprirse o dito prazo.

16.4. En todos os casos, a cantidade anticipada para devolver obterase pola diferenza entre a dotación percibida ata o momento da renuncia e a que lle corresponde polos días efectivamente desfrutados.

16.5. O procedemento de incumprimento iniciarase polo Igape, de oficio, ben por iniciativa do órgano concedente, ou como consecuencia das actuacións de control da Intervención Xeral, por petición razoada doutros órganos que teñan atribuídas facultades de comprobación na materia ou por denuncia.

16.6. O órgano competente para iniciar, tramitar e resolver o expediente será aquel que ditou a resolución de concesión.

16.7. O procedemento iniciarase mediante a comunicación ao beneficiario das presuntas causas determinantes do incumprimento e as posibles consecuencias del. Os interesados poderán, en calquera momento do procedemento anterior ao trámite de audiencia, aducir alegacións ou achegar documentos e outros elementos de xuízo.

16.8. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poñerase de manifesto aos interesados, que disporán dun prazo de quince días para alegar e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes. Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

16.9. Presentadas as alegacións ou transcorrido o prazo de quince días sen contestación por parte do beneficiario, o Igape ditará a resolución que proceda, pronunciándose sobre o alcance do incumprimento e, se é o caso, a obriga de reintegro das cantidades percibidas.

16.10. O prazo máximo para resolver os procedementos sobre incumprimento será de doce meses computados desde o acordo de iniciación. Se pasado o dito prazo non se ditase resolución, entenderase caducado o procedemento sen prexuízo de que se notifique a resolución declarando a caducidade e ordenando o arquivo das actuacións.

16.11. O reintegro voluntario polo interesado, en calquera momento anterior á proposta de resolución, producirá a terminación do procedemento, sen prexuízo de que se dite resolución pola que se declare dita circunstancia e da iniciación do procedemento sancionador cando os feitos que motivaron o procedemento de reintegro puidesen ser constitutivos de infracción administrativa.

16.12. En todo o non regulado nestas bases rexerá o disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no título V, capítulos I e II do Decreto 11/2009, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 17. Control

Os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe o Igape e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas, así como ás que poidan efectuar os órganos competentes da Unión Europea e, en xeral, os encargados do control do Fondo Social Europeo. Neste senso, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que sexa requirida polo ditos organismos.

Artigo 18. Interpretación

Correspóndelle ao director xeral do Igape a facultade de ditar as disposicións necesarias para a aplicación das axudas previstas nestas bases, así como para resolver as dúbidas concretas que se susciten na súa aplicación.

Artigo 19. Publicidade

19.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

19.2. De acordo co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as axudas concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da axuda, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarse no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións.

Artigo 20. Remisión normativa

En todo o no previsto nestas bases, será de aplicación o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Regulamento (CE) nº 1083/2006, Regulamento xeral de fondos (modificado polo Regulamento (CE) nº 846/2009), no Regulamento (CE ) nº 1081/2006 do 5 de xullo, do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo), o Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

missing image file
missing image file

ANEXO III
Bolsas formativas para a realización de proxectos de mellora das pemes galegas: plan formativo

O plan formativo que se presenta baséase na intervención do bolseiro nunha primeira fase de formación teórica, para a continuación asistir, dirixido pola entidade colaboradora, a todo o desenvolvemento de entre dous e catro plans de mellora.

O número de plans de mellora nos cales o bolseiro poida participar depende en grande medida do servizo en particular que se estea prestando á peme receptora, e da complexidade específica que dita peme presente para a implantación. Por iso os tempos que se presentan na epígrafe «Relación de módulos considerados» son indicativos.

Deste xeito, e tendo en conta a definición que aparece máis tarde de cada módulo, poderíamos definir graficamente un plan da seguinte forma:

missing image file

Deste xeito, unha bolsa en que se asista a tres proxectos de mellora, tería a relación de fases seguintes:

Inicial - Execución 1 - Intermedio 1 - Execución 2 - Intermedio 2 - Execución 3 - Final

O cal se podería adaptar, por exemplo, a unha duración de 4+15+2+14+2+17+1=55 semanas que, dado que as 3 primeiras semanas (módulo M1) non son computables na bolsa, daría as 52 semanas do ano de duración da bolsa. Os axustes levaranse a cabo, se é o caso, a través do labor do titor, ou vía prórroga para finalizar un proxecto de mellora en curso.

Relación de módulos considerados

Módulo

Tipo de formación

Responsable

Localización

Duración estimada
(semanas)

Descrición

M1

Formación inicial

Teórica (80 horas)

Igape

Provedor de formación contratado polo Igape

3

Formación teórica xenérica segundo o programa que se acompaña, que non está incluída na duración de la bolsa, e que se realiza previamente á asignación de tutor e de axente colaborador.

M2

Formación específica

Teórica (25 horas)

Entidade colaboradora

Dependencias da entidade colaboradora

1

Formación específica sobre o servizo que se vai prestar, segundo o plan formativo que se xuntará ao convenio de colaboración. Nela o bolseiro terá un primerio contacto cos métodos, técnicas e ferramentas de consultoría que se van aplicar nun servizo concreto.

M3

Asistencia á formación de empresa

Teórica (10 horas)

Entidade colaboradora

Dependencias da entidade colaboradora

1

Asistencia á formación que o axente colaborador definira para a prestación do servizo á peme. Os servizos disporán, polo xeral, deste tipo de formación previa, xa que se conciben como formación-acción. O bolseiro asistirá a esta primeira acción formativa de empresa como se for un alumno máis.

M4

Asistencia ao traballo de campo inicial

Práctica

Entidade colaboradora

Dependencias da entidade colaboradora e da peme receptora do servizo

3

No traballo de campo inicial, a entidade colaboradora traspasa á peme máis polo miudo as ferramentas que se van utilizar (que dependen do servizo a prestar), ao tempo que se recolle a documentación e datos que serán necesarios para a síntese da solución.

M5

Asistencia á fase de análise e síntese de solución

Práctica

Entidade colaboradora

Dependencias da entidade colaboradora

2

Tras a utilización das ferramentas propostas, a entidade colaboradora deseña unha solución para a peme que inclúe a aplicación nela de métodos ou técnicas co fin de executar o proxecto de mellora.

M6

Asistencia ao traballo de implantación da solución proposta

Práctica

Entidade colaboradora

Dependencias da peme receptora do servizo

6

Execución do proxecto de mellora deseñado.

M7

Asistencia á redacción de documentos finais

Práctica

Entidade colaboradora

Dependencias da entidade colaboradora e da peme receptora do servizo

1

Á finalización de cada servizo exixiranse á entidade colaboradora uns entregables determinados (procedementos, análises, reportes de actividade, informes…) a cuxa redacción asistirá o bolseiro.

M8

Redacción do informe de actividade

Práctica

Entidade colaboradora

Dependencias da entidade colaboradora

0,5

O bolseiro debe actualizar o seu informe de actividade para o Igape.

M9

Perfeccionamento de técnicas e ferramentas

Teórica (15 horas)

Entidade colaboradora

Dependencias da entidade colaboradora

0,5

Á finalización de cada servizo, a entidade colaboradora debe complementar a formación teórica do bolseiro na metodoloxía seguida, á luz da experiencia adquirida.

M10

Asistencia á preparación do seguinte servizo

Práctica

Entidade colaboradora

Dependencias da entidade colaboradora

1

O bolseiro debe asistir á preparación, por parte da entidade colaboradora, da planificación do seguinte servizo.

M11

Redacción do informe final de actividade

Práctica

Entidade colaboradora

Dependencias da entidade colaboradora

1

Ao final da bolsa, o titor e o bolseiro redactan conxuntamente o informe final de actividade necesario para o pagamento da axuda.

Proposta de programa formativo para o curso inicial aos bolseiros

A seguinte é a especificación do módulo M1, responsabilidade directa do Igape, suxeita a adaptación de cada módulo en concreto ás necesidades de execución:

1. Modulo 1: 8 horas. Competitividade e estratexia: enfoque de competencias. A empresa como combinación de tecnoloxías e acodes. Diagnóstico e posicionamento TH: implicacións. Ruta do cambio. Tipos de cambio básicos: características.

2. Módulo 2: 8 horas. Elaborando unha visión e un plan director. Mapas estratéxicos e de causalidade. Programas estratéxicos e plans de acción. Equipos.

3. Módulo 3: 8 horas. Implantación e seguimento de plans de acción. POA, orzamentos, cadro de mando.

4. Módulo 4: 8 horas. Melloras comerciais: sistemas de escoita para coñecer o mercado, segmentación de clientes, adecuación de oferta por segmentos de clientes, técnicas e sistemas de fidelización.

5. Módulo 5: 8 horas. Melloras operativas en procesos: técnicas Lean, análises de valor, conceptos TOC e mellora continua.

6. Módulo 6: 8 horas. Organización, xestión por procesos e control de xestión. Dos procesos (mapa de procesos, fluxogramas, fichas de proceso) á organización (áreas, postos, mecanismos de coordinación) e a súa formalización (manuais de procedementos) e xestión (indicadores por proceso e cadros de mando operativos).

7. Módulo 7: 8 horas. Melloras na xestión do circulante e o financiamento. Políticas de xestión e investimento en circulante: control. Financiamento do circulante: instrumentos e custos. Restruturación financeira.

8. Módulo 8: 8 horas. Empresa familiar: características. Familia e dirección. Órganos de Goberno: Consello de familia, protocolos, consello de administración. Sucesión.

9. Módulo 9: 8 horas. Comunicación e redes sociais. Elaboración de plans de comunicación. Redes sociais como elemento de apoio á empresa. Community manager.

10. Módulo 10: 8 horas. Habilidades: xestión do tempo, elaboración de actas e informes, presentacións, xestión do conflito, dirección de equipos.