Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Luns, 23 de decembro de 2013 Páx. 49319

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 17 de decembro de 2013 pola que se regula a composición e o funcionamento da Comisión galega para avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos.

Por Orde do 25 de xaneiro de 2001 da Consellería de Sanidade e Servizos Sociais creouse a Comisión galega para avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos, como instrumento para asegurar que os casos de tuberculose resistentes a fármacos sexan controlados de maneira altamente eficaz, coa finalidade de evitar que sexan transmitidos a outras persoas e garantir o adecuado tratamento das persoas enfermas.

Durante estes anos realizáronse en Galicia múltiples actividades, tanto no campo da vixilancia epidemiolóxica e da prevención como no manexo dos casos de tuberculose con resistencias. Froito deste traballo colectivo son os importantes avances conseguidos en Galicia para afrontar esta infección e as súas consecuencias.

O esforzo realizado necesita continuidade, impulso e adaptación a estes cambios, no marco dunha estratexia xeral adaptada á situación actual.

En consecuencia, de conformidade coas facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto da presente orde é regular a composición e o funcionamento da Comisión galega para avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos, como órgano encargado de asegurar que os casos de tuberculose resistente a fármacos sexan controlados de maneira altamente eficaz, coa finalidade de evitar que sexan transmitidos a outras persoas e garantir o adecuado tratamento das persoas enfermas.

Artigo 2. Composición

1. A Comisión galega para avaliación do manexo da tuberculose estará formada polos/as seguintes membros:

a) Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía.

b) Vicepresidente/a: unha persoa representante do colectivo médico das unidades de Prevención e Control da Tuberculose (UTB) de Galicia, proposta pola persoa titular da presidencia.

c) Secretario/a: unha persoa técnica do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles, proposta pola persoa titular da presidencia.

d) Vogais:

1º. Unha persoa proposta pola Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria.

2º. Unha persoa proposta pola Sociedade Galega de Medicina Interna.

3º. A persoa responsable do Laboratorio de Referencia de Micobacterias de Galicia.

4º. Tres persoas representantes do colectivo médico das unidades de Prevención e Control da Tuberculose (UTB) de Galicia, propostas pola Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, logo de consulta coas persoas responsables das ditas unidades.

5º. Unha persoa proposta pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

2. Nos casos de ausencia, enfermidade ou outra causa legal, da persoa que ocupe a presidencia, esta será substituída polo/a vicepresidente/a e, de faltar este, polo membro do órgano colexiado de maior xerarquía, antigüidade ou idade, por esta orde, de entre os seus compoñentes.

Nos casos de ausencia, enfermidade ou outra causa legal, o/a vicepresidente/a e o/a secretario/a serán substituídos/as polas persoas en que eles/elas deleguen.

3. Na composición da Comisión galega para avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

4. Os/as membros da Comisión galega para avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos non percibirán retribucións de ningún tipo.

Artigo 3. Información á Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública

Será responsabilidade da presidencia da comisión a través do/a seu/súa secretario/a informar puntualmente das actividades e acordos da comisión á Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública.

Artigo 4 Nomeamento e cesamento dos/das membros da comisión

1. Os/as membros que forman parte da comisión por razón do seu cargo adquirirán a dita condición co seu nomeamento e deixarán de pertencer a ela no momento do seu cesamento.

2. Os/as membros electos da comisión serán nomeados e cesados pola persoa titular da Subdirección Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía por un período de tres anos, transcorrido o cal deberá procederse a confirmar ou renovar os ditos nomeamentos, sen prexuízo doutras causas de cesamento ou substitución establecidas no seguinte punto.

3. Serán causas de cesamento e substitución dos/das membros da comisión as seguintes:

a) Transcurso do tempo para o cal foron nomeados/as.

b) Renuncia expresa presentada por escrito ante a presidencia da comisión.

c) Incapacidade declarada xudicialmente.

d) Falecemento.

e) Acordo motivado adoptado pola presidencia da comisión baseado no incumprimento reiterado das súas obrigas.

f) Calquera outra causa prevista na lexislación vixente.

Artigo 5. Funcionamento da comisión

A comisión avaliará os casos con resistencias aos fármacos antituberculosos tomando como referencia os meses naturais, coa posibilidade, sempre que os temas para discutir o permitan, de utilizar medios tecnolóxicos (audio e videoconferencias) que aseguren a participación de todos/as os/as seus/súas membros e contribúan ao uso eficiente dos recursos (no caso de convocatorias urxentes utilizaranse, preferentemente, estes medios). Reunirase en sesión ordinaria cada dous meses e con carácter extraordinario por solicitude da maioría dos/das seus/súas membros e/ou cando sexa convocada polo/a seu/súa presidente/a.

A Consellería de Sanidade promoverá o desenvolvemento das ferramentas de xestión da información que se consideren necesarias para facilitar a comunicación e posta en común dos contidos que sexan discutidos polos/as membros da comisión, de conformidade co previsto no artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 6. Creación de grupos de traballo

1. Por proposta desta comisión asesora pódense crear grupos de traballo dependentes dela, co fin de achegar respostas a obxectivos concretos, podendo coincidir un ou máis grupos no tempo. Estes grupos disolveranse unha vez que acaden os obxectivos para os que foron creados.

2. Cada un dos grupos de traballo que se constitúa estará formado polos/as profesionais das especialidades correspondentes cos temas específicos para valorar. A súa composición será a seguinte:

a) Coordinador/a: un/unha membro da comisión.

b) Vogais: un máximo de cinco profesionais relacionados/as co tema específico que se aborde.

Todos os/as membros dos grupos de traballo serán designados polo/a presidente/a da comisión por proposta dela.

3. As funcións destes grupos de traballo serán as seguintes:

a) Participar na confección, desenvolvemento e revisión dos informes que a comisión asesora considere oportuno.

b) Elaboración de recomendacións e/ou documentos de consenso, obtidos a partir da evidencia científica dispoñible, o estado actual da técnica ou a realidade das unidades asistenciais.

c) Aqueloutras funcións da comisión que se consideren oportunas.

Artigo 7. Colaboración temporal de técnicos

Para o desenvolvemento das funcións da comisión, a persoa titular da presidencia poderá solicitar a colaboración temporal doutros/as técnicos/as (farmacólogos/as, pediatras etc.), que participarán como asesores/as mentres sexa preciso. Estes/as asesores/as poderán asistir ás reunións da comisión e participarán nelas con voz e sen voto.

Artigo 8. Réxime supletorio

En todo o non previsto na presente orde, aplicarase o disposto nos artigos 14 ao 22 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición adicional única. Crédito orzamentario

O funcionamento da Comisión galega para avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos de conformidade co regulado nesta orde non xerará aumento dos créditos orzamentarios asignados á Consellería de Sanidade nin ao Servizo Galego de Saúde.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogados os artigos 3 e 4 da Orde do 25 de xaneiro de 2001 pola que se crea a Comisión galega para avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos e todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2013

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade