Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Xoves, 9 de xaneiro de 2014 Páx. 792

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2013, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se publica o Plan xeral da inspección educativa do curso 2013/14.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, dispón no seu artigo 148, punto 2, que lles corresponde ás administracións públicas competentes ordenar, regular e exercer a inspección educativa dentro do respectivo ámbito territorial, e no artigo 151 establece as funcións da inspección educativa.

O Decreto 99/2004, do 21 de maio, polo que se regula a organización e o funcionamento da inspección educativa e o acceso ao corpo de inspectores de Educación na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 25 de maio), establece, no seu artigo 9, que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria fixará periodicamente as liñas e os criterios de actuación da inspección educativa.

O Plan xeral da inspección educativa, previsto no artigo 9 do citado decreto e no artigo 4 da Orde do 13 de decembro de 2004 (DOG do 22 de decembro), é o documento en que se recollen as liñas e criterios de actuación da inspección educativa no marco das funcións que ten encomendadas e de acordo coas prioridades establecidas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co obxecto de coordinar globalmente as actividades dos inspectores e inspectoras de Educación.

En cumprimento do establecido nos artigos 10 e 20 do Decreto 99/2004, do 21 de maio, as xefaturas dos servizos territoriais de inspección educativa elaborarán os plans provinciais de actuación da inspección educativa aténdose ás liñas básicas e prioritarias fixadas neste plan, sen prexuízo da marxe de flexibilidade e autonomía que a singularidade provincial exixe para adecuar o plan e as actuacións previstas á realidade educativa da provincia.

Por todo o anterior, ao abeiro do disposto no artigo 9 do Decreto 99/2004, do 21 de maio, por proposta da subdirectora xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo e en virtude das competencias e funcións atribuídas mediante o Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,

RESOLVO:

Facer público o Plan xeral da inspección educativa do curso 2013/14, que figura no anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2013

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

ANEXO
Plan xeral da inspección educativa
Curso 2013/14

1. Introdución.

A inspección educativa é a organización integrada na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria á que se lle atribúe a inspección sobre todos os centros docentes, servizos, programas e actividades que integran o sistema educativo de Galicia, tanto de titularidade pública como privada, en todos os niveis educativos, co fin de asegurar o cumprimento das leis, contribuír á mellora do sistema educativo e á calidade do ensino, así como á garantía dos dereitos e á observancia dos deberes de cantos participan nos procesos de ensino e aprendizaxe.

O Decreto 99/2004, do 21 de maio (DOG do 25 de maio), e a Orde do 13 de decembro de 2004 (DOG do 22 de decembro), que o desenvolve, regulan a organización e o funcionamento da Inspección educativa na Comunidade Autónoma de Galicia.

A concreción das liñas, criterios e actividades que os inspectores e inspectoras de Educación deben levar adiante para o desenvolvemento das súas funcións constitúe o Plan xeral da inspección educativa.

O plan xeral abrangue as funcións de control, supervisión, avaliación e asesoramento que a inspección educativa, no exercicio das súas competencias, realiza de modo habitual, concreta as actuacións prioritarias para o seu período de vixencia e fixa as directrices para a elaboración dos plans provinciais de actuación da inspección educativa.

O Plan xeral da inspección educativa do curso 2013/14 dará continuidade ás liñas básicas de intervención da inspección trazadas en anos anteriores e encamiñadas, entre outras, á potenciación da autonomía dos centros docentes e á innovación educativa, á integración das tecnoloxías de información e comunicación nos procedementos de ensinanza-aprendizaxe, á potenciación das aprendizaxes de linguas estranxeiras, á formación do profesorado en centros, á potenciación da cultura da avaliación e da autoavaliación dos centros educativos, á atención á diversidade, á mellora da convivencia e a participación nos centros docentes, e á mellora do éxito escolar.

Para a elaboración deste plan xeral tivéronse en conta as achegas dos distintos órganos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as propostas de mellora recollidas nas memorias anuais dos servizos territoriais de inspección educativa e na memoria xeral de inspección correspondentes ao curso 2012/13.

2. Obxectivos.

A Orde do 13 de decembro de 2004 establece no seu artigo 4.4 que son obxectivos do plan xeral:

a) Concretar as actividades de supervisión, asesoramento e avaliación que todos os inspectores e inspectoras de Educación teñen encomendadas.

b) Priorizar as actuacións da inspección en función das necesidades detectadas, así como dos obxectivos na mellora da calidade programados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

c) Establecer os criterios necesarios que propicien unha actuación coordinada da inspección no exercicio das súas funcións.

Encadrados nos obxectivos xerais, o Plan xeral da inspección educativa do curso escolar 2013/14 establece os seguintes obxectivos específicos:

– Asentar o uso das tecnoloxías de información e comunicación no ámbito da inspección educativa.

– Sistematizar protocolos normalizados nas actuacións dos inspectores e inspectoras de educación.

– Integrar procedementos de calidade nos servizos da Inspección Educativa.

3. Ámbitos de actuación preferente.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en función das necesidades detectadas no sistema educativo e dos obxectivos na mellora da calidade programados, concreta os ámbitos de actuación preferente da inspección educativa para o período de vixencia deste plan xeral. Nestes ámbitos encádranse as actuacións prioritarias da inspección educativa, que serán coordinadas pola Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo xunto cos respectivos xefes dos servizos territoriais de inspección educativa, serán programadas para todos os inspectores e inspectoras de educación e disporán de protocolos normalizados.

Son ámbitos de atención preferente nas actuacións da inspección educativa para o curso 2013/14 os seguintes:

– A supervisión e control do cumprimento da normativa vixente nos centros educativos, con especial atención ás instrucións e resolucións de comezo de curso e á convivencia e participación nos centros educativos.

– A supervisión da documentación pedagóxico-académica e administrativa dos centros educativos.

– A supervisión do desenvolvemento dos programas e proxectos postos en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nos centros docentes.

– A avaliación da organización e do funcionamento dos centros educativos e a participación nas avaliacións do sistema educativo para impulsar propostas de mellora.

4. Actuacións prioritarias.

Nos ámbitos de atención preferente encádranse, para o curso 2013/14, as actuacións prioritarias seguintes:

– Seguimento da aplicación da Lei 4/2011, de convivencia e participación da comunidade educativa e da normativa que a desenvolve, con especial atención á adecuación dos regulamentos e documentos organizativos do centro á normativa vixente e ao proceso de adaptación do protocolo xeral de prevención, detección e tratamento do acoso escolar e ciberacoso.

– Seguimento do Decreto 229/2011, polo que se regula a atención á diversidade, con especial atención á supervisión da concreción anual do Plan xeral de atención á diversidade.

– Supervisión das programacións didácticas con particular atención a aquelas que corresponden ás ensinanzas de educación secundaria obrigatoria, do bacharelato e dos ciclos formativos de formación profesional.

– Supervisión do documento organizativo de centro con especial atención ao seu tratamento informatizado conforme a normativa vixente.

– Seguimento do desenvolvemento do proxecto Abalar supervisando o uso dos medios tecnolóxicos no proceso de ensino-aprendizaxe e a súa aplicación na aula, co obxecto de detectar e difundir as mellores prácticas profesionais, e analizar a influencia do uso das TIC na mellora dos resultados educativos.

– Asesoramento e seguimento dos plans de formación permanente do profesorado en centros educativos controlando a adecuación dos plans formativos ás necesidades reais dos centros e á aplicación directa na aula da formación recibida polo profesorado.

– Asesoramento aos centros, seguimento e avaliación das accións previstas nos contratos-programa. Porase especial atención en asesorar os centros no proceso de análise das súas fortalezas e debilidades, en supervisar o cumprimento dos compromisos adquiridos polos centros educativos, en verificar a efectividade das accións desenvolvidas e en propoñer medidas específicas de actuación para a mellora do éxito escolar.

– Supervisión do funcionamento dos servizos e programas de bibliotecas escolares velando polo cumprimento das instrucións do 2 de setembro de 2013, especialmente nos centros integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares.

– Supervisión do proceso de implantación e desenvolvemento do programa nos centros plurilingües, nos centros con seccións bilingües e nos centros con programa CUALE, prestándolle especial atención á práctica docente, ao funcionamento dos mecanismos de seguimento e avaliación recollidos na programación xeral anual, á coordinación entre o profesorado especialista en linguas estranxeiras e o profesorado de materias non lingüísticas e á repercusión na práctica docente.

– Seguimento das actuacións previstas nos programas incluídos dentro do plan Proxecta supervisando a integración das súas actividades nas programacións didácticas e na programación xeral do centro e a avaliación, por parte do centro, do desenvolvemento e dos resultados dos programas.

5. Actuacións específicas.

As actuacións específicas están ligadas á supervisión, asesoramento ou avaliación de determinadas ensinanzas, centros, servizos ou aspectos concretos da actividade educativa que resulten de singular interese para os obxectivos de mellora programados pola consellería.

No plan xeral do curso 2013/14 darase continuidade á actuación de avaliación da organización e funcionamento dos equipos de ciclo e dos departamentos didácticos, iniciada no curso 2010/11. Esta actuación vai encamiñada a consolidar o modelo de intervención global da inspección educativa nos centros docentes para incidir na proposta, adopción e seguimento das medidas organizativas e curriculares que máis favorezan a mellora dos resultados educativos.

Prestarase especial atención á supervisión dos aspectos relacionados coa planificación, coordinación, xestión de recursos e propostas de mellora, e ao seguimento dos centros avaliados en anos anteriores co obxectivo de analizar a incidencia a medio e longo prazo das accións de mellora planificadas no seu momento.

6. Actuacións habituais.

Son aquelas que a inspección educativa realiza de modo habitual no exercicio das funcións establecidas no artigo 3 do Decreto 99/2004, do 21 de maio, polo que se regula a organización e funcionamento da Inspección educativa en Galicia. Son moitas e moi variadas, inherentes á complexidade do sistema educativo e véñense repetindo todos os anos. Isto explica que, aínda que sexan previsibles pola experiencia acumulada, resulten difíciles de concretar dun modo exhaustivo, debido ao seu elevado número e a que se enmarcan en diferentes ámbitos relacionados coa organización e funcionamento dos centros, programas e servizos, ordenación académica, procesos de planificación educativa, servizos e profesorado, procesos de escolarización e procesos de avaliación do sistema educativo.

Sen prexuízo doutras que se poidan realizar no ámbito das competencias e atribucións da inspección educativa, destácanse as seguintes:

a) Actuacións de seguimento e de supervisión.

– Seguimento dos procesos de inicio e fin de curso nos centros educativos e da súa adecuación ao calendario escolar.

– Seguimento da matrícula nos centros educativos e dos itinerarios formativos na ESO e no bacharelato.

– Supervisión da escolarización do alumnado das diferentes ensinanzas.

– Supervisión dos servizos e dos programas postos en marcha nos centros educativos.

– Supervisión da documentación administrativa e pedagóxica dos centros docentes.

– Supervisión do desenvolvemento do proceso educativo na aula.

– Control do absentismo do profesorado e do alumnado.

– Supervisión do desenvolvemento do proceso docente e da aplicación adecuada dos criterios de avaliación e promoción en todas as ensinanzas en todas as súas modalidades.

– Seguimento do cumprimento da normativa en materia de plurilingüismo.

– Seguimento do cumprimento das condicións previstas nos concertos educativos, atendendo ás aulas concertadas e aos requisitos de acreditación do profesorado.

– Supervisión do cumprimento das condicións establecidas nos concertos educativos e da súa adecuación á normativa vixente.

– Supervisión dos procesos de elección aos consellos escolares.

b) Actuacións de avaliación.

– Análise dos resultados de avaliación e promoción do alumnado e asesoramento aos centros con propostas de mellora.

– Supervisión do desenvolvemento da avaliación de diagnóstico e do seguimento das propostas de mellora nos centros educativos.

– Participación nos procesos de selección de directores e directoras de centros escolares públicos.

– Avaliación da función directiva.

c) Actuacións de asesoramento e información.

– Asesoramento aos pais e ás nais sobre aspectos normativos, con especial atención aos referidos á escolarización.

– Asesoramento aos equipos directivos e ao profesorado sobre aspectos curriculares, normativos, técnicos e científicos da organización e funcionamento dos centros educativos.

– Información á Administración educativa sobre as previsións de necesidades e a racionalización da oferta educativa.

– Participación na determinación de catálogos de profesorado e información sobre as necesidades de profesorado e a optimización dos recursos.

– Emisión de informes de desafectacións, do uso de instalacións, ampliacións, arranxos e reformas nos centros escolares.

– Emisión de informes previos á instrución de expedientes disciplinarios e instrución destes.

– Emisión de informes sobre acceso, modificación, prórroga ou revogación de concertos educativos.

-Emisión de informes de adaptacións curriculares, de incorporación a programas de diversificación curricular, de incorporación a PCPI con carácter excepcional e de flexibilización do período de escolarización.

– Participación en comisións e tribunais cando así o determinen as convocatorias.

– Participación nos procedementos de acreditación do profesorado.

– Participación nos procedementos de homologación de estudos e títulos estranxeiros de ensinanzas non universitarias.

7. Actuacións incidentais.

O traballo da inspección educativa non se limita á realización das actividades recollidas nos puntos anteriores. A inspección intervén en multitude de situacións imprevisibles caracterizadas pola inmediatez, que implican a realización doutras actuacións puntuais que, por razóns do servizo, lle son encomendadas no marco das funcións e competencias que ten atribuídas.

8. Coordinación e seguimento do Plan xeral da inspección educativa.

A coordinación e o seguimento do Plan xeral da inspección educativa corresponde á Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, en colaboración cos xefes dos servizos territoriais de inspección.

As actuacións dos inspectores e inspectoras que se desenvolvan con protocolos normalizados xestionaranse na aplicación informática de xestión da Inspección educativa (XIE). A través dela a Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo e os servizos territoriais de inspección educativa realizarán o seu seguimento.

Corresponde á Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, ademais de impulsar e coordinar as actuacións dos servizos territoriais de inspección educativa, o desenvolvemento de actuacións encamiñadas a:

– Elaborar e implementar protocolos normalizados para o desenvolvemento das actuacións da inspección educativa.

– Potenciar o uso dos sistemas informáticos para a xestión do plan xeral e os plans provinciais de actuación da inspección educativa e asesorar nos aspectos relativos á súa utilización.

– Crear e coordinar grupos de traballo interprovinciais en áreas e temas de interese para a mellora da calidade nos centros e nos servizos da inspección educativa.

– Actualizar as aplicacións informáticas de uso da inspección educativa e elaborar recursos para a inspección.

– Coordinar as actuacións da inspección educativa coas necesidades e propostas da Administración educativa ou doutras unidades administrativas que teñan incidencia nos centros educativos.

– Planificar a formación, actualización e perfeccionamento das inspectoras e inspectores de educación.

9. Formación da inspección educativa.

Para a formación, actualización e perfeccionamento dos inspectores e inspectoras de educación, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza diversas actividades formativas tales como: cursos, encontros, xornadas e outras modalidades de formación, e fomenta a súa participación noutras convocatorias formativas, reservando prazas para os membros da inspección educativa.

No curso 2013/14 desenvolveranse as seguintes actividades de formación para a inspección educativa:

– Xornadas periódicas de carácter formativo e informativo, que terán lugar ao longo do curso. Nelas trataranse temas de interese para a formación da Inspección educativa e coordinarase a planificación e información das diferentes unidades da consellería.

– Curso específico de formación de inspectores e inspectoras de novo ingreso, cunha duración non inferior a 60 horas, de conformidade co disposto na base 17.4 da Orde do 23 de marzo de 2013, pola que se convocan procedementos selectivos de ingreso e acceso ao corpo de inspectores de educación da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 4 de abril).

– Xornadas temáticas para analizar aspectos concretos relacionados coas novidades da normativa de educación.

Ademais da oferta específica de formación en xeral, os inspectores e as inspectoras de educación poden participar en xornadas, cursos, congresos, encontros e outras modalidades de formación que sexan recoñecidas pola consellería e que poidan ser útiles para unha posta ao día nos aspectos curriculares e relativos á organización de centros e do sistema educativo.

10. Plans provinciais de actuación da inspección educativa.

a) Criterios para a elaboración dos plans provinciais.

O plan xeral recolle as liñas, as actividades e os criterios de actuación da inspección educativa, que serán concretados para cada provincia nos respectivos plans provinciais de actuación.

Correspóndelle ao xefe de cada un dos servizos territoriais de inspección educativa a elaboración do plan provincial da Inspección educativa previsto no artigo 10 do Decreto 99/2004, do 21 de maio, de conformidade co establecido no artigo 5 da Orde do 13 de decembro de 2004.

O plan provincial da inspección educativa será remitido, co visto e prace da xefatura territorial, á Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo.

De acordo co que xa se vén aplicando nos últimos cursos, en todas as provincias deberase seguir destinando os luns de cada semana a realizar as distintas reunións, para planificar e avaliar o desenvolvemento das actuacións previstas neste plan de traballo. Así mesmo, manteranse ao día as bases de datos propias da inspección educativa.

b) Estrutura dos plans provinciais.

Deberán recoller, como mínimo, os seguintes aspectos:

– Introdución.

– Obxectivos.

– Planificación das actuacións prioritarias, habituais e específicas, indicando a súa cuantificación, temporalización e seguimento.

– Planificación das actividades de organización e funcionamento da propia inspección indicando a súa temporalización.

– Persoal ao servizo da inspección educativa:

– Relación de inspectores e inspectoras.

– Relación do persoal administrativo e de apoio á inspección educativa.

– Estrutura e organización do servizo:

– Sedes, sectores e adscricións aos subsectores.

– Grupos de traballo específicos por áreas e temas de interese que determine a consellería.

– Distribución dos días de gardas.

– Plan de reunións.

– Plan de visitas aos centros: criterios, tipos de visita e documentos de rexistro das decisións.

– Planificación das actividades de formación.

– Áreas de mellora e propostas de mellora.

c) Seguimento e avaliación dos plans provinciais.

O seguimento interno de cada plan provincial será responsabilidade do xefe do servizo territorial. Para tal fin, incluirá a súa revisión na orde do día da reunión mensual ordinaria da xunta provincial de inspección, ademais das que considere necesarias coas inspectoras e inspectores coordinadores de sector, de ser o caso.

O seguimento externo dos plans provinciais de actuación é competencia da Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo. Para tal fin, a persoa titular da subdirección xeral incluirá o seguimento na reunión mensual da xunta de xefes de servizo e, ademais, poderá solicitar os informes puntuais que xulgue oportunos referidos ao cumprimento das actuacións previstas nos plans de traballo provinciais.

A avaliación interna de cada plan provincial de actuación será competencia do respectivo servizo territorial de inspección educativa. Para tal fin constituirase un equipo de avaliación integrado polas persoas que desempeñan as funcións de xefatura de servizo e coordinación de sector. Ao final do curso académico, a xefatura do servizo elaborará, coa colaboración das/os coordinadoras/es, unha memoria en que recollerá os resultados da avaliación. Co fin de analizar a citada memoria, a xefatura do servizo convocará unha reunión do servizo territorial de inspección educativa no mes de xullo ou incluirá o dito asunto na orde do día da reunión ordinaria da xunta provincial de inspección do citado mes. A memoria, xunto coas achegas, se for o caso, feitas polos inspectores e inspectoras que integran o servizo, será remitida á Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo antes do 15 de xullo de 2014.

A avaliación externa dos plans provinciais corresponde á Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, que elaborará unha memoria anual en que se recollerán os resultados. Esta memoria do grao de cumprimento dos plans provinciais e do Plan xeral da inspección educativa, unha vez analizada xunto coas xefaturas dos servizos territoriais de inspección educativa, será elevada á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

11. Normativa de aplicación.

Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Decreto 99/2004, do 21 de maio, polo que se regula a organización e o funcionamento da inspección educativa e o acceso ao corpo de inspectores de Educación na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 25 de maio).

Orde do 13 de decembro de 2004 pola que se desenvolve o Decreto 99/2004, do 21 de maio, polo que se regula o funcionamento da inspección educativa e o acceso ao corpo de inspectores de Educación na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 22 de decembro).

Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG do 18 de xaneiro).