Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Martes, 25 de febreiro de 2014 Páx. 8009

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN conxunta do 30 de xaneiro de 2014, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do Instituto Galego de Consumo, pola que se convoca a fase autonómica do concurso de premios sobre consumo responsable e calidade de vida Consumópolis-9: Consumir entre pantallas.

A Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, establece como un dos dereitos básicos dos consumidores a formación e a educación en materia dos dereitos dos consumidores. Sinálase na exposición de motivos que a actuación administrativa debe superar o concepto tradicional de formación e educación, limitada tradicionalmente e en exclusiva ao coñecemento polas persoas consumidoras dos seus dereitos como tales, para entender esta formación e educación concibidas nun contexto máis global onde este coñecemento teña que complementarse simbioticamente con outros coñecementos dos cales non poida prescindir á hora de adquirir bens e servizos, como a sustentabilidade ambiental, económica, social e cultural.

Así mesmo, o artigo 50 desta mesma lei sinala que a administración competente en materia de consumo, conxuntamente coa competente en educación, establecerá un plan de formación específico orientado a favorecer o tratamento da educación para o consumo nos currículos das diferentes etapas e niveis do ensino regrado na forma en que mellor se axuste á finalidade pedagóxica de cada un deles.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), fai referencia á concepción da educación como instrumento de mellora da condición humana e da vida colectiva e a necesidade de ofertar ao alumnado unha formación que permita dar resposta ás cambiantes necesidades e ás demandas que presentan as persoas e os grupos sociais.

A educación para o consumo é fundamentalmente unha educación social e cidadá, que incide na comunidade e representa un medio para avanzar cara a unha cidadanía máis crítica, autónoma, consciente dos seus dereitos e responsabilidades que lle permita actuar nunha sociedade globalizada e cambiante.

Promover a educación para o consumo nos centros educativos da Comunidade Autónoma é, por tanto, un interese do Instituto Galego de Consumo e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co obxecto de que o alumnado desenvolva as competencias que lle permitan exercer os seus dereitos como persoas consumidoras, actuando no mercado de forma autónoma, responsable e solidaria.

En consonancia con estes principios, o Instituto Galego de Consumo participa na organización do concurso Consumópolis, conxuntamente co Instituto Nacional do Consumo e outras dezaseis comunidades autónomas. Este concurso ten como obxectivo o desenvolvemento de actividades que promovan, entre os máis novos, hábitos de consumo responsable fomentando a participación dos centros educativos a través do profesorado e alumnado en actividades relacionadas coa educación para o consumo.

A primeira fase do concurso, consistente nun xogo pedagóxico virtual, desenvólvese entre o 24 de outubro de 2013 e o 15 de xaneiro de 2014.

Unha vez rematada a fase de xogo, corresponde ao Instituto Galego de Consumo, adscrito á Consellería de Economía e Industria e á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, convocar a fase autonómica do concurso, co obxecto de seleccionar os gañadores que representen a Comunidade Autónoma de Galicia na fase estatal.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente resolución ten por obxecto convocar e regular a fase autonómica do concurso escolar 2013-2014 Consumópolis-9 sobre consumo responsable: Consumir entre pantallas.

A fase autonómica do concurso, que pretende fomentar o traballo en equipo, consiste no deseño, elaboración e presentación dun traballo conxunto que consistirá na redacción dun consello ou mensaxe, de 140 caracteres de extensión, sobre consumo responsable en relación co uso das TIC (tecnoloxías da información e da comunicación). Esta mensaxe, dirixida a xoves da mesma idade, irá acompañado dunha imaxe (debuxo, fotografía, collage, etc.) que apoie o texto e reflicta o contido da mensaxe.

O tema proposto para o traballo establécese no artigo 6 da presente resolución.

Artigo 2. Dotación económica

1. Concederanse tres premios de 1.000, 600 e 300 euros para os traballos clasificados respectivamente en primeiro, segundo e terceiro lugar por cada un dos niveis de participación seguintes:

a) Alumnado de 3º ciclo de educación primaria.

b) Alumnado de 1º e 2º curso de educación secundaria obrigatoria (ESO).

c) Alumnado de 3º e 4º curso de educación secundaria obrigatoria (ESO).

Ademais, todos os membros do equipo recibirán un diploma acreditativo como gañadores.

2. Os traballos clasificados en primeiro lugar en cada un dos niveis representarán a Comunidade Autónoma na fase estatal que se celebrará en Madrid.

3. Os premios faranse efectivos con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.613B.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2014, na cal existe crédito adecuado e suficiente.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán participar nesta fase autonómica todos aqueles equipos constituídos por cinco alumnos ou alumnas de idades comprendidas entre 10 e 16 anos, coordinados por un docente, que estivesen inscritos previamente e que rematasen a primeira parte do concurso, realizada a través da páxina web que soporta o xogo e que ten achega desde a web do Instituto Galego de Consumo (www.igc.xunta.es).

2. Un mesmo docente poderá coordinar máis dun equipo dun mesmo ciclo.

3. Cada equipo deberá presentar un único cartel ou calendario e non existe límite para o número de grupos que se formen en cada centro educativo.

4. Os niveis de participación establecidos son:

– Alumnado de 3º ciclo de educación primaria (de 10 a 12 anos).

– Alumnado de 1º e 2º curso de educación secundaria obrigatoria (de 12 a 14 anos).

– Alumnado de 3º e 4º curso de educación secundaria obrigatoria (de 14 a 16 anos).

Artigo 4. Prazo de presentación

O prazo para a presentación dos traballos comezará o día seguinte ao de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 22 de marzo de 2014.

Artigo 5. Presentación das solicitudes e documentación

1. Os traballos que se presenten irán acompañados da seguinte documentación:

a) Solicitude asinada pola dirección do centro escolar conforme o modelo que figura como anexo da presente resolución.

b) Ficha virtual co código do equipo e do traballo correspondente, descargada desde a plataforma virtual que soporta o xogo e dispoñible unha vez que se cargue o traballo para o seu aloxamento na páxina de Consumópolis.

c) Unha copia en soporte papel ou dixital do traballo que se presenta ao concurso, segundo as características establecidas no artigo 6 da presente resolución.

d) Memoria descritiva realizada polo alumnado participante explicando como se organizaron para a participación no concurso en ambas as dúas fases, segundo as características establecidas no artigo 6 da presente resolución.

Os traballos presentaranse en calquera dos dous idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

Artigo 6. Características dos traballos

(Accesible na web do concurso desde o 24.10.2013 ao 27.2.2013).

Para poder participar na presente convocatoria é necesario completar a primeira fase do xogo por parte de todos os integrantes de cada equipo. Unha vez rematada a fase de xogo, cada equipo participante deberá realizar un traballo en equipo coas seguintes características:

6.1. A fase autonómica do concurso que pretende fomentar o traballo en equipo consiste no deseño, elaboración e presentación dun traballo conxunto que consistirá na redacción dun consello ou mensaxe, de 140 caracteres de extensión, sobre consumo responsable en relación co uso das TIC (tecnoloxías da información e da comunicación). Esta mensaxe, dirixida a alumnado da mesma idade, irá integrada nun cartel cunha imaxe (debuxo, fotografía, collage, etc.) que apoie o texto e reflicta o contido da mensaxe.

O traballo presentarase en formato electrónico e situarase nun espazo virtual, asignado previamente no portal de Consumópolis, ao cal os concursantes poderán acceder desde o 24 de outubro de 2013 ata o 27 de febreiro de 2014, ambos os dous inclusive, e desde onde se poderá descargar a ficha virtual indispensable para identificar os traballos.

Só se reservará un espazo virtual por equipo.

Como axuda para realizar as actividades obxecto do certame, equipos e profesorado coordinador contarán con fichas informativas e pedagóxicas, en formato PDF, relacionadas co consumo responsable que estarán localizadas na páxina web que soporta o xogo.

6.2. Características do cartel.

O devandito cartel estará composto por:

• Unha frase de 140 caracteres que motive outros mozos a consumiren de modo responsable a través das TIC.

• Un debuxo ou fotografía que reforce a mensaxe da frase anterior.

6.2.1. Requirimentos da frase.

• Máximo de 140 caracteres (pode ser máis curta se se desexa).

• Deberá ter un ton positivo.

• Pode estar escrita en prosa, verso ou ser un xogo de palabras que no seu conxunto teña sentido.

• Debe ser inédita e orixinal e non ter sido premiada noutro concurso.

• As faltas de ortografía farán que o traballo quede automaticamente rexeitado.

6.2.2. Requirimentos da imaxe.

• Debe complementar e facer entender a frase.

• Non poderá incluír publicidade (imaxes de marcas de produtos ou servizos existentes); persoas famosas ou recoñecidas (deportistas, políticos, cantantes, etc.) e personaxes de ficción. Tampouco símbolos que fagan alusión expresa a redes sociais, programas ou páxinas da internet existentes.

• Ningún traballo conterá imaxes ou contidos violentos, sexistas, racistas ou calquera outro contrario aos valores da escola actual.

6.3. Dimensións e características técnicas do cartel.

O traballo deberá plasmarse sobre unha superficie lisa e moderadamente ríxida (madeira, cartón, papel groso, etc.) nun formato A3 (29,7 cm×42 cm).

• A posición será horizontal:

a) As técnicas que se poden empregar para a creación do traballo son libres e flexibles en función das capacidades e gustos do grupo: á man con lapis de cores, acuarelas, témperas, rotuladores, etc.; mediante programas informáticos, utilizando preferentemente software libre, como o Linux ou o Impress; tamén está permitido o tratamento ou edición de imaxes con programas preferentemente de software libre, como o Gimp, ou outros, sempre que a base da composición sexa un traballo orixinal creado polo equipo; outras técnicas como colaxes ou fotomontaxes son tamén aceptadas.

b) Unha vez rematado o cartel, o docente coordinador deberá tirarlle unha fotografía, intentando axustarse ás súas marxes o máximo posible. É aconsellable que o peso da fotografía non sexa superior a 2 MB.

Esta fotografía é a que deberá cargarse na plataforma que soporta o xogo Consumópolis-9, na ligazón «Subir o noso cartel».

c) Non cumprir calquera dos dous seguintes requirimentos suporá a descualificación inmediata do equipo:

1. Ningún cartel poderá incluír marcas de produtos ou servizos existentes.

2. Ningún cartel conterá imaxes ou contidos sexistas, racistas ou calquera outro contrario aos valores da escola.

6.4. Ficha virtual.

a) Unha vez rematada a realización do cartel, poderase imprimir a Ficha Virtual do Cartel, documento que contén os datos do cartel (referencia, nome do equipo, compoñentes e título do cartel). O docente coordinador será o encargado de imprimir este documento e de envialo ao Instituto Galego de Consumo xunto coa solicitude de participación segundo se indica no artigo 5 da presente resolución. Con este documento, o xurado poderá acceder ao cartel e proceder á súa avaliación.

b) Desde o momento en que a Ficha Virtual do Cartel sexa impresa polo coordinador, o cartel non poderá ser substituído.

c) Moi importante: se o docente coordinador non imprime a Ficha Virtual do Traballo, a fase autonómica do concurso non se considera finalizada.

d) Aqueles equipos aos que se lles presenten problemas técnicos que lles dificulten ou impidan cargar o cartel e imprimir a ficha virtual, deberán enviarlle un correo electrónico á administración do concurso, que lles indicará, pola mesma vía, o procedemento que deben seguir.

e) Advertencia moi importante: as faltas de ortografía descualificarán automaticamente o traballo presentado e, por tanto, o equipo queda automaticamente eliminado do concurso.

6.5. Memoria da participación no concurso.

O alumnado participante elaborará unha memoria en soporte dixital, cunha extensión máxima de 5 páxinas, en que se expoña como foi a participación do equipo no xogo Consumópolis-9: Consumir entre pantallas, en que se explique como mínimo:

– A organización do equipo para a resolución das probas do xogo Consumópolis-9 e a documentación consultada.

– A organización do equipo para a elaboración da frase e do cartel, as fontes documentais consultadas, as ferramentas dixitais e os materiais utilizados.

– Xuntarase, se é o caso, anexo fotográfico das actividades realizadas polo alumnado durante a experiencia.

A memoria realizarase en calquera dos dous idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 7. Xurado

1. Os traballos que se presenten a esta convocatoria serán examinados e avaliados por un xurado constituído por:

• Presidente:

– O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en quen delegue.

• Vicepresidente/a:

– A persoa titular da presidencia do Instituto Galego de Consumo ou persoa en quen delegue.

• Vogais:

– Un/unha asesor/a docente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Un funcionario ou funcionaria do Instituto Galego de Consumo.

• Secretaria:

– A directora técnica da Escola Galega de Consumo.

2. O funcionamento do xurado estará regulado polas normas básicas contidas no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e pola sección III, do capítulo I do título I (artigos 14 e seguintes) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. O xurado terá facultades para resolver as dúbidas que aparezan na interpretación das bases da presente convocatoria.

3. O xurado, de ser necesario, poderá contar co asesoramento de especialistas.

4. Os premios anunciados poderán ser declarados desertos. Non obstante, o xurado poderá determinar a redistribución da contía dos declarados desertos se as características dos traballos así o permiten.

Artigo 8. Criterios de valoración

1. Para a selección dos traballos con dereito a premio, o xurado terá en conta os seguintes criterios:

A puntuación obtida no xogo pedagóxico Consumir entre pantallas, que representará o 50 % da puntuación total que conseguirá cada equipo. A avaliación das probas incluídas no xogo interactivo a través da internet Consumópolis-9 quedará establecida de forma automática polo propio sistema.

2. Para a valoración dos traballos en equipo da segunda parte do concurso teranse en conta os criterios seguintes:

– Coherencia do traballo cos obxectivos do concurso.

– Creatividade, orixinalidade e presentación na composición do traballo en equipo.

3. Para a valoración dos equipos que optan aos premios autonómicos, o traballo en equipo valorarase cun máximo de 50 puntos coa seguinte ponderación:

1. Coherencia do traballo cos obxectivos do concurso: ata 15 puntos.

2. Claridade na mensaxe: ata 10 puntos.

3. Creatividade e orixinalidade na composición: ata 10 puntos.

4. Presentación e calidade técnica: ata 10 puntos.

5. Memoria explicativa: ata 5 puntos.

Artigo 9. Certificación

O Instituto Galego de Consumo solicitará á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o profesorado participante nos traballos que resulten premiados na convocatoria a expedición dun certificado como premio de innovación educativa.

Artigo 10. Pagamento dos premios

1. O pagamento dos premios, por unha contía máxima de 5.700 euros, farase con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.613B.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2014, onde existe crédito adecuado e suficiente.

2. Os traballos clasificados en primeiro lugar en cada un dos niveis representarán a Comunidade Autónoma na fase estatal que se celebrará en Madrid.

3. Os/as destinatarios/as dos premios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. Así mesmo, en caso de incumprimento de calquera das condicións establecidas para a súa concesión existirá a obriga de reintegro total ou parcial do premio percibido.

Artigo 11. Difusión e publicación

1. O Instituto Galego de Consumo poderá proceder á reprodución, publicación e divulgación dos traballos premiados, que quedarán na súa propiedade, agás os clasificados en primeiro lugar de cada categoría, que concursarán na fase estatal.

2. Os gañadores quedan na obriga de asumir as responsabilidades que puideren resultar da utilización dos textos, imaxes e outros elementos creativos utilizados na realización do traballo e cuxa propiedade sexa de terceiras persoas ou entidades alleas á presente convocatoria.

3. A participación de menores nas distintas reportaxes fotográficas que formen parte do traballo deberá contar coa autorización por escrito dos pais ou titores.

4. A participación na correspondente convocatoria supón a aceptación de todas as bases, así como a cesión ao Instituto Galego de Consumo do dereito de propiedade intelectual dos traballos premiados nos cales poderán introducirse as variacións que se consideren máis axeitadas para a súa finalidade.

Artigo 12. Retirada da documentación

As persoas interesadas ou quen as representen poderán solicitar a retirada dos traballos non premiados da páxina web que soporta o concurso, no prazo dos trinta días naturais seguintes ao da publicación da resolución de concesión dos premios no Diario Oficial de Galicia. En caso contrario, quedarán expostos de forma permanente mentres se manteña o concurso.

Artigo 13. Resolución

1. As solicitudes entenderanse desestimadas se non foren resoltas no prazo de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. A proposta de concesión de premios emitida polo xurado elevarase á Presidencia do Instituto Galego de Consumo para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. Contra as resolucións que se diten ao abeiro desta convocatoria, que porán fin á vía administrativa, os interesados poderán interpor:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou ou debeu ditala no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, segundo o establecido na Lei 29/1998 da xurisdición contencioso-administrativa, ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente á circunscrición do órgano que ditou a resolución, se é expresa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro, que coiden procedente.

Artigo 14. Réxime de recursos

Esta resolución poderá ser impugnada potestativamente ante a presidenta do Instituto Galego de Consumo, mediante recurso de reposición, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira

Facúltase a presidenta do Instituto Galego de Consumo para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta resolución.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2014

Sol María Vázquez Abeal Jesús Vázquez Abad
Presidenta do Instituto Conselleiro de Cultura,
Galego de Consumo Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file