Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Luns, 10 de marzo de 2014 Páx. 10172

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 5 de marzo de 2014 pola que se convocan probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional do sistema educativo para o ano 2014.

O Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, determina no artigo 36.2 que a consellería con competencias en materia de educación regulará, consonte o establecido no devandito decreto, as probas de acceso para quen non cumpra os requisitos académicos de acceso aos ciclos formativos de formación profesional. O artigo 37 disponse que a consellería con competencias en materia de educación convocará, cando menos unha vez ao ano, as probas de acceso a ciclos formativos de grao medio e de grao superior.

De conformidade co exposto e no uso das competencias que se me atribúen na lexislación vixente,

Dispoño:

I. Disposicións de carácter xeral

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto a regulación das probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2014.

Artigo 2. Finalidade e persoas destinatarias das probas de acceso

1. As probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio teñen por finalidade permitir ás persoas que non posúan o título de graduado en educación secundaria obrigatoria da normativa aplicable, nin outros estudos equivalentes para os efectos de acceso, continuaren a súa formación accedendo aos ciclos formativos de formación profesional de grao medio, nunhas condicións suficientes para cursaren con aproveitamento estas ensinanzas.

2. As probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior teñen por finalidade permitir ás persoas que non posúan o título de bacharelato da normativa aplicable, nin outros estudos equivalentes para os efectos de acceso, a posibilidade de continuaren formándose en ciclos de formación profesional de grao superior, coa madureza e a idoneidade suficientes para cursaren con aproveitamento estas ensinanzas.

Artigo 3. Tribunal avaliador das probas

1. Co obxecto de garantir o acceso aos ciclos formativos de formación profesional en igualdade de condicións, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa designará un tribunal composto por un presidente ou unha presidenta, un secretario ou unha secretaria e un número suficiente de vogais segundo as áreas ou as materias avaliables.

O presidente ou a presidenta deberán ser un inspector ou unha inspectora de educación, ou ben un director ou unha directora dun centro público docente onde se impartan ensinanzas de formación profesional.

O secretario ou a secretaria e os/as vogais deberán ser membros dos corpos de profesorado de ensino secundario, de profesorado técnico de formación profesional ou de catedráticos/as de ensino secundario.

2. O tribunal avaliador desenvolverá as seguintes funcións:

a) Elaboración das probas e dos criterios de corrección.

b) Supervisión do proceso de corrección.

c) Publicación das listaxes provisionais e definitivas das persoas admitidas para a realización da proba.

d) Resolución provisional e definitiva das solicitudes de exención da proba.

e) Resolución provisional e definitiva de solicitudes de proba adaptada.

f) Resolución provisional e definitiva de cualificacións das probas.

3. Ao tribunal avaliador poderán incorporarse os asesores ou as asesoras que cumpra para resolver as posibles exencións da proba, así como as solicitudes de adaptación para a súa realización, en caso de persoas que acrediten discapacidades.

Artigo 4. Comisións de realización das probas de acceso en centros educativos

1. Do desenvolvemento das probas responsabilizarase, en cada centro proposto e para cada grao, unha comisión de realización de probas nomeada pola xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por proposta do servizo provincial de Inspección Educativa. Tamén nomeará, polo menos, un inspector ou unha inspectora responsable provincial das probas de acceso, que se encargará da coordinación e da supervisión das comisións de realización da súa provincia.

2. As comisións de realización de probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio estarán integradas por:

a) Un inspector ou unha inspectora de educación, ou a persoa responsable da dirección do centro educativo onde se realicen as probas, que exercerá a presidencia da comisión.

b) Un número suficiente de vogais, que actuarán como vixilantes o día da proba, segundo o número de persoas participantes inscritas e os espazos onde se desenvolvan as probas.

Artigo 5. Funcións das comisións de realización das probas de acceso

1. As funcións das comisións de realización das probas de acceso serán as seguintes:

a) Organizar a realización da proba de acceso no instituto de educación secundaria ou centro integrado de formación profesional que corresponda.

b) Atender e resolver as incidencias orixinadas durante a realización da proba.

c) Formalizar as actas de seguimento do proceso de realización das probas.

d) Emitir as certificacións derivadas do proceso de realización das probas.

e) Calquera outra que lle encomende a Administración educativa no ámbito das súas competencias.

2. A Inspección Educativa supervisará o desenvolvemento das actuacións que se leven a cabo nas comisións de probas de acceso, para garantir así a calidade e a fiabilidade do proceso.

3. As comisións de probas de acceso realizarán a xestión das funcións encomendadas por medio dunha aplicación informática facilitada para tal efecto pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 6. Publicacións de listaxes

Quen desexar información puntual no relativo ás publicacións en todo o proceso do desenvolvemento das probas de acceso poderá dirixirse ao centro onde realizase a súa inscrición, ao centro onde realice as probas ou ben á páxina web http://www.edu.xunta.es/fp, onde se publicarán as listaxes correspondentes. Estas listaxes terán efectos de comunicación ás persoas que presenten reclamación.

Artigo 7. Información e orientación sobre o proceso de realización das probas de acceso

Todos os institutos de educación secundaria que impartan ciclos formativos de formación profesional e centros integrados de formación profesional deberán ofrecer ás persoas interesadas información e orientación sobre estas ensinanzas, así como sobre o procedemento de inscrición e desenvolvemento das probas de acceso.

Artigo 8. Documentación do proceso

Os modelos coa información mínima que deben reflectir as actas de cualificación e as certificacións das probas de acceso son os establecidos nos anexos III, IV, V e VI.

Artigo 9. Probas de acceso adaptadas ás persoas que acrediten discapacidades

1. As persoas con necesidades específicas derivadas de alteracións físicas, psíquicas ou sensoriais cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán solicitar as medidas ou os recursos adicionais necesarios para desenvolver a proba de acceso.

Quen solicite proba adaptada deberao facer constar expresamente no momento da inscrición e, soamente no caso de non ter que ser emitido pola Xunta de Galicia ou non dar o consentimento para a súa consulta, presentar o certificado do grao de discapacidade emitido polo organismo competente, así como o seu ditame técnico facultativo.

2. A adaptación da proba que deban superar estas persoas deberá respectar o esencial dos referentes de avaliación establecidos para as probas de acceso aos ciclos formativos de graos medio ou superior.

3. Os centros comunicarán a resolución de adaptación da proba ás persoas que a solicitasen. As listaxes provisional e definitiva de proba adaptada poderán consultarlas na secretaría do centro onde se realizase a inscrición as persoas interesadas ou quen as represente; non serán publicadas na internet nin nos taboleiros de anuncios.

Artigo 10. Cualificación das probas de acceso a ciclos formativos

1. Segundo o disposto no artigo 40 do Decreto 114/2010, a cualificación de cada parte da proba será numérica, entre cero e dez puntos.

A nota final da proba calcularase sempre que se obteña polo menos unha puntuación de catro puntos en cada parte, e será a media aritmética destas, expresada con dous decimais. Será positiva a cualificación de cinco puntos ou superior. En caso contrario, a nota final cualificarase como «non apto/a».

2. Para os efectos de cálculo da nota final da proba de acceso non se terán en conta as partes da proba das cales a persoa participante fose declarada exenta. Así mesmo, no caso de exención de todas as partes da proba, a cualificación final expresarase como «exento/a».

3. Unha copia das actas de cualificacións definitivas, segundo o modelo correspondente dos anexos III ou V, será remitida aos servizos provinciais de Inspección Educativa, que procederán ao seu arquivamento. Así mesmo, a través da aplicación informática poderase obter unha copia delas en cada centro onde se realizase a proba, para o coñecemento das persoas interesadas, o seu arquivamento e a emisión das certificacións correspondentes.

Artigo 11. Validez das probas de acceso

De acordo co artigo 42 do Decreto 114/2010:

1. As probas de acceso a ciclos formativos de grao medio e de grao superior terán validez en todo o territorio do Estado. Nos ciclos formativos de grao superior, o acceso a cada un deles mediante proba quedará determinado de acordo coa parte específica desta.

2. Quen realice a proba na Comunidade Autónoma de Galicia e non a supere na súa totalidade poderá manter a cualificación obtida nas partes superadas cunha puntuación igual ou superior a cinco en futuras convocatorias de probas de acceso a ciclos formativos en Galicia, durante un máximo de dous anos.

Artigo 12. Recursos

Contra a listaxe definitiva de persoas admitidas, a resolución definitiva de exencións, a resolución definitiva de probas adaptadas e as cualificacións definitivas da proba de acceso poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da correspondente listaxe definitiva, ante o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

II. Probas de acceso a ciclos formativos de grao medio

Artigo 13. Requisitos das persoas participantes

Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio as persoas que non cumpran os requisitos académicos exixidos para acceder a eles e teñan dezasete anos ou os fagan no ano natural de celebración da proba.

Artigo 14. Datas e lugares de inscrición

A solicitude de inscrición, segundo o modelo do anexo I, para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio irá dirixida ao director ou á directora de calquera centro docente público da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2013/14. O prazo de presentación estará abranguido entre os días 31 de marzo e 11 de abril de 2014, ambos os dous incluídos.

Artigo 15. Presentación de solicitudes e inscrición

1. As solicitudes deberán presentarse en soporte papel, no centro de inscrición, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na cabeceira da primeira folla do documento que se quere enviar para garantir que a data de remisión é anterior á finalización do prazo de presentación.

2. As persoas interesadas tamén poderán cubrir a solicitude a través da aplicación dispoñible desde a páxina web http://www.edu.xunta.es/fp, que xerará a solicitude que a persoa interesada deberá imprimir e posteriormente presentar no centro de inscrición.

Artigo 16. Estrutura e organización da proba

A estrutura e a organización da proba están definidas no artigo 38.3 do Decreto 114/2010. Cada parte organizarase en probas de distintas materias, conforme o seguinte:

a) Parte sociolingüística:

– Lingua castelá.

– Lingua galega.

– Ciencias sociais.

b) Parte matemática:

– Matemáticas.

c) Parte científico-técnica:

– Ciencias da natureza.

– Tecnoloxía.

Artigo 17. Exencións

1. De acordo co artigo 38.4 do Decreto 114/2010, quen participe nas probas de acceso a ciclos formativos de grao medio poderá solicitar a exención total ou parcial da proba.

2. Poderán quedar exentas da totalidade da proba as persoas que acrediten unha das seguintes circunstancias:

– Ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

– Ter superada unha proba de acceso a ciclos formativos de grao superior de formación profesional inicial, de Ensinanzas Deportivas ou de Artes Plásticas e Deseño.

– Ter superada unha proba de acceso a ciclos formativos de grao medio de Ensinanzas Deportivas ou de Artes Plásticas e Deseño.

Estas persoas poderán participar no proceso de admisión a ciclos formativos de grao medio, presentando directamente o certificado acreditativo correspondente.

3. As persoas que soliciten a exención parcial da proba deberán formulalo no momento da inscrición. Non cumprirá que acheguen a documentación académica que tivese que ser expedida por centros de ensino público de Galicia, agás que lles sexa demandada; no resto dos casos, á solicitude deberáselle xuntar a documentación acreditativa correspondente, orixinal ou copia compulsada, de acordo co seguinte:

a) Exención da parte sociolingüística da proba:

– Certificación académica de ter superados os ámbitos social e de comunicación dun programa de cualificación profesional inicial ou do nivel II da educación secundaria para as persoas adultas.

b) Exención da parte matemática e da parte científico-técnica da proba:

– Certificación académica de ter superado o ámbito científico-tecnolóxico dun programa de cualificación profesional inicial ou do nivel II da educación secundaria para as persoas adultas.

c) Exención da parte científico-técnica da proba, acreditando unha das seguintes circunstancias:

– Certificación académica de ter superados os módulos profesionais (exceptuando o módulo de formación en centros de traballo) dun programa de cualificación profesional inicial.

– Certificado de profesionalidade de calquera nivel, consonte o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade.

– Acreditación como mínimo dun ano de experiencia laboral en xornada completa, con independencia do campo profesional en que se traballase. As persoas interesadas deberán cumprir este requisito con anterioridade ao remate do período de inscrición para as probas.

No caso de traballadores e traballadoras por conta allea, a documentación para presentar será:

– Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou da mutualidade laboral en que se estivese afiliado/a, onde conste a empresa e o período de contratación (vida laboral). No caso de persoal das Forzas Armadas, certificación de vida laboral expedida pola pagadoría do centro de destino actual, onde consten os empregos desempeñados por destino, coa especialidade militar e o período de exercicio.

No caso de traballadores e traballadoras por conta propia, a documentación que hai que presentar será:

– Certificación do período de cotización no réxime especial de traballadores autónomos.

4. A resolución sobre a exención parcial ou total da proba corresponderalle ao tribunal avaliador, conforme se indica no artigo 3 desta orde.

5. A acreditación positiva de exención dalgunha parte da proba de acceso a ciclos de grao medio, consonte o disposto nesta orde, manterá a súa validez en futuras convocatorias.

Artigo 18. Relacións provisorias e definitivas de persoas admitidas e excluídas para as probas

1. A relación provisoria de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba farase pública o día 28 de abril. Esta listaxe dará información sobre a solicitude e a documentación presentada. No caso das exclusións farase indicación expresa dos motivos que as ocasionen.

2. Poderanse presentar reclamacións contra a listaxe provisoria desde o día 29 de abril ata o día 5 de maio, ambos os dous incluídos, no mesmo centro onde se realizase a inscrición. Así mesmo, durante o período de reclamación poderase achegar a documentación pendente de entrega do solicitado na folla de inscrición.

3. A relación definitiva de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba farase pública o día 15 de maio.

Artigo 19. Resolución das solicitudes de exención e de proba adaptada

1. A resolución provisoria de exencións e de probas adaptadas farase pública o día 28 de abril. No caso de resolución denegatoria, figurará na listaxe a causa da denegación.

2. Contra estas resolucións provisorias as persoas interesadas poderán presentar reclamación desde o día 29 de abril ata o día 5 de maio, ambos os dous incluídos, ante o presidente ou a presidenta do tribunal avaliador das probas, no centro onde se realizase a inscrición. As secretarías dos centros tramitarán as reclamacións a través da aplicación informática.

3. A resolución definitiva de exencións e de probas adaptadas farase pública o día 15 de maio. No caso de resolución denegatoria, figurará na listaxe a causa da denegación.

Artigo 20. Comisións de realización das probas de acceso

De acordo co establecido no artigo 4, con anterioridade ao 9 de maio cada xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria comunicará por escrito á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa o seguinte:

– O nome do inspector ou a inspectora responsable provincial das probas de acceso.

– A relación de centros públicos onde se vaian constituír as comisións de realización das probas, así como os centros adscritos. O día 20 de maio farase pública esta listaxe en cada centro onde se realice a inscrición e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp.

– A relación das persoas integrantes das comisións de realización das probas, con detalle das funcións ou as tarefas que desempeñarán, en cada caso.

Artigo 21. Realización da proba

1. As probas de acceso aos ciclos de grao medio terán lugar o día 4 de xuño de 2014 no horario que se indica deseguido:

– Ás 9.00 horas: presentación.

– Das 10.00 ás 13.00 horas: parte matemática e parte sociolingüística.

– Das 16.00 ás 18.00 horas: parte científico-técnica.

2. As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla da solicitude de inscrición.

Artigo 22. Relacións provisorias e definitivas de cualificacións

1. A relación provisoria de cualificacións farase pública o día 13 de xuño.

2. Poderanse presentar reclamacións contra a listaxe provisoria desde o día 16 ata o día 18 de xuño, ambos os dous incluídos, no mesmo centro onde se realizase a inscrición.

3. A relación definitiva de cualificacións farase pública o día 27 de xuño.

Artigo 23. Emisión de certificacións

1. Todas as persoas participantes nas probas de acceso poderán solicitar as certificacións de realización da proba nos centros onde as realizasen, a partir do día seguinte ao da publicación das cualificacións definitivas.

2. No caso de superación total da proba, a certificación que o acredite dará acceso a calquera ciclo formativo de grao medio, nas condicións de admisión que se establezan.

3. Ás persoas que non superen a proba na súa totalidade, esta certificación halles permitir conservaren durante os dous anos seguintes as cualificacións obtidas nas partes superadas para as convocatorias de probas de acceso a ciclos formativos de grao medio da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. A certificación recollerá, pola súa vez, as posibles exencións outorgadas, que manterán a súa validez para futuras convocatorias, sempre que se manteñan as mesmas circunstancias.

III. Probas de acceso a ciclos formativos de grao superior

Artigo 24. Requisitos das persoas participantes

Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior as persoas que non cumpran os requisitos académicos exixidos para acceder a eles e estean nalgunha das seguintes situacións:

a) Ter dezanove anos ou facelos no ano natural de realización da proba.

b) Facer ou ter feitos os dezaoito anos no ano natural de realización da proba, e dispor dun título de técnico que pertenza a algunha familia profesional incluída na opción a que se opta, consonte o que se establece no anexo VII.

Artigo 25. Datas e lugares de inscrición

A solicitude de inscrición, segundo o modelo do anexo II, para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior irá dirixida ao director ou á directora de calquera centro docente público da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2013/14 (agás no CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro). O prazo de presentación estará abranguido entre os días 10 e 21 de marzo de 2014, ambos os dous incluídos.

Artigo 26. Presentación de solicitudes e inscrición

1. As solicitudes deberán presentarse en soporte papel, no centro de inscrición, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na cabeceira da primeira folla do documento que se quere enviar para garantir que a data de remisión é anterior á finalización do prazo de presentación.

2. As persoas interesadas tamén poderán cubrir a solicitude a través da aplicación dispoñible desde a páxina web http://www.edu.xunta.es/fp, que xerará a solicitude que a persoa interesada deberá imprimir e posteriormente presentar no centro de inscrición.

Artigo 27. Estrutura e organización da proba

A estrutura e a organización da proba están definidas no artigo 39.3 do Decreto 114/2010. Cada parte organizarase en probas de distintas materias conforme o seguinte:

a) Parte común:

– Lingua galega.

– Lingua castelá.

– Matemáticas.

b) Parte específica. Organizarase con base en tres opcións, A, B e C, en función das familias profesionais e as materias de referencia establecidas para cada unha delas, segundo se establece no anexo VII. A persoa aspirante deberá elixir unha das tres opcións no momento de formalizar a solicitude de inscrición para a proba, escollendo dúas das tres materias das que desexe que se lle examine:

– Opción A: Economía da Empresa, Lingua estranxeira (inglés ou francés), e Filosofía e Cidadanía.

– Opción B: Debuxo Técnico, Tecnoloxía Industrial, e Física.

– Opción C: Ciencias da Terra e Ambientais, Química, e Bioloxía.

Artigo 28. Exencións

1. De acordo co artigo 39.4 do Decreto 114/2010, quen participe nas probas de acceso a ciclos formativos de grao superior poderá solicitar a exención total ou parcial da proba.

2. Poderán quedar exentas da totalidade da proba as persoas que acrediten ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

Estas persoas han poder participar no proceso de admisión a ciclos formativos de grao superior, presentando directamente o certificado acreditativo correspondente.

3. As persoas que soliciten a exención parcial da proba deberán formulalo no momento da inscrición. Non será preciso que presenten a documentación académica que tivese que ser expedida por centros de ensino público de Galicia, agás que lles sexa demandada. No resto dos casos, á solicitude deberán achegarlle a documentación acreditativa correspondente, orixinal ou copia compulsada, de acordo co seguinte:

a) Exención da parte común da proba:

– Certificación de ter superada a proba de acceso a outros ciclos formativos de grao superior de réxime xeral non incluídos na opción pola que se presente, conforme o anexo VII desta orde.

– Certificación de ter superada unha proba de acceso a ciclos formativos de grao superior de Ensinanzas Deportivas ou de Artes Plásticas e Deseño.

b) Exención da parte específica da proba, acreditando unha das seguintes circunstancias:

– Certificación de superación dun ciclo formativo de grao medio que pertenza a algunha das familias profesionais incluídas na opción pola que se presente, consonte o anexo VII desta orde.

– Certificación de superación dun certificado de profesionalidade de nivel dous ou superior dalgunha das familias profesionais incluídas na opción pola que se presente, consonte o anexo VII desta orde.

– Acreditación como mínimo dun ano de experiencia laboral en xornada completa en campos profesionais que se correspondan con algunha das familias profesionais incluídas na opción pola que se presente, consonte o anexo VII desta orde. As persoas interesadas deberán cumprir este requisito con anterioridade ao remate do período de inscrición para as probas.

No caso de traballadores e traballadoras por conta allea, a documentación que hai que presentar será a seguinte:

– Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou da mutualidade laboral en que se estea afiliado/a, onde conste a empresa e o período de contratación (vida laboral). No caso de persoal das Forzas Armadas, certificación de vida laboral expedida pola pagadoría do centro de destino actual, onde consten os empregos desempeñados por destino, coa especialidade militar e o período de exercicio.

– Certificación da empresa en que se adquirise a experiencia laboral, segundo o modelo do anexo VIII desta orde, onde se fagan constar especificamente as actividades laborais desenvolvidas pola persoa interesada relacionadas co campo profesional que corresponda cos estudos que pretenda cursar, e número de horas dedicadas a elas.

No caso de traballadores e traballadoras por conta propia, a documentación que hai que presentar será a seguinte:

– Certificación do período de cotización no réxime especial de traballadores autónomos.

– Memoria descritiva segundo o modelo do anexo VIII, realizada pola persoa interesada, das actividades desenvolvidas durante o exercicio profesional.

As persoas que teñan a condición de deportistas de alto nivel ou de alto rendemento poderán solicitar a exención da parte específica da proba no caso de escoller a opción C, consonte o establecido no artigo 9.3.a do Real decreto 971/2007, do 13 de xullo, sobre deportistas de alto nivel e alto rendemento, e no artigo 36.1.f) da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia. De non autorizar a consulta da súa situación cumprirá que xunten á solicitude unha certificación da resolución de deportista de alto nivel ou de alto rendemento do organismo correspondente.

4. A resolución sobre a exención parcial ou total da proba corresponderalle ao tribunal avaliador, conforme se indica no artigo 3 desta orde.

5. A acreditación positiva de exención dalgunha das partes da proba de acceso a ciclos de grao superior, de acordo co disposto nesta orde, manterá a súa validez en futuras convocatorias.

Artigo 29. Relacións provisorias e definitivas de persoas admitidas e excluídas para as probas

1. A relación provisoria de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba farase pública o día 4 de abril. Esta listaxe dará información sobre a solicitude e a documentación presentada. No caso das exclusións farase indicación expresa dos motivos que as ocasionen.

2. Poderanse presentar reclamacións contra a listaxe provisoria desde o día 7 ata o día 10 de abril, ambos os dous incluídos, no mesmo centro onde se realizase a inscrición. Así mesmo, durante o período de reclamación poderase achegar a documentación pendente de entrega do solicitado na folla de inscrición.

3. A relación definitiva de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba farase pública o día 24 de abril.

Artigo 30. Resolución das solicitudes de exención e de proba adaptada

1. A resolución provisoria de exencións e de probas adaptadas farase pública o día 4 de abril. No caso de resolución denegatoria, figurará na listaxe a causa da denegación.

2. Contra estas resolucións provisorias as persoas interesadas poderán presentar reclamación desde o día 7 ao 10 de abril, ambos os dous incluídos, ante o presidente ou a presidenta do tribunal avaliador das probas, no centro onde se realizase a inscrición. As secretarías dos centros tramitarán as reclamacións a través da aplicación informática.

3. A resolución definitiva de exencións e de probas adaptadas farase pública o día 24 de abril. No caso de resolución denegatoria, figurará na listaxe a causa da denegación.

Artigo 31. Comisións de realización das probas de acceso

De acordo co establecido no artigo 4, con anterioridade ao 11 de abril cada xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria comunicará por escrito á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa o seguinte:

– O nome do inspector ou a inspectora responsable provincial das probas de acceso.

– A relación de centros públicos onde se vaian constituír as comisións de realización das probas, así como os centros adscritos. O día 24 de abril farase pública esta listaxe en cada centro onde se realice a inscrición e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp.

– A relación das persoas integrantes das comisións de realización das probas, con detalle das funcións ou as tarefas que desempeñarán, en cada caso.

Artigo 32. Realización da proba

A estrutura e a organización da proba están definidas no artigo 39.3 do Decreto 114/2010.

1. As probas de acceso aos ciclos de grao superior terán lugar o día 7 de maio de 2014 no horario que se indica deseguido:

– Ás 9.00 horas: presentación.

– Das 10.15 ás 13.30 horas: parte común da proba (Matemáticas, Lingua Galega e Lingua Castelá).

– Das 16.00 ás 18.30 horas: parte específica da proba (materias específicas da opción vinculada ao ciclo formativo ao que se desexe acceder, segundo o anexo VII desta resolución).

2. As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla da solicitude de inscrición.

Artigo 33. Relacións provisorias e definitivas de cualificacións

1. A relación provisoria de cualificacións farase pública o día 19 de maio.

2. Poderanse presentar reclamacións contra a listaxe provisoria desde o día 20 ata o día 22 de maio, ambos os dous incluídos, no mesmo centro onde se realizase a inscrición.

3. A relación definitiva de cualificacións farase pública o día 2 de xuño.

Artigo 34. Emisión de certificacións

1. Todas as persoas participantes nas probas de acceso poderán solicitar as certificacións de realización da proba nos centros onde a realizasen, a partir do día seguinte ao da publicación das cualificacións definitivas.

2. No caso de superación da totalidade da proba e en función da opción elixida, de acordo co anexo VII desta orde, a devandita certificación incluirá a relación de familias profesionais nas cales se posibilitará o acceso a ciclos formativos de grao superior, nas condicións de admisión que se establezan.

3. Ás persoas que non superen a proba na súa totalidade, esta certificación permitiralles conservar durante os dous anos seguintes as cualificacións obtidas nas partes superadas para as convocatorias de probas de acceso a ciclos formativos de grao superior da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. A certificación deberá recoller, pola súa vez, as posibles exencións outorgadas, que manterán a súa validez para futuras convocatorias, sempre que se manteñan as mesmas circunstancias.

IV. Disposicións

Disposición transitoria única

1. Para as persoas que superasen un programa de cualificación profesional inicial e realizasen o curso de preparación da proba de acceso a que fai referencia o artigo 41.5 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no cálculo final da nota da proba de acceso a ciclos formativos de grao medio engadiráselle á media aritmética a puntuación resultante de multiplicar polo coeficiente 0,15 a cualificación obtida no devandito curso.

2. Para as persoas que dispoñan dun título de técnico e realizasen o curso de preparación da proba de acceso a que fai referencia o artigo 41.5 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no cálculo final da nota da proba de acceso a ciclos formativos de grao superior engadiráselle á media aritmética a puntuación resultante de multiplicar polo coeficiente 0,15 a cualificación obtida no devandito curso.

3. No caso de estar nalgunha das circunstancias citadas deberase solicitar e xuntar a acreditación do curso de preparación á solicitude de inscrición nas probas de acceso.

Disposición adicional primeira. Certificados de superación das probas por resolución administrativa

As persoas que nas convocatorias de 2012, 2013 e 2014 superasen algunha das partes da proba de acceso de grao medio ou grao superior na Comunidade Autónoma de Galicia e estean en condicións, logo de rematado o proceso, de acreditar nas partes non superadas algunha das causas de exención previstas nesta orde, poderán solicitar certificación de superación da proba en calquera instituto de educación secundaria onde se impartan ciclos formativos de formación profesional ou nos centros integrados de formación profesional.

Tamén o poderán solicitar aquelas persoas que aínda que non teñan partes superadas estean en condicións de ter a exención de todas as partes da proba de acceso de grao medio ou grao superior.

A emisión destes certificados realizarase nos centros designados como lugares de realización das probas ou nos centros designados para emitir certificados.

A solicitude realizarase nos modelos do anexo I ou II, segundo corresponda, dirixida ao director ou á directora do centro, a partir da data en que se emitan os certificados da correspondente convocatoria ordinaria e ata o 30 de setembro de 2014.

Disposición adicional segunda. Vixencia das certificacións de superación das probas de acceso

1. A certificación de ter superada a proba de acceso a ciclos formativos de grao medio, consonte o establecido na Orde do 1 de abril de 2002 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de formación profesional específica, ha ter os mesmos efectos que a certificación da superación da proba de acceso a que se fai referencia no artigo 23 desta orde.

2. A certificación de ter superada a proba de acceso a un determinado ciclo formativo de grao superior, consonte a citada Orde do 1 de abril de 2002, manterá a súa vixencia ata a extinción do título correspondente establecido pola Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo.

Logo de extinguido o título establecido pola Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, a devandita certificación permitirá o acceso aos ciclos formativos declarados equivalentes para os efectos académicos, ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, segundo se estableza nos reais decretos dos títulos correspondentes.

3. As certificacións de realización de probas de acceso emitidas ao abeiro da Orde do 2 de decembro de 2008 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de formación profesional do sistema educativo continuarán vixentes nos termos en que foron emitidas.

Disposición adicional terceira. Vixencia das resolucións de exencións da parte específica da proba de grao superior

Quen dispoña de resolución positiva de exención da parte específica da proba de grao superior, ao abeiro da Orde do 1 de abril de 2002 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de formación profesional específica, modificada pola Orde do 30 de xaneiro de 2007, poderaa presentar en futuras convocatorias mantendo a súa validez sempre que a opción elixida A, B ou C inclúa o ciclo para o que se concedese a devandita exención.

Disposición adicional cuarta. Presentación e/ou corrección do documento oficial de identidade

As solicitudes irán acompañadas de copia do DNI ou do NIE (só no caso de non autorizar a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade). No caso de non dispoñer de DNI ou do NIE será preciso achegar o pasaporte ou un documento de identificación da Unión Europea.

De se detectaren erros no número do documento de identificación (DNI, NIE, pasaporte ou documento de identidade dun Estado da Unión Europea), poderase solicitar a súa corrección en calquera momento a través dunha reclamación presentada na secretaría do centro de inscrición. A esta solicitude deberáselle xuntar unha fotocopia do documento de identificación, e deberá estar asinada polo director ou a directora do centro, que o comunicarán por vía de urxencia á Subdirección Xeral de Formación Profesional.

Disposición adicional quinta. Arquivamento e destrución das probas

A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais será a encargada do arquivamento dos exames durante un mínimo de tres meses tras a súa finalización. Transcorrido este período poderá procederse á destrución das probas das que non se formule reclamación. No caso dos exames reclamados e dos impugnados, a documentación conservarase durante un período de cinco anos.

Disposición adicional sexta. Efectos económicos do tribunal e das comisións de realización de probas

Para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, o tribunal e as comisións de realización de probas consideraranse incluídos na categoría terceira.

Disposición adicional sétima. Tramitación de información

Os centros de inscrición e os de realización das probas tramitarán a información e a documentación referente ao alumnado participante a través da aplicación informática facilitada pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou por calquera outro medio que esta determine.

Disposición adicional oitava. Protección de datos

Na xestión dos procesos a que se refire esta orde respectarase a normativa sobre protección de datos, consonte a lexislación vixente.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogada a Orde do 2 de decembro de 2008 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de formación profesional do sistema educativo, e todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación do previsto nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VII
Organización en opcións da parte específica da proba de acceso a ciclos formativos de grao superior en función da familia profesional a que se desexe acceder

Opcións segundo familias profesionais derivadas da LOXSE

Opcións segundo familias profesionais derivadas da LOE

Materias de referencia do bacharelato

Opción A

Administración.

Comercio e Márketing.

Hostalaría e Turismo.

Servizos Socioculturais e á Comunidade.

Comunicación, imaxe e Son (só o ciclo de «Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos»).

Administración e Xestión.

Comercio e Márketing.

Hostalaría e Turismo.

Servizos Socioculturais e á Comunidade.

Imaxe e Son (só o ciclo de «Produción de Audiovisuais e Espectáculos»).

Materias da opción A:

Economía da Empresa.

Lingua estranxeira (francés ou inglés).

Filosofía e Cidadanía.

Opción B

Actividades Marítimo-Pesqueiras (agás o ciclo de «Produción Acuícola»).

Artes Gráficas.

Edificación e Obra Civil.

Electricidade e Electrónica.

Comunicación, Imaxe e Son (agás o ciclo de «Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos»).

Fabricación Mecánica.

Madeira e Moble.

Informática.

Mantemento e Servizos á Produción. Mantemento de Vehículos Autopropulsados.

Téxtil, Confección e Pel (agás os ciclos de «Curtidos» e de «Procesos de Ennobrecemento Téxtil»).

Vidro e Cerámica.

Artes Gráficas.

Edificación e Obra Civil.

Electricidade e Electrónica.

Imaxe e son (agás o ciclo de «Produción de Audiovisuais e Espectáculos»).

Enerxía e Auga.

Fabricación Mecánica.

Informática e Comunicacións.

Instalación e Mantemento.

Madeira, Moble e Cortiza.

Marítimo-Pesqueira (agás o ciclo de «Produción Acuícola»).

Transporte e Mantemento de Vehículos.

Téxtil, Confección e Pel (agás os ciclos de «Curtidos» e «Procesos de Ennobrecemento Téxtil»).

Industrias Extractivas.

Vidro e Cerámica.

Materias da opción B:

Debuxo Técnico.

Tecnoloxía Industrial.

Física.

Opción C

Actividades Agrarias.

Actividades Físicas e Deportivas.

Imaxe Persoal.

Industrias Alimentarias.

Actividades Marítimo-Pesqueiras (só o ciclo de «Produción Acuícola»).

Química.

Téxtil, Confección e Pel (só os ciclos de «Curtidos» e «Procesos de Ennobrecemento Téxtil»).

Sanidade.

Agraria.

Actividades Físicas e Deportivas.

Imaxe Persoal.

Industrias Alimentarias.

Marítimo-Pesqueira (só o ciclo de «Produción Acuícola»).

Química.

Seguridade e Ambiente.

Téxtil, Confección e Pel (só os ciclos de «Curtidos» e de «Procesos de Ennobrecemento Téxtil»).

Sanidade.

Materias da opción C:

Ciencias da Terra e Ambientais.

Química.

Bioloxía.

missing image file